Hannes Kolehmainen

Juho Pietari "Hannes" Kolehmainen - (9 de decembro de 1889 en Kuopio; 11 de xaneiro de 1966 en Helsinqui). Atleta finlandés especialista en probas de longa distancia que gañou catro medallas de ouro olímpicas e unha de prata entre os Xogos Olímpicos de Estocolmo 1912 e os de Antuerpen 1920.

Está considerado como o pioneiro da xeración de atletas finlandeses que dominaron as probas de media e longa distancia nos anos 20, e aos que se coñece coma os Finlandeses Voadores ("Flying Finns"), tales como Paavo Nurmi, Ville Ritola, Albin Stenroos ou o propio Kolehmainen.

Kolehmainen procedía dunha familia de tradición deportiva (os seus irmáns Willy e Tatu tamén eran corredores de fondo), e converteuse nunha das grandes estrelas dos Xogos Olímpicos de 1912, ao gañar tres medallas de ouro (5.000 m, 10.000 m e cross-country individual) e unha de prata (cross-country por equipos)

A súa actuación máis memorábel nestes Xogos foi a súa vitoria nos 5.000 metros, onde mantivo un gran duelo co francés Jean Bouin. Despois de dominar a maior parte da carreira, Bouin viuse superado por Kolehmainen nos metros finais. O tempo do vencedor foi de 14:36,6 un novo récord do mundo.

Por esta época Finlandia era parte do Imperio Ruso, e aínda participaba nos Xogos Olímpicos cun equipo propio, nas vitorias dos seus deportistas era a bandeira rusa a que se izaba. Isto fíxolle dicir a Kolehmainen que case desexaba non ter gañado para non ter que ver ondear esa bandeira.

Tralos Xogos trasladouse aos Estados Unidos, onde residiu ata 1921, e participou en numerosas competicións. A súa carreira deportiva sufriu un duro golpe polo estalido da Primeira Guerra Mundial, que fixo que se suspenderan os Xogos Olímpicos de 1916, previstos en Berlín.

Trala guerra, nos Xogos Olímpicos de 1920, volveu a conseguir un gran éxito ao vencer na proba de maratón, e ademais batendo o récord mundial con 2h32:35. A 2ª posición foi para o estoniano Jury Lossman, que chegou só a 13 segundos, e a 3ª para o italiano Valerio Arri, a case 4 minutos do gañador.

Retirouse do atletismo en 1923, pero Finlandia atoparía sucesores do talle de Paavo Nurmi, Wille Ritola o Albin Stenroos, que manterían durante varios anos a hexemonía de Finlandia nas probas de mediofondo e fondo.

Moitos anos despois, na cerimonia inaugural dos Xogos Olímpicos de 1952, Kohlemainen foi o encargado de prender o facho olímpico, despois de recibilo de mans de Paavo Nurmi Era un xeito de render tributo á época dourada do atletismo finlandés.

Kohlemainen faleceu en Helsinqui o 11 de xaneiro de 1966 aos 76 anos de idade.

Hannes Kolehmainen
Hannes Kolehmainen
Nome completoJuho Pietari Kolehmainen
Nacemento9 de decembro de 1889
 Kuopio
Falecemento11 de xaneiro de 1966
 Helsinqui
NacionalidadeFinlandia e Estados Unidos de América
Ocupaciónfondista, maratonista e atleta
Cadro de medallas
Atletismo masculino
Xogos Olímpicos
Ouro Estocolmo 1912 5.000 m
Ouro Estocolmo 1912 10.000 m
Ouro Estocolmo 1912 Cross country individual
Ouro Antuerpen 1920 Maratón
Prata Estocolmo 1912 Cross country por equipos

Marcas persoais

Ligazóns externas

11 de xaneiro

O 11 de xaneiro é o 11º día do ano do calendario gregoriano. Quedan 354 días para finalizar o ano, 355 nos anos bisestos.

Emil Zátopek

Emil Zátopek, nado en Kopřivnice o 19 de setembro de 1922 e finado en Praga o 21 de novembro de 2000, coñecido como a "locomotora checa", foi un atleta checo coñecido por gañar tres medallas de ouro en atletismo nos Xogos Olímpicos de Helsinqui. Gañou o ouro en 5.000 m e 10.000 m, pero a terceira medalla conseguiuna de xeito case que incríbel, competindo por primeira vez na súa vida na maratón.

Zátopek foi o primeiro atleta en romper a barreira dos 29 minutos nos 10.000 metros no ano (1954). En 1951 xa correra por baixo da hora nos 20 km. En total conseguiu 18 récords do mundo. Está considerado como un dos mellores corredores do século XX e tamén foi coñecido polos seus brutais métodos de adestramento.

Gaston Reiff

Gaston Reiff, nado o 24 de febreiro de 1921 e finado o 6 de maio de 1992, foi un atleta belga, gañador da medalla de ouro na proba dos 5.000 m nos Xogos Olímpicos de Londres de 1948.

Gunnar Höckert

Gunnar Mikael Höckert (12 de febreiro de 1910; 11 de febreiro de 1940) foi un atleta finlandés, gañador dos 5.000 metros nos Xogos Olímpicos de Berlín.

A final dos 5.000 m nas Olimpíadas de Berlín comezou a un bo ritmo, marcado polo estadounidense Donald Lash, ata que tres finlandeses o alcanzaron despois de 2000 m. A carreira pronto virou nunha loita entre Höckert e o campión olímpico Lauri Lehtinen que ademais defendía o record mundial. Na última volta Höckert adiantou a Lehtinen para facerse coa vitoria e acadar a mellor marca da tempada con 14:22.

Despois nese mesmo ano, o 16 de setembro en Estocolmo, Höckert acadou o record mundial nos 3.000 m (8:14.8). Unha semana despois, na mesma pista, bateu un segundo record mundial na proba das 2 millas (8:57.4). E outra semana despois disto, igualou o record mundial en posesión de Jules Ladoumegue na proba dos 2.000 m (5:21.8) en Malmö, Suecia.

O resto da carreira deportiva de Höckert foi obstaculizada pola reuma, e nunca máis logrou achegarse ás marcas do ano 1936. En 1939 loitou na Guerra de Inverno como voluntario e así morreu no Istmo de Carelia xusto un día despois do seu trinta aniversario.

Ilmari Salminen

Ilmari Salminen, nado en Elimäki o 21 de setembro de 1902 e finado en Kouvola o 5 de xaneiro de 1986, foi un atleta finlandés, campión dos 10.000 m nos Xogos Olímpicos de Berlín de 1936 e un dos maiores fondistas dos anos 30, integrante do grupo de grandes corredores coñecido como Finlandeses Voadores.

John Ngugi

John Ngugi (10 de maio de 1962 en Nyahururu, Kenya) é un corredor kenyano de longa distancia que foi campión olímpico dos 5.000 metros nos Xogos Olímpicos de Seúl.

Ngugi deuse a coñecer a mediados dos anos 80 nas probas de cross-country, especialidade na que conseguiu cinco títulos de campión do mundo, catro deles consecutivos (1986-1989 e 1992). Isto é algo que ninguén conseguira antes.

Na pista, participou nos Campionatos do Mundo de Roma de 1987 na proba de 5.000 metros. Tras gañar comodamente a súa serie clasificadora, semellaba un dos candidatos a medalla, pero acabou nunha decepcionante 12ª posición.

Nos Xogos Olímpicos de Seúl gañou a medalla de ouro nos 5.000 metros, despois de correr en solitario case toda a proba. A súa marca de 13:11,70 foi a mellor do mundo ese ano. Segundo foi o alemán occidental Dieter Baumann (13:15,52) e terceiro o alemán oriental Hansjörg Kunze (13:15,73).

Nos Xogos da Commonwealth de Auckland en 1990, Ngugi gañou a medalla de prata nos 5.000 metros, véndose superado no sprint final polp case descoñecido australiano Andrew Lloyd, que lle venceu por só oito centésimas. Esta foi a súa derradeira competición importante antes da súa retirada.

En 1993 rexeitou pasar un control antidopaxe por sorpresa, e por iso recibiu dous anos de suspensión, o que supuxo o final da súa carreira deportiva.

Kenenisa Bekele

Kenenisa Bekele (en amhárico: ቀነኒሳ በቀለ), nado o 13 de xuño de 1982 en Bekoji (Oromia), é un atleta etíope, especialista nas carreiras de longas distancia e no cross. Actual campión olímpico e mundial de 10.000 m, é tamén o posuidor do récord do mundo nesa distancia e foi campión do mundo de cross en distancia longa (ao redor de 12 km) en seis ocasións, entre elas en 2008.

Lasse Virén

Lasse Artturi Virén (22 de xullo de 1949 en Myrskylä) é un atleta finés retirado, gañador de catro medallas de ouro nos Xogos Olímpicos de 1972 e 1976 en 5.000 e 10.000 metros.

Policía de profesión debutou na alta competición en 1971 nos Campionatos de Europa celebrados en Helsinqui. Foi unha das grandes estrelas dos Xogos Olímpicos de Múnic, ao conseguir gañar tanto en 5.000 como en 10.000 m, nesta última especialidade bateu o record mundial con 27:38,4 nunha carreira épica na que tropezou e caeu na volta doce, inda así ergueuse conseguindo a vitoria e o record. Foi o cuarto atleta da historia en gañar ambas as dúas probas nuns Xogos Olímpicos, despois de Hannes Kolehmainen en 1912, Emil Zátopek en 1952 e Vladimir Kuts en 1956. Poucas semanas despois dos Xogos de Helsinqui estableceu un novo record mundial nos 5.000 m con 13:16,4.

Nos Campionatos de Europa de Roma en 1974 gañou o bronce nos 5.000 m e foi 7º nos 10.000 m. Nos Xogos Olímpicos de Montreal 1976 gañou o ouro nos 5.000 y nos 10.000, mentres que foi 5º na maratón. Foi o primeiro atleta, e o único, en gañar os 5.000 e os 10.000 m en dous Xogos Olímpicos. Con todo as súas vitorias levantaron controversias, nos Xogos Olímpicos de 1976 deu a volta de honra cuns tenis na man, o comité Olímpico Internacional acusouno de motivacións malévolas, como amosar o logo dos tenis. Tamén foi acusado de practicar a hemotransfusión que non era ilegal na época pero que el sempre negou.

Despois de retirarse do atletismo tras os Xogos Olímpicos de 1980 nos que quedou quinto nos 10.000 metros. entrou en política e foi deputado no Parlamento finés.

Lauri Lehtinen

Lauri Aleksanteri Lehtinen (10 de agosto de 1908 en Kerkkoo; 4 de decembro de 1973 en Helsinqui). Foi un atleta finlandés, gañador dos 5000 metros nos Xogos d'Os Ánxeles de 1932.

Lauri Lehtinen estableceu un novo record mundial nos 5.000 m (14:17.0) xusto un mes antes dos Xogos Olímpicos, converténdoo no favorito para a proba dos 5.000 m. Na final, Lehtinen e o seu compatriota Lauri Virtanen lideraron cedo a carreira. Desfixéranse do resto de competidores agás do estadounidense Ralph Hill. Pronto a carreira se converteu nunha loita entre Lehtinen e Hill. Na derradeira volta, Hill intentou alcanzar a Lehtinen. O finlandés vendo isto bloqueoulle o paso facendo zigzags o que alporizou á multitude. Ó final, Lehtinen cruzou primeiro 50 centímetros por diante do seu rival. Aínda que esta táctica era habitual en Europa, a audiencia americana non estaba afeita así que apuparon a Lehtinen. Hill descartou facer unha reclamación, aínda que ambos rexistraran o mesmo tempo 14:30. Esta foi a única ocasión na que nunha carreira de máis de 200 metros nuns Xogos Olímpicos os dous finalistas rexistraron a mesma marca.

Nos Xogos Olímpicos de Berlín, Lehtinen non puido defender o seu título, finalizando segundo despois do seu compatriota Gunnar Höckert.

En 1940, Lehtinen donou a súa medalla de ouro, acadada nos Xogos d'Os Ánxeles, a un soldado que servira con honor no Istmo de Carelia. O xesto de Lehtinen foi un sinal de respecto ao seu compañeiro Höckert, que morrera loitando no Istmo.

Millon Wolde

Millon Wolde, nado en Adís Abeba o 17 de marzo de 1979, é un atleta etíope, campión olímpico dos 5.000 metros nos Xogos Olímpicos de Sidney.

Miruts Yifter

Miruts Yifter, nado o 15 de maio de 1944 en Adigrat, rexión de Tigray (Etiopía), é un corredor etíope de longa distancia, que gañou as probas de 5.000 e 10.000 metros nos Xogos Olímpicos de Moscova. Debido ao seu poderoso cambio de ritmo nos metros finais, era alcumado "Yifter the Shifter", que quere dicir algo así como Yifter "o cambiador".

De orixe humilde, na súa xuventude adicouse a diversos oficios: operario nunha fábrica, condutor de carruaxes... Máis tarde alistouse no Exército, e alí foi onde descubriron o seu talento para o atletismo.

O seu debut nos Xogos Olímpicos tivo lugar nos Xogos Olímpicos de Múnic, onde gañou a medalla de bronce nos 10.000 metros, nunha proba gañada polo finlandés Lasse Virén, e onde este bateu o récord mundial.

Tamén ía participar nos 5.000 metros, pero non se presentou na liña de saída da súa serie clasificadora por motivos que aínda hoxe son confusos.

Catro anos máis tarde non puido participar na Olimpíada de Montreal, a causa do boicot da maioría de nacións africanas, incluída Etiopía, a estes Xogos.

Na 1ª edición do Campionato do Mundo de Atletismo celebrado en Düsseldorf en 1977, conseguiu a vitoria tanto en 5.000 como en 10.000 metros. Repetiría esta dupla vitoria na seguinte edición, en Montreal 1979.

O acontecemento máis importante da súa carreira deportiva foron os Xogos Olímpicos de Moscova. Na final dos 10.000 metros lanzou o seu ataque a falta de 300 metros e conseguiu a vitoria con 27:42 por diante do finlandés Kaarlo Maaninka (prata) e o tamén etíope Mohamed Kedir (bronce).

Cinco días máis tarde, na final dos 5.000 metros, tivo moita máis resistencia, especialmente por parte do tanzano Suleiman Nyambui, a quen derrotou nos últimos metros da proba e realizou unha marca de 13:21, un novo récord olímpico. O bronce foi para o finlandés Kaarlo Maaninka, que fora prata nos 10.000 m.

De este xeito, Yifter convertíase no quinto home na historia en gañar os 5.000 e os 10.000 metros nuns Xogos Olímpicos, tras Hannes Kolehmainen en 1912, Emil Zátopek en 1952, Vladimir Kuts en 1956, e Lasse Virén en 1972 e 1976.

Unha das controversias que se presentou durante os Xogos Olímpicos de Moscova tiña que ver coa verdadeira idade de Miruts Yifter, o que contribuíu a rodear dun halo de misterio a este corredor. Había algúns que dicían que nacera en 1938 e que polo tanto contaba xa con 42 anos, pero outros rebaixaban esa cifra a 33. O propio Yifter nunca aclarou de forma definitiva estas dúbidas. Cando uns xornalistas lle preguntaron, el respondeu o seguinte: "Men may steal my chickens; men may steal my sheep. But no man can steal my age"

Na actualidade a versión máis aceptada sobre a súa data de nacemento é o 15 de maio de 1944, polo que tería 36 anos cando participou en Moscova.

Tralos Xogos non volveu conseguir nada destacable e retirouse en 1981.

Mohamed Gammoudi

Mohammed Tlili ben Abdallah, máis coñecido como Mohamed Gammoudi, nado en Sidi Ach o 11 de febreiro de 1938, é un atleta tunisiano especialista en probas de longa distancia. Foi campión olímpico dos 5.000 metros nos Xogos Olímpicos de México.

Murray Halberg

Murray Gordon Halberg, nado o 7 de xullo de 1933 en Eketahuna, é un atleta neozelandés.

Paavo Nurmi

Paavo Nurmi, nado en Turku o 13 de xuño de 1897 e finado en Helsinqui o 2 de outubro de 1973, foi un atleta finés. Durante a década dos anos vinte, Nurmi foi considerado como o mellor fondista e mediofondista do mundo, establecendo marcas mundiais en distancias que ían entre os 1500 m e os 20 km.

Ville Ritola

Vilho "Ville" Eino Ritola, nado o 18 de xaneiro de 1896 en Peräseinäjoki e finado o 24 de abril de 1982 en Helsinqui, foi un atleta finlandés especializado en carreiras de longa distancia. Integrante do fabuloso grupo de atletas de Finlandia coñecido como Flying Finns (Finlandeses Voadores), con Paavo Nurmi, Hannes Kolehmainen, Albin Stenroos e o propio Ritola, quen era coñecido co alcume "O lobo de Peräseinäjoki", que durante os anos 20 do século XX dominaran os eventos de medio fondo e fondo no atletismo dos Xogos Olímpicos.

Ritola emigrou para os Estados Unidos aos 17 anos, para unirse a sete irmás que emigraran anos antes e alá uniuse ao "Club de Atletismo Finlandés-Americano", onde comezou a adestrar xunto ao grande campión finlandés Hannes Kolehmainen, que se mudara para os Estados Unidos logo dos Xogos Olímpicos de 1912. Kolehmainen tentou convencelo de que se integrara no equipo finlandés para os Xogos de Antuerpen de 1920, mais Ville non aceptou, acreditando que aínda non estaba preparado para disputar con éxito unha competición do nivel dunha Olimpíada.

En 1924, participou brillantemente nos Xogos Olímpicos de París, conquistando catro medallas de ouro e dúas de prata. Tendo como sombra no equipo o grande Paavo Nurmi, Ritola venceu nos 10.000 m (Nurmi non participou) con media volta de vantaxe sobre os adversarios e superando en 12s o seu propio record mundial. Tres días despois vencería nos 3.000m obstáculos chegando 75 m por diante do segundo clasificado. Ó día seguinte competiu co seu compatriota Nurmi nos 5.000 m conquistando a medalla de prata e nos seguintes días conquistaría xunto co seu equipo dúas medallas de ouro no campo a través e nos 3.000 m por equipos.

Nos Xogos Olímpicos de Amsterdam 1928, Ritola volvería a brillar xunto con Nurmi, derrotando ó lendario Home do Reloxo na proba dos 5.000 m e perdendo nos 10.000 m, ficando coa prata. Con estes resultados, Ritola rematou a súa carreira olímpica cun total de catro medallas de ouro e tres de prata.

Nas súas dúas participacións olímpicas Ritola sumara cinco medallas de ouro e tres de prata. Como curiosidade, nunca participou nos campionatos de Finlandia, pola contra si o fixo nos dos Estados Unidos, país onde residía, e onde acadou numerosos títulos ao longo dos anos 20. Logo dos Xogos de Amsterdam, Ville Ritola abandonou o atletismo e volveu ao seu país natal en 1971, morrendo en Helsinqui o 24 de abril de 1982, aos 86 anos de idade.

A súa carreira e a fantástica aceleración que tiña no final das carreiras deixando subitamente atrasados aos seus rivais, inspirou unha expresión coloquial usada en finlandés, "Ottaa ritolat", é dicir, "facer un Ritola", que significa, saír abruptamente e rapidamente dalgún lugar.

Vladimir Kuts

Vladímir Pétrovich Kuts - (7 de febreiro de 1927 en Aleksino, Ucraína; 16 de agosto de 1975 en Moscova). Corredor soviético de longa distancia, campión olímpico de 5.000 e 10.000 metros nos Xogos Olímpicos de Melbourne.

Kuts era oficial do exército. A nivel internacional deuse a coñecer nos Campionatos de Europa de 1954 en Berna, onde gañou nos 5.000 metros derrotando os grandes favoritos, o checo Emil Zátopek e o británico Christopher Chataway, e batendo ademais o récord mundial con 13:56. Foi o primeiro dos seus catro récords mundiais nesta proba. Kuts perdería o récord mundial meses máis tarde (Chataway), aínda que Kuts o bateu de novo 10 días despois.

Nos Xogos Olímpicos de 1956 era un dos favoritos en 5.000 e 10.000 metros. Pouco antes dos Xogos establecera en Moscova un novo récord mundial nos 10.000 metros con 28:30.

Na primeira final, precisamente a de 10.000 metros, Kuts liderou a proba desde o inicio, como era habitual nel. A falta de catro voltas ningún dos seus rivais puido seguilo gañando comodamente.

Cinco días máis tarde, a final dos 5.000 metros presentábase a priori máis complicada, pois estaba presente o británico Gordon Pirie, que batera ese ano o récord mundial. Porén, á hora da verdade Kuts volveu gañar sen demasiados problemas. Era a súa segunda medalla de ouro e deste xeito convertíase no terceiro home na historia en facer o dobrete en 5.000 e 10.000 metros nos mesmos Xogos, tras Hannes Kolehmainen en 1912 e Emil Zátopek en 1952.

En 1957 estableceu en Roma o seu último récord mundial nos 5.000 metros con 13:35 unha marca que permanecería ata 1965, cando a superou o australiano Ron Clarke.

Kuts retirouse do atletismo en 1959.

Faleceu dun infarto de miocardio en 1975, en Moscova, con tan só 48 anos. Kuts foi o mellor corredor de fondo que houbo na Unión Soviética.

Xogos Olímpicos de 1912

Os Xogos Olímpicos de 1912 realizáronse en Estocolmo, capital de Suecia, entre o 5 de maio e o 27 de xullo coa participación de 2407 atletas (48 mulleres) de 28 países. Abertos oficialmente polo Rei Gustavo V, os xa bastante concorridos, prestixiados e famosos Xogos foron un modelo da eficiencia sueca e o primeiro no que compareceron atletas de todos os cinco continentes representados na bandeira olímpica.

Dotados dunha estrutura nunca antes vista, estes foron os primeiros Xogos que utilizaron un, na época, moderno sistema de son con altofalantes espallados polo complexo olímpico e pola cidade, para informar sobre os resultados de cada deporte disputado; alén diso, Estocolmo empregou por primeira vez un sistema de fotografías e cronometraxe semieletrónica, para a marcación dos tempos da Natación e do Atletismo.

Foron tamén os primeiros onde houbo unha cerimonia coreografada de apertura, antes da entrada das delegacións nacionais, realizada por douscentos rapaces vestidos de branco no centro do campo do Estadio Olímpico.

Xogos Olímpicos de 1952

Os Xogos Olímpicos de 1952 foron realizados en Helsinqui, en Finlandia, patria dalgúns dos maiores atletas olímpicos de antes da segunda guerra mundial e de todos os tempos; e foron os maiores deles, Hannes Kolehmainen e Paavo Nurmi, os responsables do momento máis emocionante da apertura do evento, cando, xa homes de certa idade, entraron no estadio conducindo a facho olímpico e acendendo o pira olímpica.

Helsinqui conquistou o dereito de sediar os Xogos no congreso do COI de 1947, derrotando como cidade candidata as pretensións de Ámsterdan, Atenas, Lausana, Estocolmo e cinco cidades norteamericanas; antes, ela xa fora escollida para sediar os Xogos de 1940, cancelados por causa da II guerra mundial.

Participaron nestes Xogos un total de 4.955 atletas, sendo 519 deles mulleres, representando 69 estados, un récord até entón.

Campións olímpicos de 5.000 metros.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.