Illa da Creba


A Illa da Creba é unha illa galega da ría de Muros e Noia, situada a 240 metros da costa da parroquia de Esteiro (Muros). Ten unha característica forma de teta e unha extensión de 7,5 hectáreas. É de propiedade privada, coroada por un caserón, construído sobre as ruínas da antiga capela da nosa Señora da Creba. Posúe dous embarcadoiros que forman unha pequena dársena.

Illa da Creba
Esteiro.jpeg
Vista de Esteiro e a illa da Creba.
Illa da Creba en A Coruña

Illa da Creba
Illa da Creba
Localización no mapa provincial.
localización da Illa da Creba
Situación
Coordenadas42°46′29″N 8°57′50″O / 42.77472, -8.96389Coordenadas: 42°46′29″N 8°57′50″O / 42.77472, -8.96389
Xeografía
Superficie0´075 km²
Distancia a terra240 m.

Historia

Desde a Idade Media existiu unha ermida dedicada a Santa María e custodiada por un ermitán onde se celebraba unha concorrida romaría con xentes vindas en barcos das poboacións veciñas; hoxe está desaparecida.

Existe documentación dela dende tempos remotos, xa Plinio a situaba nos pobos Tamaricos dicindo que nela se atopan as famosas Aras sextianas, feito que parece corroborar Carré Aldao ao dicir: “que las tan discutidas Aras sextinas, torques de oro y fíbulas preciosas aparecieron por estas parajes y fueron a enriquecer las colecciones soberbias del Sr. Blanco-Cicerón”. Na Historia Compostelana relátase como os piratas, sarracenos uns e normandos outros, instalados na illa asolaban frecuentemente a costa provocando que os nativos abandonasen as súas casas de comezos da primavera ate mediados do outono refuxiándose nos montes próximos. Alvaro das Casas escribe: “Que a últimos del siglo XI, los árabes hicieron incursiones por los alrededores de la Villa de Noya y que en el año 1.115 dominaron la isleta de la Creba, cerca de la desembocadura del Tambre, arrasando la Villa de Noya” O Arcebispo Xelmírez para combater estas incursións manda chamar a enxeñeiros xenoveses para construír unha frota que defenda a costa dos tan temidos piratas provocando grandes estragos entre os mesmos, pois non só serviu a frota arcebispal para detelas correrías, senón tamén para atacalos nos seus escondedoiros e incluso en mar aberto. Sabemos que a mediados do século XVI xa había constancia dunha ermida na illa xunto con dúas construcións, unha delas empregada por un ermitán como vivenda. A ermida debeu revestir importancia en anos anteriores pois no ano 1571 durante unha visita fálase do estado das construcións así como manda que se empreñen as diferentes rentas propias da ermida (sen especificar cales) para o saneamento da mesma, tamén aparece nun documento sobre un naufraxio acaecido nas inmediacións da illa no ano 1533. A ermida xa aparece desfeita no ano 1867 no Derroteiro das Costas de España e Portugal dicindo que só se conservan unhas ruínas na cima da illa e que só é navegable a canle de auga que a separa da terra por embarcacións menores debido a presenza de grandes pedras, o que parece corroborar o que na tradición popular se garda de que houbo un tempo no que a illa estaba unida a terra.

Hai multitude de lendas relacionadas con esta illa, a máis coñecida é a que explica a construción da ermida nesa illa. Vicente Risco deixou escrito o seguinte: Na Creba había mouros que tiñan un templo do seu falso deus. Os cristiáns matáronos deixando só á filla do xefe. Esta invocou ao demo, quen levantou unha tempestade, afogou aos cristiáns e separou a illa da terra. A moura converteuse nunha gran serpe rodeada de feras que afundían aos barcos. Os cristiáns foron onde un santo home que lles aconsellou bendicir a illa e erguer a igresiña da nosa Señora da Creba [Cómpre referencia].

Varias testemuñas de veciños parecen corroborar a existencia dunha ponte que unía a illa a terra, da cal din que aínda son visibles os alicerces. A comezos do século pasado, moitos anos despois de desaparecida a ermida aínda seguía viva a súa devoción entre as xentes da contorna, os cales mentres viaxaban no “Carreto”, vapor que facía a ruta de Muros a Noia, ao pasar polas inmediacións da illa descubrían as cabezas, os homes, e as mulleres rezaban unha Salve na honra da Virxe da Creba. Ao longo do século XX a illa sufrirá un proceso de privatizacion no cal desaparecen os restos da ermida para dar paso a unha casona na década dos oitenta quedando así restrinxido o uso que secularmente viñan facendo os veciños de Esteiro da illa mentres os “novos” donos transformaron a súa morfoloxía construíndo un porto de abrigo e plantando piñeiros na mesma. A dia de hoxe a illa segue sendo privada.

  • Indo polo mar embaixo/ o aire rifoume a vela:/ nosa Señora da Creba/ deume o pano para ela [1].
  • Quen me dera estar na Creba/ e na Creba haber un piño,/ para ver o que se pasa/ esta noite en Portosiño [2].

Notas

  1. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 193. No texto: pol-o, rifóume, díume.
  2. A illa da Creba está fronte por fronte a Portosín (lugar de Porto do Son). Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192.
A Marola

A Marola é un pequeno illote situado fronte á costa de Dexo-Serantes, no concello de Oleiros na Comarca da Coruña.

Illa Ansarón

A Illa Ansarón ou illa do Ansarón é unha illa da provincia de Lugo, situada no concello de Xove. Coas súas 10 hectáreas de extensión é unha das maiores illas da costa lucense. É alta (acada os 80 metros de altitude) e abrupta, con cantís produtores de percebe e áreas de cría de aves mariñas.

Illa Carral

A illa da Carral[Cómpre referencia], comunmente A Carral[Cómpre referencia], é unha illa situada en cabo Silleiro, na parroquia de Baredo no concello pontevedrés de Baiona. Atópase no espazo da Costa de Baiona-A Guarda.

Illa Gavoteira

A Illa Gavoteira (A Gavoteira) é unha illa galega da provincia da Coruña, situada ao nordés da Illa de Sálvora, da que a separa a canle coñecida como Paso Interior de Sálvora, a 1,2 quilómetros desa illa. A súa hectárea de superficie non é máis que un gran peñón de aspecto esferoidal que descansa sobre un leito de bolos graníticos. A illa está completamente cuberta de guano e carece de vexetación. Forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas en Galicia.

Illa Herbosa

A Illa Herbosa é unha illa galega da provincia da Coruña, situada ao Nordés da Illa de Sálvora, da que a separa a canle coñecida como Paso Interior de Sálvora, a 1,1 quilómetros desa illa. Ten 1,6 hectáreas de superficie e está formada por enormes penas graníticas que deixan un escaso espazo para unhas pequenas manchas de vexetación herbácea. Lugar de cría de aves mariñas, especialmente gaivota patiamarela. Abundan os lagartos (que alcanzan dimensións considerables) e as ratas. Forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas en Galicia.

Illa da Marma

A Illa de Marma é unha illa pertencente ó concello do Grove, situada na Ría de Arousa, ó este da península do Grove.

Ten 10 hectáreas de superficie pero, como outras illas que alí se atopan, chega a quintuplicar o seu tamaño coas baixamares. É baixa e completamente chaira, cunha praia na súa parte norte. A súa superficie está cuberta de marismas e herbazal.

É un importante pousadoiro de aves mariñas e forma parte da zona protexida do Complexo Intermareal Umia-O Grove.

Illa da Toxa Pequena

A Illa da Toxa Pequena é unha illa pertencente ó concello do Grove, situada a levante da Illa da Toxa, da que a separa unha canle de medio quilómetro de ancho.

Ten 10 hectáreas de superficie e é moi estreita e alongada (875 metros de norte a sur). Trátase dun illote baixo pero agreste, rochoso e cuberto de vexetación arbustiva. Importante banco marisqueiro e antigo lugar de pasto de gando. Aínda hoxe percórrena varios carreiros abertos polos mariscadores. Durante a Guerra Civil española foi lugar de refuxio dos perseguidos republicanos[Cómpre referencia].

Illa de Area

A Illa de Area (Illa da Insua da Area) é un illote de Lugo situado en plena ría de Viveiro, municipio ao que pertence. Ten unha característica orografía intricada cuberta de verde e cun arboredo de vellos piñeiros e eucaliptos. No pasado era moi frecuentada por campistas, actividade hoxe prohibida. Chegou a estar habitada estacionalmente durante o verán (a pesar do seu reducido tamaño), por iso consérvanse aínda as ruínas dalgunhas casas. O illote despoboouse a mediados do século XX.

Illa de Beiro

A Illa de Beiro é un illote deshabitado galego da Ría de Arousa, a medio camiño entre a Illa da Toxa e a costa do municipio de Cambados. Ten 6 hectáreas de superficie e é totalmente chaira, e baixa, cunha praia na súa costa norte e roquedal cara ao sur e oeste. Cóbrea vexetación halófila e cando as mareas son baixas pode chegar a quintuplicar o seu tamaño. Atópase situada dentro da área protexida Complexo Intermareal Umia-Grove-A Lanzada.

Illa de Insua Bela

A Insua Bela é un pequeno illote rochoso entre Aguiño e a illa de Sálvora. Alí aproan as lanchas para ir e vir entre eses lugares, librando as touzas e baixos da canle.

Illa de Noro

A Illa de Noro (Illa de Ñoro) é unha illa galega da provincia da Coruña, situada ao leste da

Illa de Sálvora, da que a separa a canle coñecida como Paso Interior de Sálvora, a 1,2 quilómetros desa illa. É unha mole de 4 hectáreas de superficie conformada por bolos graníticos que se elevan ata os 42 metros de altitude, polo que a illa ten unha destacada forma de peñón resquebraxado. A parte sur é chaira e cuberta de pradería, e na norte álzase o peñón. É lugar de nidificación tanto de aves mariñas como terrestres. Forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas en Galicia.

Illa de Pombeiro

A Illa de Pombeiro (Illa do Pombeiro) é unha illa galega da provincia de Pontevedra situada ao Oeste da península do Grove, preto da costa. Conta con 2 hectáreas de superficie rochosa e áspera, case sen vexetación (que se reduce á herbácea). Está atravesada por grandes gretas aproveitadas polas aves mariñas para aniñar (antigamente debérono de facer as pombas tamén, como indica o seu nome, que significa lugar de pombas). Banco marisqueiro.

Illa de Tourís Novo

A Illa de Tourís Novo (ou, simplemente, Tourís) é unha illa pertencente ó concello do Grove, situada na Ría de Arousa, ó nordeste do istmo da Lanzada. Ten 15 hectáreas de superficie pero, como outras illas que alí se atopan, chega a quintuplicar o seu tamaño coas baixamares. É case completamente areosa, chaira e baixa, con zonas de lodo e manchas de marisma.

Forma parte do espazo protexido denominado Complexo Intermareal Umia-O Grove.

Illa de Vionta

A Illa de Vionta (A Vionta) é unha illa galega da provincia da Coruña, situada ao Nordés da Illa de Sálvora, da que a separa a canle coñecida como Paso Interior de Sálvora, a un quilómetro e medio desa illa. É alongada e baixa, conformándose como unha das illas máis senlleiras de Galicia debido á gran praia que se forma en toda a metade Sur do seu pequeno territorio insular (11,5 hectáreas). Esta praia achega areas que cobren case toda a illa, agás a súa parte norte, que é rochosa, creando dunas que superan os 10 metros de altura. Na illa cría un importante número de aves mariñas. Abundan as ratas e as lagartas. Forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas en Galicia.

Illa do Penedo da Insua

A Illa Penedo da Insua (Illa da Insua, Illa do Penedo da Insua) é unha illa galega situada na provincia de Lugo, na costa de Ribadeo, non lonxe da coñecida Illa Pancha. Mide 1,9 hectáreas. É abrupta e inhóspita, de cima chaira e cuberta de herba, separada de terra firme por unha estreita canle de fortes correntes.

Illa dos Forcados

A Illa dos Forcados é unha illa galega da provincia da Coruña, situada na parroquia de Lira, concello de Carnota. É unha illa baixa e completamente pedregosa. A pesar da súa extensión relativamente grande (5 hectáreas) carece e careceu de calquera tipo de construción ou actividade humana (fóra da pesca somera), debido a ser completamente pétrea e imposible de abordar.

Illas Alvedosas

Non confundir co río Alvedosa

As illas Alvedosas son un grupo de dous illotes rochosos situados na desembocadura do río Verdugo, no fondo da Ría de Vigo. Pertencen á parroquia de Arcade, no concello pontevedrés de Soutomaior. Na actualidade están deshabitadas e son propiedade privada.

Illas Centoleiras

As illas Centoleiras son un arquipélago galego da provincia da Coruña. O total do arquipélago suma algo máis de 9 hectáreas de superficie (sen contar a importante extensión de arrecifes).

Esténdense en prolongada cadea a levante do porto de Aguiño (municipio de Ribeira) e son un total dunha ducia de illas e sobre todo illotes e arrecifes moi perigosos para a navegación. O maior dos illotes é a illa do Carreiro, que conta con 6,5 hectáreas de extensión, a pesar do cal é enteiramente rochoso, como o resto dos illotes. O nome do arquipélago venlle dado por ser unha importante zona de pesca de centola e outros crustáceos, e considérase a estas illas como un dos viveiros naturais da Ría de Arousa (Álvaro Cunqueiro).

Illas Sagres

As Illas Sagres son un arquipélago galego da provincia da Coruña, situado na costa da parroquia de Aguiño, concello de Ribeira, fronte ao Cabo Falcoeiro, no último extremo da península do Barbanza. Forma parte do Parque nacional das Illas Atlánticas en Galicia.

O arquipélago, de 13,5 hectáreas en total, está formado por máis dunha ducia de pequenas illas e illotes, dos que soamente dous alcanzan certa envergadura (a maior conta con 5,4 hectáreas). Son illas totalmente rochosas, ata a maior, aproveitadas para un rico marisqueo e pesca superficial. Posúe tamén unha importante colonia de aves mariñas, especialmente de corvo mariño e gaivota patiamarela.

O lugar está infestado de historias de naufraxios, por estar rodeado de arrecifes someros e outros que velan e desvelan coa marea.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.