Guerra de Sucesión Española

A guerra de Sucesión española foi un conflito que tivo lugar entre 1701 e 1713, a primeira grande guerra europea do século XVIII. A sucesión ao trono de España trala morte sen descendencia de Carlos II "o enfeitizado", era disputada por Filipe de Anjou, neto de Luís XIV de Francia, ó que Carlos II deixara as súas posesións, e o arquiduque Carlos de Austria, que logo se convertería en emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico co título de Carlos VI.

Hyacinthe Rigaud 001
Luís XIV, o Rei Sol, paradigma do absolutismo

A guerra en realidade tiña unha raíz máis profunda: a do repartimento de poder en Europa. Se Filipe V de Borbón conservaba o trono, en sinerxía con Francia, a alianza entre España e Francia tería unha grande hexemonía en Europa.

Causas da guerra

Arbre-xenealoxico-Filipe5-gl
Árbore xenealóxica ascendente de Filipe V e do arquiduque Carlos de Austria, pretendente ao trono de España como Carlos III

A comezos do século XVIII Francia era a potencia continental hexemónica de Europa. Malia non contar cunha grande mariña de guerra (como España ou Inglaterra), o país fortemente centralizado e unido (sen alfándegas interiores como España ou o Imperio Alemán), contara tamén nos anos anteriores cunha estabilidade política sen precedentes (lémbrese a revolución en Inglaterra ou os cambios de validos en España).

Que o herdeiro de Carlos II fose un membro da casa real francesa non foi visto con bos ollos polas restantes potencias europeas. O lexítimo herdeiro francés do trono español chegou a Madrid o 18 de febreiro de 1701. Paralelamente, o rei de Francia Luís XIV, prevendo a colaboración lóxica que ía ter co seu neto, mandou o seu exército ás prazas españolas en Flandres. Esta foi a faísca que prendeu a mecha das inquedanzas europeas contra o predominio francés.

A agresiva política francesa tivo como resposta a sinatura do Tratado da Haia, que constituíu a Grande Alianza entre Inglaterra, Países Baixos, Savoia, Portugal, Dinamarca, Austria e varios estados alemáns.

Decorrer da guerra

Guerra europea

Malia o nome desta guerra, é considerada basicamente unha guerra continental na que se buscará o impedimento do xurdimento dunha grande potencia en Europa e por tanto o equilibrio de poder que se mantiña nos decenios anteriores. A grande potencia era Francia, que viu rodeadas as súas fronteiras polos integrantes da Grande Alianza. As batallas centráronse nas súas fronteiras e apenas entraron no seu territorio. Non foi así no caso de España, xa que un dos pretextos da guerra era impedir o fortalecemento de Francia evitando un rei da casa de Borbón no trono español.

A Grande Alianza apoiou por tanto a candidatura do Arquiduque Carlos de Austria á coroa española, aínda que o anterior rei español -Carlos II- deixara nomeado no seu testamento a Filipe de Anjou como lexítimo herdeiro.

Os austríacos comezaron en 1702 atacando a Lombardía italiana, Filipe de Anjou foi defende-las posesións españolas en Nápoles e pacificou o chamado Reino das Dúas Sicilias. Volveu a España en 1703 recibindo a noticia de que a Grande Alianza tamén lle declarara a guerra a España. As primeiras vitorias dos aliados en Alsacia e Borgoña contrastaron coas bávaras (Baviera apoiaba a causa francoespañola) en Ulm e Memmingem.

Nesta situación comezaron a desembarcar nas costas españolas tropas austríacas e inglesas, que obtiveron o favor das Cortes de Aragón, pois Carlos prometéralles manter privilexios comerciais e alfándegas no sentido Castela-Aragón. A postura de Filipe de Anjou foi totalmente oposta: el quería imita-lo modelo francés de estado centralizado e elimina-las barreiras comerciais interiores en España e obtivo polo tanto o apoio das cortes de Castela.

O primeiro desembarco en Cádiz foi repelido, pero o segundo intento en Vigo non. Amais, os aliados fixeron presa de parte dun tesouro que acababa de chegar de América na batalla de Rande.

En 1703, Portugal e Savoia (ducado do sogro de Filipe de Anjou. De feito, a esposa de Filipe era coñecida en España como a savoiana) puxéronse de parte dos aliados. Diversas batallas na Península Ibérica rematan coa vitoria dos españois, excepción feita por Xibraltar quen malia ser tomada en nome dun suposto rei español, izou o pavillón británico e ata hoxe ondea. Pero non todas foron boas noticias para a causa borbónica: en Baviera, Luís XIV perdeu 40.000 homes.

Apoio aragonés á causa do arquiduque

En 1705, o arquiduque Carlos, Inglaterra e Portugal asinaron un pacto (Pacto de Xénova), con representantes de Aragón polo que se comprometían a restaura-los foros nos territorios da Coroa de Aragón e enviar un exército de 8.000 soldados a apoia-la Generalitat que se alzaba contra o gobernador de Filipe nos condados cataláns. Efectivamente, un exército de 20.000 homes decantou a balanza a favor da causa austríaca, e o 9 de outubro de 1705 o arquiduque Carlos de Austria, co título de Carlos III de España, establecía a súa capital en Barcelona. O 16 de decembro as cortes valencianas tamén xuraron lealdade ó novo rei Carlos III de España. Nos territorios peninsulares de Aragón, só as cidades de Alacant e Rosas permaneceron fieis á causa filipista.

1706 sería o annus horribilis de Filipe. Reuniu un exército e unha escuadra e foi tomar Barcelona, pero ó mesmo tempo, os aliados atacaban dende Portugal, tomando Badaxoz. O Borbón deu marcha atrás e deixou o sitio de Barcelona para axudar a protexer Madrid. Pero as vitorias aliadas en Salamanca, Plasencia e Ciudad Rodrigo, obrigaron á corte a trasladarse de Madrid a Burgos. Zaragoza caeu en mans de Carlos e o 29 de xuño o propio Carlos entrou en Madrid e fíxose ser coroado como Carlos III.

En Flandres, o duque de Malborough facía 15.000 prisioneiros na decisiva batalla de Ramillies e os Países Baixos cambiaron de mans españolas a mans inglesas. En Italia, o duque de Savoia tomaba Milán e Nápoles. Era o momento máis baixo para a causa borbónica. Pero semella que o pobo castelán quería a Filipe como rei, e partidas de voluntarios conformaron pequenos exércitos que, xunto coa axuda do batallón francés do duque de Berwick e a continua revolta popular en Madrid, conseguiron que o arquiduque abandonase a capital e se refuxiase en Valencia. Sucesivamente caeron Elx, Orihuela e Cartagena.

Vitorias de Filipe V

O 25 de abril de 1707, a batalla de Almansa supuxo o cambio do equilibrio de poder na guerra. A vitoria borbónica abriu o camiño á toma de Valencia, Dénia e ata Zaragoza. En inverno, Xàtiva e Lleida tamén foron reconquistadas. Filipe V, en represalia polo apoio de Aragón á causa austríaca, promulgou os Decretos de Nueva Planta nos territorios da Coroa de Aragón, agás no Val de Arán. En 1708 Filipe perdeu Orán, na costa alxerina, Sardeña e Menorca.

Pola súa banda, Luís XIV fracasou no intento de restablecer ós Estuardo en Escocia e debilitar así a Inglaterra. Mentres o arquiduque Carlos pedía o recoñecemento ó Papa, Luís XIV tratou de asina-la paz, pero sen resultado pois Carlos lle pedía que renunciase a nomear a Filipe de Anjou tamén como herdeiro de Francia e el negábase.

Meléndez, Miguel Jacinto - Philip V, king of Spain, in suit of hunt - Google Art Project
Filipe V de España.

Paradoxalmente, Filipe descubriu unha intriga francesa para sacalo do trono español. Filipe, ademais, cortou relacións co papado por recoñecer a Carlos como rei de España. Filipe V xa estaba completamente decidido a non unir Francia e España senón a gobernar en solitario esta última.

As batallas continuaron en España. Carlos tomou unha vez máis Madrid e unha vez máis esta foi recuperada por Filipe. Ó contrario que o exército de Carlos, o de Filipe formábano principalmente voluntarios, polo tanto sempre estaba preparado para suplir as baixas que a Carlos e aliados lles custaban unha fortuna en tempo e cartos.

O exército carlista (nada que ver coas guerras carlistas) dividiuse en dous corpos. Ó mando dun deles estaba Stanhope, que afincou en Brihuega no profundo dun val da Alcarria, para refuxiarse do xélido inverno. Os borbónicos, conscientes da situación, rodearon o pobo dende cotas superiores e o destruíron coa artillaría: vitoria completa e 4.000 prisioneiros. O outro corpo do exército austríaco dirixíao Starhemberg, quen acudiu alertado a socorrer ós de Stanhope en Villaviciosa de Tajuña foi detido polos borbónicos. As vitorias na Alcarria propiciaron as tomas sen batalla de Zaragoza e Xirona en 1714.

Causas da paz

A morte en 1711 do emperador austríaco cambiou as regras políticas europeas. Moitos países viron na posibilidade dun Carlos emperador austríaco e rei de España algo moito peor ós seus intereses que un Filipe rei de España e Francia. Pola súa parte Luís XIV, quen xa non podía cos gastos da guerra, asinou un pacto con Inglaterra, comprometéronse á paz (é dicir, apoiar a Filipe como rei español) se Inglaterra ficaba con Xibraltar e Menorca. Ademais, despois pediron que non se puidesen unir as coroas de Francia e España, que había que atopar certo "equilibrio de poder" (esta política, en liñas xerais, ficaría en Europa ata a Primeira Guerra Mundial).

O 9 de novembro de 1712, Filipe V de España renunciou ós seus dereitos ó trono de Francia. Pola súa banda, príncipes franceses xuraban renunciar ó trono español. O 27 de marzo de 1713 España e Inglaterra asinaron a paz.

Paz de Utrecht

Johann Gottfried Auerbach 004
Retrato de Carlos VI de Alemaña (posterior á Guerra de Sucesión Española)

España asinou a paz con Inglaterra, pero non con Holanda, Portugal e o Sacro Imperio Romano Xermánico mentres Carlos seguise a reclamar o trono español. A esposa do arquiduque Carlos seguía en Barcelona (a "capital" da España de Carlos). O 11 de abril de 1713 acordouse unha nova repartición europea:

É difícil asegurar un claro vencedor desta longa contenda. Sen dúbida as perdas territoriais de España poderían verse coma unha derrota, pero eses territorios funcionaban de xeito autónomo e nos máis dos casos custaban máis cartos para manter gornicións leais que o recadado por impostos. Ademais, España asegurou en grande medida a protección dos territorios de ultramar coa paz con holandeses e ingleses. A partir de Filipe V, a época Ilustrada en España viu como melloraba a situación económica e política. O país, con novas institucións e sumido na corrente do pensamento ilustrado, con funcionarios capaces e un contido poder eclesiástico, mellorou substancialmente as condicións de vida.

Inglaterra aseguraría as súas posicións no que hoxe é Canadá, territorio que mantería ata mediados do século XX. Tras esta guerra xurdirán novos estados: Piemonte en Savoia e Prusia no Imperio Alemán, que serían as sementes das futuras Italia e Alemaña.

Unha cláusula do Tratado de Utrecht recoñecía a soberanía castelá sobre os condados cataláns e convertía o Pacto de Xénova en papel mollado. Pouco a pouco os funcionarios e a gornición austríaca en Barcelona abandonaron o territorio á súa sorte.

O 6 de maio de 1714 asinouse o Tratado de Ratstadt, polo que Carlos renunciaba ó trono español e á defensa dos foros cataláns. O problema español deixou de ser un problema europeo. Pero os representantes da Generalitat catalá descoñecían que Carlos xa non os axudaría, así que para render a Filipe Barcelona esixiron unha cantidade desorbitada de cartos e a promesa de mante-los foros.

O 11 de setembro de 1714 o duque de Berwick comezou o asalto á cidade (nesta data celebran os cataláns a Diada ou Día Nacional). O día seguinte Barcelona capitulou. Filipe V, de acordo co Decreto de Nova Planta, anulou as institucións forais e estableceu unha Real Xunta Superior de Xustiza e Goberno á cabeza da cal nomeou a Xosé Patiño. Este é o derradeiro acontecemento que se engloba na guerra de sucesión española.

Batalla de Almansa

A batalla de Almansa foi un conflito bélico que tivo lugar en Almansa (provincia de Albacete) o 25 de abril de 1707, no marco da guerra de Sucesión española.

Nela enfrontáronse os partidarios do arquiduque Carlos, comandadas por Henri de Massue e o marqués das Minas, e os defensores da causa de Filipe de Anjou, que fora coroado como Filipe V, mandados polo duque de Berwick. A vitoria destes últimos, permitiu a rápida conquista do Reino de Valencia, Cataluña e Aragón, con moita resistencia austracista, aínda que os foros quedaron abolidos, como os de Aragón, tras a publicación dos Decretos de Nueva Planta.

Batalla de Rande

A batalla de Rande foi unha importante batalla naval librada no estreito de Rande e na enseada de San Simón, no interior da ría de Vigo, o 23 de outubro de 1702. Enfrontou ás escuadras das coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa, dentro do contexto da guerra de Sucesión española.

Coroa de Aragón

A Coroa de Aragón é un termo que adoita denominar á unión permanente de múltiples títulos e estados nas mans do Rei de Aragón. Os reinos compoñentes da Coroa nunca foron unidos politicamente excepto a nivel do rei. Polo tanto, a Coroa de Aragón non debería ser confundida co Reino de Aragón, sendo este mesmo un reino compoñente da Coroa de Aragón.

No cumio do esplendor da Coroa durante o Século XIV e XV, a Coroa de Aragón era unha talasocracia que controlaba unha boa parte do leste da Península Ibérica e o sueste de Francia, así como algunhas illas importantes e outros territorios continentais que se estendían a través do Mar Mediterráneo até Grecia.

En 1479, unha unión dinástica uniu a Coroa de Aragón coa Coroa de Castela, creando o que sería o Reino de España. Os títulos compoñentes da Coroa Aragonesa que herdaba o monarca español perduraron até 1716, cando foron suprimidos polos Decretos de Nueva Planta como unha consecuencia da derrota do pretendente preferido dos antigos gobernantes da Coroa de Aragón no curso da Guerra de Sucesión Española.

Década de 1700

A década de 1700 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 1700 e remata o 31 de decembro de 1709.

Década de 1710

A década de 1710 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 1710 e remata o 31 de decembro de 1719.

Filipe V de España

Filipe V de España, nado no Palacio de Versalles o 19 de decembro de 1683 e finado en Madrid o 9 de xullo de 1746, alcumado o Animoso, era duque de Anjou e neto do rei de Francia Luís XIV e da raíña consorte a infanta de España María Tareixa. Foi rei de España dende o 15 de novembro de 1700 ata a súa morte; sucedeu o seu tío-avó (último monarca da Casa de Habsburgo) Carlos II. Desta maneira vai ser o primeiro monarca da Casa de Borbón.

Lista de monarcas de Aragón

Lista de reis de Aragón

Lista de reis de Valencia

Lista de reis de Valencia dende a creación do Reino de Valencia por Jaume I el Conqueridor no 1239 até a promulgación dos Decretos de Nueva Planta no 1707.

Países Baixos españois

Países Baixos españois foi o nome que, na historiografía internacional, se lle daba aos territorios do noroeste europeo, coñecidos en España como Flandes (Flandres), que permaneceron baixo o dominio da rama española da casa de Habsburgo, no período que trascorreu entre 1555, cando o emperador Carlos V como duque de Borgoña cedeu estes territorios ao seu fillo Filipe, daquela príncipe, até 1713, en que, en virtude dos tratados Utrech-Rastatt —conxunto de tratados asinados polos Estados contendentes na Guerra de Sucesión española entre os anos 1713 e 1715 na cidade holandesa de Utrecht e na alemá de Rastatt— os territorios que aínda estaban en poder da coroa española pasaron á soberanía dos Habsburgos austríacos, obtendo así o emperador Carlos VI o control dos Países Baixos.

Cómpre sinalar que algúns historiadores sitúan como data de inicio deste período a da independencia das Provincias Unidas, en 1581.

Século XVIII

século XVII < século XVIII > século XIX

Tempo que transcorre entre o 1 de xaneiro de 1701 e o 31 de decembro de 1800. Coñecido como o século da Ilustración.

Xàtiva

Xàtiva é unha cidade da Comunidade Valenciana, capital da comarca da Costera. Historicamente, Xàtiva foi unha das poboacións máis importantes do Reino de Valencia, rivalizando ata con Valencia e Orihuela, as outras dúas cidades máis importantes na época foral. Así, como Orihuela e Segorbe tiñan a súa sede episcopal, Xàtiva era a segunda cidade en votar en cortes.

Actualmente ten 30.334 habitantes, incluíndo as pequenas pedanías integradas de (Annauir, Sorió, Torre d'En Lloris), e a pesar de que o seu peso demográfico actual é menor, continua a ser unha da cidade de referentes históricos e culturais.

Os habitantes de Xàtiva chámanse xativans, aínda que popularmente son coñecidos por socarrats, porque as tropas de Filipe V queimaron a cidade durante a Guerra de Sucesión Española. O ensañamento do rei foi tal con esta cidade que lle chegou a muda-lo nome polo de Nueva Colonia de San Felipe e os seus habitantes deportados cara á Mancha. Por este motivo o retrato deste rei esta cara abaixo no Museu de L'Almodí da cidade.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.