Imperio Otomán

O Sublime Estado Otomán (en turco otomán: دَوْلَتِ عَلِيّهٔ عُثمَانِیّه, Devlet-i ʿAliyye-yi ʿOsmâniyye, tamén عثمانلى دولتى Osmanlı Devleti, en turco: Yüce Osmanlı Devleti ou Osmanlı İmparatorluğu) foi un imperio que durou dende o 27 de xullo de 1299 até o 29 de outubro de 1923. Foi habitualmente coñecido polos seus contemporáneos como Imperio Otomán, Imperio Turco, a Sublime Porta ou, máis comunmente, Turquía. Dende 1923, úsase preferentemente o nome de Imperio Otomán para non crear confusión coa actual República de Turquía.

No cumio do seu poder, nos séculos XVI e XVII, controlaba territorios no sueste de Europa, suroeste de Asia e norte de África. O Imperio Otomán estaba formado por vinte e nove provincias e numerosos estados vasalos, algúns dos cales chegaron a ser absorbidos completamente polo imperio, mentres que a outros foilles concedido certo grao de autonomía no transcurso dos séculos. O imperio gañou tamén eventualmente autoridade sobre terras estranxeiras afastadas a través de declaracións de lealdade ao Sultán, como por exemplo a declaración do Sultán de Aceh en 1565, ou a través de adquisicións temporais de illas, como por exemplo Lanzarote no océano Atlántico en 1585.

Con Constantinopla (en turco otomán: استنبول, Istanbul e قسطنطينيه, Kostantiniyye) como capital, e control de extensión de terra por todo o mar Mediterráneo durante o reinado de Suleimán o Magnífico (dirixente de 1520 a 1566), o imperio foi o centro de interaccións entre o mundo Occidental e Oriental durante seis séculos. O imperio chegou á súa fin, como réxime baixo a monarquía imperial, o 1 de novembro de 1922, rematando a súa existencia de iure o 24 de xullo de 1923 baixo o Tratado de Lausana. Foi sucedido pola República de Turquía, que foi oficialmente proclamada o 29 de outubro dese mesmo ano.

دَوْلَتِ عَلِيّهٔ عُثمَانِیّه
Imperio Otomán

1299–1923
Bandeira Escudo
Bandeira Escudo
Lema: دولت ابد مدت
(Turco otomán: O Estado eterno)
Himno: Himno Imperial Otomán
Localización de Imperio Otomán
Extensión do imperio entre 1300 e 1683
Capital · Söğüt (12991326)
· Bursa (13261365)
· Edirne (13651453)
· Constantinopla (14531922)
Lingua Turco otomán
Relixión Sunnismo (Islam)
Goberno Monarquía absoluta
Monarquía constitucional (1876-1878 e 1908-1922)
Sultán
 • 1299-1326 Osmán I (primeiro)
 • 1918-1922 Mehmed VI (derradeiro)
Gran Visir
 • 1320–31 (primeiro) Alaeddin Pasha
 • 1920–22 (derradeiro) Ahmed Tevfik Pasha
Historia
 • Fundación 1299
 • Interregno 1402–1413
 • Trat. Lausana 24 de xullo de 1923
Superficie
 • 1680 5,500,000 km²
 • 1914 1,800,000 km²
Poboación
 • 1680 est. 35,350,000 
     Densidade 6,4/km²
 • 1856 est. 35,350,000 
 • 1906 est. 20,884,000 
 • 1912 est. 24,000,000 
Moeda Akçe - Kuruş - Lira - Sultani

Expansión

Os otománs chegaron a Anatolia como parte do caudal de pobos turcos desaloxados polas invasións mongois do século XIII. O seu primeiro gobernante coñecido foi Orhan, quen foi fillo de Osmán (ou Utmán I Gazi), de quen deriva o nome do imperio. Os otománs instaláronse en Brusa, e conquistaron a cidade bizantina de Nicea en 1326. Posteriormente, iniciaron unha serie de campañas militares que puxeron a totalidade dos Balcáns baixo o seu control, en particular despois da derrota dos cabaleiros cruzados na Batalla de Nicópolis de 1396. A derrota dos otománs na Batalla de Angora (na que Tamerlán capturou a Baiaceto o Raio) atrasou un tempo a súa ascensión, que foi retomada a mediados do século XV. Mehmed II ou Mahomet II o Conquistador conquistou Constantinopla en 1453 e destruíu finalmente o Imperio Bizantino, levando as fronteiras otománs ata Europa Central. No entanto, o avance otomán nesta dirección terminou cando Suleimán o Magnífico fracasou no sitio de Viena, en 1529. En Oriente, pola súa banda, o ascenso do Imperio Safavida obrigara a Selim I a guerrear con Persia, o que o motivou a conquista de Exipto (1517). O Imperio Otomán acadou a súa máxima extensión xeográfica con Suleiman, que foi a época de ouro do Imperio.

Organización

I Osman
O sultán turco Osmán I.

Interiormente, os otománs organizaron o seu imperio non segundo o principio territorial, senón polo principio poboacional. Desta maneira, o imperio foi repartido entre musulmáns, cristiáns ortodoxos, xudeus, zoroastrianos etcétera, cada un dos cales conformaba un millet coa súa propia autoridade a cargo. A nobreza otomá estaba por riba dos raiyeh (literalmente, o 'rabaño'), pero non tivo cargos no goberno ata que a súa presión obrigou a Suleimán o Magnífico a admitilos, a mediados do século XVI. A administración otomá estaba en mans dunha Casa de escravos, que era recrutada entre os non musulmáns, e educada dende a infancia para ocupar cargos directivos. Incluso ata o visir do sultán era un escravo.

Decadencia

A decadencia otomá comezou despois da morte de Solimán o Magnífico, en 1566. Unha serie de gobernantes ineptos fixeron florecer as intrigas de palacio, ata que a acción combinada do sultán Murad IV (ou Amurates IV) e da Casa de Koprulu motivou unha intensa reforma administrativa. Porén, o Imperio Otomán sufriu un serio revés cando comprometeu tódolos seus recursos nun novo asalto a Viena, que fracasou en 1683 grazas á dura resistencia dos polacos.

A partir de entón, os otománs descubriron que o seu poderío militar (baseado na disciplina da infantería de xanízaros e a cabalería de sipahis) estaba a naufragar, e decidiron abrirse á diplomacia occidental. Desta maneira, os comerciantes cristiáns de Constantinopla (os fanariotas) abríronse paso na administración otomá. Este proceso durou todo o século XVIII, pero motivou o xurdimento da Grande idea de substituír o Imperio Otomán por un Imperio Grego. Os gregos alzáronse en armas a comezos do século XIX e obtiveron a súa independencia en 1823, pero xamais chegaron a concretar a Grande idea. Os otománs volvéronse máis fanaticamente musulmáns que nunca, e enredáronse irremisiblemente no xogo político das potencias coloniais de Occidente, ó tempo que sobrevivía ás sublevacións que os seus propios novos oficiais, educados na arte da guerra occidental, promovían en nome deses mesmos valores occidentais que recibiran. O "home enfermo de Europa", como se cualificou ó imperio, sobreviviu aínda tres cuartos de século máis, grazas ó apoio de Inglaterra (que precisaba os otománs para contrarrestar as ambicións de Rusia de alcanzar o mar Mediterráneo). Isto non impediu que os otománs perdesen virtualmente a administración de Exipto, ó tempo que os pobos cristiáns dos Balcáns (Serbia, Croacia, Bulgaria e Romanía) se foron independizando un detrás doutro.

Final

Finalmente, durante a Primeira Guerra Mundial, o Imperio Otomán aliouse coa Tripla Alianza conformada por Alemaña, Italia e Austria. Após a derrota dos Imperios centrais, o Imperio Otomán (gravemente socavado polo despertar árabe apoiado polos ingleses de T. E. Lawrence) desplomouse na anarquía. O primeiro presidente de Turquía, Kemal Ataturk, simplemente aboliu o Sultanato, e renunciou á idea imperial, polo que a historia do Imperio Otomán acadou a súa fin en 1924.

Véxase tamén

Outros artigos

  • Lista de sultáns turcos
Bandeira de Albania

A bandeira de Albania (en albanés: Flamuri i Shqipërisë) é unha bandeira vermella cunha aguia bicéfala negra no centro. Ten a súa orixe nun selo similar de Gjergj Kastriot Skanderbeg, un albanés do século XV que conduciu a revolta contra o Imperio Otomán, e que acabou nunha breve independencia para Albania entre 1443 e 1478. Gjerg Kastriot adoptou o selo e a bandeira do Imperio Bizantino.

Bandeira de Tunisia

A bandeira de Tunisia é un pano de cor rubia cun círculo branco na zona central que contén unha lúa crecente e unha estrela de cinco puntas rubias. As súas proporcións son 2:3.

A bandeira nacional de Tunisia non sufriu grandes mudanzas desde que foi adoptada en 1831 polo bey (monarca) tunisiano Hassine I. A lúa crecente e a estrela son símbolos tradicionais do islam e indican que Tunisia formou parte do Imperio otomán. A cor vermella tamén foi tomada dos otománs. A bandeira nacional recuperouse coa independencia de Francia (20 de marzo de 1956), que fora cambiada en 1881 ao establecerse o dominio colonial francés.

Bandeira de Turquía

A bandeira de Turquía (en turco: Türk bayrağı) é unha bandeira vermella cun crecente e estrela brancos no seu centro. A bandeira é popularmente coñecida como Ay Yıldız (literalmente, lúa estrela) ou Albayrak (bandeira vermella). A bandeira é ademais referida como Alsancak (pavillón vermello) no himno nacional turco.

A orixe da bandeira é complexa, xa que é un deseño antigo, e usa os mesmos símbolos que a bandeira de finais do Imperio Otomán, sendo adoptada en 1844 coas reformas de Tanzimât; aínda que a forma, a colocación e a tonalidade da cor varían. As proporcións xeométricas da bandeira están legalmente estandarizadas coa Lei da Bandeira turca de 1936.

Bandeira do Sáhara Occidental

A bandeira do Sáhara Occidental é a mesma que utilizou a Fronte Polisario dende 1973 na súa loita contra a colonización española, e está baseada no deseño da bandeira da rebelión árabe fronte ao Imperio Otomán que tivo lugar durante a primeira guerra mundial. A bandeira consiste en tres franxas horizontais do mesmo tamaño (negro, branco e verde), unidas con un triángulo vermello situado no bordo máis próximo ó mastro; ademais, ten o engadido da media lúa e a estrela vermellas no centro da bandeira, símbolo utilizado noutros países magrebís.

Caída de Constantinopla

A caída de Constantinopla (en grego: Ἅλωσις τῆς Κωνσταντινουπόλεως, Halōsis tēs Kōnstantinoupoleōs; en turco: İstanbul'un Fethi) ou a conquista de Bizancio, polos turcos otománs o 29 de maio de 1453 foi un acontecemento histórico que, segundo a periodización clásica, marca a fin da Idade Media en Europa e a fin do derradeiro vestixio do Imperio Bizantino e da cultura clásica.

Xusto antes da conquista turca, Constantinopla era unha capital sen país: o Imperio Bizantino (Imperio Romano de Oriente), que outrora se estendía dende Persia até os Alpes, e tamén polos desertos de Asia, quedara reducido ó interior das murallas da cidade, arrodeada pola forza da nova nación turca. Constantino XI, derradeiro emperador de Bizancio, intuíu o perigo de que Constantinopla, cidade de cultura europea milenaria, caese por mor da supremacía militar dos otománs. Mehmed II, sultán dos turcos, conquistou a cidade, o cal supuxo a fin do antigo imperio bizantino e o comezo da preseza turca en Europa oriental.

Constantinopla

Constantinopla (Nome romano: Constantinopolis; Grego: Konstantinoupolis ou Κωνσταντινούπολις) é o antigo nome da cidade de Istambul, na Turquía. O nome orixinal era Bizancio (Bυζάντιον en grego).

Constantinopla foi a capital do Imperio Bizantino, tamén coñecido como Imperio Romano de Oriente. Foi capturada e saqueada pola Cuarta Cruzada en 1204 e despois recapturada polas forzas de Nicea, baixo as ordes de Miguel VIII Paleólogo en 1261.

"Constantinopla" é unha adaptación de Konstantinoupolis, que significa "Cidade de Constantino". O nome é unha referencia ao emperador romano Constantino I o Grande que converteu esta cidade na capital do imperio romano, o 11 de maio de 330. Constantino chamouna "Nova Roma", pero o nome non prosperou. Posteriormente Constantinopla quedou como capital do Imperio Romano de Oriente e, tras a caída do Imperio Romano de Occidente, como capital do Imperio Bizantino.

Constantinopla e o Imperio Bizantino caeron finalmente ante o Imperio Otomán a 29 de maio de 1453. Nos tempos otománs, ambos os nomes Constantinopla e Istambul foron usados, a pesar dos occidentais invariabelmente usaron o nome Constantinopla. Istambul só se tornou o nome oficial en 1930. Cando a República da Turquía foi fundada en 1923, a capital moveuse de Istambul a Ancara.

En tempos bizantinos, os gregos chamaban Constantinopla "i Poli" (a cidade), unha vez que era o centro do mundo grego e durante a maioría do período bizantino a maior cidade da Europa.

O nome Istambul é unha tradución ao turco de "Constantinopla". A crenza de que vén da frase grega "is tin Poli" (cara a cidade) é apenas unha lenda folclórica.

Guerra da Crimea

A Guerra de Crimea foi un conflito bélico entre o Imperio Ruso dirixido polos Romanov e a alianza do Reino Unido, Francia, o Imperio Otomán (ao que apoiaban para evitar o seu afundimento e o excesivo crecemento de Rusia) e o Reino de Piemonte e Sardeña, que se desenvolveu entre 1854 a 1856. A maior parte do conflito tivo lugar na península de Crimea no mar Negro.

Iraq

Iraq (en árabe العراق), e oficialmente República de Iraq (en árabe: [جمهورية العراق] , é un país de Asia Occidental que abrangue a chaira aluvial de Mesopotamia, o límite noroccidental dos Montes Zagros, e a parte leste do deserto sirio.Iraq limita con Turquía polo norte, con Irán polo leste, Kuwait polo sueste, Arabia Saudita polo sur, Xordania polo suroeste e Siria polo oeste. Ademais o país ten un franxa costeira de 58 km de lonxitude no noroeste do Golfo Pérsico. A súa capital, Bagdad está localizada na zona do centro leste. Os dous grandes ríos do país, o Tigris e o Éufrates, discorren polo centro do país dende o noroeste cara o sueste. Estes ríos, proporcionan a Iraq de terras aptas para a agricultura, en contraste das terras áridas que cobren a meirande parte de Asia Occidental.

Iraq era coñecido antigamente polo topónimo grego Mesopotamia (Terra entre dous ríos) e foi o lugar de sucesivas civilizacións dende o milenio 6 antes de Cristo. A rexión entre os ríos Tigris e Éufrates é considerada como o berce da civilización e o lugar onde apareceu a escrita. En diferentes períodos da súa historia, Iraq foi o centro dos imperios indíxenas acadio, sumerio, asirio, e babilónico. Formou parte dos imperios medo, aqueménida, helenístico, parto, sasánida, romano, rashidun, umayyad, abbásida, mongol, safávida, afsárida e otomán. Por outra banda, estivo baixo dominio británico como Mandato da Sociedade de Nacións. Iraq é o fogar de dous dos lugares máis sagrados do mundo para o xiísmo: Najaf e Karbala.Os seus límites modernos foron establecidos en 1920 pola Sociedade de Nacións cando o Imperio Otomán foi divido segundo o Tratado de Sèvres. Iraq foi posta baixo a autoridade do Reino Unido como "Mandato británico de Mesopotamia". A monarquía foi establecida en 1921 e o Reino de Iraq obtivo a independencia en 1932. En 1958, a monarquía foi abolida e creouse a República de Iraq. Iraq foi controlado polo Partido Ba'ath dende 1968 ata o 2003. Despois da invasión de 2003 liderada polos Estados Unidos de América e forzas multinacionais, o partido Ba'ath foi eliminado do poder e celebráronse eleccións parlamentarias. A presenza americana en Iraq rematou no 2011.

Istambul

Istambul ou Istanbul, (en turco: İstanbul, [is'tanbul] (AFI)) é a maior cidade de Turquía, e tamén unha das cidades máis grandes de Europa, con 11 008 790 (censo de 2007).

É tamén a capital administrativa da Provincia de Istambul na chamada Rumelia ou Tracia Oriental. Foi chamada Bizancio (en grego: Βυζάντιον, tr. "Byzantion") ata 330, e Constantinopla ata 1453, nome co que se lle denominou xeralmente en Occidente ata 1930. Durante o período otomán os turcos chamaban á cidade 'İstanbul' alteración da frase en lingua grega: εἰς τὴν πόλιν (á cidade), que no grego bizantino se prunciaba algo así como istimbólin, pero oficialmente empregábase o nome Qustantaniyyeh (قسطنطنيه) ("Cidade de Constantino" en árabe). O nome oficial de İstanbul foi imposto o 28 de marzo de 1930.

Foi sucesivamente a capital do Imperio Romano de Oriente, o Imperio Bizantino, do Imperio Otomán e máis tarde da República de Turquía até 1923.

Aínda que dende 1923 a capital de Turquía é Ankara, Istambul segue sendo unha cidade que ten un papel fundamental na industria, no comercio e na cultura de Turquía. Alberga máis dunha ducia de universidades. É sé do Patriarcado Ecuménico de Constantinopla, cabeza da Igrexa Ortodoxa.

Lingua serbocroata

O serbocroata ou bosníaco-croata-serbio, é unha lingua eslava a falada principalmente en Serbia, Montenegro, Croacia e Bosnia e Hercegovina. É unha lingua pluricéntrica con catro variedades estándar mutuamente intelixibles.

Historicamente, os dialectos eslavos meridionais formaron un continuo dialectal. A turbulenta historia da área, particularmente despois da expansión do Imperio Otomán, deu lugar a un mosaico de diferenzas dialectais e relixiosas. Por mor das migracións de poboación, o dialecto štokavski converteuse no máis estendido nos Balcáns occidentais, introducíndose nas áreas ocupadas polos dialectos čakavica e kajkavica (ó tempo que formaba a lingua eslovena no noroeste). Bosníacos, croatas e serbios diferéncianse pola relixión, e historicamente estiveron baixo o poder de señores estranxeiros. Durante este período, a lingua tiña gran variedade de nomes, como "eslavo", "ilirio", ou dependendo da rexión "bosníaco", "serbio" e "croata", este último en combinación con "eslavonio" ou "dálmata".

Oriente Medio

Coñécese como Oriente Medio (en árabe: الشرق الأوسط) unha rexión do suroeste de Asia que vai dende Siria ata a fronteira irano-afgá, pasando pola península de Arabia.

Historicamente foi o nome con que os primeiros xeográfos europeos modernos designaron os territorios situados na beira leste do mar Mediterráneo. Coincidía aproximadamente cos fronteiras occidentais do Imperio Otomán, e por este motivo as veces incluía a península dos Balcáns. A comezos do século XX, faciase un uso máis restrinxido desta denominación, comprendendo os actuais estados de Turquía, Siria, o Líbano, Israel, Palestina e Exipto. Pero a evolució política posterior á segunda guerra mundial fixo que na actualidade abrangue tamén outros estados de maioría musulmá, desde o Magreb até Iraq e Sudán, así como Irán e mesmo Afganistán e Paquistán. Con todo, os estados incluídos varían segundo o contexto de referencia, o punto de vista utilizado, etc.O nome de Oriente Medio utilízase por medio da expresión inglesa Middle East, que se refire a unha división do Oriente anticuada, pero que trala caída do imperio Otomán se fixo máis usada en inglés e traducida a numerosas linguas. O uso da expresión Oriente Medio recibiu críticas polo seu eurocentrismo implícito Algúns medios de comunicación contemporáneos utilizan esta expresión tanto para os países europeos como non europeos, o que contrasta coa designación similar, Mashreq, que se utilita especialmente en contextos de lingua árabe.

Por diversos motivos esta é unha das zonas con máis conflitos xeopolíticos do mundo. Moitos autores destacan que o factor causante da conflictividade foi a repartición das posesións otomás despois da primeira guerra mundial, cando se predeterminou o trazado das fronteiras e o nacemento do estado de Israel. Outro factor é a cantidade de recursos naturais, como o petróleo. Durante o século XX Oriente Medio viviu varios conflitos de relevancia: catro guerras árabe-israelís, a guerra entre Iraq e Irán, a guerra do Golfo nas súas diferentes etapas, a guerra civil do Líbano, e a revolución islámica de Khomeini en Irán, con importantes repercusións para todo o mundo musulmán. A relixión islámica é na actualidade maioritaria na rexión.

Pobo grego

Os gregos, tamén chamados helenos (en grego: Έλληνες), son unha nación e un grupo étnico orixinario de Grecia, Chipre e algunhas outras rexións da contorna do mar Exeo. Tamén constitúen unha diáspora significativa, con comunidades gregas estabelecidas arredor do mundo.

Na antigüidade, os gregos organizábanse politicamente en cidades estado, e alí orixinouse o concepto de democracia. Estabelecéronse colonias e comunidades gregas ó longo da historia en moitos recunchos do Mediterráneo, malia que o groso da nación sempre se centrou arredor do mar Exeo, onde se fala a lingua grega dende a Grecia antiga. No século IV a.C, a expansión territorial máis importante dos gregos levou ó helenismo até Asia Central e a India, e despois da caída do Imperio Romano, Bizancio mantivo a cultura grega no Mediterráneo oriental até 1453. Baixo o Imperio Otomán e até o comezo do século XX, os gregos estaban instalados uniformemente entre a actual Grecia, a costa occidental de Anatolia, o Mar Negro, Exipto, Chipre e Constantinopla; en xeral, estas rexións coinciden coas fronteiras do Imperio Bizantino a finais do século XI, e tamén coa zona de colonización grega na antigüidade do Mediterráneo oriental.Despois da Guerra Greco-Turca (1919-1922), un masivo intercambio de poboacións entre Grecia e Turquía (1923) deixou case toda a poboación etnicamente grega confinada dentro das novas fronteiras de Grecia e Chipre (illa daquela integrada no Imperio británico). A nova Grecia constituíuse a partir do 1822 como un estado nación típico da época, liberado do Imperio Otomán. Outras poboacións menores de gregos étnicos pódense atopar actualmente dende o sur de Italia e o sur de Albania até no Cáucaso, e tamén nas comunidades da diáspora en moitos outros países. Actualmente, a maioría dos gregos pertencen formalmente á Igrexa Ortodoxa Grega.Pódenselles atribuir ós gregos contribucións moi notables en diversos eidos da cultura universal ó longo de toda a Historia (as artes, a literatura, a filosofía, a política, a música, as matemáticas, a ciencia, a arquitectura, a tecnoloxía, as exploracións, a cociña e o deporte).

Potencias Centrais

Potencias Centrais (en alemán Mittelmächte) é o termo empregado xeralmente para referirse á alianza de Alemaña, Austria-Hungría, o Imperio Otomán e Bulgaria durante a primeira guerra mundial.

Alemaña e Austria-Hungría aliáronse o 7 de outubro de 1879, ós que se lle uniría Italia o 20 de maio de 1882) (véxase Tripla Alianza). Porén, Italia non tiña intención de atacar a Francia, polo que o 23 de maio de 1915 entrou na primeira guerra mundial aliada co imperio Británico.

En outubro de 1914 o Imperio Otomán atacou a Rusia, provocando a declaración de guerra dos países integrantes da Tripla Entente (Rusia, Francia e o Imperio Británico).

Bulgaria, aínda resentida pola súa derrota en xullo do 1913 a mans de Serbia, Grecia, Romanía e Turquía, foi a última nación en entrar en guerra contra a Entente, invadindo Serbia en conxunción coas tropas alemás e austro-húngaras en outubro de 1915.

Bulgaria firmou un armisticio cos aliados o 29 de setembro de 1918, tras un exitoso avance aliado en Macedonia. O Imperio Otomán fíxoo o 30 de outubro tras as vitorias Británica e árabes en Palestina e Siria. Austria e Hungría fixérono por separada durante a primeira semana de novembro, ó tempo que se desintegraba o Imperio dos Habsburgo. Finalmente, Alemaña firmou o armisticio o 11 de novembro tras varios avances exitosos das tropas estadounidenses, Británicas, Francesas e Belgas no nordés de Francia e Bélxica.

Primeira guerra balcánica

A primeira guerra balcánica, tamén coñecida como primeira guerra dos Balcáns , foi un conflito militar que durou de outubro de 1912 a maio de 1913 e colocou a Liga Balcánica (Serbia, Montenegro, Grecia e Bulgaria) contra o Imperio Otomán. As forzas combinadas dos Estados balcánicos conseguiron superar as forzas otomás, numericamente inferiores e en desvantaxe estratéxica, conseguindo unha rápida vitoria. Como resultado da guerra, case todos os territorios europeos do Imperio Otomán foron conquistados e divididos entre os aliados, e creouse un estado independente albanés, por presión de Austria-Hungría e de Italia. A pesar deste logro, as nacións balcánicas quedaron insatisfeitas co resultado da guerra, e as tensións internas que xurdiran coa retirada da ameaza otomá, que ata entón os unira, levounos á segunda guerra balcánica.

Primeira guerra mundial

A primeira guerra mundial foi o segundo maior conflito bélico do século XX. Durou do 1914 ó 1918 e puxo os primeiros cravos no ataúde da hexemonía de Europa no mundo. Durante catro anos, millóns de persoas morreron nun conflito que destacou pola súa dureza, polas longas e inamovibles trincheiras e polo uso de gas mostaza para acabar coa resistencia do inimigo.

Enfrontou inicialmente a Francia, Reino Unido e mais Rusia (os aliados) contra Alemaña (gobernada por Guillerme II de Alemaña), Austria-Hungría, Bulgaria e mais Turquía (as Potencias Centrais). O causante da guerra foi o asasinato do arquiduque de Austria en Saraxevo, pero xa houbera tensións durante os anos anteriores, especialmente na construción naval entre o Reino Unido e Alemaña. Máis tarde uniríanse á guerra outros países como os Estados Unidos, Italia ou o Xapón.

Os vencedores foron os aliados, grazas á axuda de Estados Unidos, que entrou polo afundimento do RMS Lusitania o 7 de maio de 1915 , e impuxeron fortes sancións económicas e territoriais a Alemaña, á vez que desmembraron os imperios de Austria-Hungría e Turquía a partir do Tratado de Versalles en 1919. Creáronse moitos novos estados en Europa: algúns dunha soa nación (como Polonia) e outros de varias (Iugoslavia, Checoslovaquia).

Durante a primeira guerra mundial ocorreu tamén a Revolución Rusa, que fixo que Rusia pactase por separado a paz (Tratado de Brest-Litovsk) coas potencias centrais e non estivese representada no Tratado de Versalles ó atoparse en guerra civil.

As consecuencias da paz terían moito que ver nun futuro coas causas da Segunda guerra mundial.

Suleiman I

Suleiman I (Otomán: سليمان Sulaymān, Turco: Süleyman), nado o 6 de novembro de 1494 e finado o 6 de setembro de 1566, foi sultán do Imperio Otomán (1520-1566), coñecido como Suleiman o Magnífico en Occidente e Suleiman o Lexislador no mundo islámico. Durante o seu reinado o Imperio Otomán acadou o máximo prestixio e esplendor, adaptou as institucións ás necesidades do seu vasto imperio, reafirmou a súa autoridade militar tanto en Oriente como en Occidente que estendeu o seu dominio dende a fronteira con Austria ao Golfo Pérsico e dende o mar Negro a Marrocos. O reinado de Suleiman tamén destacou pola intensa actividade cultural que se desenvolveu no seu Imperio, unha auténtica idade de ouro.

Turquía

A República de Turquía (Türkiye Cumhuriyeti), ou simplemente Turquía (Türkiye) é un estado situado entre Asia (95 % do seu territorio) e Europa (5 % do seu territorio).

A península de Anatolia entre o mar Negro e o mar Mediterráneo forma o «corazón» do país. Linda ó nordeste con Armenia, ó norte co mar Negro, ó oeste con Grecia, o mar Exeo e Bulgaria, ó sueste con Irán, e ó sur con Iraq, Siria e o mar Mediterráneo, ó leste con Xeorxia e Acerbaixán. O mar de Mármara, e os estreitos turcos do Bósforo é o Dardanelos, separan Europa de Asia, polo que Turquía está considerado un país transcontinental.

Debido á súa posición estratéxica, no medio do camiño entre Europa e Asia, así como ter tres Mares, Turquía foi un cruzamento histórico entre as culturas e civilizacións orientais e occidentais. Foi berce de varias civilizacións e o lugar no que se produciron moitas batallas no transcurso da historia.

Turquía é unha república democrática, secular e constitucional, cuxo sistema político foi estabelecido en 1923 baixo o liderado de Mustafa Kemal Atatürk, trala caída do Imperio Otomán após a Primeira Guerra Mundial. Dende aquela, Turquía integrouse cada vez máis con Occidente a través da afiliación a organizacións como o Consello de Europa (1949), a OTAN (1952), a OCDE (1961), a OSCE (1973) ou o Grupo dos 20 (1999). Turquía comezou as negociacións para a adhesión plena na Unión Europea no 2005, despois de ter sido membro asociado dende 1963, presentar a súa candidatura no 1987, e estando en vigor un acordo alfandegueiro dende o 1 de xaneiro do 1996. Tamén Turquía seguiu fomentando estreitas relacións políticas e económicas co mundo oriental, especialmente cos estados de Oriente Medio, Asia Central ou Asia Oriental.

Visir

Visir (do árabe, وزير wazīr) corresponde ao termo co que varios estados históricos de Oriente Medio denominaron os asesores políticos dun monarca, de forma similar ao que foron os validos ou ministros.

No mundo árabe actual e algúns países próximos en África Oriental e Asia Central, utilízase o termo de «visir» para nomear os ministros dun gabinete e mesmo o primeiro ministro pode ser chamado como ra'īs al-wuzarā', "presidente dos ministros". Con todo, en devanditos casos, adóitase traducir ao galego o termo simplemente como «ministro», deixando o uso de «visir» unicamente como unha referencia histórica.

En textos actuais, referentes á historia do Antigo Exipto, denomínase visir (anacronicamente) ao máximo dirixente ou "primeiro ministro", cuxa autoridade só era superada pola do faraón, asumindo varias das súas funcións por delegación.

Historia de Anatolia
Imperios Antigos
Imperios Medievais
Imperios Modernos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.