Igrexa ortodoxa

A Igrexa ortodoxa, tamén coñecida como Igrexa católica ortodoxa, é unha igrexa cristiá, que se considera a si mesma como a igrexa unha, santa, católica e apostólica fundada por Xesús Cristo. Estrutúrase como unha comuñón de igrexas autocéfalas gobernadas cada unha por un sínodo de bispos, iguais entre eles, e sen unha autoridade central de goberno análoga ao papado na Igrexa católica.

A Igrexa ortodoxa considerase a herdeira de tódalas comunidades cristiás da metade oriental do Mediterráneo.​[1] A súa doutrina teolóxica estableceuse nunha serie de concilios, dos cales os máis importantes son os primeiros Sete Concilios, chamados "ecuménicos" que tiveron lugar entre os séculos IV e VIII. Tras varios desencontros e conflitos, a Igrexa ortodoxa e a Igrexa católica separáronse no chamado "Cisma de Oriente e Occidente", o 16 de xullo de 1054. O cristianismo ortodoxo difundiuse por Europa Oriental grazas ao prestixio do Imperio Bizantino e ao labor de numerosos grupos misioneiros.

Está en realidade constituída por 14 ou, segundo algunhas delas, 15 Igrexas autocéfalas que só recoñecen cadansúa propia autoridade xerárquica (por exemplo, do patriarca de Alexandría, de Antioquía, de Constantinopla, etc. ou a de metropolitanos, se é o caso), pero manteñen entre si comuñón doutrinal e sacramental.

OrthodoxCross
Cruz ortodoxa

Notas

  1. O pequeno Larousse 2004. Spes Editorial. 2003. p. 746. ISBN 978-84-8332-445-5. «A Igrexa ortodoxa [...] considerase herdeira das primeiras comunidades cristiás establecidas ao oriente do Mediterráneo polos apóstoles [...]».

Véxase tamén

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre relixión é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Arcebispo

Un arcebispo (do grego αρχεπίσκοπος, archepiskopos: arche > primeiro, e epi-skopos > supervisor) é un membro pertencente á orde episcopal cristiá, pero goza dun status superior ao dos "simples" bispos; xeralmente están ao fronte dunha diocese particularmente importante, xa sexa polo seu tamaño, a súa relevancia histórica ou por ámbalas dúas, chamada arquidiocese. Cando un bispo se converte en arcebispo non está sendo, de ningún modo, ordenado nin está recibindo ningún sacramento; en contraste (na maioría das igrexas de goberno episcopal) alguén que é ordenado bispo está sendo consagrado.

Un arcebispo non ten, por forza, maior poder que un bispo; porén, están a cargo de dioceses máis prestixiosas. De calquera modo, moitos arcebispos son tamén os metropolitanos da provincia eclesiástica na que se localiza a súa arquidiocese. Nas igrexas occidentais (p. ex. a católica Latina ou a Anglicana), este é case sempre o caso. Porén, na Igrexa católica, os arcebispos que non son tamén os metropolitanos son chamados Arcebispo ad personam, e non teñen dereito a usar o palio. Nas Igrexas eslavas orientais (tanto católica como Ortodoxa) os arcebispos e os metropolitanos están diferenciados, aínda que un metropolitano pode ser chamado arcebispo metropolitano. Na Igrexa ortodoxa, os arcebispos ostentan un rango maior que o dos metropolitanos e teñen os mesmos dereitos que os metropolitanos ortodoxos eslavos (orientais). A distinción entre arcebispos / metropolitanos continúa, xeralmente, o mesmo patrón na Igrexa Ortodoxa Oriental e na Igrexa Ortodoxa Eslava.

Catolicismo

Catolicismo (do grego καθολικός, katholikós, 'universal, que comprende todo') é un termo que fai referencia á principal rama actual do cristianismo, xurdida tralo Cisma de Oriente. Os católicos son fieis á Igrexa católica, como así tamén á teoloxía, doutrina, liturxia, principios éticos e normas de comportamento derivadas, do mesmo xeito que ao conxunto dos seus seguidores como un todo, a quen se lles denomina «católicos». O vocábulo «catolicismo» úsase polo xeral para facer alusión á experiencia relixiosa compartida polas persoas que viven en comuñón coa Igrexa de Roma.O termo refírese aos cristiáns pertencentes á Igrexa católica, composta por 23 igrexas sui iuris que se atopan en completa comuñón co Papa e que en conxunto reúnen a máis de mil millóns de fieis (unha sexta parte da poboación mundial e máis da metade de todos os fieis cristiáns). A principal característica distintiva da Igrexa católica é o recoñecemento da autoridade e primacía do papa, bispo de Roma. Con todo hai varias igrexas que comparten tamén o adxectivo cualificativo de «católicas», como a Igrexa ortodoxa e as Antigas igrexas orientais, a Igrexa asiria do Oriente e as Igrexas que constitúen a Comuñón anglicana

Cristianismo ortodoxo

O cristianismo ortodoxo, como póla do cristianismo, está integrado polas tradicións relacionadas coa filosofía oriental, en oposición ás tradicións occidentais, representadas polo catolicismo. O cristianismo ortodoxo pódese referir a:

Calquera teoloxía cristiá que se considera a correcta en comparación con outra polos seus adherentes.

Igrexa Ortodoxa, comunidade do leste de Europa cuxa antigüidade remóntase aos doce apóstolos e é a terceira das tres grandes igrexas ou comunidades cristiás, despois da Igrexa Católica e o conxunto de igrexas protestantes.

As igrexas ortodoxas orientais, xurisdicións que se escindiron do corpo da Igrexa ao rexeitar a Cristoloxía emanada do Concilio Ecuménico de Calcedonia o ano 451.

Igrexas orientais, as que se desenvolveron dende os primeiros tempos do cristianismo nas rexións do Imperio romano situadas baixo a órbita cultural de Bizancio e a lingua grega.

Eucaristía

A Eucaristía (do grego ευχαριστω, eucharisto, "acción de grazas") é, segundo a tradición das igrexas Católica, Ortodoxa, Copta, Anglicana e algunhas denominacións Luteranas, o sacramento do Corpo e do Sangue de Xesucristo baixo as especies de pan e viño, que por medio da consagración convértense no seu corpo e sangue.

Na Igrexa Católica, a Igrexa Ortodoxa e na Igrexa Copta, a eucaristía considérase a fonte e culmen da vida de todo cristián. De acordo ao catecismo da Igrexa católica a eucaristía representaría un signo de unidade, vínculo de caridade e banquete pascual no que se recibe a Cristo, a alma énchese de graza e dásenos peza da vida eterna (Cfr. Compendio do Catecismo de Doutrina Católica n. 271).

Igrexa católica bizantina ucraína

A Igrexa católica bizantina ucraína, ou Igrexa greco-católica ucraína (en ucraíno: Українська Греко-Католицька Церква, Ukrainska Hreko-Katolytska Tserkva), é a maior Igrexa particular oriental da Igrexa católica. O primado da Igrexa é o arcebispo maior de Kiev-Galicia e toda a Rus. A Igrexa é unha das sucesoras da aceptación do cristianismo polo gran príncipe Vladímir o Grande de Kiev, en 988. A Igrexa tense estendido coa diáspora ucraína, e a día de hoxe ten uns 40 xerarcas nunha ducia de países en catro continentes, incluíndo outros tres bispos metropolitanos en Polonia, Estados Unidos e Canadá. Dende marzo de 2011 o arcebispo maior é Sviatoslav Shevchuk. Dentro da propia Ucraína, o catolicismo é unha confesión minoritaria, a segunda a distancia da maioría ortodoxa. En canto ao número de fieis, a Igrexa católica ucraína é a terceira igrexa do país, logo da Igrexa ortodoxa ucraína do patriarcado de Moscova e da Igrexa ortodoxa ucraína do patriarcado de Kiev.

Igrexa ortodoxa búlgara

A Igrexa ortodoxa búlgara (en búlgaro: Българска православна църква, Bulgarska pravoslavna tsurkva), é unha das igrexas ortodoxas autocéfalas, en comuñón co resto da Igrexa ortodoxa. Ten arredor de 6,5 millóns de fieis en Bulgaria, aos que hai que engadir entre 1,5 e 2 millóns no estranxeiro; e é a máis antiga das igrexas ortodoxas eslavas, sendo recoñecida como independente pola Igrexa ortodoxa de Constantinopla en 927.

O primado da Igrexa é o patriarca de toda Bulgaria, o sétimo na orde de precedencia da Igrexa ortodoxa. O seu territorio abrangue Bulgaria, e ten tamén xurisdición sobre as dioceses búlgaras no estranxeiro.

Igrexa ortodoxa copta

O Patriarcado ou Igrexa Ortodoxa Copta de Alexandría é unha igrexa fundada, segundo a tradición, polo apóstolo e evanxelista Marcos a mediados do século I (arredor do ano 60) con sé en Alexandría, sendo a principal igrexa cristiá en Exipto. É unha das igrexas ortodoxas orientais, separadas do que hoxe son a Igrexa católica e a Igrexa ortodoxa logo do Concilio de Calcedonia por discrepancias sobre a natureza de Cristo. O seu máximo xerarca é o Papa de Alexandría e Patriarca de Toda África na Santa Sé de San Marcos, dende 2012 Teodoro II.

Igrexa ortodoxa de Xerusalén

A Igrexa ortodoxa de Xerusalén, tamén coñecida como patriarcado de Xerusalén (en grego: Πατριαρχεῖον Ἱεροσολύμων, Patriarcheîon Hierosolýmōn), é unha das igrexas ortodoxas autocéfalas, en comuñón co resto da Igrexa ortodoxa.

O primado da Igrexa é o patriarca de Xerusalén, o cuarto na orde de precedencia da Igrexa ortodoxa logo dos patriarcas de Constantinopla, Alexandría e Xerusalén. O seu territorio tradicional inclúe Israel, Palestina e Xordania.

Igrexa ortodoxa romanesa

A Igrexa ortodoxa romanesa (Biserica Ortodoxă Română en romanés) é unha das igrexas autocéfalas integradas na comuñón ortodoxa.

Igrexa ortodoxa rusa

A Igrexa ortodoxa rusa (en ruso: Русская Православная Церковь, Russkaia Pravoslavnaia Tserkov), é unha das igrexas ortodoxas autocéfalas, en comuñón co resto da Igrexa ortodoxa.

O primado da Igrexa é o patriarca de Moscova, o quinto na orde de precedencia da Igrexa ortodoxa logo dos patriarcas de Constantinopla, Alexandría, Antioquía e Xerusalén. Reclama xurisdición exclusiva sobre todos os crisitáns ortodoxos que viven nas antigas repúblicas da U.R.S.S., coa excepción de Xeorxia e Armenia, aínda que dita xurisdición é disputada en países como Estonia, Ucraína e Moldavia. Ten tamén autoridade sobre os cristiáns ortodoxos do Xapón e da China.

O 15 de outubro de 2018 o Sínodo da Igrexa ortodoxa rusa rompeu a comuñón eclesiástica coa Igrexa ortodoxa de Constantinopla por mor da decisión desta de conceder a autocefalia á Igrexa ortodoxa ucraína.

Igrexa ortodoxa siríaca

A Igrexa Ortodoxa Siríaca de Antioquía (en siríaco: ܥܕܬܐ ܣܘܪܝܝܬܐ ܬܪܝܨܬ ܫܘܒܚܐ) é unha igrexa de credo monofisita, que se remonta nas súas raigames semíticas ao amencer do cristianismo, xa que a antiga Igrexa de Antioquía foi unha das igrexas que primeiramente se estabeleceron fóra de Palestina como unha Igrexa apostólica. Foi en Antioquía onde os seguidores de Xesús de Nazaret foron chamados cristiáns, tal como se relata nos Feitos dos Apóstolos.

Igrexas católicas orientais

O termo Igrexas católicas orientais, tamén coñecidas como uniatas, refírese colectivamente ás 22 igrexas particulares autónomas en comuñón coa Santa Sé que, xunto coa Igrexa Latina, forman a Igrexa Católica universal. Conservan moitas antigas tradicións teolóxicas, litúrxicas e devocionais que, en moitos casos, comparten co resto das igrexas cristiás orientais coas que estiveron unidas no pasado, como a Igrexa Ortodoxa ou as igrexas ortodoxas orientais.

Aínda que comparten tradicións similares con estas igrexas ortodoxas, afástanse delas en temas doutrinais e teolóxicos, polo que non admiten a participación de membros destas outras igrexas nos sacramentos, agás baixo as circunstancias previstas polo dereito canónico. No caso da Igrexa Ortodoxa isto é consecuencia, de xeito principal mais non exclusivo, de diferenzas conceptuais en canto ao papel e á autoridade do Bispo de Roma.

Historicamente, estás igrexas tiñan o seu ámbito de actuación en Europa do Leste, Oriente Medio, o Norte de África e a India. Por mor da emigración, teñen presenza tamén en Europa Occidental, América e Oceanía, onde teñen creado eparquías de xeito paralelo ás dioceses latinas.

Igrexas ortodoxas orientais

As Igrexas ortodoxas orientais son aquelas Igrexas cristiás orientais que aceptan tan só os tres primeiros concilios ecuménicos (Primeiro Concilio de Nicea, Primeiro Concilio de Constantinopla e Primeiro Concilio de Éfeso). Rexeitaron as definicións dogmáticas do Concilio de Calcedonia do 451. Tamén son coñecidas como igrexas orientais antigas, miafisitas ou non calcedonianas; e descritas tanto polo cristianismo occidental como pola Igrexa Ortodoxa como igrexas monofisitas (aínda que elas mesmas rexeitan esta descrición como inexacta, por ter rexeitado as ensinanzas de Nestorio e Eutiques). Estas igrexas están en plena comuñón entre elas, aínda que son totalmente independentes.

Non se debe confundir ás igrexas ortodoxas orientais coas diferentes igrexas ortodoxas. A comuñón ortodoxa oriental abrangue seis igrexas: a Igrexa Ortodoxa Copta, a Igrexa Ortodoxa Etíope, a Igrexa Ortodoxa Eritrea, a Igrexa Ortodoxa Siríaca, a Igrexa Ortodoxa Siria Malankara e a Igrexa Apostólica Armenia. Estas igrexas, malia estar en comuñón entre elas, son xerárquicamente independentes.

Orde sacerdotal

A Orde sacerdotal, na Igrexa ortodoxa, na Igrexa católica e na Comuñón Anglicana é un sacramento mediante o cal un varón recibe a través da Igrexa un don do Espírito Santo ao servizo da comunidade eclesial e de todos os homes consistente na función de ensino, a entrega da vida aos demais en plenitude e, moi particularmente, a consagración da Eucaristía e a administración do sacramento da reconciliación ou penitencia mediante o cal Deus perdoa o pecado a través da asemblea (ecclesia) de crentes.

Este sacramento é un don e un servizo que implica un cargo e unha función: o sacerdocio especial fronte ao sacerdocio xeral de todo bautizado. Como tal don, o sacerdocio non actúa en virtude dun poder propio do sacerdote ou da súa perfección moral ou virtude persoal, senón como servidor a través do cal, dun xeito singular, se transmite o poder curador e transformador de Cristo. O sacerdote non é un mediador, pois só Cristo o é, pero representa a Cristo nas celebracións litúrxicas, facendo patente a presenza deste no medio da asemblea. Segundo Tomé de Aquino só Cristo é o verdadeiro sacerdote, os demais son ministros seus.

Patriarca

Un patriarca é o bispo que preside unha sede, en principio de fundación apostólica (polos apóstolos), ou unha parte dela, que practica un determinado rito.

Este título é utilizado por varias denominacións cristiás, entre elas a Igrexa ortodoxa, a Igrexa católica, a Igrexa copta, as Igrexas ortodoxas orientais, a Igrexa husita ou a Igrexa mormoa, na que os bispos de maior rango se denominan patriarcas.

Patriarca de Constantinopla

O título de Patriarca de Constantinopla é o que levan algúns bispos que ocupan a sé de Constantinopla (hoxe Istambul, Turquía), ou que a ocuparon antigamente e mantiveron o nome ao trasladar a sé a outro lugar. O máis coñecido deles é o Patriarca ecuménico de Constantinopla, da Igrexa ortodoxa de Constantinopla, e polo xeral a expresión «Patriarca de Constantinopla» refírese a el. Ademais do prelado ortodoxo, reclama o título a Igrexa apostólica armenia e, antigamente, a Igrexa católica latina.

Patriarca ecuménico de Constantinopla

O patriarca de Constantinopla é o patriarca ecuménico da Igrexa ortodoxa. A diferenza do que ocorre na Igrexa católica, o seu cargo é unicamente honorífico: compételle presidir os concilios nos que toma parte e é o principal portavoz da Igrexa ortodoxa, pero non ten xurisdición nos asuntos internos das igrexas ortodoxas autocéfalas.

Ademais de ser o líder espiritual de 300 millóns de cristiáns ortodoxos repartidos por todo o mundo, é o máximo dirixente da Igrexa ortodoxa de Constantinopla, con preto de catro millóns de fieis en varios países.

O patriarca é considerado sucesor de André tal como o Papa é considerado sucesor do seu irmán Simón Pedro.

O actual patriarca ecuménico é a súa santidade Bartolomeu I

.

Patriarcado ecuménico de Constantinopla

O patriarcado ecuménico de Constantinopla ou Igrexa ortodoxa grega de Constantinopla é unha das 14 igrexas autocéfalas que fan parte da Igrexa ortodoxa, en comuñón entre elas. Está dirixida polo patriarca ecuménico de Constantinopla, actualmente Modelo:Cargos da Igrexa ortodoxa.

Por mor da súa localización na capital do antigo Imperio Bizantino e o seu papel como Igrexa Nai da maioría das Igrexas ortodoxas modernas, o patriarca ten o rango de Primus inter pares 'o primeiro entre iguais' entre os prelados ortodoxos. A diferenza do oapa na Igrexa católica, non exerce control sobre as demais igrexas autocéfalas, que son completamente autónomas.

Sebastián mártir

Este artigo trata sobre o mártir e santo, para o nome de varón véxase Sebastián.

Sebastián, coñecido tamén como San Sebastián Mártir, nado en Narbona (Francia) no ano 256 e finado en Roma contra o ano 288, foi un mártir e santo cristián, que foi supostamente martirizado durante o mandato do emperador romano Diocleciano, perseguidor dos cristiáns. Adoita ser representado como un individuo amarrado a un poste e perforado por frechas.

As igrexas católicas celebran o seu día o 20 de xaneiro. A Igrexa Ortodoxa tamén loa este santo.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.