Herdanza

O termo herdanza é usado en Dereito para se referir ao acto xurídico mediante o cal unha persoa que falece traspasa os seus bens, dereitos e obrigas a outra ou outras persoas, que se denominan herdeiros. Así, enténdese por herdeiro a persoa física ou xurídica que ten dereito ao total ou a unha parte dos bens dunha herdanza.

O herdeiro pode ser o que como tal figura nun testamento, ou, aqueles a quen a lei lle recoñece tal condición legal, así sexa por ausencia de testamento ou por aplicación de normas imperativas como as lexítimas.

Facultades do herdeiro

Ao herdeiro a lei atribúelle diversas facultades, entre elas:

  • Aceptar ou renunciar á herdanza, ou aceptala a beneficio de inventario.
  • Dispor por actos inter vivos ou mortis causa da mesma, aínda antes de entrar na súa posesión.
  • Lexitimidade para impugnar o testamento, oporse ao mesmo e cantas accións xudiciais considere necesarias para defender os seus dereitos.

Outras acepcións

Tamén se denomina herdanza, por extensión, ao conxunto de bens, dereitos e obrigas que se traspasan. Este conxunto de bens e dereitos, en ocasións, recibe o nome de caudal hereditario (caudal relitio). O caudal hereditario fórmao o patrimonio do causante no momento da morte, eliminando aqueles bens, dereitos e obrigas que se extinguen polo feito da morte (dereitos e obrigas personalísimas, por exemplo). Este caudal relaciónase no inventario de bens co seu correspondente pasivo.

Doutra banda, desde o punto de vista do herdeiro, denomínase herdanza ao conxunto de bens, dereitos e obrigas que recibe, que pode ser unha porcentaxe menor do total do caudal hereditario.

Neste último caso (desde o punto de vista do herdeiro), enténdese que unha herdanza se refíre a unha parte xenérica do patrimonio do testador. Por exemplo, a metade ou o total do caudal hereditario. Cando o testador decide dar uns bens concretos a un herdeiro, isto recibe o nome de legado e o herdeiro sería un legatario. O herdeiro, ás veces, confúndese coa figura do legatario. Con todo, un legatario, como receptor dun simple legado, non ten os mesmos dereitos de defensa da herdanza ca o herdeiro, e non sucede ao causante a título universal.

Características das herdanzas

Sendo a herdanza unha materia profusamente regulada, existen, con todo, dous tipos de normas aplicables á mesma:

  • Normas dispositivas, que rexen en ausencia de vontade do testador (sucesión intestada).
  • Normas imperativas, que rexen en todo caso, limitando a vontade do testador.

Segundo cada tipo de ordenamento xurídico e ao maior ou menor grao de normas imperativas, darase maior ou menor ámbito de actuación ao testador. Deste xeito, existen ordenamentos xurídicos moi limitativos á vontade do causante, impondo figuras como a lexítima, e outras que permiten a case total disposición por parte do causante dos seus bens.

Efectos fiscais

A herdanza como acto xurídico é tamén un feito impoñible. Ao ser unha fonte de ingresos para o herdeiro, a maioría dos estados grávana en maior ou menor medida mediante impostos.Cando se tramita unha herdanza hai que ter en conta que existen seis meses, desde a data da defunción, para liquidar todos os impostos que da herdanza dimanen.

Nalgunhas administracións pódese pedir, con antelación, unha prórroga no pago dos impostos, perante os organismo correspondentes, xustificando sempre a causa do atraso e evitando así sancións.

É de vital importancia asesorarse ben sobre o pagamento dos impostos, xa que ao estar transferidos no Estado Español ás Comunidades Autónomas, é cada unha delas a que regula o pagamento das mesmas. Polo xeral, depende a cantidade para liquidar de tres factores principais, último enderezo do causante ou lugar de falecemento, cantidade que conforma a masa hereditaria e o grao de parentesco co causante de cada un dos herdeiros. No caso das herdanzas con bens en varios países o tratamento fiscal complícase, xa que hai que estudar as implicacións en varias lexislacións.

Tamén en certas comunidades e segundo o grao de parentesco adoita haber exencións fiscais na súa totalidade; no caso da Comunidade de Madrid para o primeiro grao de consaguinidade ou reducións, como na Comunidade de Andalucía, de ata 175.000 euros da masa hereditaria para primeiro grao de parentesco, ou reducións por enderezo habitual etc...

É importante, non esquecer o imposto sobre o incremento do valor dos bens urbanos máis coñecido como plusvalía, imposto que se líquida en cada un dos concellos nos que o causante tivese unha propiedade urbana, e que dependen do valor catastral e dos anos de tenza do mesmo.

É importante ter sempre en conta o concepto de fiscalidade cando se ten dereito sobre unha herdanza, xa que hai catro anos e seis meses nos que llos poden reclamar e canto máis se tarda en liquidalos maior é a sanción que incrementa os mesmos

Véxase tamén

Outros artigos

  • Doazón
  • Legado
ADN mitocondrial

O ADN mitocondrial ou ADNmt (en inglés mtDNA) é o ADN que se encontra dentro das mitocondrias celulares, orgánulos eucarióticos que fabrican a maior parte do ATP (molécula que almacena e cede enerxía na célula) a partir da enerxía obtida na oxidación dos alimentos. Porén, a maioría do ADN presente nas células eucarióticas está no núcleo celular.

O ADN mitocondrial pode considerarse como o noso "cromosoma" máis pequeno, aínda que é bastante distinto dos verdadeiros cromosomas do núcleo. Foi a primeira parte do xenoma humano que foi secuenciada. Nos humanos e na maioría das especies hérdase só da nai.

Coñécese a secuencia do ADNmt de moitos organismos e individuos (incluíndo algúns extinguidos), e a súa comparación é moi importante en filoxenia. Permite tamén un exame das relacións entre poboacións humanas, moi interesante en antropoloxía.

Arquitectura románica

A arquitectura románica, o estilo arquitectónico da arte románica, está ligada ás grandes reformas monacais, ás peregrinacións e ás cruzadas, tamén coincidiu co renacemento da cidade como núcleo urbano e de produción artesanal e que urbanisticamente xiraba arredor do edificio da igrexa-catedral.

O mosteiro de Cluny coa elección do abade polos propios monxes como reacción ó poder dos señores feudais no seo das abadías, converteuse no centro espiritual da Europa Occidental e como organizador de cruzadas estableceu o contacto entre os diferentes pobos e como consecuencia un tipo de arquitectura común, renovando os conceptos da herdanza clásica romana, incluíndo tamén a tradición prerrománica e a oriental a través de Bizancio e o mundo árabe. O material de construción utilizado foi o perpiaño e como novidade as igrexas e mosteiros divídense en varios tramos, a cuberta componse na maioría dos casos por unha bóveda de canón que se divide en varios tramos independentes o que posibilita o abaratamento da construción ao permitir a utilización dunha mesma cimbra varias veces, a técnica requiría o reforzo da bóveda con arcos de perpiaño, o que obrigaba a levantar piares compostos como sistemas de apoio para transmitiren os empurramentos ás naves laterais que se absorben grazas a grosos muros de peche reforzados mediante contrafortes. Outros elementos arquitectónicos utilizados foron o arco de medio punto, a bóveda de aresta, a bóveda de cuarto de esfera.

Característico da arquitectura románica foron as igrexas de peregrinación que tiñan como función acoller peregrinos, nestas igrexas modifícanse e amplíase a planta basilical da igrexa-catedral, desenvólvese o transepto e multiplícanse as naves prolongándoas arredor do presbiterio dando lugar á deambulatorio.

Bandeira de Acerbaixán

A bandeira de Acerbaixán (en azarí: Azərbaycan bayrağı) é a bandeira nacional de Acerbaixán. Consiste en tres franxas horizontais de igual tamaño, sendo azul a superior, vermella a central e verde a inferior. No centro da faixa vermella, aparecen unha lúa crecente branca e unha estrela de oito puntas tamém de cor branca.

A cor azul representa a herdanza túrquica, a vermella a modernización da sociedade e o progreso, e a verde ao islam.

As cores oficiais e o tamaño foron adoptados oficialmente o 5 de febreiro de 1991. Dende entón a bandeira é mencionada na Constitución e dúas veces no himno nacional. A bandeira é usada en terra, como civil, estatal e de guerra; no mar, como civil, estatal, naval e de guerra. O 17 de novembro de 2009, por decreto presidencial, o 9 de novembro foi declarado Día da Bandeira Nacional.

Bioloxía

A bioloxía é a ciencia que estuda a vida e, en particular, as características e comportamento dos organismos, a orixe de especies e individuos, e o xeito en que estes interactúan entre si e co seu ambiente. A bioloxía abrangue un espectro amplo de áreas académicas consideradas frecuentemente disciplinas independentes, mais que, no seu conxunto, estudan a vida ás máis variadas escalas.

A vida é estudada á escala atómica e molecular pola bioloxía molecular, pola bioquímica e pola xenética molecular, no nivel da célula pola bioloxía celular e á escala multicelular pola fisioloxía, pola anatomía e pola histoloxía. A bioloxía do desenvolvemento estuda a vida ao nivel do desenvolvemento ou ontoxenia do organismo individual.

Subindo na escala para grupos de máis dun organismo, a xenética estuda como funciona a herdanza entre os proxenitores e máis a súa descendencia. A etoloxía estuda o comportamento dos individuos. A xenética poboacional traballa ao nivel da poboación, en tanto que a sistemática traballa con liñaxes de moitas especies. As relacións de individuos, poboacións e especies entre si e cos seus hábitats son estudadas pola ecoloxía e pola bioloxía evolutiva. Unha nova área, altamente especulativa, a astrobioloxía (ou xenobioloxía) estuda a posibilidade de vida para alén do noso planeta.

Botánica

A botánica, (do grego βοτάνη = herba) ou fitoloxía (do grego φυτόν = planta e λόγος = tratado), é unha rama da bioloxía e é a ciencia que se ocupa do estudo das plantas. O concepto de vexetal, que estaba claro en tempos de Aristóteles, quedou esvaecido polo avance do coñecemento, chegándose a definir como todo aquilo que estuda a botánica. Na práctica, os botánicos estudan as plantas, as algas e os fungos. No campo da botánica, hai que distinguir entre a botánica pura, cuxo obxecto é ampliar o coñecemento da natureza; e a botánica aplicada, cuxas investigacións están ao servizo da tecnoloxía agraria, forestal, farmacéutica etc.

A botánica cobre un amplo abano de contidos, que inclúen aspectos específicos propios dos vexetais; das disciplinas biolóxicas que se ocupan da composición química (fitoquímica); a organización celular (citoloxía vexetal) e tisular (histoloxía vexetal); do metabolismo e o funcionamento orgánico (fisioloxía vexetal), do crecemento e o desenvolvemento; da morfoloxía (fitografía); da reprodución; da herdanza (xenética vexetal); das enfermidades (fitopatoloxía); das adaptacións ao ambiente (ecoloxía), da distribución xeográfica (fitoxeografía ou xeobotánica); dos fósiles (paleobotánica) e da evolución.

Capital

Unha capital é unha cidade que desempeña un papel relevante na condución da política dun país. Na maioría dos casos a capital é a cidade onde está a sede do goberno, habendo no entanto excepcións. Algúns dos factores que determinan que unha cidade sexa considerada capital inclúen:

A cidade é sede do goberno ou da residencia do xefe de Estado.

A cidade é a sede do poder xudicial.

A cidade é sede do parlamento.

Nunha monarquía é frecuente que a capital sexa o lugar onde o monarca ten a corte, sendo normal que acuda con relativa frecuencia.

A cidade é un importante centro de actividade para o país.

Existencia de leis que determinen a localización da capital.Un país (ou entidade política equivalente) pode ter máis que unha capital oficial ao mesmo tempo. Pode ser ou non a sede do goberno e pode mesmo mudarse periodicamente.

En Suráfrica, por exemplo, a capital administrativa é Pretoria, a capital lexislativa é a Cidade do Cabo e a capital xudicial é Bloemfontein. Esta é unha herdanza deixada polo compromiso acordado entre a maioría das diferentes provincias cando foi creada a Unión de Suráfrica en 1910. Fronte a isto, unha forte cidade economicamente é Xohanesburgo, e turisticamente Durban xunto a Cidade do Cabo.

En Chile, o congreso nacional mudouse para a cidade de Valparaíso, manténdose no entanto Santiago do Chile como capital. Nos Países Baixos, o goberno, xefe de Estado e supremo tribunal están situados na A Haia, mais a constitución determina que a capital oficial sexa Ámsterdan. Outro país con capitalidade múltiple é o Canadá, con Otava e Montreal.

Outras cidades poden ser consideradas capitais económicas ou culturais, pola súa enorme forza fronte á capital política, pero non ter recoñecemento oficial: é o caso do Río de Xaneiro ou São Paulo fronte a Brasilia ou Barcelona fronte a Madrid.

Carlos III de España

Carlos III (Carlos Sebastián de Borbón y Farnesio), nado en Madrid o 20 de xaneiro de 1716 e finado o 14 de decembro de 1788, foi rei de Nápoles e Sicilia entre 1734 e 1759 e de España entre 1759 e 1788, pertencente á Casa de Borbón.

Era o terceiro fillo home de Felipe V, o primeiro que tivo coa súa segunda muller, Isabel de Farnesio, polo que foi o seu irmán paterno Fernando VI quen sucedeu ao seu pai no trono español. Carlos serviu á política familiar como unha peza na loita por recuperar a influencia española en Italia: herdou inicialmente da súa nai os ducados de Parma, Piacenza e Toscana (1731); pero máis tarde, ao conquistar Filipe V o Reino de Nápoles e Sicilia no curso da Guerra de Sucesión de Polonia (1733-1735), pasou a ser rei daqueles territorios co nome de Carlos VII. Contraeu matrimonio en 1729 con María Amalia de Saxonia, filla do Rei de Polonia.

Encyclopedia of Life

Encyclopedia of Life (Enciclopedia da Vida), abreviadamente EOL é un proxecto de enciclopedia cooperativa en liña, que ten como propósito construír unha enciclopedia que conteña un artigo para cada unha das especies de seres vivos existentes no planeta Terra.

Cada artigo podeá contener sons, vídeos, imaxes, gráficos e textos.Dispoñía inicialmente dun fondo de 50 millóns de dólares provenientes de cinco grandes institucións científicas, encabezadas pola Fundación McArthur.

A páxina web de internet da enciclopedia contén información do proxecto, FAQs e páxinas de demostración.O comité directivo do proxecto está composto por membros veteráns de:

o Consorcio da Biblioteca da Herdanza da Biodiversidade,

o Museo Field de historia natural,

a Universidade de Harvard,

a Fundación McArthur,

o Laboratorio de Bioloxía Mariña,

o Xardín Botánico de Missouri,

a Fundación Alfed P. Sloan e

o Instituto Smithsoniano.O proxecto non permite achegas directas dos usuarios, como ocorre na Wikipedia.

Grao sesaxesimal

Un grao sesaxesimal, ou sexaxesimal, corresponde a un ángulo central subtendido por un arco de lonxitude 1/360 de circunferencia, a nonaxésima parte dun ángulo recto. Non se debe confundir co grao centesimal.

Chamado comunmente simplemente grao, de símbolo, °, é orixinario da civilización babilónica. Para estabelecer o grao, os babilonios dividiron o círculo en 360 partes iguais, pois esa era a cantidade de días referente ao período dun ano e porque o seu sistema de numeración era de base sesenta. Outra herdanza dos babilonios é a división en minutos e segundos, e así temos o minuto sexaxesimal (′, arcmin), e o segundo sexaxesimal (″), que están definidos do seguinte xeito:

1º = 60′

1′ = 60″

Herdanza mendeliana

A herdanza mendeliana, tamén chamada xenética mendeliana, mendelismo ou herdanza monoxenética é unha teoría que explica como se herdan os caracteres xenéticos de pais a fillos. A teoría está baseada nos traballos realizados por Gregor Johann Mendel publicados en 1865 e 1866, que foron redescubertos en 1900, e resumidos nas leis de Mendel. Inicialmente a teoría foi controvertida, pero gañou aceptación cando se integrou coa teoría cromosómica da herdanza de Thomas Hunt Morgan en 1915, e hoxe forma a base da xenética clásica.

National Center for Biotechnology Information

O National Center for Biotechnology Information (NCBI), en galego Centro Nacional para a Información Biotecnolóxica, forma parte da Biblioteca Nacional de Medicina de Estados Unidos (National Library of Medicine), unha rama dos Institutos Nacionais de Saúde (National Institutes of Health ou NIH). Está localizado en Bethesda, Maryland e foi fundado o 4 de novembro de 1988 coa misión de ser unha importante fonte de información de bioloxía molecular.

OMIM

O proxecto Online Mendelian Inheritance in Man (en galego, Herdanza mendeliana online en humanos) é unha base de dados que cataloga todas as doenzas humanas que teñan unha compoñente xenética. Cando é posíbel fai a ligazón desas doenzas aos seus respectivos xenes.

Persia

Persia é o nome dado ao territorio ocupado polo Imperio Persa que se desenvolveu no Medio Oriente (na rexión dos Montes Zagros), entre os séculos VII e IV a.C.. Tamén é o nome dado á rexión actual do Irán; a cultura e o pobo iraniano tamén son descritos co adxectivo persa.

O nome, usado no Occidente, foi unha herdanza do nome grego para o Irán, Persis, centro do imperio, aínda que o mesmo teña se estendido a lugares actuais como Turquía, noroeste da India e Exipto.

Persa é tamén unha etnia; os persas descenden dos arianos, un pobo indoeuropeo que migrou para a rexión da Persia a partir da Asia Central, no inicio do primeiro milenio a.C. A súa lingua chámase persa, ou farsi. De acordo con fontes do goberno estadounidense, 51% da poboación actual do Irán é da etnia persa. Outras estimativas chegan a colocar esa parcela en 70%. Existen minorías persas tamén no Afganistán, Taxiquistán e Uzbekistán. Moitas outras etnias existen no Irán, incluíndo grupos arianos non-persas, como os g; as etnias de ascendencia turca, como os acerbaixanos, curdos, e turcománs; árabes e algunhas outras minorías. Vexa Demografía do Irán para máis detalles.

Para informacións sobre a moderna historia do Irán, vexa Historia do Irán.

O antigo país de Persia foi ocupado sucesivamente por unha serie de pobos e imperios:

Gutis.

Imperio Elamita

Media.

Imperio Persa.

Reino Parto.

Imperio Sasánida.

Califato Omeia.

Califato Abasida.

Il-Khanes.

Imperio Safavida.

Irán.

Plasto

Os plastos, plastidios son orgánulos celulares eucarióticos, propios das plantas e algas. A súa función principal é a produción e almacenamento de importantes compostos químicos usados pola célula. Usualmente, conteñen pigmentos utilizados na fotosíntese, pero o tipo de pigmento presente pode variar, determinando a cor da célula. O conxunto de plastos dunha célula chámase plastidoma.

Pobos indoeuropeos

Os pobos indoeuropeos son aqueles que desde o norte do Cáucaso e os arredores do mar Negro e do mar Caspio (rexións de Asia Central), fixeron varias invasións, sobre todo á India e a Europa, onde se estableceron. O punto en común máis importante destes pobos era a lingua, e de feito esta foi a herdanza máis importante que deixaron nos lugares nos que se estableceron, saíndo deles as linguas indoeuropeas.

Thomas Hunt Morgan

Thomas Hunt Morgan, nado en Lexington (Kentucky) o 25 de setembro de 1866 e finado en Pasadena (California) o 4 de decembro de 1945, foi un xenetista estadounidense. Estudou a historia natural, zooloxía e macromutación na mosca da froita Drosophila melanogaster.

As súas contribucións científicas máis importantes foron no eido da Xenética. Foi galardoado co Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina en 1933 pola demostración de que os cromosomas son portadores dos xenes, o que se coñece como a teoría cromosómica de Sutton e Bovery ou teoría cromosómica da herdanza. Grazas ao seu traballo, Drosophila melanogaster converteuse nun dos principais organismos modelo na Xenética.

Xene

Un xene é a unidade básica de herdanza dos seres vivos. Dende o punto de vista molecular, un xene é unha secuencia lineal de nucleótidos na molécula de ADN (ou ARN no caso dalgúns virus), que contén a información necesaria para a síntese dunha macromolécula con función celular específica. Por exemplo: Proteínas, ARNm, ARN ribosómico, ARN de transferencia e ARN pequenos. Esta función pode estar vinculada ó desenvolvemento ou funcionamento dunha función fisiolóxica normal. O xene é considerado como a unidade de almacenamento de información e unidade de herdanza ó transmitir esa información á descendencia. Os xenes dispóñense, pois, ao longo de cada un dos cromosomas. Cada xene ocupa no cromosoma unha posición determinada chamada locus. O conxunto de cromosomas dunha especie denomínase xenoma.

Algunhas enfermidades como a anemia drepanocítica (ou anemia falciforme) poden ser ocasionadas por un cambio nun só xene (un dos 30.000 'xenes que constitúen o plano para todo o corpo humano).

Os organismos diploides (entre eles, case todos os animais e plantas) dispón de dous xogos de cromosomas homólogos, cada un deles proveniente dun dos pais. Cada par de cromosomas ten, pois, un par de copias de cada xene, unha procedente da nai e outra do pai.

Os xenes poden aparecer en versións diferentes, con variacións pequenas na súa secuencia, denominadas alelos. Os alelos poden ser dominantes ou recesivos. Cando unha soa copia do alelo fai que se manifeste o trazo fenotípico, o alelo é dominante. Cando son precisas dúas copias do alelo (unha en cada cromosoma do par), o alelo é recesivo.

Xenotipo

O xenotipo describe a constitución xenética dun individuo, os alelos específicos dese individuo, normalmente referíndose a un carácter específico que se está estudando. Por exemplo, hai tres posibles xenotipos para o xene humano do albinismo, e ten dúas formas alélicas: A dominante e a recesiva. Así os tres posibles xenotipos son AA (homocigoto dominante), Aa (heterocigoto) e aa (homocigoto recesivo).

Unha teoría xeralmente aceptada é que o xenotipo herdado, factores epixenéticos transmitidos, e variación ambiental non herdable contribúen ó fenotipo do individuo.

As mutacións non herdables no ADN non se toman como representativos do xenotipo individual. Porén, os científicos a miúdo falan por exemplo dun (xeno)tipo particular dun cancro, referíndose ó xenotipo da enfermidade no canto do xenotipo do enfermo.

Xenética

A xenética (do grego antigo γενετικός genetikos, "xenitivo", e esta forma de γένεσις genesis, "orixe"), disciplina da bioloxía, é a ciencia da herdanza e variación xenética nos seres vivos. O feito como os seres vivos herdan os trazos dos seus proxenitores foi usado desde tempos prehistóricos para mellorar os cultivos de plantas e animais a través da selección de cultivos. Non obstante, a xenética moderna, a cal intenta buscar o modo de entender o proceso de herdanza, só comeza co traballo de Gregor Mendel a mediados do século XIX. Aínda que non sabía nada acerca das bases físicas da herdanza, Mendel observou que os organismos herdan os trazos de xeito discreto; estas unidades básicas de herdanza son hoxe coñecidas como xenes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.