Hyla arborea

A Hyla arborea é unha pequena ra do xénero Hyla, da familia dos hílidos (Hylidae), duns 4,5 a 5 cm de lonxitude, cor verde, hábitos arborícolas e que se alimenta de insectos.

Pode verse en días húmidos e nubrados, porén, atinxe os niveis máximos de actividade durante a noite.

Historicamente as relas foron utilizadas como barómetros biolóxicos, debido ao feito de comezaren os machos a croar ao sentiren a proximidade da chuvia.

Esta ra é o representante por excelencia dos hílidos en Europa, distribuíndose pola Europa central e meridional (agás a península Ibérica), estendéndose polo leste até o Cáucaso e Asia occidental.

Hyla arborea
Hyla arborea

Hyla arborea
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)

Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Amphibia
Orde: Anura
Familia: Hylidae
Xénero: Hyla
Especie: H. arborea
Nome binomial
Hyla arborea
Linnaeus, 1758
Mapa de distribución. As poboacións ibéricas representdas no mapa considérase actualmente que pertencen á especie H. molleri.

Mapa de distribución.
As poboacións ibéricas representdas no mapa considérase actualmente que pertencen á especie H. molleri.

Características

É un anfibio de pequeno tamaño, de non máis de 5 cm de lonxitude. Presenta un corpo ovalado, algo repoludo, coa cabeza ancha e os ollos grandes e prominentes, de iris dourado.

Facilmente recoñecíbel pola intensa cor verde brillante, aínda que, dependendo da subespecie, temperatura ou humidade relativa ou o seu contorno, a súa cor pode variar entre as tonalidades verde escura a verde intensa, pasando pola cincenta, parda e amarela, ás veces con manchas. Ao longo dos flancos presentan unhas liñas irregulares de cor que vai da parda á negra.

As súas extremidades son esveltas, e nas puntas dos dedos teñen ventosas, adaptadas aos seus hábitos gabeadores, que lles permiten agatuñar facilmente pola vexetación e manterse sobre as follas máis lustrosas, sendo este un dos caracteres que as separan das ras típicas, de fortes ancas traseiras adaptadas ao salto.

O macho presenta un gran saco vocal que infla debaixo da mandíbula ao realizar a súa chamada e desenvolve durante o período nupcial pequenas rugosidades no primeiro dedo das extremidades anteriores que lle axudarán a suxeitarse á femia durante o amplexo.

Hábitat e distribución

Vive en territorios con auga permanente, onde abunda a vexetación, nas marxes de pozas, lagoas ou ríos de correntes lentas. Frecuenta preferibelmente árbores, matogueiras e outras vexetacións densas que lle permitan agocharse, e que ademais estean próximas á auga.

É de actividade principalmente crepuscular e nocturna.

Presente nas zonas mediterráneas europeas, está amplamente distribuída por Europa, desde Ucraína e Belarús, até os Balcáns, Creta, Italia, Benelux e Francia.

Na península Ibérica substitúea a especie Hyla molleri, que anteriormente era considerada unha subespecie dentro de H. arborea.[2][3][4][5][6][7]

Reprodución

HylaArborea-CallingMale
Macho de Hyla arborea croando.

O período reprodutor desta ra comeza coa primavera, utilizando pozas ou ribeiras fluviais de augas doces e con abundante vexetación.

Os machos atraen as femias co seu potente canto, inchando o saco vocal que chega a adquirir un tamaño maior có da cabeza.

Coma no resto de especies de ras, o apareamento ten lugar unha vez que o macho consegue atraer unha femia coa súa chamada, e durante a noite. A femia deposita paquetes con ao redor de 1.000 ovos, que son fecundados externamente polo macho durante o denominado amplexo axilar.

Notas

  1. "Hyla arborea". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2008.
  2. Masó e Pijoan (2011).
  3. Stock et al. (2008).
  4. Carretero et al. (2010).
  5. Speybroeck et al. (2010).
  6. Rivera et al. (2011).
  7. Frost (2010).

Véxase tamén

Bibliografía

  • Carretero, M.A.; E. Ayllón, e G. Llorente (2010). "Lista patrón de los anfibios y reptiles de España". Asoc. Herpetol. Esp., Mus. Cienc. Nat. Madrid.
  • Frost, Darrel R. "Amphibian Species of the World: an Online Reference. Version 5.4 (8 April 2010)" (en inglés). American Museum of Natural History, New York, USA.
  • Masó, A. e M. Pijoan (2011). Anfibios y reptiles de la península ibérica, Baleares y Canarias. Barcelona: Omega. p. 848. ISBN 978-84-282-1368-4.
  • Speybroeck, J.; W. Beukema & P. A. Crochet (2010). "A tentative species list of the European herpetofauna (Amphibia and Reptilia) —an update". Zootaxa (2492): 1–27.
  • Stöck, M.; S. Dubey, C. Klütsch, S. N. Litvinchuk, U. Scheidt & N. Perrin (2008). "Mitochondrial and nuclear phylogeny of circum-Mediterranean tree frogs from the Hyla arborea group". Mol. Phyl. Evol. (en inglés) (49): 1019–1024.

Outros artigos

Ligazóns externas

Ancares-Courel

O espazo natural dos Ancares-Courel é un contorno catalogado como zona especial de conservación (ZEC) que protexe a maior reserva forestal de Galicia, de árbores como carballos ou bidueiros, e que a ten unha ampla variedade de hábitats. Atópase na serra máis oriental galega, de altitudes medias e altas, e que ten un alto valor xeolóxico por afloramentos calcarios. Os Ancares-Courel teñen unha zona de protección do oso pardo, son unha zona de protección de aves e é de especial interese para a conservación de varias especies de mamíferos. Conta con varias áreas declaradas de cultural e etnográfico.Os Ancares lucenses están dentro dunha Reserva da Biosfera, máis ampla e que inclúe outros espazos naturais limítrofes mais non o Courel.

Anfibios

Os anfibios (Amphibia) son unha clase de animais que inclúe tódolos tetrápodos vivos (vertebrados de catro patas) que non teñen embrións con amnio, son poiquilotermos que normalmente pasan parte do tempo na terra. A maioría dos anfibios non teñen as adaptacións a unha vida exclusivamente terrestre que si posúen a maioría dos demais tetrápodos modernos (amniotas). Coñécense unhas 6.000 especies. O seu estudo (xunto cos réptiles) coñécese como herpetoloxía.

Anuro

Os anuros (Anura do grego antigo ἀ(ν-) a(n-) (negación) e οὐρά ourá 'cola') son unha orde de anfibios, coñecidos vulgarmente como ras e sapos. Caracterízanse por carecer de cola, por presentar un corpo curto e moi ensanchado, e unhas patas posteriores moi desenvolvidas e adaptadas para o salto. Os anuros son o grupo máis numeroso de anfibios; estímase que existen más de 5.000 especies, repartidas en 48 familias. A maioría pasa a súa vida dentro ou preto da auga. O seu tamaño pode variar dende uns escasos 8,5 milímetros, como é o caso das especies do xénero Eleutherodactylus, ata tallas que superan os 30 centímetros, destacando a Conraua goliath, o anuro máis grande do mundo.

Betanzos - Mandeo

Betanzos-Mandeo é un espazo protexido galego é un espazo natural declarado como zona especial de conservación (ZEC) que abrangue 1.020 ha dos concellos de Aranga, Abegondo, Betanzos, Coirós, Irixoa, Miño, Paderne e Oza-Cesuras. Acolle a boa parte do río Mandeo e o río Mendo, rexión onde se conservan as tradicionais fragas de ribeira e as marismas na desembocadura do río, na ría de Betanzos. A importancia da súa conservación reside na súa flora de ribeira e da vexetación da marisma, típica do Cantábrico e do Atlántico meridional. Tamén, por ser un hábitat onde se conserva o salmón atlántico.É tamén unha zona de especial protección dos valores naturais.

Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán

O complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é un parque natural galego que ampara ao sistema dunar, as marismas e as lagoas do vértice occidental da costa da península do Barbanza, en Ribeira, entre a ría de Arousa e a ría de Muros e Noia.

O complexo de Corrubedo é tamén un espazo natural declarado zona especial de conservación (ZEC) (Complexo húmido de Corrubedo), unha zona de especial protección para as aves (ZEPA) (Complexo litoral de Corrubedo), un zona húmida protexida galega (Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo) e un zona húmida de importancia internacional Ramsar (Complexo de Corrubedo). O arquipélago de Sálvora, e o seu mar, así como parte do litoral de Porto do Son atópanse dentro do ZEC do Complexo húmido de Corrubedo, co que se amplía a súa área a 9.264,64 ha. Así é que a costa entre o cabo de Corrubedo e o Castro de Baroña, o mar arredor das illas de Sálvora e as lagoas de Carregal e Vixán quedan baixo a protección do parque natural e a ZEC.

Cova Devetashka

A cova Devetàshka (en búlgaro: Деветашката пещера) é unha gran cova cárstica a uns 7 km ó leste de Letnitsa e a 15 km ó nordeste de Lovech, preto da vila de Devetaki, na beira leste do río Osam, en Bulgaria. O sitio foi ocupado de xeito continuo por paleohumanos durante milleiros de anos, serviu como refuxio para varias especies de animais e no presente é o fogar de 30 000 morcegos.

Declive nas poboacións de anfibios

Dende a década de 1980 estase a producir un dramático declive nas poboacións de anfibios arredor do mundo, caracterizado polo colapso nas poboacións e pola extinción masiva localizada. No ano 1993, as poboacións de máis de 500 especies de ras e píntegas dos cinco continentes presentaban un declive na súa poboación. O declive dos anfibios está afectando a milleiros de especies en toda clase de ecosistemas, polo cal foi sinalado como unha das grandes ameazas da biodiversidade global.En realidade o declive dos anfibios xa se empezou a detectar en Europa desde a década de 1950, pero os científicos non consideraron que isto puidese supoñer extincións masivas ata a década de 1980, xa que se pensaba que podían ser flutuacións naturais habituais nas poboacións. Hoxe crese que o problema persistirá durante longo tempo.Os declives e extincións masivas nas poboacións de anfibios son un problema local con complexas causas globais. Entre as causas atópanse: aumento no índice de raios ultravioletas (por mor do debilitamento da capa de ozono), novos depredadores nos ecosistemas actuais (especies introducidas), fragmentación e perda de hábitat, toxicidade e acidez ambiental, doenzas emerxentes, cambio climático e interaccións entre todos estes factores.

Encoro de Abegondo - Cecebre

O encoro de Abegondo - Cecebre ou encoro de Cecebre é un encoro entre Abegondo, Betanzos, Cambre e Carral construído na confluencia do río Barcés e o río Mero. O encoro, propiedade do concello da Coruña, foi construído entre 1975 e 1976 para fornecer de auga á cidade.

O encoro e os seus afluentes, o río Barcés e ao Mero, son espazo naturais que foron declarados como zona especial de conservación (ZEC). Este espazo natural protexe unha superficie de 529 ha. e discorre entre ademais de polos concellos de Abegondo, Betanzos, Cambre, Carral (onde está o encoro) tamén por Oza-Cesuras.

O valor da súa conservación é que ten 8 hábitats de interese comunitario e 10 especies de interese de protección. O 35% da súa superficie protexida ten un valor alto ou moi alto de conservación.

Hyla

Para o personaxe da mitoloxía grega, véxase Hilas

Hyla é un xénero de anfibios anuros das familia dos hílidos (Hylidae).

A palabra Hyla provén do grego antigo ὕλη hýlē, 'bosque', 'árbore', xa que estas ras son verdadeiramente arborícolas.

Laurenti, que cuñou o xénero en 1768, tomou o nome de Hilas (en grego Ύλας Hylas), un personaxe da mitoloxía grega. Hilas era un compañeiro de Heracles (Hércules) e, despois de que aquel desaparecera e da súa busca inútil, Hércules erixiu un santuario, cuxo sacerdote o chamaba: "Hyla!, Hyla!, Hyla!" (así, en vocativo). Segundo Laurenti Hyla (agora en feminino) era o nome propio da sacerdotisa.Presentan unha ampla distribución, que inclúe Europa, Asia, norte de África e América.

Aínda que foron descritas máis de 300 especies dentro deste xénero, tras unha revisión xenética da familia feita por Julian Faivovich e outros en 2005, a maioría das especies foron clasificadas noutros xéneros, polo que actualmente Hyla só comprende un total de 33 especies.

Hyla meridionalis

A Hyla meridionalis é un anfibio anuro da familia dos hílidos (Hylidae).

Trátase dunha pequena ra duns 5 cm de lonxitude, un dos anfibios máis pequenos de Europa.

Hílidos

A dos hílidos (Hylidae) é unha familia de anfibios anuros, coñecidos como ras arborícolas comúns, moi variábeis morfolóxica e ecoloxicamente.

Algunhas destas ras son verdes, aínda que existe unha gran diversidade na súa pigmentación.

Xeralmente aliméntanse de insectos, pero algunhas cazan pequenos vertebrados; outras, como as do xénero Cyclorana, entérranse na lama e pasan boa parte da súa vida baixo terra.

Monte e lagoa de Louro

O Monte e lagoa de Louro é un espazo natural galego catalogado como zona especial de conservación (ZEC) e de interese xeolóxico que ampara á rexión do litoral que está entre a punta do Sinal, no Monte Louro en Muros, ata o illote dos Forcados de Carnota. O afloramento granítico cuberto de matogueiras que é o Monte Louro, as ben conservadas dunas fixas, coas zonas de depresión entre elas, e a vexetación acuática e lacustre da lagoa de Xarfas ou Louro converteron este espazo en zona de interese para a conservación.O Monte de Louro destaca a nivel xeolóxico por ser un inselberg, ou monte que destaca nunha chaira, granítico rodeado dunha plataforma de abrasión. Desde este monte vese a formación de lagoon que forman a praia de Area Maior e Louro, o sistema dunar, a lagoa de Xarfas e a marisma interior.

Pena Trevinca

Pena Trevinca é un pico da serra do Eixe, no macizo de Pena Trevinca, que fai fronteira entre as provincias de Ourense e Zamora. É o maior punto de altitude do territorio galego pois está a 2127 m de altitude.Pena Trevinca é ademais un espazo natural galego declarado zona especial de conservación (ZEC) e parte dunha zona de especial protección para as aves (ZEPA) e que abrangue o macizo montañoso dos vales glaciais galegos que rodean este pico. O ZEC atravesa parte dos concellos de Carballeda de Valdeorras, A Veiga, Viana do Bolo, Manzaneda e O Bolo. O seu interese de conservación é por ser un ecosistema subalpino galego ben conservado. Ademais, a parte zamorana de Pena Trevinca está recoñecida dentro do Parque Natural do Lago de Seabra e o pico ao completo como parte do lugar de interese xeolóxico dentro do "Altiplano da Serra Segundeira", e que se estende por parte da Veiga e de Seabra.

Ra

Ra é o nome galego para designar os anfibios anuros de varias familias, especialmente dos ránidos (Ranidae) e, máis especificamente, os membros do xénero Rana.

Para a xente non moi versada en herpetoloxía, todos os anuros de pel máis ou menos lisa, que dan grandes saltos e viven preto da auga, son ras, mentres que os de pel rugosa, corpo máis repoludo, movementos máis torpes, de hábitos máis terrestres, son sapos. Porén, de seguirmos no criterio filoxenético, veremos que a ra de Santo Antón ou rela (Hyla arborea), está moito máis emparentada co sapo común (Bufo bufo) que coa ra verde (Rana perezi).Porque para o común da xente a palabra sapo suxire un animal feo, de cor discreta, desagradábel, torpe e nocivo. O escaso interese que suscitan e a tradicional aversión do mundo rural por eles, propicia o descoñecemento das diferenzas entre especies, e todas son chamadas vulgarmente "sapos". En realidade, todas as especies de sapos que habitan en Galicia caracterízanse polo seu aspecto repoludo, coas patas traseiras curtas e a pel verrugosa en maior ou menor grao, a maioría de costumes nocturnos e bastante independentes da auga. Pero non hai que esquecer que todas as especies galegas de sapos non son velenosas, e que noutras partes do mundo, hai "ras velenosas" (tamén "sapos velenosos"), e que hai sapos de cores rechamantes.

Reprodúcense por ovos, dos que nacen os cágados. O cágado (tamén chamado cabezolo, cabezudo, cagote, cagulo, cullarapo, cullareto, culler, ou relo) é a larva dos anfibios, especialmente dos anuros como ras e sapos, que despois dunha metamorfose convértese en anfibio adulto. Xeralmente son larvas acuáticas, aínda que tamén hai algunhas terrestres.

En todo o mundo existen unhas 4 800 especies de ras. A maioría pasa a súa vida dentro ou cerca da agua. O seu tamaño é variábel. Entre as máis pequenas ras encontramos o coquí (Eleutherodactylus coqui), de Puerto Rico, mentres que a maior é a Conraua goliath de Camerún e Guinea Ecuatorial).

Rela

A rela, ra de Santo Antón, ra das figueiras ou estroza (Hyla molleri Bedriaga, 1890) é un anfibio anuro pertencente á familia dos hílidos (Hylidae), de pequeno tamaño, corpo algo repoludo, cor verde e hábitos arborícolas.

Durante moitos anos foi considerada unha subespecie de Hyla arborea, até que recentes estudos de filoxenia molecular demostraron que era unha especie distinta.

Esta nova especie distribúese unicamente pola península Ibérica e o suroeste atlántico de Francia, encontrándose case ameazada debido á perda de hábitat e á contaminación das augas.

Ría de Ortigueira

A ría de Ortigueira, tamén coñecida como ría de Ortigueira e Ladrido e como ría de Santa Marta de Ortigueira, é unha ría galega situada ao norte da provincia da Coruña, en Galicia, España.

Está formada pola desembocadura do río Mera, as súas augas bañan os concellos de Cariño e Ortigueira. Debe o seu nome á vila de Ortigueira, e conta con dous portos pesqueiros, o de Espasante, actualmente sen apenas actividade pesqueira, e o de Cariño, moito máis importante.

Está catalogada como unha zona especial de conservación (ZEC) e unha zona de especial protección para as aves (ZEPA). Ademais, por ser un importante lugar de paso e invernada de aves acuáticas está dentro do Convenio de Ramsar como zona húmida protexida.

Zona especial de conservación da Costa da Morte

O espazo natural da Costa da Morte é unha contorna catalogada como zona especial de conservación (ZEC) e que protexe o litoral e as augas costeiras que van desde a praia de Alba en Arteixo ata cabo Fisterra. Xa que acolle as comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra recibe o seu nome da rexión coruñesa homónima: a Costa da Morte. Destaca por contornas como son as Illas Sisargas, as marismas de Baldaio, a enseada da Ínsua, a lagoa de Traba, a praia do Trece, a ría de Corme e Laxe, e os cabos de Vilán e Fisterra. Protexe unha importante área do mar diante do cabo Fisterra. É unha área de importancia para as aves acuáticas que hibernan alí, como refuxio de fauna e pola vexetación dos seus cantís.Coas súas 11.809 ha, o espazo natural da Costa da Morte é o máis extenso dos costeiros galegos. Malia a todo, a zona protexida non é continua en toda a costa. As poboacións costeiras, como son Malpica, Corme, Laxe e Muxía, a ría de Camariñas e o litoral de Arou a Camelle quedan fóra do espazo protexido.Este espazo ten unha alta diversidade de hábitats, nos que destacan os costeiros coas súas dunas e os de vexetación halófita. Ten varias especies de protección prioritaria: Omphalodes littoralis subsp. gallaecica e o sapoconcho mariño Caretta caretta, que non está sempre pero que é habitual velo na costa. O 69,3% da área do espazo natural ten un valor de conservación alto e o 20,3% o maior valor de conservación.A zona de protección de aves (ZEPA) da costa da Morte non casa na súa totalidade do LIC. Vai desde cabo Caión ata cabo Touriñán e abrangue ata as 20 millas náuticas desde a costa, co que chega a ser unha área de protección de 316.283,05 ha.

Zona especial de conservación do Río Anllóns

O espazo natural do Río Anllóns é un contorno catalogado como zona especial de conservación (ZEC) que ampara as ribeiras do río Anllóns nos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Coristanco e Carballo. O espazo natural vai dende o seu alto cos regos de Calvelo, da Balsa ou río Rosende en Carballo e Coristanco ata o seu tramo final, xa chegando á ría de Corme e Laxe. Esta ZEC únese á ZEC da Costa da Morte.

Zona especial de conservación do Río Eo

Zona especial de conservación do Río Eo é un espazo natural galego catalogado como zona especial de conservación (ZEC) que inclúe fundamentalmente a cunda do río Eo, desde o seu nacemento e a afluentes como o río Rodil ata ás marismas da ría de Ribadeo. Esta área de conservación ocupa 982 ha. dos concellos lucenses da Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Meira, A Pontenova, Riotorto, Trabada e Ribadeo.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.