Historia do topónimo Galiza e Galicia

A historia dos topónimos Galicia e Galiza, empregados para se referir á Comunidade Autónoma de Galicia e constituída como nación dentro do estado Español,[1] continúa a suscitar unha gran controversia, tanto etimolóxica coma socialmente. Galicia é o topónimo que posúe a oficialidade, e é o empregado en documentos oficiais da Xunta de Galicia e o Goberno de España. Porén, tanto Galicia como Galiza son empregados habitualmente na escrita e na fala.

Segundo o historiador Ramón Villares e o filólogo Henrique Monteagudo, ambos membros do Consello da Cultura Galega, os dous topónimos son correctos dende o punto de vista filolóxico, sendo a elección de optar pola forma Galicia unha decisión política e institucional.[2]

A orixe do topónimo



“Quantos hoj’ em Galiza som,
atá em terra de Leom”.
—Cantiga de escarnio, século XIII.
Dom Lopo Lias,
(vv. 8-9)[3]

Tanto Galicia como Galiza derivan do termo latino Gallaecia, que significaba literalmente "terra dos galaicos", froito da combinación do prefixo kallā- “madeira” co sufixo complexo local -āik-.

Probábelmente o termo Galiza pasou a ser a forma evolutiva natural do termo Gallaecia, tal e como atestemuñan os diferentes documentos medievais da literatura trobadoresca galego-portuguesa. En varios textos de autores galegos medievais, o topónimo Galiza é a única forma empregada, non habendo vestixios da forma Galicia.[3]

Coa progresiva separación dos idiomas galego e portugués, e a progresiva castelanización de Galicia, produciuse un primeiro fito na desdiferenciación do topónimo. Mentres que no territorio galego comezou a predominar oralmente o termo Galicia, á outra beira do Miño mantívose o termo Galiza. Neste sentido, a introdución do topónimo Galicia seguiría unha traxectoria parella á da introdución do xentilicio galego.[3]

A recuperación do topónimo Galiza

Tras varios séculos nos que Galicia era a forma empregada habitualmente no territorio galego no século XIX, incluso no seo das obras de autores comprometidos co idioma e achegados ao nacionalismo galego, a forma Galicia seguía tendo presenza nos textos. A gaita gallega, de Pintos, ou Cantares gallegos, de Rosalía Castro, son dous exemplos de utilización deste topónimo. Varios autores explican este feito coa sonoridade literaria do termo Galicia fronte ao termo Galiza.[3]

No século XX, coa chegada do Rexurdimento, a forma Galiza comezou a adquirir presenza oral e escrita. Os primeiros vestixios de recuperación da forma xenuína atópanse nas publicacións das Irmandades da Fala, ou na revista Nós. Persoeiros coma Castelao apropiáronse do topónimo, coma queda patente nas súas obras, en especial no seu ensaio político Sempre en Galiza.

O topónimo na era da democracia

Fora volta
Grafiti en contra da Volta ciclista a España.

No ano 2007, dende a Vicepresidencia da Xunta de Galicia, producíronse diversas xestións co fin de introducir o topónimo Galiza nas publicacións oficiais do Goberno autonómico. Ante este feito, realizouse unha consulta formal por parte da Xunta á Real Academia Galega. Así, Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega dende 2002 até a 2009, afirmou que as dúas formas poderían ter validez etimoloxicamente.

Segundo a RAG, ambos topónimos tiveron presenza na linguaxe oral na Idade Media, pero o termo Galiza foi paseniñamente desaparecendo da linguaxe oral até ser recuperado na linguaxe contemporánea. Así, segundo o presidente da RAG:

Notas

  1. Segundo o Dicionario da Real Academia Galega: "nación s.f. Comunidade humana, instalada nun territorio definido, que pode estar ou non politicamente organizada como estado, e que se caracteriza por ter unhas tradicións históricas e culturais comúns, os mesmos intereses económicos e unha unidade lingüística ou relixiosa. A nación de Breogán. Sociedade de nacións. CF. país, pobo, terra."
    Definición de nación no Dicionario de Galego., Ir Indo. "Nación (lat. natione). s.f. Comunidade de individuos aos que uns vínculos determinados, basicamente culturais, económicos e unha historia común, lles dan unha fisionomía propia, diferenciada, e unha vontade de organización e proxección autónoma que os leva a querer dotarse de institucións propias, ata que se constitúa o estado."
  2. Europa Press (ed.). "Especialistas opinan que 'Galicia' y 'Galiza' son topónimos correctos y ven una decisión política elegir el "oficial".". Consultado o 31 de decembro de 2015.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Montero Santalha, Jose Martinho. GZe-ditora, ed. "O nome da Galiza" (PDF). Consultado o 31 de decembro de 2015.
  4. 4,0 4,1 Fraga, Xesús. La Voz de Galicia, ed. "La Academia contesta a la Xunta que el único topónimo oficial es Galicia.". Arquivado dende o orixinal o 04/03/2016. Consultado o 31 de decembro de 2015.

Véxase tamén

Outros artigos

Galicia

Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.

Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial dentro da provincia da Coruña. Galicia posúe 2 718 525 habitantes (2016), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol. Ten unha superficie de 29 574,4 km².

O concello máis poboado é o de Vigo con 292 817 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 215 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.