Hong Kong

Coordenadas: 22°16′42″N 114°09′32″L / 22.27833, -114.15889

Rexión Administrativa Especial de Hong Kong da República Popular Chinesa
中華人民共和國香港特別行政區
Hong Kong Special Administrative Region of the People's Republic of China
Bandeira de Hong Kong
Escudo de Hong Kong
BandeiraEscudo
Hong Kong Location
Capital
 • Poboación
Vitoria
Linguas oficiaisChinés (Cantonés), Inglés
Forma de gobernoRexión administrativa especial
Xefe Executivo
Carrie Lam
Dependencia de China1 de xullo de 1997
SuperficiePosto 185º
 • Total1 092 km²
 • % auga4,6
Costas733 km
 • Total (2006)6 940 432 hab.
 • Densidade6 356 hab./km²
PIB (nominal)Posto 36º
 • Total (2006)189 538 millóns US$[1]
 • per cápita27 466 US$
PIB (PPA)Posto 39º
 • Total (2006)263 105 millóns US$
 • per cápita38 127 US$
MoedaDólar de Hong Kong (HKD)
IDH (2006)0,927 (22º) – Alto
Xentilicion/d
Fuso horarioUTC+8
 • Horario de veránNon aplica
Dominio de Internet.hk
Prefixo telefónico+852
Prefixo radiofónicon/d
Código ISO344 / HKG / HK
Membro de: APEC

A Rexión Administrativa Especial de Hong Kong da República Popular da China, en chinés 中華人民共和國香港特別行政區 é unha rexión chinesa formada por unha península e varias illas, entre elas a illa de Hong Kong, no Mar da China Meridional, no delta do Río das Perlas, xunto á provincia de Guangdong. Ata 1997 foi colonia do Reino Unido.

O nome da illa de Hong Kong (chinés: 香港, pinyin: Xiānggǎng) significa literalmente "porto fragrante". A transcrición "Hong Kong" está baseada na pronuncia cantonesa.

Hong Kong é unha das dúas "rexións administrativas especiais" da China. A outra é a antiga colonia portuguesa de Macau. Nestas dúas rexións administrativas especiais aplícase o modelo administrativo coñecido como un país, dous sistemas (一國兩制, yì guó liang zhì). Este sistema, cuxo ideólogo foi Deng Xiaoping, que pretendía que se aplicase a unha eventual reunificación con Taiwán, consiste no mantemento dun sistema económico capitalista baixo a soberanía dun país de ideoloxía oficial comunista. Ademais do sistema económico, estas dúas rexións manteñen un sistema administrativo e xudicial independente, e ata o seu propio sistema de aduanas e fronteiras externas.

Historia

Map of Hong Kong 18 Districts en

Aínda que estivo ocupado desde a era neolítica, durante a maior parte da súa historia o territorio do actual Hong Kong permaneceu á marxe dos principais acontecementos ocorridos na China imperial. Non se convertería nun centro de atención mundial ata o século XIX.

Ocupada polo Reino Unido ao final da Primeira Guerra do Opio en 1841, a illa de Hong Kong foi cedida formalmente por China o ano seguinte polo tratado de Nanjing. Parte da adxacente península de Kowloon (ao sur da actual Boundary Street) e a illa de Stonecutters foron cedidas á Gran Bretaña en 1860 pola Convención de Pequín trala Segunda Guerra do Opio. A superficie da colonia aumentou de xeito significativo coa incorporación á mesma dos novos Territorios (incluídos New Kowloon e a illa de Lantau), arrendados á Gran Bretaña por 99 anos desde o 1 de xullo de 1898 ata o 30 de xuño de 1997.

Segundo o acordo asinado pola República Popular China e o Reino Unido o 19 de decembro de 1984, a Declaración Conxunta británico-chinesa, o territorio completo de Hong Kong baixo goberno colonial británico converteuse na Rexión Administrativa Especial de Hong Kong da República Popular China o 1 de xullo de 1997.

Na Declaración Conxunta, China prometeu que baixo a política "un país, dous sistemas" proposta por Deng Xiaoping, o sistema económico socialista en China non se aplicaría en Hong Kong, que mantería o seu sistema e estilo de vida capitalistas durante 50 anos (ata 2047). A Lei Básica de Hong Kong acordada na Declaración Conxunta deixa a Hong Kong un alto grao de autonomía en tódalas materias, a excepción das relacións exteriores e a defensa.

O último gobernador británico de Hong Kong, Chris Patten, levou a cabo unha certa democratización das institucións de Hong Kong nos últimos anos de soberanía británica. Isto provocou bastante tensión entre o goberno da República Popular China e o Reino Unido. Trala retrocesión a China, o empresario navieiro Tung Chee-hwa converteuse no xefe executivo da Rexión Administrativa Especial de Hong Kong.

No 2003, a preocupación por un proxecto de lei anti-subversión que, segundo moitos habitantes de Hong Kong, erosionaría a liberdade de prensa, de relixión e de asociación consagradas no artigo 23 da Lei Básica, levou á rúa a medio millón de persoas nunha manifestación celebrada o 1 de xullo, a protesta máis grande dirixida contra o goberno na historia de Hong Kong. A impopularidade do goberno de Hong Kong e a crise económica foron tamén factores de descontento entre a poboación.

O 10 de marzo de 2005, Tung Chee-hwa presentou a súa dimisión como xefe executivo. Tung abandonou o posto dous días despois, o 12 de marzo de 2005. Foi substituído por Donald Tsang, o secretario xefe de administración de Hong Kong, que ocupou o cargo de xeito interino ata o 25 de maio, momento en que foi brevemente substituído por outro xefe interino durante a breve campaña electoral. Trala votación restrinxida a 800 electores, Donald Tsang foi confirmado como xefe executivo, cunha ampla maioría de votos ao seu favor. O seu mandato durará ata o verán de 2007.

Goberno e política

Durante a época colonial británica, o máximo dirixente político era o Gobernador de Hong Kong, nomeado polo Goberno británico.

Fromvictoriapeakatnight
Vista do distrito central de Hong Kong, desde o Cume Vitoria

Desde a retrocesión a China, ese papel pasou ao Xefe Executivo, posto que na actualidade ocupa Donald Tsang, elixido en xuño de 2005 para un mandato de só dous anos. A elección do xefe executivo produciuse mediante unha votación de sufraxio restrinxido a 800 representantes de sectores económicos e sociais. Esta elección dun novo Xefe Executivo foi motivada pola dimisión, en marzo de 2005, de Tung Chee-hwa, que ocupara o cargo desde a fundación da Rexión Administrativa Especial. A Tung correspondíanlle aínda dous anos máis de mandato, polo que as autoridades chinesas, nunha interpretación controvertida da Lei Básica, decidiron que o mandato do próximo Xefe Executivo estaría limitado aos dous anos que lle quedaban a Tung Chee-hwa. Esta decisión de Pequín, moi criticada en Hong Kong, foi interpretada por moitos críticos do réxime comunista chinés como unha mostra da falta de confianza do Goberno chinés cara a Donald Tsang, funcionario de formación británica que no pasado expresou simpatías cara aos sectores que defenden un sistema plenamente democrático para Hong Kong.

O parlamento de Hong Kong é o Consello Lexislativo, que consta de 60 membros. Destes 60, a metade son elixidos por sufraxio universal en circunscricións xeográficas, mentres que os outros 30 son elixidos por grupos de representantes de diferentes sectores económicos e sociais. A Lei Básica de Hong Kong contempla a posibilidade de que as eleccións para o Consello Lexislativo cheguen a basearse no sufraxio universal. Con todo, o Goberno chinés reiterou a súa oposición a calquera avance nese sentido, o cal provocou protestas en Hong Kong. As últimas eleccións ao Consello Lexislativo celebráronse no ano 2004. Nestas, os partidos defensores dunha maior democracia conseguiron a maioría dos 30 escanos asignados por sufraxio universal, mentres que os outros 30 foron na súa maioría para políticos considerados afíns ás autoridades chinesas.

Divisións administrativas

A Rexión Administrativa Especial de Hong Kong divídese en 18 distritos.

Map of Hong Kong 18 Districts en
División Administrativa Especial de Hong Kong
  • 1 Distrito das Illas
  • 2 Distrito de Kwai Tsing
  • 3 Distrito Norte
  • 4 Distrito de Sai Kung
  • 5 Distrito de Sha Tin
  • 6 Distrito de Tai Po
  • 7 Distrito de Tsuen Wan
  • 8 Distrito de Tuen Mun
  • 9 Distrito de Yuen Long
  • 10 Distrito de Kowloon
  • 11 Distrito de Kwun Tong
  • 12 Distrito de Sham Shui Po
  • 13 Distrito de Wong Tai Sin
  • 14 Distrito de Yau Tsim Mong
  • 15 Distrito Central e Oeste
  • 16 Distrito Este
  • 17 Distrito Sur
  • 18 Distrito Wan Chai

Xeografía e clima

Hong Kong-CIA WFB Map
Mapa de Hong Kong

A Rexión Administrativa Especial de Hong Kong está situada no lado nordeste do delta do Río das Perlas, e ten unha extensión de 1102 km², repartida entre unha parte continental e máis de duascentas illas e illotes. O 75% desta superficie está formado por reservas naturais, mentres que os seus sete millóns de habitantes residen no 25% restante.

O territorio de Hong Kong pódese dividir en tres partes ben diferenciadas:

  • A illa de Hong Kong (adquirida polo Reino Unido en 1842)
  • A parte continental de Kowloon ao sur de Boundary Street (adquirida polo Reino Unido en 1860, xunto coa antiga illa de Stonecutters, hoxe unida ao continente).
  • Os Novos Territorios, incluída a illa de Lantau (arrendados por un período de 99 anos en 1899).

Durante a maior parte do século XX, os Novos Territorios, moi montañosos, permaneceron moi pouco habitados, en parte debido á incerteza que se albiscaba sobre o seu status futuro. Unha vez que se soubo que o Reino Unido ía devolver a China todo o territorio de Hong Kong, e non só a parte arrendada á que estaba obrigado, comezou a crecer a poboación nos Novos Territorios. Actualmente un pouco máis do 50% da poboación total de Hong Kong reside nos Novos Territorios.

Aínda que está situado xusto ao sur do Trópico de Cáncer, Hong Kong ten un clima subtropical húmido. Os veráns son cálidos e húmidos con chuvias e tormentas ocasionais, e cun aire cálido que ven do suroeste. O verán é a estación onde son máis probabéis os tifóns, ás veces con resultado de inundacións e corrementos de terras. Os invernos son suaves e comezan con frecuencia soleados, facéndose nebulosos cara febreiro; frontes fríos ocasionais traen ventos do norte fortes e fríos. As estacións máis temperadas son a primavera, que pode ser cambiante, e o outono, que adoita ser soleado e seco[2]. Hong Kong promedia 1.948 horas de sol anuais[3], mentres que o rexistros históricos de temperatura máxima e mínima no Observatorio de Hong Kong son 36,3 e 0 °C, respectivamente.

Economía

Artigo principal: Economía de Hong Kong.
Hong Kong de noche
Hong Kong é unha das grandes cidades comerciais de Asia.

Hong Kong é un dos grandes centros financeiros de Asia, e a súa economía é moi dependente do comercio internacional e moi en especial do comercio entre China e o resto do mundo.

Hong Kong está considerado un dos lugares con maior liberdade económica do mundo. Isto quere dicir que existe unha gran facilidade para establecer empresas no territorio e para mover diñeiro de Hong Kong ao exterior. Estas facilidades económicas, unidas á existencia dun sistema legal de orixe británica moi escrupuloso no respecto da propiedade privada, contrastan coas dificultades burocráticas e a inseguridade xurídica á que se enfrontan as empresas internacionais na China continental, e é a razón principal pola que Hong Kong segue sendo o principal centro financeiro da China. Ademais, as restricións ás comunicacións directas entre Taiwán e a República Popular da China fan de Hong Kong o principal punto de contacto entre os dous réximes chineses enfrontados desde 1949.

A economía baséase fundamentalmente no sector de servizos, que representa máis do 80% da actividade económica en Hong Kong. Os servizos financeiros son unha das áreas principais de actividade económica no Hong Kong actual. A bolsa de Hong Kong é o segundo maior mercado de valores de Asia, só por detrás da bolsa de Toquio. A pesar do seu pequeno tamaño, Hong Kong ocupa o lugar undécimo no mundo en volume de operacións bancarias.

A economía de Hong Kong viuse moi afectada, a diferenza da da China continental, pola crise asiática de 1998. Tras varios anos de debilidade económica, a economía volveu a crecer a un ritmo altísimo, dun 8,2%. Esta recuperación económica baseouse no forte crecemento da demanda interna e nun factor novo: O crecemento do turismo chinés. As restricións á entrada de chineses do continente suavizáronse nos últimos anos, e isto fixo aumentar as súas visitas. Ata hai uns anos, éralles enormemente difícil entrar de forma legal.

O produto interior bruto de Hong Kong no ano 2003 alcanzou os 213.000 millóns de dólares estadounidenses. Esta cifra tan alta tradúcese nunha das rendas per cápita máis altas do mundo, superando ata á maioría dos países de Europa Occidental.

Demografía

Calle de Kowloon
Vista dunha rúa comercial de Kowloon. O territorio de Hong Kong ten unha altísima densidade de poboación.

No ano 2005, a poboación de Hong Kong supera os sete millóns de habitantes, o cal convértea na cuarta maior área metropolitana da República Popular China. A súa densidade de poboación alcanza os 6.200 habitantes por km².

Kowloon ostenta historicamente o demérito de ser o núcleo urbano coa maior densidade de poboación do Planeta, alcanzando en 1991 a cifra de 1 900 000 hab/km².

Hong Kong ten unha taxa de fertilidade de 0,94 fillos por muller, unha das máis baixas no mundo, e moi inferior aos 2,1 nenos por muller que se requiren para manter o nivel de poboación. A pesar disto, a poboación continúa aumentando debido á inmigración procedente da China continental.

A pesar desta alta densidade de poboación, dise de Hong Kong que é unha das cidades con máis espazos verdes en Asia. A maior parte dos seus habitantes reside en edificios altos de apartamentos, o cal concentra á poboación nas zonas urbanizadas, mentres a maior parte do territorio consiste en parques e bosques. A cantidade de illas e as costas sinuosas dotan ao territorio de moitísimas baías e praias pouco accesibles. A pesar disto, Hong Kong é unha das cidades máis contaminadas do mundo.

Calle de Hong Kong
Rúa do distrito de Wan Chai.

O cantonés é o dialecto chinés máis estendido entre a poboación chinesa de Hong Kong. A lingua falada na contorna familiar é cantonés vernáculo máis ou menos puro, mentres que en situacións formais, tales como discursos políticos ou programas de televisión e radio, utilízase un híbrido de mandarín e cantonés, no que o vocabulario e a gramática propias do mandarín pronúncianse coa lectura cantonesa dos caracteres. A linguaxe escrita é practicamente sempre mandarín, aínda que tamén se utiliza na literatura popular o cantonés escrito. O inglés é tamén oficial e é falado pola comunidade de orixe estranxeira, e tamén como segunda lingua pola maior parte da poboación chinesa.

En Hong Kong practícanse tódalas relixións tradicionais chinesas. O culto aos devanceiros é predominante debido á forte influencia confuciana, mentres que o cristianismo é practicado por un 10% da poboación. A comunidade cristiá divídese en partes aproximadamente iguais entre católicos e protestantes. Estímase que hai tamén ao redor de 70.000 musulmáns en Hong Kong, e entre 2.000 e 3.000 xudeus.

Ao redor do 95% dos habitantes de Hong Kong teñen ascendencia chinesa Han. A poboación de orixe europea supón ao redor do 1,5% do total. Tamén hai unha comunidade importante de orixe india, que se estableceu no territorio durante a época colonial británica, e unha gran comunidade filipina, formada sobre todo por mulleres novas que traballan como empregadas domésticas.

Arquitectura

Debido á construción creativa e endémica de Hong Kong durante os últimos 50 anos, actualmente permanecen poucos edificios históricos. A cidade converteuse nun centro para a arquitectura moderna, especialmente ao redor do distrito central. Os rañaceos no medio da área comercial moi densos entre o distrito central e a calzada da baía alíñanse na costa do porto de Vitoria. Son unha das atraccións turísticas máis famosas de Hong-Kong e crean unha das máis belas liñas de horizonte do mundo. Catro dos 15 rañaceos máis altos do mundo están en Hong Kong. En Kowloon, houbo un asentamento anarquista, coñecido como a cidade de Kowloon Walled. As restricións severas da altura nas estruturas estiveron en vigor ata 1998, data do peche do vello Aeroporto de Kai Tak e de apertura da nova terminal aérea (o Aeroporto Internacional de Hong Kong) lonxe da zona dos rañaceos; entón as edificacións deixaron de ter restricións, e actualmente estanse a erguer varios rañaceos novos en Kowloon, incluíndo o International Commerce Centre (ICC) que, cos seus 484 m, é o edificio máis alto de Hong Kong e o terceiro máis alto do mundo[4]. Antes da construción do ICC, o edificio máis alto era o Two International Finance Centre con 415 m[5]. Outros edificios recoñecíbeis no panorama urbano son o HSBC Headquarters Building; o Central Plaza co seu característico remate triangular que lle dá a forma dunha lanza piramidal; The Center iluminado pola noite con luces de neon multicolores; A Symphony of Lights; e a Torre do Banco da China do arquitecto I. M. Pei, coa súa afiada fachada angular. A liña do horizonte de Hong Kong está considerada coma unha das mellores do mundo[6], completando o panorama as montañas circundantes e o porto de Vitoria. Consérvanse algunhas das máis antigas estruturas construídas durante os séculos XIX e XX coma a Torre do Reloxo Tsim Sha Tsui, o Edificio Central da Policía e restos da cidade amurallada de Kowloon[7][8].

Vista de Kowloon, a illa de Hong Kong e o panorama urbano de Hong Kong.
Vista de Kowloon, a illa de Hong Kong e o panorama urbano de Hong Kong.

Panorama urbano da illa de Hong Kong á noite.
Panorama urbano da illa de Hong Kong á noite.

Cultura

A presenza británica en Hong Kong marcou a cultura local, que aínda que fundamentalmente chinesa, estivo sometida a unha influencia occidental moito maior que o resto do país. Paradoxalmente, en paralelo a esta influencia occidental, en Hong Kong mantivéronse moitos costumes e tradicións culturais chinesas que no resto do continente sufriron o acoso das políticas revolucionarias da época de Mao Zedong. É o caso dos ritos relixiosos tradicionais chineses, ou da linguaxe. Mentres que no resto do continente chinés, a República Popular promoveu o uso do mandarín e dos caracteres simplificados como lingua oficial, en Hong Kong mantense o uso do cantonés falado, ata en circunstancias formais, e a linguaxe escrita utiliza exclusivamente os caracteres tradicionais.

Outra consecuencia da separación de Hong Kong do resto da China durante os anos posteriores ao establecemento do réxime comunista na China continental foi o desenvolvemento da cultura popular de Hong Kong, manifestada na enorme produción cinematográfica, musical e de novelas de entretemento. Mentres na época maoísta a política revolucionaria oficial esixía que todas as manifestacións artísticas estivesen ao servizo da causa comunista, en Hong Kong continuou o desenvolvemento do cine e da música popular que tivera a Xangai como foco ata 1949. Ata despois do final do maoísmo, Hong Kong continuou sendo un dos principais centros de produción de cine, música e literatura popular en Asia.

Universidades

HongKong07
Wan Chai
  • Universidade chinesa de Hong Kong
  • Universidade da cidade de Hong Kong
  • Universidade baptista de Hong Kong
  • Instituto de Educación de Hong Kong- Dedicado exclusivamente ao ensino do profesorado.
  • Universidade politécnica de Hong Kong
  • Universidade de ciencia e tecnoloxía de Hong Kong
  • Universidade Lingnan, Hong Kong
  • Universidade aberta de Hong Kong
  • Universidade de Hong Kong

Deporte

Hong Kong Sevens Parade
O Hong Kong Sevens está considerado coma o principal torneo das series mundiais de rugby a sete, e desenvólvese en Hong Kong durante unha fin de semana a finais de marzo.

Os deportes en Hong Kong son unha parte significativa da súa cultura. A introdución dos deportes occidentais foi anterior ao que o foi noutras rexións de Asia, debido principalmente á influencia británica que se remonta ata finais do século XIX. Os deportes con maior número de participantes e espectadores son o fútbol, o baloncesto, a natación, o badminton, o tenis de mesa, o ciclismo e as carreiras atléticas. Hong Kong foi anfitrión de importantes competicións internacionais coma a fase final da I Copa Asiática de fútbol en 1956; o Trofeo Premier League Asia nas edicións de 2007, 2011 e 2013; as probas de equitación dos Xogos Olímpicos de Pequín de 2008; ou os V Xogos de Asia Oriental en 2009. Os eventos deportivos de periodicidade anual máis destacados son o Hong Kong Sevens de rugby a sete; o maratón de Hong Kong; o Hong Kong Tennis Classic de tenis feminino, previo ao Open de Australia; ou a Copa do Ano Novo Lunar de fútbol. En 2010 había 32 deportistas de Hong Kong clasificados en sete deportes entre os 20 mellores e 29 deportistas en seis deportes entre os dez mellores de Asia. Aínda máis, en 2009 o equipo paralímpico de Hong Kong gañou catro campionatos mundiais e dous asiáticos[9].

Notas

  1. Banco Mundial (PIB nominal 2006)
  2. Hong Kong Observatory, ed. (4/5/2003). "Climate of Hong Kong" (en inglés). Consultado o 17 de outubro de 2015.
  3. Census and Statistics Department, Hong Kong Government, ed. (27/2/2008). "Hong Kong in Figures 2008 Edition" (en inglés). Consultado o 17 de outubro de 2015.
  4. Emporis (ed.). "International Commerce Centre" (en inglés). Consultado o 17 de outubro de 2015.
  5. Emporis (ed.). "Two International Finance Centre" (en inglés). Consultado o 17 de outubro de 2015.
  6. "The world's top 20 city skylines, CNNGo.com" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2011. Consultado o 17 de outubro de 2015.
  7. Leisure and Cultural Services Department, Hong Kong Government, ed. (13/1/2010). "Declared Monuments in Hong Kong – Hong Kong Island" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29/11/2015. Consultado o 17 de outubro de 2015.
  8. Leisure and Cultural Services Department, Hong Kong Government, ed. (13//1/2010). "Declared Monuments in Hong Kong – Kowloon Island" (en inglés). Consultado o 17 de outubro de 2015.
  9. Home Affairs Bureau, ed. (20/10/2010). "Legislative Council Panel on Home Affairs Sports Development Policy and Objectives" (PDF) (en inglés). Consultado o 17 de outubro de 2015.
Aeroporto Indira Gandhi

O aeroporto internacional Indira Gandhi (IATA: DEL, OACI: VIDP) é un aeroporto indio que serve á cidade de Delhi. Está situado en Palam, a 15 quilómetros da estación de trens de Nova Deli e a 16 do centro da cidade. Bautizado na honra de Indira Gāndhi, antiga Primeira Ministra da India, é o aeroporto máis concorrido do país en número de pasaxeiros dende o ano 2009. Tamén é o máis concorrido da India en termos de carga, ao superar ao aeroporto de Bombai a finais do ano 2015. En 2016 foi o 21º máis concorrido do mundo e o 10º de Asia en termos de pasaxe, cuns 55 millóns de pasaxeiros.

Co inicio das operacións na súa Terminal 3 no ano 2010 converteuse no centro de conexións aéra máis grande da India e de todo o sur de Asia, cunha capacidade actual para máis de 40 millóns de pasaxeiros anuais. O programa de expansión planeado aumentará a capacidade do aeroporto ata poder manexar 100 millóns de pasaxeiros no ano 2030.O aeroporto foi operado pola Forza Aérea da India antes de que a súa dirección fose transferida á Autoridade Aeroportuaria da India. En maio de 2006 a dirección pasou ás mans de Delhi International Airport Limited (DIAL), un consorcio liderado polo GMR Group.

Aeroporto Ted Stevens Anchorage

O aeroporto internacional Ted Stevens Anchorage (IATA: ANC, OACI: PANC) é un gran aeroporto no estado de Alasca, situado a 8 quilómetros ao suroeste do centro da cidade de Anchorage. Está bautizado na honra de Ted Stevens, un senador estadounidense procedente de Alasca dende 1968 ata 2009.

Aeroporto de Chengdu-Shuangliu

O aeroporto de Chengdu-Shuangliu (IATA: CTU, OACI: ZUUU) é o principal aeroporto que serve a Chengdu, a capital da provincia chinesa de Sichuan. Está situado a uns 16 quilómetros ao suroeste do centro da cidade, ao norte do distrito de Shuangliu District. O aeroporto é un importante centro de conexións no oeste de China. É un dos dous principais centros de conexións para Air China, xunto con Pequín-Capital, ademais da sede de Sichuan Airlines e Chengdu Airlines. China Eastern Airlines, Shenzhen Airlines, Lucky Air e Tibet Airlines tamén teñen bases no aeroporto.

No ano 2016 pasaron polas súas instalacións un total de 46 039 037 pasaxeiros. Nese ano foi o 27º aeroporto máis concorrido do mundo e o 4º da China, ademais de ser o máis concorrido do oeste e centro do país.

Aeroporto de Hong Kong

O aeroporto internacional de Hong Kong (IATA: HKG, ICAO: VHHH) é o principal aeroporto de Hong Kong. Está situado na illa de Chek Lap Kok, que en gran parte está formada por terras gañadas ao mar para a construción das súas instalacións. O aeroporto tamén é coloquialmente coñecido como aeroporto de Chek Lap Kok(赤鱲角機場), para distinguilo do seu predecesor, o pechado aeroporto Kai Tak.

O aeroporto ven sendo usado dende o ano 1998, substituíndo ao de Kai Tak. É un importante centro rexional de transbordo, centro de conexión para pasaxeiros e unha porta de entrada para destinos no interior de China e o resto de Asia. O aeroporto é o máis concorrido do mundo en termos de carga e un dos maiores en termos de pasaxeiros. O aeroporto ten unha das terminais de pasaxeiros máis grandes do mundo (a máis grande cando se inaugurou en 1998).

O aeroporto está operado por Airport Authority Hong Kong e é o principal centro de conexións para Cathay Pacific (a aeroliña nacional de Hong Kong), Cathay Dragon, Hong Kong Airlines, Hong Kong Express Airways e Air Hong Kong. É un dos centros de conexións para a alianza de aeroliñas Oneworld, e tamén un dos centros de conexión da zona Asia-Pacífico para UPS Airlines. É unha cidade focal para moitas aeroliñas como China Airlines e China Eastern Airlines. Singapore Airlines, Ethiopian Airlines e Air India utilizan Hong Kong como escala para algúns dos seus voos.

HKIA contrinue de forma importante á economía de Hong Kong, proporcionando uns 65 000 empregos á cidade. Máis de 100 aeroliñas operan no aeroporto, voando a unhas 180 cidades de todo o mundo. No ano 2016 polas súas instalacións pasaron 70,5 millóns de pasaxeiros, sendo o oitavo aeroporto máis concorrido do mundo en termos de pasaxe. No ano 2010 superou ao aeroporto de Memphis, converténdose no aeroporto máis concorrido do mundo en termos de carga.

Aeroporto de Shanghai-Pudong

O aeroporto internacional de Shanghai-Pudong (IATA: PVG, ICAO: ZSPD) é un dos dous aeroportos internacionais de Shanghai e un dos principais centros de conexións por aire de China. O aeroporto serve principalmente voos internacionai, mentres que o outro aeroporto da cidade, o de Shanghai-Hongqiao, opera sobre todo voos domésticos e rexionais. Está situado a uns 30 quilómetros ao leste do centro da cidade.

O aeroporto é o principal centro de conexións para China Eastern Airlines e Shanghai Airlines, e un gran centro de conexións internacional para Air China, ademais de ser un centro secundario de China Southern Airlines. Tamén é un centro de conexións para as aeroliñas privadas Juneyao Airlines e Spring Airlines, é un centro de conexións de carga na zona Asia-Pacífico para UPS Airlines e DHL Aviation.

O aeroporto de Pudong ten dúas terminais de pasaxeiros principais, flanqueadas en ámbolos dous lados por catro pistas de aterraxe paralelas. Dende o ano 2016 está planeada a construción dunha terceira terminal de pasaxeiros, unha terminal satélite e dúas pistas máis coa intención de incrementar a súa capacidade dos 60 aos 80 millóns de pasaxeiros anuais e para poder manexar seis millóns de toneladas de carga.

O aeroporto de Pudong é o terceiro do mundo en termos de carga, con 3,4 millóns de toneladas en 2016. Nese mesmo ano pasaron polas súas instalacións 66 002 414, sendo o segundo aeroporto máis concorrido de China, o quinto de Asia e o noveno do mundo.

Aeroporto de Singapur

O aeroporto internacional de Singapur Changi (IATA: SIN, OACI: WSSS), ou sinxelamente aeroporto de Changi, é o principal aeroporto civil de Singapur e un dos centros de conexión máis grandes do Sueste Asiático. É considerado o mellor aeroporto do mundo por Skytrax, obtendo esa distinción por quinto ano consecutivo dende 2013 e é un dos aeroportos máis concorridos do mundo en termos de pasaxeiros internacionais e carga. Está situado en Changi, no límite leste de Singapur, a uns 17 quilómetros do centro da cidade. Está operado polo Changi Airport Group e é a principal base de Singapore Airlines, Singapore Airlines Cargo, SilkAir, Scoot, Jetstar Asia Airways e BOC Aviation.

Aeroporto de Tân Sơn Nhất

O aeroporto da cidade da Tân Sơn Nhất debe o seu nome á vila onde se sitúa (Cidade Ho Chi Minh), Vietnam, a poucos quilómetros da cidade.

Aeroporto internacional de Incheon

O aeroporto internacional de Incheon (IATA: ICN, OACI: RKSI), tamén coñecido como aeroporto internacional de Seúl-Incheon, é o aeroporto máis grande de Corea do Sur e un dos máis concorridos do mundo. Dende o ano 2005 vén sendo considerado o mellor aeroporto do mundo por Airports Council International. Tamén foi elixido o aeroporto máis limpo e o que ten o mellor tránsito internacional do mundo por Skytrax.O aeroporto ten campo de golf, spa, habitacións de descanso privadas, unha pista de patinaxe sobre xeo, un casino, xardíns interiores e un museo sobre a cultura coreana. As autoridades do aeroporto afirman que de media as chegadas e saídas duran 19 e 12 minutos, respectivamente, en comparación coa media mundial de 60 e 45 minutos, converténdoo nun dos aeroportos máis rápidos do mundo á hora de operar.O aeroporto inaugurouse o 29 de marzo de 2001 para substituír ao antigo aeroporto internacional de Gimpo que a día de hoxe opera principalmente voos domésticos e voos de enlace ás principais cidades da zona, como Toquio, Osaca, Pequín, Shanghai e Taipei.

Está situado ao oeste do centro de Incheon, nunha área creada artificialmente entre as illas de Yeongjong e Yongyu. As dúas illas estaba orixinalmente separadas por mar pouco profundo.

Aeroporto internacional de Narita

O aeroporto internacional de Narita (IATA: NRT, OACI: RJAA), tamén coñecido como aeroporto de Toquio-Narita e orixinalmente coñecido como novo aerioirto internacional de Toquio, é un aeroporto que serve á área do Gran Toquio no Xapón. Está situado a uns 60 quilómetros ao leste do centro de Toquio, na prefectura de Chiba, entre as cidades de Narita e Shibayama.

Narita é o principal aeroporto internacional do país, pasando por el ao redor do 50% dos seus pasaxeiros internacionais e un 60% da carga internacional. Narita é o segundo aeroporto máis concorrido do Xapón, despois do aeroporto de Haneda, e é o décimo máis concorrido do mundo en termos de carga.

Narita é o principal centro de conexións internacional para Japan Airlines, All Nippon Airways e Nippon Cargo Airlines, e un centro de conexións para as aeroliñas de baixo custo Jetstar Japan, Peach e Vanilla Air. Tamén serve como centro de conexións asiático para Delta Air Lines e United Airlines.

Aeroporto internacional de Taiwán Taoyuan

O aeroporto internacional de Taiwán Taoyuan (IATA: TPE, ICAO: RCTP) é un aeroporto internacional que serve á capital de Taiwán, Taipei, e á zona norte da illa. Situado a uns 40 km ao leste de Taipei, no distrito Dayuan, é o aeroporto máis grande de Taiwán. É un dos cinco do país con voos internacionais regulares, e é de lonxe o máis concorrido deles. Nel están os principais centros de conexión internacionis de China Airlines e EVA Air.

O aeroporto abríu para operacións comerciais en 1979 e é un importante centro de conexión de pasaxeiros e punto de entrada a destinos asiáticos da rexión. O eroporto foi antigamente coñecido como Aeroporto Internacional Chiang Kai-shek ata que o nome foi cambiado o día 6 de setembro de 2006 para o actual.O aeroporto internacional de Taiwán Taoyuan é un dos dous aeroportos que serven a Taipei e ao norte de Taiwán; o outro, o aeroporto de Taipei Songshan, está situado dentro dos límites da cidade de Taipei e funcionou como aeroporto internacional da cidade ata 1979. No presente dende Songshan só hai principalmente voos chárter, moitos dos cales son cara e dende China, voos domésticos, e algúns voos internacionais cara distintos lugares de China, Seúl e Toquio.

En 2016 por Taiwán Taoyuan pasaron 38,6 millóns de pasaxeiros e 1 900 millóns de quilos de carga. ion passengers and 1.9 billion kg of freight. O aeroporto é o 11º máis concorrido do mundo en termos de pasaxeiros internacionais, e o 6º en termos de tráfico de mercadorías en 2015.

Cantón, China

Cantón (chinés simplificado: 广州, chinés tradicional: 廣州, pinyin: Guǎngzhōou, forma tradicional: Kwangchow) é a capital da provincia de Guangdong no sur da China. En 1999 tiña unha poboación de 6 850 000 habitantes na área urbana, e na área metropolitana 4 050 000.

Situada no río das Perlas, é a cidade máis importante do sur da China. A súa posición estratéxica, moi preto de Hong Kong, permitiu que a cidade se desenvolvese con rapidez. Foi o principal punto de saída dos emigrantes chineses durante os séculos XIX e principios do XX.

A cidade foi fundada pola dinastía Qin hai algo máis de 2000 anos e recibiu o nome de “Yancheng” ou “cidade das cabras”. Foi a capital do reino Yue do sur.

Converteuse nun dos principais portos de Asia durante a dinastía Tang. Foi tamén o porto de entrada dos primeiros misioneiros españois e portugueses que chegaron á China no século XVI.

A cidade dispón dun aeroporto internacional. Está comunicada coa veciña Hong Kong (a unha distancia de 182 km) mediante trens, autobuses e un servizo de transbordador.

Cathay Pacific

Cathay Pacific Limited (en chinés: 國泰航空) é unha compañía aérea con sede en Hong Kong, que conta coas súas oficinas e o seu principal centro de operacións no aeroporto internacional de Hong Kong. A compañía realiza tanto voos de pasaxeiros como de carga, e ten 114 destinos en 36 países de todo o mundo. É membro da alianza de aeroliñas oneworld.

Dólar de Hong Kong

O dólar (en chinés: 港元, e inglés: dollar) é a unidade monetaria da Rexión Administrativa especial chinesa de Hong Kong. Divídese en 100 centavos e o seu código ISO 4217 é HKD. Normalmente se abrevia co símbolo do dólar ($), pero para diferencialas doutras moedas coa mesma denominación utilízase HKD. O dólar de Hong Kong é unha das moedas máis intercambiadas do mundo.

Lingua cantonesa

A lingua ou dialecto cantonés ou yuè (chinés simplificado: 粵语, chinés tradicional: 粤語, Pinyin: yuèyǔ, Jyutping:Jyut6jyu5) é un dos principais dialectos do chinés.

O nome yuè corresponde ao nome dun reino antigo situado na actual provincia de Guangdong. Por iso, o carácter 粵 utilízase hoxe en día como abreviatura do nome desta provincia.

Aínda que os chineses prefiren falar de dialectos (方言, fāngyán) ao referirse ás variedades do chinés falado, a intelixibilidade mutua entre estes é practicamente nula polo que moitos lingüistas consideran o chinés unha familia de linguas, e non unha lingua única.

O cantonés é o terceiro dialecto (dialecto neste sentido amplo) máis falado do chinés despois do mandarín e da wu. Ten ao redor de 70 millóns de falantes, principalmente na provincia de Guangdong e nas rexións administrativas especiais de Hong Kong e Macau. As primeiras comunidades chinesas que se estabeleceron en países como Perú, Estados Unidos, Australia ou o Reino Unido procedían desta zona do sur de China. Isto fixo que o cantonés fóra durante moito tempo o idioma principal nos chinatowns das grandes cidades destes países.

O cantonés é un dialecto chinés bastante conservador, máis próximo ás formas antigas da lingua do que outros dialectos. Isto reflíctese, por exemplo, no feito curioso de que a poesía antiga chinesa, cuxa pronunciación orixinal descoñecemos, rima mellor lida en cantonés do que en mandarín.

Dos diferentes dialectos chineses, o cantonés é o único, á parte, claro está, do mandarín, que ten unha forma escrita. Esta utiliza algúns caracteres chineses que non existen en mandarín, e reutiliza outros con significados diferentes. O cantonés escrito utilízase, no entanto, só en situacións informais, como cartas entre amigos, foros de Internet ou nalgunhas formas de literatura popular. En situacións formais o chinés escrito segue as normas do mandarín estándar.

En Hong Kong e Macau o cantonés falado utilízase tamén en situacións formais como discursos políticos, e en emisoras de radio e televisión. Nestes casos, a lingua utilizada non é auténtico cantonés, senón mandarín cunha lectura cantonesa dos caracteres.

Macau

Macau (chinés tradicional: 澳門, chinés simplificado: 澳门, pinyin: Àomén, portugués: Macau), é unha zona administrativa especial da República Popular da China. Estivo baixo a soberanía de Portugal ata o 20 de decembro de 1999. Está constituída por unha península e dúas illas (Taipa e Coloane), cunha superficie total de 27 km². Ten preto de 550.000 habitantes. Aínda que a soberanía lle pertenza á República Popular China, Portugal segue administrando o territorio, seguindo a política de "Un país dous sistemas", ideada por Deng Xiaoping. Esta forma de goberno vai estar en vigor ata, como mínimo o ano 2049, 50 anos despois da transferencia de soberanía, data na que se producirá a transferencia de administración, pola que Macau pasará a ser administrada pola China. Non obstante, a lei básica de Macau garante que a transferencia da administración poderá demorarse a partir de 2049 tanto tempo coma os habitantes de Macau queiran seguir baixo a RAEM, e dicir, administrados por Portugal.

Theodore Racing

Theodore Racing (徳利賽車隊香港) foi un construtor de Fórmula Un de Hong Kong fundado polo magnate de bens raíces e millonario Teddy Yip. Participou en 51 grandes premios, presentando un total de 64 coches. Anotaron 2 puntos para o campionato.

William Anders

William Alison Anders, nado en Hong Kong en 1933, é un austronauta norteamericano.

Wò hǔ cáng lóng

Wò hǔ cáng lóng (título orixinal: 臥虎藏龍) que en galego significa "Tigre agazapado, Dragón agochado"; é un filme wuxia (de acción, aventuras e artes marciais) dirixido por Ang Lee en 2000. É unha coprodución entre China, Hong Kong, Taiwán e Estados Unidos e a lingua orixinal é o mandarín. Está protagonizado por estrelas do cine de etnia chinesa, incluíndo a Chow Yun-fat, Michelle Yeoh, Zhang Ziyi e Chang Chen. O filme está baseado na novela Crouching Tiger, Hidden Dragon do escritor de literatura wuxia Wang Dulu. As escenas de artes marciais e as de acción son froito das coreografías de Yuen Wo Ping.

Flag of the People's Republic of China.svg División administrativa de HK
  • 1 Distrito das Illas
  • 2 Distrito de Kwai Tsing
  • 3 Distrito norte
  • 4 Distrito de Sai Kung
  • 5 Distrito de Sha Tin
  • 6 Distrito de Tai Po
  • 7 Distrito de Tsuen Wan
  • 8 Distrito de Tuen Mun
  • 9 Distrito de Yuen Long
  • 10 Distrito de Kowloon
  • 11 Distrito de Kwun Tong
  • 12 Distrito de Sham Shui Po
  • 13 Distrito de Wong Tai Sin
  • 14 Distrito de Yau Tsim Mong
  • 15 Distrito central e oeste
  • 16 Distrito leste
  • 17 Distrito sur
  • 18 Distrito Wan Chai
Provincias
Rexións autónomas
Municipios
Rexións administrativas especiais

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.