I Asemblea Nacionalista

A I Asemblea Nacionalista (daquela Asambleia nazonalista de Lugo), celebrada en Lugo entre o 17 e 18 de novembro de 1918 polas Irmandades da Fala, foi a histórica asemblea onde o galeguismo político deixa atrás o rexionalismo e avanza cara o nacionalismo.

I Asemblea Nacionalista, Lugo 17-18 de novembro de 1918, aparecen, entre outros, Antón Losada Diéguez, Antón Villar Ponte, Vicente Risco e Manuel Banet Fontenla
Participantes na I Asemblea Nacionalista.

Historia e características

Celebrouse no teatro Lugo-Salón[1]. Contou coa asistencia de 63 persoas, a metade procedente da cidade da Coruña. Estiveron representadas 67 sociedades agrarias, cinco centros culturais, e mandaron a súa adhesión cinco federacións agrarias, once concellos, máis de 49 Asociacións e numerosas personalidades de Galicia. Da asemblea saíu o "Manifesto Nacionalista", que constituiría a base común de todos os programas do nacionalismo galego ata a Guerra Civil española. Nel defínese a Galicia como nación, reclámase a autonomía integral de Galicia e a cooficialidade do galego.

Manifesto da Asambleia nazonalista de Lugo

O manifesto comezaba do seguinte xeito:

No manifesto publicado, aparecía ó remate o seguinte texto:

Son chegadol-os tempos d´erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sin cativeces. N-isto non caben discusións: Galicia ten direito, un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vountade ceibe faremos nupcias d´amore con outras soberanías, contr´as que non vai nin quér ire a soberanía nosa.
Pensade pois, nas nosas concrusións, feitas pra todol-os galegos. Pró, ademais, sentídeas, practicádeas. Nosos brazos están abertos pr´a fecunda aperta. Todos xuntos melloraremos a grande obra. O ideial que nos aloumiña vos pide que sintades a Galicia, coma nós no recuncho mais intenso das vosas almas.
Ninguén é inútil pra ista cruzada. A nosa mocedade tén unha santa obriga co-a patria, e agardamos, ateigados do lume inmenso do noso amore, que todo galego dino nos mande súa adhesión á Santa Causa da Redenzón da Nai Terra.

Lugo 05-08c Hotel Méndez Núñez, rúa da Raíña
Placa no hotel Méndez Núñez, un dos lugares onde se celebrou a Asemblea.

Os asinantes do manifesto foron os asembleístas: Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Arturo Noguerol, Xaime Quintanilla, Manuel Banet Fontenla, Ramón Cabanillas, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Gonzalo López Abente, Victoriano Taibo, V. Paratcha, Antón Villar Ponte, J. Ferreira, Lois Peña Novo, L. P. Carballa, X. Culebras, E. Bidegaín, Francisco Vázquez Enríquez, G. Cedrón, F. M. Balboa, Johán Vicente Viqueira, Roberto Blanco Torres, Rodríguez de Vicente, Ivo Fernández, Evaristo Correa Calderón, Ramón Villar Ponte, L. Ares, A. Ramos, S. Mosteiro, X. Ares, X. Peña, L. Briones, Díaz Varela, P. Peña Novo, Sánchez Taíz, X. Faraldo, V. Veiga, C. Monasterio, X. Sarmento, L. de Labra, Xosé Ramón Fernández-Oxea, C. García Colmelo, R. Gutiérrez, X. García Colmelo, F. Abelaira, Ánxel Casal, T. Rodríguez, F. Zamora, V. Maceiras, A. Martínez, I. Rodríguez, X. Robles, R. Carballal, R. Areses, Eugenio Charlón, Manuel Sánchez Hermida, T. Amador, M. Vázquez, B. Varela, I. A. Garaloces, X. Basteiro, Eduardo Lence-Santar Guitián, V. Casas e X. Monteiro Mejuto.

Notas

  1. Xulio Pardo de Neyra: "A asemblea nacionalista de Lugo ou a historia dunha inexactitude" Praza Pública, 18/11/2013.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Antón Losada Diéguez

Antón Losada Diéguez, nado en Moldes (Boborás) o 22 de decembro de 1884 e finado en Pontevedra o 15 de outubro de 1929, foi un filósofo, escritor e político galego. A súa familia procedía da fidalguía e da nobreza galega do Antigo Réxime, o carlismo e o tradicionalismo, tendencias que influíron na súa traxectoria no nacionalismo galego. Integrante da Irmandade da Fala de Ourense, impulsor da revista Nós e ideólogo do artellamento do grupo Nós e correspondente da Real Academia Galega, atraeu a numerosos intelectuais á causa galeguista, exercendo sobre eles un labor socrático, cunha extraordinaria capacidade de espertar conciencias e estimular talentos. De obra relativamente escasa e en gran parte inédita ata 1985, foi autor, entre outras, de media ducia de poesías, sete contos, dous escritos políticos, a obra teatral incompleta A domeadora e os discursos "Os problemas do idioma e a cultura no rexionalismo galego" (1918) e "Encol da prosa galega" (1924), co que ingresou no Seminario de Estudos Galegos. Morreu prematuramente aos 44 anos de idade. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 1985.

Antón Villar Ponte

Antón Villar Ponte (tamén coñecido como Antón Vilar Ponte), nado en Viveiro o 2 de outubro de 1881 e finado na Coruña o 4 de marzo de 1936, foi un dos fundadores dunha das primeiras Irmandades da Fala e un dos principais alentadores do galeguismo de preguerra. Estudou farmacia, aínda que exerceu tamén o xornalismo. A súa obra abrangueu varios eidos (novela, ensaio, conferencias, discursos etc) e especialmente a produción dramática, transmisora do ideario galeguista. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1977.Na súa traxectoria política foi un dos fundadores, en 1929, da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e, como membro dela, foi elixido deputado da Federación Republicana Gallega pola provincia da Coruña nas eleccións de xuño de 1931. En 1934 incorporouse ao Partido Galeguista e volveu ser electo nas eleccións de febreiro de 1936 na candidatura da Fronte Popular, se ben non chegou a prometer o cargo nin presenciar o plebiscito do Estatuto de Galicia de xuño, pois morreu en marzo por mor dunha perforación gástrica.

Arturo Noguerol

Arturo Noguerol Buján, nado en Ourense o 6 de maio de 1892 e asasinado en Ferrol o 12 de setembro de 1936, foi un avogado e intelectual galeguista.

Eduardo Lence-Santar

Eduardo Lence-Santar Guitián, nado en Mondoñedo o 16 de xullo de 1879 e finado na mesma vila o 14 de xaneiro de 1960, foi un escritor e xornalista galego.

Emilio Bidegaín

Emilio Bidegaín Lázaro foi un comerciante e político galego.

Evaristo Correa Calderón

Evaristo Correa Calderón, nado na Pena (Baralla) o 11 de febreiro de 1899 e finado na Pobra de Trives (Ourense) o 11 de xullo de 1986, foi un escritor e xornalista galego.

Guillermo Cedrón

Guillermo Cedrón Gómez, nado en Ferrol e finado na mesma cidade o 18 de agosto de 1936, foi un político galego.

II Asemblea Nacionalista

A II Asemblea Nacionalista celebrouse en Santiago de Compostela os días 7, 8 e 9 de novembro de 1919 para debater, entre outros temas, o da autuación políteca.

IV Asemblea Nacionalista

A IV Asemblea Nacionalista celebrouse en Monforte de Lemos do 18 ao 20 de febreiro de 1922.

Lois Peña Novo

Lois Peña Novo, nado en Vilalba o 5 de agosto de 1893 e finado en Robra (Outeiro de Rei) o 24 de xullo de 1967, foi un avogado, político e escritor galego.

Manuel Banet

Manuel Banet Fontenla, nado na Coruña o 30 de marzo de 1871 e finado na mesma cidade o 30 de setembro de 1962, foi un avogado e escritor galego.

Roberto Blanco Torres

Roberto Blanco Torres, nado en Cuntis o 18 de marzo de 1891 e finado en San Fiz de Galez, Entrimo, o 3 de outubro de 1936, foi un xornalista e poeta galego. Deu os primeiros pasos na poesía da man das vangardas artísticas. A súa obra poética é cualificada polos críticos como dunha grande beleza e intensidade expresiva. Outra das facetas deste home de letras é a de xornalista. O seu traballo nos medios impresos foi moi extenso e variado. A sinatura de Roberto Blanco Torres nas columnas de opinión caracterizou practicamente unha época xornalística.

Ademais de ser colaborador asiduo da prensa galega dirixiu varios xornais. As súas columnas desprenden o talante combativo que caracteriza toda a súa obra. Dende Cuntis, a súa vila natal, emigrou a Cuba. Comprometido co seu tempo, evolucionou politicamente dende o agrarismo ata o galeguismo. Á súa figura dedicouse o Día das Letras Galegas de 1999.

Salvador Mosteiro Pena

Salvador Mosteiro Pena, nado en Betanzos o 24 de febreiro de 1896 e finado na Coruña o 11 de maio de 1982, foi un escritor galego.

Vicente Risco

Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 1 de outubro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX, membro da xeración Nós e considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego.Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega. Home procedente dunha familia acomodada, dun gran nivel cultural, contribuíu na literatura galega asentando as bases do nacionalismo galego e renovando a narrativa galega do primeiro terzo do século XX.

Victoriano Taibo

Victoriano Taibo García, nado en Santiago de Compostela o 22 de abril de 1885 e finado en Vigo o 13 de marzo de 1966, foi un mestre, poeta e narrador galego, discípulo literario de Ramón Cabanillas, galeguista, de esquerdas, membro fundador das Irmandades da Fala e integrante da Real Academia Galega.

Víctor Casas

Víctor Casas Rey, nado na Coruña o 31 de xullo de 1900 e finado en Poio o 12 de novembro de 1936, foi un xornalista, actor e político galego que desenvolveu a súa actividade en Galicia.

Xesús Culebras

Xesús Culebras Rodríguez, nado en Narón o 12 de febreiro de 1879 e finado en Madrid o 2 de abril de 1948, foi un veterinario, intelectual, científico e galeguista.

Xosé Ramón Fernández-Oxea

Xosé Ramón Fernández-Oxea, nado en Ourense o 5 de abril de 1896 e finado en Madrid o 2 de maio de 1988, foi un escritor, mestre e investigador galego tamén coñecido como Ben-Cho-Shey ou Xan Fouciño, un intelectual de obra poliédrica que abarca dialectoloxía, heráldica, arqueoloxía, etnografía, historia da arte e creación literaria. Colaborou con publicacións como O Tio Marcos d'a Portela, La Zarpa, Nós, A Nosa Terra, Lar, Opinión Gallega, Eufonía, La Temporada en Mondariz, Faro de Vigo, La Noche, Vieiros, Boletín de la Real Academia Gallega, Cuadernos de Estudios Gallegos, El Museo de Pontevedra e Chan. Foi membro das Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista. En 1986 foi galardoado coa Medalla Castelao.

Xoán Vicente Viqueira

Xoán Vicente Viqueira Cortón, nado en Madrid o 22 de outubro de 1886 e finado na Lagoa, Bergondo, o 29 de agosto de 1924, foi un filósofo, psicólogo e pedagogo galego, conferenciante con sona de excelente orador, alumno da Institución Libre de Enseñanza, tradutor de autores europeos ao castelán, membro das Irmandades da Fala e participante nas asembleas nacionalistas. O nacionalismo galego de Viqueira era democrático, republicano, federal, socialista e laico, en contraposición co galeguismo conservador e católico de Vicente Risco. No ano 1974 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Asembleas nacionalistas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.