Ilustración en Galicia

O movemento da Ilustración en Galicia desenvolveuse, coma no resto de Europa, no século XVIII, e representou un novo interese polas ideas empíricas na filosofía, na política económica ou nas ciencia. Neste contexto comezou un proceso de construción e recuperación da conciencia da personalidade histórica, cultural e económica do reino de Galiza da man dos ilustrados galegos, persoeiros de letras que entendían a Galiza como unha sociedade diferenciada e como un reino cunhas necesidades específicas.

Martín Sarmiento.jpeg
Retrato de Frei Martín Sarmiento.

Iniciativas

Na gran tarefa de modernizar o reino, de aproveitar os seus recursos humanos e naturais, tiveron un destacado papel as sociedades e academias galegas. Foron creadas, entre outras, a Academia de Agricultura del Reino de Galicia (inaugurada o 20 de xaneiro de 1765), a Sociedad Económica de Amigos del país del reino de Galicia (15 de febreiro de 1784) ou as Sociedades de Amigos do país de Santiago de Compostela (1784) e Lugo (1785), así como ambiciosas propostas como o Real Montepío de Pescadores del reino de Galicia (1775). Os ilustrados foron os primeiros en denunciar as penurias do reino, a maior parte delas derivadas da negativa política que nel levaron a cabo o Reis Católicos e os Habsburgo. Deste xeito denunciouse o estado das vías de comunicación, as importacións innecesarias, a masiva emigración, as políticas de aculturización lingüística e, en definitiva, a marxinación económica do reino. Deste modo conseguíronse éxitos como a constitución na Coruña do Consulado Marítimo e Terrestre co que se habilitou a cidade para comerciar coas colonias americanas.

Persoeiros

Pola súa enorme contribución á lingua e cultura do reino destacan dous eclesiásticos, Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro e Martín Sarmiento (Catálogo de voces y frases de la lengua gallega, 1745-1755). O primeiro denunciou antes ca ninguén a miseria do sector campesiño galego propoñendo cambios na administración do reino; o segundo con amplos coñecementos de botánica, medicina natural e arquivística, dedicouse á filoloxía sendo un aférrimo defensor do galego (idioma do reino), erguendo a voz contra aqueles que trataban de desprestixialo.

No eido económico, entre outros destacan persoeiros aos que se lles deben numerosas obras de vital importancia no desenvolvemento económico e que pertencen a diferentes grupos sociais. Aparecen aristócratas (fidalgos) tales como Xosé Cornide de Saavedra (Memoria sobre la pesca de la sardina en las costas de Galicia,1774), Pedro Antonio Sánchez -cofundador da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago (1784)- ou Lucas Labrada (Descripción económica del Reyno de Galicia,1804); eclesiásticos como Juan Francisco de Castro ("Discursos críticos sobre las Leyes, y sus Intérpretes", 1765) e comerciantes como Antonio Raimundo Ibáñez.

A Galicia feudal

A época baixomedieval esténdese desde o século XI até a época da conquista de Constantinopla polos árabes e da descoberta de América, a fins do século XV. Para comprender mellor este período consulte o artigo sobre a Idade Media.

Cultura castrexa

A cultura castrexa foi un conxunto de manifestacións culturais do noroeste da Península Ibérica que durou desde finais da Idade de Bronce (século IX ou VIII a.C.) ata o século I d.C. A súa característica máis notábel son os poboados amurados coñecidos como castros (do latín castrum, campamento), dos que toma o nome; só reciben o nome de citanias determinados castros portugueses (como, por exemplo, o de Briteiros), onde esa palabra se emprega como topónimo do castro. A súa área de extensión chega ata os ríos Navia e Túa polo leste e o Douro polo sur.

Desenvolveuse durante a Idade de Ferro sobre un forte substrato indíxena da etapa final da Idade de Bronce. A esta compoñente precastrexa sumáronselle influencias culturais centroeuropeas, atlánticas e mediterráneas; as primeiras serían consideradas tradicionalmente celtas e de aí a identificación tanto culta como popular e mítica que deu raíz ao celtismo. No lento período formativo, que duraría ata o século V a.C. os castros fóronse estendendo de sur a norte e da costa cara ao interior. Esta cultura desenvolveuse a continuación durante dous séculos e comezou a ser influenciada pola cultura romana no século II a.C. e continuou na forma de Cultura Galaico-romana despois da invasión romana e ata os séculos III ou mesmo o IV d.C.

Era Compostelá

Á Era Compostelá ou Época de Xelmírez foi unha das época de maior brillo e de maior desenvolvemento económico da historia de Galiza. Desenvolveuse durante o século XII, a raíz do período de rexencia do Arcebispo Xelmírez da cidade de Santiago de Compostela.

Galaicos

Galaico é un termo actual derivado do latino gallaeci ou callaeci e do grego Καλλαϊκοί, que designaba un conxunto de pobos de cultura e lingua celtas ou celtizadas -sen que exista consenso entre os investigadores- do noroeste da Península Ibérica antes e durante o Imperio Romano. O termo gallaecus/gallaeco tamén designou, desde finais do Imperio de Occidente ata entrada a Idade Media, os habitantes de Gallaecia e Galicia, evolucionando lingüisticamente ata o xentilicio actual galego.

Aínda que poidamos falar dos galaicos durante a Idade Media, tradicionalmente o termo aplícase ao período previo á integración destes pobos no Imperio romano, servindo tamén como xentilicio culto para os habitantes da actual Galicia, do mesmo xeito que se empregan os cultismos galo, xermánico, anglosaxón ou luso, aos habitantes de Francia, Alemaña, Inglaterra e Portugal respectivamente.

Galicia altomedieval

A época altomedieval esténdese desde a caída do Imperio Romano de Occidente até o ano 1000. Para comprender mellor este período consulte o artigo sobre a Idade Media.

O Imperio Romano caeu baixo a presión dos movementos migratorios xermanos. A comezos do século V, tres destes pobos repartíronse a Península Ibérica a través de foedus e a Gallaecia pasou así en 411 a mans de suevos e vándalos asdingos (que posteriormente a abandonarían).

Galicia na Idade Contemporánea

Galiza viviu desde o inicio da Idade Contemporánea, que abrangue os séculos XIX e XX, en permanente estado de atraso económico, cunha leve recuperación no último terzo do século XX. Cun modelo de crecemento continuado -aínda que baixo- as posibilidades económicas non permitían absorber este incremento da poboación, provocando así un forte movemento migratorio que se converteu en endémico a partir de mediados do XIX.

Galicia na Idade Moderna

A Idade Moderna comezou en Galicia a fins do século XV coa súa inclusión definitiva dentro do proceso de construción do estado absolutista español. A partir do que a historiografía ten chamado "doma e castración do reino", o reino de Galicia perdeu iniciativa política e autonomía económica e a súa historia debe ser considerada a partir de entón dentro do marco da española. Nomeouse un Gobernador ou Capitán Xeral, constituíuse a Real Audiencia e designáronse tamén Corrixidores para as principais cidades que, con outras figuras, fixeron posíbel a consolidación dun poder monárquico centralizado. Cos Borbóns, a comezos do XVIII, a Intendencia asumiu as competencias de facenda e militares, os correxedores as de policía e xustiza, e a Audiencia concentráronse nas de xustiza. Desde 1500 existiu unha Xunta, especie de parlamento sen poder ningún.

Gallaecia

A Gallaecia foi unha provincia romana do noroeste da Península Ibérica que abranguía o que hoxe é a comunidade autónoma de Galicia, o norte de Portugal e as provincias españolas de Asturias, León e Zamora. As súas capitais estaban en Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga).

Historia de Galicia

A historia de Galiza comeza co nacemento da propia Galiza, que é fixado tradicionalmente arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos —kallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.

O feito de que no ano 298 d. C. o emperador Diocleciano decidise elevala ao rango de provincia consular —ampliando así tamén o seu territorio— supuxo un acrecentamento da súa cohesión política, pois desta maneira pasaba a estar baixo o goberno dun cónsul romano. A súa definitiva consolidación estatal chegaría no ano 409 d. C., cando o rei suevo Hermerico funda nela o primeiro reino de Galiza, afianzando a existencia de Galiza ata os nosos días.

A ocupación humana do territorio correspondente á actual Galiza, non obstante, é moito máis antiga cá chegada de Roma, existindo testemuños arqueolóxicos que certifican o seu poboamento desde o Paleolítico inferior. Estas poboacións recibiron diversas achegas culturais durante milenios, formando parte xa na Idade de Bronce da área cultural atlántica que se deu entre as terras máis occidentais de Europa. A finais da Idade de Ferro estas poboacións autóctonas formaban unha unidade cultural, que os romanos denominaron como galaicos e que supoñen o principal substrato da poboación actual en Galicia.

Do mesmo xeito, durante os séculos seguintes Galiza recibiu sucesivos asentamentos de xente, entre os que destacan romanos, suevos e bretóns, que non só se integraron na poboación autóctona senón que tamén influíron decisivamente na súa vida, como foi o caso da cultura romana que propiciou a formación dunha nova lingua autóctona, o galego. Ata o ano 1833 mantívose coma un reino, no ano 1933 recibe o recoñecemento internacional da súa realidade nacional e desde 1981 organízase xurídica e administrativamente como unha comunidade autónoma dentro do Estado español.

Idade Antiga de Galicia

Coñécese como protohistoria o período de cada cultura sobre o cal non existen textos escritos producidos pola propia cultura que se investiga, pero si referencias en autores doutras civilizacións. Para Galiza, as fontes son as greco-latinas, polo que este período se inscribe xeralmente na Idade Antiga.

As primeiras mencións que teñen chamado a atención son a de certas illas, as Casitérides, nas que abundaba o estaño. Pero o coñecemento do Occidente foi extremadamente limitado até a época helenística. A primeira referencia é a dun viaxeiro marsellés de fins do século IV a. C., Piteas, quen menciona o cabo Nerio e a tribo dos ártabros. Estas informacións foron recollidas por Eratóstenes (século III a. C.); máis tarde escribiron Polibio (século II a. C.), Artemidoro, Posidonio e Estrabón (século I a. C.), Plinio o Vello (século I) e Ptolomeu (século II).

A indoeuropeización do cuadrante norocidental da Península Ibérica durante o Idade de Bronce foi continuada por elementos se cadra célticos durante a Idade de Ferro, a partir do século VI a. C. Apareceu así a cultura castrexa, caracterizada polos castros ou citanias, poboados fortificados sen apenas urbanismo. Aínda que por veces ferro e Cultura castrexa se fagan equivalentes, convén distinguir entre os dous conceptos porque a transición entre Bronce e Ferro é aínda bastante descoñecida e non está claro que elementos anteriores pervivíron e de onde proveñen os trazos prototí­picos do mundo castrexo. En efecto, os castros máis antigos datan dos séculos VIII e VII a. C. Esta área cultural ten o seu límite oriental no río Navia e o Bierzo e o meridional no río Douro. Non se deu en ningún momento un proceso de construción de entidades de tipo estatal, xa que se trataba dunha sociedade de tipo xentilicio. Da lenta fusión por aculturación entre os mundos castrexo e provincial romano xorde a cultura galaico-romana.

Idade de Bronce en Galicia

Os primeiros metais e a cerámica campaniforme chegaron a Galiza procedentes de Portugal hai uns 4 000 anos, durante o Calcolítico ou Idade do Cobre.

Na Idade de Bronce (1800-700 a.C.), a metalurxia comezou a evidenciar cambios tanto na forma coma na técnica coa aparición do bronce. A base económica foi a agricultura e a gandería e mailo aproveitamento dos recursos mariños; aínda que a metalurxia do bronce debeu xogar un importante papel, mesmo no crecemento dos intercambios destes bens coa Europa atlántica e co Mediterráneo peninsular.

Son numerosas as pezas de ourivaría que conservamos: pulseiras, diademas, brazaletes,etc., o que evidencia a xerarquización desta sociedade. Pola súa cantidade e calidade destaca o tesouro de Caldas de Reis (Caldas de Reis), hoxe no Museo Provincial de Pontevedra, así como o casco de Leiro (Leiro, Rianxo), no Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón, na Coruña.

A importancia da guerra para esta sociedade vén marcada polo numeroso armamento metálico atopado: puñais, machadas, punta de lanza ou espadas. Os lugares nos que apareceron os restos de maior importancia son Leiro, O Hío (Cangas) e Roufeiro (Nocelo da Pena, Sarreaus).

Da Idade de Bronce consérvase unha gran cantidade de gravados en penedos ao aire libre, denominados petróglifos. Aparece a finais desta época a Cultura castrexa.

Megalitismo en Galicia

Para comprender mellor os caracteres xerais deste fenómeno tan estendido, consulte o artigo megalitismo.Galiza, o norte de Portugal até o río Douro, Asturias e o occidente das provincias de León e Zamora formaban parte dunha mesma zona megalítica, con arquitecturas, enxovais, unha organización social e un sistema de crenzas que hoxe estimamos relativamente homoxéneos. O megalitismo atlántico peninsular caracterízase pola abundancia de sitios arqueolóxicos, máis de cinco mil só en Galiza, e revela a existencia dunha poboación numerosa e moi espallada. O fenómeno tumulario galego dátase entre o VI milenio antes de Cristo e o 2000 a. C.

O megalitismo corresponde ás primeiras sociedades campesiñas, que habitaban un territorio dominado polo bosque caducifolio (carballos, piñeiros e bidueiros). O período climático é o que se coñece coma período atlántico e parte do subboreal, isto é, un clima cálido cunha temperatura media superior á actual, mais bastante chuvioso. Abundaban tamén os prados. Detéctase unha menor porcentaxe de arboredo no contorno dos sitios arqueolóxicos, probabelmente debido á deforestación co obxecto de aproveitar a leña.

Suponse que os lugares habitados non estarían lonxe de onde se atopan os túmulos, mais son poucos os que se teñen atopado. De aí a famosa frase de Alonso del Real: "Os habitantes do mundo megalítico morrían, pero non vivían".

Pedro Antonio Sánchez Vaamonde

Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, nado o 10 de abril de 1749 na parroquia de Santaia de Curtis (Curtis) e falecido o 4 de outubro de 1806 en Santiago de Compostela, foi un relixioso e escritor, destacado ilustrado do século XVIII.

Romanización de Galicia

Para o sistema de transliteración, ver romanización (lingüística)

A romanización o proceso polo que os territorios conquistados polo Imperio Romano ían adoptando os costumes, técnicas, relixión e finalmente idioma destes.

Séculos Escuros

Denomínanse Séculos escuros a un período histórico que abrangue os séculos XVI, XVII e XVIII. Caracterízase pola ausencia case total de literatura galega e polo estado de prostración e marxinación social da lingua galega a raíz da imposición do castelán. Esta entra nun período de decadencia e perde o seu uso nos rexistros oficiais, e dunha maneira paralela prodúcese unha enorme perda do poder político do reino de Galicia.

Xunta Suprema do Reino de Galicia

A Xunta Suprema do Reino de Galicia foi unha institución vixente en 1808 no marco da guerra da Independencia española para cubrir a ausencia de poder tralo apresamento do rei Fernando VII.

A Idade Contemporánea ábrese en Galicia coa epopea da guerra da Independencia, na que todo o país se converteu nunha guerrilla contra o invasor francés. A Igrexa entregouse en favor da loita; os clérigos colgaron hábitos e sotanas e empuñaron as armas, e os que por idade (ou pola súa pusilanimidade) quedaron na retagarda, apoiárona desde púlpitos e confesionarios. Os fidalgos, que se consideraban señores naturais dos seus súbditos campesiños, en poucas ocasións como nesta puideron exercer un liderado que lles permitise consolidar o prestixio das familias: os pazos foron cuarteis e almacéns onde os campesiños encontraban, desta vez, de todo, desde armas e municións até prórrogas para o pagamento das rendas. A burguesía das cidades marítimas, despois dunha inicial dúbida sobre que partido tomar, entregouse igualmente á causa achegando diñeiro, enviando os seus fillos ás escolas de cadetes e, sobre todo, asumindo (non desinteresadamente, é certo) as pesadas responsabilidades dunha burocracia militar e civil cada día máis complicada.

Todos colaboraron eficazmente; pero, sobre todo, estivo en primeira liña o campesiñado, que era a maioría da poboación. Quizais desde a gran guerra irmandiña nunca os campesiños galegos se entregaran tan vehementemente a unha causa coma nesta ocasión. A guerra foi, pois, unha epopea popular.

A cidade da Coruña foi, en maio de 1808, a primeira que se levantou en armas contra os franceses, cando os alarmantes rumores sobre a entrega das autoridades, e por tanto do país, a Napoleón inquietaron á poboación. Pouco despois alzouse a de Santiago e, a continuación, todas as demais cidades e vilas seguiron o exemplo das dúas principais urbes galegas, formando Xuntas de goberno que, a instancias da Coruña, acabaron confluíndo e integrando a Xunta Suprema do Reino de Galicia que actuou, durante menos dun ano, apenas seis meses, como soberana xa que, imposibilitado Fernando VII, preso e cativo en Francia, actuou, no seu nome, como o goberno dun reino independente.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.