Incineradora do Irixo

A Incineradora do Irixo foi un proxecto de macroplanta de incineración do lixo, pensada para ser construída no concello do Irixo, e finalmente desbotada.

Precedentes

En 2011 a Xunta de Galicia propuxo a creación dunha nova planta de incineración de lixo en Galicia, que complementase a xa construída planta de Sogama en Cerceda. Dado que na segunda edición do concurso eólico unha empresa prevera a construción desta planta dentro do seu proxecto, a planta non saíu a concurso público e adxudicóuselle directamente a Estela Eólica[1], propiedade á súa vez da mirandesa Gecal SA.

A súa entrada en funcionamento agardábase para o ano 2014.

Características

Conforme o proxecto, a incineradora tería unha capacidade de xestión de 366.000 toneladas/ano, o que equivalía a un terzo dos residuos anuais de Galicia. A planta tamén incluiría unha fábrica para a reciclaxe de envases e outra para a produción de 40.000 toneladas de compost.

A planta estaría situada no concello do Irixo, se ben a súa localización exacta nunca foi definida.

Controversia

O proxecto defrontou as críticas dos alcaldes e grupos políticos dos concellos limítrofes co Irixo (Piñor, O Carballiño, Dozón, Lalín...)[2], e por distintos grupos ecoloxistas que criticaron a baixa eficacia produtiva do proxecto[3][4].

Finalmente, en setembro de 2012 a Xunta de Galicia decidiu expedientar a empresa promotora, Estela Eólica, polos seus atrasos, no que se interpretou como unha cancelación do proxecto. De feito, a Xunta de Galicia negociaba en paralelo a ampliación da planta incineradora de Sogama en Cerceda[5].

Notas

  1. La empresa Estela Eólica construirá una segunda Sogama en O Irixo, El País, 6/12/2011.
  2. Alcaldes del PP rechazan la incineradora de O Irixo, El País, 9/12/2011.
  3. A incineradora de Irixo acumulará 145.000 toneladas ao ano de residuos nun vertedoiro, Faro de Vigo, 10/12/2010.
  4. Incineradora do Irixo, o sucio negocio do lixo, Web do colectivo Verdegaia, 13/12/2011.
  5. "A Xunta expedienta a Estela Eólica e renuncia a construír a incineradora no Irixo". Praza Pública. 25/9/2012. Arquivado dende o orixinal o 4/3/2019.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.