Idade de Bronce atlántica

A Idade de Bronce atlántica é un complexo cultural da Idade de Bronce que se produciu entre os anos -1300 e -700 en zonas da Europa atlántica como Portugal, Andalucía, Galicia, Armórica e as Illas Británicas.

Atlantic Bronze Age

Comercio

A Idade de Bronce atlántica está marcada polo intercambio económico e cultural, que levou a un alto grao de semellanza entre culturas como se pode comprobar nas comunidades costeiras dende Galicia ata Escocia, incluíndo o uso frecuente de pedras como cabalos de Frisia, a construcións de castelos en cantís, ou a arquitectura doméstica caracterizada pola casas redondas.[1] Os contactos comerciais abranguían dende Suecia[2] e Dinamarca ata o mar Mediterráneo.[1] Este período estivo definido polos centros rexionais de produción de metais, unidos por un comercio marítimo regular dalgúns dos produtos. Os maiores centros estaban no sur de Inglaterra e Irlanda, noroeste de Francia, e o oeste de Iberia.[3]

Os obxectos relacionados con esta cultura foron atopados frecuentemente formando cúmulos, ou depositados en áreas rituais,[4][5] usualmente preto da auga, como en ríos, lagoas e pantanos. Entre os elementos máis destacables pertencentes a este complexo cultural, están as machadas de bronce, ás veces enterradas formando grandes cúmulos na Bretaña e Galicia, puntas de lanzas, escudos e espadas.[6] Ademais, tamén son comúns os obxectos de festexo das elites: asadores articulados, caldeiros e ganchos para a carne,[5][7] atopados entre Portugal e Escocia.[1]

A orixe da cultura celta foi atribuída a este período no ano 2008 por John T. Koch[8] e apoiada por Barry Cunliffe,[9] os cales argumentaron que o desenvolvemento do celta debíase a que era unha lingua franca atlántica, que máis tarde se espallaría polo resto de Europa,[5] pero esta teoría contradí a máis aceptada orixe dos celtas na cultura de Hallstatt.

Collier de Penne

Idade de bronce - Museo de Tolosa.

Estela de Logrosan (Caceres-España)

Estela de Logrosán, Extremadura, representando a un guerreiro coas súas armas.

Machados de Bronce

Colección de machadas de bronce de Galicia. Museo Catedralicio de Ourense.

Poboado da idade de bronce de Campo Lameiro

Cabana da Idade de Bronce, Campo Lameiro

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 Cunliffe, Barry (1999). "Atlantic Sea-ways" (PDF). Revista de Guimarães. Especial (I): 93–105. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de setembro de 2015. Consultado o 24 de xaneiro de 2014.
  2. Johan Ling, Zofia Stos-Gale, Lena Grandin, Kjell Billström, Eva Hjärthner-Holdar, Per-Olof Persson, Moving metals II: provenancing Scandinavian Bronze Age artefacts by lead isotope and elemental analyses, Journal of Archaeological Science, Available online 2 August 2013, ISSN 0305-4403, http://dx.doi.org/10.1016/j.jas.2013.07.018. (http://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S0305440313002689)
  3. Europe Before History by Kristian Kristiansen
  4. Comendador Rey, Beatriz. Archaeopress, ed. "SPACE AND MEMORY AT THE MOUTH OF THE RIVER ULLA (GALICIA, SPAIN)" (PDF). Conceptualising Space and Place: On the role of agency, memory and identity in the construction of space from the Upper Palaeolithic to the Iron Age in Europe. Consultado o 26 de abril de 2011.
  5. 5,0 5,1 5,2 Cunliffe, Barry (2008). Yale University Press, ed. Europe between the oceans : themes and variations, 9000 BC-AD 1000 (2011 ed.). New Haven. pp. 254–258. ISBN 978-0-300-17086-3.
  6. Quilliec, Bénédicte T. (2007). "Life and death of an Atlantic sword: Reconstruction of the processes of fabrication, use wear and destruction" (PDF). Complutum 18: 93–107. Consultado o 22 de setembro de 2011.
  7. Bowman, Sheridan; Stuart Needham (2007). "THE DUNAVERNEY AND LITTLE THETFORD FLESH-HOOKS: HISTORY, TECHNOLOGY AND THEIR POSITION WITHIN THE LATER BRONZE AGE ATLANTIC ZONE FEASTING COMPLEX" (PDF). The Antiquaries Journal 87: 53–108. Consultado o 22 de setembro de 2011.
  8. Koch, John (2009). Palaeohispanica, ed. Tartessian: Celtic from the Southwest at the Dawn of History in Acta Palaeohispanica X Palaeohispanica 9 (2009) (PDF). pp. 339–351. ISSN 1578-5386. Arquivado (PDF) dende o orixinal o 23 de xuño de 2010. Consultado o 17 de maio de 2010.
  9. Cunliffe, Barry (2008). The Prehistoric Society, ed. A Race Apart: Insularity and Connectivity in Proceedings of the Prehistoric Society 75, 2009, pp. 55–64. p. 61.

Véxase tamén

Outros artigos

Escocia

Escocia (en inglés: Scotland; en escocés: Scotland; en gaélico escocés: Alba) é un país que forma parte do Reino Unido. É o máis setentrional dos catro países constituíntes que forman o Reino Unido. Xunto con Inglaterra e Gales, forma parte da illa de Gran Bretaña, e abrangue un terzo da súa superficie total. Ademais da parte de Escocia localizada na illa de Gran Bretaña, o territorio escocés consta de máis de 790 illas, incluíndo as Shetland, as Orcadas e as Hébridas. Limita ao norte e oeste co Océano Atlántico; ao leste co Mar do Norte, ao sur con Inglaterra e ao suroeste coa Canle do Norte e o Mar de Irlanda. O territorio escocés comprende 78.772 km2, e a súa poboación estímase en 5 116 900 habitantes, o que dá unha densidade de poboación de 65 habitantes por km2.

Edimburgo, a capital do país e segunda meirande cidade, é un dos centros financeiros de Europa. Edimburgo foi o centro da Ilustración escocesa do século XVIII, que transformou a Escocia nunha das potencias comerciais, intelectuais e industriais de Europa. Glasgow, a cidade máis grande, foi outrora unha das cidades industriais máis importantes do mundo e hoxe atópase no centro da aglomeración de Gran Glasgow. As augas territoriais escocesas abranguen unha parte importante do Atlántico Norte e do Mar do Norte, contendo unha das maiores reservas de petróleo da Unión Europea. Por este motivo, Aberdeen, a terceira cidade de Escocia, ten o título de capital europea do petróleo.O Reino de Escocia foi un estado independente durante a Alta Idade Media, e continuou a súa existencia ata 1707. Nesa data produciuse unha unión persoal na que se asinaron as Actas de Unión con Inglaterra, para crear o 1 de maio de 1707 o Reino Unido da Gran Bretaña. A unión produciuse malia a oposición popular e as revoltas anti-unión en Edimburgo, Glasgow e noutras partes. O Reino Unido de Gran Bretaña entrou posteriormente noutra unión política co Reino de Irlanda, o 1 de xaneiro de 1801, para crear o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda.

O sistema legal escocés mantívose separado do de Inglaterra, Gales e Irlanda do Norte, polo que é considerada en dereito internacional como unha entidade xurídica distinta. A existencia de institucións legais, educativas e relixiosas distintas permitiron a supervivencia da cultura e da identidade nacional escocesa dende a Unión de 1707. En 1999 recuperou un poder lexislativo, o Parlamento de Escocia, grazas ó referendo de 1997, e volveu reunir a autoridade sobre moitas áreas dos asuntos de interior. En maio de 2011, o Scottish National Party (SNP, Partido Nacional de Escocia) gañou con ampla maioría as eleccións ó parlamento. Como resultado, celebrarouse un referendo de independencia o 18 de setembro de 2014, que rexeitou a independencia por un 55% contra o 45%, e cunha participación do 85%.Escocia é membro do Consello británico-irlandés, e da Asemblea parlamentaria británico-irlandesa, así como no acordo da Common Travel Area. Escocia é representada na Unión Europea e no Parlamento Europeo con seis MEPs.

Galaicos

Galaico é un termo actual derivado do latino gallaeci ou callaeci e do grego Καλλαϊκοί, que designaba un conxunto de pobos de cultura e lingua celtas ou celtizadas -sen que exista consenso entre os investigadores- do noroeste da Península Ibérica antes e durante o Imperio Romano. O termo gallaecus/gallaeco tamén designou, desde finais do Imperio de Occidente ata entrada a Idade Media, os habitantes de Gallaecia e Galicia, evolucionando lingüisticamente ata o xentilicio actual galego.

Aínda que poidamos falar dos galaicos durante a Idade Media, tradicionalmente o termo aplícase ao período previo á integración destes pobos no Imperio romano, servindo tamén como xentilicio culto para os habitantes da actual Galicia, do mesmo xeito que se empregan os cultismos galo, xermánico, anglosaxón ou luso, aos habitantes de Francia, Alemaña, Inglaterra e Portugal respectivamente.

Historia de Galicia

A historia de Galiza comeza co nacemento da propia Galiza, que é fixado tradicionalmente arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos —kallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.

O feito de que no ano 298 d. C. o emperador Diocleciano decidise elevala ao rango de provincia consular —ampliando así tamén o seu territorio— supuxo un acrecentamento da súa cohesión política, pois desta maneira pasaba a estar baixo o goberno dun cónsul romano. A súa definitiva consolidación estatal chegaría no ano 409 d. C., cando o rei suevo Hermerico funda nela o primeiro reino de Galiza, afianzando a existencia de Galiza ata os nosos días.

A ocupación humana do territorio correspondente á actual Galiza, non obstante, é moito máis antiga cá chegada de Roma, existindo testemuños arqueolóxicos que certifican o seu poboamento desde o Paleolítico inferior. Estas poboacións recibiron diversas achegas culturais durante milenios, formando parte xa na Idade de Bronce da área cultural atlántica que se deu entre as terras máis occidentais de Europa. A finais da Idade de Ferro estas poboacións autóctonas formaban unha unidade cultural, que os romanos denominaron como galaicos e que supoñen o principal substrato da poboación actual en Galicia.

Do mesmo xeito, durante os séculos seguintes Galiza recibiu sucesivos asentamentos de xente, entre os que destacan romanos, suevos e bretóns, que non só se integraron na poboación autóctona senón que tamén influíron decisivamente na súa vida, como foi o caso da cultura romana que propiciou a formación dunha nova lingua autóctona, o galego. Ata o ano 1833 mantívose coma un reino, no ano 1933 recibe o recoñecemento internacional da súa realidade nacional e desde 1981 organízase xurídica e administrativamente como unha comunidade autónoma dentro do Estado español.

Idade de Bronce en Galicia

Os primeiros metais e a cerámica campaniforme chegaron a Galiza procedentes de Portugal hai uns 4 000 anos, durante o Calcolítico ou Idade do Cobre.

Na Idade de Bronce (1800-700 a.C.), a metalurxia comezou a evidenciar cambios tanto na forma coma na técnica coa aparición do bronce. A base económica foi a agricultura e a gandería e mailo aproveitamento dos recursos mariños; aínda que a metalurxia do bronce debeu xogar un importante papel, mesmo no crecemento dos intercambios destes bens coa Europa atlántica e co Mediterráneo peninsular.

Son numerosas as pezas de ourivaría que conservamos: pulseiras, diademas, brazaletes,etc., o que evidencia a xerarquización desta sociedade. Pola súa cantidade e calidade destaca o tesouro de Caldas de Reis (Caldas de Reis), hoxe no Museo Provincial de Pontevedra, así como o casco de Leiro (Leiro, Rianxo), no Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón, na Coruña.

A importancia da guerra para esta sociedade vén marcada polo numeroso armamento metálico atopado: puñais, machadas, punta de lanza ou espadas. Os lugares nos que apareceron os restos de maior importancia son Leiro, O Hío (Cangas) e Roufeiro (Nocelo da Pena, Sarreaus).

Da Idade de Bronce consérvase unha gran cantidade de gravados en penedos ao aire libre, denominados petróglifos. Aparece a finais desta época a Cultura castrexa.

Tartessos

Durante a primeira metade do primeiro milenio a.C. a Península Ibérica estivo colonizada por fenicios e gregos (especialmente no sueste da península) e grazas e eses contactos, dispomos das primeiras novas sobre a Península, centradas na existencia dun grande estado chamado Tartessos.

Ademais dos descubrimentos arqueolóxicos, temos fontes e máis escritos gregos que revelan que Tartessos foi un reino cuxa influencia estendíase dende Serra Morena ata Xibraltar e dende o océano Atlántico ata Cartaxena. A súa economía estaba baseada nunha agricultura e nunha economía moi avanzadas xa que explotaban os xacementos minerais da rexión (que ben podían ser de prata, ouro, chumbo e cobre) e a través de perigosas expedicións polo Atlántico obtiñan estaño das illas Casitérides (Illas británicas)

Pero máis adiante, o pobo dos Tartessos caeu baixo o dominio cartaxinés, un pouco antes do século III a.C.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.