Heribert Barrera

Heribert Barrera i Costa, nado en Barcelona o 6 de xullo de 1917 e falecido na mesma cidade o 27 de agosto de 2011[1][2][3] foi un químico, político catalán, e primeiro presidente do Parlamento de Cataluña dos tempos da recuperación democrática. Era fillo de Martí Barrera, quen fora deputado no Parlamento catalán e conseller da Generalitat de Cataluña.

Heribert Barrera
Heribert Barrera i Joan Rigol votant a Barcelona Decideix
Heribert Barrera (esquerda) e Joan Rigol votando nun referendo independentista catalán en 2011.
Nome completoHeribert Barrera i Costa
Nacemento6 de xullo de 1917
 Barcelona
Falecemento27 de agosto de 2011
 Barcelona
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Barcelona e Montpellier 2 University
Ocupaciónquímico, político, profesor e matemático
PaiMartí Barrera i Maresma
PremiosMedalha de Ouro da Generalidade da Catalunha, Medal of Honor of the Parliament of Catalonia e Prat de la Riba Award

Traxectoria

Barrera licenciouse en química pola Universidade de Barcelona nos tempos da II República Española[4]. En 1934 entra a formar parte da Federació Nacional d'Estudiants de Catalunya e do Bloc Escolar Nacionalista.[5], dúas organizacións xuvenís do nacionalismo catalán. En 1935 ingresa nas Mocidades de Esquerra Republicana de Catalunya. Cando estoura a guerra civil española alístase co bando republicano, e loita na Fronte do Ebro[5] formando parte da artillería. Meses antes do triunfo do bando liderado polo xeneral Franco, en febreiro de 1939, Barrera exíliase a Francia, onde permanecerá ata o ano 1952[4].

Nos anos corenta e cincuenta séguese formando, e á licenciatura en químicas suma a de matemáticas e a de enxeñaría química pola Universidade de Montpellier e o doutoramento en física pola Sorbona de París[4]. Posteriormente convértese en profesor axudante da facultade de Ciencias da Universidade de Montpellier, onde imparte a materia de electroquímica. Foi agregado de investigación do Centre National de la Recherche Scientifique francés, a máxima institución investigadora de Francia, e bolseiro posdoutoral na Universidade de New Hampshire. Nestes primeiros anos contribúe a reorganizar Esquerra Republicana de Catalunya no exilio, e cando regresa a Cataluña, no interior, de forma clandestina[5].

En 1952 volve a Barcelona como profesor de química inorgánica na Universidade Autónoma de Barcelona e no ano 1970 consegue a cátedra[4]. Durante ese tempo foi autor de artigos científicos en revistas internacionais, así como de política na prensa catalá e internacional. En 1949 recibiu o premio Prat de la Riba do Institut d'Estudis Catalans por unha pescuda sobre a síntese dos ácidos arilalifáticos.

En 1976 convértese no máximo dirixente de ERC en Cataluña e o secretario xeral do partido. En 1977 ingresa como membro do Consell Català del Moviment Europeu e nese mesmo ano resulta elixido deputado no Congreso dos Deputados, pola circunscrición de provincia de Barcelona, o único da súa candidatura, fronte aos 11 que colleita a candidatura centrista de Jordi Pujol. En 1980, porén, e tamén á fronte da súa formación, consegue 14 escanos nas eleccións ao Parlamento catalán, co que abandona as Cortes de Madrid, onde é substituído por Josep Pi-Sunyer. Na constitución da cámara catalá foi elixido presidente do Parlamento de Cataluña, o primeiro da restauración da democracia.

Nas eleccións catalás de 1984 ERC sofre unha severa derrota ao perder a metade dos votos e 9 de 14 deputados, quedando só con 5, entre eles, o do propio Barrera, que encabezaba a candidatura por Barcelona. En 1987 abandona a secretaría xeral de ERC, e permanecerá apartado da política ata que en 1991 regrese para encabezar a candidatura de ERC ao Parlamento Europeo, onde sae elixido eurodeputado. Tamén nese ano, 1991, pasa a ocupar o cargo honorífico de presidente de Esquerra, onde permanecerá durante catro anos, ata 1995.[6].

Ao abandonar Bruxelas en 1994, Barrera pasa a ocupar un papel discreto e de honra na política catalá, con espazados posicionamentos públicos. En 2001 publica o libro Què pensa Heribert Barrera?, onde sinalaba que a inmigración facía perigar o futuro de Cataluña[7]. O propio Barrera moderou estes pareceres en entrevistes posteriores[8]. En 2009 Barrera expresou publicamente o seu afastamento das posicións da dirección da súa formación, ERC, e sen deixar de militar nela apoiou publicamente a escisión, partidaria dunha aceleración das propostas independentistas, encabezada por Joan Carretero[2][5].

O 10 de xullo de 2010, Barrera encabezou, a canda outros líderes políticos cataláns históricos e contemporáneos (José Montilla, Pasqual Maragall, Jordi Pujol, Ernest Benach e Joan Rigol) unha manifestación pro-autonomista de grande relevancia en Cataluña, baixo o lema Som una nació. Nosaltres decidim (Somos unha nación. Nosoutros decidimos)[5][9].

Galardóns

  • (2000). Medalla de Honra do Parlamento de Cataluña[6].
  • Presidente da Societat Catalana de Ciències Físiques, Químiques i Matemàtiques e da sección de ciencias do Institut d'Estudis Catalans. Membro da Societé Française de Chimie e da American Chemical Society[5]. Presidente do Club d'Amics de la Unesco de Barcelona, presidente (1989-1997) e presidente de honra do Ateneu Barcelonès e presidente da Associació d'Antics Diputats al Parlament de Catalunya (1997-2003). Membro do consello consultivo de Òmnium Cultural.[5].

Notas

  1. Mor l'històric Heribert Barrera, epuntl primer president del Parlament restaurat, Diari Ara, 27 de agosto de 2011.
  2. 2,0 2,1 Un segle de lluita en tots els fronts, Diari Ara, 27 de agosto de 2011.
  3. Mor Heribert Barrera, després d'una vida de lluita nacional, El Punt Avui, 28 de agosto de 2011.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Heribert Barrera i Costa, Enciclopèdia. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 El caràcter republicà, El Punt Avui, 28 de agosto de 2011.
  6. 6,0 6,1 Heribert Barrera i Costa (1980 - 1984) Arquivado 08 de marzo de 2012 en Wayback Machine., Web do Parlamento de Cataluña.
  7. Es mor Heribert Barrera Arquivado 18 de setembro de 2011 en Wayback Machine., Vilaweb, 27 de agosto de 2011.
  8. Carod-Rovira demana a Barrera que aturi en les seves declaracions Arquivado 12 de decembro de 2011 en Wayback Machine., Vilaweb, 2 de marzo de 2001.
  9. Èxit incontestable d'una jornada històrica Arquivado 13 de xullo de 2010 en Wayback Machine., VilaWeb, 10/9/2010.

Véxase tamén

Bibliografia

  • VILA, Enric. Què pensa Heribert Barrera?. Barcelona: Edicions Proa, 2001.
  • SINCA, Genís. Heribert Barrera, l'últim republicà. Columna Edicions, 2006.

Ligazóns externas

Predecesor:
Francesc Farreres
 Generalitat de Cataluña
Presidente do Parlamento de Cataluña
 
19801984
Sucesor:
Miquel Coll
2011

O ano 2011 (MMXI) comezou en sábado no calendario gregoriano.

27 de agosto

O 27 de agosto e o 239º día do ano do calendario gregoriano e o 239º nos anos bisestos. Quedan 126 días para finalizar o ano.

Esquerra Republicana de Catalunya

Esquerra Republicana de Catalunya (en galego: Esquerda Republicana de Cataluña), ou ERC é un partido político catalán, fundado en 1931, de ideoloxía progresista, republicana e independentista. Foi o partido de relevantes políticos cataláns como Francesc Macià, Lluís Companys ou Josep Tarradellas, desenvolveu un importante papel na política catalá e española durante a Segunda República, durante a loita antifranquista e a Transición á democracia.

O partido conta con 32 escanos no Parlamento de Cataluña, tres no Parlamento español, e un (ocupado por Oriol Junqueras) no Parlamento Europeo, no que ERC participa integrada na coalición Europa dos Pobos. Conta actualmente con aproximadamente 10.000 afiliados.Ademais da súa implantación en Cataluña, ERC posúe unha representación nas Illas Baleares e no Rosellón francés, así como na Comunidade Valenciana, onde emprega a denominación Esquerra Republicana del País Valencià (ERPV).O 17 de setembro de 2011, durante o 26º congreso nacional, foi elixido Oriol Junqueras como presidente e Marta Rovira como secretaria nacional.

Estatuto de Autonomía de Cataluña de 2006

O Estatuto de Autonomía de Cataluña (en catalán: Estatut d'Autonomia de Catalunya) é a norma institucional básica de Cataluña de acordo co establecido ao título oitavo da Constitución española de 1978. Denomínase tamén Estatuto de Miravet porque foi en Miravet onde se reuniron parlamentarios cataláns de todos os partidos por ver de botalo adiante.

O Parlamento de Cataluña aprobou o 30 de setembro de 2005 a Proposta de Novo Estatuto de Autonomía de Cataluña que foi aceptada a trámite polo Congreso dos Deputados o 2 de novembro de 2005. Foi aprobado polo Congreso dos Deputados o 30 de marzo de 2006 e polo Senado de España o 10 de maio de 2006 despois dunha substancial modificación. Foi aprobado tamén en referendo polo pobo de Cataluña o 18 de xuño de 2006. Está vixente dende o 9 de agosto de 2006 aínda que foi modificado por unha sentenza do Tribunal Constitucional do 28 de xuño de 2010.

Parlamento de Cataluña

O Parlamento de Cataluña (en catalán: Parlament de Catalunya), coñecido habitualmente como Parlament, é unha das institucións que forman a Generalitat de Cataluña, o máximo órgano de goberno catalán. Representa ao pobo de Cataluña e exerce a potestade lexislativa, aproba os orzamentos da Generalitat e controla e impulsa a acción política e de Goberno.

A súa composición debe ter entre 100 e 150 deputados, estando formado actualmente por 135 deputados, que se elixen por sufraxio universal. As súas sesións celébranse no Palau del Parlament, no Parc de la Ciutadella de Barcelona.

O actual presidente do Parlament é Roger Torrent, que tomou posesión do seu cargo o 17 de xaneiro de 2018 en substitución de Carme Forcadell.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.