Historia da China

A historia da China, como cronoloxía dunha das civilizacións máis antigas do mundo con continuidade até a actualidade, ten as súas orixes na conca do río Amarelo, onde xurdiron as primeiras dinastías Xia e Shang. A existencia de documentos escritos dende a antigüidade permitiron o desenvolvemento na China dunha tradición historiográfica moi precisa, que ofrece unha narración continua dende as primeiras dinastías até a idade contemporánea.

China é unha das civilizacións antigas máis vellas de todo o mundo que durou dende antes de que Cristo nacese até os nosos tempos. O zodíaco chinés ten 12 animais que son: o can, a serpe, a rata, o boi, a cabra, o mono, o porco, o tigre, o coello, o galo, o dragón e o cabalo, cada un destes animais reina durante todo un ano.

A enorme extensión de territorio ocupado polo estado actual da República Popular China fai que a historia de todo este territorio sexa a dun gran número de pobos. O fío condutor da historia china céntrase no grupo étnico han, que están intimamente asociados á evolución da lingua chinesa e o seu sistema de escritura, baseado nos caracteres. Nesta continuidade cultural e lingüística establécese unha liña expositiva da historia da civilización china, que, dende os textos máis antigos do I milenio a. C., como os clásicos confucianos, e polas grandes historias dinásticas promovidas polos emperadores, se segue utilizando. Os descubrimentos arqueolóxicos do século XX, moi en especial os dos ósos oraculares, que recollen as primeiras manifestacións escritas en chinés, contribuíron nas últimas décadas a un coñecemento máis detallado das orixes da civilización china.

A narración tradicional china da historia baséase no chamado ciclo dinástico, mediante o cal os acontecementos históricos explícanse como o resultado de sucesivas dinastías de reis e emperadores que pasan por etapas alternas de auxe e declive. Os emperadores poñíanlle aos anos o seu apelido, o 1700 foi en china o ano 38 da era Kangxi, mentres que o 1750 era o ano 15 da era Qianlong. Incluso hoxe en día, en Taiwán ao ano 2007 denomínase en certos contextos como o 96 da República. Este uso das dinastías e os seus emperadores para a propia datación dos anos fixo imprescindible o dominio da cronoloxía dinástica para penetrar no estudo da historia de China.

LiBai-Kalligraphie
Historia da China
Os Tres Augustos e os Cinco Emperadores
-2205 Dinastía Xia
-1570 Dinastía Shang
 -1046 Dinastía Zhou
 -722 Primaveras e Outonos
 -453 Reinos combatentes
 -221 Dinastía Qin
 -206 Dinastía Han occidentais
9 Dinastía Xin
  25 Dinastía Han orientais
 220 Tres Reinos
 265 Dinastía Jin e
 304 Dezaseis Reinos
 420 Dinastías do Nortee do Sur
 581 Dinastía Sui
 618 Dinastía Tang
 690 Dinastía Zhou
 907 As Cinco Dinastías e os Dez Reinos
 960 Dinastía Song
 907 Dinastía Liao
1032 Dinastía Xixia
1115 Segunda dinastía Jin
1234 Dinastía Yuan
1368 Dinastía Ming
1644 Dinastía Qing
1912 República da China
1949 República popular
  Taiwan
Territories of Dynasties in China
Mapa político animado da historia china por Dinastías.

Prehistoria

Artigo principal: Prehistoria da China.
Longshan eggshell thin cup
Cultura de Longshan.

O territorio que actualmente ocupa a República Popular China estivo poboado dende hai miles de anos. Encontráronse restos de homínidos que constitúen os antepasados máis remotos do ser humano[Cómpre referencia]. Así o demostran os restos pescudados pertencentes ao home de Renzidong; o home de Yuanmou; o home de Nihewan; o home de Lantian; o home de Nanjing ou o home de Pekín. Posteriormente xurdirían outras culturas, coma o home de Dali; o home de Maba; o home de Fujian ou o home de Dingcun.

O Homo sapiens aparece hai uns 40.000 anos. Hai uns 10.000 anos comézase a cultivar arroz no río Yangzi e pouco despois millo na provincia de Henan. No VIII milenio a. C. as culturas da zona do val do río Amarelo fixéronse sedentarias. Un milenio despois comezaría a domesticación de animais.

Entre o VII e VI milenio a. C. xorden as primeiras civilizacións neolíticas, Peilikan e Cishan, precursoras da cultura de Yangshao, que se fusionaría coas de Dawenkou e Hongshan para dar lugar á cultura de Longshan, comezo da unidade territorial e política de Chaira do Norte da China.

Os Tres Augustos e os Cinco Emperadores

Artigo principal: Os tres Augustos e os Cinco Emperadores.
Region of xia
Extensión da dinastía Xia.

Son os gobernantes mitolóxicos da China anteriores ás primeiras dinastías históricas. Existen discrepancias sobre as súas identidades. Os tres augustos puideron ser Fuxi, Nüwa e Shennong e os cinco emperadores o Emperador Amarelo, Zhuanxu, Diku, Tangyao e Yushun.

Dinastía Xia

Artigo principal: Dinastía Xia.

Segundo as Memorias históricas de Sima Qian, a primeira dinastía china foi a dinastía Xia, que se prolongaría dende arredor do ano 2100 a. C. até arredor do 1600 a. C., e tería ocupado o curso medio do Río Amarelo. Os nomes dos reis da dinastía son nomeados por Sima Qian cos anos de reinado de cada un. Debe terse en conta, en todo caso, que Sima Qian escribiu a súa obra máis de quince séculos despois da existencia da dinastía, polo que os seus datos, baseados nas tradicións que chegaron a esa época, deben tomarse con cautela. Nin sequera hai probas concluíntes de que existise a dinastía Xia.

Historia antiga

China 1
Encontráronse restos de sociedades avanzadas e estratificadas datados da época da Dinastía Shang no val do río Amarelo.

Dinastía Shang

Artigo principal: Dinastía Shang.

O rexistro máis antigo do pasado da China data da Dinastía Shang, posibelmente no século XIII a.C., na forma de inscricións en ósos ou caparazóns de animais. Esta dinastía tivo a súa capital na cidade de Yin Xu, hoxe Patrimonio Mundial da UNESCO.

Os historiadores chineses de períodos posteriores habituaranse á noción de que unha dinastía sucedía a outra, mais sábese que a situación política na China primitiva era moito máis complexa. Algúns académicos suxiren que os xias e os shangs tal vez fosen entidades políticas que coexistiran, da mesma maneira que os zhous foran contemporáneos dos shangs.

Dinastía Zhou

Artigo principal: Dinastía Zhou.

No final do II milenio a. C., a Dinastía Zhou, inicialmente de carácter semi-feudal, emerxeu no val do río Amarelo e terminou por invadir os shangs. Os zhous eran un pobo que vivía ao oeste dos shangs e o seu xefe fora nomeado por estes últimos como "protector occidental". O xefe dos zhous, Rei Wu, co apoio do seu rexente e tío, o Duque de Zhou, derrotaron os shangs na batalla de Muye. Naquel período, o rei zhou invocou ao "Mandato dos Céus" para lexitimar o seu goberno, unha idea que influenciaría a case que todas as dinastías seguintes. Os zhous, de inicio, instalaran a súa capital ao oeste nunha rexión próxima á moderna Xian, preto do río Amarelo, mais posteriormente expandiríanse polo val do río Yangtzé. Esta sería a primeira das varias migracións de poboación do norte para o sur na historia da China.

Período das Primaveras e dos Outonos

Artigo principal: Período das Primaveras e dos Outonos.

No século VIII a.C., o poder político tornouse descentralizado, durante o chamado Período das Primaveras e dos Outonos, cuxo nome provén dos Anais das Primaveras e dos Outonos. Naquel período, xefes militares locais empregados polos zhous comezaron a disputar a hexemonía. A situación agravouse coa invasión doutros pobos a partir do nordeste, como os qins (ou chins), o que forzou os zhous a mover a súa capital ao leste, para Luoyang. Isto marca a segunda grande fase da Dinastía Zhou: os zhous orientais. En cada unha das centenas de Estados que xurdiran, potentados locais detiñan á maior parte do poder político e a súa servidume aos reis zhous era apenas nominal.

China Warring States Period
Os Reinos Combatentes.

Período dos reinos combatentes

Artigo principal: Período dos reinos combatentes.

Tras un proceso de consolidación política, restaban, ao final do século V a.C., sete Estados prominentes. A fase durante a cal estas poucas entidades políticas combateran unhas contra as outras é coñecida como o Período dos Reinos Combatentes. A figura dun rei zhou continuou a existir até 256 a.C., mais apenas como xefe nominal, sen poderes concretos. A fase final deste período comezou durante o reinado de Ying Zheng, rei de Qin. Despois de acadar a unificación dos outros seis Estados e anexionar outros territorios aos actuais Zhejiang, Fujian, Cantón e Guangxi en 214 a.C., proclamouse o primeiro emperador (Qin Shi Huangdi).

Dinastía Qin: o inicio da China imperial

Artigo principal: Dinastía Qin.

Os historiadores acostuman denominar como a China Imperial o período entre o inicio da Dinastía Qin (século III a.C.) e a fin da Dinastía Qing (no comezo do século XX).

O rei dos Qin funda unha nova dinastía e toma para si o novo nome de 皇帝 (huángdì), de connotacións relixiosas, que traducimos ao galego por "emperador". A partir deste momento histórico, todos os monarcas chineses posteriores utilizarán este título, abandonando a denominación de "reis" (王 wáng). O novo emperador fíxose chamar 始皇帝 Shǐ Huángdì ("primeiro emperador"), véndose a si mesmo como o primeiro da que esperaba fose unha longa dinastía de emperadores. Hoxe en día os chineses chámano máis frecuentemente Qin Shi Huang ("Primeiro Emperador Qin"). Con el xorde, por primeira vez na historia, un estado chinés forte, centralizado e unificado.

A Dinastía Qin é famosa por ter iniciado a Gran Muralla Chinesa, que foi posteriormente ampliada e perfeccionada durante a Dinastía Ming. Inclúense entre as demais contribucións dos qin a unificación do dereito, da linguaxe escrita e da moeda da China. Até mesmo algo tan prosaico como o cumprimento dos eixes das carrozas ten que ser uniformado de modo que permita un sistema comercial viábel que abarcase todo o imperio.

Dinastía Han: unha fase próspera

A Dinastía Han emerxeu en 202 a.C., como a primeira a adoptar a filosofía do confucianismo, que se tornou a base ideolóxica de todos os réximes chineses até a fin da China Imperial. Durante esta fase dinástica, a China logrou grandes avances nas artes e nas ciencias. O Emperador Wu consolidou e ampliou o imperio ao expulsar aos xiongnus (que algúns identifican cos hunos) para as estepas do que é hoxe a Mongolia Interior, tomándolles o territorio correspondente ás actuais provincias de Gansu, Ningxia e Qinghai. Isto permitiu abrir as primeiras ligazóns comerciais entre a China e o Occidente: a Ruta da Seda.

Entre tanto, as adquisicións de terras polas elites gradualmente causarían unha crise tributaria. En 9 d.C., o usurpador Wang Mang fundou a breve Dinastía Xin ("nova") e deu inicio a un amplo programa de reformas agraria e económica. As familias propietarias de terras xamais apoiaron as reformas, que favorecían os labregos e a pequena nobreza, e a inestabilidade causada pola súa oposición levou ao caos e á rebelión.

O Emperador Guangwu reinstituíu a Dinastía Han, situada agora en Luoyang, próximo a Xian, co apoio das familias propietarias e mercantís. Algúns denominaron este período Dinastía Han Oriental. O poder dos hans declinou a adquisición de terras, invasión e liortas entre clans. A Rebelión do Turbante Amarelo, protagonizado polos labregos, estalou en 184 e resultou nunha era de xefes guerreiros. No caos causado, tres Estados buscaron a preeminencia durante o chamado Período dos Tres Reinos.

Dinastía Jin

Artigo principal: Dinastía Jin.

A reunificación da China produciuse baixo a dinastía Jin, que pode dividirse en dous etapas: os Jin Occidentais (265 - 316), que conseguiron unificar China, e os Jin Orientais (317 - 420), que continuaron gobernando o sur da China.

No ano 263, as tropas de Wei conquistaban o estado de Shu, co que os tres reinos se converteron en dous. En 265, Sima Yan, da prestixiosa familia Sima, descendentes de Sima Qian, derrocou o emperador Wei, acabando co poder da familia Cao, e instaurou a dinastía Jin. No ano 280, os Jin conquistaron o reino de Wu, co que conseguiron reunificar baixo a nova dinastía o antigo imperio Han.

Esta unificación non duraría moito tempo. A corte Jin en Luoyang víase ameazada polos pobos nómades do norte que formara varios estados e gozaban dunha longa tradición militar. Estes estados do norte acabarían conquistando as capitais; Luoyang no amo 311, e Chang'an en 316. Así, o estado Jin desapareceu do norte de China, que pasou a estar dividido en dezaseis reinos. A conquista do norte por parte dos pobos nómades ou seminómades provocou un importante éxodo da poboación cara ó sur. A corte Jin reconstruíuse na cidade sureña de Jiankang, preto da actual Nanjing, onde seguiría gobernando até o ano 420.

Dinastía Sui: a reunificación

Artigo principal: Dinastía Sui.

A Dinastía Sui logrou reunificar o país en 581, tras case que catro séculos de fragmentación política na cal o norte e o sur se desenvolveran independentemente. Do mesmo modo que os soberanos qin unificaron a China tras o Período dos Reinos Combatentes, os suis uniron o país e crearon diversas institucións que terminarían por ser adoptadas polos seus sucesores, os tangs.

Dinastía Tang: a volta da prosperidade

Artigo principal: Dinastía Tang.
Tang horse
Cabalo típico do exército Tang

O 18 de xuño de 618, Gaozu tomou o poder e estabeleceu a Dinastía Tang. Iniciouse entón unha era de prosperidade e innovacións nas artes e na tecnoloxía. O budismo, que se fora instalando gradualmente na China a partir do século I, tornouse a relixión predominante e foi adoptada pola familia imperial e polo pobo.

Os tangs, da mesma forma que os hans, mantiveron abertas as rutas comerciais cara ao Occidente e o cara ao sur.

A partir de aproximadamente o ano 860, a Dinastía Tang comezou a declinar, debido a unha serie de rebelións internas e de revoltas de Estados clientes. Un xefe guerreiro, Huang Chao, capturou Cantón en 879 e executou a maioría dos seus 200.000 habitantes. O Emperador Xizong fuxiu para Chengdu e Huang estabeleceu un goberno que lanzou o país a un novo período de caos político.

As cinco dinastías e os dez reinos

Artigo principal: Período das Cinco Dinastías e dos Dez Reinos.

Á unión entre a Dinastía Tang e a Dinastía Sung, caracterizada pola fragmentación política, dáselle o nome de Período das Cinco Dinastías e dos Dez Reinos. Coa duración de pouco máis de medio século, entre 907 e 960, esta fase histórica viu a China tornarse nunha pluralidade de estados. Cinco réximes sucedéronse rapidamente no control do tradicional corazón territorial do país, no norte, en canto que dez réximes máis estábeis ocupaban porcións do sur e do oeste da China.

División política: os liaos, os sungs, os xias occidentais, os jins

East-Hem 1200ad
Mapa da Eurasia sobre o ano 1200, anterior ás invasións mongois.

En 960, a Dinastía Sung (960-1279) logrou controlar a maior parte da China e escolleu a Kaifeng para establecer a súa capital, dando comezo a un período de prosperidade económica, en canto que a Dinastía Liao dos khitans gobernaba a Manchuria e a Mongolia. No ano 1115, subiu ao poder a Dinastía Jin (1115-1234), dos jurchens[1], e, en dez anos, aniquilou a Dinastía Liao. Tomou a China setentrional e Kaifeng das mans da Dinastía Sung, forzándoa a transferir a súa capital cara a Hangzhou e a recoñecer os jins como sucesores. A China encontrábase entón dividida entre a Dinastía Jin, ao norte, a Dinastía Sung Meridional, ao sur, e os xias occidentais, ao oeste. Os sungs meridionais pasarían por un período de grande desenvolvemento tecnolóxico, posibelmente debido en parte á presión militar que sufrían na súa fronteira setentrional.

Os mongois e a Dinastía Yuan

Artigo principal: Dinastía Yuan.

O Imperio Jin foi derrotado polos mongois, que deseguida derrotaron os sungs meridionais ao cabo dunha guerra longa e cruenta, a primeira na cal as armas de fogo desempeñaron un papel moi importante. Con isto, a China foi unha vez máis unificada, mais agora como parte dun amplo Imperio Mongol. Neste período, Marco Polo visitou a corte imperial en Pekin. Os mongois dividíanse entón entre os que preferían manter a súa base nas estepas e aqueles que desexaban adoptar os costumes dos chineses hans. Un destes era Khublai Khan, neto de Genghis Khan e fundador da Dinastía Yuan, a primeira a gobernar toda a China a partir de Pekin.

Dinastía Ming: a nova hexemonía dos hans

Artigo principal: Dinastía Ming.
Ming foreign relations 1580
A China da Dinastía Ming (ano 1580).

O forte sentimento popular hostil cara ao goberno "estranxeiro" levou ás rebelións campesiñas que terminarían por expulsar os mongois de volta ás estepas e a instituír a Dinastía Ming en 1368.

Durante o goberno mongol, a poboación fora reducida ao 40 por cento, dun total estimado de 60 millóns de persoas. Dous séculos despois, a poboación duplicou en tamaño, o que deu lugar a unha maior urbanización e á maior complexidade da división do traballo. Xurdiron pequenas industrias, dedicadas á produción de papel, seda, algodón e porcelana, en especial en grandes centros urbanos como Pekin e Nanquim. Prevalecían, porén, as pequenas cidades con mercados que comerciaban principalmente comida mais tamén algúns ítems manufacturados, coma alfinetes e aceite.

A pesar da xenofobia e da introspección intelectual característica do neoconfucionismo, unha escola cada vez máis popular, a China do inicio da Dinastía Ming non se illou. O comercio exterior e outros contactos co mundo externo, en especial co Xapón, creceron bastante. Mercadores chineses exploraran todo o Océano Índico e incluso chegaron á África Oriental coas viaxes de Zheng He.

Zhu Yuanzhang (ou Hongwu), fundador da Dinastía Ming, lanzou as bases dun Estado menos interesado no comercio que en extraer recursos do sector agrícola. Talvez debido ao pasado labrego do emperador, o sistema económico ming enfatizaba na agricultura, ao contrario do que fixeran as Dinastías Sung e Mongol, cuxas finanzas se baseaban no comercio. As grandes propiedades rurais foron confiscadas polo goberno, divididas e arrendadas e prohibiuse a escravitude privada.

A dinastía posuía un goberno central forte e complexo que unificou o imperio. O papel do emperador pasou a ser máis autocrático, e Zhu Yuanzhang precisou botar man dos chamados "Grandes Secretarios" para auxilialo a lidar coa enorme burocracia, a cal máis tarde causaría o declive da dinastía, por impedir que o goberno se adaptase ás mudanzas sociais.

O Emperador Yongle procurou ampliar a influencia da China alén das súas fronteiras, ao esixir que outros gobernantes lle enviasen embaixadores para pagar tributo. Construíuse unha grande mariña, inclusive navíos de catro mastros con deslocamento de 1.500 t. Creouse un exército regular dun millón de homes. As forzas chinesas conquistaron parte do que é hoxe o Vietnam, en canto que a frota imperial navegaba polos mares da China e o Océano Índico, chegando até a costa oriental da África. Os chineses estenderon a súa influencia até o Turkmenistán. Diversas nacións asiáticas pagaron tributo ao emperador. Internamente, o Grande Canal foi ampliado, co impacto positivo sobre o comercio. Producíronse máis de 100.000 t de ferro por ano. Imprimíronse libros co uso da tipografía. O pazo imperial da Cidade Prohibida atinxiu entón o seu actual esplendor. En fin, o período ming parece ter sido un dos máis prósperos para a China.

O período ming foi testemuña da última ampliación da Gran Muralla Chinesa.

Dinastía Qing

Artigo principal: Dinastía Qing.
The Portrait of the Qing Dynasty Cixi Imperial Dowager Empress of China in the 1900s
A emperatriz Cixi

A Dinastía Qing (1644-1911) foi fundada tras a derrota dos mings, a última dinastía han chinesa, das mans dos manchús. Estes, anteriormente coñecidos como jurchens, invadiron a China a partir do norte a finais do século XVII. A pesar de que os manchús foron conquistadores estranxeiros, adoptaron rapidamente as tradicionais regras e costumes de goberno confucianas e terminaron por gobernar na mesma liña das dinastías nativas anteriores.

Os manchús obrigaron os hans a adoptar o seu estilo de peiteado e de vestimenta, ameazados baixo pena de morte.

O Emperador Kangxi ordenou a creación do máis completo dicionario de caracteres chineses até entón. Durante o reinado do Emperador Qianlong, recompilouse un catálogo das obras máis importantes sobre cultura chinesa.

A mediados do século XVIII , os manchús consolidaron o seu control sobre o territorio antes pertencente aos mings e ampliaron ademais a súa esfera de influencia para incluír a Xinjiang, ao Tíbet e a Mongolia.

O século XIX testemuñou un debilitamento do goberno qing, en medio de grandes conflitos sociais, estancamento económico e influencia de occidentais. O interese británico en continuar o comercio de opio levou a numerosos conflitos con occidente, o que levou á Primeira Guerra do Opio, en 1840. O Reino Unido e outras potencias occidentais, inclusive os Estados Unidos, ocuparon "concesións" á forza e gañaron privilexios comerciais. Hong Kong foi cedida aos británicos en 1842 polo Tratado de Nanquim. Tamén ocorreran naquel século a Rebelión Taiping (1851-1864). En moitos aspectos, as rebelións e os tratados que os qings se viran forzados a asinar coas potencias imperialistas son sintomáticos da incapacidade do goberno chinés de rexer adecuadamente os desafíos aos que se enfrontaba a China no século XIX.

O declive da monarquía

As dúas Guerras do Opio e o tráfico daquela droga foron custosos para a Dinastía Qing e o pobo chinés. O tesouro imperial quebrou dúas veces, por conta do pagamento de indemnizacións debidas ás guerras. A China sufriu dúas fames extremas vinte anos despois de cada unha das Guerras do Opio nos anos 1860 e 1880, cando a Dinastía Qing se mostrou incapaz de asistir a poboación. Tales eventos tiveran un profundo impacto ao desafiar a hexemonía da que os chineses gozaban en Asia hai séculos e mergullaron o país no caos. Unha gran revolta, a Rebelión Taiping, tería causado entre vinte e cincuenta millóns de mortos.

Os líderes qing sospeitaban da modernidade e dos avances sociais e tecnolóxicos, que viron como ameazas ao seu control absoluto sobre a China. Por exemplo, a pólvora, que fora frecuentemente empregada polos exércitos das Dinastías Sung e Ming, fora prohibida polos qings ao asumiren o control do país. Por este e outros motivos, a dinastía non se encontraba preparada para combater as invasións occidentais. As potencias occidentais interviñeron militarmente para reprimir o caos doméstico, como no caso da Rebelión Taiping.

Nos anos 1860, a Dinastía Qing logrou sufocar revoltas, cun enorme custo e perda de vidas. Isto minou a credibilidade do réxime qing e contribuíu á proliferación de señores da guerra locais. O Emperador Guangxu procurou lidar coa necesidade de modernizar o país por medio do Movemento de Auto-Fortalecemento. Entre tanto, a partir de 1898, a Emperatriz rexente Cixi mantivo a Guangxu preso baixo o argumento de "deficiencia mental", tras un golpe militar ordenado por ela e co apoio da parte conservadora, contraria ás reformas. Guangxu faleceu un día antes cá emperatriz rexente (segundo algúns, por ela envelenado). Os "novos exércitos" qings (adestrados e equipados conforme o modelo occidental) foron fragorosamente derrotados na Guerra Sino-Francesa (1883-1885) e na Guerra Sino-Xaponesa (1894-1895).

No inicio do século XX, o Levante dos Boxers, un movemento conservador anti-imperialista que pretendía facer regresar o país a un estilo de vida tradicional, ameazou ao norte da China. A emperatriz rexente, probabelmente co feito de garantir o seu control sobre o goberno, apoiou os bóxers cando estes avanzaron sobre Pekin. Como reacción, a chamada Alianza dos Oito Estados invadiu a China. Composta por tropas británicas, xaponesas, rusas, italianas, alemás, francesas, norteamericanas e austrohúngaras, a alianza derrotou os boxers e esixiu máis concesións do goberno qing.

República da China

Artigo principal: Historia da República da China (1912-1949).
Sun Yat-sen 2
Sun Yat-sen, primeiro Presidente da República de China.

O 10 de outubro de 1911 produciuse o Levantamento de Wuchang, rebelión contra a dinastía Qing na actual cidade de Wuhan, que provocou a Revolución de Xinhai, que acabou co derrocamento definitivo do último emperador Qing, Puyi, no ano 1912.

O líder revolucionario chinés Sun Yat-sen, ao ter noticia do levantamento de Wuchang, volveu á China dende os Estados Unidos. Aínda que Sun chegou a ser nomeado Presidente da República de China, o país atopábase dividido, dominado por dirixentes locais, e chegou a un acordo co destacado militar Yuan Shikai, que controlaba os restos do exército Qing no norte, para que este fose presidente.

A ambición de Yuan Shikai, que chegou a autoproclamarse emperador en 1915, fixo crecer a oposición a este. China atopábase aínda dividida, e Sun Yat-sen volveu do exilio para instalarse en Cantón, dende onde dirixiu o Kuomintang, o partido político que el fundara. En Cantón, Sun Yat-sen fundou a Academia Militar de Whampoa, na que se formou o exército que, baixo o mando de Chiang Kai-shek, sucesor de Sun Yat-sen á fronte do Kuomintang, conseguiu conquistar grande parte da China e establecer en Nanjing a capital da República da China, cumprindo a ambición de Sun Yat-sen.

Chiang Kai-shek converteuse en presidente da República e, dende os comezos, tivo que se enfrontar a dous problemas. Por unha banda, o Partido Comunista Chinés, a pesar de varios períodos de colaboración co Kuomintang, loitou por establecer un réxime comunista. Por outro lado, o imperialismo xaponés presionou a China. En 1931 Xapón conquistou Manchuria, e estableceu alí o estado monicreque de Manchukuo. En 1937 o exército xaponés iniciou unha invasión á China.

Durante a invasión xaponesa, o goberno de Chiang Kai-shek abandonou a capital Nanjing, ocupada por Xapón, e repregouse cara ao interior, establecéndose na cidade de Chongqing.

Tralo final da Segunda Guerra Mundial, en 1945, Xapón abandonou as súas conquistas en Asia, e a China recuperou Manchuria e Taiwán.

Cando parecía que o goberno de Chiang Kai-shek podería xa acadar a consolidación da estabilidade da república, reanudouse o enfrontamento cos comunistas. Este rematou por converterse nunha guerra civil total a partir de 1947.

En contra das previsións, os comunistas lograron vencer o exército da República. O goberno de Kuomintang, xunto a parte do exército e moitos dos seus simpatizantes, foron a Taiwán, dende onde confiaba en poder reconquistar o continente. Esta situación, porén, acabou manténdose e a República de China continúa existindo na actualidade na illa de Taiwán.

A China do presente

Artigos principais: Historia da República Popular da China e Historia de Taiwán.

Coa proclamación da República Popular da China (RPC) o 1 de outubro de 1949, o país viuse novamente dividido entre a RPC, no continente, e a República da China (RC), en Taiwan e outras illas. Cada unha das partes establécese como o único goberno lexítimo da China e denuncia o outro como ilexítimo. Dende os anos 1990, a RC ten procurado obter maior recoñecemento internacional, en canto que a RPC se opón vehementemente a calquera apoio internacional e insiste na "Política dunha China".

Notas

  1. Non confundir esta Dinastía Jin, dos jurchens, coas outras tres homónimas que gobernaron a China en diferentes períodos.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Cheng, Linsun (2009). Berkshire Encyclopedia of China. Great Barrington, Mass.: Berkshire Pub. Group. ISBN 9781933782683.* Dardess, John W. (2010). Governing China, 150-1850. Hackett Publishing. ISBN 1-60384-311-6.
  • Ebrey, Patricia Buckley (2010). The Cambridge Illustrated History of China. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 9780521196208.
  • Fairbank, John King and Goldman, Merle. China: A New History. 2nd ed. Harvard U. Press, (2006). 640 pp.
  • Gernet, Jacques, J. R. Foster, and Charles Hartman. A History of Chinese Civilization (1996). One-volume survey.
  • Hsu, Cho-yun. China: A New Cultural History (Columbia University Press; 2012) 612 pages; stress on China's encounters with successive waves of globalization.
  • Hsü, Immanuel Chung-yueh. The Rise of Modern China, 6th ed. (Oxford University Press, 1999). Detailed coverage of 1644–1999, in 1136pp.
  • Huang, Ray. China, a Macro History (1997) 335pp. A personal, essayistic approach.
  • Keay, John. China: A History (2009), 642pp
  • Mote, Frederick W. Imperial China, 900–1800 Harvard University Press, 1999, 1,136 pages. Authoritative treatment of the Song, Yuan, Ming, and Qing dynasties.
  • Perkins, Dorothy. Encyclopedia of China: The Essential Reference to China, Its History and Culture. Facts on File, 1999. 662 pp.
  • Roberts, J. A. G. A Concise History of China. Harvard U. Press, 1999. 341 pp.
  • Schoppa, R. Keith. The Columbia Guide to Modern Chinese History. Columbia U. Press, 2000. 356 pp.
  • Spence, Jonathan D. The Search for Modern China (1999), 876pp; survey from 1644 to 1990s
  • Wang, Ke-wen, ed. Modern China: An Encyclopedia of History, Culture, and Nationalism. Garland, 1998. 442 pp.
  • Wright, David Curtis. History of China (2001) 257pp.
  • Wills, Jr., John E. Mountain of Fame: Portraits in Chinese History (1994) Biographical essays on important figures.

Ligazóns externas

Chiang Kai-shek

Chiang Kai-shek, nado en Fenghua o 31 de outubro de 1887 e finado en Taipei o 5 de abril de 1975, foi un militar e político chinés, líder do Kuomintang, xeneral en xefe das forzas chinesas vencido por Mao Zedong na revolución. Na República Popular da China é coñecido como 蔣介石 (pinyin: Jiǎng Jièshí) e en Taiwán como 蔣中正 (pinyin: Jiǎng Zhōngzhèng),

Dinastía Han

A dinastía Han (chinés tradicional: 漢朝, chinés simplificado: 汉朝) gobernou China dende o 206 a. C. ata o 220 d.C. marcando un período de prosperidade económica e cultural e unha expansión territorial na Historia da China. Foi precedida pola dinastía Qin (221–206 a.C.) e seguíuna o período dos Tres Reinos (220-280 d.C.)

Durante a dinastía Han, os seus reis adoptaron os ensinos dos grandes filósofos da antigüidade, Lao Zi e Confucio. O goberno desenvolveuse ben logrando expansión territorial. Fomentouse a educación e a escritura co recentemente inventado papel de arroz. Propiciouse un grande intercambio de mercadorías pola ruta da seda, que vai do océano Pacífico ata Persia e India. China converteuse oficialmente nun Estado confuciano e prosperou no ámbito interno: a agricultura, os produtos feitos a man e o comercio floreceron, e a poboación chegou aos 50 millóns. Mentres tanto, o imperio estendeu a súa influencia cultural e política sobre os actuais Vietnam, Asia central, Mongolia e Corea antes de derrubarse baixo unha combinación de presións internas e externas. O primeiro dos dous períodos da dinastía, chamado Dinastía Han Anterior (前漢朝, qián hàn cháo) ou Dinastía Han Occidental (西漢朝, xī hàn cháo) que durou ata o ano 9 tivo a súa capital en Chang'an (actual Xi'an, provincia de Shaanxi). A Dinastía Han Posterior (後漢朝, hòu hàn cháo) ou Dinastía Han Oriental (東漢朝, dōng hàn cháo), que durou do 25 ao 220 tivo a súa capital en Luoyang. A convención de denominalas occidental e oriental úsase hoxe en día para evitar a confusión coa dinastía Han do período das Cinco Dinastías e os Dez Reinos, aínda que a nomenclatura de anterior/posterior usábase nos textos históricos, incluíndo en Zizhi Tongjian de Sima Guang. A dinastía foi fundada pola familia Liú (劉).

Os logros intelectuais, artísticos e literarios reviviron e floreceron durante a dinastía Han. O período Han produciu o historiador máis famoso da China, Sima Qian (145 a.C. - 87a.C.?), cuxas Memorias históricas provén unha crónica detallada desde os tempos da lendaria dinastía Xia a aqueles do emperador Wu (141a.C. - 87 a. C.). Os avances tecnolóxicos tamén marcaron este período. Un dos grandes inventos chineses, o papel, data da época Han.

Sería correcto afirmar que os imperios contemporáneos dos Han e os romanos eran os maiores que existían nese momento no mundo coñecido. A pesar de que non había unha relación directa entre os dous, ambos eran conscientes da existencia do outro, e existía un vínculo comercial a través dos outros imperios que existían en Asia Central e que actuaban como intermediarios, como Partia. Era un intercambio bastante desigual; China exportaba especias, teas, e, principalmente, seda. O imperio romano unicamente podía ofrecer ouro e prata a cambio, posto que non posuían outras manufacturas de interese para os chineses. Un dos poucos contactos directos rexistrados entre ambos os imperios aparecen no Hou Hanshu onde se conta que un convoi romano representando a Antonino Pío alcanzou a capital Luoyang e foi recibido polo emperador Huan.

A dinastía Han, que deu nome ao principal grupo étnico de China, "Os Han", foi notable tamén polo seu poderío militar. O imperio expandiuse cara ao oeste ata chegar á depresión de Tarim (na actual Rexión Autónoma Uigur de Xinjiang. Os exércitos chineses tamén invadiron e anexionáronse partes do norte de Vietnam e Corea cara ao final do século II a. C. Pero o control por parte dos Hans das rexións periféricas era xeralmente escaso. Para asegurar a paz cos poderes locais fora da China a Corte Han desenvolveu un "sistema tributario" mutuamente beneficioso. Aos estados non chineses permitíaselles autonomía a cambio da aceptación simbólica da dominación Han. Os lazos tributarios confirmáronse e reforzaronse a través de ligazóns matrimoniais entre clases altas e intercambios periódicos de agasallos e bens.

Dinastía Ming

A Dinastía Ming (en chinés 明朝; pinyin: Ming Chao), tamén coñecida como Imperio do Gran Ming (en chinés tradicional 大明国, en chinés simplificado 大明国; pinyin Da Ming Guo), foi a penúltima dinastía gobernante en China e que gobernou durante 276 anos (entre 1368 e 1644) trala caída do Imperio Mongol liderado pola dinastía Yuan. A Ming foi descrita por algúns como "unha das máis grandes épocas de orde de goberno e estabilidade social da historia humana", foi a derradeira dinastía de China rexida pola etnia Han. Aínda que a primeira capital, Pequín, caeu en 1644 a causa dunha rebelión encabezada por Li Zicheng (quen estableceu a Dinastía Shun, axiña substituída pola Dinastía Qing, de orixe manchú), os réximes leais aos Ming, chamados no seu conxunto Dinastía Ming do Sur, sobreviviron ata 1662.

Dinastía Qing

A Dinastía Qing (chinés: 清朝, pinyin: Qīng Cháo, Wade-Giles: Ch'ing ch'ao; IPA t͡ɕʰíŋ t͡ʂʰɑ̌ʊ̯; manchú: , Von Möllendorff: Daicing Gurun), tamén coñecida coma a Dinastía Manchú, foi a derradeira dinastía gobernante da China, que estivo no poder entre 1644 e 1912 (cunha breve restauración en 1917). Foi precedida pola Dinastía Ming, a derradeira dinastía han chinesa, e seguida pola República da China e a República Popular da China.

A dinastía foi fundada polo clan manchú Aisin Gioro no que hoxe é o noroeste da China (tamén coñecida coma Manchuria). Comeza en 1644 a expandirse pola propia China e os seus territorios circundantes, establecendo o Imperio do Gran Qing (chinés simplificado: 大清国, chinés tradicional: 大清國, pinyin: Dà Qīng Guó, Wade-Giles: Ta Ch'ing Kuo, ou chinés simplificado: 大清帝国, chinés tradicional: 大清帝國; pinyin: Dà Qīng Dì Guó, Wade-Giles: Ta Ch'ing Ti Kuo). A pacificación completa da China acadouse arredor de 1683 baixo o emperador Kangxi.

Establecida orixinalmente coma a Última Dinastía Jin (chinés simplificado: 后金, chinés tradicional: 後金, pinyin: hòu jīn) Amaga Aisin Gurun en 1616, cambiou o seu nome a Qing, que significa claro ou traslúcido en 1636. En 1644 Pequín foi saqueada por unha coalción de forzas rebeldes liderada por Li Zicheng, un oficial Ming. O derradeiro emperador Ming Chongzhen suicidouse cando caeu a cidade, marcando o remate oficial da dinastía. Daquela, os manchús aliáronse co xeneral Ming Wu Sangui e tomaron o control de Pequín e derrubaron a curta Dinastía Shun.

A pesar de que os manchús foron conquistadores estranxeiros, adoptaron rapidamente as tradicionais regras e costumes de goberno confucianas e terminaron por gobernar na mesma liña das dinastías nativas anteriores.

A dinastía acadou o seu esplendor no século XVIII, durante o cal medraron tanto o territorio como a poboación. Consolidando o seu control sobre o territorio antes pertencente aos mings e ampliando ademais a súa esfera de influencia para incluír Xinjiang, o Tibet e Mongolia.

Porén, o seu poderío militar debilitouse a partir daquela. A Dinastía Qing comezou o seu declive a partir de mediados do século XIX por mor dos grandes conflitos sociais, coma a Rebelión Taiping (1851-1864, o estancamento económico e a influencia occidental. O interese británico en continuar o comercio de opio levou a numerosos conflitos con occidente, o que comportou a Primeira Guerra do Opio, en 1840. O Reino Unido e outras potencias occidentais, ocuparon "concesións" á forza e gañaron privilexos comerciais. Hong Kong foi cedida aos británicos en 1842 polo Tratado de Nanquim. Tamén ocorreran naquel século a Rebelión Taiping (1851-1864).

A Dinastía Qing foi derrubada pola Revolución Xinhai, cando a emperatriz Dowager Longyu abdicou no último emperador, Puyi, o 12 de febreiro de 1912.

Dinastía Shang

A dinastía Shang comeza e no ano 1766 a.C. e remata no 1122 a.C.. Apodérase da Dinastía Xia, emprendendo esta nova dinastía, onde se inicia o comercio. Son inventados o arco e a frecha, o calendario chinés e perfecciónase a escrita.

Dinastía Song

A dinastía Song foi unha dinastía que gobernou China de 960 a 1279, e que debeu a súa existencia a un oficial novo que pensou que tivera unha visión que significaba, segundo dixo, que un novo emperador sacaría China das mans do emperador Kung-ti, da dinastía Chou. Os seus colegas pensaron que aquilo quería dicir que o seu xeneral, Chan Kuang-yin, sería o novo emperador, e o proclamaron como novo gobernante, co nome de Sung Tai Tsu.

A dinastía Song pode ser dividida en dous períodos: o do Song do Norte (北宋) de 960 a 1127, que se refire ao período en que a capital do Imperio chinés estaba na cidade setentrional de Kaifeng; e o do Song do Sur (南宋), de 1127 a 1279, que comezou cando o Imperio perdeu o control de Kaifeng e do norte da China a mans da Dinastía Jin. Durante este período final, a dinastía levou a súa capital a Hangzhou, ao sur do río Yangtzé.

Tai Tsu e os seus sucesores esforzáronse por reorganizar China despois de máis de cincuenta anos de guerra civil, pero a tarefa era superior ás forzas de que dispoñían. En 1068, Wang An-Shih, primeiro ministro no tempo do emperador Sung Shen Tsung, impulsou unha reforma do goberno, simplificou o sistema de impostos e diminuíu o exército, transformándoo nunha forza de dimensións máis razoábeis.

Porén, estas reformas non foron debidamente executadas, o que abriu o camiño para que os mongois, comandados por Genghis Khan e despois por Kublai Khan, acabaran por ocupar o país, en 1279. Antes diso, os mongois xa conquistaran o norte da China, acabando coa dinastía Jin en 1234.

As artes da China, durante o período Song, reflicten a moral do país. Os poetas e pintores miraban para o pasado, tentando imitar ou recordar glorias e realizacións pasadas. Foi durante os Song cando se elaborou o Wujing Zongyao, un manual que contén as técnicas e equipamentos militares máis modernos da época. Nesta época xurdiron os contadores de historias profesionais na China, vagando dun lado para outro como os trobadores da Europa Occidental, entretendo aos que conseguían convencer a escoitalos a cambio dalgunhas moedas. Co tempo, estes homes serían os predecesores dos novelistas chineses.

Dinastía Tang

A Dinastía Tang (en chinés 唐朝; pinyin Táng Cháo; Chinés medio Dâng) foi unha dinastía imperial chinesa precedida pola Dinastía Sui e sucedida polo período das Cinco Dinastías e Dez Reinos, que gobernou en China entre o 18 de xuño de 618 e o 1 de xuño de 907. Foi fundada pola familia Li (李), que chegou ao poder durante a decadencia e colapso do Imperio Sui. A Dinastía foi interrompida brevemente entre o 8 de outubro de 690 e o 3 de marzo de 705 pola Segunda Dinastía Zhou, cando a emperatriz Wu Zetian se apoderou do trono, converténdose na única emperatriz reinante, gobernante por dereito propio.

Dinastía Xia

A dinastía Xia (chinés: 夏, pinyin: Xià, Wade-Giles: Hsia), que segundo as crónicas chinesas durou dende o século XXI a. C. ao século XVI a. C., é considerada como a primeira dinastía na historia chinesa. As memorias históricas de Sima Qian recollen os nomes dos 17 reis desta dinastía. Foi seguida pola dinastía Shang e, segundo o relato de Sima Qian, precedida polo período lendario dos tres augustos e cinco emperadores.

O carácter 夏 desta dinastía forma parte do nome da rexión chinesa actual de Ningxia, e aparece tamén no nome poético de China Huáxià (華夏).

Escrita chinesa

A escrita chinesa é un sistema de escrita vello de case 4000 anos. É un sistema logográfico que emprega un número de signos moi grande, chamados caracteres, que representan palabras ou morfemas individuais. Este sistema servíu como forza unificadora durante a historia da China pois é independente das realizacións orais. Desde a épocda dinastía Quin en diante utilizouse unha lingua escrita padrón (nun principio chinés clásico e logo chinés vernáculo) como intermediario entre os diferentes dialectos chineses.

O número de caracteres chineses contidos no dicionario Kangxi é de aproximadamente 47.035, aínda que un gran número deles sexa usado moi raramente, moitos produto da acumulación ao longo da historia. Os estudos emprendidos en China mostran que para unha completa alfabetización se require un coñecemento de entre 3.000 e 4.000 caracteres.

Guerra civil chinesa

A guerra civil chinesa, foi unha guerra civil que tivo lugar na China entre as forzas leais ao Kuomintang (ou Partido Nacionalista Chinés) (KMT), que gobernaban na República da China e as forza leais ao Partido Comunista Chinés (PCCh). Este conflito iniciouse en agosto de 1927 despois da Expedición do Norte, dirixida polo xeneralísimo Chiang Kai-shek, e, esencialmente, terminou cando cesaron as grandes hostilidades en 1950. Xeralmente pódese dividir en dúas etapas: a primeira desde 1927 ata 1937 e a segunda desde 1946 ata 1950 coa segunda guerra sino-xaponesa (1-07-1937-9-09-1945) separándoos. A guerra foi un importante punto de inflexión na historia da China moderna, cun cesamento non oficial das hostilidades entre os bandos, quedando finalmente baixo control dos comunistas a China continental (incluída a illa de Hainan), onde se proclamou o novo réxime da República Popular da China (RPC), mentres os nacionalistas lograban manter o control sobre os territorios insulares de Taiwan, Pescadores e varias illas costeiras da provincia de Fujian, territorios nos que se mantivo ata a actualidade o réxime da República da China (RdC). Tamén causou un enfrontamento político e militar duradeiro entre os dous lados do estreito de Taiwán, coa RdC en Taiwán e a RPC na China continental que declaran oficialmente ser o goberno lexítimo de toda a China.

Masacre de Nanjing

O Masacre de Nanjing, tamén coñecida como Violación de Nanjing, foi un episodio durante a Segunda guerra sino-xaponesa de asasinatos en masa e violacións levado a cabo polas tropas xaponesas contra a poboación de Nanjing, daquela capital da República da China. O masacre ocorreu durante seis semanas que comezaron o 13 de decembro de 1937, o día no que os xaponeses capturaron Nanjing. Durante este período, os soldados do Exército Imperial Xaponés asasinaron civís chineses desarmados, en cantidades que roldan dende as 40 000 até as 300 000 persoas, e levaron a cabo violacións e saqueos masivos.

Movemento do Catro de Maio

O Movemento do Catro de Maio (chinés tradicional: 五四運動, chinés simplificado: 五四运动, pinyin: Wǔ Sì Yùndòng) foi un movemento social chinés, xurdido a raíz das protestas dos estudantes na praza de Tian'anmen de Pequín o 4 de maio de 1919.

Os tres Augustos e os cinco Emperadores

Os tres augustos e os cinco emperadores (chinés: 三皇五帝, pinyin: sān huáng wǔ dì) son os gobernantes mitolóxicos da China anteriores á primeira dinastía Xia.

Pobo tártaro

Os tártaros (en tártaro Татарлар Tatarlar) é un nome colectivo que se aplica aos pobos turcos da Europa Oriental e Siberia. O nome deriva de Ta-ta ou Dada, unha tribo de orixe mongola que habitaban no noroeste da actual Mongolia no século V.

Utilizose por primeira vez para describir aos pobos que dominaron partes de Asia e Europa baixo o liderado mongol no século XIII. Estendeuse o uso despois para incluír a case calquera invasor nómade de orixe asiática, tanto de Mongolia como do occidente de Asia.

Antes da década de 1920, os rusos utilizaban a palabra Tatar para designar a numerosos pobos, desde os turcos azeríes ás tribos de Siberia. Na actualidade, a maior parte dos tártaros viven no centro e o sur de Rusia (a maioría en Tatarstán).

A finais do século XX supoñían máis de 10 millóns de individuos. Unha boa parte dos tártaros son musulmáns sunníes pero tamén hai tártaros cristiáns ortodoxos.

O dominio ruso supuxo —en boa parte— a súa asimilación e rusificación.

Un paso importante para restablecer o réxime estatal do polo tártaro foi a proclamación da autonomía en 1920. O 30 de agosto de 1990 foi aprobada a Declaración da soberanía estatal da República de Tatarstán.

O nome de tártaros, dado aos invasores, estendeuse posteriormente para ser aplicado a outros membros da mesma póla turca en Rusia, incluso até o punto de que a maioría dos habitantes da meseta de Asia quedou definida baixo o nome xenérico de Tartaria. Este nome case desapareceu da literatura xeográfica, pero permanece o nome de tártaros no sentido limitado ao que se aludiu máis arriba.

Os actuais habitantes tártaros de Eurasia forman tres grandes grupos:

Os Tártaros de Crimea, en Crimea, Ucraína, Bulgaria, Rusia, Lituania, Polonia, Romanía Turquía e Norteamérica.

Os Tártaros do Cáucaso.

Os Tártaros de Siberia.Debido á magnitude das migracións e mesturas entre diferentes pobos e á laxa utilización do adxectivo "tártaro", na actualidader cóntanse como tártaros xentes que van desde o aspecto mongoloide nun extremo até o caucasoide no outro.

Protestas da Praza Tian'anmen

As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.

Tralas protestas e as chamadas do goberno pedindo a súa disolución, no interior do Partido Comunista produciuse unha división de criterio sobre como responder ós manifestantes. Finalmente a decisión tomada foi suprimir as protestas pola forza, en troques de ceder perante as súas demandas. O 20 de maio o goberno declarou a lei marcial e, na noite do 3 de xuño e mañanciña do 4 de xuño, enviou os tanques e a infantería á Praza Tian'anmen para dar remate ás protestas. As estimacións de civís mortos diverxen: 400-800 (New York Times), 1.000 (CIA), 2.600 (Cruz Vermella Chinesa) e os manifestantes din ser sobre 7000 o número de mortos. O número de feridos compréndese entre os 7.000 e os 10.000. Trala protesta, o goberno emprendeu un grande número de arrestos para suprimir os instigadores do movemento, expulsou a prensa foránea e controlou estritamente a cobertura dos acontecementos na prensa chinesa. A violenta supresión das protestas na Praza Tian'anmen causou a condena internacional da actuación do goberno da República Popular Chinesa.

Nos derradeiros días da protesta foi tomada a fotografía gañadora do World Press Photo de 1989, “O rebelde descoñecido”, tomada por Jeff Widener e que mostra un rebelde solitario detendo o progreso dunha columna de tanques.

República Popular da China

A China (en chinés: 中国; pinyin: Zhōngguó), oficialmente a República Popular da China (en chinés: 中华人民共和国; pinyin: Zhōnghuá rénmín gònghéguó), é un estado situado en Asia oriental. Trátase do país máis poboado do mundo, xa que conta cunha poboación que supera os 1.300 millóns de habitantes. A República Popular é un Estado unipartidista gobernado polo Partido Comunista da China, estando a súa sede goberno na cidade de Pequín. Esta, exerce xurisdición sobre vinte e dúas provincias, cinco rexións autónomas, catro municipalidades directamente controladas (Pequín, Tianjin, Shanghai e Chongqing) e dúas rexións administrativas especiais practicamente autónomas, Hong Kong e Macau. A República Popular da China reclama Taiwán como a súa provincia número viente e tres, aínda que na práctica a illa é independente, xa que se atopa administrada polo réxime da República da China dende a fin da guerra civil de 1949.

Cunha superficie aproximada de 9,6 millóns de quilómetros cadrados, a China é o segundo país máis grande en relación á súa superficie terrestre e o terceiro ou cuarto máis grande pola súa superficie total. A paisaxe da China é vasta e diversa. Os áridos norte e noroeste, nas proximidades de Mongolia e Asia Central, están ocupados por estepas forestais e os desertos do Gobi e Taklamakan. O sur, lindando coa rexión do Sueste asiático, é máis húmido e está ocupado por bosques subtropicais. A zona máis occidental é accidentada e moi elevada, coas cordilleiras do Himalaias, Karakoram, Pamir e Tian Shan facendo de fronteira natural entre a China e Asia Central e do Sur. A nivel fluvial destacan os ríos Yangtzé e Amarelo, o terceiro e o sexto máis longos do mundo. Ambos nacen na meseta do Tíbet, e flúen cara á densamente poboada costa leste. A liña costeira da China ao longo do Océano Pacífico é de 14.500 quilómetros e está limitada polos mares de Bohai, Amarelo, Oriental e o Meridional.

A antiga civilización chinesa, unha das máis antigas do mundo, floreceu na fértil conca do río Amarelo. Durante miles de anos o seu sistema político baseouse en monarquías hereditarias, coñecidas como dinastías, sendo a primeira a semimitolóxica dinastía Xia (aprox. 2.000 a.C.). Dende o ano 221 a.C., cando a dinastía Qin conquistou varios estados para formar un grande Imperio chinés, o país expandiuse, fracturouse e reformouse en varias ocasións. A última dinastía foi derrocada no ano 1911 coa chegada da República da China. En 1945, a República conquistou Taiwán ao Imperio do Xapón trala fin da Segunda Guerra Mundial. Nos anos 1946 a 1949 o Partido Comunista derrotou ao nacionalista Kuomintang na China continental e estableceu en Pequín a República Popular da China o 1 de outubro de 1949, mentres que o Kuomintang trasladou o goberno da República da China a Taipei. A xurisdición da República da China limítase agora a Taiwán e varias illas próximas, incluíndo Penghu, Kinmen e Matsu.

A lingua chinesa é a lingua máis falada no mundo: arredor dun quinto da poboación mundial fala algunha forma de chinés como lingua nai. A lingua chinesa, na forma de chinés mandarín, é a lingua oficial da República Popular da China, así como de Taiwan. É ademais unha das linguas oficiais de Singapur e mais unha das seis linguas oficiais das Nacións Unidas.

A China ten fronteiras con 14 países: Afganistán, Bután, Myanmar, India, Casaquistán, Quirguisia, Laos, Mongolia, Nepal, Corea do Norte, Paquistán, Rusia, Taxiquistán e Vietnam. As cidades máis importantes son Pequín, Shanghai, e Hong Kong. Desde a súa fundación en 1949, a RPCh está gobernada polo Partido Comunista Chinés. Aínda que oficialmente segue a ser un estado comunista, a súa economía vén sendo liberalizada desde hai tres décadas.

Revolución Cultural

A Gran Revolución Cultural Proletaria (chinés simplificado: 无产阶级文化大革命; chinés tradicional: 無產階級文化大革命; pinyin: wú chǎn jiē jí wén huà dà gé mìng) na República Popular China foi un movemento revolucionario dos estudantes e traballadores chineses contra dos burócratas do Partido Comunista Chinés, dirixido polo xefe do Partido Comunista, Mao Tse Tung, en 1966 para consolidar o maoísmo como ideoloxía dominante e eliminar á oposición política. Oficialmente rematou en 1969, aínda que a maioría dos historiadores consideran que rematou en 1976 co arresto da coñecida como Banda dos Catro.

Ruptura sino-soviética

A ruptura sino-soviética é o nome que recibiu a crise das relacións diplomáticas entre a República Popular da China e a Unión Soviética que se orixinou nos últimos anos da década de 1950 e que se intensificaría durante a década de 1960.

Sima Qian

Sima Qian (Chino tradicional: 司馬遷, Chino simplificado: 司马迁, Pinyin: Sīmǎ Qiān, Wade-Giles: Ssu-ma Ch'ien), nado no ano 145 a.C. en Longmen, e finado en torno ao ano 90 a.C., ademais de escritor e astrónomo, foi o primeiro que tentou escribir a historia de China desde a súa creación. Todos os historiadores imperiais chineses inspiráronse na súa obra.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.