Guipúscoa

Guipúscoa[1] (en éuscaro e oficialmente: Gipuzkoa; en castelán: Guipúzcoa) é unha provincia do País Vasco (España), ademais de ser unha das sete provincias (herrialdes) do País Vasco tradicional. Limita ao norte co mar Cantábrico, ao oeste con Biscaia, ao sur con Áraba e ao leste con Navarra e Iparralde (País Vasco francés), parte do departamento dos Pireneos Atlánticos. A súa capital é Donostia.

Guipúscoa é a provincia de menor superficie entre todas as de España, cunha área de 1.909 km². A súa poboación no ano 2007 alcanzaba 694.944 habitantes, o que a converte nunha das máis densamente poboadas de España (360,7 hab/km²).

Provincia de Guipúscoa
Gipuzkoako Probintzia
Guipúzcoa
Escudo de Guipuzcoa
Provincia Gipuzkoa
Capital Donostia
Área 1.909 km²
Poboación 705.698 hab. (2009)
Densidade 366,89 hab./km²
Concellos 88
Xentilicio Guipuscoano/a [1]
Gipuzkoa Kokapena
Provincia de Guipúscoa no País Vasco

Localidades importantes

Ademais da capital provincial, na costa destacan Irún, Hondarribia, Pasaia e Zarautz. En tanto Arrasate, Tolosa, Errenteria, Bergara, Azpeitia e máis Éibar, son poboacións importantes no interior do seu territorio.

Xeografía

Na zona litoral as montañas chegan até o mar. As rías son pouco profundas (Deba, Orio, Pasaia), excepto a do Bidasoa, que fai de fronteira con Francia. Na zona central hai unha rede de ríos a beira dos cales se sitúan os principais centros industriais. A zona sur é a máis montañosa e onde se erguen as cimas máis elevadas (Aizgorri, 1.544 m).

Gaztetape Getaria
Vista de Getaria.

Clima

O clima é de tipo atlántico con oscilacións de temperaturas non demasiado fortes, mais chuvia abundante e repartida durante todo o ano. En Donostia a temperatura media do mes máis frío é de 7,8 °C e a do máis cálido de 15,1 °C. A media de precipitacións anual é de 1.506 mm. En consonancia a vexetación é atlántica, con faias, carballos e grande abundancia de pradeiras.

Urbia 2
Macizo do Aizkorri desde Urbia.

Economía

A economía guipúscoana está caracterizada polo seu forte desenvolvemento da industria, pero ao contrario que Biscaia, que se desenvolveu a partir da industria pesada siderúrxica, Guipúscoa puxo en marcha unha industria lixeira diversificada sen perder. As industrias principais son a metalúrxica, a téxtil, a fabricación de armas e a de artes gráficas. A agricultura consiste sobre todo na obtención de forraxes para a gandería bovídea, que abastece a importantes empresas alimentarias. No litoral é moi importante a pesca (Pasaia é o porto pesqueiro máis importante), así como o turismo.

A rede de estradas e de ferrocarrís está ben desenvolvida. Hai aeroporto en Hondarribia.

Notas

  1. 1,0 1,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para guipuscoano.

Véxase tamén

Outros artigos

Andoain

Andoain é un concello da provincia e territorio histórico de Guipúscoa, en Euskadi. Forma parte da comarca de Donostialdea.

O seu termo municipal ten unha extensión de 27,17 km². Limita cos concellos de Urnieta, Aduna, Lasarte-Oria, Zubieta, Amasa-Villabona, Elduain e Zizurkil. Tiña en 2015 unha poboación de 14.668 habitantes.

Beasain

Beasain é un concello da provincia de Guipúscoa, en Euskadi. Atópase na comarca de Goierri, a 42 km de Donostia e 77 km de Pamplona.

O seu termo municipal ten unha extensión de 30,02 km². Tiña en 2015 unha poboación de 13.980 habitantes. É unha vila eminentemente industrial, na que destaca a empresa Construcciones y Auxiliar de Ferrocarriles (CAF).

Bergara

Bergara (en castelán Vergara) é un concello da provincia de Guipúscoa, País Vasco, pertencente á comarca de Debagoiena. Conta cunha poboación de 14.853 habitantes (2006). A extensión do termo municipal é de 75,97 km², cunha densidade de poboación de 195,52 hab./km². A súa altitude é de 110 msnm.

Biscaia

Biscaia (en éuscaro e oficialmente: Bizkaia; en castelán: Vizcaya) é unha provincia de Euskadi, ademais de ser unha das sete provincias do histórico País Vasco. Dá nome ao Golfo de Biscaia e situase ao norte da Península Ibérica, limitando ao norte co Mar Cantábrico, ao sueste coa provincia de Burgos, ao sur con Áraba, ao leste coa Guipúscoa e ao oeste coa de Cantabria. A súa capital é Bilbao.

A provincia esténdese por unha superficie de 2217 km², e no ano 2006 contaba cunha poboación de 1 139 863 habitantes, polo que ofrecía unha elevada densidade de cerca de 514 hab/km².

Errenteria

Errenteria, tamén chamada Orereta, é un municipio situado no cuadrante nororiental de Guipúscoa, País Vasco, España a 7 km de Donostia, a 476 de Madrid e a 10 da fronteira con Francia. O termo municipal ten unha superficie de 31 km², limita ao norte con Lezo, ao oeste con Hernani, Astigarraga e o barrio donostiarra de Altza, ao sur e sueste coas localidades navarras de Arano e Goizueta respectivamente, ao leste con Oiartzun e ao nor-noroeste coa baía de Pasaia. Pertence á comarca de Donostialdea.

A súa poboación rolda os 40.000 habitantes e é a terceira localidade máis poboada de Guipúscoa, tras Donostia e Irún.

Getaria

Getaria é un concello da provincia de Guipúscoa, no País Vasco. No ano 2014 tiña 2 696 habitantes. É principalmente coñecida como destino turístico no País Vasco e por ser a vila natal do mariño Juan Sebastián Elcano, que participou na primeira expedición que deu a volta ao planeta Terra, e capitaneou os derradeiros compases desta. Tamén é famoso o seu chacolí, que posúe a categoría de Denominación de Orixe Getariako Txakolina dende o ano 1989.

Legazpi

Legazpi é un concello da provincia de Guipúscoa, en Euskadi. Atópase na comarca de Goierri, a 55 km de Vitoria, 64 km de Donostia e 75 km de Bilbao.

O seu termo municipal ten unha extensión de 208,78 km². Limita ao norte con Antzuola, Urretxu e Zumarraga, ao oeste con Oñati, ao sur con Zegama e a parzonería de Altzania, e ao leste con Zerain, Mutiloa e Gabiria. Tiña en 2015 unha poboación de 8.521 habitantes.

Mondragón, Guipúscoa

Mondragón (en castelán: Mondragón, en éuscaro: Arrasate e no dialecto local Mondragoe[Cómpre referencia]; oficialmente Arrasate/Mondragón) é un concello de Guipúscoa, o máis poboado da comarca de Debagoiena, no País Vasco, con 22.116 habitantes, que ocupan unha área de 30,8 km².

Oiartzun

Oiartzun é un concello situado no nordés de Guipúscoa, en Euskadi. Atópase na comarca de Donostialdea, a 10 km de Donostia.

Tiña en 2016 unha poboación de 10.148 habitantes, dispersa en diferentes barrios que se reparten polo val de Oiartzun. O núcleo principal e capital do concello é Elizalde. Os oito barrios tradicionais do concello son: Altzibar, Arragua, Elizalde, Ergoien, Gurutze, Iturriotz, Karrika e Ugaldetxo.

Ordizia

Ordizia antigamente tamén chamada Villafranca de Oria, Villafranca de Ordicia ou Villafranca, é un municipio da provincia de Guipúscoa, País Vasco.

Orio

Orio é un concello costeiro da provincia de Guipúscoa, en Euskadi. Atópase na comarca de Urola Kosta, 11 km ao oeste de Donostia.

O seu termo municipal ten unha extensión de 9,81 km². Limita ao norte co mar Cantábrico, ao leste con Donostia e Usurbil, e ao sur e oeste con Aia. Tiña en 2015 unha poboación de 5.805 habitantes.

País Vasco

O País Vasco ou Euskadi (en éuscaro: Euskal Herria ou Euskadi, en castelán: País Vasco ou Euskadi), tamén coñecido como Comunidade Autónoma Vasca (en éuscaro: Euskal Autonomia Erkidegoa, en castelán: Comunidad Autónoma Vasca), é unha comunidade autónoma española situada no extremo nororiental da costa cantábrica. Limita con Cantabria e Castela e León (provincia de Burgos) ao oeste, con Navarra ao leste, coa Rioxa ao sur, e co Golfo de Biscaia (mar Cantábrico) e Francia ao norte.

Está formado por tres provincias, tamén coñecidas como territorios históricos, que son Guipúscoa, Biscaia e Áraba. As súas respectivas capitais son Donostia, Bilbao e Vitoria. A capital e sede do Parlamento e Goberno autonómicos é Vitoria, mentres que a cidade máis poboada é Bilbao.

Ten unha historia milenaria de orixes incertas e a súa lingua propia, o éuscaro, é a lingua máis antiga de Europa falada hoxe en día e a única illada do continente. É considerado unha nacionalidade histórica recoñecida na Constitución española con estatuto de comunidade autónoma. A constitución tamén recoñece os seus foros históricos, de orixe medieval. Hai unha forte forza do nacionalismo e independentismo, tanto politicamente de esquerdas (chamado abertzale) como de dereitas.

Segura, Guipúscoa

Segura é un concello da provincia e territorio histórico de Guipúscoa, en Euskadi. Forma parte da comarca de Goierri.

O seu termo municipal ten unha extensión de 9,22 km². Limita ao norte con Mutiloa, ao leste con Idiazabal, ao sur con Zegama e ao oeste con Zerain. Tiña en 2015 unha poboación de 1.476 habitantes.

Foi fundada como unha vila amurallada de nova planta polo rei castelán Afonso X o Sabio en 1256. Está situada preto da fronteira de Navarra e situábase sobre a estratéxica ruta que comunicaba Castela con Europa.

Tolosa, España

Tolosa é unha vila e un concello da provincia vasca de Guipúscoa. A súa poboación a inicios do ano 2006 era de 17.830 habitantes, nunha área de 37,39 km².

Durante 2 anos, no período 1854-1855 foi a capital da provincia guipuscoana.

Tolosa aséntase no Val do Oria, río que a atravesa. Conflúen nela o Berastegui e máis o Araxes, afluentes do Oria.

Cidade industrial é famosa polas súas fábricas de papel.

Usurbil

Usurbil é un concello vasco da provincia de Guipúscoa, situado na comarca de Donostialdea. A súa poboación é de 6.062 habitantes (2011).

Zarautz

Zarautz é unha cidade e un concello vasco con 14 km² e 22.323 habitantes (2006), situada no centro da costa de Guipúscoa. Forma un elegante centro balneario a 20 km de Donostia, capital provincial, con a praia máis longa de Euskadi, duns 2.500 m.

Zumaia

Zumaia (en castelán Zumaya, non oficial) é un municipio do País Vasco (España), pertencente á provincia de Guipúscoa. Está situado a carón do mar e da baía onde conflúen os ríos Urola e Narrondo. Polo norte limita co mar Cantábrico, e polo sur coas dúas Arroas (Arroa goia e Arroa behea), con Ibañarrieta e con Zestoa. Ao leste está o barrio de Askizu e Getaria. Ao oeste atópase Elorriaga, Itziar e Deba.

A súa poboación no 2008 era de 9099 habitantes, que se concentran principalmente no seu núcleo urbano, mais tanto dentro como fora do casco existen barrios dispersados, como poden ser San Miguel de Artadi e Oikia.

O alcalde do concello a partir do 2011 é Iñaki Agirrezabalaga Alkorta, membro de Bildu.

Zumarraga

Zumarraga é un concello vasco da provincia de Guipúscoa. A súa poboación era de 10.104 habitantes en 2009, que residían nos 19,42 km² de superfície do concello.

Está enclavado no estreito val guipuscoano do Alto Urola. Polo oeste, o río Urola sepáraa da súa veciña Urretxu, coa que forma un mesmo centro urbano. Polo sur delimita con Legazpia e Gaviria, polo oeste con Ezquioga-Ichaso e polo norte con Azpeitia e Azcoitia.

A Ruta dos Tres Templos permite visitar os tres monumentos máis representativos da vila: o Santuario de Loiola, a Ermita da Antiga e o Santuario de Arantzazu.

País Vasco País Vasco  · Concellos de Guipúscoa
Comarcas de Guipúscoa

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.