Illa de Man

A Illa de Man (en inglés: Isle of Man; en manx: Ellan Vannin[1]), tamén coñecida simplemente como Mann (manx Mannin), é unha Dependencia da Coroa británica, localizada no Mar de Irlanda entre as illas de Gran Bretaña e Irlanda. O xefe de Estado é a Raíña Isabel II, que ostenta o título de Señor de Man. O Señor de Man é representado por un Tenente Gobernador, pero as relacións exteriores e a defensa son responsabilidade do Goberno Británico.

A illa está habitada dende o -6500. Como unha das seis nacións celtas, ten grande influencia cultural gaélica dende o século V, e fálase a lingua manx, da familia lingüística goidélica. En 627, Edwin de Northumbria conquistou a Illa de Man xunto con gran parte de Mercia. No século IX, os pobos nórdicos comezaron a asentarse na illa. Posteriormente, os nórdicos de Escocia estableceron o Reino das Illas. O título dos reis levaría dende entón o sufixo "e das Illas". Magnus III, rei de Noruega, era tamén coñecido como "Rei de Mann e das Illas" como parte da civilización das Hébridas entre 1099 e 1103.[2] Xurdiu entón unha cultura nórdico-gaélica e a illa ficou baixo control nórdico. En 1266, a illa converteuse en parte de Escocia, formalizado no Tratado de Perth. Despois dun período no que o control da illa alternouse entre os reis de Escocia e os de Inglaterra, a illa pasou a formar parte do control feudal da Coroa Británica en 1399. O señorío revestiu na Coroa Británica en 1765, pero a illa nunca chegou a formar parte do Gran Bretaña ou o posterior Reino Unido, mantendo o seu status como unha dependencia da Coroa gobernada internamente.

Coordenadas: 54°15′N 04°30′O / 54.250, -4.500

Illa de Man
Ellan Vannin
Isle of Man
Bandeira da Illa de Man
Escudo da Illa de Man
BandeiraEscudo
The Isle of Man
Lema: Quocunque Jeceris Stabit
(latín: «Aló onde o tires quedará»)
Himno: Arrane Ashoonagh dy Vannin
Capital
 • Poboación
Douglas
27 938 (2011)
Cidade máis poboadaDouglas
Linguas oficiaisManx, inglés
Forma de gobernoMonarquía constitucional
Señor de Man
Tenente Gobernador
Ministro Principal
Isabel II
Richard Gozney
Howard Quayle
Dependencia da Coroa británica1765
SuperficiePosto 194º
 • Total572 km²
 • % augan/d
Fronteiras0 km
 • Total (2011)84 655 hab.
 • Densidade148 hab./km²
PIB (nominal)
 • Totaln/d
 • per cápitan/d
 • Totaln/d
 • per cápitan/d
MoedaLibra manesa (£)
IDHn/d
Xentiliciomanx
Fuso horarioUTC+1
 • Horario de veránNon aplica
Dominio de Internet.im
Prefixo telefónico+44-16241
Prefixo radiofónicon/d
Código ISO833 / IMN / IM
1 Código rexional no Reino Unido: 1624.
Europe-Isle of Man
A Illa de Man situado en Europa

Etimoloxía

A Illa de Man en manx é Ellan Vannin, onde ellan significa illa. A máis antiga forma de Man é Manu ou Mana,[3] que aparece en caso xenitivo como Vaninn, significando logo Ellan Vannin "Illa de Man".

O nome Mana/u está relacionado coa figura da mitoloxía celta coñecida como Manannán mac Lir entre os irlandeses e como Manawydan polos galeses.[4]

O nome aparece documentado na historia como Mona (Xulio César, -54), como Monapia ou Monabia (Plinio o vello, 77), Monœda (Tolomeo, 150), Mevania ou Mænavia (Orosio, 416), e Eubonia ou Eumonia polos escritores irlandeses. En galés aparece como Manaw, e nas Sagas de islandeses é Mön.[5][6][7][8]

Malia que a Illa de Man nunca foi incorporada ó Imperio romano, foi citada polos clásicos, que a chaman de varias formas, como Monapia, en grego Mοναοιδα (Monaoida), Mοναρινα (Monarina), Menavi e Mevania.[9] Os nomes en galés antigo e irlandés antigo para a Illa de Man, Manau e Mano, coinciden co Manaw Gododdin, o nome para unha antiga rexión do norte de Gran Bretaña ó longo do Estuario de Forth.[10] O nome está probablemente conectado coa denominación galesa para a illa de Anglesey, Ynys Môn[10] e posiblemente coa raíz celta reflectida no galés mynydd, no bretón menez e no gaélico escocés monadh,[10] tódolos cales significan "montaña" e derivan da raíz protoindoeuropea *men-, "elevarse".[11] Neste caso, o nome sería unha referencia á illa aparentemente erguéndose por riba do Mar de Irlanda no horizonte.[12]

Historia

Ford Focus illa de Man
Matrícula dun automóbil da illa de Man.
Artigo principal: Historia da Illa de Man.

A Illa de Man formou un posto avanzado do reino viquingo dende arredor do ano 900 e parte do reino noruegués das Hébridas até o século XIII, momento en que pasou a ser administrada pola coroa escocesa. No século XIV foi transferida ó control inglés e á Coroa Británica en 1765.

Unha das actuais inquedanzas da illa inclúe resucitar o unha vez case extinto manx e a recente e significativa inmigración de persoas de procedencia non manesa que presta servizos no sector financeiro.

O período celta

St Germans' Cathedral, Peel Castle, Isle of Man
Ruínas da Catedral de San Xermán na illa San Patricio.

O asentamento dos pobos celtas remóntase cara ao 500 a.C.. A lingua manesa, pertencente á póla céltica, comezará a pasar dun dialecto a unha lingua propia só a partir do século V .

O cristianismo foi importado á Illa de Man polo predicador irlandés San Patricio, con el chegaron despois moitos misioneiros de países celtas, e de Irlanda en particular, a efectuar misións cristiás a partir do ano 500 dc, nun territorio aínda moi sometido á influencia dos druídas.

Estes misioneiros contribuíron á edificación de pequenas capelas nas que pregaban. Pero a falta de espazo obrigaba a practicar os bautismos e a predicación a ceo aberto.

Áchanse sobre a illa 35 cruces celtas (chamadas keeills), pero existían alí canto menos 174 polo que citan documentos antigos . Estas cruces foron xeralmente erixidas sobre monumentos funerarios. As numerosas igrexas e as capelas foron edificadas sobre o emprazamento de keeills.

Goberno e política

O soberano da Illa de Man é o Rei de Gran Bretaña en calidade de Señor de Man (actualmente a raíña Sabela II). Represéntaa na illa un Gobernador Xeral, que é elixido pola Coroa por un período de cinco anos. A illa de Man goza dun goberno, un parlamento e un sistema xudicial totalmente independente do británico. Porén, os cidadáns de Man son cidadáns británicos.

A Coroa inglesa ten a responsabilidade última da dirección da administración da illa de Man, para o cal sérvese dos membros do Goberno británico, os cales actúan -nestes asuntos- en calidade de conselleiros da Raíña.

Aínda que o sistema xurídico británico non abrangue a illa de Man, o sistema legal de Man baséase nos principios do dereito común inglés.

Organización político-administrativa

Isle of Man
Mapa dos "sheadings" da illa de Man.

A Illa de Man está dividida en seis distritos administrativos, chamados "sheadings". Os seis "sheadings" son Ayre, Glenfaba, Garff, Michael, Rushen e Middle. Os "sheadings" forman a base dalgúns distritos electorais e cada un ten un "coroner". Este oficio non debe ser confundido co de "xuíz de instrución" (en inglés tamén coroner), un cargo desempeñado habitualmente polo Grande Alguacil. Unha persoa pode desempeñar o papel de "coroner" en máis dun "sheading" ao mesmo tempo.

O termo 'sheading' suponse un vocábulo nórdico para 'división naval'; cada distrito estaba responsabilizado de producir un número concreto de barcos de guerra. Tamén pode ser unha palabra de orixe celta significando 'sexta parte'.

Xeografía

Im-map
Mapa da Illa de Man.

O monte Snaefell (621 m), domina o centro da illa desde o seu cumio e, segundo un antigo dito popular, pódense ver sete reinos: os Reinos de Man, Escocia, Inglaterra, Irlanda, Gales, a Illa de Man e o Ceo.

Demografía

De acordo co censo do 2001, a Illa de Man é fogar de 76,315 persoas, dos cales aproximadamente 25,347 residen na capital da illa, Douglas (Doolish). Isto fai que a illa teña unha densidade de poboación de 133 hab/km².

Cultura

A cultura da illa de Man está fortemente influenciada polas súas orixes célticas e nórdicas. Está actualmente gozando dun renacer do idioma gaélico autóctono ( o manx ) (Gaelg). Aínda que o derradeiro falante nativo morreu en 1974, cos nenos pequenos está volvéndose a empregar o manx. Hai hoxe 27 falantes nativos e outros 650 falantes. O manx está estreitamente relacionado co Gaélico escocés e o irlandés. Unha amplamente coñecida expresión manesa é "Traa Dy Liooar", que significa "o tempo basta" e representa un esteorotípico aspecto da actitude dos maneses ante a vida.

Notas

  1. Ellan é a palabra manx para "illa" e Vannin é o caso xenitivo de Mannin, e significa "de Mann".
  2. Magnus 3 Olavsson Berrføtt – Norsk biografisk leksikon. Snl.no. Consultado o 29 de xullo de 2013.
  3. Kinvig, R. H. (1975). The Isle of Man: A Social, Cultural and Political History (3ª ed.). Liverpool University Press. p. 18. ISBN 0-85323-391-8.
  4. Kneale, Victor (2006). "Ellan Vannin (Isle of Man). Britonia". Celtic Culture: A Historical Encyclopedia. Santa Barbara: ABC-CLIO. p. 676.
  5. Moore 1903, p. 84
  6. Sacheverell 1859, pp. 119–120
  7. Waldron 1726, p. 1
  8. Kinvig, R.H. (1975). The Isle of Man. A Social, Cultural and Political History. (3ª ed.). Liverpool University Press. pp. 18–19. ISBN 0-85323-391-8.
  9. Rivet, A.L.F. & Smith, Colin (1979). "The Place Names of Roman Britain". Batsford. pp. 410–411.
  10. 10,0 10,1 10,2 Koch, John T. (2006). Celtic Culture: A Historical Encyclopedia. ABC-CLIO Ltd. p. 676. ISBN 978-1-85109-440-0.
  11. Indogermanisches Etymologisches Woerterbuch: Record number 1277 (Root / lemma: men-1)
  12. Koch, John T. (2006). Celtic Culture: A Historical Encyclopedia. ABC-CLIO Ltd. p. 679. ISBN 978-1-85109-440-0.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Arrane Ashoonagh dy Vannin

Arrane Ashoonagh dy Vannin (en manés Himno nacional da Illa de Man) foi escrito e composto por William Henry Gill (1839-1923), con tradución ó manés de John J. Kneen (1873-1939). O título en inglés é O Land of Our Birth.

Beltane

Beltane ou Bealtaine (en irlandés bo lume) é un antigo día festivo irlandés celebrado o 1 de maio. Historicamente esta festividade celebrábase en Irlanda, Escocia e na Illa de Man. Nos outros países celtas coma Gales, Galicia, Bretaña e Cornualles había festividades parecidas o mesmo día. A festividade sobrevive con prácticas folclóricas nas nacións celtas e a diáspora e experimenta un grao de renacemento nas décadas recentes.

Bunscoill Ghaelgagh

Bunscoill Ghaelgagh é unha escola de primaria cuxa lingua de instrución é a lingua manx en St John's, Illa de Man. É a única escola do mundo na que os cativos reciben as súas aulas exclusivamente en manx e que posibilita que os nenos dominen a lingua. O alumnado pode continuar a súa educación no instituto de educación secundaria Queen Elizabeth II High School en Peel, onde se ofrece a partir dos 12 anos unha materia (GCSE) en lingua manx.

Celtismo

O celtismo é un movemento social e cultural que trata de pór en valor a identidade céltiga coma trazo salientábel dentro dun determinado territorio baseándose en estudos científicos e etnografía comparada.

Congreso celta

O Congreso Internacional Celta é unha organización cultural cuxo obxectivo é promocionar as linguas célticas faladas nas nacións de Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña, Cornualles e na Illa de Man. Non se trata dunha organización política, senón cultural, xa que o seu propósito é "... perpetuar a cultura, os ideais e a lingua dos pobos celtas, e manter un contacto intelectual e forte cooperación entre as respectivas comunidades celtas". O Congreso celta non debe ser confundido con outra organización semellante, a Liga Céltica, que trata asuntos políticos.

Cada ano celébrase un Congreso Internacional Celta nunha das nacións celtas, cuxa localización decídese en quendas previamente acordadas. O congreso do ano 2014 celebrouse na cidade galesa de Cardiff.

Dependencia da Coroa británica

Unha Dependencia da Coroa británica (Crown Dependency, en inglés), é un territorio semi-independente que está controlado baixo soberanía do Monarca do Reino Unido, pero que non forma parte do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, e xa que logo, tampouco pertence á Unión Europea.

O grao de autonomía é ata máis elevado que o que poida ter un estado dentro dunha federación. As Dependencias da Coroa teñen moedas, matrículas, servizos postais etc., de seu.

Gaels

Gaels (á veces designados por Goidels ou Goidélicos) é un termo que designa aos falantes das linguas célticas gaélicas: irlandés, gaélico escocés e lingua manx. O dialecto gaélico ten orixe en Irlanda, tendo rapidamente unha expansión cara ao oeste e o norte de Escocia e á Illa de Man. Actualmente, como as linguas gaélicas foron significativamente substituídas polo inglés, o termo Gael tamén é empregado polos irlandeses ou polos celtas escoceses, independentemente da súa lingua.

As linguas gaélicas son unha das dúas vertentes das linguas célticas insulares, sendo o outro o das linguas britónicas.

Igrexa de Inglaterra

A Igrexa de Inglaterra é unha igrexa cristiá anglicana, que ten a condición de relixión de estado de Inglaterra e é igrexa nai da Comuñón Anglicana. A cabeza espiritual da Igrexa é o arcebispo de Canterbury que o é tamén da Comuñón Anglicana. O monarca británico ten o título constitucional de Gobernador Supremo da Igrexa de Inglaterra. O Sínodo Xeral é o corpo que goberna a Igrexa de Inglaterra, as súas medidas teñen que ser aprobadas polo Parlamento do Reino Unido antes de recibir o plácet real e converterse en parte da lei inglesa. Ademais de Inglaterra ten xurisdición sobre a Illa de Man, Illas da Canle, algunhas parroquias de Flintshire (Gales) e Xibraltar que como diocese cobre toda Europa e conta con 200 lugares de culto. A Igrexa de Inglaterra considérase dentro da tradición reformada, xa que acepta moitos dos principios que levou á separación dos protestantes e en non recoñecer a autoridade do Papa, e tamén dentro da tradición católica (mais non católica romana) xa que se considera continuadora da tradición apostólica. Establece a Biblia como única fonte de fe, admite a súa libre interpretación e afirma o carácter subxectivo dos sacramentos.

A reforma relixiosa produciuse en Inglaterra polo interese da monarquía de subordinar os intereses eclesiásticos aos políticos sen a interferencia do papado. A ruptura produciuse en 1534 ao negarse o Papa a anular o matrimonio de Henrique VIII. María I de Inglaterra retornou á obediencia a Roma en 1555 e desencadeou unha violenta persecución contra os non católicos, a situación deu a volta no reinado de Isabel I de Inglaterra a partir de 1558.

Isabel II do Reino Unido

Isabel II ou Elizabeth Alexandra Mary of Windsor, nada en Londres o 21 de abril de 1926, é unha monarca inglesa. É raíña do Reino Unido, de Antiga e Barbuda, Australia, Bahamas, Barbados, Belize, Canadá, Granada, Xamaica, Nova Zelandia, Papúa Nova Guinea, Saint Kitts e Nevis, Santa Lucía, San Vicente e as Granadinas, Illas Salomón e Tuvalu.

Tamén é a Cabeza da Commonwealth, Gobernadora Suprema da Igrexa de Inglaterra, Comandante en xefe das forzas armadas do Reino Unido e Señora da illa de Man.

Asumiu os seus títulos despois da morte do seu pai, o rei Xurxo VI o 6 de febreiro de 1952. É filla de Elizabeth Bowes-Lyon, irmá de Patrick, 15º conde de Strathmore.

Libra esterlina

A libra esterlina (en inglés pound sterling) é a unidade monetaria oficial do Reino Unido. Habitualmente denomínase simplemente libra (pound), e para diferenciala da unidade de peso homónima acordouse usar o cualificativo de sterling, nome que tiña o antigo penique (penny) de prata, xa que os peniques (a 240ª parte dunha libra) eran a unidade monetaria básica e o seu valor equivalía a pouco menos có dunha libra actual.

O símbolo da libra esterlina é £, e o seu código ISO 4217 é GBP. Desde 1971, logo da introdución do sistema decimal, a moeda británica está dividida en 100 novos peniques (en inglés pence, plural de penny), e o seu símbolo é p. Anteriormente a libra estaba dividida en 20 xilins (en inglés shillings; símbolo: s), e cada un destes, a súa vez, dividíase en 12 peniques antigos (símbolo: d). Un penique antigo equivale a 2,4 dos novos.

A libra esterlina é unha das moedas con que se realizan máis transaccións comerciais, xunto co dólar dos Estados Unidos de América, o euro, o ien xaponés e o dólar australiano. Segundo datos de xuño do 2005, era a sexta unidade monetaria de valor máis alto no mundo.

Liga Céltica

A Liga Céltica é unha organización non gobernamental que promove o dereito de autodeterminación e a identidade e cultura celta en Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña, Cornualles e a Illa de Man, as coñecidas como nacións celtas. Tamén fai bastante fincapé na promoción das linguas célticas propias. Está recoñecida polas Nacións Unidas como unha organización non gobernamental con "status consultivo" e é parte do "Consello económico e social".

Lingua manx

A lingua manx (tamén coñecida como gaélico manx, Yn Ghaelg en manx) é unha lingua celta que se fala na illa de Man, unha pequena illa do Mar de Irlanda que constitúe unha dependencia autogobernada da coroa británica e que non pertence ao Reino Unido.

No século V, os goidélicos ou gaélicos, procedentes de Irlanda invaden a illa, traendo a súa lingua céltica, que, cos séculos, evolucionaría ata se converter na actual lingua manx, a cal tamén ten préstamos nórdicos, froito das sucesivas invasións viquingas: primeiro no século IX e logo unha segunda invasión viquinga procedente de Irlanda no século XI. A illa mantívose baixo dominación norueguesa ata a segunda metade do século XIII.

O illamento da illa e a súa dependencia da coroa inglesa (logo británica) a partir do século XIV fixeron que o manx adoptase unha grafía baseada no inglés e non noutros idiomas celtas.

A poboación conservou o seu idioma ata o século XVII, comezando a declinar no século XVIII cando comezou a súa decadencia. En 1831 falábao regularmente o 30% da poboación; en 1901 só o falaban 970 persoas e o último falante nativo de manx, Ned Maddrell, morreu o 27 de decembro de 1974 á idade de 97 anos.

Hoxe en día, o manx sobrevive grazas a un pequeno número de persoas que o aprenderon como segunda lingua e que intentan potencialo fronte ao inglés, a súa lingua materna. En 2001 un 2.2% da poboación da Illa de Man, 1.689 de 76.315 habitantes, aseguraba poder desenvolverse en manés, aínda que en graos diversos. Non foi até 2003 cando o goberno pasou a introducilo oficialmente na escola. Actualmente, o manés é segunda lingua nas escolas primarias e secundarias, na universidade da Illa e no centro de estudos de manés. Alén diso, unha escola privada, o Bunscoill Ghaelgagh, ten o manés como lingua principal. Ademais, xa hai dúas ducias de rapazas e rapaces que teñen o manés como lingua materna.

Mar de Irlanda

O Mar de Irlanda (irlandés: Muir Éireann / An Mhuir Mheann, manx: Y Keayn Yernagh, escocés: Erse Sea, gaélico escocés: Muir Èireann, Ulster-Scots: Airish Sea, galés: Môr Iwerddon) separa as illas de Irlanda e de Gran Bretaña, Conecta co Océano Atlántico polo sur a través do Canal de San Xurxo, entre Irlanda e Gales; e polo norte a través do Canle do Norte, entre Irlanda e Escocia. A Illa de Man atópase situada no centro deste mar.

Anglesey, no País de Gales, é a maior illa no mar de Irlanda. a segunda en tamaño é a illa de Man e o mar pode ser ocasionalmente, pero raramente, chamado "Mar de Manx" (irlandés: Muir Meann, manx: Mooir Vannin, gaélico escocés: Muir Mhanainn). O mar de Irlanda ten unha importancia económica significativa para o comercio rexional, transporte marítimo, pesca e xeración de enerxía en forma de enerxía eólica e centrais nucleares. O tráfico anual entre Gran Bretaña e Irlanda corresponde a máis de 12 millóns de pasaxeiros e 17 millóns de toneladas de bens mercantís.

Mark Cavendish

Mark Cavendish, nado o 21 de maio de 1985 en Douglas (Illa de Man), é un ciclista manx do Reino Unido. Fíxose profesional en 2006 co equipo T-Mobile, pasando en 2008 ó equipo HTC-Columbia, e en 2012 ó equipo Sky. Cavendish está considerado o mellor sprinter da súa xeración, e un dos mellores da historia.

Mugen Motorsports

Mugen Motorsports (M-TEC Co., Ltd) (無限) é unha compañía xaponesa formada en 1973 por Hirotoshi Honda, o fillo do fundador de Honda Motor Company Soichiro Honda, e Masao Kimura. Mugen, que significa "Sen Límite", "Ilimitado" ou "Vasto", (por iso é polo que a palabra comunmente "Power (Potencia)" e colocada despois, o que denota "Potencia Ilimitada") é un fabricante de pezas e tuneador de motores que fabrica pezas OEM como kits de carrozaría e escapes deportivos para Honda Motor Company. Malia as conexións familiares, con todo, Mugen non é, e nunca foi, propiedade de Honda Motor Company. O propietario de Mugen, Hirotoshi Honda, foi o principal accionista de Honda desde a morte do seu pai en 1991.

A compañía tunea e compite con vehículos Honda no campionato Super GT, e, adicionalmente, vende repostos no mercado de accesorios a entusiastas afeccionados. Foi parte das alianzas que gañaron o campionato Formula 3000 en 1990 e 1991, e que eventualmente levou á participación de Mugen na Fórmula 1, de 1992 a 2000, e ata 2005 foi o fornecedro exclusivo de motores na Formula Nippon.

Nacións celtas

O termo nacións celtas fai referencia a uns territorios (nacións a maior parte das veces sen estado propio) do oeste da Europa Occidental que comparten o uso de linguas celtas e/ou trazos culturais atribuibles á devandita cultura. Neste contexto, o termo "nacións" cobra significado entendendo este como un colectivo étnico de persoas asociado historicamente a un territorio raíz e que comparten unha identidade común propia, manifestada ben na lingua, ben na cultura ou na mentalidade propia común.

Reino Unido

O Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland), ou simplemente Reino Unido (incorrectamente chamado Gran Bretaña ou Inglaterra) é un país e un estado soberano situado ao noroeste da Europa Continental. O seu territorio, con capital en Londres, está formado xeograficamente pola illa de Gran Bretaña, o nordés da illa de Irlanda e pequenas illas adxacentes. Irlanda do Norte é a única parte do Reino cunha fronteira terrestre, que a separa da República de Irlanda. Á parte desta fronteira, o Reino Unido está rodeado ao norte e ao oeste polo océano Atlántico, ao leste polo Mar do Norte, ao sur polo Canle da Mancha e ao oeste polo mar de Irlanda. A illa máis grande, Gran Bretaña, está unida a Francia polo Eurotúnel.

O Reino Unido é unha monarquía parlamentaria comprendida por catro países constituíntes; Escocia, Inglaterra, Irlanda do Norte e Gales; que teñen como xefe de Estado á raíña Sabela II. As Dependencias da Coroa das Illas da Canle e a Illa de Man non forman parte do Reino Unido, pero si forman unha federación con el. O Reino Unido ten catorce Territorios de Ultramar, todos eles vestixios do que foi o Imperio Británico, que na súa cúspide territorial chegou a abranguer preto dun cuarto da superficie terrestre do planeta. É un país desenvolvido e polo volume neto do seu produto interno bruto é considerado como a quinta economía a nivel mundial.

O país foi a principal potencia mundial durante o século XIX e o comezo do século XX, pero o custo económico das dúas guerras mundiais e o declive do seu imperio na segunda parte do século XX diminuíron o seu rol de líder nas relacións internacionais. Con todo, o Reino Unido mantén unha significativa influencia económica, cultural, militar e política e é unha potencia nuclear. Ademais, é un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas con dereito a veto, e é membro do G8, a OTAN, a Unión Europea (agora en proceso de saída. Véxase: Brexit) e a Mancomunidade Británica de Nacións.

Tríscele

Un tríscele (do grego τρισκέλιον [triskélion]; τρισκελής [triskelís], "con tres pernas") é un símbolo celta formado por tres espirais entrelazadas, por tres pernas humanas flexionadas ou por calquera deseño similar que conteña a idea de simetría rotacional.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.