Imperio Romano de Occidente

O Imperio Romano de Occidente é o nome que se lle deu á parte occidental do Imperio Romano despois da súa división por Diocleciano no ano 286. Tivo unha existencia política separada tras a morte de Teodosio I (395), quen deixou a parte occidental do seu imperio a Honorio.

O Imperio Romano de Occidente finalizou oficialmente coa abdicación de Rómulo Augústulo o 4 de setembro de 476 polas presións do xefe xermánico Odoacro.

Extent of Western Roman Empire 395
Extensión do Imperio Romano de Occidente sobre o 395.

Decadencia Occidental, Prosperidade Oriental

Sendo xa notoria a decadencia no Imperio Romano (395), o emperador Teodosio decidiu dividir o imperio entre os seus dous fillos, Arcadio e Honorio, para facilitar o manexo de tan vastas terras.

Os bárbaros penetraron o territorio do imperio romano despois da súa disolución.

División do Imperio Romano e principais pobos veciños

A metade Occidental coas penínsulas península Itálica e a Península Ibérica, as Galias, a illa de Gran Bretaña, o Magreb e as costas de Libia correspondeu ao seu fillo Honorio, mentres que a parte oriental (os Balcáns, Anatolia, Oriente Próximo e Exipto) pasou ao seu fillo Arcadio, converténdose co tempo no Imperio Bizantino, nome tomado de Bizancio, denominación grega da súa capital, Constantinopla.

Honorio situou a súa capital en Milán. Xa desde había tempo, a metade occidental do Imperio Romano estivera sumida en continuas guerras civís polo poder, con xenerais que se rebelaban cada poucos meses e se autocoroaban emperadores alternativos, especialmente en Britania e as Galias. A este complicado cadro que facía tremendamente difícil manter o goberno sobre o Imperio de Occidente uníanse as continuas inxerencias dos pobos bárbaros, que se poñían alternativamente ás ordes duns ou outros contendentes ou rompían con todos entregándose ao saqueo segundo lles conviña. Por todo iso, Occidente sufriu de forma moito máis contundente as consecuencias da crise do século III, mentres que Oriente lograba recuperarse aos poucos, a pesar de se afrontar de forma continua aos godos e os persas, grazas aos ingresos que os ricos campos de Anatolia e sobre todo Exipto lle proporcionaban, a súa maior cohesión interna e a súa poboación máis abundante e menos afectada polas guerras civís, a corrupción e as pestes como ocorría en Occidente.

Invasións Bárbaras

Os Xermanos

A crise apoderouse de forma irreversíbel de Occidente cando os visigodos baixo o mando de Alarico I se dirixiron a Italia no ano 402. Nun primeiro momento, o xeneral romano de orixe vándala Estilicón, unha das últimas grandes figuras militares de Occidente, logrou pararlle os pés na Batalla de Pollentia. Para desgraza dos romanos, as tropas xa non abundaban tanto como antes e Estilicón só puido reunir homes suficientes retirando boa parte dos que vixiaban a fronteira do río Rin. A resultas de iso, no Nadal do 406 os vándalos, suevos, francos e, en menor medida, os xépidos, alanos, sármatas e hérulos, cruzaron de forma masiva o río xeado e se estenderon como unha praga por toda a Galia e logo por Hispania, saqueando todas as cidades ao seu paso. Pouco despois Alarico volveu a ameazar a Roma esixindo o pagamento de importantes tributos, mentres en Britania un novo usurpador se coroaba a si mesmo como Constancio III. Estilicón mostrárase incapaz de atallar a crise e foi executado en 408.

As tropas romanas abandonaron Britania mentres era invadida por novos continxentes bárbaros co fin de acalmar a situación na Galia, pero pouco puideron facer. En todo o Imperio a autoridade romana desaparecía, e só as sucesivas capitais de Milán e Rávena contaban con forzas suficientes. Con este cadro, a Alarico foille doado chantaxear á abandonada cidade de Roma cercándoa sucesivamente en 408 e 409, retirándose cando obtiña o ouro convido co Senado. Pero o último ano non se lle puideron entregar as 4000 pezas esixidas e ordenou saquear a cidade en 410. Tal feito foi visto polos propios romanos como o fin dunha Era e unha aldraxe inimaxinábel, pois a cidade que conquistara o mundo caía agora presa dos bárbaros. Alarico dirixiuse logo a Nápoles con intención de embarcar e saquear África, pero morreu polo camiño. Sorprendentemente, Gala Placidia, irmá do emperador Honorio (refuxiado en Rávena) que fora capturada en Roma, conseguiu convencer aos visigodos para que asinasen a paz e se aliaran cos romanos. Selou esta alianza casando co novo rei visigodo, Ataúlfo, ao cal se lle cedeu a Aquitania en 412 co fin de que restablecese a autoridade romana sobre a Galia, e o conseguiu tras longas guerras con outros pobos bárbaros. Posteriormente, os godos recibirían tamén a encarga de restablecer a orde sobre Hispania, o que conseguiron cunha pequena consecuencia: ao expulsar aos vándalos de Hispania en 429, estes dirixíronse a África e arrasárona, tomando Cartago. Alí apoderáronse do que quedaba da frota romana e aprenderon a arte de navegar, estendendo o seu novo imperio marítimo sen problemas por Córsega, Sardeña, parte de Sicilia e as Baleares. Saquearon tamén moitas cidades, incluída de novo Roma en 455. Os romanos perdían o dominio dos mares e a súa principal reserva de cereais, a do Norte de África.

Os Hunos

Ulpiano Checa La invasión de los bárbaros
Atila dirixindo ás súas hordas contra Italia

Reducido á Galia, Italia e parte de Hispania, o decadente Imperio viviu unha nova ameaza, peor aínda que as dos pobos xermánicos. Coa chegada dos hunos de Atila en 451, os romanos coñeceron a destrución total, os saqueos sistemáticos e o xenocidio de poboacións enteiras. O exército huno só puido ser expulsado da Galia grazas ao xenio militar do último gran xeneral romano, Aecio, que aliado cos visigodos de Teodorico, os francos e os alanos, logrou derrotar na Batalla dos Campos Cataláunicos aos hunos e os seus vasalos ostrogodos. Porén, Atila recuperouse e invadiu Italia en 452, deténdose só diante das portas de Roma cando o papa León I Magno se entrevistou con el. Dous anos máis tarde, a envexa e os celos moveron ao emperador Valentiniano III a se desfacer do seu mellor xeneral, Aecio, condenando ao Imperio para sempre.

O Final

Rome476.jpeg
Situación política de Europa no ano 476

A Valentiniano sucedérono emperadores cada vez máis febles e ficticios, ata que en 476, Rómulo Augusto, chamado despectivamente "Augústulo" por ser só un neno, foi deposto por Odoacro, xefe dos hérulos (tribo ostrogoda). Porén, Odoacro quixo gañarse o favor do Imperio de Oriente enviando as insignias imperiais a Constantinopla, coroándose só como rei de Italia e polo tanto asumindo o goberno de forma simbólica en nome do Emperador de Bizancio. Xa que logo, considérase o 476 como o fin do Imperio Romano e a Idade Antiga, e a Rómulo Augústulo como o último emperador, a pesar de que a autoridade de Occidente había tempo que era historia e que Oriente, en cambio, sobreviviu 1000 anos máis baixo o goberno dos bizantinos.

A Galia quedou dividida entre os novos reinos franco, burgundio e visigodo. Este último asumiu tamén o mando en Hispania tras a destrución do reino suevo, e posteriormente transplantaría a súa base a esta rexión, fundando nela o Reino visigodo de Toledo.

Véxase tamén

Outros artigos

Alarico II

Alarico II foi o rei dos visigodos desde o ano 484 ata o 507. Casou con Tindigota, unha filla ilexítima de Teodorico o Grande, rei dos ostrogodos.

En 486 Alarico II negou refuxio a Afranio Siagrio, gobernante romano do chamado Dominio de Soissons (último reduto do Imperio Romano de Occidente) derrotado por Clodoveo I. Alarmado polas intimidacións de Clodoveo, Alarico remitiulle ao nobre romano, que foi decapitado.

Morre na batalla de Vouillé en 507, que enfrontou aos visigodos coas tropas do rei franco Clodoveo I. A derrota dos visigodos nesta batalla marca a desaparición do reino de Tolosa, pois as posesións galas, excepto a Narbonense, perdéronse.

Sucédelle o seu fillo Xesaleico, o cal emprende o repregamento dos restos do reino de Tolosa cara a Hispania.

Alarico II elaborou un código de leis coñecido como Breviario de Alarico (506), para os seus súbditos "romanos", segundo a teoría tradicional, aplicándose aos godos o dereito consuetudinario do pobo visigodo (recompilado no ano 475 polo rei Eurico no Codex Euricianus ou Código de Eurico).

O mesmo ano permitiu aos Bispos católicos da Galia que se reunisen nun Concilio en Agatha (Agde) na Narbonense.

Arte insular

A Arte insular ou arte hiberno-saxoa, son as denominacións historiográficas para a arte producida nas Illas Británicas na Alta Idade Media. Para esa época (séculos V ó X), tamén denominada "época escura" ou período das invasións, posterior á caída do Imperio romano de Occidente, a escasa produción artística de Europa occidental acostuma englobarse na xenérica denominación de "Prerrománico".

Os territorios "insulares" de Irlanda e Gran Bretaña, moi divididos politicamente, tiveron nesta época unha destacable unidade cultural no predominio artístico, intelectual e socio-relixioso do monacato que, sobre a base do cristianismo, fusionou os restos da herdanza clásica grecorromana con achegas dos pobos xermánicos e as características locais dos pobos prerromanos autóctonos, xenericamente clasificados como "celtas" ou "gaélicos".

Batalla dos Campos Cataláunicos

A batalla dos Campos Cataláunicos tivo lugar o 20 de setembro de 451. Nela enfrontouse o Imperio Romano de Occidente en alianza cos visigodos, que venceu ó exército de Atila formado por hunos, xépidos, ostrogodos, hérulos, turinxios, alanos e burgundios nos campos Cataláunicos, na Galia.

Carlomagno

Carlomagno, ou Carlos, o Grande, ou mesmo Carlos I nas listaxes reais de Francia e Alemaña, nado o 2 de abril do 747 e finado o 28 de xaneiro do ano 814, foi sucesivamente rei dos francos (de 771 a 814), rei dos longobardos (a partir de 774), e tamén o primeiro emperador do Sacro Imperio Romano (coroado o 25 de decembro do ano 800), restaurando así o antigo Imperio Romano de Occidente.

Constantinopla

Constantinopla (Nome romano: Constantinopolis; Grego: Konstantinoupolis ou Κωνσταντινούπολις) é o antigo nome da cidade de Istambul, na Turquía. O nome orixinal era Bizancio (Bυζάντιον en grego).

Constantinopla foi a capital do Imperio Bizantino, tamén coñecido como Imperio Romano de Oriente. Foi capturada e saqueada pola Cuarta Cruzada en 1204 e despois recapturada polas forzas de Nicea, baixo as ordes de Miguel VIII Paleólogo en 1261.

"Constantinopla" é unha adaptación de Konstantinoupolis, que significa "Cidade de Constantino". O nome é unha referencia ao emperador romano Constantino I o Grande que converteu esta cidade na capital do imperio romano, o 11 de maio de 330. Constantino chamouna "Nova Roma", pero o nome non prosperou. Posteriormente Constantinopla quedou como capital do Imperio Romano de Oriente e, tras a caída do Imperio Romano de Occidente, como capital do Imperio Bizantino.

Constantinopla e o Imperio Bizantino caeron finalmente ante o Imperio Otomán a 29 de maio de 1453. Nos tempos otománs, ambos os nomes Constantinopla e Istambul foron usados, a pesar dos occidentais invariabelmente usaron o nome Constantinopla. Istambul só se tornou o nome oficial en 1930. Cando a República da Turquía foi fundada en 1923, a capital moveuse de Istambul a Ancara.

En tempos bizantinos, os gregos chamaban Constantinopla "i Poli" (a cidade), unha vez que era o centro do mundo grego e durante a maioría do período bizantino a maior cidade da Europa.

O nome Istambul é unha tradución ao turco de "Constantinopla". A crenza de que vén da frase grega "is tin Poli" (cara a cidade) é apenas unha lenda folclórica.

Década de 470

A década de 470 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 470 e remata o 31 de decembro de 479.

Eurico

Eurico (cara a 420-484) foi rei dos visigodos (logo de asasinar ao seu irmán Teodorico II) desde 466 ao 484. Era fillo de Teodorico I e sucedeuno o seu fillo Alarico II. Casou con Ragnaxilda, unha suposta filla de Meroveo, rei dos francos.

O reinado de Eurico coincidiu coa disolución do Imperio Romano de Occidente, ao ser destronado o último emperador Rómulo Augústulo en 476. Os visigodos asinaran un foedus con Roma no 418, en virtude do cal convertéronse en federados do Imperio e permitir asentarse no sur das Galias. Este rei independizou o reino visigodo e aboliu a dependencia anterior.

Apoderouse de diversos territorios das Galias e Hispania. Guerreou nas Galias contra os francos e saxóns. Foi o seu reino nese momento o máis poderoso e influente de Europa. A súa corte residía en Tolosa, aínda que nominalmente en Arlés. Pero foi sobre todo Tolosa a cidade que tivo a categoría do que agora consideramos como capital do reino. A historiografía española menciónao como Reino de Tolosa e abarcaba unha gran extensión da Península Ibérica (salvo a rexión de Galiza, controlada polos Suevos), e gran parte da Galia ao oeste do Rhin e ao sur do Loira.

Foi un rei que demostrou un gran talento político. Publicou unha corpo legal de dereito visigodo, o Codex Euricianus ou Código de Eurico. Tamén foi un fanático ariano.

Fritixerno

Fritixerno (en gótico Frithugarnis) (? ? 380), godo tervingo, foi rei dos visigodos de 369 a 380 e destacou entre os caudillos militares que provocaron a caída do Imperio romano de Occidente.

Galicia altomedieval

A época altomedieval esténdese desde a caída do Imperio Romano de Occidente até o ano 1000. Para comprender mellor este período consulte o artigo sobre a Idade Media.

O Imperio Romano caeu baixo a presión dos movementos migratorios xermanos. A comezos do século V, tres destes pobos repartíronse a Península Ibérica a través de foedus e a Gallaecia pasou así en 411 a mans de suevos e vándalos asdingos (que posteriormente a abandonarían).

Guerras góticas

As guerras góticas son un conxunto de enfrontamentos entre os godos e o Imperio Romano.

A Guerra gótica (250-251): unha confederación de godos e escitas enfróntanse co Imperio romano.

A Guerra gótica (267-269)

A Guerra gótica (367-369): Teruingos e greutungos enfróntanse co Imperio Romano de Oriente e o Imperio Romano de Occidente.

A Guerra gótica (376-382): Teruingos e greutungos enfróntanse co Imperio Romano de Oriente.

A guerra gótica de Italia.

Lista de reis suevos

A primeira persoa en asumir o título de rei en Galicia foi o monarca suevo Hermerico, quen conseguiu do Imperio Romano de Occidente no ano 409 o goberno da provincia romana de Gallaecia, facendo dela o seu novo reino. A súa dinastía instaura primeiramente un reino suevo en canto que a monarquía e a elite detentadora do poder eran suevas. Porén, durante o século V d.C., o entendemento cos máis dos numerosos aristócratas galaicos e a adopción do catolicismo romano, consolidan finalmente un reino de Galicia, como porá de relevo Gregorio de Tours, sendo o primeiro erudito que o denomine Galliciense Regnum, a finais do século VI, e aos seus reis coma "reis de Galicia".

Rómulo Augústulo

Rómulo Augústulo foi o derradeiro emperador do Imperio Romano de Occidente, entre os anos 475 e 476.

Naceu en Rávena no 461, fillo de Flavio Orestes e mais dunha dama romana de alto avoengo, condición necesaria para o seu nomeamento. O seu nome de Rómulo puxéraselle en honor do tío de Orestes e Augustus era o título dos emperadores, pero dada a súa curta idade, os romanos chamáronlle Augustulus (pequeno emperador). Con todo, o emperador de Oriente Zenón non o recoñeceu como tal.

A presión dos hérulos reclamando a entrega de terras no centro da península Itálica provocou a caída de Rómulo cando contaba tan só 15 anos de idade. No seu lugar, o xeneral dos hérulos Odoacro reclamou o trono de Italia (476), confinando a Rómulo en Lucullanum, hoxe Castel dell'Ovo, na baía de Nápoles. A data da súa morte é descoñecida, xa que, a pesar de que a partir de 476 se perde o seu rastro histórico, existen algúns indicios que poderían testemuñar a súa supervivencia ata as décadas de 520 ou 530.

Considérase que a súa deposición marca o fin do Imperio Romano, aínda que a parte oriental sobreviviu ata 1453. Este feito levou a numerosos historiadores a considerala como o comezo da Idade Media. De feito, aínda que Odoacro reclamou o trono de Italia, non mostrou interese en aspirar á dignidade imperial e enviou as insignias do poder a Constantinopla, recoñecendo o seu monarca como único emperador. Este episodio serviu como xustificación xurídica aos emperadores de Bizancio para considerarse lexítimos soberanos do Imperio Romano e, eventualmente, tentar a reconquista dos territorios occidentais.

Saqueo de Roma (410)

O saqueo de Roma ocorrreu o 24 de agosto de 410. A cidade foi atacada polos visigodos liderados polo rei Alarico. Daquela, Roma xa non era a capital do Imperio Romano de Occidente, sendo substituída nesa función por Mediolanum en 286 e por Rávena en 402. Porén, a cidade mantiña o seu status de "cidade eterna" e de centro espiritual do Imperio. O saqueo tivo un enorme impacto tanto para os aliados como para os inimigos do Imperio.

Esa foi a primeira vez en case 800 anos que Roma caía ante un inimigo estranxeiro. O anterior saqueo de Roma fora conseguido polos galos liderados por Breno en -390 ou -387/6. O saqueo de 410 é considerado como un fito na caída do Imperio Romano de Occidente. Xerome de Estridón, que vivía en Belén daquela, escribiu que "A cidade que tomara o mundo enteiro foi tomada."

Século V

século IV < século V > século VI

Período de tempo dende o ano 401 ata o ano 500 da era cristiá.

Acontecementos importantes

400, Macrobio, vigairo de Hispania é multado polo seu uso fraudulento, sen causa xustificada, do cursus publicus.

400, I Concilio de Toledo.

411, establecemento dos Suevos na Gallaecia.

Invasións de pobos xermánicos en todo o Imperio romano de Occidente rematan por desface-la unidade política no 476.Personaxes destacadas

Atila o Huno.

Ricimer, magister militum do Imperio Romano Occidental (456-472).

Xenserico

Xenserico, nado cara ao 389 e finado o 25 de xaneiro de 477, foi o rei dos vándalos e alanos entre 428 e 477. Foi peza clave nos conflitos arrostrados no século V polo Imperio Romano de Occidente, e durante os seus case cincuenta anos de reinado elevou unha tribo xermánica relativamente insignificante á categoría de potencia mediterránea.

Zenón, Emperador

Imperator Caesar Flavius Zeno Augustus, tamén chamado Tarasicodissa ou Trascalissaeus , nado c. 425 e finado en 491, foi o emperador bizantino dende o 9 de febreiro de 474 ata o 9 de abril de 491. As revoltas internas e as loitas relixiosas estendéronse durante todo o seu reinado, no que malia todo conseguiu certos éxitos nas relacións exteriores. Era o emperador en Oriente, a cuxa estabilidade contribuíu en gran medida, cando tivo lugar a caída oficial do Imperio Romano de Occidente.

Imperios Antigos
Imperios Medievais
Imperios Modernos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.