Independencia

A independencia, termos políticos, é a situación dun país que detenta e goza, ademais do dereito de autodeterminación, o de soberanía.

Concepto

Como concepto político apareceu coa Declaración de Independencia dos Estados Unidos en 1776[1] como resposta ó colonialismo europeo e estendeuse coas declaracións de independencia dos países latinoamericanos dependentes do Imperio español na Guerra de Independencia Hispanoamericana (1809-1824).

Outros conceptos

Distínguese de

  • autonomía, por ter esta segunda un atadallo subordinativo de carácter institucional a outro territorio ou goberno soberano, sen menosprezo de que o territorio autónomo poida desenvolver con liberdade as competencias que lle fosen asignadas.
  • neocolonialismo: Situación que se dá cando non existe plena independencia dun país, senón que o mesmo está sometido aos ditados culturais, lingüísticos e especialmente, económicos, doutro. O neocolonialismo -situación en que se achan algúns dos estados do terceiro mundo- oponse ó antigo colonialismo en que xa non acontece a ocupación directa do territorio mediante o emprego da forza militar.

Galería de imaxes

Acceso á independencia lg

Acceso á independencia dos distintos estados do mundo

25julho05

Notas

  1. Arciniegas, Germán (1980). «El invento de la independencia», en América en Europa, Bogotá, Planeta, pp. 123-144

Véxase tamén

Outros artigos

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre política é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
11 de novembro

O 11 de novembro é o tricentésimo décimo quinto (315º) día do ano do calendario gregoriano e número 316 nos anos bisestos. Quedan 50 días para rematar o ano.

1920

1920 foi Ano Santo Xacobeo.

Alxeria

Alxeria (en árabe: الجزائر, al-Jazā’ir, en tamazight: ⴷⵥⴰⵢⴻⵔ, Dzayer), oficialmente República Democrática e Popular de Alxeria (en árabe: الجمهورية الجزائرية الديمقراطية الشعبية en Tamazight: ⵜⴰⴳⴷⵓⴷⴰ ⵜⴰⴷⵣⴰⵢⵔⵉⵜ ⵜⴰⵎⴰⴳⴷⴰⵢⵜ ⵜⴰⵖⴻⵔⴼⴰⵏⵜ ), é un estado situado na África do Norte, formando parte do Magreb. A súa capital, Alxer, está ao norte, á beira da costa mediterránea. Cunha superficie de 2 381 741 km² é o país máis grande da cunca mediterránea, de África e do mundo árabe. Fai fronteira terrestre con Tunisia ao nordés, Libia ao leste, Níxer e Mali ao sur, Mauritania e o territorio en disputa do Sahara Occidental ao suroeste e Marrocos ao oeste.

Despois de 132 anos de colonización francesa, Alxeria obtivo a súa independencia o 5 de xullo de 1962. Alxeria fíxose membro da Organización das Nacións Unidas (ONU), da Unión Africana (UA) e da Liga de Estados Árabes dende practicamente da súa independencia, en 1962. Tamén é integrante da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) dende 1969. En febreiro de 1989 Alxeria participou xunto a outros estados da África magrebí na creación da Unión do Magreb Árabe (UMA), sendo tamén o país membro da Unión para o Mediterráneo dende 2008. A constitución alxeriana define "o islam, o arabismo e o berberismo" como "compoñentes fundamentais" da identidade do pobo alxeriano e ao país como "terra do Islam, parte integrante do Gran Magreb, mediterráneo e africano".

O 2 de abril de 2019, o presidente Abdelaziz Bouteflika abandonou o cargo por mor da presión do exército do país, logo de protestas masivas contra un quinto mandato de Abdelaziz Bouteflika.

Arxentina

A República Arxentina (en castelán: Argentina) é un país situado no extremo sur de América organizado como unha república representativa e federal. Pola súa extensión, é o segundo estado de América do Sur, cuarto no continente americano e o oitavo no mundo con 2 780 400 km². Con todo a Arxentina reclama as Malvinas, as illas Illas Xeorxia do Sur e Sandwich do Sur e a Illa Aurora baixo soberanía británica e unha área antártica ao sur do paralelo 60° S, denominada pola Arxentina Antártida Arxentina.

O seu territorio continental americano, que abrangue grande parte do Cono Sur, limita ao norte con Bolivia e Paraguai, ao nordés con Brasil, ao oeste e sur con Chile e ao este con Uruguai e o océano Atlántico.

Está dividido en 23 provincias e unha cidade autónoma, Buenos Aires, capital da nación e sede do goberno federal. Os seus 40 millóns de habitantes teñen uns índices de desenvolvemento humano, renda per cápita, nivel de crecemento económico e calidade de vida, que se encontran entre os máis altos de América Latina. Segundo o Banco Mundial, o seu PBI nominal é o 30º máis importante do mundo, aínda que se se considera o poder adquisitivo o seu PBI total converte ao país na 23º economía máis importante do mundo. Actualmente a Arxentina está clasificada como un país de ingresos medianos altos ou como un mercado emerxente, tamén segundo o Banco Mundial.O 25 de maio de 1810 tivo lugar a Revolución de Maio, na que foi deposto o último vicerrei español que gobernou dende Buenos Aires, e organizouse a Primeira Xunta de goberno. O 9 de xullo de 1816 foi proclamada formalmente en Tucumán a súa independencia como país libre e soberano.

Canadá

O Canadá (en inglés e francés: Canada) é un país que ocupa a metade norte da América do Norte. Limita cos Estados Unidos de América, localizado ao sur do país (Estados Unidos continentais) e ao noroeste (estado norteamericano de Alasca). Ao norte localízase o océano Ártico, ao oeste, o océano Pacífico, e ao leste, o océano Atlántico.

O Canadá é o segundo maior país do mundo, por extensión territorial.

O Canadá é unha federación, unha democracia parlamentaria, constituída por 10 provincias e 3 territorios. O país forma parte da Commonwealth de Nacións e a xefa de estado do país é a raíña Isabel II de Inglaterra, que está representada no Canadá por un gobernador xeral. O xefe do goberno é o primeiro ministro, posto ocupado actualmente por Justin Trudeau. A capital do país é Otava.

O país obtivo súa independencia en 1 de xullo de 1867, do Reino Unido. Esta, porén, continuou a ter o control do Ministerio do Exterior do Canadá. O Canadá obtivo independencia total en 1931, segundo os termos do Estatuto de Westminster.

O Canadá é un dos países máis multiculturais do mundo. Tendo sido colonizada por franceses e ingleses, cerca dun terzo da poboación do Canadá posúe ascendencia inglesa, escocesa ou irlandesa; e un cuarto da poboación do país posúe algún grao de ascendencia francesa. Os tres maiores grupos minoritarios do país son italianos, alemáns e chineses.

Os Estados Unidos son o maior parceiro económico do Canadá. Por causa da súa grande poboación e do seu maior poder económico e influencia cultural, os Estados Unidos dominan gran parte da economía e da cultura do Canadá - aínda que moitos canadenses loitan para que eles sexan os principais responsables do control da economía do seu país, e para manter a cultura canadense viva e en pé, que desde o comezo do século XX viuse asociada á cultura norteamericana.

Estados Unidos de América

Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) son un estado federal composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico. O país tamén posúe cinco territorios poboados e nove non poboados no Pacífico e no Caribe. Con 9,85 millóns de km2 e 318 millóns de persoas, os Estados Unidos son o terceiro ou cuarto meirande país por área total e o terceiro país por poboación. É un dos países máis multiculturais e diversos etnicamente do mundo, debido á inmigración de moitos países. A xeografía e o clima son moi diversos, e o país é tamén o fogar dunha variada vida salvaxe.

Os paleoindios migraron dende Eurasia ata os actuais Estados Unidos hai 15 000 anos, e a colonización europea comezou no século XVI. Os Estados Unidos xurdiron das Trece Colonias Británicas localizadas na Costa Atlántica. As disputas entre o Reino de Gran Bretaña e as colonias levaron á Revolución Americana. O 4 de xullo de 1776, mentres as colonias estaban a loitar contra Gran Bretaña na guerra de independencia, os delegados das 13 colonias asinaron a Declaración de Independencia. A guerra rematou en 1783 co recoñecemento da independencia dos Estados Unidos dende o Reino de Gran Bretaña, e foi a primeira guerra de independencia exitosa contra un imperio colonial europeo. A actual Constitución foi adoptada o 17 de setembro de 1787. As primeiras dez emendas, chamadas colectivamente Declaración de Dereitos, foron ratificadas en 1791 e deseñadas para garantir os dereitos e liberdades civís fundamentais.

De acordo coa doutrina do destino manifesto, os Estados Unidos embarcáronse nunha grande expansión en Norteamérica ó longo do século XIX. Isto supuxo o desprazamento das tribos nativas, adquisicións de novos territorios e a admisión gradual de novos estados. Durante a segunda metade do século XIX, a guerra civil estadounidense acabou coa escravitude legal no país. A finais dese século, os Estados Unidos estendéronse ata o Océano Pacífico, e a súa economía comezou a evolucionar. A guerra hispano-estadounidense e a primeira guerra mundial confirmaron o status do país como potencia militar. Os Estados Unidos emerxeron da segunda guerra mundial como superpotencia mundial ó ser o primeiro país en desenvolver armas nucleares, o único en usalas en guerra, e como membro permanente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. A fin da guerra fría e a disolución da Unión Soviética permitiron que os Estados Unidos ficaran como a única superpotencia.Os Estados Unidos son un país desenvolvido e a meirande economía do mundo. A economía aliméntase da abundancia de recursos naturais e a produtividade da man de obra. Mentres a economía estadounidense está considerada como post-industrial, continúa a ser un dos manufactureiros máis importantes do mundo. O 37% dos orzamentos do país corresponden a gasto militar, sendo a primeira potencia económica e militar, unha gran forza cultural e política, e o líder en investigación científica e innovación tecnolóxica.

Filadelfia

Filadelfia (en inglés Philadelphia) é unha cidade estadounidense situada no condado de Filadelfia, Pensilvania. Segundo o censo de 2000, a poboación era de 1 517 550 habitantes, converténdoa na quinta cidade máis poboada de Estados Unidos.

Finlandia

Finlandia ( pronunciación ) (en finés: Suomi, en sueco: Finland ( pronunciación )), oficialmente República de Finlandia ( pronunciación ) (en finés: Suomen tasavalta, en sueco: Republiken Finland) é un país nórdico situado no norte de Europa. O país fai fronteira polo oeste con Suecia, polo leste con Rusia e polo norte con Noruega. Polo oeste e polo sur está rodeada polo mar Báltico, que separa de Suecia e Estonia, atravesando o golfo de Finlandia. A capital e maior cidade do país é Helsinqui.

No ano 2009, Finlandia tiña unha poboación de 5,3 millóns de habitantes nunha área de 338.145 quilómetros cadrados. A meirande parte da poboación do país atópase no extremo sur, na costa do golfo de Finlandia e proximidades. Finlandia é o sexto país máis grande de Europa en termos de área, e conta cunha baixa densidade de poboación de 15,5 habitantes por quilómetro cadrado, o que o converte no país menos densamente poboado dentro da Unión Europea. A maioría dos finlandeses falan o finés como a súa lingua materna, a cal é unha das poucas linguas oficiais da Unión Europea que non descenden da familia indoeuropea. A segunda lingua oficial de Finlandia é o sueco, o cal é lingua materna dun 5,5% da poboación nacional.

Previamente Finlandia foi parte de Suecia e dende 1809 a 1917, cando obtivo a súa independencia, o país foi o autónomo Gran Ducado de Finlandia como parte da Rusia Imperial. Hoxe en día, Finlandia é unha república, parlamentaria e democrática. O país é membro das Nacións Unidas e da Unión Europea dende 1995. A economía de Finlandia é unha das máis prosperas do continente, baseándose nos importantes sectores de servizos así como de manufactura. No país existe un estado de benestar así como unha política altamente democrática e con niveis sumamente baixos de corrupción. O país conta co euro como moeda oficial dende o 28 de febreiro de 2002, substituído ao marco finlandés.

Guerra da Independencia española

A guerra da Independencia española, tamén coñecida coma Francesada, guerra do francés ou guerra contra o francés, foi o conflito armado que, entre 1808 e 1814 sacudiu a Península Ibérica como consecuencia da entrada das tropas napoleónicas en España co pretexto de invadir Portugal. O Levantamento do 2 de maio contra os invasores foi espontáneo e popular e iniciouse o 2 de maio de 1808, cando o alcalde de Móstoles, Andrés Torrejón, redacta un bando no que insta á poboación a levantarse en armas para socorrer o rei Fernando VII, que estaba retido por Napoleón Bonaparte. Esta guerra está dentro do contexto de guerras napoleónicas.

Lituania

Lituania ( pronunciación ) (en lituano: Lietuva, [ˈliɛtʊvaː] (AFI)), oficialmente República de Lituania ( pronunciación ) (en lituano: Lietuvos Respublika), é un país da Europa do norte localizado na rexión dos chamados países bálticos. Lituania atópase na beira sueste do mar Báltico, comparte fronteira con Letonia (453 km) polo norte, Belarús (502 km) polo sueste, Polonia (91 km), e o enclave ruso de Kaliningrado (227 km) polo suroeste. Lituania é membro da OTAN e da Unión Europea dende o 2004, ten unha poboación aproximada de 3,4 millóns de habitantes, a súa capital e cidade maior é Vilnius.

Durante o século XIII, Gran Ducado de Lituania constituía o maior país do continente europeo, estando formado polas actuais Belarús, Ucraína e partes de Polonia e Rusia. Coa Unión de Lublin de 1569 Polonia e Lituania formaron un novo país, a República das Dúas Nacións. A República existíu durante máis de dous séculos, ata que os seus países veciños se repartisen os seus territorios entre 1772 e 1795, quedando o Imperio Ruso coa maior parte das terras que hoxe forman Lituania. Co estourido da I Guerra Mundial Lituania asinou a súa acta de independencia o 16 de febreiro de 1918 volvendo a ser unha nación independente. A comezos da década de 1940, Lituania foi ocupada primeiro pola Unión Soviética e logo pola Alemaña Nazi. A finais da II Guerra Mundial , coa retirada dos alemáns en 1944 os soviéticos volveron ocupar o país. O 11 de marzo de 1990, Lituania converteuse na primeira das repúblicas bálticas en declarar de novo a súa independencia.

Actualmente Lituania presenta un dos maiores crecementos da Unión Europea, sendo alcumada o Tigre báltico, emulando ao Tigre céltico irlandés. Lituania converteuse nun membro do acordo Schengen o 21 de decembro de 2007. No ano 2009, Lituania vai celebrar os mil anos da existencia do seu nome.

México

México (nome oficial: Estados Unidos Mexicanos) é un país localizado maioritaria ou totalmente en América do Norte (dependendo de onde se trace o límite con América Central, ora na fronteira mexicana, ora no istmo de Tehuantepec).

Limitado ao norte polos Estados Unidos de América, ao leste polo golfo de México e polo mar Caribe, a través dos cales se acerca a Cuba, ao sur por Guatemala e máis Belize, e ao oeste polo océano Pacífico. Alén do territorio continental e illas adxacentes á costa, México inclúe tamén as Illas Revillagigedo, localizadas no océano Pacífico, a máis de 400 km a sur do cabo San Lucas, na Baixa California.

Século XVIII

século XVII < século XVIII > século XIX

Tempo que transcorre entre o 1 de xaneiro de 1701 e o 31 de decembro de 1800. Coñecido como o século da Ilustración.

Tunisia

Tunisia (en árabe : al-Jamhuriya at-Tunisia, الجمهورية التونسية), é un país árabe de África do norte, limitado polo Mediterráneo. É un país do Magreb, coma Marrocos, Mauritania, Alxeria e Libia. Situada no norte do país, a súa capital é Tunes.

Coa independencia o 20 de marzo do 1956, unha asemblea constituínte foi elixida, que aboliu a monarquía bey da dinastía huseinita no poder desde 1705 e proclamou a república o 25 de xullo do 1957 con Habib Bourguiba coma presidente.

Tunisia é un destino popular dos turistas europeos que visitan Hamamato, Monastir, Souse e o Porto El-Kantaoui, o deserto do Sahara no sur, e os sitios arqueolóxicos coma Cartago ou Dougga.

Xullo

Xullo é o sétimo mes do ano no calendario gregoriano e ten 31 días. O seu nome provén do emperador romano Xulio César (Iulius Caesar, en latín). En galego tamén recibe o nome de mes de Santiago, por celebrarse neste mes o día do Apóstolo, e mes da sega, por ser cando se realizaba este labor.

Poderes
Formas de goberno
Réximes e sistemas
Tipos de poder
Clases de estado
Conceptos
Procesos
Divisións administrativas
Cargos
Disciplinas
Ideoloxías
Actitudes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.