Haití

A República de Haití é un país do Caribe, na parte occidental da illa A Española, limitando, xa que logo, con República Dominicana polo leste; ao norte ten o Océano Atlántico e ao sur e ao oeste ten o Mar Caribe. O seu territorio comprende igualmente a illa La Gonâve, a illa da Tartaruga, o arquipélago das illas Cayemites e a Illa da Vaca, así como outros diversos illotes. A inhabitada illa de La Navasse é reclamada por Haití ante a administración dos Estados Unidos. A súa área total é de 27.750 km cadrados, albergando unha poboación de 10 033 000 habitantes (2009).[2]. A súa capital e cidade máis importante é Porto Príncipe.

Haití é unha antiga colonia francesa, foi o primeiro país en Latinoamérica en declarar a súa independencia e o segundo do continente tras Estados Unidos. Accedeu á independencia tras un proceso revolucionario de carácter abolicionista iniciado en 1791 que desembocou nunha prolongada loita armada contra Francia, a potencia colonizadora desde finais do século XVII. Este proceso converteu a Haití, cuxa base étnica da poboación ten nun 95% a súa orixe en habitantes da África subsahariana, en escenario do primeiro caso na Historia de escravos que se emancipan deste xeito. Este episodio é especificamente lembrado polas Nacións Unidas mediante a Resolución 29/C40, que constitúe o Día internacional do recordo da trata negra e da súa abolición o 23 de agosto,[3] e a institución da medalla Toussaint Louverture, en homenaxe a un dos líderes políticos haitianos.

Haití está constituído en forma de república semipresidencialista segundo a Constitución aprobada en 1987, pero cuxa vixencia ficou suspendida dende aquela en varias ocasiones pola violencia, particularmente tralo golpe de estado militar de 1991 e a crise de 2004, onde interviñeron as Nacións Unidas mediante o destacamento da Misión de Estabilización das Nacións Unidas en Haití (MINUSTAH). Tras un proceso electoral tutelado pola comunidade internacional en 2006, o Xefe do Estado, escolleito por sufraxio universal, é René Préval mentres que a Asemblea Nacional de Haití designou no 2009 a Jean-Max Bellerive como primeiro ministro.

A economía de Haití xerou no 2009 un PIB nominal de 6.908 millóns de dólares e unha renda per cápita de 772 dólares,[4] sendo a máis pobre de todo o continente americano e unha das máis desfavorecidas do mundo. Segundo The World Factbook, o 80% da súa poboación vive na miseria e dous terzos da xente dependente do sector da agricultura e pesca,[5] tradicionalmente organizado en pequenas explotacións de subsistencia. Houbo unha intensiva e descontrolada deforestación que minguou a superficie arborada de Haití do 60% en 1923 a menos do 2% en 2006.[6] As devastadoras tormentas tropicais que sofre afectan ás escasas infraestruturas de comunicacións que ten, aumentando máis así a súa inestabilidade. O sector industrial máis relevante é o téxtil, que representa máis do 75% do volume de exportacións, principalmente cara Estados Unidos, e o 90% do PIB.[7] Haití está incluído no programa do Fondo Monetario Internacional e do Banco Mundial como país en vías de desenvolvemento altamente endebedado (Highly-Indebted Poor Country, HIPC).[8]

Coordenadas: 19°00′N 72°25′O / 19.000, -72.417

República de Haití
Repiblik d Ayiti
République d'Haïti
Bandeira de Haití
Escudo de Haití
BandeiraEscudo
Haiti (orthographic projection)
Lema: L'union fait la force
(Francés: A unión fai a forza)
Capital
 • Poboación
Porto Príncipe
1 900 000 (2003)
Cidade máis poboadaPorto Príncipe
Linguas oficiaisCreole haitiano, francés
Forma de gobernoRepública
Jovenel Moïse
Jean-Michel Lapin
Independencia de Francia1 de xaneiro de 1804
SuperficiePosto 147º
 • Total27 750 km²
 • % auga0,7%
Fronteiras360 km
Costas1 771 km
PoboaciónPosto 90º
 • Total (2005 est.)8 121 622 hab.
 • Densidade255 hab./km²
PIB (nominal)
 • Totaln/d
 • per cápitan/d
PIB (PPA)Posto 128º
 • Total (2008)11 570 millóns de dólares [1]
 • per cápita1 317 dólares[1]
MoedaGourde (HTG)
IDH (2006)0.482 (154º) – Baixo
XentilicioHaitiano, -a
Fuso horarioUTC-5
 • Horario de veránUTC-4
Dominio de Internet.ht
Prefixo telefónico+1 509
Prefixo radiofónicoHHA-HHZ, 4VAI-4VZ
Código ISO332 / HTI / HT
Membro de: ONU, OEA, CARICOM, UL, Grupo de Río, AEC.

Historia

Artigo principal: Historia de Haití.

A illa de Haití foi descuberta o 5 de decembro de 1492 por Cristóbal Colón e fai parte das chamadas Antillas Maiores. Antes do descubrimento español, estaba habitada polas culturas arauacos, caribes e taínos; a súa poboación estimada entón era duns 300.000 habitantes.

En 1804, Jean Jacques Dessalines proclamou a independencia de Haití e erixiuse emperador. En 1822, as tropas haitianas invadiron a parte oriental da illa de A Española (República Dominicana), que non recobrou a súa independencia ata 1844. A grande inestabilidade política do país serviu a Estados Unidos como pretexto para invadilo e exercer así un control absoluto ata 1934.

Os sucesos seguintes reflectiron a pugna entre as autoridades mulatas e as masas populares afrodescendientes.

En 1957 foi elixido como Presidente de Haití François Duvalier, coñecido popularmente como Papa Doc, quen gobernou dictatorialmente con axuda militar e financeira de Estados Unidos, e ata en 1964 fíxose proclamar presidente vitalicio. O seu fillo Jean-Claude Duvalier (Baby Doc) sucedeuno en 1971. En xaneiro de 1986 unha insurrección popular obrigoulle a exiliarse e o exército fíxose co control do poder mediante a formación dun Consello Nacional de Goberno, presidido polo xeneral Henri Namphy.

En xaneiro de 1988 foi presidente Leslie François Manigat, deposto en xullo do mesmo ano por Namphy. Derrocado á súa vez por Prosper Avril. Tras unha presidencia de provisional de Ertha Pascal Trouillot, deposta por un golpe de estado, foi presidente electo a partir de febreiro de 1991 Jean-Bertrand Aristide.

Jean Bertrand Aristide é tamén deposto por un golpe de estado no ano 2004. De aí rexurdiron violentos episodios que culminaron na ocupación de Haití por parte dos "Cascos Azuis" da ONU. No 2006, René Préval resulta electo presidente do país. A cronoloxía da historia haitiana é, pois, como segue:

  • 1492 : Descubrimento da illa por Cristóbal Colón.
  • 1517 : Autorización de trátaa de negros escravos por Carlos V.
  • 1697 : Separación da illa entre Francia e España baixo o tratado de Tordesillas.
  • 1685 : Promulgación do Código Negro baixo Luís XIV.
  • 1790 : Asemblea Colonial polos colonos brancos.
  • 1791 : Revolta dos escravos.
  • 1793 : Liberación dos escravos de Saint-Domingue polos comisarios Sonthonax e Polverel.
  • 1794 : Abolición xeral da escravitude pola Convención.
  • 1801 : Promulgación dunha constitución baixo Toussaint Louverture.
  • 1802 : Pacto de Amizade con Inglaterra. Expedición de Leclerc.
  • 1804 : Independencia de Haití.
  • 1822 : Haití invade a parte leste da illa de Santo.
  • 1826 : Recoñecemento da independencia por Francia, contra unha indemnización de 150 millóns de francos-ouro.
  • 1844 : Haití perde o control sobre a parte Este. Independencia de República Dominicana.
  • 1915-34 : Ocupación militar estadounidense.
  • 1957 : Elección de François Duvalier.
  • 1971 : Jean-Claude Duvalier sucede ao seu pai o 22 de abril.
  • 1986 : Foro e exilio de Jean-Claude Duvalier (7 de febreiro do 1986).
  • 1988 : Leslie F. Manigat (7 de febreiro do 1988 - 20 de xuño do 1988) (candidato á elección presidencial de 2006).
  • 1988 : Henri Namphy (20 de xuño de 1988 - 18 de setembro de 1988).
  • 1988 : Prosper Avril (18 de setembro de 1988 - 10 de marzo de 1990).
  • 1990 : Ertha Pascal-Trouillot (18 de marzo de 1990 - 7 de febreiro de 1991).
  • 1990 : Elección de Aristide.
  • 1991 : Aristide é vítima dun golpe de estado. Tras tres anos de exilio volvería en 1994 para terminar o mandato.
  • 1996 : Elección de René Gacia Préval (7 de febreiro 1996 - 7 de febreiro 2001).
  • 2001 : Elección de Jean-Bertrand Aristide.
  • 2004 : Deposición e exilio forzado de Jean-Bertrand Aristide. Instauración do goberno interino.
  • 2004 : Alexandre Boniface (presidente provisional do 29 de febreiro ao 14 de maio do 2006).
  • 2006 : Elección de René Preval.
  • 2010 : En xaneiro un terremoto causa milleiros de mortos e de feridos, e cuantiosos danos materiais.

Goberno e política

Haití é unha república presidencialista cun presidente elixido popularmente e unha Asemblea Nacional. De todos os xeitos, algúns sosteñen que é manexado por un goberno autoritario na práctica.

A constitución foi introducida en 1987 e está baseada nas constitucións de Estados Unidos e de Francia. Logo de ser suspendida por algúns anos, foi reinstaurada por completo en 1994.

Palacio presidencial de Haiti
Palacio presidencial

O 29 de febreiro de 2004, un golpe de estado encuberto, promovido por EEUU culminou coa renuncia do presidente Jean-Bertrand Aristide. No 2006 foi reelixido "democraticamente" o antigo aliado de Aristide, René Préval.

Organización político-administrativa

Artigo principal: Subdivisións de Haití.
Cap haitien
Cap Haitien

Haití está dividido en 10 departamentos (subdivisións):

  • Artibonito
  • Centro
  • Grand'Anse
  • Nippes
  • Norte
  • Nordés
  • Noroeste
  • Oeste
  • Sur
  • Sueste

Xeografía

Haiti Quake Map
Epicentro do terremoto de 2010.

Haití ocupa a terceira parte occidental da illa de A Española e inclúe algunhas illas e cayos pequenos próximos como Gronave e A Tartaruga. A superficie total alcanza os 27.750 km².

A parte de Haití correspondente á illa de A Española está constituída principalmente por montañas escarpadas con pequenas planicies e vales costeiros.

A cidade máis grande é a capital Porto Príncipe con 2 millóns de habitantes, seguido por Cabo Haitiano, con 600.000.

O clima de Haití é tropical. A estación máis chuviosa esténdese de abril a xuño e de outubro a novembro e con frecuencia, o país é azoutado por tormentas tropicais e ciclóns. O 18 de setembro de 2004, o furacán Jeanne alcanzou Haití. Unha semana despois, o balance non definitivo era de máis de 1160 persoas mortas e outras 1250 desaparecidas. Os efectos desta tormenta agravou as xa difíciles condicións de vida do país xa que deixou 170.000 persoas sen alimentos nin auga.

Economía

Artigo principal: Economía de Haití.

Haití é a economía menos desenvolvida para un país do hemisferio occidental. Indicadores sociais e económicos colocan a Haití en postos descendentes detrás doutros países en vías en desenvolvemento de baixos ingresos (particularmente no hemisferio) desde os anos 80. Haití está na posición 150 de 177 países no Índice de Desenvolvemento Humano da ONU.

Aproximadamente un 70% da poboación vive na pobreza. Cerca do 70% dos haitianos depende da agricultura, que consiste principalmente de agricultura de subsistencia a pequena escala e emprega preto das dúas terceiras partes da poboación economicamente activa. O país tivo moi poucos postos novos de traballo desde que o Presidente René Préval tomou posesión en febreiro de 2006, aínda que a economía informal está en crecemento. O fracaso no intento de lograr acordos con patrocinadores internacionais impediron que Haití obteña asistencia para un orzamento e programas de desenvolvemento.

Haiti-demographie
Evolución demográfica de Haití entre 1961 e 2003.

Demografía

No ano 2006, Haití tiña unha poboación de 8 300 000 habitantes. O 97.5% é negra e o restante 2.5% é branca (europeos ou descendentes). Aínda que Haití promedia preto de 270 persoas por quilómetro cadrado, a súa poboación está concentrada máis fortemente nas zonas urbanas, planicies costeiras e vales.

O francés é un dos dous idiomas oficiais, pero é falado por só o 10% da poboación. Case todos os haitianos falan Kreyòl (Crioulo, Creole haitiano), o outro idioma oficial do país. O inglés é falado entre os mozos e no sector comercial. O español é falado principalmente na zonas limítrofes á República Dominicana.

O catolicismo romano é a relixión estatal, a cal é profesada pola maioría. Algúns se converteron ao protestantismo. Moitos haitianos practican tamén as tradicións vodú, sen ningún conflito coa súa fe cristiá.

A esperanza de vida é de 53 anos. A media de fillos por muller é de 4.94 (a taxa máis alta de América). Só o 53% da poboación esta alfabetizada. Calcúlase que o 5.6% da poboación esta infectada co virus de HIV (SIDA). A súa relixión é católica e protestantes.

Deportes

Olympic flag.svg Haití nos Xogos Olímpicos

  • Haití é, quizais, o único país caribeño onde o deporte principal é o fútbol. Véxase: Selección de fútbol de Haití.

Festas

1º de xaneiro - Día da Independencia

Galería de imaxes

Riot PetionVille

MINUSTAH.

Haitian national palace earthquake

Palacio Presidencial despois do terremoto de 2010.

Notas

  1. 1,0 1,1 "Haití". Fondo Monetario Internacional. Consultado o 2 de febreiro de 2010.
  2. World Population Prospects, Table A.1. Nacións Unidas
  3. "23 de agosto: Día Internacional do Recordo da Trata de Escravos e da súa Abolición. Portal oficial de Unesco". Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2012. Consultado o 07 de abril de 2019.
  4. Datos do FMI
  5. The World Factbook. Portal de información da CIA.
  6. "Country Profile: Haiti. Biblioteca do Congreso de EE.UU." (PDF). Arquivado (PDF) dende o orixinal o 03 de xaneiro de 2006. Consultado o 03 de xaneiro de 2006.
  7. The World Factbook. Portal de información de la CIA.
  8. World Bank. HIPC program. List of Countries

Véxase tamén

Ligazóns externas

2004

2004 foi ano santo xacobeo.

29 de febreiro

O 29 de febreiro é o 60º día do ano do calendario gregoriano. Quedan 306 días para finalizar o ano. Este día só existe nos anos bisestos.

As persoas nadas neste día acostuman celebra-lo seu aniversario o 28 de febreiro ou 1 de marzo nos anos non bisestos. Na Unión Europea, o 29 de febreiro converteuse en día bisesto oficial no ano 2000.

A Española

A Española é unha illa das Grandes Antillas, no mar Caribe, situada ao sueste de Cuba e ao oeste de Porto Rico, ao sur do paralelo 20º. É a segunda illa máis grande do Caribe logo de Cuba, ten unha superficie de 76.000 km², unha lonxitude de 650 km e un largo máximo de 241 km. É unha illa de relevo moi accidentado; o punto máis alto é o Pico Duarte (3.175 m). O sueste está ocupado principalmente por grandes chairas.

Con máis de 15 millóns de habitantes, é a máis poboada das Antillas.

Politicamente esta dividida en dous países: a República de Haití, que ocupa o terzo occidental da illa, e a República Dominicana, nos dous terzos occidentais. É a única illa do Caribe que pertence a dous estados distintos.

América

América ( pronunciación ), as Américas, ou o Novo Mundo é unha división do mundo que se estende no Hemisferio Occidental desde o océano Ártico polo norte até case o océano Antártico polo sur, e está entre o océano Pacífico ao oeste, e o océano Atlántico ao leste. Está formado por dous subcontinentes (América do Norte e América do Sur), unidos por un estreito istmo. O seu nome deriva do explorador europeo Américo Vespucio.

É frecuente a sinécdoque de referirse con este nome aos Estados Unidos de América.

Bandeira de Haití

A bandeira de Haití foi adoptada oficialmente o 25 de febreiro de 1986, pero o seu deseño remóntase a comezos do século XIX, cando foi usada pola República de Haití baixo o presidente Alexandre Pétion en 1806.. É unha bandeira composta por dúas franxas horizontais, do mesmo tamaño, de cor azul (a superior) e vermella (a inferior). No centro da mesma figura, dentro dun rectángulo de cor branco, o escudo nacional. A bandeira de uso civil carece de escudo.

Bandeira de Liechtenstein

A bandeira de Liechtenstein (en alemán: Flagge Liechtensteins) consiste en dúas bandas horizontais de igual tamaño, sendo a superior azul e a inferior vermella, cunha coroa de duque dourada no lado do mastro da banda de arriba. As cores é probable que deriven das da familia real do Principado no século XVIII.

A bandeira azul e vermella de Liechtenstein data de 1921. A coroa foi engadida en 1937, despois de que se descubrise que a bandeira utilizada polo equipo olímpico nos Xogos de 1936 era idéntica á bandeira de Haití. O deseño da coroa foi lixeiramente modificado en 1982. A bandeira pode ser pendurada verticalmente ou horizontalmente, pero coa coroa sempre arriba á dereita.

Illa de Navassa

Navassa (en castelán: Navaza) é unha pequena illa deshabitada do Mar Caribe. É unha Área insular dos Estados Unidos, e constitúe un territorio non incorporado dos Estados Unidos, administrado polo Servizo de Pesca e Vida Silvestre dos EUA. Con todo, a illa é reclamada por institucións privadas e por Haití.

Kompa

a Kompa é un xénero musical haitiano de raíces africanas e europeas. Foi adoptado e recoñecido como a música nacional de Haití, e é decote presentado en festivais haitianos e acontecementos; mundialmente, varios festivais anualmente presentan música de Kompa e outros aspectos de cultura haitiana. Ten certas similitudes co zouk das Antillas francesas e cántase xeralmente en crioulo.

Lingua francesa

O francés (français) é a terceira das linguas románicas en número de falantes, despois do castelán e do portugués. En 1999, o francés era a 11a lingua máis falada no mundo, con uns 77 millóns de falantes como lingua materna (chamados francófonos) e uns 128 millóns no total, incluíndo os que a usan como segunda lingua.É unha lingua administrativa ou oficial en moitas comunidades e organizacións (como a Unión Europea, ONU, Unión Postal Universal, Unión Africana etc). Antes da Segunda Guerra Mundial o francés era considerado a lingua internacional por excelencia, particularmente na diplomacia, e unha lingua franca no comercio, navegación e transporte.

Mar Caribe

O mar Caribe é un mar tropical situado entre as costas orientais de América central e as setentrionais de América do Sur. Tamén é chamado mar das Antillas por seren estas illas os seus límites polo norte (Grandes Antillas) e polo leste (Pequenas Antillas de Barlovento). Ao noroeste comunica co golfo de México a través da canle do Iucatán, e co Océano Atlántico polas numerosas canles que se abren entre a grilanda que forman as Antillas. Ten unha área aproximada de 2 754 000 km² e alberga máis de 7 000 illas, illotes e arrecifes, moitos dos cales son moi pequenos e están deshabitados, que conforman a chamada rexión do Caribe. As illas cobren aproximadamente 235 688 km²; sendo Cuba a máis grande de todas.O seu fondo elévase na parte media formando un gran relevo desde as costas de Honduras e Nicaragua ata a illa de Xamaica. As maiores profundidades acádanse ao NO deste promontorio submarino, sendo o punto máis profundo a fosa das Illas Caimán, entre Cuba e Xamaica, con 7 686 metros de profundidade. O resto do mar Caribe ten unha profundidade máis uniforme que raramente supera os 5 500 metros. A profundidade media é de 2 200 metros.Tódolos países da zona -especialmente os das illas- son coñecidos como Caribe. Os principais países e territorios caribeños son:

En América Central: México (península do Iucatán), Belize, Guatemala, Honduras, Costa Rica e Panamá.

En América do Sur: Colombia (Rexión Caribe) e Venezuela.

Grandes Antillas: Cuba, Xamaica, Haití e a República Dominicana na illa da Española e Porto Rico.

Pequenas Antillas: Illas Virxes, divididas en británicas e estadounidenses, Antiga e Barbuda, Saint Kitts e Nevis, Guadalupe (departamento francés de ultramar), Dominica, Martinica (departamento francés de ultramar), Santa Lucía, Barbados, San Vicente e as Granadinas, Granada, Trinidad e Tobago, e as holandesas de Aruba, Curaçao e Bonaire (as dúas últimas forman parte das Antillas Neerlandesas).

Porto Príncipe

Porto Príncipe (no idioma oficial do país, o francés, Port-au-Prince) é a capital de Haití. Ten arredor de 2.000.000 de habitantes (2007) na área metropolitana. Situada no golfo de La Gonâve, Porto Príncipe exporta principalmente café e azucre, e produce nas súas fábricas alimentos, téxtiles e cemento.

República Dominicana

A República Dominicana é un país que ocupa algo máis dos dous terzos orientais da illa de Santo Domingo ou A Española, no arquipélago das Antillas. Limita ao norte co Océano Atlántico, ao sur co Mar Caribe ou Mar das Antillas, ao leste coa canle da Mona, que a separa de Porto Rico, e ao oeste coa República de Haití. Ten unha superficie de 48.670 km² e unha poboación de máis de 9 millóns de habitantes. A sede de goberno e capital do país é Santo Domingo de Guzmán.

Século XXI

Tempo entre 2001 e 2100 da era cristiá. É o século actual.

Xamaica

Xamaica (en inglés e oficialmente Jamaica) é unha illa e país das Grandes Antillas, de 240 km de longo e un máximo de 80 km de ancho, situado no mar Caribe. Está a 630 km do continente centroamericano, a 150 km ao sur de Cuba e a 180 km ao oeste da illa de A Española, na que están Haití e a República Dominicana.

Países
Territorios dependentes
Países
Territorios dependentes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.