Ignacio Gallego

Teodoro Ignacio Gallego Bezares, máis coñecido como Ignacio Gallego, nado en Siles, Xaén, en 1914 e finado en Madrid o 23 de novembro de 1990, foi un político español, de ideoloxía comunista. Foi varias veces deputado nas Cortes.

Membro destacado das Xuventudes Socialistas Unificadas e do Partido Comunista de España (PCE), tras o final da Guerra civil exiliouse na Unión Soviética, país no que residiu durante moitos anos. Durante a súa etapa no exilio foi un dos principais dirixentes do PCE. Regresou a España tras a morte de Franco. Na década de 1980 liderou unha escisión no seo do PCE, sendo fundador e líder do Partido Comunista de los Pueblos de España.

Teodoro Ignacio Gallego Bezares
Ignacio Gallego

Ignacio Gallego xunto a Dolores Ibárruri en 1978

15 de xaneiro de 1984 – 29 de novembro de 1988
Sucedido por Juan Ramos Camarero

1977-1982; 1986 – 1982

Datos persoais
Nacemento 1 de abril de 1914
Siles, Xaén
Falecemento 23 de novembro de 1990
Madrid
Partido Partido Comunista de España
Partido Comunista de los Pueblos de España
Profesión político

Traxectoria

Inicios e mocidade

Naceu na localidade xienense de Siles o 1 de abril de 1914.[1] Era fillo dun fabricante de alpargatas e comezou a traballar con apenas 7 anos de idade, ao quedar orfo de pai. Apenas foi á escola, aos 16 anos era porqueiro. Ingresou na banda de música do seu pobo, onde aprendeu a ler e a escribir e algo de solfexo. Trasladouse a Xaén para traballar como mecánico. Con posterioridade gañou unha bolsa para estudar na Escola Industrial.

Membro das Xuventudes Socialistas dende 1932,[2] foi secretario xeral destas na provincia de Xaén até 1936.[1] Ese ano as Xuventudes Socialistas uníronse coas Xuventudes Comunistas, dando lugar ás Xuventudes Socialistas Unificadas (JSU). Gallego pasou a encabezar a federación provincial das JSU de Xaén.[3]

Tras o estalido da Guerra civil uniuse ás milicias populares, destacándose na organización do batallón "Milicias de Xaén".[4] Máis adiante, chegou a tomar parte en diversas accións militares na fronte de Córdoba. Do mesmo xeito que outros dirixentes das JSU de ascendencia socialista, como Santiago Carrillo, José Laín ou Federico Melchor, Gallego ingresaría no Partido Comunista de España (PCE) durante o transcurso da batalla de Madrid.[5] A partir de 1937 pasou a ser un dos membros da Comisión Executiva Nacional das Xuventudes Socialistas Unificadas,[6] traballando entre Xaén, Barcelona, Madrid e Valencia.

Etapa no exilio

A derrota republicana obrigouno a abandonar España e marchar ao exilio, do mesmo xeito que outros moitos españois. Logrou chegar até Orán, na Alxeria francesa, aínda que foi detido e trasladado a un campo de concentración.[7] As autoridades da Unión Soviética reclamaron aos franceses a saída de 104 españois, entre os que se atopaban Gallego e outros comunistas relevantes. Trasladouse á URSS, onde fixou a súa residencia. Alí cursou estudos na escola política de Planérnaya, xunto a outros españois exiliados como Pelegrín Pérez, José Fusimaña ou Víctor de Frutos.[12] Posteriormente realizou un curso superior na Escola Leninista de Moscova.[8]

Finalizada a segunda guerra mundial Gallego, Dolores Ibárruri e outros líderes do PCE trasladáronse dende a URSS a Francia.[9] En 1945 foi elixido membro do Comité Executivo da Federación Mundial da Xuventude Democrática. Tres anos despois xa era membro do Comité Central do PCE.[10] En 1950 o Ministerio do Interior francés declarou ilegal ao PCE en Francia, procedendo a unha redada de comunistas españois. Gallego volveu residir na Unión Soviética, con viaxes ocasionais a Francia e outros países de Europa oriental. En 1955, durante o V Congreso do PCE celebrado en Praga, entrou a formar parte do seu Comité Executivo.

Retorno a España

Regresou a España en 1976 de forma clandestina. Reapareceu publicamente o día da legalización do PCE, o 25 de abril de 1977.

Fixou a súa residencia en Madrid. Nas eleccións xerais de 1977 obtivo acta de deputado ao congreso pola provincia de Córdoba, logrando revalidar o seu escano nos comicios de 1979. Durante aqueles anos o PCE, baixo a dirección de Santiago Carrillo, sufriu unha grave crise que implicou fortes disensións internas e numerosas expulsións. Os malos resultados obtidos polo PCE durante as eleccións de 1982 reflectiron o alcance da crise que atravesaba a formación. Ignacio Gallego, cabeza visible do chamado "sector pro-soviético",[11] presentou a súa dimisión como membro do Comité Executivo e do Comité Central en outubro de 1983.

Tamén abandonou o PCE e a súa saída profundou a crise do partido.[12] En xaneiro de 1984 Gallego e a súa facción pro-soviética fundaron xunto a outros grupos un novo Partido Comunista, renomeado pouco despois como Partido Comunista de los Pueblos de España (PCPE),[13][14] formación da que saíu elixido secretario xeral durante o seu primeiro congreso.[15] O PCPE era un partido marxista-leninista ortodoxo e estreitamente relacionado coa Unión Soviética.[16] En 1986 Gallego foi un dos asinantes do nacemento da coalición Izquierda Unida, na que o PCPE tamén se integrou.[17] Nas eleccións xerais dese ano obtivo acta de deputado por Málaga como cabeza de lista de IU na provincia.[18] No II Congreso do PCPE en 1987 foi elixido presidente da formación.[7]

En 1988, tras o cambio de liderado do PCE, Gallego cambiou a súa postura e avogou pola reunificación co PCE.[19] Por iso, en novembro dese ano foi destituído como secretario xeral do PCPE.[20] En xaneiro de 1989 regresou ao PCE xunto a gran parte dos cargos públicos e dirixentes do PCPE.[21] Tras a destitución e marcha de Gallego o cargo de «Presidente do PCPE» foi abolido. Unha parte da formación rexeitou a reunificación e mantivo vivo o partido, baixo a xefatura de Juan Ramos Camarero.

Faleceu en Madrid o 23 de novembro de 1990.[22][23][24]

Familia

Na Unión Soviética unha das súas fillas deu a luz xemelgos, un dos cales morreu. O outro, que sería o escritor Rubén Gallego, quedou paralítico cerebral e foi ingresado nunha institución para nenos discapacitados. A nai do neno creu que este morrera. Tras unha longa historia de superación, Rubén reencontrouse con ela no ano 2000.[25]

Obras

  • E partido de masas que necesitamos, París, Ediciones Sociales, 1970.
  • Desarrollo del Partido Comunista, París, Colección Ebro, 1976.
  • Temas de Política y Sociedad. El Partido de Masas, Madrid, Edicións Cenit, 1977.
  • Carta de dimisión de Ignacio Gallego dirigida al Comité Ejecutivo del Partido Comunista de España, Barcelona, Sociedade Limitada Impresións do Vállès, 1983.

Notas

  1. 1,0 1,1 Menéndez & Fontes 2002, p. 319.
  2. Encinas Moral 2008, p. 308.
  3. Moreno Gómez 1985, p. 187.
  4. Moreno Gómez 1985, p. 384.
  5. Galán 1988, p. 54.
  6. Graham 1997, p. 247.
  7. 7,0 7,1 Menéndez & Fontes 2002, p. 320.
  8. Ruiz Ayúcar 1976, p. 55.
  9. Galán 1988, p. 55.
  10. Morán 1986, p. 248.
  11. Soto Carmona 2005, p. 260.
  12. Delgado Idarreta 2000, p. 338.
  13. Linz & Montero 1986, p. 514.
  14. Delgado Idarreta 2000, p. 260.
  15. "Vivas a Lenin, Marx y la URSS enel Congreso de los prosoviéticos" (en castelán). 16 de xaneiro de 1984. Consultado o 7 de xuño de 2019.
  16. Gunther, Sani & Shabad 1988, p. 415.
  17. Magone 2009, p. 165.
  18. Heras 1997, p. 148.
  19. Hobday & East 1990, p. 137.
  20. "Destituido Ignacio Gallego como dirigente del PCPE". El País (en castelán). 30 de novembro de 1988. Consultado o 5 de xuño de 2019.
  21. "El PCE concluye su proceso de unidad con el apoyo soviético". El País (en castelán). 15 de xaneiro de 1989. Consultado o 5 de xuño de 2019.
  22. Checa Godoy 1994, p. 159.
  23. Lorca Navarrete 1992, p. 506.
  24. "Ignacio Gallego, dirigente del Partido Comunista de España". El País (en castelán). 24 de novembro de 1990. Consultado o 7 de xuño de 2019.
  25. "El nieto de Moscú". El Mundo (en castelán). 18 de marzo de 2001. Consultado o 7 de xuño de 2019.

Véxase tamén

Bibliografía

Castelán

  • Checa Godoy, Antonio (1994). Andalucía después del 92. Málaga: Editorial Librería Ágora. ISBN 9788481600032.
  • Delgado Idarreta, José Miguel (2000). Franquismo y democracia. Introducción a la historia actual de la Rioja. Col. Historia del Tiempo Presente, 1. Logroño: Instituto de Estudios Riojanos. ISBN 84-89362-93-9.
  • Encinas Moral, Ángel Luis (2008). Fuentes históricas para el estudio de la emigración española a la U.R.S.S. (1936-2007) (PDF). Madrid: Exterior XXI. ISBN 978-84-612-6429-2.
  • Galán, Luis (1988). Después de todo: recuerdos de un periodista de la Pirenaica. Barcelona: Anthropos Editorial. ISBN 8476580800.
  • Heras, Raúl (1997). Enciclopedia política y atlas electoral de la democracia española. Barcelona: Temas de Hoy. ISBN 978-8478808816.
  • Linz, Juan José; Montero, José R (1986). Crisis y cambio. Electores y partidos en la España de los años ochenta. Madrid: Centro de Estudios Constitucionales. ISBN 9788425907517.
  • Lorca Navarrete, José F (1992). Crónicas políticas: el proceso autonómico andaluz (1977-1992). Madrid: Ediciones Pirámide. ISBN 9788436807233.
  • Martínez López, Fernando (2014). Los andaluces en el exilio del 39. Sevilla: Centro de Estudios. ISBN 978-84-942605-5-1.
  • Menéndez, Manuel Ángel; Fontes, Ignacio (2002). Quién es quién: sus señorías los diputados. Tres Cantos (Madrid): Foca Ediciones y Distribuciones Generales S.L. ISBN 9788495440259.
  • Morán, Gregorio (1986). Miseria y grandeza del Partido Comunista de España: 1939-1985. Barcelona: Planeta. ISBN 84-320-5852-1.
  • Moreno Gómez, Francisco; Tuón de Lara, Manuel (1985). La Guerra civil en Córdoba (1936-1939). Córdoba: Alpuerto. ISBN 84-381-0091-0.
  • Ruiz Ayúcar, Ángel (1976). El partido comunista: treinta y siete años de clandestinidad. Madrid: San Martín. ISBN 9788471401403.
  • Soto Carmona, Álvaro (2005). Transición y cambio en España, 1975-1996. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 9788420647883.

Inglés

  • Graham, Helen (1991). Socialism and War: The Spanish Socialist Party in Power and Crisis, 1936-1939. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-39257-8.
  • Gunther, Richard; Sani, Giacomo; Shabad, Goldie (1988). Spain After Franco. The Making of a Competitive Party System. Berkeley (CA): University of California Press. ISBN 9780520063365.
  • Hobday, Charles; East, Roger (1990). Communist and Marxist parties of the world. Longman. ISBN 9780582060388.

Outros artigos

Ligazóns externas

Juan Ramos Camarero

Juan Ramos Camarero, nado en Íllora, Granada en 1944 e finado en Barcelona o 14 de outubro de 2011, foi un político comunista español.

Los Muertos de Cristo

Los Muertos de Cristo (LMDC) foi un grupo de punk español de Utrera, Sevilla, formado en 1989 e disolto en 2008. De ideoloxía anarquista, a banda anunciou o seu fin no BaituRock do ano 2006. Actualmente atópanse inactivos nos escenarios, se ben publicaron o seu último disco (Rapsodia Libertaria vol. 3) o 9 de novembro de 2009, antes da súa retirada definitiva.

Partido Comunista de los Pueblos de España

O Partido Comunista de los Pueblos de España (PCPE) é un partido político español marxista-leninista fundado en xaneiro de 1984 tras a unión de varios partidos e organizacións que anteriormente se escindiran do Partido Comunista de España por non estar de acordo coa liña eurocomunista de Santiago Carrillo.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.