Historia de Viena

A historia urbana de Viena tivo por berce o sopé máis oriental dos Alpes, un outeiro sobre a beira sur do Danubio, o Leopoldsberg [1]. Nas súas ladeiras, entre os séculos IX e V antes da nosa era, existiu un asentamento precelta (ilirio) da cultura dos campos de urnas e Hallstatt pertencentes á idade de ferro ata o tempo da cultura de La Tène cando, durante dous séculos, foi abandonado. Pero novamente, no século -II, un castro celta (oppidum) no lugar testemuña a antigüidade da vida pre-urbana na Cunca de Viena. Así mesmo uns dez quilómetros augas abaixo do Danubio, a beira dun pequeno afluente (o Wien), seica outro asentamento celta coñecido coma Vedunia floreceu no século I a.C..

Vindobona

Vindobona Hoher Markt - Vindobona Plan 1
Castrum de Vindobona.
Vindobona 250-300
Vindobona no 250 co vicus arredor do campamento lexionario.

Foi precisamente na outra beira do Wien (a occidental) que os romanos, cando a súa chegada e conquista no -15, situaron un castrum (20Ha [2]) de fronteira (limes pannonicus) que deu lugar ao municipium Vindobona (no 212), o campamento fortificado cun vicus civil arredor[3][4].

A comezos do século II as murallas do castrum foran refeitas en pedra pero a mediados da centuria a vila foi saqueada polos marcomanos. O mesmo emperador Marco Aurelio, que morreu no Pretorio de Vindobona en 180, reconquistou a fronteira e a cidade foi reconstruída. Primeira doutras moitas reconstrucións nos séculos seguintes (mesmo rectificando a orientación da muralla no século IV) nunha fronteira cada vez máis insegura que fixo refuxiarse progresivamente a poboación dentro de murallas.

A vila xa cristiá (San Pedro coma primeira igrexa intramuros) foi cedida aos hunos en 433 (evidencias dun incendio catastrófico a comezos do século V) e tomada polos longobardos e ávaros no século VI antes de ser conquistada por Carlomagno. De novo en poder dos maxiares foi reconquistada definitivamente para o Sacro Imperio Romano Xermánico polo emperador Odón I no 955.

Capital do Ducado de Austria

A primeira mención de Viena data do 881 (nunha batalla contra os húngaros, aínda que puidese referirse ao río Wien). Semella que nestes séculos da época altomedieval a vila mantívose pechada nos restos das murallas romanas e cunha certa actividade comercial. Ocupada por pobos de tradición nómade, o reducido caserío concentrábase entre a sede do poder, unha fortaleza (Berghof) na área do antigo forum romano (despois praza Hoher Markt), e a primitiva igrexa de S. Ruprecht [5][6][7].

No 976 a Marca de Austria (Ostmark ou Ostarrichi) foi concedida aos Babenberg que en 1145 trasladaron a súa residencia a Viena facéndoa capital do xa ducado (1156). O desenvolvemento, que comezara no século XI[8] coa ocupación progresiva da despoboada metade occidental do vello recinto e un arrabalde de comerciantes con praza de mercado fora de murallas no leste, acelerouse co pulo do primeiro duque Heinrich II "Jasormigott" que atraeu un gran incremento poboacional.

A primitiva igrexa de Santo Estevo (1137-47, futura catedral) foi construída sobre un cemiterio romano xunto á muralla (sueste) e a residencia ducal erixiuse no oeste, ao sur do barrio xudeu tamén xurdido neste tempo, e arredor dun patio (actual praza Am Hof). Heinrich II, ademais de reparar o antigo muro romano, fundou tamén o mosteiro Schottenstift (de monxes irlandeses, fronte á residencia pero fóra do murallas) coma centro de estudo e coñecemento da súa capital [9][10].

O crecemento urbano precisaba dun novo recinto eo financiamento veu do rescate de Ricardo Corazón de León (1192) cando as cruzadas. As novas murallas de 1200-37 (4,5 Km) ían manter a forma urbana básica de Viena ata o século XIX [11][12]. Desta época data a orixe dunha das rúas centrais e representativas da cidade actual, o Graben. Literalmente "foxo" en alemán, ocupaba o tal da muralla romana no seu percorrido sueste entre Santo Estevo e a área de San Pedro (Peilertor).

GrabenHoefnagel1609
Vista da Graben detrás de S. Pedro dende o norte (século XVI).

En 1221 Viena obtivo a carta de cidade e dereitos comerciais que a consolidaron coma un centro de primeira orde no imperio. Porén durante o século XIV a cidade mantívose á sombra de Praga, capital imperial por entón. O novo recinto intramuros foise urbanizando progresivamente [13]. Ao sur do barrio de S. Estebo apareceu a praza do Neuer Markt ([14] un novo mercado ante a insuficiencia do vello Hoher Markt); no sector suroeste ata o mosteiro Schottenstift, preto da nova igrexa de San Miguel fora erixido rentes da muralla (1275, Otakar II) un castelo (hoxe Schweizertrakt), residencia dos primeiros Habsburgo e inicio do que co tempo deviría a residencia imperial do Hofburg [15]; ao seu carón un proxecto frustrado de Rodolfo IV dunha grande universidade ([16] 1365, á maneira do quartier Latin-Université de París).

Os Habsburgo, que se fixeran co control de Austria en 1278, tamén impulsaron a construción da Santo Estevo gótica coa teima de acadaren a diocese para Viena. Finalmente foi consagrada coma catedral no tempo que os gobernantes comezaban a súa andaina coma dinastía imperial (metade do século XV).

Corte Imperial dos Habsburgo

Map Vienna 1547
1547 (N embaixo).
Vienna austriae detail
1609
TB Wien vorher
1686

De feito non foi ata o finais do século XVI que os emperadores asentaron a corte en Viena (ante a repetida belixerancia da burguesía [17]). Un primeiro asedio dos turcos otomanos en 1529 levou ao reforzamento das murallas medievais con bastións renacentistas (1548) [18]. Non foi senón o principio dun melloramento defensivo continuo que resistiu a última das tentativas dos otomanos (1683) por conquistaren a praza clave de acceso a Europa occidental. Para entón a cidade medieval (Alstadt) estaba arrodeada dun completo e robusto sistema de bastións e foxos, ademais dun vasto glacis de medio quilómetro de anchura. Fora dese baleiro as residencias suburbanas (Vorstadt) conformando a singular forma urbana de Viena coma cidade dobre.

Wien-1704-Marinoni
1704, a cidade dobre.

Dende 1575 e durante os dous séculos seguintes o Hofburg foise ampliando coma un enorme complexo pacego a base de edificios e patios xustapostos pero sen a unidade que requiría unha residencia imperial do tempo, impedida como estaba pola constrición do espazo entre a muralla e a cidade burguesa [19][20]. Foi fora de murallas onde os emperadores puideron construiren o seu Versalles, o Pazo de Schönbrunn (a partir de 1690).

Esplendor tardobarroco

Josephinische Landaufnahme Vienna
O territorio de Viena no XVIII
Bernardo Bellotto, il Canaletto - View of Vienna from the Belvedere
Vista do setecentos dende os xardíns do Belvedere: á esquerda o Pazo Schwarzenberg e San Carlos Borromeo; ao fondo (NO) Santo Estevo.

Porque a reconstrución da capital unha vez desaparecida a ameaza turca tivo por estilo o barroco tardío, por arquitectos senlleiros Fischer von Erlach e Lucas von Hildebrandt, e por escenario principal a Vorstadt, a coroa de suburbios residenciais (arrasada no asedio turco) que arrodeaban o baleiro do glacis estendéndose ata unha liña exterior de fortificacións (a Linienwall, 1704). Luxosas vilas, pazos e castelos aristocráticos con xardíns de grandes perspectivas enriqueceron o territorio vienés, entre os que cabe destacar o Pazo Liechtenstein, o Pazo Schwarzenberg e sobre todo o do Belvedere. Preto dos dous últimos (obras de Hildebrandt) Fischer von Erlach vai erixir (daquela na beira do Wien) un dos máis sobresaíntes monumentos da época, a igrexa de San Carlos Borromeo (Karlskirche, 1715-37) [21].

Dende o medievo o labor de canalización e desecación dos numerosos brazos e illas do Danubio ao norte da Alstadt, con pontes de madeira dende os séculos XIV e XV, dera paso á urbanización da Leopoldstadt (novo gueto xudeu e primeiras industrias). Tamén alí desenvólvese un pazo suburbano dos soberanos con xardíns barrocos, o Augarten, e ademais no que comezou coma coto de caza imperial delinéase a traza do que devirá o parque vienés por antonomasia, o Prater (público en 1766) [22].

Os problemas derivados dunha cidade antiga, densamente ocupada e pechada, e da evidente desconexión e falta de integración das dúas áreas urbanas constituídas non puideron seren resoltos no século XVIII. Non foi ata a chegada do ferrocarril (1837), coa planificación da rede de estacións a través da urbe, que a capital imperial atopou a maneira de resolver a unificación do seu organismo urbano [23], e fíxoo cunha das obras de sutura urbanística máis notables da historia. A cidade que albergara a Mozart ou Haydn deu paso á que viviron e pasearon Brahms, Freud, Klimt, Schönberg ou Wittgenstein. O resultado ofrece o caso único e paradoxal no que a cidade barroca envolve ao ensanche do XIX.

Carl Wenzel Zajicek 030
Composición panorámica completa (360º) da cidade histórica aínda illada polas murallas e o glacis na metade do século XIX (C.Zajicek sobor vistas de E.Hütter)

O Ring

Plan Stadterweiterung Wien 1860
O plan do Ring en 1860 (aproximación ao finalmente construído aínda que sen a praza da Rathaus, Parlamento e Universidade)

Trala breve ocupación napoleónica e o Congreso de Viena (1815) que redefiniu o mapa de Europa, o emperador Francisco Xosé I decretou en 1857 o que xa era una petición clamorosa dende o século anterior: o derrubo das murallas e a integración das dúas partes da capital cunha ocupación planificada do antigo glacis. Foi así que se iniciou o proxecto do Ring vienés [24][25][26].

Nas décadas seguintes completouse un plan monumental que ademais parcelaba o amplo terreo dispoñíble atendendo a tódalas necesidades previsibles dunha capital imperial moderna: as da propia corte coa ampliación do Hofburg (inacabado [27]) no eixo central do proxecto que completaban dous museos (o de arte, o prestixioso Kunsthistorisches Museum); as da aristocracia cun barrio distinguido inmediato á área anterior e co edificio da Ópera [28]; as da propia cidade co novo concello (Rathaus) flanqueado nunha gran praza polo parlamento[29] e a nova universidade, e enfrontado ao Burgtheater [30]; e os da puxante burguesía nunha época na que Viena se convertera tamén nun centro industrial, cunha área residencial arredor do edificio da Bolsa no noroeste da cidade vella, entre a nova Igrexa Votiva e o Danubio canalizado [31]. No lado oposto, nas beiras do Wien (tamén canalizadas ou soterradas), un gran parque urbano (Stadpark) completaba as diferentes zonas verdes que rodeaban os anteditos monumentos. Coma columna vertebral de toda a intervención unha avenida principal, a Ringstrasse, dividida en varios sectores á maneira de bulevares [32][33]. O estilo arquitectónico foi o historicista, adecuando o de cada monumento ao estilo histórico máis representativo do seu uso (así o concello en neogótico, o parlamento en neoclásico ou neogrego, a universidade en neorenacentista etc.).

Aufnahmeblatt 4757-1-a 1875 Wien Innenstadt
1875, o novo curso rectificado do Danubio.
Brockhaus and Efron Encyclopedic Dictionary b83 474-0
1907: Viena metropolitana, máis aló da Linienwall e na beira norte do Danubio.

Por outra banda e ao mesmo tempo, o paso do Danubio pola cidade foi tamén obxecto dun gran proxecto de regulación de grande importancia para o desenvolvemento da Viena contemporánea na beira norte do río. Dende o século XVII o brazo sur do río foi sometido a intervencións co fin de previr inundacións, afastando progresivamente o curso principal cara ó norte. Para o século XIX, á beira da cidade histórica xa só pasaba un pequeno brazo canalizado, o chamado Donaukanal. Pero aínda era preciso canalizar o curso principal, proxecto realizado arredor de 1870. Á súa beira íanse situar as praias de vías dos ferrocarrís.

Brillante final dunha época

En 1868 Viena convértese en capital do Imperio Austrohúngaro e durante o medio século seguinte nunha das urbes máis brillantes da historia, centro da arte, a cultura e o pensamento da Europa finisecular. Cun crecemento espectacular que decuplicou a súa poboación ao longo do XIX ata os 2 230 000 habitantes en 1915, tamén era unha das grandes metrópoles do tempo . O organismo urbano estaba completo finalmente e a Exposición Universal de 1873 no Prater xunto ao novo Danubio foi o escaparate cara o mundo do optimismo e autoconfianza co que os postremeiro Habsburgo encaraban o futuro.

No eido especificamente urbano destaca, dentro dos movementos de prevangarda que reaccionaban xusto contra o historicismo, a aparición dun modernismo especificamente vienés, a Secesión, no que un dos arquitectos senlleiros Otto Wagner, elaborou un plan para a urbe do que só foi realizado o metro (1894-1902), cuxa estación na Karlsplatz é unha das súas obras representativas. Precisamente a ordenación da Karlsplatz (onde se situaba tamén o edificio bandeira da Secesión) e a adxacente Schwarzenbergplatz, fundamental nó do tráfico da urbe moderna, serán actuacións deses anos [34]. Anos despois (1910) Adolf Loos, xa un dos pais da vangarda do movemento moderno, erixiría un edificio-manifesto na casa da Michaelerplatz (a praza de San Miguel que da entrada, dende a cidade vella, ao eixo monumental do Hofburg).

Entre 1898 e 1905 (baixo o mandato do controvertido alcalde Karl Lueguer) deseñouse para Viena o primeiro cinto verde urbano do mundo, aínda hoxe en extensión e recoñecido coma Reserva da Biosfera da Unesco (2005) [35].

A Viena Vermella

Karl-Marx-Hof 2009
Fachada da Karl-Marx-Hof.

Despois da derrota na Primeira Guerra Mundial e o fin do Imperio Austrohúngaro, a capital da nova república federal austríaca estreouse cun goberno socialista. Viena era agora centro dun pequeno país con graves problemas económicos e alto desemprego. Tamén a única metrópole do mundo cunha administración de esquerdas, que estableceu coma un dos seus obxectivos a mellora das condicións de vida das clases traballadoras. Un gran Plan de Vivenda social Pública (máis de 65.000 vivendas en 348 complexos residenciais entre 1923 e 1933) foi implementado en barrios periféricos da metrópole, deseñadas na súa maioría por alumnos de Otto Wagner, coma illas da utopía dun novo orden social [36]. O exemplo paradigmático, a Karl-Marx-Hof [37].

Época contemporánea

A disolución en 1934 do sistema democrático levou a Anschluss, anexión de Austria polo réxime nazi de Adolf Hitler en 1938. Despois das destrucións da Segunda Guerra Mundial e a ocupación aliada, a cidade comezou a súa recuperación coma capital dunha democracia parlamentaria moderna. O status de neutralidade do país convertérona nos setenta en sede de diversos organismos internacionais (vg. a OPEP ou a Axencia Internacional da Enerxía Atómica), sinaladamente a terceira sede oficial das Nacións Unidas. Dende entón tense consolidado coma un centro internacional de congresos de primeira orde.

Precisamente para o propósito foi erixido o Vienna International Centre (ou UNO-City, 1973-9) na beira norte do Danubio, a Donaustadt. E arredor, dende 1995, estase a construír un plan denominado Donau City [38], cun programa de rañaceos de oficinas e servizos, tentando engadir a contrapartida contemporánea á milenaria cidade histórica.

Notas

  1. Vista xeral da situación xeográfica de Viena, os brazos do Danubio (leitos en 1848) e o Leopoldsberg [1] Arquivado 03 de abril de 2013 en Wayback Machine.
  2. Recreación de Vindobona dende o oeste (dende a posición do Leopoldsberg; ao fondo semella aparecer a Vedunia celta) [2]
  3. Reconstrución a vista de paxaro de Vindobona co vicus arredor (disque a asimetría posterior no castrum foi causada por unha gran inundación do Danubio no século III) [3]
  4. Detalle do vicus e campamento militar de Vindobona[Ligazón morta]
  5. Planta de Viena nos séculos V-VIII; "Siedlungsgenese Wien", Universidade de Graz [4]
  6. "Outra planta esquemática de Viena nos séculos V-VIII e VIII-IX". Arquivado dende o orixinal o 25 de febreiro de 2014. Consultado o 24 de abril de 2012.
  7. Planta de Viena nos séculos VIII-IX coa hipótese dunha muralla intermedia; ib. Universidade de Graz [5]
  8. "Planta esquemática do desenvolvemento urbano de Viena no século XI". Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2014. Consultado o 24 de abril de 2012.
  9. Mapa de Viena no tempo de Henrique II (reconstrución do século XIX): Santo Estevo á dereita e Am Hof á esquerda co mosteiro Schottenstift fóra de murallas [6] Arquivado 23 de novembro de 2011 en Wayback Machine.
  10. "Planta de Viena en 1160". Arquivado dende o orixinal o 25 de febreiro de 2014. Consultado o 24 de abril de 2012.
  11. Viena cando a construción das murallas medievais (N embaixo); ilustración do XIX [7] Arquivado 23 de novembro de 2011 en Wayback Machine.
  12. Planta de Viena en 1200; ib. Univ. de Graz
  13. Planta de Viena en 1314: a praza do Neuer Markt ao sur de S. Estevo e á súa esquerda o vacío da futura Hofburg imperial; ib. Univ. de Graz [8]
  14. Vista do XVI do Neuer Markt detrás de Santo Estevo
  15. Vista dende o norte do Schweizerhof e as primeiras construcións da Hofburg antes das ampliacións imperiais; de diante San Miguel [9]
  16. O proxecto utópico de 1365 dunha cidade universitaria en Viena (á dereita, a Hofburg e S. Miguel, enriba o Schottenstift; ib. Univ. de Graz [10]
  17. Planta de Viena antes do reforzamento da muralla (metade do XVI): o Hofburg aínda é o vello Schweizertrakt; nótese o Graben coma rúa máis ancha [11]
  18. Planta de Viena en 1650 cos bastións de 1548; o Hofburg vai sendo ampliado [12]
  19. Axonometría do Hofburg en 1683 dende o sur: no centro, o vello Schweizerhof e á esquerda a ampliación de Leopoldo I (1661-8); D. Suttinger [13] Arquivado 11 de setembro de 2012 en Wayback Machine.
  20. Vista axonométrica da Hofburg en 1770 dende o norte: á esquerda a Biblioteca de Fischer von Erlach e de diante a Escola de Equitación; D.Huber [14] Arquivado 11 de setembro de 2012 en Wayback Machine.
  21. Vista de época da Karlskirche dende o río Wien; B.Belloto
  22. Vista de época (J.Alt) da Leopoldstadt dende S.Estebo; o Prater e o brazo principal do Danubio ao fondo [15][Ligazón morta]
  23. "Urbanismo occidental" páx. 240-50; W. Braunfels
  24. Mapa detallado de Viena (1858) antes do Ring
  25. "Páxina descritiva do Ring vienés". Arquivado dende o orixinal o 18 de novembro de 2005. Consultado o 24 de abril de 2012.
  26. Outra páxina sobre a Ringstrasse
  27. Maqueta da Hofburg histórica coa ampliación no Ring (NeuHofburg, non se completou coa á oeste), os museos e xardíns [16][Ligazón morta]
  28. Vista aérea do barrio aristocrático do Ring, entre o novo Hofburg (en primeiro termo co Museo de Arte) e a Ópera (1920) [17] Arquivado 29 de marzo de 2013 en Wayback Machine.
  29. Vista aérea do Parlamento e a praza do Rathaus dende os xardíns do novo Hofburg (1920) [18] Arquivado 29 de marzo de 2013 en Wayback Machine.
  30. Vista aérea do Burgtheater e a praza do Rathaus (1920)
  31. Vista aérea do barrio burgués do Ring (Schottenring, polo mosteiro medieval que aparece á dereita xunto á praza Am Hof máis aló) dende a Igrexa Votiva ao canal do Danubio (1920) [19] Arquivado 01 de abril de 2013 en Wayback Machine.
  32. Perspectiva de época do Kärtnerring, o Operring e ao fondo, os museos [20]
  33. Panorama de Viena en 1873: o Ring arredor da cidade vella co Belvedere, o Schweizenberg e a Karlskirche en primerio termo (aínda sen construir á esquerda o Neue Hofburg, o Parlamento e o Burgtheater) [21][Ligazón morta]
  34. Vista aérea da Karlsplatz e a Schwazenbergplatz (dereita) 1920; ao fondo á dereita o Stadtpark [22] Arquivado 29 de marzo de 2013 en Wayback Machine.
  35. Mapa do Grüngürtel (cinto verde) de Viena
  36. Páxina con mapa e extensa información das actuacións de vivenda social pública durante o período da Viena Vermella [23]
  37. Páxina con información sobre a Karl-Marx-Hof
  38. Páxina sobre o proxecto da Donau City

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.