Herba

En botánica, unha herba[1] ( pronunciación ) ou planta herbácea é unha planta que non presenta órganos decididamente leñosos. Os caules das herbas son verdes e morren xeralmente ao acabar a boa estación, sendo substituídos por outros novos se a herba é vivaz.

Herbs
Herbas
Campo, herba, Galicia
Campía

Características

Moitas herbas son anuais, nacendo de semente ao comezo da estación favorable deixando ao acabar esta novas sementes no chan. Existen tamén herbas vivaces, que retoñan dende talos subterráneos ou situados a niveis de chan. Os órganos subterráneos implicados son rizomas (talos horizontais) e bulbos. Moitas herbas bienais forman unha roseta de follas pegada ao chan no seu primeiro ano, no que non se reproducen, e un talo alto e florido, o escapo floral, no seu segundo ano.

Chámase megaforbias (herbas xigantes) a plantas que respondendo formalmente ao concepto anterior, acadan unha porte considerable, ata de varios metros. Este é o caso, por exemplo, das diversas especies de bananas (xénero Musa).

Na linguaxe común aplícase tamén a calquera planta que posúe valor culinario (herbas aromáticas) ou medicinal (herbas medicinais), con independencia do seu carácter herbáceo ou arbóreo, cando a parte da planta que se usa son as follas ou talos tenros. Pola contra, as especias son as sementes, bagas, codias, raíces ou outras partes da planta.

"Herba" ou "a herba" é tamén un termo do argot empregado para denominar ao cánnabis.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para herba.

Véxase tamén

Outros artigos

Athletic Coruña H.C.

O Athletic Coruña Hockey Club é un equipo de hóckey herba da cidade da Coruña. O seu equipo sénior masculino compite na Primeira División Nacional, terceira categoría do hóckey herba español. O club disputa os seus partidos nas instalacións no campo de herba da Torre.

Tamén dispón dun equipo feminino.

Billie Jean King

Billie Jean Moffitt King, nada en Long Beach (California) o 22 de novembro de 1943 é unha ex-xogadora de tenis dos Estados Unidos. Está considerada unha das xogadoras máis grandes do tenis e unha das mellores deportistas de toda a historia. Unha das súas mellores vitorias foi cando gañou a Bobby Riggs, campión masculino número 1 do mundo nos anos 1941, 1946 e 1947, quen a retou para demostrar “a superioridade do home sobre a muller”; a vitoria de King supuxo un golpe sobre a mesa na reclamación da igualdade deportiva entre homes e mulleres (cando levou a cabo este duelo, en 1973, ela tiña 30 anos e o 55).Precursora norteamericana campioa de tenis e activista polo cambio social, en 1973 ameazou con boicotear o Aberto de Tenis dos Estados Unidos a menos que as mulleres recibisen un premio en diñeiro igual ao dos homes. A súa demanda foi atendida e converteuse no primeiro gran torneo no seu tipo en ofrecer igualdade nas retribucións.

Obama subliñou que esta deportista contribuíu á igualdade de xénero non só no deporte, senón en todos os ámbitos da vida pública. King converteuse nunha das primeiras e máis importantes figuras femininas do deporte nos Estados Unidos. Despois da súa carreira profesional de tenis, cando cofundou e dirixiu a World Team Tennis League, King converteuse na primeira comisionada da muller nos deportes profesionais.É gañadora de 39 títulos de Grand Slam: 12 individuais, 16 en dobres feminino e 11 en dobres mixto.

Botánica

A botánica, (do grego βοτάνη = herba) ou fitoloxía (do grego φυτόν = planta e λόγος = tratado), é unha rama da bioloxía e é a ciencia que se ocupa do estudo das plantas. O concepto de vexetal, que estaba claro en tempos de Aristóteles, quedou esvaecido polo avance do coñecemento, chegándose a definir como todo aquilo que estuda a botánica. Na práctica, os botánicos estudan as plantas, as algas e os fungos. No campo da botánica, hai que distinguir entre a botánica pura, cuxo obxecto é ampliar o coñecemento da natureza; e a botánica aplicada, cuxas investigacións están ao servizo da tecnoloxía agraria, forestal, farmacéutica etc.

A botánica cobre un amplo abano de contidos, que inclúen aspectos específicos propios dos vexetais; das disciplinas biolóxicas que se ocupan da composición química (fitoquímica); a organización celular (citoloxía vexetal) e tisular (histoloxía vexetal); do metabolismo e o funcionamento orgánico (fisioloxía vexetal), do crecemento e o desenvolvemento; da morfoloxía (fitografía); da reprodución; da herdanza (xenética vexetal); das enfermidades (fitopatoloxía); das adaptacións ao ambiente (ecoloxía), da distribución xeográfica (fitoxeografía ou xeobotánica); dos fósiles (paleobotánica) e da evolución.

Campo Municipal das Cancelas

O Campo Municipal das Cancelas é un recinto deportivo adicado ó fútbol situado a carón do cuartel da Garda Civil en Santiago de Compostela. As instalacións están xestionadas polo concello, o mesmo que o Estadio Multiusos de San Lázaro e o Campo Municipal de Santa Isabel.

Céspede artificial

O céspede, herba ou pasto artificial, ou sintético, é unha moqueta industrial que se asemella ao céspede natural, pero fabricada con plástico e materiais sintéticos. Actualmente é moi frecuente o seu uso en terreos deportivos nos que orixinalmente se utilizaba céspede natural. Aínda que o seu uso é maioritariamente deportivo, tamén é usado en zonas residenciais e comerciais.

Entrecruces, Carballo

San Xens de Entrecruces é unha parroquia situada ao sur do concello coruñés de Carballo na comarca de Bergantiños. Segundo o IGE en 2011 tiña 863 habitantes (441 mulleres e 422 homes), distribuídos en 18 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 968 habitantes.

Entrecruces é unha parroquia que está dividida en dúas partes: Entrecruces da Alta e Entrecruces da Baixa. Estes nomes foron postos polos propios veciños da parroquia, fixándose na posición xeográfica de cada parte.

Esta parroquia posúe unha igrexa na cal se organizan enterros, cabos de ano e misas cada domingo. Tamén dispón dun cemiterio, que coidan os veciños, alternándose cada vez que teñen que limpar os panteóns ou cortar a herba do camposanto. Esta repartición da limpeza tamén o levan a cabo cando teñen que limpar a igrexa ou o xardín que a rodea

A parroquia ten sona pola fervenza do salto da Férveda, situada no río Outón, duns 50 metros de altura. Está rodeada de vexetación, e preto das ruínas dunha antiga central hidroeléctrica (a primeira central que lle proporcionou electricidade ao concello de Carballo) e de muíños restaurados.

Forraxe

Forraxe é unha denominación colectiva que abrangue calquera herba, verde ou seca, que se sega para dar de comer ó gando. Existen plantas herbáceas especificamente cultivadas a tal fin, como a alfalfa, o trevo ou o raigrás, e outras que se poden sementar para colleitar en verde, para forraxe, ou en seco, para aproveita-lo gran, como é o caso do millo ou do centeo. Tamén se pode destinar a forraxe a herba das prados naturais en épocas nas que non se utilicen para pasto directo.

É posible utilizar para alimentación animal outros produtos vexetais, normalmente subprodutos da agricultura ou da alimentación humana (como froitas ou patacas pequenas ou meradas, fariña ou farelo, tonas de pataca, os pendóns do millo, as follas dos nabos, ramallos de certas árbores etc.) así como, por suposto, o penso composto, pero estes produtos non se deben considerar forraxe.

Ademais da forma normativa forraxe, e as variantes ferraxa e ferraxe, tamén se denomina ferraña ou ferroia. Conceptos derivados son os de forraxear, seiturar herba para darlla ó gando, e o adxectivo forraxeiro, planta ou parte da planta utilizada con este fin.

Heimdall

Heimdall é o deus da luz na mitoloxía nórdica. Era fillo de Odín e de nove xigantas que o nutriron con sangue de xabarín.

Posuía unha vista aguda, un fino oído e podía estar sen durmir varios días, pero en cambio non podía falar. A súa percepción era tan extraordinaria que escoitaba medrar a herba, razón pola cal foi designado gardián da morada dos deuses (Asgard) e da ponte que a ela conducía (o arco da vella chamado Bifröst). Cunha trompeta chamada Giallarhorn, que Odín lle regalou, anunciou o combate entre deuses e xigantes, despois do cal viu a fin do mundo. Heimdall interveu na loita, na que foi morto polo deus maligno Loki. Unha tradición nórdica di que descendeu á terra e enxendrou en tres mulleres as tres liñaxes (castas): príncipes, súbditos e servos.

Herba aromática

Para ver a lista de especies de herbas aromáticas e especias véxase o artigo Lista de especies de herbas aromáticas.

As herbas aromáticas, herbas de cheiro ou finas herbas, son plantas que nacen bravas nos campos ou son cultivadas nas hortas ou explotacións agrarias polas súas cualidades aromáticas, recendentes, condimentarias ou, incluso, medicinais. Úsanse moito na cociña ademais de teren outros usos domésticos e industriais. A palabra condimento, do latín condimentum, significa: adubar, aderezar. de todos os xeitos non se deben confundir coas especias, empregadas como condimento seco ou en po.

Xeralmente se utilizan as follas das mesmas, xa sexan frescas, secas, ou deshidratadas, tanto para adubar os guisados coma para realzar os diversos recendos dos pratos culinarios, xa sexan en cru ou cociñados.

Durante moito tempo, e polo xeral, as herbas foron ignoradas, agás a menta, o pirixel e mais o allo. Algunhas só eran localmente coñecidas. De feito a cociña galega caracterízase pola case ausencia de uso de herbas recendentes (agás allo, pirixel, fiúncho, loureiro e algunha especie coma pemento).

Pertencen, en termos xerais, a tres familias botánicas:

as aliáceas: allo, cebola, ceboliño, chalotas etc.

as apiáceas: anxélica, carvea, cerefolio, fiúncho, pirixel etc.

as lamiáceas: maiorana, melisa, menta, ourego, segorella, sarxa, tomentelo etc.As herbas aromáticas secas teñen un recendo moi forte e deben ser utilizadas con mesura.

As flores aromáticas utilízanse para facer medicamentos e perfumes.

As mentas, especialmente a menta común emprégase para aromatizar o té e o seu extracto é usado na fabricación de caramelos, cremas dentais, entre outros produtos.

As aromáticas son utilizadas desde tempos inmemoriais e, segundo algúns investigadores, acompañaron as migracións e a evolución dos pobos que as utilizaban, inclusivamente protexendo a súa saúde, por mor ás súas propiedades antimicrobianas que, non só evitan algunhas infección, como a propia deterioración dos alimentos frescos. Alén diso, moitas destas plantas teñen propiedades medicinais, principalmente na facilitación dos procesos dixestivos.

No entanto, para manteren as súas propiedades, as herbas só deben ser engadidos aos alimentos no fin da súa preparación, xa que a calor prexudícaas.

A maioría das herbas verdes que aínda hoxe se utilizan son orixinarias da rexión do Mediterráneo.

Herbívoro

En zooloxía e en ecoloxía, un herbívoro é un animal (mamífero, peixe ou invertebrado) cuxa dieta alimenticia se basea principalmente na inxestión de plantas; aínda que, sendo as plantas herbáceas un subconxunto do reino vexetal, é máis correcto, desde o punto de vista semántico, o uso do termo fitófago.Na práctica, porén, moitos herbívoros tamén se alimentan de proteínas animais como, por exemplo, ovos.

Os humanos que non comen carne non son considerados herbívoros senón vexetarianos.

Na cadea trófica, os herbívoros son os consumidores primarios, mentres que os que se alimentan de carne son consumidores secundarios.

Hóckey

O hóckey é un deporte, ou familia de deportes, que consiste no enfrontamento entre dous equipos no cal, os xogadores, valéndose dun stick ou pau de madeira, teñen que levar unha bóla dura ou disco de caucho até a portería contraria para anotar un gol. Existen varias modalidades mais as principais son estas catro: sobre patíns, sobre patíns en liña, sobre herba e sobre xeo.

Infusión

Unha infusión é unha bebida obtida somerxendo unha substancia vexetal nun líquido moi quente co fin de extraer algún dos seus compoñentes solúbeis. A infusión prepárase vertendo auga a punto de ferver nunha cunca que conteña as follas secas, partes das flores ou dos froitos de diversas herbas aromáticas,

Luís Pimentel

Luís Benigno Vázquez Fernández-Pimentel, máis coñecido como Luís Pimentel, nado en Lugo o 18 de decembro do 1895 e finado na mesma cidade o 13 de febreiro de 1958, foi un médico e destacado poeta galego de vangarda, escritor en lingua castelá e, puntualmente, en lingua galega, cunha bibliografía escasa e dispersa. Pertencente á xeración de 1925 e relacionado coa xeración do 27, nel apréciase unha síntese de movementos vangardistas de dentro e de fóra de Galiza. A súa obra fundamental apareceu en Sombra do aire na herba (1959).

A Real Academia Galega designouno como figura a ser homenaxeada no Día das Letras Galegas do ano 1990.

Mala herba

Mala herba, herba adventicia ou herba daniña son termos que se refiren a toda planta que medra nunha leira agrícola ou xardín e non é apreciada ou querida nese lugar. A verba mala ten connotacións despectivas e subxectivas, polo que ás veces é preferíbel empregar os sinónimos adventicia ou infestante. As malas herbas forman o que se denomina maleza ou mata e o conxunto espeso de matas forma o mato ou matogueira, tamén chamado breña, coucheira, fraguiza, matagueira, vedramio.

Algunhas plantas coma a avea eran orixinalmente herbas adventicias que medraban bravas nas leiras de trigo até ficaren finalmente domesticadas. Algunhas especies, coma as o xénero Lolium ou do Melilotus son infestantes, mais tamén se lles pode dar uso forraxeiro.

Algunhas especies cultivadas, coma o xirasol ou a pataca, pódense comportar como malas herbas no caso de que nazan ou regromen ao ano seguinte no terreo no que instalemos un novo cultivo. Porén no caso xeral as malas herbas adoitan ser especies bravas e que producen danos económicos de importancia.

Normalmente o solo agrícola constitúe o denominado banco de sementes onde hai un alto número de sementes e partes vexetativas, moitas delas en estado de repouso e outras prontas a xermolar en canto teñan as condicións axeitadas. As sucesivas labras que adoitan deixan o solo esfarelado tamén favorecen o desenvolvemento das herbas adventicias.

A malherboloxía é a ciencia dedicada ao estudo deste tipo de plantas.

Pradaría

Unha pradaría ou pradería é unha terra chá ou de relevo suave, húmida ou de regadío, na cal seméntase e medra a herba co fin de xerar pasto para o gando. Polo xeral os prados mesofíticos medran en rexións húmidas e non moi frías, nas que apenas existe seca, baixo o dominio dos bosque caducifolios ou aciculifolios. As praderías forman ecosistemas creados pola actividade humana como fundamento dunha economía rural baseada na gandaría, mantendo a vexetación nun estado de subclímax.

Tabaco

Este artigo trata sobre a manufactura, para a planta Nicotiana tabacum, véxase artigo: Tabaco (planta).

O tabaco é a manufactura en diferentes presentacións (picado, en po e, particularmente, en cigarros), das follas secas da planta do tabaco (Nicotiana tabacum L.); considérase hoxe en día unha droga legal. O seu consumo está moi estendido por todo o mundo. É unha herba perenne, robusta, de 50 a 120 cm de altura, pegañenta ó tacto. Ten follas grandes e sésiles, e flores verde amarelentas. É unha planta oriunda de América tropical. O tabaco moderno deriva case na súa maioría da Nicotiana tabacum. O compoñente máis característico do tabaco é a nicotina, un alcaloide que se encontra nas follas en proporcions variables (dende menos do 1 % ata o 12 %).

Tenis

O tenis é un deporte que disputado entre dous xogadores (individuais) ou entre dous equipos formados por dous xogadores cada un (dobres). Cada xogador usa unha raqueta para golpear unha pelota de goma oca cuberta de feltro por riba dunha rede cara á cancha do opoñente.

O tenis moderno orixinouse no Reino Unido a finais do século XIX como "tenis de céspede", que tiña moitas similitudes con varios xogos de herba, así como co xogo antigo do tenis real. O tenis é un deporte olímpico, ademais de ser xogado por persoas de distintos niveis sociais de tódalas idades. O deporte pódese xogar por calquera que poida agarrar unha raqueta, o que inclúe as persoas en cadeira de rodas.

As regras do tenis cambiaron moi pouco desde a década de 1890. Dúas excepcións son que desde 1908 ata 1960 o xogador que sacaba debía ter un pé no chan todo o tempo e a adopción do tie-break nos anos 70. Ademais, recentemente produciuse a inclusión no tenis profesional dunha tecnoloxía electrónica de revisión xunto a un sistema de impugnación de puntos que permite a un xogador rebater a decisión dun xuíz (de liña ou cadeira) de se a pelota entrou ou non.

O tenis é moi popular en todo o mundo grazas aos catro torneos Grand Slam: o Aberto de Australia, Roland Garros, Wimbledon e o Aberto de Estados Unidos.

Álvaro Cunqueiro

Álvaro Patricio Cunqueiro Mora-Montenegro (máis coñecido simplemente como Álvaro Cunqueiro) nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo galego, considerado un dos grandes autores da literatura galega e de toda a literatura española do século XX. Foi director do xornal Faro de Vigo. Ingresou na Real Academia Galega en 1963. Foi nomeado fillo predilecto de Mondoñedo en 1965. Investírono doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela en 1980 e recibiu o Pedrón de Ouro no mesmo ano. Tamén en 1980 apareceu o I volume da súa Obra completa, e postumamente os volumes II (1982) e III (1983). En 1991 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Ao longo da súa vida chegou a usar os seguintes pseudónimos: Al Farish ibn Iaquim Al Galizi, Álvaro Labrada, Ariel García, Benito Moirón, Carlos Sobrado, Cristóbal Xordán, M. Mª Seoane, Manuel da Fonte, Mark Tapley, Patricio Mindonio, Patricio Mor, X. Berenguer, Xusto Cabarcos, Filón o Mozo.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.