Igrexa católica maronita

A Igrexa siríaca maronita de Antioquía (en lingua siríaca: ܥܕܬܐ ܣܘܪܝܝܬܐ ܡܪܘܢܝܬܐ ܕܐܢܛܝܘܟܝܐ, ʿīṯo suryoiṯo morunoiṯo d'anṭiokia; árabe: الكنيسة الأنطاكية السريانية المارونية, al-Kanīsa al-Anṭākiyya al-Suryāniyya al-Māruniyya; latín: Ecclesia Maronitarum), máis coñecida simplemente como Igrexa católica maronita, é unha Igrexa particular católica, en comuñón coa Santa Sé de Roma. Ten a súa orixe na comunidade fundada por Marón, un monxe siríaco do século IV venerado como santo. O primeiro patriarca maronita, san Xoán Marón, foi elixido a finais do século VII.

Malia ser reducidos en número, os maronitas continúan a ser un dos principais grupos etnorrelixiosos do Líbano. A diferenza doutras Igrexas católicas orientais, dende a súa orixe os maronitas sempre teñen estado en comuñón coa Igrexa de Roma e co papa.

Igrexa siríaca maronita de Antioquía
Igrexa católica maronita
Historia
Fundaciónséculo IV
Parte deIgrexa católica
Goberno
Tipo de gobernoEpiscopal
Patriarca de AntioquíaBixara Pedro al-Rai
EstruturaDividida en eparquías
AgrupaciónsCongregación para as Igrexas orientais
Clasificación
GrupoCatolicismo
OrientaciónCristianismo oriental
Demografía e cultura
Fieis3 300 000[1]
PaísesSiria, Líbano, Chipre, Estados Unidos, Israel, Australia, Brasil e outros
Linguas litúrxicasLingua siríaca
Outros datos
Sede centralBkirki, Líbano

Historia

A Igrexa maronita toma o seu nome do seu fundador, san Marón († 410), un asceta siríaco amigo de Xoán Crisóstomo que a instituiu no século IV. Logo da súa morte os seus discípulos fundaron un mosteiro preto do seu túmulo, en Apamea, á beira do río Orontes. Dende os seus inicios, a comunidade maronita seguiu ao patriarca de Antioquía.

No século VII a comunidade maronita foi refundada e organizada por un monxe, o abade do mosteiro de Brad, en Siria. Xoán Marón foi o primeiro maronita en ter a dignidade episcopal; a súa ordenación tivo lugar en 676, e máis tarde (en 685) foi elixido patriarca de Antioquía. El foi o primeiro maronita en ter este encargo. Para escapar dunha persecución, decidiu deixar Siria e ir ao Líbano. Estabeleceuse en Bkirki, onde construíu un novo mosteiro no que depositou a máis valiosa reliquia para os maronitas: o cranio de San Marón. Dende aquela época, o mosteiro é a sé patriarcal.

Saint Elijah Maronite Cathedral, Aleppo (2)
A catedral maronita de Alepo.
HarissaVirginOfLebanon
Estatua do santuario de Nosa Señora do Líbano.

En 685 a Igrexa de Antioquía dividiuse entre os calcedonianos e os non calcedonianos, que se converteron na maioría. A comunidade maronita elixiu permanecer calcedoniana, e non se recoñeceu máis no patriarca Teófanes. Iniciou un período de autonomía, e os mosteiros tornáronse bispados.

Na época das cruzadas a Igrexa maronita retomou relacións coa Igrexa latina, da que nunca se separara formalmente. A unión foi selada algúns séculos máis tarde, en 1584, coa fundación, durante o pontificado de Gregorio XIII, do Colexio maronita de Roma.

Os maronitas foron protexidos por Francia, durante o dominio otomán de Oriente Medio.

Até o século XVIII a Igrexa maronita estaba só formalmente dividida en eparquías: en realidade, todos os bispos eran considerados como auxiliares do patriarca, o único e verdadeiro guía dos maronitas. En varias ocasións Propaganda Fide interveu para pedir a subdivisión canónica do patriarcado, pero os seus decretos non chegaron a ter efecto. O sínodo do Monte Líbano de 1736 instituiu canonicamente 8 eparquías, ademais da sé patriarcal, definindo para cada unha a súa xurisdición territorial: Alepo, Beirut, Biblos e Batrun, Chipre, Damasco, Baalbik, Trípoli e Tiro-Sidón. A Santa Sé aprobou as decisións do sínodo coa bula Apostólica praedecessorum do papa Bieito XIV do 14 de febreiro de 1742. Esta división permaneceu sen variacións até o inicio do século XX, cando foi creada a vigairía patriarcal de Exipto (1904), e foron separadas as de Tiro e Sidón (1906).

Cando o Líbano obtivo a independencia en 1943, os poderes do novo estado foron divididos entre as principais comunidades relixiosas. Os maronitas, que constituían a maioría da poboación, recibiron a Presidencia da República, cargo que continúan a manter hoxe.

Organización

Peshitta464
A Peshitta é a Biblia siríaca estándar, empregada pola Igrexa Maronita e outras igrexas. A imaxe é o texto de Éxodo 13:14-16, do ano 464.

A cabeza da Igrexa maronita é o patriarca de Antioquía dos maronitas, quen é elixido polos bispos maronitas e reside en Bkirki, ao norte de Beirut. Dende marzo de 2011 o patriarca é o cardeal Bixara Pedro al-Rai. Cando un novo patriarca e elixido e entronizado, pide o recoñecemento eclesiástico do Papa, mantendo deste xeito a comuñón coa Santa Sé. Como un dos patriarcas orientais, o patriarca a miúdo é creado cardeal polo papa, co rango de cardeal-bispo.

Os maronitas comparten co resto de católicos a doutrina, mais teñen as súas propias tradicións en canto á liturxia, teoloxía e espiritualidade; amais de manter unha disciplina e xerarquía diferenciadas das do resto de Igrexas particulares. A Igrexa maronota pertence á tradición antioquense e é de rito siro-antioquense occidental. A lingua siríaca é a súa lingua litúrxica propia. Porén, considéranse unha das Igrexas católicas orientais máis fortemente latinizadas, aínda que hai esforzos na recuperación de prácticas orientais.

O cardeal Sufair acelerou persoanlmente as reformas litúrxicas nos oitenta e noventa, que levaron á publicación en 1992 do novo misal maronita. O misal é unha viraxe ás formas orixinais da liturxia antioquense, eliminando a latinización litúrxica dos séculos pasados.

O celibato non está estritamente requirido para os sacerdotes e diáconos, podendo casar antes de seren ordenados; os monxes, porén, deben ser célibes, así como os bispos. Os eparcas e arquieparcas responden ante o patriarca.

Poboación

Artigo principal: Maronitas.

O número exacto de maronitas no mundo non se coñece con certeza. Estímanse máis de 3 millóns, segundo a Asociación Católica para o Benestar no Oriente Próximo.

Segundo un informe de 2007, hai arredor de are 930.000 maronitas no Líbano, onde constitúen aproximadamente o 22% da poboación.[2] En Siria son un total de 51.000.[3] Existe tamén unha comunidade maronita en Chipre, de arredor de 10.000 fieis,[3] e que fala o seu propio dialecto árabe.[4][5] Finalmente, hai unha salientable comunidade no norte de Israel, na rexión de Galilea, de 7.504 persoas,[3] famosa polos seus intentos de conservación da lingua aramea.

Notas

  1. The Eastern Catholic Churches 2010, Ronald Roberson (fonte: Annuario Pontificio), 22 de agosto de 2010, Catholic Near East Welfare Association. (en inglés)
  2. U.S. Department of State, ed. (2008). "Lebanon - International Religious Freedom Report". Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2012. Consultado o 01 de agosto de 2014.
  3. 3,0 3,1 3,2 "Datos do Annuario Pontificio: The Eastern Catholic Churches" (PDF). 2008.
  4. Maria Tsiapera (1969). Mouton and Company, ed. A Descriptive Analysis of Cypriot Maronite Arabic. A Haia.
  5. Ministerio do Interior de Chipre (ed.). "European Charter for Regional or Minority Languages: Answers to the Comments/Questions Submitted to the Government of Cyprus Regarding its Initial Periodical Report" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de novembro de 2010. Consultado o 01 de agosto de 2014.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Antón I Pedro Arida

Antón I Pedro Arida (en árabe: أنطون بطرس عريضة, Antun Butrus Aridah), nado en Bxari‎ (Líbano) o 2 de agosto de 1863 e finado o 19 de maio de 1955, foi o 73º Patriarca de Antioquía e de todo Levante dende o 8 de xuño de 1932 até o seu pasamento, e polo tanto cabeza da Igrexa Católica Maronita.

Arquieparquía católica maronita de Damasco

A arquieparquía de Damasco é unha sé da Igrexa Católica Maronita inmediatamente suxeita ao Patriarcado de Antioquía. En 2013 tiña 20.300 bautizados. O seu arcebispo é Samir Nasar dende 2006.

Arquieparquía católica maronita de Haifa e Terra Santa

A arquieparquía de Haifa e Terra Santa (latín: Archieparchia Ptolemaidensis Maronitarum in Terra Sancta) é unha sé da Igrexa Católica inmediatamente suxeita ó Patriarcado de Antioquía dos Maronitas. En 2009 contaba con 7.000 bautizados. O seu arcebispo actual é o antoniano Musa al-Hax.

Arquieparquía católica maronita de Tiro

A arquieparquía de Tiro (en latín: Archieparchia Tyrensis Maronitarum) é unha sé da Igrexa Católica Maronita inmediatamente suxeita ao Patriarcado de Antioquía dos Maronitas. En 2010 tiña 42.500 fieis. O seu arcebispo é Xukrala Nabil al-Hax.

Bixara Pedro al-Rai

Bixara Pedro al-Rai (en árabe: مار بشارة بطرس الراعي‎, Mār Bishārah Buṭrus al-Rāʿī), nado en Himlaia (Líbano) o 25 de febreiro de 1940, é o 77º Patriarca de Antioquía e de todo Levante dende o 15 de marzo de 2011, e polo tanto cabeza da Igrexa católica maronita. É tamén cardeal da Igrexa católica dende 2012.

Elías Pedro Huayik

Elías Pedro Huayik (en árabe: إلياس بطرس الحويك, Ilias Butrus al-Huwayik), nado en Halta (Líbano) o 4 de decembro de 1843 e finado o 24 de decembro de 1931, foi o 72º Patriarca de Antioquía e de todo Levante dende o 6 de xaneiro de 1899 até o seu pasamento, e polo tanto cabeza da Igrexa Católica Maronita.

Eparquía católica maronita de Buenos Aires

A eparquía de San Sarbelio de Buenos Aires (en latín: Eparchia Sancti Sarbelii Bonaërensis Maronitarum) é unha sé da Igrexa Católica Maronita sufragánea da arquidiocese católica latina de Buenos Aires. En 2009 tiña arredor de 700.000 bautizados. Actualmente está dirixida polo administrador apostólico Habib Xamia.

Eparquía católica maronita de Ibadan

A eparquía da Anunciación en Ibadan é unha sé da Igrexa católica maronita. O seu bispo actual é o libanés Simun Fadul.

Exarcado patriarcal católico maronita de Xerusalén e Palestina

O exarcado patriarcal de Xerusalén e Palestina é unha sé da Igrexa Católica Maronita inmediatamente suxeita ao patriarcado maronita de Antioquía. En 2010 tiña 504 bautizados. O seu exarca actual é Musa al-Hax, O.A.M.

Exarcado patriarcal católico maronita de Xordania

O exarcado patriarcal de Xerusalén e Palestina é unha sé da Igrexa Católica Maronita inmediatamente suxeita ao patriarcado maronita de Antioquía. En 2010 tiña 1.500 bautizados. O seu exarca actual é Musa al-Hax, O.A.M.

Nasrala Pedro Sufair

Nasrala Pedro Sufair (en árabe: نصر الله بطرس صفير‎, "Al-Kārdīnāl Mār Naṣrallah Buṭrus Ṣufayr"), nado en Raifun (Líbano) o 15 de maio de 1920 e finado o 12 de maio de 2019, foi o 76º Patriarca de Antioquía e de todo Levante da Igrexa católica maronita e bispo da Xubah-Sarba-Xuniah dende o 19 de abril de 1986 até o 26 de febreiro de 2011, permanecendo como patriarca emérito dende entón até o seu pasamento.

Paulo II Pedro al-Mauxi

‏ ‎

Paulo II Pedro al-Mauxi (en árabe: بولس بطرس المعوشي, Bulus Butrus al-Mauxi), nado en Xasin (Líbano) o 1 de abril de 1894 e finado o 11 de xaneiro de 1975, foi o 74º Patriarca de Antioquía e de todo Levante dende o 25 de maio de 1955 até o seu pasamento, e polo tanto cabeza da Igrexa Católica Maronita. Foi tamén cardeal da Igrexa Católica dende 1965.

Paulo I Pedro Masad

Paulo I Pedro Masad (en árabe: بولس بطرس مسعد, Bulus Butrus Mas'ad), nado en Axqut (Líbano) o 16 de febreiro de 1806 e finado o 18 de abril de 1890, foi o 70º Patriarca de Antioquía e de todo Levante dende o 12 de novembro de 1854 até o seu pasamento, e polo tanto cabeza da Igrexa Católica Maronita.

Raimun Aid

Raimun Aid (en árabe: ريمون عيد), nado na gobernación do Monte Líbano o 6 de agosto de 1930 e finado o 11 de xuño de 2012, foi un eclesiástico católico maronita, arcebispo de Damasco entre 1999 e 2005.

Xosé IX Pedro al-Khasin

Xosé IX Pedro al-Khasin (en árabe: يوسف بطرس الخازن, Yuwsuf Butrus al-Khasin), nado en Axaltun (Líbano) en 1791 e finado o 3 de novembro de 1854, foi o 69º Patriarca de Antioquía e de todo Levante dende o 18 de agosto de 1845 até o seu pasamento, e polo tanto cabeza da Igrexa Católica Maronita.

Xosé VIII Pedro Hubaix

Xosé VIII Pedro Hubaix (en árabe: يوسف بطرس حبيش, Yuwsuf Butrus Hubayx), nado en Sahil Alma (Líbano) o 23 de abril‎ de 1787 e finado en Al-Diman o 23 de maio de 1854, foi o 68º Patriarca de Antioquía e de todo Levante dende o 25 de maio de 1823 até o seu pasamento, e polo tanto cabeza da Igrexa Católica Maronita.

Xosé VII Pedro al-Tian

Xosé VII Pedro al-Tian (en árabe: يوسف بطرس التيان, Yuwsuf Butrus al-Tyan), nado en Beirut (Líbano) o 15 de marzo‎ de 1760 e finado en Qanubin o 20 de febreiro de 1820, foi o 66º Patriarca de Antioquía e de todo Levante dende o 28 de abril de 1796 até a súa renuncia o 19 de novembro de 1808, e polo tanto cabeza da Igrexa Católica Maronita.

Xoán XII Pedro al-Hax

Xoán XII Pedro al-Hax (en árabe: يوحنا بطرس الحاج, Yuwhana Butrus al Hax), nado no distrito de Kisruan (Líbano) o 1 de novembro de 1817 e finado o 24 de decembro de 1898, foi o 71º Patriarca de Antioquía e de todo Levante dende o 28 de abril de 1890 até o seu pasamento, e polo tanto cabeza da Igrexa Católica Maronita.

Xoán XI Pedro al-Hilu

Xoán XI Pedro al-Hilu (en árabe: يوحنا بطرس الحلو, Yuwhana Butrus al-Hilu), nado en Rusta‎‎ (Líbano) e finado no mosteiro de Qanubin no val de Qadixa o 12 de maio de 1823, foi o 67º Patriarca de Antioquía e de todo Levante dende o 8 de xuño de 1809 até o seu pasamento, e polo tanto cabeza da Igrexa Católica Maronita.

Tradición alexandrina:
Tradición antioquense:
Tradición armenia:
Tradición bizantina:
Tradición caldea:
Tradición latina:
Circunscricións da Igrexa católica maronita
Arquieparquías:
Eparquías:
Exarcados apostólicos:
Exarcados patriarcais:

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.