Historia Brittonum

A Historia Brittonum ou A Historia dos Britanos é un libro histórico que foi escrito nalgún momento pouco despois do ano 833, do que existen varias versións con certas diferenzas. Pretende relatar a historia dos habitantes britanos de Gran Bretaña desde os tempos máis temperáns, polo que este texto foi usado para escribir unha historia tanto de Gales como de Inglaterra. Tradicionalmente, sinálase a Nennio como o autor deste texto, aínda que esta interpretación é cuestionada.

Texto

O texto en si é unha colección de extractos, cálculos cronolóxicos, glosarios e resumos baseados en rexistros previos, moitos dos cales xa non existen. Como resultado, a fiabilidade deste traballo foi cuestionada tanto en parte como no todo. O arqueólogo Leslie Alcock observou que, nunha versión deste manuscrito, o autor mesmo chama ao seu traballo unha morea de todo o que puido encontrar e suxire que se estendésemos esa metáfora, este texto é:

Outra visión ofrécea o profesor David Dumville, quen investigou exhaustivamente sobre a transmisión deste texto e a conexión entre as súas versións. Dumville cre que este texto foi revisado, complementado e reescrito moitas veces e de moitas maneiras entre a data da súa orixe aparente e a data dos manuscritos sobreviventes.[2] O intento deste autor era producir unha crónica sincronizada de acordo á forma de escribir dos historiadores irlandeses na súa propia época. Xa que este manuscrito ofrecía a única historia de Gales complementario ao libro de Beda Historia ecclesiastica gentis Anglorum, foi reproducida e revisada para cubrir esta demanda. N. J. Higham suxeriu que a Historia Brittonum foi escrita principalmente para Merfyn Frych ap Gwriad, rei de Gwynedd do 825 ao 844.[3]

Autor

Tradicionalmente, a Historia Brittonum foi adscrita a Nennio, un monxe galés do século IX; porén, a análise de numerosas versións mostrou que tamén se atribuíu a autoría a Xildas (probabelmente porque Xildas foi o único autor histórico coñecido polos seus escribas), mentres que outros (como o manuscrito Harleian 3859 da Biblioteca Británica) non mencionan autor. A investigación de Dumville mostrou que a adscrición deste traballo a Nennio se orixinou no século X nunha rama da transmisión do manuscrito, creado por un escriba que buscaba a raíz deste traballo nas tradicións intelectuais desa época.

Asociacións co rei Arturo

A Historia Brittonum atraeu atención debido ao seu papel en influenciar as lendas e mitos que rodean o Rei Artur. É a primeira fonte que presenta a Artur como unha figura histórica e é a fonte de varias historias que son repetidas e amplificadas por autores posteriores.

Vortigern e Ambrosius

A Historia contén a historia do rei Vortigern que permitiu aos saxóns asentárense na illa de Bretaña a cambio da man da súa filla Hengest.Capítulos 31-38. Unha lenda rexistra a preocupación de Vortigern no seu intento por construír unha fortaleza preto ao monte Snowdon, chamada Dinas Emrys, só para que lle rouben os seus materiais de construción cada vez que o intenta. Os seus conselleiros dixéronlle que asperxise o sangue dun neno nado sen pai no lugar. Vortigern acha a tal mozo en Ambrosio Aureliano, quen reprende aos sabios e revela que a causa do disturbio son dúas serpes enterradas.[4] Máis tarde, Ambrosio tivo conflitos con Vortigern e é mencionado como un gran rei máis adiante na historia.

A historia da torre é repetida e embelecida por Godofredo de Monmouth na súa Historia Regum Britanniae, aínda que a atribúe a Merlín ao dicir que «Ambrosio» é o nome alternativo do sabio. Godofredo inclúe a Ambrosio como un rei no seu propio dereito e tamén inclúe outros personaxes, tales como Vortimer e o bispo Xermán de Auxerre.

Batallas de Artur

O capítulo 56 discute doce batallas disputadas e gañadas por Artur, chamado dux bellorum (líder guerreiro) antes que rei.[5]

A maior parte dos lugares citados son escuros e non poden ser identificados. Algunhas das batallas aparecen nalgunha outra obra da literatura galesa, aínda que non todas están conectadas explicitamente con Arturo. Algúns académicos propuxeron que o autor tomou a lista dun poema antigo galés agora perdido que listaba as doce grandes vitorias de Arturo, baseado no feito de que algúns dos nomes parecen rimar e polo indicio da descrición estraña de Arturo cargando nos seus ombros a imaxe da Virxe María en Guinnion podería conter unha confusión da palabra galesa iscuit (escudo) por iscuid (ombros).[6] Porén, outros rexeitan isto como insostíbel,[7] argumentando que no seu lugar o autor inclúe batallas que non foron previamente asociadas con Arturo ou quizais as inventou por completo. Unha historia similar tamén aparece nos Annales Cambriae, onde Arturo é descrito levando «a cruz do noso Señor Xesús Cristo nos seus ombros por tres días e tres noites...», aínda que aquí se di que a batalla é en Badon en lugar de Guinnon.[8] T. M. Charles-Edwards argumenta que estas versións se refiren a unha mesma fonte.[9] Outros estudosos, porén, como é o caso de Thomas Jones e de N. J. Higham, argumentan que a historia dos Annales se basea directamente na Historia, en cuxo caso o nome da batalla tería mudado do descoñecido Guinnon ao famoso Badon e a icona que carga Arturo substituída cunha máis común.[9]

A batalla do Monte Badon é relacionada con Arturo en varios textos posteriores, pero non é asociada con el en ningún que preceda a Historia.[10] Era claramente unha batalla histórica que foi descrita por Xildas, quen non menciona o nome do líder britano (porén, menciona a Aurelio Ambrosio como un gran azoute dos saxóns inmediatamente anterior).[11] Das outras batallas, é xeralmente aceptado que só a Batalla de Tribuit está asociada con Arturo noutra fonte galesa previa.[12] Tribuit aparece como Tryfrwyd no poema galés antigo Pa Gur?, datado cara a mediados do século IX. Aquí é asociada con cinbin ou cinocéfalo s; os homes de Arturo loitaron nas montañas de Eidyn (Edimburgo) e adestráronse cun personaxe chamado Garwlwyd (Rudo-gris) que é probabelmente idéntico a Gwrgi Garwlwyd (home-can Rudo-gris) quen aparece nunha das Tríades galesas.[13][14][15] O principal protagonista de Arturo na loita é Bedwyr, máis tarde coñecido como Sir Bedevere, e unha referencia máis temperá no poema indica que o deus Manawydan está tamén involucrado.[15] «A cidade da lexión» podería ser unha referencia a Caerleon, cuxo nome se traduce como tal, pero podería tamén referirse a Chester, o lugar dunha gran base romana.[16]

Notas

  1. (London: Penguin, 1971), pag. 32.
  2. Sostido en moitas das súas publicacións, por exemplo na introdución de seu The Historia Brittonum: 3 The 'Vatican' Recension (Cambridge: D.S. Brewer, 1985).
  3. Hingam, King Arthur: Myth Making and History (London: Routledge & Kegan Paul, 2002)
  4. Capítulos 40-42.
  5. Lupack, Alan (Trans.) "De: The History of the Britons (Historia Brittonum). The Camelot Project. Acceso: 27 de Julio de 2008.
  6. Green, pag. 19.
  7. Green, pag. 19-21.
  8. Green, pag. 26.
  9. 9,0 9,1 Green, pag. 28.
  10. Green, pag. 41.
  11. Green, pag. 31.
  12. Green, pag. 20.
  13. Bromwich, pax. 73–74
  14. Véxase Bromwich pax. 385 para a discusión de Gwrgi Garwlwyd como un home lobo.
  15. 15,0 15,1 Green, pag. 84-85.
  16. Ashe, Geoffrey (1991). "Annales Cambriae". En: Lacy, Norris J. (ed.), The New Arthurian Encyclopedia, pag. 65. New York: Garland. ISBN 0-8240-4377-4.

Bibliografía

  • Bromwich, Rachel (2006). Trioedd Ynys Prydein: The Triads of the Island of Britain. University Of Wales Press. ISBN 0-7083-1386-8.
  • Green, Thomas (2007). Concepts of Arthur. Stroud, Gloucestershire: Tempus. ISBN 978-0-7524-4461-1.
  • Lacy, Norris J. (Ed.), The New Arthurian Encyclopedia, pag. 8–9. New York: Garland. ISBN 0-8240-4377-4.

Ligazóns externas

Amhar

Amhar, tamén coñecido como Amr, Amir ou Anir, é un fillo do Rei Artur segundo as tradicións galesas. É nomeado por vez primeira en Historia Brittonum, aínda que tamén se fala del en Geraint e Enid. Morre asasinado polo seu pai nun conflito descoñecido e é enterrado en Erging.

Batalla de Maserfield

A batalla de Maserfield (ou Maserfeld; en galés: Maes Cogwy) tivo lugar o 5 de agosto de 641 ou 642 en Inglaterra entre Oswald de Northumbria e Penda de Mercia, e concluíu coa derrota, morte e descuartización de Oswald. A batalla foi coñecida tamén como Cogwy para os galeses, cos seus paisanos de Pengwern participando na batalla (segundo o Canu Heledd), probabelmente no bando dos mercianos. Beda dá como data a xa comentada; os Annales Cambriae galeses, considerados erróneos, o ano de 644. O sitio foi identificado tradicionalmente con Oswestry, aínda que se deron argumentos a favor e en contra desta identificación.

Bernicia

Bernicia (inglés antigo Bernice, Beornice, latín Bernicia) foi un reino anglosaxón establecido por colonizadores anglos do século VI no que agora é o sueste de Escocia e o nordeste de Inglaterra.

O territorio anglo de Bernicia era aproximadamente equivalente aos actuais condados de Northumberland, Durham, Berwickshire e East Lothian, e estendíase desde o Forth ao Tees. A principios do século VII uniuse ao seu veciño meridional, Deira, para formar o reino de Northumbria e as súas fronteiras expandíronse en consecuencia.

Blwchfardd

Blwchfardd (século VI) foi un dos bardos primeiros na tradición poética galesa. Ponse en relación co Vello Norte e a hengerdd. Era coetáneo, parece, de Aneirin e Taliesin.

Non se coñece sobre o bardo máis que o feito de que sería o primeiro bardo que cantou en Yr Hen Oledd, moi probabelmente. Tense a primeira noticia del en Nennio na súa Historia Brittonum nunha pasaxe sobre Ida, rei de Bernicia (547-579):

Tunc Talhaern Tat Aguen in poemate claruit, et Neirin, et Taliessin, et Bluchbard, et Cian qui vocatur Gue[ni]th Guaut, simul uno tempore in poemate Brittanico claruerunt.

Daquela Talhaearn Tad Awen (no manuscrito Talhaern Tataguen) tivo fama en poesía, e Neirin e Taliessin e Bluchbard e Cian, que se chama Gueinth Guaut, nun mesmo momento tiveron fama na poesía británica.Non se conserva ningún poema seu.

Bridei III

O rei Bridei III (ou Bridei mac Beli; en irlandés antigo: Bruide mac Bili) (616/628?-693) foi un rei do pictos dende o ano 672 até o 693.

Bridei puido ter nacido no ano 616, ou non máis tarde de 628. Foi o fillo de Beli, rei de Alt Clut. A súa reclamación polo reinado pasou polo seu avó, o rei Nechtan dos pictos. O Historia Brittonum de Nennio conta que Bridei foi fratruelis do rei Ecgfrith's, curmán materno. A nai de Bridei foi probablemente a filla do rei Edwin de Deira.

Cian

Cian (século VI) foi un dos primeiros bardos na tradición poética galesa. Ponse en relación co Vello Norte e a hengerdd, a antiga poesía dos cynfeirdd. Era coetáneo, parece, de Aneirin e Taliesin.

Non se coñece sobre o bardo máis que o feito de que sería o primeiro bardo que cantou en Yr Hen Oledd, moi probabelmente. Tense a primeira noticia del en Nennio na súa Historia Brittonum, nunha pasaxe sobre Ida, rei de Bernicia (547-579):

Tunc Talhaern Tat Aguen in poemate claruit, et Neirin, et Taliessin, et Bluchbard, et Cian qui vocatur Gue[ni]th Guaut, simul uno tempore in poemate Brittanico claruerunt.

Daquela Talhaearn Tad Awen (no manuscrito Talhaern Tataguen) tivo fama en poesía, e Neirin e Taliessin e Bluchbard e Cian, que se chama Gueinth Guaut, nun mesmo momento tiveron fama na poesía británica.Hai referencias a Cian nun poema do Llyfr Taliesin, pero non é unha figura preclara na tradición poética e a súa memoria parece que se esvaeceu co tempo. Non se conservou nada da súa obra.

Ebrauc

Ebrauc é o nome que se propón para un reino britón da Britania posromana, con base na cidade de York. Esta cidade chamábase en britónico Caer Ebrauc na Historia Brittonum de Nennio. Deriva do antigo nome romano de Eboracum. En galés moderno chámase aínda Efrog.

Ao final do poder romano, algúns historiadores pensan que a cidade puido ter florecido brevemente como capital dun reino independente, separado dun gran ‘Reino do Norte’, quizais en circa 470. A área que os britóns coñecían como Deifr, que significa augas (quizais referíndose á súa situación costeira, ou á abundancia de ríos), puido formar parte dese reino. É mellor coñecido polo seu nome anglo posterior de Deira.

A poesía galesa deste período indica que os britóns nativos do que os bardos chamaron "o vello norte" ou Yr Hen Ogledd eran terribelmente díscolo se eran máis felices loitando entre eles que enfrontándose aos seus comúns inimigos. Se o rei histórico do norte, Peredur ab Eliffer, gobernou en York (ver Peredur), entón a independencia deste reino non foi demasiado longa.

En 573, este Peredur, e o seu irmán, Gwrgi, entraron en guerra cos exércitos dun rei do norte chamado Gwenddoleu ap Ceidio e venceron na Batalla de Arfderydd (a moderna Arthuret en Cumberland, agora Cumbria). Suponse que un dos superviventes foi o personaxe histórico que xace debaixo do mago Merlín. Foi unha vitoria pírrica para eses príncipes do norte, pois, segundo os Annales Cambriae, morreron só sete anos despois cando as súas debilitadas forzas atacaron os anglos de Bernicia. Con todo, foro nos anglos de Deira os que despois ocuparon a rexión.

O control de Ebrauc polos britóns nativos foi por pouco tempo restaurado so o rei Cadwallon ap Cadfan de Gwynedd quen cercou a zona e a cidade tras a batalla de Hatfield Chase en outubro de 632 durante a cal morreu o seu rival, Edwin de Northumbria. Tres anos máis tarde, Cadwallon foi expulsado por Oswald de Bernicia na batalla de Heavenfield e restableceuse o control anglo.

Eowa de Mercia

Eowa de Mercia (ou Eawa de Mercia) foi un dos fillos de Pybba rei de Mercia e irmán do rei Penda de acordo coa Historia Brittonum e Annales Cambriae.

Hengest

Hengest ou Hengist, finado en 488?, foi un guerreiro viquingo de Dinamarca na Era de Vendel (século V). lugartenente do rei danés Hnæf. A súa figura protohistórica aparece no poema épico Beowulf e o fragmento de Finnsburg.

Ida de Bernicia

Ida, finado sobre 559, é o primeiro rei coñecido do reino anglo de Bernicia, que gobernou entre 547 e 559, data da súa morte. Pouco sabemos da súa vida ou reinado, pero foi considerado como o fundador da liña de sangue da que se proclamaban sucesores moitos dos reis anglosaxóns do norte de Inglaterra e sur de Escocia. Os seus sucesores combateron a resistencia britana e acabarían fundado o reino de Northumbria.

Lista de personaxes artúricos

Nas lendas do Rei Artur aparecen moitos personaxes, entre os que se inclúen os Cabaleiros da Táboa Redonda e os membros da familia do Rei Artur. Os seus nomes adoitan diferir dunha versión a outra e dun idioma a outro. A seguinte é unha listaxe deles coas súas descricións. (Nota: O símbolo "†" indica un cabaleiro da Táboa Redonda.)

Nennio

Nennio ou Nemnivo (Nennius ou Nemnivus, en latín) é o nome de dous personaxes, parcialmente lendarios, asociados coa historia de Gales. O mellor coñecido dos dous é Nennio, o estudante de Elvodugo (Elvodugus). Elvodugo é comunmente identificado co bispo Elfodd de Gwynedd, quen convenceu o resto da rexión de Gales do Cristianismo celta de celebrar Pascua na mesma data que os outros católicos en Gran Bretaña en 768 e é, máis tarde, dado por falecido en 809, polos Annales Cambriae. Sostense tradicionalmente que este Nennio viviu a inicios do século IX e é identificado nun grupo de manuscritos da Historia Brittonum como o autor deste traballo. Porén, os estudos do profesor David N. Dumville sobre este texto mostraron que os manuscritos que sindicaban esta autoría viñan dun exemplar datado a fins do século XI, moito despois de que os exemplares das outras versións deste manuscrito, ademais de douscentos anos despois de cando se supón viviu Nennio. A pesar diso, varios historiadores aínda lle refiren a Nennio como o autor ben do texto orixinal da Historia Brittonum, ben desta versión específica.

O outro Nemnivo ou Nennio é mencionado nun manuscrito galés do século IX. Dise que este Nennivo inventou un alfabeto que sería preservado neste manuscrito e, segundo Nora Kershaw Chadwick, se deriva do alfabeto rúnico do inglés antigo: «De feito, os nomes asignados a algunhas das súas cartas parecen mostrar evidencia dun coñecemento real dos nomes saxóns».Algúns conclúen que estas dúas figuras son o mesmo individuo. Outros argumentan que tal conclusión non está garantida, xa que se podería soster que Nennio, o estudante de Elvodugo, é un personaxe ficticio e xa que a historia de Gales e Bretaña sobre este período en cuestión está bastante incompleta.

Octa de Kent

Octa (ou Octha), nado c. 500 e finado en 543, foi un rei anglosaxón de Kent durante o século VI.

Pybba de Mercia

Pybba, nado c. 570? e finado en 606 ou 615, (tamén Pibba, Wibba, Wybba) foi un primitivo rei Mercia. Foi fillo de Creoda e pai de Penda e Eowa. Os nomes Pybba e Penda son de orixe britana, máis que xermánica.

Rei Artur

O rei Artur é unha importante figura da mitoloxía de Gran Bretaña orixinada na mitoloxía celta, representa o ideal do cabaleiro na guerra e na paz. É a personaxe principal no ciclo de lendas coñecido como Materia de Bretaña. Os investigadores non concordan sobre se realmente existiu, nas máis antigas referencias dos textos galeses non se lle dá o título de rei, senón dux bellorum. O seu nome procede de arz (oso) símbolo da forza, da estabilidade e da protección

A máis antiga referencia dun historiador é do monxe e historiador galés Nennio, por volta do ano 826, en Historia Brittonum, narrou unha ducia de batallas épicas de Artur contra dos bárbaros (xutos, anglos, saxóns...). Segundo Nennio, Artur viviu entre fins do século V e comezos do século VI, e datou a súa morte no ano 542 da man do seu sobriño Mordred.

No século X aparece nos Annales Cambriae que no ano 516 rexistra a vitoria de Artur contra dos saxóns e no 537 a súa morte nunha batalla.

Talhaern tad Awen

Talhaern Tad Awen ou Talhaearn Tad Awen (traballou a mediados do século VI), foi, segundo as fontes medievais galesas, un famoso poeta britón da Britania posromana. Sitúase como un dos máis antigos poetas que compuxo e recitou en galés. Os poetas máis coñecidos, Aneirin e Taliesin, que poderían ser contemporáneos seus algo máis novos, tamén pertencen a esta xeración, a primeira das que os estudosos modernos coñecen como Cynfeirdd ("primeiros poetas"). Mentres os manuscritos galeses medievais conservan versos compostos ou atribuídos a estes, non pasa o mesmo con Talhaearn e de feito a súa fama inicial parece terse esvaecido na Idade Media posterior.

Vortimer

Vortimer (galés: Gwerthefyr) é unha figura da tradición británica, un fillo do gobernante britano do século V Vortigern. É lembrado pola súa fera oposición cara aos aliados saxóns do seu pai. Na Historia Regum Britanniae de Godofredo de Monmouth, derroca ao seu pai e goberna como un dos reis de Britania durante un breve período de tempo antes de que a súa morte devolva a Vortigern ao poder.

Y cynfeirdd

Y cynfeirdd (en galés os primeiros bardos) é o nome que se lle dá na literatura galesa aos primeiros poetas en galés dos que se teñen noticia. Parece que pertenceron ao século VI. A súa obra referénciase como hengerdd ou vella poesía.

Só conservamos a obra de dous deles Aneirin e Taliesin, dos outros só temos algunhas referencias posteriores na poesía medieval. A primeira mención (e única nalgún caso) a estes autores dánola Nennio no século IX na súa Historia Brittonum, onde, en relación con Ida o rei anglo de Bernicia (547 - 579) se fala destes poetas:

Tunc Talhaern Tat Aguen in poemate claruit, et Neirin, et Taliessin, et Bluchbard, et Cian qui vocatur Gue[ni]th Guaut, simul uno tempore in poemate Brittanico claruerunt.

Daquela Talhaearn Tad Awen (no manuscrito Talhaern Tataguen) tivo fama en poesía, e Neirin e Taliessin e Bluchbard e Cian, que se chama Gueinth Guaut, nun mesmo momento tiveron fama na poesía británica.Así, a nómina destes poetas constaría de:

Talhaern tad Awen.

Neirin ou Aneirin.

Taliesin.

Blwchfardd.

Cian.En sentido estrito o termo cynfeirdd refírese só a estes poetas, pero cada vez máis se ve estendido aos poetas dos séculos VII a XI, tamén chamados os do canu'r bwlch.

Æthelfrith de Northumbria

Æthelfrith (tamén Aethelfrido, Aethelfrith, Etelfrido), finado c. 616, foi rei de Bernicia desde c. 593 até c. 616; e tamén foi, desde c. 604, o primeiro rei berniciano que reinou en Deira, un reino ao sur de Bernicia. Tendo en conta que Deira e Bernicia foron os dous reinos que formaron o coñecido posteriormente como Reino de Northumbria, pode ser considerado, en termos históricos, o primeiro rei de Northumbria. Tamén é lembrado polas súas exitosas campañas contra os britanos e pola súa vitoria sobre o reino irlandés de Dalriada. Aínda que foi derrotado e morreu en batalla e foi substituído polo seu rival dinástico, a súa liña foi finalmente restaurada no trono na década de 630.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.