Illa de Sálvora

A Illa de Sálvora está situada na boca da ría de Arousa. Pertence na actualidade á parroquia de Aguiño (concello de Ribeira), creada no ano 1959. Anteriormente a illa dependía da parroquia de Carreira, a que fora durante moitos séculos a parroquia máis poboada e rica da comarca, así como a máis antiga. Xunto cos illotes Vionta, Herbosa e Noro e as Sagres forma o arquipélago de Sálvora, integrado xunto cos de Cíes, Ons e Cortegada no Parque nacional das Illas Atlánticas no ano 2002.

Durante anos estivo poboada e tivo actividade agrícola, gandeira e pesqueira, pero está case deserta desde 1972. Na illa, que foi de titularidade privada ata 2007,[1] atópanse, amais da aldea, oito hórreos, un lavadoiro e a fonte da Telleira ou de Santa Catarina, un almacén de finais do século XVIII ampliado cara 1963 con dúas torres con aire de pazo, unha antiga taberna reconvertida en capela, un faro, un peirao, un cruceiro, dous muíños e a estatua dunha serea. A parte do interior da ría conta con areais frecuentados por mergulladores deportivos.

Coordenadas: 42°28′24.96″N 9°0′42.12″O / 42.4736000, -9.0117000

Illa de Sálvora
Sálvora-Aguiño11eue
En primeiro plano, Carreira e Aguiño. Ó fondo, a Illa de Sálvora.
Localizacion Ria de Arousa.Galicia
Localización da illa de Sálvora.
Situación
PaísEspaña España
RexiónGalicia Galicia
ProvinciaA Coruña
ArquipélagoSalvora
MarRía de Arousa
Xeografía
Superficie1,9 km² km²
Longura máxima2 km
Punto máis altoAs Gralleiras (71 msnm)
Distancia a terra3 km
Demografía
PoboaciónDeshabitada

Etimoloxía

Segundo E. Bascuas, "Sálvora" é unha forma de orixe paleoeuropea, derivada da raíz indoeuropea *sae- 'ondada, auga que flúe, corrente'. Este topónimo figura rexistrado no ano 899 como "insulam Saluare".[2]

Historia

No ano 899 o rei Afonso II dóaa ao cabido catedralicio de Santiago, que a reclama co fin de obter recursos para o seu sustento. Esta doazón, que incluía Ons, Tambo, Arousa, Cíes e Framio, confirmouna o rei de Galicia Ordoño II ao bispo Sisnando no ano 911. Xa no ano 1120 a illa fora invadida por naves sarracenas que se refuxiaron nela esperando reforzos cando se dispoñían a invadir estas terras, máis a tardanza daquela axuda, fixo que os navíos cristiáns enviados por orde do arcebispo de Santiago se apoderasen das naves invasoras, freando por longo tempo estas incursións. A partir de entón, esta illa descoñecida comeza a ser ambicionada pola nobreza do momento. O desinterese do Cabido Compostelán por Sálvora, fixo que a partir desa época, os veciños de Carreira ocuparan a illa para utilizala como terreos de cultivo, chegando a establecerse nela permanentemente anos máis tarde.

No ano 1770, o comerciante coruñés Jerónimo de Hijosa instalou por poder unha fábrica de secado e salgadura de peixe, que en 1960 engadíronselle dúas torres e ameas, e hoxe é coñecida como O Almacén, sendo a primeira factoría de salgadura de Galicia.

Por esta illa comezarían os preitos no ano 1789 entre os veciños de Carreira encabezados polo seu cura párroco, Manuel Acuña e Malvar, contra "Don Vicente Caamaño Valera e Gayoso, Cavallero da orde de San Juan de Malta, Brigadier da Real Armada, Veciño da Vila de Ferrol", ao obter este unha Real Cédula para instalar unha pesqueira de atúns que ademais da illa ocuparía unha concesión de catro leguas ao redor dela, co que os mariñeiros de Carreira quedarían practicamente sen poder faenar nestas augas, o cal sería unha ruína para as súas economías familiares.

A principios do século XIX, as dificultades económicas fan que os habitantes de Carreira desprácense á illa para traballar como caseiros de explotacións agrícolas e gandeiras. Consolídase unha pequena aldea con oito casas ao redor dunha praza e dúas fontes de auga potable. A poboación era de 60 persoas e coñecíaselles polo nome da casa que habitaban.

Os caseiros pagaban ao amo (a familia Otero-Goyanes) a metade das recollidas agrícolas e a metade do gando nado na illa da súa propiedade.

Sálvora e o Concello de Ribeira foron honrados como "moi humanitarios", e especialmente catro mulleres foron condecoradas como Heroínas de Sálvora, polo auxilio aos náufragos do vapor-correo "Santa Isabel", no ano 1921 e que deixaría tras de si un rastro de 213 mortos.[3]

O principal lugar de relación social era a taberna, situada á beira do antigo almacén de salgadura, lugar onde se reunían os pescadores. Esa taberna converteríase cara a 1960 na capela de Santa Catarina, patroa da illa.

O Ministerio de Obras Públicas construíra en 1862 un faro, ao bordo sur da illa. A illa foi expropiada polo estado en 1904, que construíu a pista, o peirao, e inaugurou en 1921 o faro actual, de maior altura e se cadra non ben situado, polo que posteriormente houbo que voar toneladas de rochas que dificultaban o seu alcance no sector noroeste. O MOP construíu un pequeno peirao na praia do Almacén, fronte á taberna que o xa marqués consorte de Revilla, máis tarde, converteu na Capela de Santa Catarina.

En 1958 a familia Otero-Goyanes recuperou a propiedade da illa, xunto cos illotes de Vionta e Noro, estando a illa libre de cargas fiscais e sendo o prezo de compra ao estado español de 1.293.758 pesetas da época. Joaquín Otero Goyanes, Xeral Auditor da Armada, conseguiu unha concesión dos bens do estado, en réxime de usufruto por 99 anos, que na práctica polas condicións da concesión supuxo unha cesión da titularidade de praias, camiños e fontes, que en seis ocasións foi ratificada polos tribunais.

En 1960 Joaquin Otero reconstruíu a Fonte dá Telleira, chamándoa fonte de Santa Catarina, adornada cos banzos da escaleira de caracol do faro vello, outros restos foron empregados nas torres engadidas ao almacén e nun lavadoiro, transpórtase á illa un tractor e instálase un xerador eléctrico. Todo iso con fondos do servizo de extensión agraria.

Pouco durarían xa os colonos, que reclamados pola instalación en terra de industrias propiedade da familia, decidiron irse a vivir ao continente. Aínda así o último habitante abandonou a aldea en 1972.

En marzo de 2007 a Illa foi adquirida por Caixa Galicia por 8,5 millóns de euros e a finais dese mesmo ano o Ministerio de Medio Ambiente exerceu o seu dereito de tenteo, comprando Sálvora, Vionta e Noro por esa mesma cantidade. A Xunta de Galicia, que figura como titular da paraxe desde o 1 de xullo de 2008, conxuntamente co Ministerio de Medio Ambiente iniciaron os traballos para rehabilitar o enclave.

Notas

  1. O Ministerio de Medio Ambiente pecha a merca de Sálvora Consello de Cultura Galega, 11 de setembro de 2007
  2. Cf. pág. 541 de "La Hidronimia de Galicia: tres estratos ..". http://www.mondonedoferrol.org/estudios-mindonienses/MINDONIENSES%2024%20[protegido].pdf
  3. Andrés Pérez Gude. "Heroínas de la Isla de Salvora". Canal de Historia (en español). Consultado o 11, 11,2008.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes da illa de Sálvora.
Sálvora11eue

Peirao de Castiñeiras, ó fondo, Sálvora.

Aldea de Sálvora, Aguiño, Ribeira

Aldea de Sálvora.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Fernández de la Cigoña, Estanislao (1991). Illas de Galicia. Cíes, Ons, Sálvora, Tambo, San Simón e Cortegada. Vigo. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-582-7.
  • Xosé María Fernández Pazos (1998). Sálvora: memoria dun naufraxio.

Outros artigos

  • Heroínas da illa de Sálvora
30 de agosto

O 30 de agosto é o 242º día do ano do calendario gregoriano e o 243º nos anos bisestos. Quedan 123 días para finalizar o ano.

Aguiño, Ribeira

Nosa Señora do Carme de Aguiño é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Ribeira. Segundo o IGE en 2013 tiña 2.934 habitantes (1.472 mulleres e 1.462 homes) distribuídos en 6 entidades de poboación, 7 máis que o ano anterior.

A esta parroquia pertence a illa de Sálvora.

Castiñeiras, Ribeira

O Bo Pastor de Castiñeiras é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Ribeira. Segundo o IGE en 2013 tiña 1.484 habitantes (775 mulleres e 709 homes) distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1.500 habitantes.

Nesta parroquia está a praia da Ameixida.

Faro da Illa de Sálvora

Faro da Illa de Sálvora un faro situado na Illa de Sálvora, no concello de Ribeira.

Galería de imaxes da illa de Sálvora

A illa de Sálvora está situada na boca da ría de Arousa. Pertence á parroquia do Carmen de Aguiño, Ribeira.

Galería de imaxes de Castiñeiras, Ribeira

O Bo Pastor de Castiñeiras é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Ribeira, na provincia da Coruña.

Galería de imaxes do Parque Nacional das Illas Atlánticas

O Parque nacional das Illas Atlánticas converteuse o 13 de xuño do 2002 no primeiro Parque Nacional de Galiza.

Illa Ansarón

A Illa Ansarón ou illa do Ansarón é unha illa da provincia de Lugo, situada no concello de Xove. Coas súas 10 hectáreas de extensión é unha das maiores illas da costa lucense. É alta (acada os 80 metros de altitude) e abrupta, con cantís produtores de percebe e áreas de cría de aves mariñas.

Illa Gavoteira

A Illa Gavoteira (A Gavoteira) é unha illa galega da provincia da Coruña, situada ao nordés da Illa de Sálvora, da que a separa a canle coñecida como Paso Interior de Sálvora, a 1,2 quilómetros desa illa. A súa hectárea de superficie non é máis que un gran peñón de aspecto esferoidal que descansa sobre un leito de bolos graníticos. A illa está completamente cuberta de guano e carece de vexetación. Forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas en Galicia.

Illa Herbosa

A Illa Herbosa é unha illa galega da provincia da Coruña, situada ao Nordés da Illa de Sálvora, da que a separa a canle coñecida como Paso Interior de Sálvora, a 1,1 quilómetros desa illa. Ten 1,6 hectáreas de superficie e está formada por enormes penas graníticas que deixan un escaso espazo para unhas pequenas manchas de vexetación herbácea. Lugar de cría de aves mariñas, especialmente gaivota patiamarela. Abundan os lagartos (que alcanzan dimensións considerables) e as ratas. Forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas en Galicia.

Illa da Toxa Pequena

A Illa da Toxa Pequena é unha illa pertencente ó concello do Grove, situada a levante da Illa da Toxa, da que a separa unha canle de medio quilómetro de ancho.

Ten 10 hectáreas de superficie e é moi estreita e alongada (875 metros de norte a sur). Trátase dun illote baixo pero agreste, rochoso e cuberto de vexetación arbustiva. Importante banco marisqueiro e antigo lugar de pasto de gando. Aínda hoxe percórrena varios carreiros abertos polos mariscadores. Durante a Guerra Civil española foi lugar de refuxio dos perseguidos republicanos[Cómpre referencia].

Illa de Insua Bela

A Insua Bela é un pequeno illote rochoso entre Aguiño e a illa de Sálvora. Alí aproan as lanchas para ir e vir entre eses lugares, librando as touzas e baixos da canle.

Illa de Noro

A Illa de Noro (Illa de Ñoro) é unha illa galega da provincia da Coruña, situada ao leste da

Illa de Sálvora, da que a separa a canle coñecida como Paso Interior de Sálvora, a 1,2 quilómetros desa illa. É unha mole de 4 hectáreas de superficie conformada por bolos graníticos que se elevan ata os 42 metros de altitude, polo que a illa ten unha destacada forma de peñón resquebraxado. A parte sur é chaira e cuberta de pradería, e na norte álzase o peñón. É lugar de nidificación tanto de aves mariñas como terrestres. Forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas en Galicia.

Illa de Tourís Novo

A Illa de Tourís Novo (ou, simplemente, Tourís) é unha illa pertencente ó concello do Grove, situada na Ría de Arousa, ó nordeste do istmo da Lanzada. Ten 15 hectáreas de superficie pero, como outras illas que alí se atopan, chega a quintuplicar o seu tamaño coas baixamares. É case completamente areosa, chaira e baixa, con zonas de lodo e manchas de marisma.

Forma parte do espazo protexido denominado Complexo Intermareal Umia-O Grove.

Illa de Vionta

A Illa de Vionta (A Vionta) é unha illa galega da provincia da Coruña, situada ao Nordés da Illa de Sálvora, da que a separa a canle coñecida como Paso Interior de Sálvora, a un quilómetro e medio desa illa. É alongada e baixa, conformándose como unha das illas máis senlleiras de Galicia debido á gran praia que se forma en toda a metade Sur do seu pequeno territorio insular (11,5 hectáreas). Esta praia achega areas que cobren case toda a illa, agás a súa parte norte, que é rochosa, creando dunas que superan os 10 metros de altura. Na illa cría un importante número de aves mariñas. Abundan as ratas e as lagartas. Forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas en Galicia.

Illa do Penedo da Insua

A Illa Penedo da Insua (Illa da Insua, Illa do Penedo da Insua) é unha illa galega situada na provincia de Lugo, na costa de Ribadeo, non lonxe da coñecida Illa Pancha. Mide 1,9 hectáreas. É abrupta e inhóspita, de cima chaira e cuberta de herba, separada de terra firme por unha estreita canle de fortes correntes.

Illas Alvedosas

Non confundir co río Alvedosa

As illas Alvedosas son un grupo de dous illotes rochosos situados na desembocadura do río Verdugo, no fondo da Ría de Vigo. Pertencen á parroquia de Arcade, no concello pontevedrés de Soutomaior. Na actualidade están deshabitadas e son propiedade privada.

Mariño de Lobeira

A familia Mariño de Lobeira é unha liña orixinal da Illa de Sálvora, na ría de Arousa. A súa orixe e liñaxe reside nos séculos XI e XII como rama colateral da Casa de Traba.

Provincia marítima de Vilagarcía

A provincia marítima de Vilagarcía, é unha das 5 provincias coas que o Ministerio de Fomento divide as costas galegas.

O seu porto máis importante é o Porto de Vilagarcía de Arousa. De norte a sur consta dos seguintes distritos marítimos:

Ribeira: Dende punta Faxilda até a punta Aguiuncho, incluíndo a illa de Sálvora.

A Pobra do Caramiñal: Até a punta Portomouro.

Vilagarcía de Arousa: Até o regato de Currás.

Cambados: Até o río Umia, incluíndo a illa de Arousa.

O Grove: Até a punta Faxilda, incluíndo a illa da Toxa

Espazos protexidos de Galicia
Parque Nacional:
Parque Natural:
Monumento Natural:
Rede Natura 2000:
Zona húmida protexida:
Reserva da Biosfera:
Outros:

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.