Igrexa de Santa María de Sacos

A Igrexa de Santa María de Sacos é a igrexa parroquial de Santa María de Sacos, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.

Coordenadas: 42°30′50″N 08°29′38″O / 42.51389, -8.49389

IgrexaSacos
Igrexa parroquial de Santa María de Sacos

Descrición

Trátase dun templo dunha soa nave cunha ábsida rectangular, que conserva elementos do románico tardío ou protogótico. Os perpiaños, moi irregulares, distribúense en fiadas dando como resultado, pola contra, uns paramentos ben rematados.

Segundo Bango Torviso, o estilo do beiril da ábsida, principalmente, indica un estilo de orixe ourensán, da zona de Oseira ou Terra do Carballiño, de finais do último terzo do século XII.

Exterior

No exterior, a fachada principal presenta un arco de medio punto cara ao exterior e tendencia cara ao apuntamento no interior, con dúas arquivoltas de media cana entre baquetóns, que se apoia sobre columnas de fustes monolíticos, basas soterradas e capiteis cilíndricos tamén postizos. Posúe un tímpano recortado para adaptarse á forma apuntada, porén, Bango Torviso considera que se trataba dun arco en gola decorado con rosetas estreladas, como amosan os debuxos de Enrique Campo nos que aínda se pode ver o arco en gola e como a espadana estaba arruinada. Coróase cunha espadana de tres ocos.

A fachada setentrional enmárcase nos seus extremos cos muros da fachada e da cabeceira a xeito de contrafortes, e divídese en tres lenzos por dous contrafortes rectangulares. No pano central ábrese unha seteira e no máis pegado ao testeiro ábrese unha porta con arquivolta polilobulada cun lixeiro apuntamento. Os lóbulos de arco de ferradura recollidos por un groso baquetón.

CanzorrosSacos
Canzorros da fachada setentrional:Acróbata e home coas mans nos xenitais

Na actualidade o tímpano está recortado e presenta como decoración unha rosácea de trece pétalos no centro, outra de menor tamaño á esquerda e círculos concéntricos á dereita. Das columnas só se conservan os capiteis entregos decorados con motivos vexetais. O beirado con tellas cubertas en caveto e canzorros con formas de lóbulos, dentados, unha margarida, un acróbata e un home coas maus nos xenitais.

A fachada meridional é moi semellante a anterior. A porta de tímpano pentagonal está na actualidade cegada, así como unha seteira. Os canzorros presentan diversos temas: unha muller colléndose as pernas e ofrecendo os seus xenitais, unha posible ave cunha presa ou unha cabeza de lobo cunha galiña entre os dentes.

A ábsida únese directamente á nave, sobresaíndo o muro na unión a modo de contraforte. En ambos lados presenta un contraforte rectangular. Só é visible a cornixa do lado meridional xa que o outro está cuberto pola sancristía. A cornixa componse de seis arquiños de lixeira ferradura sostidos por canzorros en proa. No oco dos arquiños había decoracións de cabeciñas esculpidas e outros temas hoxe en día perdidas.

Lobosacos
Esculturas do muro piñón:Carneiro e lobo sostendo a cruz

O muro testeiro da ábsida divídese en tres panos por dúas columnas entregas con basas soterradas, fustes de nove semitambores e capiteis dos que só se conserva unha cesta de follas planas con bolas no envés, e que non chegan ata a cornixa. No centro ábrese unha ventana con arquivolta á que lle faltan os capiteis e fustes das columnas. No muro piñón unha cabeza de bóvido, sobre ela un lobo mirando cara a oriente e por riba del un carneiro mirando a occidente. Sobre todos eles unha cruz potenzada.

Interior

A nave cóbrese cunha bóveda moderna. Nos muros dous pares de columnas entregas, con basas áticas con garras, fustes de semitambores e capiteis con decoracións vexetais de longas e planas follas entrecruzadas. As ventás seteiras teñen derramo interno, e a que está por enriba do arco triunfal está cegada.

No interior tanto o arco triunfal como un secundario de acceso á capela son apuntados e apóianse en columnas acaroadas. O arco triunfal apuntado e dobrado, de bocel e media cana e un arco faixón de igual estilo. Apóianse en dous pares de columnas entregas, con basas áticas con garras, fuste de cinco semitambores e capiteis con decoracións vexetais moi xeometrizantes. A ábsida cóbrese cunha bóveda de canón apuntado.

Conserva tres linteis dun baldaquino de arcos conopiais do século XVI.

Cotobade, Sacos, Santa María 03-13
Cotobade, Sacos, Santa María 03-14

Véxase tamén

Bibliografía

  • Bango Torviso, Isidro Gonzalo (1979). Arquitectura románica en Pontevedra. Páxs. 203 e 204. (Fundación Pedro Barrié de la Maza). ISBN 84-300-0847-0.
  • Ponce Couce, Leandro; Sánchez García, Jesús A. (1998). Galicia, Guía do Patrimonio Arquitectónico. Oleiros: Vía Láctea Editorial. p. 323. ISBN 84-89444-50-1.

Outros artigos

Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade é un concello da provincia de Pontevedra creado o 22 de setembro de 2016 a partir da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade. Ten 5.815 habitantes (suma de datos do IGE 2018) e unha superficie de 214,5 km². Limita cos concellos de Pontevedra, Campo Lameiro, A Estrada, Forcarei, A Lama e Ponte Caldelas.

Concello de Cotobade

Cotobade foi un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. En 2016 fusionouse co concello de Cerdedo, dando orixe ao concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE en 2014 tiña 4327 habitantes (2079 homes e 2248 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cotobadés.

Galería de imaxes de Sacos, Cerdedo-Cotobade

Santa María de Sacos é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Cerdedo-Cotobade.

Igrexa de San Martiño de Rebordelo

A igrexa de San Martiño de Rebordelo é a igrexa parroquial de Rebordelo, parroquia do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.