Illa de Santa Comba

A Illa de Santa Comba tamén coñecida como "Illa do Medio" é unha illa galega, situada na provincia da Coruña, na costa norte do concello de Ferrol (parroquia de Covas). É unha illa alargada, de 5 hectáreas de superficie e completamente chaira. En realidade é unha antiga península que a erosión mariña, producida pola forza das ondas, separou da terra firme. Cando baixa a marea únese a terra por un estreito tómbolo de area, e cando esta sobe a illa queda dividida en tres porcións por angostas e profundas canles. Existe unha ermida consagrada a Santa Comba, cuxas orixes remóntanse ao século XII, é propiedade da Igrexa, e ao seu redor levouse a cabo unha importante escavación arqueolóxica onde se descubriu un antigo asentamento castrexo con forno de fundición de metal e unha necrópole altomedieval.

Santa Comba
Insua do Medio
Illa de Santa Comba 1
Insua do Medio ou insua da Santa
Illa de Santa Comba en A Coruña

Illa de Santa Comba
Illa de Santa Comba
Localización no mapa provincial.
Situación
PaísGaliza Galiza
ProvinciaA Coruña
MarOcéano Atlántico
Coordenadas43°33′20.7″N 8°17′28.1″O / 43.555750, -8.291139Coordenadas: 43°33′20.7″N 8°17′28.1″O / 43.555750, -8.291139
Xeografía
Superficie0´05 km²
Demografía
PoboaciónDeshabitada

Lenda

Segundo explican Esperanza Piñeiro de San Miguel e Andrés Gómez Branco no seu libro "Un mar de lendas polo noroeste de Galicia", un volume que conta con ilustracións do xa falecido González Collado, a tradición oral conta que a santa chegou á illa que lle deu nome a bordo dunha barca de pedra, acompañada do seu fillo San Silvestre. E, nun pequeno montículo da Illa do Medio, aí está esa suposta máxica embarcación para atraer a atención dos visitantes. Trátase dunha pila pétrea que, segundo apuntan na súa obra San Miguel e Branco, posiblemente utilizábase no pasado como faro, «facendo nela lume para orientar aos navíos», aínda que López Hermida asegura que «os entendidos» probaron que se trata dun antigo sarcófago.

Intentaron trasladala varias veces pero nunca se deixou, pois din que canto máis trataban de movela, máis se afundía na terra.

Historia

A illa tamén conten os restos dun asentamento cuxa orixe remóntase á Idade do Ferro, con ocupación en época romana e alta medieval, segundo o arqueólogo, Alberto González, que participou nas escavacións que se levaron a cabo no sitio a principios deste século. Entre outros, estes traballos descubriron un dos fornos metalúrxicos máis antigos de Galicia.

É posible observar practicamente en todos os cortes dos cantís das illas e na zona do antigo istmo abundantes estruturas, muros e quizais pavimentos que foron fracturados pola actividade erosiva do mar.

Na zona de terra firme consérvase unha pequena testemuña dun posible parapeto construído de terra e pedra. A ambos os dous lados dúas profundas gabias fan pensar nun foso de reforzo do sistema defensivo. No lado N do parapeto e a unha cota baixa en relación co chan actual apréciase unha serie de muros construídos no interior deste foso. Este asentamento castrexo podería atoparse relacionado coa próxima mina de Cobarradeiras, posible explotación de orixe romana situada no marco do dominio do xacemento primario de ouro Valdoviño-Aranga.

O emprazamento peninsular posúe as características necesarias para o asentamento na mesma dun núcleo de poboación galaico-romano, como punto de control e comercio do mineral extraído, fácil defensa, cursos próximos de auga doce, comunicación sinxela cos vales interiores, acceso aos recursos pesqueiros e marisqueiros, perfectamente recoñecible desde o mar polos barcos e a presenza de amplas praias para varar os navíos.

Coa chegada da cristianización, estes lugares "pagáns" adoitan sacralizarse mediante a construción de santuarios cristiáns, factor que puido influír na elección do lugar para situar a ermida.

Galería de imaxes

Illa de Santa Comba 2

Canle entre a insua da Santa e a insua do Toxo

Illa de Santa Comba 3

Canle entre a insua do Toxo e terra firme

Castro de Santa Comba

O Castro de Santa Comba é un castro costeiro situado na illa de Santa Comba (concello de Ferrol), formada actualmente por tres illas, con orientación NO-SE. Sobre a illa central, a de maior tamaño, está a Ermida de Santa Comba, do século XI.

Covas, Ferrol

San Martiño de Covas é unha parroquia rural que se localiza no norte do concello de Ferrol, na provincia da Coruña. Segundo IGE en 2013 tiña 921 habitantes (478 mulleres e 443 homes), distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución constante en relación aos anos 2004, cando tiña 973 habitantes, e 1999, con 992 habitantes.

Limita ao norte co Océano Atlántico, ao sur coa parroquia de Esmelle, ao leste coa de Marmancón e ao oeste coa de Esmelle. Covas conta cunha biblioteca especialmente dedicada á promoción da lectura entre o público infantil, fundada pola asociación cultural Columba.

Galería de imaxes de Covas, Ferrol

San Martiño de Covas é unha parroquia rural que se localiza no norte do concello de Ferrol

Illa Ansarón

A Illa Ansarón ou illa do Ansarón é unha illa da provincia de Lugo, situada no concello de Xove. Coas súas 10 hectáreas de extensión é unha das maiores illas da costa lucense. É alta (acada os 80 metros de altitude) e abrupta, con cantís produtores de percebe e áreas de cría de aves mariñas.

Illa Gavoteira

A Illa Gavoteira (A Gavoteira) é unha illa galega da provincia da Coruña, situada ao nordés da Illa de Sálvora, da que a separa a canle coñecida como Paso Interior de Sálvora, a 1,2 quilómetros desa illa. A súa hectárea de superficie non é máis que un gran peñón de aspecto esferoidal que descansa sobre un leito de bolos graníticos. A illa está completamente cuberta de guano e carece de vexetación. Forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas en Galicia.

Illa Herbosa

A Illa Herbosa é unha illa galega da provincia da Coruña, situada ao Nordés da Illa de Sálvora, da que a separa a canle coñecida como Paso Interior de Sálvora, a 1,1 quilómetros desa illa. Ten 1,6 hectáreas de superficie e está formada por enormes penas graníticas que deixan un escaso espazo para unhas pequenas manchas de vexetación herbácea. Lugar de cría de aves mariñas, especialmente gaivota patiamarela. Abundan os lagartos (que alcanzan dimensións considerables) e as ratas. Forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas en Galicia.

Illa da Marma

A Illa de Marma é unha illa pertencente ó concello do Grove, situada na Ría de Arousa, ó este da península do Grove.

Ten 10 hectáreas de superficie pero, como outras illas que alí se atopan, chega a quintuplicar o seu tamaño coas baixamares. É baixa e completamente chaira, cunha praia na súa parte norte. A súa superficie está cuberta de marismas e herbazal.

É un importante pousadoiro de aves mariñas e forma parte da zona protexida do Complexo Intermareal Umia-O Grove.

Illa da Toxa Pequena

A Illa da Toxa Pequena é unha illa pertencente ó concello do Grove, situada a levante da Illa da Toxa, da que a separa unha canle de medio quilómetro de ancho.

Ten 10 hectáreas de superficie e é moi estreita e alongada (875 metros de norte a sur). Trátase dun illote baixo pero agreste, rochoso e cuberto de vexetación arbustiva. Importante banco marisqueiro e antigo lugar de pasto de gando. Aínda hoxe percórrena varios carreiros abertos polos mariscadores. Durante a Guerra Civil española foi lugar de refuxio dos perseguidos republicanos[Cómpre referencia].

Illa de Area

A Illa de Area (Illa da Insua da Area) é un illote de Lugo situado en plena ría de Viveiro, municipio ao que pertence. Ten unha característica orografía intricada cuberta de verde e cun arboredo de vellos piñeiros e eucaliptos. No pasado era moi frecuentada por campistas, actividade hoxe prohibida. Chegou a estar habitada estacionalmente durante o verán (a pesar do seu reducido tamaño), por iso consérvanse aínda as ruínas dalgunhas casas. O illote despoboouse a mediados do século XX.

Illa de Beiro

A Illa de Beiro é un illote deshabitado galego da Ría de Arousa, a medio camiño entre a Illa da Toxa e a costa do municipio de Cambados. Ten 6 hectáreas de superficie e é totalmente chaira, e baixa, cunha praia na súa costa norte e roquedal cara ao sur e oeste. Cóbrea vexetación halófila e cando as mareas son baixas pode chegar a quintuplicar o seu tamaño. Atópase situada dentro da área protexida Complexo Intermareal Umia-Grove-A Lanzada.

Illa de Insua Bela

A Insua Bela é un pequeno illote rochoso entre Aguiño e a illa de Sálvora. Alí aproan as lanchas para ir e vir entre eses lugares, librando as touzas e baixos da canle.

Illa de Noro

A Illa de Noro (Illa de Ñoro) é unha illa galega da provincia da Coruña, situada ao leste da

Illa de Sálvora, da que a separa a canle coñecida como Paso Interior de Sálvora, a 1,2 quilómetros desa illa. É unha mole de 4 hectáreas de superficie conformada por bolos graníticos que se elevan ata os 42 metros de altitude, polo que a illa ten unha destacada forma de peñón resquebraxado. A parte sur é chaira e cuberta de pradería, e na norte álzase o peñón. É lugar de nidificación tanto de aves mariñas como terrestres. Forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas en Galicia.

Illa de Pombeiro

A Illa de Pombeiro (Illa do Pombeiro) é unha illa galega da provincia de Pontevedra situada ao Oeste da península do Grove, preto da costa. Conta con 2 hectáreas de superficie rochosa e áspera, case sen vexetación (que se reduce á herbácea). Está atravesada por grandes gretas aproveitadas polas aves mariñas para aniñar (antigamente debérono de facer as pombas tamén, como indica o seu nome, que significa lugar de pombas). Banco marisqueiro.

Illa de Tourís Novo

A Illa de Tourís Novo (ou, simplemente, Tourís) é unha illa pertencente ó concello do Grove, situada na Ría de Arousa, ó nordeste do istmo da Lanzada. Ten 15 hectáreas de superficie pero, como outras illas que alí se atopan, chega a quintuplicar o seu tamaño coas baixamares. É case completamente areosa, chaira e baixa, con zonas de lodo e manchas de marisma.

Forma parte do espazo protexido denominado Complexo Intermareal Umia-O Grove.

Illa do Penedo da Insua

A Illa Penedo da Insua (Illa da Insua, Illa do Penedo da Insua) é unha illa galega situada na provincia de Lugo, na costa de Ribadeo, non lonxe da coñecida Illa Pancha. Mide 1,9 hectáreas. É abrupta e inhóspita, de cima chaira e cuberta de herba, separada de terra firme por unha estreita canle de fortes correntes.

Illa dos Forcados

A Illa dos Forcados é unha illa galega da provincia da Coruña, situada na parroquia de Lira, concello de Carnota. É unha illa baixa e completamente pedregosa. A pesar da súa extensión relativamente grande (5 hectáreas) carece e careceu de calquera tipo de construción ou actividade humana (fóra da pesca somera), debido a ser completamente pétrea e imposible de abordar.

Illas Alvedosas

Non confundir co río Alvedosa

As illas Alvedosas son un grupo de dous illotes rochosos situados na desembocadura do río Verdugo, no fondo da Ría de Vigo. Pertencen á parroquia de Arcade, no concello pontevedrés de Soutomaior. Na actualidade están deshabitadas e son propiedade privada.

Illas Centoleiras

As illas Centoleiras son un arquipélago galego da provincia da Coruña. O total do arquipélago suma algo máis de 9 hectáreas de superficie (sen contar a importante extensión de arrecifes).

Esténdense en prolongada cadea a levante do porto de Aguiño (municipio de Ribeira) e son un total dunha ducia de illas e sobre todo illotes e arrecifes moi perigosos para a navegación. O maior dos illotes é a illa do Carreiro, que conta con 6,5 hectáreas de extensión, a pesar do cal é enteiramente rochoso, como o resto dos illotes. O nome do arquipélago venlle dado por ser unha importante zona de pesca de centola e outros crustáceos, e considérase a estas illas como un dos viveiros naturais da Ría de Arousa (Álvaro Cunqueiro).

Illas Sagres

As Illas Sagres son un arquipélago galego da provincia da Coruña, situado na costa da parroquia de Aguiño, concello de Ribeira, fronte ao Cabo Falcoeiro, no último extremo da península do Barbanza. Forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas en Galicia.

O arquipélago, de 13,5 hectáreas en total, está formado por máis dunha ducia de pequenas illas e illotes, dos que soamente dous alcanzan certa envergadura (a maior conta con 5,4 hectáreas). Son illas totalmente rochosas, ata a maior, aproveitadas para un rico marisqueo e pesca superficial. Posúe tamén unha importante colonia de aves mariñas, especialmente de corvo mariño e gaivota patiamarela.

O lugar está infestado de historias de naufraxios, por estar rodeado de arrecifes someros e outros que velan e desvelan coa marea.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.