Holoceno

O Holoceno (do grego ὅλος hólos, "todo", "enteiro" e καινός kainós, "novo", "recente", isto é, "a era totalmente recente"), é unha época da escala temporal xeolóxica, a última e actual época xeolóxica do período cuaternario. Comprende os últimos 11 784 anos da historia do noso planeta,[1][2] desde a fin da última glaciación (a glaciación de Würm).

É un período interglaciar no que a temperatura se fixo máis suave e a capa de xeo fundiu, o que provocou un ascenso do nivel do mar, que fixo que, por exemplo, Indonesia, Xapón e Taiwán se separasen de Asia; Gran Bretaña, da Europa continental e Nova Guinea e Tasmania, de Australia. Ademais, produciu a formación do estreito de Bering.

Dentro do cadro da escala dos tempos xeolóxicos sitúase no período cuaternario da era cenozoica, do eón fanerozoico, sucedendo a época do plistoceno. O límite con esta época (o plistoceno) definiuse sobre a base da desintegración do 14C (un isótopo radioactivo do carbono) e coincide aproximadamente co final da última glaciación. Por convención, o límite púxose 10 000 anos antes do 1950 (a súa duración, expresada en millóns de anos, é de 0,01143 ± 0,00013 Ma.

A única especie humana que viviu nesta época foi o Homo sapiens, que durante estes últimos milenios desenvolveu a agricultura e a civilización, ocasionando importantes cambios nos ecosistemas.

Maler der Grabkammer des Sennudem 001
Agricultura no Antigo Exipto, hai 3 200 anos.

Paleoxeografía

A deriva continental ao longo destes case 12 000 anos foi de menos de 1 km, o que é case irrelevante. Porén, o xeo fundiuse causando que o nivel do mar ascendese uns 35 m durante esta época e 120 m desde o último máximo glaciar, hai ao redor de 20 000 anos.[3] O aumento do nivel non se produciu de forma uniforme ao longo deste tempo, senón que houbo varios períodos de rápido desxeo, alternados por outros de desxeo progresivo. A maior parte do aumento do nivel do mar produciuse antes de 6 000 anos atrás.[4]

Post-Glacial Sea Level
Aumento do nivel do mar desde o último máximo glaciar.
  • O primeiro período (denominado MWP-1A0) tivo lugar hai 19 000 anos, durante o comezo do episodio do plistoceno coñecido como Dryas Antigo. En menos de 500 anos, o nivel do mar subiu uns 10–15 m, a un ritmo de 50 m/ano.
  • O segundo período de desxeo (denominado MWP-1A) produciuse desde hai 14 600 a 13 500 anos durante a primeira parte do quentamento Bølling-Allerød. Durante 500 anos o nivel subiu 16–24 m a un ritmo de 40 m/ano.
  • O ritmo de desconxelación diminuíu entre 12 800 e 11 500 anos atrás durante o episodio frío coñecido como Dryas Recente. Este foi un evento de cambio climático abrupto que ocorreu hai 12 800 anos durante o que a Terra volveu case ás condicións glaciais, permanecendo neste estado durante 1 300 anos. Crese que puido deberse á parada da circulación termohalina producida pola descarga de auga doce no Atlántico norte debido ao desxeo.[5] Ao final deste período tivo lugar outro de desxeo (MWP-1B) entre 11 500 e 11 000 anos atrás. O nivel do mar subiu uns 25 m.
  • Un cuarto período (MWP-1C) produciuse entre 8 200 e 7 600 anos atrás. Puido ser o resultado da drenaxe dos lagos Agassiz e Ojibwa e produciu unha elevación pequena do nivel do mar, sobre 1 m. Hai uns 6 000 anos, os períodos de desxeo cesaron, sendo desde entón a elevación do nivel mar moito máis gradual.

Desde hai 3 000 anos até o comezo do século XIX, o nivel do mar tivo un aumento case constante de 0,1 a 0,2 m/ano.[6] Desde 1900, o nivel do mar aumentou de 1 a 2 m/ano; desde 1993, as medidas de altimetría por satélite TOPEX/Poseidon indican unha taxa de aumento de 3,1 ± 0,7 m/ano.[7]

Entre as terras que estaban conectadas cando o nivel do mar era máis baixo están:

Whole world - land and oceans 12000
Paleoxeografía no holoceno.
US NOAA nautical chart of Bering Strait
Profundidades no estreito de Bering. Á esquerda Asia e á dereita Norteamérica.
  • Siberia e Alasca. O estreito de Bering ten unha anchura de 85 km e unha profundidade de 30 a 50 m.
  • As Illas Británicas co continente. O canal da Mancha ten unha anchura mínima de 34 km e unha profundidade mínima de 26 m. O mar do Norte é un mar moi pouco profundo, pois ten unha profundidade mínima de 25 m e media de 95 m.
  • Indonesia e Indochina. Por exemplo, o estreito de Malaca entre Malasia e Sumatra ten unha anchura mínima de 2,8 km e unha profundidade mínima de 25 m. O Estreito de Sonda entre as illas de Xava e Sumatra ten unha anchura mínima de 24 km e unha profundidade mínima de tan só 20 m.
  • Xapón e Siberia. Por exemplo, o estreito de La Pérouse entre a illa de Hokkaido e a illa de Sakhalin ten unha anchura mínima de 43 km e unha profundidade de 20 a 40 m. O estreito de Tartaria entre a illa de Sakhalin e Siberia ten unha anchura de 7,3 km no seu punto máis angosto e unha profundidade de entre 51 e 118 m.
  • Australia con Nova Guinea e Tasmania. O estreito de Torres entre Australia e Nova Guinea mide aproximadamente 150 km de ancho e ten unha profundidade de 30–50 m ao leste e de 10–15 m ao oeste. O estreito de Bass entre Australia e Tasmania ten aproximadamente 240 km de ancho no seu punto máis estreito e unha profundidade próxima aos 50 m.

En moitas zonas por riba dos 40º de latitude N, o terreo fora deprimido polo peso dos glaciares, polo que ao producirse o desxeo do plistoceno tardío subiron até 180 m, elevación que continúa incrementándose na actualidade. A elevación do nivel do mar e a depresión temporal da Terra permitiu a incursión temporal do mar en zonas que agora están lonxe da costa. Do holoceno mariño coñécense fósiles de Vermont, Quebec, Ontario e Michigan. Os depósitos mariños en costas de latitudes máis baixas son raros porque o aumento do nivel do mar foi superior a calquera probábel elevación de orixe non glaciar. Na rexión de Escandinavia deu lugar á formación do mar Báltico. A rexión segue elevándose a unha taxa de 1 cm ao ano, causando débiles terremotos no norte de Europa estimándose que aínda subirá outros 100 m. O equivalente norteamericano é a baía de Hudson que, ao elevarse, reduciu a súa extensión desde o máximo da última fase posglaciar até os seus límites actuais.

Clima

Holocene Temperature Variations
Variacións de temperatura durante o holoceno segundo a media de varias proxy climáticas.

O holoceno comezou despois de que finalizase o episodio de arrefriamento do Dryas Recente, a partir do cal as temperaturas se fixeron máis suaves. O Óptimo climático do holoceno foi un período cálido que se produciu durante o intervalo comprendido aproximadamente entre 9 000 e 5 000 anos atrás. O clima mundial era moi probabelmente entre 0,5 e 3 °C máis cálido do que é actualmente. Porén, o quecemento probabelmente non foi uniforme en todo o mundo. Este período terminou hai ao redor de 5 500 anos, cando as primeiras civilizacións humanas en Asia e África empezaron a florecer. A continuación, comezou o Neoglacial, no cal as temperaturas diminuíron progresivamente até a actualidade (en períodos cíclicos de quentamento/arrefriamento), con probábeis excepcións como o Óptimo climático romano (séculos I a IV) ou o Óptimo climático medieval (séculos X a XIV). O punto culminante do arrefriamento foi a Pequena Idade de Xeo, con tres máximos: sobre 1650, 1770 e 1850.[8][9]

O holoceno é un período interglaciar e non hai ningunha razón para crer que represente o fin dos ciclos de glaciacións. Porén, o actual quentamento global pode facer que a Terra se quente máis que no anterior período interglaciar, Riss-Würm, que chegou ao máximo hai aproximadamente 125 000 anos con temperaturas máis cálidas que na actualidade. Este fenómeno denomínase ás veces un súper-interglaciar. En comparación coas condicións glaciares no interglaciar as zonas habitábeis expandíronse cara ao norte, alcanzando o seu punto máis setentrional durante o Óptimo climático do holoceno. A maior humidade nas rexións polares causou a desaparición das praderías boreais.

Paleobioloxía

A vida animal e vexetal non evolucionou moito durante o curto holoceno, pero se produciron importantes cambios na distribución dos seres vivos. Un gran número de animais, incluídos os mamuts, mastodontes, Smilodon e Homotherium, os chamados "dentes de sable", e os Megatherium (preguiceiros xigantes) desapareceron en Norteamérica. Neste continente tamén se extinguiron animais que sobreviviron noutras partes, incluíndo cabalos e camelos. Esta extinción da megafauna americana coincide coa chegada do ser humano hai 12 000 anos, ao igual que as extincións anteriores de grandes marsupiais en Australia hai 40 000 (como o Diprotodon) ou as posteriores de aves non voadoras en Nova Zelandia contra o ano 1300 d. C. (como os moas).

As extincións de plantas e animais continúan hoxe en día. A taxa de extinción acelerouse de maneira espectacular nos últimos 50 anos. En xeral, o evento de extinción do Holoceno caracterízase por deberse a factores relacionados coa presenza humana e por producirse nun tempo xeolóxico moi curto (decenas de miles de anos) en comparación coa maioría dos outros eventos de extinción. Ás veces denomínase a sexta extinción, pois anteriormente houbo cinco grandes episodios de extinción masiva.

Pyrenean Ibex

Íbex dos Pireneos † (España)

Entre as especies notábeis extinguidas pola acción humana nos últimos mil anos cóntanse:

A seguinte táboa recolle o número de especies extintas desde o ano 1500 e as que se encontran en perigo de extinción segundo a Lista Vermella da IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza).[10]

Taxon   Extintas   Existentes   En perigo   % En perigo  
Mamíferos             70   5.416 1.094 20,2 %
Aves 135 9.956 1.217 12 %
Réptiles               22   8.240     422 5 %
Anfibios 34 6.199 1.808 29 %
Peixes 80 30.000 1.201 4 %
Moluscos               289   81.000   978   1,2 %
Artrópodos               66 1 000 000 1.083 0,1 %
Plantas         87   297.326 8.447 3 %

Desenvolvemento humano

Véxase tamén: Mesolítico e Neolítico.

Os cambios no ambiente provocaron unha serie de alteracións na economía dos cazadores-recolectores, que desembocarían no mesolítico, ao desaparecer a megafauna do plistoceno. Domesticouse o lobo, convertendo o can nun auxiliar fundamental para a caza menor. Adoptáronse tamén o arco e as frechas, e os arpóns, así como a machada, o coitelo e o lanzador de venabres.

Daquela os humanos vivían en pequenas tribos que se albergaban en cavernas ou pequenas choupanas de madeira ou de terra; normalmente existían edificios ou paraxes naturais con uso exclusivamente relixioso, nos cales sucedían danzas máxicas, enterramentos colectivos e dedicábaselle culto aos mortos. En pleno mesolítico desenvolvéranse instrumentos máis evolucionados, como aparellos de pesca, aixolas ou piraguas. Co paso ao neolítico, a poboación humana sufriu un poderoso cambio, desenvolvéndose lentamente unha alta variabilidade cultural. Parece ser que a cultura neolítica xurdiu en Oriente Próximo, e chegou á illa de Creta, ao Delta do Nilo, ao Danubio, ao mar Caspio e a Macedonia aproximadamente contra o 5000 a. C.

Breve historia

Historia Universal
Prehistoria
Idade Antiga Antigüidade clásica
Antigüidade tardía
Idade Media Alta Idade Media
Baixa Idade Media Plena Idade Media
Crise da Idade Media
século XV
Idade Moderna século XVI
século XVII
século XVIII
Idade Contemporánea século XIX
século XX
século XXI

Ao longo de máis do 90 % da súa historia, o Homo sapiens viviu en pequenos grupos nómades de cazadores-recolectores. Cando a súa linguaxe adquiriu máis complexidade, a capacidade de recordar e transmitir a información deu lugar a unha nova clase de replicador: o meme. As ideas podían intercambiarse rapidamente e pasaron de xeración en xeración. A evolución cultural superou rapidamente á evolución biolóxica.

Entre 8500 e 7000 a. C., os seres humanos do Oriente Medio fértil comezaron de maneira sistemática a cría de animais e o cultivo de plantas: gandaría e agricultura. Estas prácticas estendéronse ás rexións veciñas —aínda que tamén se desenvolveron independentemente noutros lugares—, até que a maioría dos Homo sapiens adoptaron a vida sedentaria en asentamentos permanentes, como agricultores.

Non todas as sociedades abandonaron o nomadismo, en especial as que estaban en zonas illadas do planeta pobres en especies de plantas cultivábeis, tales como Australia. Porén, entre estas civilizacións que adoptaron a agricultura, a seguridade e a produtividade crecente proporcionada cultivando permitiu que a poboación aumentase.

A agricultura tiña un impacto importante; os seres humanos comezaron a modificar os ecosistemas terrestres e mariños como nunca antes o fixeran. Os excedentes de alimentos e a crecente división do traballo permitiron que xurdisen as castas gobernantes e as sacerdotais. Isto conduciu ás primeiras grandes civilizacións, como a Sumeria en Oriente Medio, entre 4000 e 3000 a. C., a do Antigo Exipto no val do Nilo ou a do val do río Indo.

Contra 3000 a. C., o hinduísmo, unha das relixións máis antigas, que aínda se practica hoxe en día, comezou a tomar forma. Xurdiron máis relixións e varias foron perseguidas ou prohibidas, como a do Antigo Exipto.

A invención da escritura permitiu organizarse mellor a sociedades cada vez máis complexas: o mantemento de rexistros e os seus arquivos serviron como almacén de información incrementando a transmisión da súa cultura, coñecementos e o seu control. Os seres humanos xa non tiñan que utilizar todo o seu tempo en velar pola súa supervivencia, e a educación propiciou a busca do coñecemento e a sabedoría. Xurdiron diversas disciplinas, incluíndo as ciencias, aínda que en forma incipiente. Novas civilizacións apareceron, comerciando pacificamente entre elas ou participando en guerras pola conquista de territorios e recursos. Xurdiron os primeiros imperios no Medio Oriente, Exipto, a India e China. Posteriormente en Grecia, Roma e Bizancio.

En Europa, tras a escuridade da Idade Media, xurdiu o Renacemento en Italia (século XIV) achegando grandes avances á arte e á ciencia. Houbo importantes cambios relixiosos (Reforma protestante).

A comezos da década dos anos 1500, a civilización europea comezou a experimentar os cambios que conduciron á revolución científica e á industrial: os europeos comezaron a exercer unha dominación política e cultural sobre as sociedades humanas de todo o planeta.

De 1914 a 1918 e de 1939 a 1945 a maioría das nacións do mundo estiveron envoltas nas guerras mundiais. Creada despois da Primeira Guerra Mundial, a Sociedade de Nacións foi un primeiro paso cara a un goberno mundial; despois da Segunda Guerra Mundial foi substituída pola ONU. En 1992, varios países europeos asociáronse para formaren a Unión Europea.

Coa mellora do transporte e as telecomunicacións, a economía e os asuntos políticos das nacións de todo o mundo fixéronse cada vez máis interdependentes. Esta globalización produciu con frecuencia a discordia ou periódicas crises económicas multinacionais, aínda que tamén un maior intento de colaboración internacional.

Notas

  1. Global Boundary Stratotype Section and Point (GSSP) of the International Commission of Stratigraphy, Status on 2009.
  2. International Stratigraphic Chart, 2008
  3. Yokoyama, Y. (2000): Timing of the Last Glacial Maximum from observed sea-level minima, Nature 406: 713-716.
  4. Gornitz, V. (2007): Sea Level Rise, After the Ice Melted and Today, NASA.
  5. Keigwin, L. D. e E. A. Boyle (2000): Detecting Holocene changes in thermohaline circulation, PNAS, vol. 97, nº 4, 1343-1346.
  6. Houghton, J. T. (ed.). "Long-term mean sea level accelerations". Climate Change 2001: The Scientific Basis (Informe).
  7. Bindoff, N. L.; et al. "Observations: Oceanic Climate Change and Sea Level" (PDF). Climate Change 2007: The Physical Science Basis. Contribution of Working Group I to the Fourth Assessment Report of the Intergovernmental Panel on Climate Change. Cambridge University Press (Informe).
  8. NASA Earth Observatory Glossary: "Little Age of Ice" Arquivado 28 de xuño de 2008 en Wayback Machine.
  9. Climate Change 2001: Working Group I: The Scientific Basis: "2.3.3 Was there a 'Little Ice Age' and a 'Medieval Warm Period'?" Arquivado 29 de maio de 2006 en Wayback Machine..
  10. IUCN Red List of Threatened Species, 2007.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Mackay, A. W.; Battarbee, R. W.; Birks, H. J. B. et al., eds. (2003): Global change in the Holocene. London: Arnold. ISBN 0-340-76223-3.
  • Roberts, Neil (1998): The Holocene: an environmental history 2nd ed. Malden, MA: Blackwell. ISBN 0-631-18637-9.

Outros artigos

Ligazóns externas

Caniformes

Os caniformes (Caniformia) son unha suborde da orde dos carnívoros. Típicalmente posúen un longo fociño e unllas non retráctiles (en contraste cos outros carnívoros coma os feliformes). Os pinípedes (focas, leóns mariños e morsas) evolucionaron cos ancestros caniformes e por conseguinte están asignados a este grupo.

Eoceno

O Eoceno, unha división da escala temporal xeolóxica, é unha época xeolóxica da historia da Terra, a segunda do período paleóxeno na era cenozoica.

Comprende o tempo entre o final do paleoceno (hai 55,8 ± 0,2 millóns de anos) e o principio do oligoceno (hai 33,9 ± 0,1 millóns de anos).Durante esta época formáronse algunhas das cordilleiras máis importantes do mundo, como os Alpes ou o Himalaia, e aconteceron varios cambios climáticos importantes como o máximo térmico do Paleoceno-Eoceno, que aumentou a temperatura do planeta e delimita o inicio desta época xeolóxica, o evento Azolla, un arrefriamento global que daría paso ás primeiras glaciacións, ou eventos de extinción masiva como a Grande Coupure, que marca o final do eoceno.

As aves predominaban sobre os demais seres, e os primeiros cetáceos comezaron o seu desenvolvemento. Ademais, a especie de serpente máis grande que existiu data do eoceno. Nesta época xeolóxica produciuse tamén unha grande expansión e diversificación das formigas. A Antártida comezou a época rodeada de bosques tropicais, e o finalizou coa aparición dos primeiros casquetes polares. Existen multitude de xacementos paleontolóxicos en diversos lugares do mundo que confirman estes feitos, como o sitio fosilífero de Messel, en Alemaña, ou a Formación Green River, en Norteamérica.

Era cuaternaria

A era cuaternaria ou Cuaternario é unha era xeolóxica que se estende dende o final do Noexeno, é dicir, hai 2,588 ± 0,005 millóns de anos ata os nosos días (a IUGS cambiou recentemente o anterior límite de 1,64 millóns de anos). Coñécese esta era tamén como antropozoica (iniciada hai 1 millón de anos) por ser nela cando apareceron os homínidos.

O Cuaternario divídese en dous períodos, Plistoceno e Holoceno. Actualmente négaselle a cualificación de era xeolóxica, preferindo referirse ao cuaternario como un sistema xeolóxico (xunto co Terciario), dentro da era cenozoica.

Climaticamente caracterízase polo enfriamento xeral da Terra, durante as glaciacións que son o fenómeno climático máis importante deste longo período e nas que o norte de Eurasia e América estaban cubertas cunha gran capa de xeo. Considérase que se produciron catro principais, cos seus consecuentes interperíodos. Estas glaciacións foron denominadas (seguindo a escola clásica que toma como referencia Europa central) co nome dos afluentes do Danubio onde se determinaron as primeiras observacións: Glaciación de Günz, glaciación de Mindel, glaciación de Riss e glaciación de Würm.

Os depósitos continentais e costeiros xunto cos fondos mariños permítennos un coñecemento dos fenómenos que ocorreron, como o desenvolvemento das formacións morrénicas, fluvioglaciais, lacustres e eólicas (loess) ou a formación dos últimos relevos alpinos.

Respecto da flora, os fósiles que quedaron ofrécennos unha curiosa similitude coa actual. Máis cambios aconteceron na fauna, onde se aprecia a desaparición dalgunhas especies como os proboscídeos, o oso das cavernas ou o megacero. Pero a grande innovación na vida animal que se produce no Cuaternario é o desenvolvemento do xénero Homo.

Estuario

Os estuarios ou esteiros son rexións de costa entrantes, polo xeral longas e estreitas mais sempre cunha saída aberta ao mar, que decorren por unha chaira fluvial ou entran na terra ata o máximo do nivel da marea na boca dun río. Son zonas de transición de augas fluviais, doces, dun ou máis ríos e as augas mariñas, e salgadas.Neles dominan tanto os procesos mariños, como as mareas ou as ondas que lles traen augas salobres do océano, e as descargas de auga doce e sedimentación dos ríos. As entradas tanto do mar como das augas fluviais son unha fonte de entrada de nutrientes ao ecosistema que fan que sexan dos hábitats do planeta máis produtivos.Os estuarios formáronse en zonas de erosión fluvial ou glacial que se viron anegadas por augas no período de subida do nivel do mar do Holoceno, hai entre 10.000–12.000 anos. Nos primeiros estados da súa evolución os estuarios teñen unha forma determinada pola topografía costeira. Despois progresan a estados onde a erosión e a deposición de sedimentos se contrarrestan.Os estuarios clasifícanse polo xeral segundo a súa xeomorfoloxía e polos patróns de circulación das augas. Algún autores só usan estuario para referirse a vales somerxidos, mais algunhas outras definicións danlle o nome de esteiro incluso a formacións como as baías, as docas, os fiordes e as rías; aínda que nalgunhas desas augas só hai auga salgadas e non hai unha mestura coa auga doce. Así, as rías son esteiros formados por vales somerxidos, dun perfil transversal en forma de "V", mais nos que domina por completo unha circulación de auga salgada, agás nas súas zonas interiores de esteiro.Os bancos dos esteiros son das áreas máis poboadas do planeta. A presión antrópica supuxo a degradación do 60% dos hábitats do litoral dos esteiros. A degradación dos hábitats provén de factores como a traída de solo erosionado por deforestación, a chegada de sedimento grazas a eliminación da flora, a agricultura intensiva, a sobrepesca, a drenaxe de augas e ao recheo das zonas húmidas, aos procesos de eutrofización por un exceso de aporte de nutrientes que chegan cos desperdicios e o lixo de animais domésticos, a polución de ata mesmo metais pesados ou a contaminación por uso de produtos sanitarios para augas de espazos recreativos, entre outros.

Extinción masiva do Holoceno

A extinción masiva do Holoceno é un nome dado á extinción sostida e xeneralizada de especies que ocorre no último período xeolóxico, o Holoceno. A extinción abrangue dende o mamut até o dodo, incluíndo incontables especies que desaparecen cada ano.

Glaciación

As glaciacións son fenómenos climáticos que ocorren ao longo da historia do planeta Terra. Como o propio nome suxire, é un período de frío intenso cando a temperatura media da Terra baixou, provocando o aumento das xeeiras nos polos e unha acumulación de xeo nas zonas montañosas próximo ás rexións de neves eternas (que nunca derreten).

Actualmente as xeeiras ocupan un 10% da área total do planeta e a maioría está localizada nas rexións polares como a Antártica e Groenlandia, mais non sempre foi así. Nos períodos glaciais o xeo cubría preto de 32% da terra e 30% dos océanos.

As glaciacións provocaron grandes mudanzas no relevo continental e no nivel do mar. Cando a temperatura global diminuíu, ocorreu, como consecuencia, o aumento das xeeiras, ou sexa, as baixas temperaturas provocaron o conxelamento da auga nos polos aumentando a cantidade de xeo nos cascos polares.

Outra consecuencia deste proceso foi que a formación das xeeiras non quedou restrinxida ás rexións polares. A neve e o xeo fóronse acumulando nas zonas montañosas próximas aos picos, ano tras ano, ata que o seu propio peso fixo que se desprazasen lentamente, provocando grandes alteracións de relevo no camiño por onde pasaban, formando profundos vales en forma de U e os depósitos de pedra que arrastra o glaciar (morenas). Estas masas de xeo e neve son os glaciares que foron deslizando lentamente ata alcanzar zonas máis quentes, onde se foron derretendo e formando a cabeceira dun río ou dando orixe aos lagos glaciais.

Outra consecuencia foi o rebaixamento do nivel dos mares debido á retención de auga nos polos. O mar afastouse da liña da costa, das praias, por exemplo, expondo grandes extensións de terra e unindo illas e continentes entre si, formando as chamadas pontes terrestres.

Entre os períodos glaciais hai períodos interglaciais, nos que a temperatura da Terra se eleva. O período en que vivimos non é máis que un interglacial.

Idade do Cobre

A Idade do Cobre ou Calcolítico é un dos períodos da prehistoria. Sucede ao Neolítico e precede á Idade de Bronce. Tamén se acostuma utilizar este nome para denominar algunhas culturas que presentan formas culturais diferenciadas entre o 2500 e 1800 a.C.

Lagarto

O grupo dos lagartos caracterízase pola presenza de catro patas (o que o distingue da suborde Serpentes), pálpebras nos ollos e oídos externos. As familias Anniellidae e Anguidae corresponden a réptiles sen patas que parecen cobras mais son lagartos tendo en conta a estrutura do esqueleto.

Os lagartos aparecen en todos os continentes, excepto na Antártida. Presentan diversos tamaños, desde algúns centímetros como algúns guecos até tres metros como o dragón de Komodo. Son xeralmente carnívoros, alimentándose de insectos ou pequenos mamíferos, mais tamén hai lagartos omnívoros ou herbívoros, como as iguanas. O monstro de Xila, nativo do sur dos Estados Unidos, é a única especie que é velenosa. Algúns tipos de lagarto son capaces de rexenerar patas perdidas.

Os lagartos presentes en Galiza son dous:

Lagarto arnal (Lacerta lepida; tamén chamado lagarto ferreño no Courel)

Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi)

Mar Negro

O mar Negro (en abkhaza: Амшын Еиқәа, xeorxiano: შავი ზღვა, turco: Karadeniz, en póntico: Μαύρον Θάλασσα, Εύξεινος Πόντος, búlgaro: Черно море, romanés: Marea Neagră, ruso: Чёрное море, ucraíno: Чорне море, en tártaro de Crimea: Qara deñiz) é un mar que posúe unha saída moi angosta ao Mar Mediterráneo e que separa Europa Oriental de Asia Occidental e esta limitado polos montes Pónticos, ao sur, e polo Cáucaso a leste. Este mar está, en última instancia, relacionado a través de varios estreitos co océano Atlántico, vía mar Mediterráneo e mar Exeo: o estreito do Bósforo conéctao ao mar de Mármara e o estreito dos Dardanelos ao mar Exeo (parte do mar Mediterráneo); ademais, outro estreito, o de Kerch, úneo ao mar de Azov.

Neoxeno

O Neoxeno é un período superior do Terciario. Tradicionalmente definiuse como un período que agrupa o Mioceno e máis o Plioceno, pero unha proposta recente da Comisión Internacional de Estratigrafía (ISC) pretendía engadir as épocas do Plistoceno e Holoceno, continuando ata o presente.

Está separado do Paleoxeno pola fase sávica do pregamento alpino, que é a fase de máxima actividade. Iníciase coa desaparición das numulitas. Os fósiles máis característicos deste período son moluscos, microforaminíferos, mamíferos etc. Ó final do Neóxeno prodúcese a separación do mar Mediterráneo occidental e oriental. En América emerxe a franxa centroamericana, que pon en comunicación América do Norte con América do Sur. O clima sofre un notable arrefecemento. As principais formacións neoxenas de España están nas depresións dos ríos Guadalquivir e Ebro. A cunca do Vallés-Penedés é especialmente rica en mamíferos fósiles deste período.

Paleolítico

O Paleolítico ("pedra antiga" do grego παλαιός "antigo" e λίθος "pedra") é un período prehistórico correspondente ao intervalo que se estende entre a primeira utilización de utensilios de pedra polo ser humano (preto de 2 millóns de anos atrás) ata o comezo do Neolítico (arredor do 10000 a.C.).

Este gran período histórico subdivídese en Paleolítico Inferior (ata hai 300 mil anos atrás) e Paleolítico Superior (ata 10 mil a.C.). (Na Europa e en lugares onde houbo glaciacións, entre o Paleolítico e o Neolítico intercálase o chamado Mesolítico). O Paleolítico coincide co final da época xeolóxica Plistoceno do período xeolóxico Neoxeno. Hai certa discordancia entre os estudosos en canto a esa división, intercalando algúns un Paleolítico Medio entre o Inferior e mais o Superior.

O termo Paleolítico empregouno pola primeira vez polo historiador John Lubbock. Antes do Paleolítico houbo un período prehistórico que algúns historiadores chaman de Eolítico.

Paleolítico medio

O Paleolítico medio é un período da prehistoria caracterizado polo predominio da cultura musteriense e da técnica Levallois, que consisten en obter unha ou varias lascas de forma predeterminada, a partir dunha preparación particular do núcleo lítico. Abrangue aproximadamente entre os anos 130000 e 33000 a.C.

Plioceno

Na escala de tempo xeolóxico, o Plioceno é a época do período Neoxeno da era Cenozoica do eón Fanerozoico que está comprendida entre 5 millón e 1 millón e 806 mil atrás, aproximadamente. A época Plioceno sucede a época Mioceno e precede a época Plistoceno, ambas do seu período. Dividese nas idades Zancleano, Placenciano e Xelasiano, da máis antiga á máis recente.

Plistoceno

O Plistoceno é unha época xeolóxica, comprendida entre hai aproximadamente 1.800.000 e uns 11.500 anos. Pertence ao período neoxeno, da era cenozoica, do eón fanerozoico. Sucede ao plioceno e precede ao holoceno, ambos os dous do seu período. Divídese nas idades do Plistoceno inferior, Plistoceno medio e Plistoceno superior, da máis antiga á máis recente.

Réptiles

Os réptiles son os animais pertencentes á clase Reptilia, grupo de vertebrados amniotas e tetrápodos que teñen escamas ou diversas estruturas córneas na pel. Trátase dun grupo de animais que comprende non só todos os réptiles que existen hoxe no mundo senón que inclúe ademais algúns outros grupos que foron moi abondosos no pasado e que logo desapareceron durante o proceso evolutivo como son, por exemplo, os dinosauros.

Réptil significa "que repta", é dicir que anda arrastrándose. Esta non é unha característica universal deste grupo de animais xa que algúns non se arrastran senón que, por exemplo, teñen patas para o seu desprazamento (exemplo: os lagartos e as tartarugas).

A parte da zooloxía que trata dos réptiles leva o nome de herpetoloxía, na que tamén se inclúe o estudo dos anfibios.

Ría

A ría é unha entrada de costa, ou gran estuario, que se formou polo afundimento parcial dun val costeiro de río. As rías diferéncianse dos fiorde porque o val non tivo unha orixe glacial. Apareceron durante a regresión do último período glacial, que foi o Holoceno .

Do mesmo xeito que no caso dos esteiros, para a ría, a confluencia de augas de mar e río é unha das súas características determinantes. A vida nelas está determinada pola influencia equilibrada de mar e río, maiormente en canto ás súas augas e correntes, estando por un lado rexido polas subidas e baixadas das mareas e por outro condicionado polo caudal do río. Polo feito de estar situadas na parte final dun río, as rías teñen tendencia á colmatación, é dicir, á recepción e enchido por materiais erosivos do propio río, así como doutros arrastrados polas correntes costeiras, que ó entrar no recuncho que ofrecen as rías suavizan a súa potencia e descargan materiais.

Saurischia

Saurischia é a orde dos dinosauros que posúen a pelve semellante á dos réptiles actuais, o que distingue esta orde da Ornithischia. O grupo está dividido en dúas subordes que corresponden grosso modo cos grandes herbívoros (Sauropodomorpha) e cos carnívoros bípedes (Theropoda)

Uro (animal)

O uro (Bos primigenius) era un mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos, subfamilia dos bovinos, que se extinguiu en 1627.

Tratábase dun boi de grandes dimensións e comportamento indócil.

Época xeolóxica

Unha época xeolóxica é a subdivisión dun sistema ou período xeolóxico, que se utiliza para indicar a abundancia ou decadencia de especies vivas, ou as transicións de procesos xeolóxicos como a deriva continental, sedimentación de concas e oroxénese, entre outros.

Por exemplo, a Era Cenozoica divídese en dous períodos, o Paleoxeno e o Neoxeno. O Paleoxeno divídese en tres épocas, o Paleoceno, o Eoceno e o Oligoceno, e, á súa vez o período Neoxeno divídese en Mioceno, Plioceno, Plistoceno e Holoceno.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.