Igrexa de San Xurxo de Sacos

A igrexa de San Xurxo de Sacos é a igrexa parroquial de San Xurxo de Sacos, parroquia do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.

Coordenadas: 42°30′37″N 08°31′03″O / 42.51028, -8.51750

IgrexaSanXurxo

Historia e características

Ten planta de cruz latina. Os teitos son de madeira a dúas augas. Conta con arcos torais e o triunfal de medio punto sobre pilastras. A cada lado do presbiterio hai unha sancristía con portas de aceso acodadas con tribunas baixo arco semicircular sobre elas. Están máis baixas e contan con teitos a tres augas. Nunha delas hai dúas inscricións: 1823 e 1689.

A nave ten tres tramos con arcos faixóns semicirculares sobre pilastras, coro ós pés, de pedra e sobre gran arco de medio punto. A porta de entrada é de arco adintelado e acodada. Sobre ela hai unha fiestra de igual derectriz.

A fachada está enmarcada por pilastras que rematan en pináculo. Remata con volutas estilizadas e no centro ten un campanario con decoración de placas formado por dous corpos con pilastras caixeadas que encadran os vans. Cruceiro destacado só en planta, porta lateral e fiestras acodadas.

Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade é un concello da provincia de Pontevedra creado o 22 de setembro de 2016 a partir da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade. Ten 5.815 habitantes (suma de datos do IGE 2018) e unha superficie de 214,5 km². Limita cos concellos de Pontevedra, Campo Lameiro, A Estrada, Forcarei, A Lama e Ponte Caldelas.

Concello de Cotobade

Cotobade foi un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Pontevedra. En 2016 fusionouse co concello de Cerdedo, dando orixe ao concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE en 2014 tiña 4327 habitantes (2079 homes e 2248 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cotobadés.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.