Instituto Español de Oceanografía

O Instituto Español de Oceanografía (IEO) é un organismo autónomo dependente do Ministerio de Educación de España dedicado á investigación científica oceanográfica e ó asesoramento do goberno nas materias da súa competencia, como a xestión racional e a protección do medio mariño.

A súa publicación principal é o Boletín. Instituto Español de Oceanografía, unha revista científica de resultados que se publica, aínda que con distintas cabeceiras, desde 1916.

Instituto Espanol de Oceanografia - Santander
Centro do IEO de Santander.

Funcións

Funcionalmente divídese en tres áreas, dedicadas ós recursos pesqueiros, a acuicultura e a conservación do medio mariño.

O Instituto orienta as súas investigacións preferentemente ós problemas relativos á explotación dos recursos pesqueiros e á contaminación. Como organismo gobernamental, representa a España nas negociacións internacionais, incluídas as bilaterais con países como Mauritania, Marrocos ou Canadá, países con caladoiros nos que faenan barcos españois. Tamén representa ó estado nas negociacións multilaterais, no seno das diversas comisións internacionais.

Medios

Como organismo estatal conta cunha rede de centros distribuída. A sede central encóntrase en Madrid. Outras delegacións son:

  • Centro Oceanográfico de Santander: ten unha planta experimental de cultivos de peixes e algas.
  • Centro Oceanográfico de Baleares (Palma).
  • Centro Oceanográfico de Málaga (Fuengirola).
  • Centro Oceanográfico de Cádiz.
  • Centro Oceanográfico de Vigo. Fundado en 1917. A finais do século pasado desprazouse ó cabo Estai, en Oia, dentro do mesmo concello. Consta de dous edificios: un no que se fai investigación pesqueira, da contaminación e do medio mariño, e un módulo de experiencias biolóxicas, dedicado á investigación do cultivo de peixes.
  • Centro Oceanográfico da Coruña.
  • Centro Oceanográfico de Canarias (Santa Cruz de Tenerife)
  • Centro Oceanográfico de Xixón
  • Centro Oceanográfico de Murcia (San Pedro del Pinatar)

Historia

O IEO foi fundado en 1914 por Odón de Buen, partindo da integración da Estación de Bioloxía Mariña de Santander, fundada en 1886 e dependente da Universidade de Valladolid, o laboratorio de Porto Pi (Mallorca), que el mesmo creara en 1906 desde o seu posto de catedrático da Universidade de Barcelona, e a estación de Málaga. No momento da creación do Instituto sumáronse dous novos laboratorios, o de Vigo o de Tenerife.

O Instituto pasou por tempos difíciles durante a guerra civil e nas décadas seguintes, operando con recursos mínimos pero mantendo a presenza de España nos organismos internacionais. A partir dos últimos anos da década dos 70, os recursos e as atribucións aumentaron, ampliándose o número de traballadores en 1986. Ó longo da súa historia o IEO dependeu de moi diversos ministerios, estando actualmente adscrito á Secretaría de Estado de Universidades e Investigación do Ministerio de Educación, Política Social e Deporte.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Aphanopus carbo

Aphanopus carbo é un peixe teleósteo da orde dos perciformes, suborde dos escombroideos, familia dos triquiúridos, subfamilia dos afanopodinos, unha das sete que integran o xénero Aphanopus,Coñécese vulgarmente en galego como sabre negro.

Astilleros Armón Vigo

Astilleros Armón Vigo é un estaleiro galego situado no barrio de Coia, na cidade de Vigo. A súa actividade é o deseño, construción, transformación e reparación de buques de casco de aceiro de até 120 m de eslora e 18 m de manga.

Cabo Estai, Oia, Vigo

Cabo Estai é un lugar situado na parroquia viguesa de Oia. O lugar forma un cabo na Ría de Vigo cara as Illas Cíes. No bico ten un faro. É unha das zonas residenciais de Vigo.

Neste lugar atópase o Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía.

Centola

A centola, (Maja squinado, ás veces grafado Maia squinado), é unha especie de crustáceo decápodo da infraorde dos braquiúros e familia dos máxidos.É un cangrexo migratorio de gran tamaño que habita nas costas do Atlántico oriental e no mar Mediterráneo.

O seu cacho está cuberto de espiñas e protuberancias e pode chegar a medir até 20 cm de diámetro.

Trátase dun dos mariscos máis apreciados gastronomicamente. A dicir de Cunqueiro, a centola é o máis exquisito dos froitos do mar, e dá varios sabores diferentes.

Combustíbel de algas

O combustíbel algal, tamén denominado combustíbel de algas, oleoalgal, oilgae, algaeoleum ou biocombustíbel de terceira xeración, é un biocombustíbel fabricado a partir dos produtos das algas.

Un equipo de expertos da Universidade de Xaén, encabezado por Sebastián Sánchez Villasclaras, iniciou un estudo de investigación dirixido á limpeza de augas residuais terciarias a través da microalga Botryococcus braunii, que produce grandes cantidades de hidrocarburos líquidos. As empresas de capital risco dos Estados Unidos decidiron deixar de apoiar o etanol procedente do cultivo de millo e investir en produtores que utilicen algas.O reto da produción a grande escala de microalgas con fins enerxéticos foi asumido a escala global por un gran número de empresas, e os avances neste campo prodúcense con rapidez. Algúns exemplos son o anuncio, realizado pola empresa Solazyme, de produción do primeiro queroseno de aviación producido a partir de biomasa de algas; a iniciativa do Carbon Trust británico destinando 26 millóns de libras ao desenvolvemento destas tecnoloxías ou tamén o interese do DARPA norteamericano nas aplicacións no ámbito militar.Actualmente, o desenvolvemento en España de tecnoloxías de produción de algas para o seu uso enerxético comeza a saír do ámbito da investigación pura co anuncio da posta en marcha das primeiras plantas comerciais. Estas son as de Mutxamel, que promove a empresa alicantina BFS co obxectivo de producir enerxía eléctrica nunha instalación de 30 MW de potencia, e a de Xerez da Fronteira, onde Aurantia, a través da sociedade Celulosa Investment, pretende producir biocarburantes e outros produtos nunha instalación que serviría á vez como sumidoiro de parte do CO2 emitido pola fábrica de cemento que Holcim ten nesa localidade andaluza.

Congro arxentino

O congro arxentino, Conger orbignianus Valenciennes, 1847, é unha especie de peixe angüiliforme da familia dos cóngridos, subfamilia dos congrinos.

Fernando de Buen y Lozano

Fernando de Buen y Lozano, nado en Barcelona o 10 de outubro de 1895 e finado o 6 de maio de 1962, foi un ictiólogo e oceanógrafo español.

Freire Shipyard

Construcións Navais Paulino Freire (Freire Shipyard) é un estaleiro galego situado na parroquia de Bouzas (Vigo); a súa actividade é a construción, transformación e reparación de todo tipo de buques de casco de aceiro de até 155 metros de eslora.

Lista de crustáceos de Galicia

A seguinte é unha lista alfabética dos crustáceos atopados en Galicia. Esta baseada, entre outros, na información recollida dos traballos feitos polos expertos en carcinoloxía Eduardo González Gurriarán e Matilde Méndez Guerrero para os crustáceos decápodos, Juan María Junoy Pintos e Josep Castelló-Escandell para os crustáceos isópodos .Este grupo contén arredor de 67.000 especies vivas algunhas das cales foron atopadas con maior ou menor abundancia nas costas galegas.

Á taxonomía da fauna carcinolóxica está sometida a bastantes cambios debido ás novas achegas de información científica polo que precisa de revisións periódicas para poder engadir os novos datos obtidos.

Unha das intencións da presente lista é a de engadir, cando existan, os correspondentes nomes comúns das especies da nosa fauna de crustáceos, procurando sempre citar a referencia oportuna e tamén engadir as novas especies que vaian aparecendo e eliminar as que non deberían estar debido á nova información dispoñible.

Lista de siglas e acrónimos

Esta é unha lista de siglas e acrónimos.

Pesca

A pesca é a extracción de organismos acuáticos do medio onde se desenvolveron para diversos fins, tales como a alimentación, a recreación (pesca recreativa ou pesca deportiva), a ornamentación (captura de especies ornamentais) ou a industria, incluíndo a fabricación de comida para o alimento de animais en crianza e a produción de substancias con interese para a saúde -como o "famoso" aceite de fígado de bacallau.

Ramón Margalef

Ramon Margalef i López, nado en Barcelona no 1919 e finado no 2004, foi un biólogo catalán, profesor emérito da Universidade de Barcelona, que destaca polos seus traballos nos campos da limnoloxía, a oceanografía e a ecoloxía. Margalef foi un dos científicos españois máis destacados en toda a historia. Traballou no Instituto de Bioloxía Aplicada (1946–1951) e no Instituto de Investigacións Pesqueiras, que dirixiu dende o ano 1966 ata o 1967. En 1967 converteuse no primeiro profesor de ecoloxía de todo o estado, na Universidade de Barcelona, e creou o primeiro departamento desta liña científica. Ata o ano 1992 foi profesor emérito desta universidade, cando se retirou. Mais Margalef seguiu producindo obra científica ata a súa morte.

O seus máis importantes traballos foron a aplicación da teoría da información na ecoloxía e a creación de modelos matemáticos para o estudo de poboacións. Entre as súas obras bibliográficas destacan: «Comunidades naturais» (1962), «Perspectivas na teoría ecolóxica», «Ecoloxía» (1974), «A biosfera» (1980), «Limnoloxía» (1983) e «A teoría dos sistemas ecolóxicos» (1991). A súa obra «Sobre dalgúns principios da teoría ecolóxica» (1963) é considerada unha das dez principais publicacións da bioloxía do século XX.

Chegou a ser membro de numerosas sociedades e recibiu multitude de premios científicos, como foron a primeira edición dos Premios A.G Huntsman para a Excelencia nas Ciencias Mariñas, a Medalla de Naumann-Thienemann outorgada pola Sociedade Limnolóxica Internacional, os Premios Ramón y Cajal do estado español e da medalla de ouro pola Generalitat de Cataluña. Formou parte da Secció de Ciéncies Biològiques do Instituto de Ciencias da Educación, da Reial Acadèmia de Ciències i Arts de Barcelona, da Real Academia Galega de Ciencias, da Real Academia Sevillana de Ciencias e da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Madrid. Así mesmo, outorgóuselle o rango de doutor honoris causa nas Universidade Laval (Canadá) , Universidade de Aix-Marsella (Francia), Universidade de Luján (Arxentina) e a Universidade de Alacant .

Ricardo Montequi

Ricardo Montequi Díaz de Plaza, nado en El Barco de Ávila o 9 de outubro de 1893 e finado en Santiago de Compostela o 29 de outubro de 1979, foi un farmacéutico e químico español.

Ángeles Alvariño

María de los Ángeles Alvariño González, nada en Serantes (Ferrol) o 3 de outubro de 1916 e finada en La Jolla (San Diego) o 29 de maio de 2005 e coñecida como Ángeles Alvariño, foi unha zoóloga, oceanógrafa e mestra galega que liderou o comezo a investigación oceanográfica global. Destacou por describir 22 novas especies de zooplancto mariño, o seu coñecemento dos quetognatos e por crear novos indicadores das condicións mariñas. Comezou a súa carreira de investigación no Instituto Español de Oceanografía en Madrid e Vigo. A súa seguinte estadía foi a Laboratorio Mariño de Plymouth. Alí converteuse na primeira muller que participou como científica nunha expedición oceanográfica mundial, pois en 1953-1954 participou como investigadora na expedición do buque británico Sarsia. Desde 1956 ata o remate da súa carreira continuou a súa investigación nos Estados Unidos no Instituto Oceanográfico Scripps e no centro de investigación en pesca da NOAA.Ángeles Alvariño recibiu a Medalla de Prata de Galicia en 1993 e foi a figura que escolleu a Real Academia Galega de Ciencias para conmemorar o día 1 de xuño, o Día da Ciencia en Galicia, do 2015. O Instituto Español de Oceanografía botou un buque en 2012 que leva o seu nome.

Ángeles Alvariño (2012)

O Ángeles Alvariño é un buque oceanográfico construído nos Estaleiros Armón Vigo e operado polo Instituto Español de Oceanografía, que foi botado en Vigo o 21 de febreiro de 2011, e que entrou en servizo en setembro de 2012.

É o segundo dos dous buques da súa clase; o seu xemelgo, o Ramón Margalef, entrou en servizo en xullo de 2012.

Conta con tecnoloxía avanzada para realizar campañas de investigación de xeoloxía mariña, oceanografía física e química, bioloxía mariña, pescarías e control medioambiental, e é es case idéntico ao Ramón Margalef, tamén do IEO. Ambos os buques son idóneos para navegaren no ámbito nacional e mares adxacentes.Recibe o seu nome en honor da oceanógrafa galega María de los Ángeles Alvariño.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.