Incendio forestal

Un incendio forestal é un lume que se produce sen control en zonas naturais, soutos e lugares con abondosa vexetación. Pódense producir por alustros ou outras causas naturais, por descoidos humanos ou pola acción de maquinaria, se ben tamén poden ser obra de seres humanos que plantan lume á mantenta.

Deerfire
Incendio no parque nacional de Bitterroot (EE. UU.).

Mecanismo

Modelo propagacion lume forestal
Xeito de propagación ideal do lume.

Cando as reservas de auga do solo se atopan por riba do 30%, a evaporación da auga das plantas vese compensada pola humidade da terra. Por baixo deste limiar do 30% a planta xa non se pode hidratar, e son daquela os zumes da planta os que se evaporan. En caso de seca prolongada xúntase que as plantas secas son altamente inflamábeis con que as substancias desa evaporación tamén o son.

Por outra parte, non todas as plantas arden igual de ben, é dicir, non todas son igual de inflamábeis. Polo que atinxe ao bosque galego, os piñeiros e os eucaliptos, e en xeral todas as especies resinosas, maioritarias nas masas arboradas costeiras, son máis inflamábeis cás especies autóctonas de caducifolias, coma o carballo ou o castiñeiro.

Ao que se declara o lume, este esténdese:

  • por baixo: arrastrándose pola superficie do chan entre os diferentes vexetais e materiais orgánicos. É característico do monte cuberto de matogueira.
  • polas copas: pasando da copa dunha árbore a outra. As copas en combustión producen labaradas moi intensas, o que lle permite ao lume saltar dunha árbore a outra a máis velocidade ca se se estendese unicamente polo chan. É característico do incendio de masas árboreas, e especialmente perigoso canto máis alta é a árbore, como no caso do eucalipto.
  • por muxicas: un incendio sobre unha masa vexetal produce a separación de pequenos fragmentos (folliñas, polas, piñas etc.) que poden ser desprazados polo vento con moita velocidade e a unhas distancias relativamente grandes. A propagación por muxicas fai inútiles as devasas e as barreiras incombustíbeis coma os ríos e as autoestradas.

Nun terreo chan e cunha vexetación homoxénea, o lume propágase en forma de elipse sobre o eixo do vento.

Causas

As causas dos incendios forestais son moi diversas, e varían dunha rexión a outra do planeta. Se ben hai zonas onde os incendios forestais debidos á acción da natureza, fundamentalmente as treboadas e os seus alustros, son os máis frecuentes, noutras, como en Galiza, a causa predominante é a acción intencionada do home.

  • Causas naturais: o alustro. Nas áreas mediterráneas estímase que as treboadas poden producir ata un 2% dos incendios forestais. Porén, en Quebec esta cantidade calcúlase sobre o 30% dos lumes e afecta grandes superficies.
  • Causas humanas involuntarias: queima imprudente de ramallada, lumes de lecer e barbacoas, liñas eléctricas, cabichas ao pé das estradas, faíscas desprendidas por maquinaria (fundamentalmente trens), queima incontrolada de lixo etc.
  • Causas humanas intencionadas: queima de terreos para o seu aproveitamento para o cultivo ou para a expulsión dos habitantes dos bosques, vinganzas, incendios con fins políticos ou económicos diversos e, tamén, enfermidades mentais (os pirómanos); actualmente prefírese utilizar o termo "incendiarios" para quen inician lumes cun fin determinado e deixar o de "pirómanos" para quen padece esta enfermidade. Nos incendios que se producen durante os veráns en Galiza estas causas humanas intencionadas poden acadar entre o 80% e o 90% dos lumes.
  • Causas estruturais: Un monte abandonado, con cambio de uso agrícola a forestal; unha poboación rural envellecida e depauperada, un monte inzado de especies pirófitas (eucalipto, mimosas...); unha política forestal favorecedora dos intereses das industrias de madeira de baixa calidade e sen xestión ambiental algunha.

Tipoloxía

A nivel estatístico, en Galiza só se consideran incendios forestais aqueles que queiman máis dunha hectárea de superficie, ou ben se queiman máis de media hectárea de masa arborada. Os incendios por debaixo desa superficie denomínanse conatos.

Os incendios clasifícanse en activos e extinguidos. Os incendios están activos cando presentan labarada, e extinguidos cando unicamente fumegan e xa non existen materiais de ignición no seu perímetro nin é posible a súa reprodución. Aínda así, a temperatura das áreas recentemente extinguidas é moi alta, e a súa queima é irregular, polo que nalgunhas ocasións os incendios que se consideraban extinguidos reacenden por causas naturais (ademais das causas intencionadas que poidan estar actuando).

Os incendios activos clasifícanse en acoutados e non acoutados (ou controlados e non controlados). Os acoutados son aqueles lumes que, se ben están activos, non teñen xeito de progresar e, polo tanto, non necesitan máis medios humanos e técnicos para o seu control. É o que sucede, por exemplo, cando un lume avanza cara ao cumio dun monte ou cando as brigadas de extinción conseguiron crear unha fraxa de seguridade abondo cumprida.

Conforme a gravidade

Monte queimado Brión Galicia
Monte queimado en Brión.

Os niveis de gravidade clasifícanse de acordo coa seguinte escala:

  • Nivel 0: poden ser controlados cos medios de extinción previstos e, aínda na súa evolución máis desfavorable, non supoñen perigo para persoas non relacionadas cos labores de extinción, nin para bens non forestais.
  • Nivel 1: poden ser controlados cos medios de extinción previstos no Plan Infoga e inclúen a previsión de medidas para a protección das persoas non relacionadas coa extinción e dos bens non forestais que se poidan ver ameazados polo lume.
  • Nivel 2: na súa extinción está prevista a necesidade de que, a solicitude da consellería competente, sexan incorporados medios estatais non asignados ao Plan Infoga, ou poidan comportar situacións de emerxencia que deriven cara ao interese estatal. Para a declaración do nivel 2 considéranse dúas situacións:
    • 2.R-0. Se nun nivel 0 son necesarios medios non previstos no plan, pero só están en perigo bens forestais, pásase directamente a nivel 2.
    • 2.R-1. Estando no nivel 1, precísanse medios non previstos no plan.
  • Nivel 3: Referido a aqueles incendios que pola súa especial gravidade así sexan declarados polo Ministerio do Interior.

Os incendios en Galiza

Fogospt
Incendios en Galiza e Portugal no verán de 2003.

A posición xeográfica de Galiza, na estrema entre dúas rexións climáticas, a complexa orografía, a gran cantidade de superficie boscosa e de matogueira, e a perda de aproveitamento económico do bosque fan que Galiza sexa, especialmente durante os veráns, un lugar habitual de incendios forestais. Esta circunstancia tamén a comparte, por exemplo, con Portugal, especialmente nas súas rexións setentrionais.

Algúns anos de especial virulencia dos incendios forestais:

  • 1989: Nos 8.243 incendios declarados en Galiza nese ano arderon 205.392 hectáreas (93.116 delas de masa arborada). Estimáronse unhas perdas duns 15.000 millóns de pesetas (90 M €). Foron detidos 30 incendiarios.
  • 1995: No mes de abril, entre o xoves e o sábado santo, Galiza viuse afectada en só tres días por uns 600 incendios forestais, cun saldo de 2.000 hectáreas queimadas. Foron detidos catro incendiarios. Ese mesmo ano, entre o 25 e o 30 de agosto, rexistráronse máis dun milleiro de sinistros. O 26 de agosto contabilizáronse 280 focos diferentes. O 29 de agosto, nos arredores de Pontevedra, ardían os montes en 20 puntos diferentes. O lume tamén afectaba a comarca de Santiago, O Morrazo, o Parque de Corrubedo ou Vimianzo e as labaradas rodearon O Courel. O 30 de agosto, 350 incendios mantiñan ocupados os servizos de extinción, onde loitaban 4.000 persoas. O fornezo de enerxía de Pontevedra quedou cortado durante varias horas, ao igual ca algunhas estradas e liñas telefónicas. Foron desaloxadas vivendas na Coruña e arderon casas no concello da Merca. O balance, unha vez terminada a vaga incendiaria, foi de 4.289 focos de lume, 46.669 hectáreas e 49 detencións.
  • 2000: As intensas choivas de xullo retardaron ese ano a vaga de incendios ata a primeira quincena de setembro. As provincias Lugo e Ourense foron as máis afectadas. Dez aldeas de Lugo tiveron que ser desaloxadas o 17 de setembro por un incendio en Navia de Suarna. Os incendios foron especialmente intensos nos arredores de Ourense. A principios de agosto o lume queimaba montes de Santa Cruz de Arrabaldo, Quintela, Reza, Velle e Os Peares. Ata setembro arderan 30.000 hectáreas e ao final do ano 45.952 ha.
  • 2006.
Artigo principal: Vaga de incendios forestais de 2006.)
    • Unha vaga de incendios que comeza o 4 de agosto resulta especialmente prolongada e perigosa, con días que chegaron aos 200 focos activos. A época caracterizouse por altas temperaturas, sequidade ambiental e vento do nordés. Nos primeiros días os incendios afectaron fundamentalmente as Rías Baixas e as comarcas de Pontevedra e Santiago. Despois estendéronse á Costa da Morte e aos arredores da cidade de Ourense. Como consecuencia dos incendios faleceron dúas mulleres no antigo concello de Cerdedo, atrapadas polo lume na estrada N-541, un home no concello de Cotobade, mentres participaba en tarefas de extinción, e outro home na Cañiza, como consecuencia das queimaduras producidas durante os labores de apagado dun incendio.
    • Segundo os datos oficiais [1], as hectáreas de superficie arborada queimadas ata esa data distribuída por especies e segundo o seu posible uso comercial era:
Especie Superficie total Superficie aproveitable Superficie non aproveitable %Sna/Sa
Eucalyptus globulus 18433 16195 2238 13.8%
Pinus pinaster 16353 13502 2851 21.1%
Pinus radiata 1255 828 427 51.6%
Frondosas e caducifolias 2662 2538 124 4.9%

Rexistráronse 6.997 incendios forestais, que queimaron un total de 93.887 hectáreas, das cales 54.022 corresponden a superficie arborada. Os incendios afectaron especialmente ás comarcas do oeste (80% do total).[2]

Loita contra o lume

Prevención

A prevención dos incendios forestais pasa por:

  • a coidado das masas arboradas: a eliminación das árbores excedentes, a creación de claros e devasas que permitan a entrada de maquinaria, a roza, as queimas controladas...
  • a prohibición de facer lume, tanto de lecer no propio monte, como de foguetería nas súas proximidades.
  • a vixilancia do monte
  • o fornecemento de medios de extinción
  • a planificación da extinción

Os organismos de vixilancia meteorolóxica, como Meteogalicia, desempeñan un papel capital no estabelecemento de mapas e calendarios de risco.

Extinción

Bombeiros
Bombeiros, durante un incendio forestal.
EPI forestal
Equipo de protección individual forestal.

O combate do lume emprega tres tipos de axentes:

É imposíbel extinguir un lume unicamente cos medios hidráulicos. A técnica máis común consiste en atacar as frontes dereita e esquerda para apreixar a cabeza e canalizar a propagación. O ataque das frontes emprega tanto o persoal en terra coma os medios aéreos. Porén, os medios aéreos e os terrestres non poden actuar asemade sobre o mesmo espazo, porque o desprendemento dunha ducia de toneladas de auga é moi perigoso, tanto pola forza do impacto como pola posibilidade de que arrastre na caída pólas, diversos obxectos ou cabos de alta tensión. Por iso é indispensábel que exista unha coordinación por radio entre un e outro equipo.

A auga expulsada polos hidroavións pode ser ser unicamente auga ou estar mesturada con aditivos retardantes que reducen a posibilidade de que o lume se estenda ás masas vexetais veciñas. O máis común destes aditivos é o polifosfato de amonio, que mesturado con óxido de ferro adquire unha característica cor vermella. Esta substancia inhibe as reaccións de oxidación, de xeito que a combustión produce menos enerxía e acaba por propagarse máis lentamente. Tamén se empregan tensioactivos, ou axentes molladores, que reducen a tensión superficial da auga e permiten que esta enchoupe máis, mellor e un maior número de vexetais.

Evacuación

Por outra parte, cómpre protexer as poboacións próximas dos incendios forestais, en moitos casos recorrendo á súa evacuación.

Para protexer as vivendas do lume forestal, débese:

  • gardar os automóbiles nos garaxes ou, no seu defecto, colocalos na fachada oposta á dirección do vento.
  • pechar fiestras e xanelas.
  • regar as vivendas para evitar o quecemento por radiación
  • fixar unha fronte de auga fronte ao lume para que este arrodee a vivenda.

A protección dunha vivenda necesita normalmente catro vehículos, polo que defender vivendas illadas no monte é custoso e laborioso.

Véxase tamén

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de incendios en Galicia
Hidroavión contra incendios.Galiza

Bombardier 415 de extinción.

O Grove, San Vicente 01-02b

O Grove.

O Grove, San Vicente 01-18b

O Grove (media hora despois).

Notas

  1. La Voz de Galicia, 5 de setembro de 2006 baseándose en fontes da Xunta de Galicia
  2. Datos estatísticos básicos de Galicia 2007. Xunta de Galicia, 2007 (ISSN: 1669-2997)

Véxase tamén

Bibliografía

  • Alba Vázquez Carpentier (2007). Laisser Faire. Os incendios en Galiza. Testemuños. 2004-2006. Ourense: Difusora de letras, artes e ideas. ISBN 978-84-93522-39-6. Difusora de Letras, artes e ideas
2017

2017 é un ano común do calendario gregoriano, que comezou en domingo.

A ONU declarou ao 2017 como o Ano Internacional do Turismo Sustentable para o Desenvolvemento , coa intención de promover esa actividade económica creando conciencia da importancia de impulsala e desempeñala responsablemente.

O Día das Letras Galegas está adicado a Carlos Casares.

Angistri

Angistri, tamén Agistri, Ankistri ou Agkistri (grego: αγκίστρι, é unha moi pequena illa no Golfo Sarónico na Prefectura do Pireo, Grecia. Angistri é unha illa cuberta de piñeiros a poucos quilómetros do porto do Pireo.

Apocalipse Z. O comezo da fin

Apocalipse Z. O comezo da fin é unha novela de literatura fantástica en lingua castelá de Manel Loureiro, publicada en 2008 por Editorial Dolmen. Foi traducida ao galego por Tomás González Ahola, e publicada en 2013 por Urco Editora. É a primeira parte da triloxía Apocalipsis Z.

Castro de Agudín, Cea, Vilagarcía de Arousa

Castro de Agudín é un lugar da parroquia de Cea no concello pontevedrés de Vilagarcía de Arousa, na comarca do Salnés. Tiña 239 habitantes no ano 2016 segundo datos do IGE, dos que 118 eran mulleres e 121 homes, o que representa un descenso continuado respecto ós anos 2010, cando eran 247 veciños, e 2005, cando eran 255.

No lugar existe un castro, chamado da Xaiba, que lle dá o nome. Nun incendio forestal sufrido na zona en agosto de 2016, maquinaria pesada abriu un cortalumes que estragou parte da muralla e algunhas edificacións ,

Ecosistema

Un ecosistema é unha comunidade de organismos vivos considerados en conxunto coas compoñentes non-vivas do ambiente (como o aire, a auga ou os minerais), que interactúan entre si como un sistema. As compoñentes bióticas e as abióticas interctúan a través dos ciclos de nutrientes e os fluxos de enerxía. Xa que os ecosistemas se definen como unha rede de interaccións entre os organismos, e dos organismos cos seus ambientes, estes poden ser de calquera tamaño, inda que dun tamaño específico e limitado. Con todo, algúns ecólogos consideran que o planeta enteiro é un único ecosistema. Un ecosistema está composto por todos os organismos e factores abióticos dunha área definida co que se pode afirmar que é unha comunidade biolóxica interactuando entre si e co seu ambiente físico.

Fervenza do Ézaro

O Cadoiro ou fervenza do Ézaro é unha fervenza que forma o río Xallas na súa desembocadura ao mar na enseada do Ézaro en Santa Uxía do Ézaro, unha parroquia do concello de Dumbría. É a única fervenza en Europa que desemboca directamente no océano. Dende 2012 a fervenza pode verse todos os días do ano.

Flora invasora de Galicia

A flora invasora de Galicia é o conxunto de especies plantas que foi transportado e introducido polo ser humano en Galicia, fóra da súa área de distribución natural. Estas especies conseguiron establecerse e espallarse resultando as máis das veces daniñas ecolóxica e/ou paisaxisticamente. Que unha especie vexetal invasora resulta daniña significa que produce cambios importantes na composición, a estrutura ou os procesos dos ecosistemas naturais ou seminaturais, pondo en perigo a diversidade biolóxica nativa (en diversidade de especies, diversidade dentro das poboacións ou diversidade de ecosistemas).

Certas especies vexetais teñen un comportamento invasor nas localidades de introdución, sendo máis susceptíbeis os hábitats alterados ou degradados, como por exemplo en terreos despois dos lumes. O principal problema a nivel ecolóxico é a perda de diversidade autóctona. Os casos máis soados en Galicia son o do eucalipto na costa e o da mimosa no sur do país, especialmente na Comarca do Ribeiro en Ourense[Cómpre referencia].

O control e erradicación é custoso e non sempre posible. Identificar os invasores potenciais e evitar o seu establecemento é o mellor camiño para frear un problema que incrementa ao mesmo ritmo que a globalización. Considéranse medios mecánicos, biolóxicos e químicos.

A introdución das especies é polo xeral recente. Algunhas árbores coma o castiñeiro pénsase que foron introducidas polos romanos hai uns 2000 anos, porén non pode considerarse daniña nin invasora, malia terse naturalizado. O mesmo ocorre co piñeiro bravo, quizais introducido dende Portugal no século XVIII. A verdadeira flora invasora introdúcese a partir de finais do século XIX e especialmente coas reforestacións masivas efectuadas durante o franquismo. Deste xeito entraron en Galicia, eucaliptos, robinias e acacias. A mimosa plantouse para fixar os noiros do camiño de ferro. Recentemente estanse a espallar outras especies como a árbore do ceo (plantada como ornamental), a carriza da Pampa (plantada como ornamental nas autoestradas galegas) ou a herba do coitelo ou uña de gato (plantada nas praias).

Fume

O fume é un tipo de meteoro consistente na suspensión no ar de pequenas partículas sólidas que resultan da combustión incompleta dun combustible. É un subproduto non desexado da combustión, producido en fogueiras, brasas, motores de gasolina e diésel. Cando unha combustión é correcta e completa os únicos subprodutos son auga, dióxido de carbono e compostos de diversos elementos.

A inhalación do fume é a causa primaria de morte nas vítimas dos incendios. O fume mata por intoxicación debido aos seus compoñentes tóxicos, como o monóxido de carbono e as pequenas partículas sólidas que atoan os alvéolos pulmonares e asfixian á vítima.

O fume é tamén un fenómeno meteorolóxico, cando se atopa en grandes cantidades nunha zona, modificando de xeito temporal a atmosfera.

Galería de imaxes de Verín

Galería de imaxes do concello de Verín na provincia de Ourense.

Incendio

Un incendio é unha ocorrencia de lume non controlada que pode abrasar algo que non está destinado a queimarse. Pode afectar a estruturas e a seres vivos. A exposición a un incendio pode producir feridas moi graves como a morte, xeralmente por inhalación de fume ou por desmaio producido pola intoxicación e posteriormente queimaduras graves.

Para que se inicie un lume é necesario que se dean conxuntamente este tres factores: combustible, osíxeno e calor ou enerxía de activación.

Incendio forestal de Pedrógão Grande en 2017

O incendio forestal de Pedrógão Grande foi un incendio de grandes proporcións acaecido en 2017 que acelerou cambios lexislativos en política forestal en Portugal.

Lirio de monte

O lirio de monte ou lirio do Xurés (Iris boissieri), é un lirio (xénero da familia Iridaceae ) moi escaso e endémico das montañas de Galiza e Norte de Portugal. Segundo a citas antigas, as poboacións situadas a menor altitude desapareceron. Áchase clasificado como “En Perigo Crítico” no Atlas y Libro Rojo de Flora Amenazada de España.

Lume

Para a luz ou cavidade de estruturas anatómicas e biolóxicas, véxase lume (bioloxía).

Para a aldea, véxase Lume, San Xusto, Coristanco.O lume (do latín lumen, -inis, relacionado con lux ‘luz’) é o resultado dun proceso de oxidación violenta de materia combustible que produce luz, calor, vapor de auga e dióxido de carbono. O lume caracterízase pola masa gasosa coñecida como lapas que se desprende da materia que arde. É un proceso moi exotérmico.

Lume e fogo son conceptos próximos pero só ás veces funcionan como sinónimos.

Monte Louro, Louro, Muros

Monte Louro é un lugar situado na parroquia de Louro, no concello coruñés de Muros. O monte está concretamente na parroquia sobre a banda norte da ría de Muros e Noia.

A estrada pasa entre o monte e a praia de Louro, situada entre as puntas Carreiro e Lens. Forma parte do lugar de importancia comunitaria Monte e lagoa de Louro e ten un interese xeolóxico especial por ser un inselberg granítico, ou monte que destaca nunha chaira, rodeado dunha plataforma de abrasión.

Monte Pindo

O monte Pindo é un macizo granítico de 627 metros de altura que se atopa no concello coruñés de Carnota.O monte Pindo xunto con outros ecosistemas como as praias de Carnota, forma parte da zona especial de conservación (ZEC) de Carnota - Monte Pindo dentro da Rede Natura 2000. Ese ZEC de Carnota - Monte Pindo ten unha superficie de 4 629 ha e abrangue os concellos de Carnota, Mazaricos, Cee e Dumbría, entre as rías de Corcubión e a de Muros e Noia.

Peto tridáctilo

O peto tridáctilo (Picoides tridactylus) é unha especie de ave piciforme da familia Picidae.

Quíos

Quíos (grego: Χίος, turco: Sakız Adası traducións alternativas Quío, Khios, Chiou, Chíos ou Híos) é a quinta illa grega máis grande, situada no Mar Exeo está separada polo estreito de Cesme a sete quilómetros da costa de Anatolia en Turquía. Quíos é famosa polas súas exportacións de goma de masilla, as olivas, os figos e o viño. O seu alcume é A illa da masilla. É un coñecido punto turístico pola súa historia, paisaxes e bo clima. As atraccións turísticas inclúen os seus pobos medievais e o mosteiro de Nea Moni do século XI, Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

Administrativamente, a illa forma un municipio independente dentro da unidade rexional de Quíos, que forma parte da periferia do Exeo Setentrional. A cidade principal da illa e sede do concello é a cidade de Quíos. Os residentes locais refírense á cidade de Quíos como "Chora" ("Χώρα" significa literalmente, terra ou país, pero polo xeral refírese á capital ou asentamento no punto máis alto dunha illa grega).

Ten unha superficie de 910 km², incluíndo illotes, con 51.930 habitantes (2011).

Skiathos

Skíathos (grego: Σκιάθος, latín: Sciathus) é unha pequena illa no Mar Exeo, que pertence a Grecia. Situada preto de Skópelos, Skíathos é a illa máis occidental do grupo das illas Espóradas. A parte continental de Grecia, xunto con Magnesia están ao seu oeste. O seu nome remóntase á antigüidade.

A illa conta coa cidade de Skíathos e as comunidades de Koukounaries, Kanapitsa, Vromolimnos e Troullos. A cidade de Skíathos é un porto que alberga pequenas embarcacións e os servizos de ferri desde onde conectarse a Skópelos, Volos, Agios Konstantinos e o resto de Grecia.

O concello de Skíathos inclúe as illas de Tsougria e Repio, e ten unha superficie total de 49´898 km². As súas cidades maiores son Skiathos (4.988 hab. en 2001), Xánemos (195), Kalývia (179), Troúllos (159), e Koukounariés (126).

Árbore

Unha árbore é un tipo de vexetal perenne, de tronco leñoso, que se ramifica a certa altura do chan. Son árbores, por exemplo, a cerdeira, a maceira, o castiñeiro, a aciñeira, o piñeiro, a magnolia etc.

Certas especies de árbores poden superar os 100 metros de altura, e chegar a vivir durante miles de anos. As grandes árbores, coma as sequoias xigantes de California, poden pesar máis de 6.000 toneladas, o que as converte no ente vivo máis pesado que existiu sobre o planeta [Cómpre referencia].

As árbores son compoñentes importantes do medio natural así como útiles para os seres humanos como fornecedores de material de construción, transporte e mobiliario; alimento e recursos medicinais; leña para calefacción etc. Tamén xogan un importante papel na cultura, considérense as árbores de Nadal, a árbore da sabedoría, a árbore xaponesa do amor (o xinkgo) etc. A árbore por excelencia en Galicia é o carballo, o mesmo que no País Vasco, Gran Bretaña ou Alemaña.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.