Igrexa de San Salvador de Coruxo

A igrexa de San Salvador de Coruxo é un templo cristián que se atopa na parroquia de Coruxo, no Val do Fragoso, no concello de Vigo, a catro quilómetros da cidade. Data do século XII, sendo até o século XIV un mosteiro propiedade da Orde de San Bieito dependente de Celanova, converténdose despois na igrexa parroquial.

Igrexa de San Salvador de Coruxo
Igrexa de San Salvador de Coruxo, Vigo, Galiza
Vista da ábsida e do lateral da igrexa
Datos xerais
TipoIgrexa parroquial
AdvocaciónSan Salvador
LocalizaciónCoruxo, Vigo, Pontevedra, Galicia
Coordenadas42°11′19″N 8°46′36″O / 42.18864167, -8.77673889Coordenadas: 42°11′19″N 8°46′36″O / 42.18864167, -8.77673889
Culto
CultoCatólico
DioceseTui-Vigo
Arquitectura
Construciónséculo XII
EstiloRománico con reformas

Historia

Construíuse no século XII coma igrexa monástica onde moraba un grupo de freires beneditinos, mais desta época non se conserva vestixio ningún. No ano 1142 este mosteiro pasou a pertencer ao da orde de San Bieito de Celanova en Ourense por concesión do Rei Afonso VII de Galicia e León. As crónicas da época din que o abade de Celanova Paio I, fuxindo da persecución de Dona Elvira (filla da raíña Sancha I de Galicia e do rei consorte Fernando I de León e Galicia, e irmá do Rei García de Galicia), retirouse ao cenobio de Santo Estevo sito na illa de Coruxo (Toralla). Os estudos realizados demostran que en realidade non se trataba dun mosteiro en Toralla, senón do mosteiro de Santo Estevo que se atopa na illa do Medio ou do Faro, no arquipélago das illas Cíes. No ano 1152 o rei Afonso VII de Galicia e León concedeulle ao mosteiro o privilexio de couto, dooulle ademais o eremiterio de Santo Estevo e a illa onde este se atopaba, dependentes do de Celanova. Polo ano 1378 o bispo de Tui permutou co mosteiro de Celanova a igrexa de Santa María Madalena de Ribadavia polo mosteiro de Coruxo e a illa de Santo Estevo, co cenobio que esta acollía. No século XIV convértese finalmente na igrexa parroquial que é na actualidade.

Estilo a arquitectura

A igrexa está feita con muros de cantaría de perpiaño de granito galego, con cuberta de tella. Ten planta basilical de cruz latina con tres naves e tres ábsidas semicirculares, sendo a central máis ancha e elevada (unha soa nave con outra de transepto e tres capelas absidiais na testeira cun treito recto que as une á nave; a ábsida sur perdeu o beirado no treito recto). O estilo orixinal da fábrica era románico, mais despois de numerosas reformas, perdeu moitos dos elementos orixinais, conservando algúns modillóns e tres ábsidas semicirculares, con cadansúas xanelas, aínda que as grandes fiestras da central foron tapiadas, perdéndose os elementos decorativos. Porén, abríronse outras dúas fiestraxes, unha a cada banda do presbiterio, para lle dar máis luz, aínda que estes non se encadran dentro do estilo que predomina no conxunto. Nos laterais consérvanse as vellas bufardas, aínda que as que están a carón do evanxeo perderon os fustes das pequenas columnas. Unha e outra están tamén cegas. Baixo o tellado hai unha cornixa á que están acaroados canzorros iguais en tamaño mais de debuxo diferente. Salientan os detalles figurativos contidos nos chapiteis das xambas, os canzorros e a pureza de liñas arquitectónicas. No centro ábrese unha seteira de arco semicircular con sobremarco de billetes e arquivolta baquetonada. As arquivoltas apoian sobre unha imposta que descansa sobre dúas columnas en cuxos chapiteis aparecen dúas figuras humanas espidas cos brazos en xerro, que pola deterioración non é sinxela a identificación, que seica son Adán e Eva. Os baseamentos das columnas son de perfil ático con garras. A ábsida central é máis alta e larga ca as laterais e de maior sinxeleza. Os seus vans non teñen nin arquivoltas nin columnas, só unha abertura semicircular abucinada. A ábsida setentrional ten unha xanela abucinada semellante á da súa homóloga do sur. Porén, neste caso as columnas carecen de baseamentos e fustes, conservándose unicamente os chapiteis con decoración vexetal. Todos eles contan con canzorros de variado enfeitado: proa, dentes de serra, boceis transversais etc.

O interior salienta polas ábsidas, todas coa mesma estrutura: bóveda de cuarto de esfera que descansa sobre imposta que, á súa vez, divide as ábsidas en dous corpos verticais. Pequena seteira moi sinxela sobre columnas con chapiteis vexetais en cadansúa ábsida lateral. A central aluméase con tres fiestras de semellante forma que as anteriores mais sen enfeite ningún. No transepto, bóvedas de aresta cuxos nervios posúen un florón decorando o centro, descansan sobre piares cruciformes que comunican coas ábsidas e sobre impostas apoiadas en ménsulas no extremo que comunica coa nave.

No adro hai un cruceiro, unha vella fonte, o busto do párroco Xosé Rivas González[1] que finou en 1973, e unha vella e senlleira oliveira, cuxo estado sanitario non é moi bo nos últimos anos. Era común en Galiza plantar nos adros das igrexas algunha especie perennifolia (normalmente oliveiras ou teixos) como sinal de vida eterna.

Xunto ás igrexas de igrexa parroquial de Santiago de Bembrive (en Bembrive) e a igrexa de Santa María de Castrelos (en Castrelos), o templo románico de Coruxo é un dos mellor conservados do Concello.

Galería de imaxes

Igrexa de San Salvador de Coruxo, Vigo

Vista da ábsida.

Igrexa de San Salvador de Coruxo, Vigo 3

Detalle da ábsida.

Igrexa de San Salvador de Coruxo, Vigo 2

Detalle da fiestra na ábsida.

Monumento a José Rivas González

Oliveira e monumento ó parroco Xosé Rivas González.

Busto de José Rivas González

Busto do párroco Xosé Rivas González.

Notas

  1. "La escultura clásica de Alfonso Quinteiro tiene su reflejo en Coruxo". La Voz de Galicia. 17/02/2008.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Bangos Torviso, Isidro: "Iglesias Románicas en el Municipio de Vigo", 1978, Madrid, en Vigo en su Historia, 1980, Vigo: Caja de Ahorros Municipal de Vigo. p. 141-148. ISBN 84-7231-494-4.
  • Ocaña Eiroa, Francisco Xabier: Itinerario escolar polas igrexas románicas de Vigo, 1995, Vigo, Concello de Vigo, Patrimonio Histórico e Medio Ambiente. ISBN 84-87637-20-5.

Outros artigos

Ligazóns externas

Arquitectura románica en Galicia

A arquitectura románica en Galicia correspóndese coas infraestruturas e construcións erixidas en Galicia durante os primeiros séculos da baixa Idade Media. Sen dúbida, a obra fundamental do Románico galego é a Catedral de Santiago de Compostela, modelo de igrexa de peregrinación, con conxuntos escultóricos (Pórtico da Gloria) de entre os máis senlleiros da Europa occidental.

Coruxo, Vigo

San Salvador de Coruxo é unha parroquia do concello de Vigo. Limita coas parroquias de Comesaña, Navia, Oia e Valadares e pertence ó arciprestado de Vigo-Santo Andrés. Presenta unha extensión de 900 hectáreas de superficie. Ten 40 entidades de poboación, 3 lugares e 5.343 veciños (2013).

Elvira de Toro

Elvira de Toro, tamén coñecida como Elvira Fernández, nada en 1038 e finada o 15 de novembro de 1099, foi unha nobre medieval, infanta de León, filla dos reis de Galiza Sancha I e do seu consorte Fernando I, e irmá de García II de Galiza, de Afonso VI de León, de Sancho II de Castela e de Urraca de Zamora. Era neta por parte materna de Afonso V o Nobre, rei de Galiza, e da súa esposa a raíña Elvira Méndez. Por parte paterna os seus avós eran Sancho III o Maior, rei de Navarra, e a súa esposa a raíña Muniadona de Castela.

Igrexa de Santiago de Bembrive

A igrexa parroquial de Santiago de Bembrive é un templo católico de estilo románico de transición, situado na parroquia de Santiago de Bembrive. É unha das tres igrexas románicas do concello de Vigo, sendo as outras dúas a igrexa de Santa María de Castrelos e a igrexa de San Salvador de Coruxo.

Vigo

Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana. A cidade atópase na beira sur da ría de Vigo e no sur das Rías Baixas. Con 293.642 habitantes no 2018 é o concello máis poboado de Galicia e o décimo cuarto de España, sendo a cidade sen rango de capital de provincia con máis poboación de España.

É un municipio costeiro das Rías Baixas que limita ao norte coa ría á que dá nome (ría de Vigo), ao nordés co concello de Redondela, ao leste co de Mos, ao sur cos do Porriño e Gondomar e ao suroeste co concello de Nigrán. Alén da ría e xusto fronte á cidade atópanse as vilas de Cangas e Moaña, a 5 e 3,6 km de distancia, respectivamente.

A cidade constitúe un dos motores económicos de Galicia. Vigo é o décimo cuarto concello de España cunha poboación de 293.642 habitantes, segundo o Padrón municipal do 2018. A súa extensión é de 109,1 km². A densidade de poboación da área sitúase en 2.718 hab/km² aínda que no casco urbano esta se incrementa notablemente.

De interese en Vigo
Inmobles
Arte e cultura
Deporte e instalacións
Natureza
Outros artigos
Eventos

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.