Groenlandia

Groenlandia[1][2] (en groenlandés: Kalaallit Nunaat, "Terra dos Groenlandeses"; en dinamarqués: Grønland) é un territorio de Dinamarca, situado xunto ao Océano Ártico e ao norte do Océano Atlántico. É a illa máis grande do mundo, estando case o 84% da súa superficie cuberta por xeo, ademais de ser o país cunha menor densidade de poboación.[3]

Aínda que fisicamente é parte do continente norteamericano, Groenlandia atópase politicamente ligado a Europa dende hai máis dun milenio, pertencendo ata 1814 a Noruega pasando, ese mesmo ano, ao dominio de Dinamarca. En 1979, foille concedido autogoberno á illa, cunha relación coñecida en dinamarqués como Rigsfællesskabet, e en novembro de 2008 celebrou un referendo para ampliar a autonomía con vistas a unha futura independencia.

Coordenadas: 72°00′N 40°00′O / 72.000, -40.000

Groenlandia
Kalaallit Nunaat
Grønland
Bandeira de Groenlandia
Escudo de Groenlandia
BandeiraEscudo
Greenland (orthographic projection)
Himno: Nunarput utoqqarsuanngoravit
Capital
 • Poboación
Nuuk1
17.834 (2009)
Cidade máis poboadaNuuk
Linguas oficiaisGroenlandés2
Forma de gobernoMonarquía constitucional
Margarida II
Kim Kielsen
Autonomía de Dinamarca1 de maio de 1979
SuperficiePosto 13º
 • Total2 166 086 km²
 • % auga83.1
Fronteiras0 km
Costas44 087 km
 • Total (2015)55 984 hab.
 • Densidade0,026 hab./km²
PIB (nominal)
 • Totaln/d
 • per cápitan/d
 • Total (2001)1 100 millóns US$
 • per cápita20 000 US$
MoedaCoroa (DKK)
IDH (1998)0,927 (n/dº) – Alto
XentilicioGroenlandés, groenlandesa[1]
Fuso horarioUTC-33
 • Horario de veránNon aplica
Dominio de Internet.gl
Prefixo telefónico+299
Prefixo radiofónicon/d
Código ISO304 / GRL / GL
Membro de: Consello Nórdico
1 En lingua dinamarquesa: Godthåb.
2 Dende o 21 de xuño de 2009 é a única lingua oficial. Foi cooficial antes desta data o dinamarqués.
3 Agás nunha rexión fronte ao mar de Groenlandia que é UTC; en Ittoqqortoormiit (ou Scoresbysund) que é UTC-1 e en Qaanaaq (o Thule) que é UTC-4.

Etimoloxía

No ano 982 o mariño e explorador viquingo de orixe norueguesa Erik Thorvaldsson (950-1001), chamado "Erik o Vermello" debido a que fora proscrito de Islandia polo asasinato de varias persoas, navegou cara ao oeste de Noruega descubrindo unha enorme illa, a cal chamou en lingua dinamarquesa "Grønland", que evolucionou en galego a Groenlandia ou en inglés a Greenland, cuxo significado é terra verde, tentando deste xeito dar unha falsa imaxe de fertilidade para atraer aos futuros colonos. Con todo, ao chegar os colonizadores atopáronse cun clima xélido e hostil, aínda que as condicións climáticas eran máis benignas naquela época que na actualidade.

Historia

Artigo principal: Historia de Groenlandia.
ThuleGreenlandersWhaling
Os Thule, antecesores dos Inuit, adicábanse á caza de baleas como se amosa aquí polo misioneiro noruegués Hans Egede no século XVIII.

Groenlandia foi a terra que veu nacer varias culturas Paleo-Esquimós na prehistoria, a derradeira das cales desapareceu arredor do ano 200. Tras isto, semella que a illa estivo deshabitada durante oito séculos. Os colonizadores islandeses dirixidos por Erik o Vermello (exiliado noruegués asentado en Islandia) atoparon a terra deshabitada cando chegaron no 982. Arredor de 984 estableceron os asentamentos oriental e occidental en profundos fiordes preto da punta orientada cara ó suroeste da illa, onde prosperaron nos séculos seguinte, e entón desapareceron tras máis de 450 anos alí.

Os fiordes da parte sur da illa eran exuberantes e tiñan un clima máis temperado naquel tempo, posibelmente debido ó que foi chamado o Período Tibio Medieval. Estas comunidades remotas prosperaron e viviron da gandería, agricultura, caza e do comercio coa metrópole, e cando os reis noruegueses converteron os seus dominios ó cristianismo, foi nomeado tamén un bispo en Groenlandia, subordinado á arquidiocese de Nidaros. Semella que os asentamentos coexistiron de xeito bastante pacífico cos Inuit, que emigraran cara ó sur dende as illas do Ártico de América do Norte arredor do 1200. En 1261, Groenlandia pasou a formar parte do Reino de Noruega.

Tras case cincocentos anos, os asentamentos escandinavos practicamente desapareceron, posibelmente debido á fame do século XV na Pequena Idade de Xeo, cando se deterioraron as condicións climáticas e o contacto con Europa perdeuse. Os ósos deste período foron atopados cunha condición coherente coa malnutrición. Algúns pensan que os colonos foron exterminados pola peste bubónica ou polos Inuit[Cómpre referencia]. Outros historiadores teñen especulado que outros causantes como piratas españois ou ingleses ou tratantes de escravos da Costa Otomá contribuíron á extinción das comunidades groenlandesas.

Arruinada a colonización, foi redescuberta por Frobisher e Davis (s.XVI). Os primeiros estabelecementos daneses instaláronse en 1721. O conflito latente entre Dinamarca e Noruega sobre a colonia remite a este ano. As illas vencelladas a Noruega foron separadas dela polo Tratado de Kiel de 1814, a través do cal Noruega foi cedida ó Rei de Suecia, mentres que Dinamarca retivo tódalas súas posesións comúns, que, naquel momento, incluían pequenos territorios na India, África Occidental e as Indias Occidentais, así como as Illas Feroe, Islandia e Groenlandia.

Século XX

Nuuk bus
Centro de Nuuk, capital do país.

Noruega ocupou e reclamou partes da entón inhabitada Groenlandia Oriental, e trocoulle o nome polo de Terra de Erik o Vermello en xullo de 1931, reclamando que constituían Terra nullius. Noruega e Dinamarca acordaron levar o caso á Corte Permanente de Xustiza Internacional en 1933, onde Noruega perdeu.

Durante a Segunda Guerra Mundial, foi crebado o vencello de Groenlandia con Dinamarca o 9 de abril de 1940, cando Dinamarca foi ocupada por Alemaña. Pola criolita da mina de Ivigtut, Groenlandia puido pagar por bens mercados nos EEUU e Canadá. Durante a guerra trocouse o sistema de goberno. Eske Brun era o gobernador e dirixía a illa por unha lei de 1925 onde o goberno da illa podería, en condicións extremas, ser tomado polos gobernadores. O outro gobernador, Aksel Svane, moveuse ós EEUU como líder da comisión para darlle subministracións a Groenlandia. A Patrulla Sirius, gardando as costas norte orientais de Groenlandia con zorras de cans, detectou e destruíu varias estacións climatolóxicas alemás, dándolle a Dinamarca unha mellor posición na posguerra.

Groenlandia fora unha sociedade protexida e polo tanto illada até 1940. O goberno danés, que gobernaba as colonias de Groenlandia, estaba convencido de que a sociedade sufriría a explotación do mundo exterior ou incluso a súa extinción se o país se abría. Durante a guerra, porén, Groenlandia desenvolveu un sentido de independencia durante o seu período de autogoberno e independencia nas comunicacións co mundo exterior.

Porén, unha comisión en 1946 (co máis grande consello groenlandés Landsrådet como participante) recomendou paciencia e unha reforma non radical do sistema. Dous anos máis tarde foi dado o primeiro paso cara a alteración da gobernación de Groenlandia: o novo sistema foi iniciado tras fundarse unha gran comisión que, en 1950 presentou un estudo, o G-50. Groenlandia era unha sociedade do benestar moderna con Dinamarca como exemplo e protectora. En 1953, Groenlandia converteuse nunha parte normal de Dinamarca e o autogoberno foille outorgado o 21 de xuño de 1979.

O 25 de novembro de 2008 realizouse un votación consultiva para ampliar o estatuto, exercer o dereito de autodeterminación e ter o groenlandés (inuktitut) como única lingua oficial, cuxo resultado acordaron implicitamente respectar os gobernos de Nuuk e Copenhague, e que levaría a convocar outro referendo entre 2016 e 2020 sobre a independencia total do territorio en 2021. Coa aprobación do "si" por un 75%, o goberno groenlandés (socialdemócratas e liberais, presidido por Hans Enoksen) conseguiu a competencia sobre os recursos naturais (petróleo, gas, ouro, uranio, chumbo e zinc) e a certos aspectos políticos (policía, xustiza, penitenciaría e fronteiras), mentres Copenhague conservaría o control sobre a Constitución, nacionalidade, Tribunal Supremo, defensa, seguridade, política monetaria, divisas e política exterior[4]. O proceso seguinte será a aprobación no Inutsisartut (parlamento groenlandés) e a posterior proposta de lei no parlamento danés por parte do primeiro ministro (Anders Fogh Rasmussen), coa intención de que se promulgue o 21 de xuño de 2009 (coincidindo cos 30 anos da autonomía da illa).

Xeografía

Greenland-sydkap hg
Vexetación da tundra ao leste da illa, en Sydkap.
Icy lagoon in Eastern Greenland
Lagoa xeada na zona oriental.

Con 2 166 086 km², Groenlandia é a illa máis grande do mundo despois da illa continente de Australia. Preto do 80% do territorio (1 755 637 km²) está cuberto de xeo, polo que constitúe a segunda reserva deste no planeta, por detrás da existente na Antártida. Por outra banda, a superficie libre de xeo (410.449 km²) é maior que a de Xapón, cunha baixa densidade de poboación. O extremo setentrional da illa está libre da capa de xeo, debido a que o aire é demasiado seco para producir a neve esencial para a creación da capa de xeo. Se a capa do centro da illa se fundise, podería observarse como o peso do xeo afundiu a terra por baixo mesmo do nivel do mar, dándolle unha forma similar ao dunha cunca.

As costas occidentais de Groenlandia están asucadas por unha corrente fría, a corrente do Labrador, con augas do océano Glacial Ártico e do ascenso de augas profundas na costa occidental e icebergs procedentes dos glaciares da propia Groenlandia. O mecanismo hidrolóxico ou oceanográfico desta corrente é distinto ao das outras correntes frías que están situadas a unhas latitudes moito menores, próximas aos trópicos: como sucede nas costas occidentais dos continentes nas latitudes medias, as augas diríxense, na superficie, de leste a oeste por dúas razóns: os ventos predominantes do leste (debidos á rotación terrestre) e a menor forza centrípeta das augas superficiais (menor que a das augas de maior profundidade) por estar máis afastadas do centro da Terra.

Con todo, no caso da corrente do Labrador, a auga na superficie queda canalizada e procedente do océano Glacial Ártico en dirección sueste até a illa de Terranova onde queda cortada abruptamente pola corrente cálida do Golfo que se dirixe cara ao nordés. É dita corrente do Labrador, a que explica a presenza de icebergs a unhas latitudes moito menores que noutras partes do Hemisferio Norte: o naufraxio do Titanic é un bo exemplo desta loita entre as dúas correntes.

Cun clima polar, posúe apenas unhas pequenas zonas costeiras onde a temperatura durante o verán supera os 10 °C, polo que a súa vexetación é de tundra e a agricultura inexistente. Entre 1989 e 1993, investigadores norteamericanos e europeos cavaron dentro do cumio da lámina de xeo de Groenlandia, obtendo un par de núcleos xigantes de xeo (3,2 km). A análise da composición química das capas destes núcleos provocou un novo e sorprendente rexistro acerca do cambio de clima no hemisferio norte producido ao redor de hai 100.000 anos, e puido demostrar que o clima e a temperatura do planeta, con frecuencia, cambiaron rapidamente desde un estado aparentemente estable a outro, con consecuencias mundiais.

Política e goberno

O Xefe de Estado de Groenlandia é actualmente Margarida II e o goberno da Raíña en Dinamarca nomea un Rigsombudsmand (Alto comisionado) que representa ao goberno e a monarquía danesa. Como parte integrante de Dinamarca elixe dous representantes no parlamento danés. O poder lexislativo corresponde a un Parlamento de trinta e un membros. O parlamento elixido nas eleccións de 2005 está composto por cinco partidos. O principal, con dez escanos, era o socialdemócrata Siumut. O xefe de goberno é o Primeiro Ministro, que normalmente é o líder do partido maioritario no Parlamento. Dende 2002 ocupaba ese cargo Hans Enoksen, mais tras as eleccións de xuño de 2009, o partido socialista Inuit Ataqatigiit, o cal aposta pola independencia total da illa, converteuse no partido máis votado, sendo o primeiro ministro Kuupik Kleist.

En 1985 Groenlandia deixou a Comunidade Europea (actual Unión Europea), a diferenza de Dinamarca que segue sendo un membro, aínda que mantén algúns lazos coa organización a través de Dinamarca. No entanto, a lei da Unión Europea en gran parte non se aplica a Groenlandia excepto na área do comercio.

Organización administrativa

Até o 1 de xaneiro de 2009, Groenlandia atopábase dividida administrativamente en tres distritos (landsdele): Avannaa (en dinamarqués: Nordgrønland), Tunu (en dinamarqués: Østgrønland) e Kitaa (en dinamarqués: Vestgrønland), os nomes dinamarqueses queren dicir "Groenlandia Setentrional", "Groenlandia Oriental" e "Groenlandia Occidental" respectivamente. Así pois dende o 2009 reorganizouse a división administrativa, ficando dividido o territorio en catro concellos.

Concellos

Escudo Concello Capital ISO[5] Superficie Poboación Mapa Grenlandia Groenlandia
Kujalleq-coat-of-arms Kujalleq Qaqortoq GL-KU 32.500 km² 9.700 habitantes (2009) G-Kujalleq-name.svg Greenland-municipalities-2009
Divisións políticas.
Qaasuitsup-coat-of-arms Qaasuitsup Ilulissat GL-QA 660.000 km² 19.000 habitantes (2009) G-Qaasuitsup-name.svg
Qeqqata-coat-of-arms Qeqqata Sisimiut GL-QE 115.500 km² 12.300 habitantes (2009) G-Qeqqata-name.svg
Sermersooq-coat-of-arms Sermersooq Nuuk GL-SM 635.600 km² 23.000 habitantes (2009) G-Sermersooq-name.svg

Áreas non incorporadas

Summit Camp Greenland, overview, aerial photography
Campamento Summit, no Parque Nacional de Groenlandia do nordeste.

O Parque Nacional de Groenlandia do nordeste é unha área non incorporada e non forma parte de ningún concello, sendo ademais o parque nacional máis grande do mundo, cunha área de 972.000 quilómetros cadrados. A base aérea de Thule é unha área non incorporada como enclave dentro do municipio de Qaasuitsup.

Área Superficie Poboación Mapa
Parque Nacional de Groenlandia do nordeste 972.000 km² 50 habitantes (2009) G-National park-names.svg

Demografía

Iglulik Clothing 1999-07-18
Inuit coa vestimenta típica.

Groenlandia ten unha poboación estimada no ano 2009 de 57.600 habitantes,[6] dos cales 88% son inuit ou mestizos de dinamarqueses e inuit, sendo o 12% restante de orixe europea, principalmente procedentes de Dinamarca.

A maioría da poboación é luterana e viven principalmente ao longo dos fiordes do suroeste da illa principal, onde se atopa a capital Nuuk, xa que posúen alí un clima relativamente suave. O interior da illa atópase deshabitado.[7]

Lingua

Artigo principal: Lingua groenlandesa.

Tanto o groenlandés como o dinamarqués foron utilizados en asuntos públicos dende o establecemento do goberno autónomo en 1979, e a maioría da poboación fala ambas as linguas. O groenlandés, falado por preto de 50.000 persoas, algunhas das cales son monolingües, tornouse a única lingua oficial en xuño de 2009.[8] Unha minoría danesa de inmigrantes sen devanceiros inuit falan o dinamarqués como a súa primeira ou única lingua. O inglés é amplamente coñecido e falado como un terceiro idioma.[9] Groenlandia ten un 100% de taxa de alfabetización.[6]

O groenlandés é a lingua máis popular das linguas esquimo-aleutianas e posúe máis falantes que todas as outras linguas da familia xuntas. Dentro de Groenlandia, tres principais dialectos son recoñecidos: o dialecto do norte Inuktun ou Avanersuarmiutut falado por preto de 1.000 persoas na rexión de Qaanaaq, o groenlandés occidental ou Kalaallisut que serve de padrón da lingua oficial, e o dialecto do leste Tunumiit oraasiat ou Tunumiutut.

Economía

Duda lasø upernavik 2007-07-05 cropped
Porto de Upernavik.

Groenlandia posúe abondosos recursos minerais, entre os que destacan o zinc, chumbo, mineral de ferro, carbón, molibdeno, ouro, platino e uranio. En 1994, o descubrimento de petróleo, zinc e ouro, promete mudar a economía, aínda bastante dependente de Dinamarca, así pois hoxe a economía baséase na extracción de bens minerais ademais da pesca e caza de focas e baleas. A caza da foca marca a vida dos habitantes do norte, dependendo hoxe criticamente da pesca e das exportacións de pescado, sendo a industria da pesca de camaróns a máis rendible do país, xunto coa emisión e venta de selos postais.

En canto ás actividades de explotación de hidrocarburos, aínda serán necesarios varios anos antes que a súa produción de sexa iniciada, sendo creada unha compañía petrolífera estatal chamada NUNAOIL, a fin de estimular esta industria. Ademais foron lanzadas accións da empresa estatal Nunamineral na bolsa de valores de Copenhaguen, a fin de reunir os capitais necesarios para o aumento da produción de ouro iniciada en 2007. A explotación de depósitos de rubí tamén comezou en 2007. Rexístrase tamén a prospección doutros minerais (uranio, aluminio, níquel, platino, tungsteno, titanio e cobre).

O turismo é o único sector con algún potencial a curto prazo, mais é limitado debido á curta temporada e aos custos elevados. O sector público, incluíndo empresas públicas e municipios, desempeña un papel predominante na economía de Groenlandia. Cerca de metade das receitas gobernamentais veñen de subsidios do goberno danés, un importante complemento ao produto interior bruto (PIB), sendo o PIB per cápita equivalente ao das economías máis pobres da Europa.

O país sufriu unha recesión económica no inicio da década de 1990 mais, a partir de 1993, a economía medrou. O goberno ten adoptado unha política de aperto fiscal dende o final dos anos 1980, o que contribuíu para crear superavit orzamentario e manter a inflación baixa. Dende 1990, cando foi pechada a última mina de chumbo e zinc, Groenlandia rexistra déficit na balanza comercial.

Cultura

Upernavik first day in class 2007-08-14 2
Nenos vestindo o traxe típico de Groenlandia

A cultura de Groenlandia comeza co poboamento por parte dos inuit da cultura Dorset, desde o segundo milenio a.C. tras a fusión do xeo ártico das zonas habitables. No século X os viquingos de orixe norueguesa poboaron a zona meridional da illa, mentres que unha nova onda inuit, a cultura Thule, introdúcese na illa dende o norte e expándese cara ao sur. O choque cultural entre ambos os pobos está testemuñado polo achado dun fragmento de cota de malla viquinga nunha latitude alta da illa, mentres que unha figura tallada en marfil de morsa de clara adscrición inuit foi achada en Bergen, Noruega. Ámbolos obxectos han de entenderse como un claro testemuño das transaccións comerciais entre os dous pobos.

Tras un período de arrefriamento cara ao final da Idade Media, os viquingos abandonan a illa, refuxiándose os seus últimos poboadores posiblemente en Islandia. Desta forma, a illa englóbase dende entón na súa totalidade na cultura Inuit, até a chegada dos dinamarqueses a comezos do século XVIII. Hoxe en día, o 80% da poboación é de orixe inuit, mentres que o 20% restante é de orixe danesa ou europea. As distancias en Groenlandia mídense en sinik, "soños", no número de "sonecas" que dura unha viaxe. Non pode dicirse que realmente sexa unha distancia porque, segundo o tempo e a estación do ano, o número de sinik pode variar. Tampouco se trata dun concepto temporal.

Deporte

Groenlandia non é especialmente famosa polos deportes mais ten algúns equipos nacionais, como no caso do fútbol, administrado pola Unión de Fútbol de Groenlandia, que conta cun estadio con capacidade para 2.000 persoas na capital Nuuk. Tamén cabe destacar a selección de balonmán, que logrou participar xa en máis dunha ocasión no Mundial de Balonmán (Francia 2001, Portugal 2003 e Alemaña 2007), aínda que só lograron gañar un partido nas tres edicións, concretamente fronte á selección dos Estados Unidos por 26 a 18 no ano 2001. Ademais, Groenlandia compite cada dous anos nos Xogos das Illas, unhas competicións celebradas cada dous anos que enfrontan a equipos de diversas illas do mundo.

Notas

  1. 1,0 1,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para groenlandés.
  2. López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1442. ISBN 9788482893419.
  3. "The 2008 Revision Population Database". Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2010. Consultado o 04 de xaneiro de 2010.
  4. Noticias no xornal El País sobre o referendo e sobre o resultado, ampliadas co texto do propio xornal (Internacional, páxina 5 do 26/11/2008 de El País e páxina 24 do 27/11/2008 por Anxo Lamela de El Mundo)
  5. ISO 3166-2:GL (códigos ISO 3166-2 para as subdivisións de Groenlandia)
  6. 6,0 6,1 Greenland, CIA World Factbook
  7. Greenland
  8. Effective on 21 June
  9. "Greenland Representation cho the EU, Greenland Home Rule Government". Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2014. Consultado o 07 de xaneiro de 2010.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

.gl

.gl é o Dominio de Nivel Superior xeográfico (ccTLD) para Groenlandia.

O nome de dominio ten sido comercializado ás veces como un símbolo de "boa sorte" ("good luck"), "libraría gráfica" ("graphics library") ou Galiza e Galego. Unha das empresas que deu pulo a este uso foi Dinahosting co seu eslogan "Con .gl estamos no mundo!".

América do Norte

América do Norte ( pronunciación ) ou Norteamérica ( pronunciación ) é un subcontinente de América situado totalmente no hemisferio norte, e case por completo no hemisferio occidental, que se estende, xeopoliticamente, desde Alasca e Groenlandia ao norte, ata a fronteira de México con Guatemala e Belize ao sur. Limita ao norte co océano Glacial Ártico, ao leste co océano Atlántico, ao sueste co mar Caribe e ao sur e ao oeste co océano Pacífico. Está conectado con América do Sur pola estreita ponte territorial que representa América Central. Cobre unha área de aproximadamente 24 709 000 km², o que representa ao redor dun 4,8 % da superficie total do planeta e un 16,5 % das terras emerxidas.

En 2009 a súa poboación estimada era de máis de 528 millóns de habitantes. En 2013 a media do Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) de todos os países do subcontinente norteamericano foi de 0,895.

América boreal é un sinónimo, pero este concepto a miúdo só inclúe os Estados Unidos e Canadá, excluíndo a zona de México a que ás veces se considera dentro de América Central.

Bandeira de Groenlandia

A bandeira de Groenlandia foi deseñada polo nativo groenlandés Thue Christiansen. Represéntanse nela dúas bandas horizontais branca (enriba) e vermella, cun grande disco levemente movido a pouco do centro. A parte superior do disco é vermella, e a inferior branca. A bandeira enteira mide 12 por 18 partes; cada banda mide 6 partes; o disco é dun diámetro de oito partes, horizontalmente desviado 7 partes respecto ó centro, e centrado verticalmente.

O seu nome local en groenlandés é Erfalasorput, que significa "a nosa bandeira", pero Aappalaartoq (que significa "a vermella") é tamén empregada, tanto para a bandeira danesa como para a bandeira groenlandesa.

Hoxe en día os groenlandeses colocan tanto a Erfalasorput como a Dannebrog, usualmente a carón unha da outra.

Groenlandia tivo a idea dunha bandeira propia por vez primeira en 1973 cando cinco groenlandeses propuxeron unha bandeira verde, azul e branca. Ó ano seguinte, un xornal solicitou once propostas de deseño (todas pero que unha fose unha cruz nórdica) e preguntoulle á xente para ver cal era a máis popular. A Dannebrog foi a preferida pola grande maioría. De pouco valeu ese esforzo.

En 1978, Dinamarca deulle o autogoberno a Groenlandia, facendo dela un membro en pleno dereito do Reino de Dinamarca. O goberno autónomo fixo unha chamada oficial para propostas de bandeiras, recibindo 555 (das cales 293 foron enviadas por groenlandeses). O comité encargado de tomar a decisión non atopou consenso e fíxose unha nova chamada. Finalmente a actual bandeira deseñada por Christiansen gañou por unha estreita marxe a unha bandeira branca e verde coa cruz nórdica con 14 votos fronte a 11. A bandeira de Christiansen foi adoptada oficialmente o 21 de xuño de 1985.

En honor ó décimo aniversario da Erfalasorput, a Oficina de Correos de Groenlandia lanzou selos conmemorativos e un folleto do seu autor. El describiu a banda branca representando os glaciares e a capa de xeo, que cobre máis do 80% da illa; a banda vermella, o océano; o semicírculo vermello, o sol, coa súa parte de abaixo afundida no océano; e o semicírculo branco, os icebergs e placas de xeo. O deseño lembra tamén a unha posta de sol.

Baía de Baffin

A baía de Baffin (francés: Baie de Baffin) é un mar entre os océanos Atlántico e Ártico. Mide uns 1130 km cruzando de norte a sur. Non é navegable a maior parte do ano por mor da presenza de innumerable cantidade de icebergs.

DVD

Un DVD ou deuvedé (Digital Versatile Disc, antes denominado Digital Video Disc) é un formato de almacenamento óptico que pode ser empregado para gardar datos, incluíndo películas con alta calidade de vídeo e son. Aseméllase aos discos compactos en canto ás súas dimensións físicas (diámetro de 12 ou 8 cm), pero están codificados nun formato distinto e a unha densidade moito maior.

Dinamarca

Dinamarca ( pronunciación ) (en dinamarqués: Danmark), cuxo significado literal é "a terra ou marca dos dinamarqueses", oficialmente Reino de Dinamarca ( pronunciación ) (en dinamarqués: Kongeriget Danmark), é o menor en extensión entre os países nórdicos, ademais de o máis meridional, formando parte de Escandinavia. Ten os seus límites terrestres ao sur con Alemaña e dende 1999 atópase unida por estrada e ferrocarril con Suecia pola Ponte de Oresund, ao sueste do país. Rodeada polos mares Báltico e do Norte, limita ao norte con Noruega a través do estreito de Skagerrak. Conta ademais con dous territorios dependentes, Groenlandia e as Illas Feroe, os cales gozan dun elevado nivel de autonomía. O territorio dinamarqués comprende 443 illas, entre as que destacan Selandia, Fionia, Vendsyssel-Thy, Lolland e Bornholm, a máis afastada do arquipélago. Esta posición deu a Dinamarca, historicamente, o control sobre o acceso ao mar Báltico.

Dinamarca é unha monarquía constitucional dende 1849, data na que quedou abolida a monarquía absoluta que rexera o país dende 1660, e converteuse en monarquía parlamentaria en 1901. En termos de permanencia, a monarquía dinamarquesa pode considerarse a segunda máis antiga do mundo, despois da casa imperial de Xapón, ao existir durante polo menos un milenio. Dinamarca forma parte da Unión Europea (aínda que non emprega o euro). Cando o país se adheriu á CEE en 1973, fíxoo sen as Illas Feroe, mentres que Groenlandia optou por separarse da CEE en 1985. Tamén se converteu nun membro fundador da OTAN en 1949, rematando coa tradicional política de neutralidade que o país sostivera ata ese momento.

Pola súa natureza pobre en recursos xeolóxicos, Dinamarca sostivo a súa economía na actividade agrícola grazas ás súas granxas, a explotación pesqueira e a industria naval. No último século, os dinamarqueses déronlle un pulo á industrialización do seu país e favoreceron o establecemento dun estado de benestar garantindo o acceso a servizos públicos dende que en 1933 se asinase o acordo de Kanslergade. Dinamarca foi ocupada polos nazis durante a segunda guerra mundial.

Illa

Unha illa ou insua é unha extensión de terra rodeada de auga por todas partes, tanto sexa nun mar, nun lago ou mesmo nun río.

Lingua dinamarquesa

O dinamarqués ou danés é unha lingua xermánica falada principalmente na Dinamarca, na Groenlandia, nas Illas Feroe e en partes do norte da Alemaña. É tamén unha das linguas oficiais da Unión Europea. É unha lingua escandinava, bastante parecida co noruegués e o sueco — os falantes de dinamarqués, noruegués e sueco compréndense entre eles con certa facilidade.

Mar de Groenlandia

O mar de Groenlandia é a parte máis setentrional do océano Atlántico Norte, inmediatamente ao sur do océano Ártico. Está localizado entre a costa oriental de Groenlandia, as illas Svalbard, a illa de Jan Mayen e Islandia. O mar de Groenlandia defínese a miúdo como parte do océano Ártico, e ás veces como parte do océano Atlántico. Comprende aproximadamente 1 205 000 km² e a súa profundidade media é duns 1.450 m. O punto máis profundo, 5.600 m, foi atopado na fosa Molloy («Molloy Deep»), no estreito de Fram, entre o nordés de Groenlandia e as Svalbard.

Mar de Irminger

O Mar de Irminger é un mar mar marxinal do Océano Atlántico Norte.

Foi nomeado polo vicealmirante danés Carl Ludvig Christian Irminger (1802-1888), tras o cal tamén se nomeou a Corrente Irminger.

Mar de Noruega

O mar de Noruega (noruegués: Norskehavet) é un mar mar marxinal no océano Ártico, ao noroeste de Noruega entre o Mar do Norte e o Mar de Groenlandia, ao lado do Mar de Barents ao nordés. No suroeste, está separada do Océano Atlántico por unha crista submarina que circula entre Islandia e as Illas Feroe. Ao norte, a crista de Jan Mayen sepárao do mar de Groenlandia.

A diferenza doutros mares, a maior parte do fondo do mar noruegués non forma parte dunha plataforma continental e, polo tanto, sitúase a unha profundidade de aproximadamente dous quilómetros de media. Os ricos depósitos de petróleo e gas natural atópanse baixo o fondo do mar e están sendo explorados comercialmente nas áreas con profundidades marítimas de ata un quilómetro. As zonas costeiras son ricas en peixes que visitan o mar de Noruega desde o Atlántico norte ou desde o Mar de Barents (bacallau) para a desova. A corrente cálida do Atlántico Norte asegura temperaturas de auga relativamente estables e altas, polo que a diferenza dos mares do Ártico, o mar noruegués está libre de xeo durante todo o ano. Investigacións recentes concluíron que o gran volume de auga no mar de Noruega coa súa gran capacidade de absorción de calor é máis importante como fonte de invernos suaves de Noruega que a Corrente do Golfo e as súas extensións.As augas deste mar son moi frías e a miúdo son sucadas por icebergs.

Chega ata os 3.970m de profundidade.

Mar do Labrador

O mar do Labrador (en francés: 'mer du Labrador', en inglés: 'Labrador Sea' e en dinamarqués: 'Labradorhavet') é un corpo de auga do océano Atlántico Norte localizado entre a península canadense de Labrador e a illa danesa de Groenlandia. Está flanqueado por terras continentais en todos os seus bordos e a súa profundidade é duns 3 km. As súas augas conectan ao norte coas da baía de Baffin, a través do estreito de Davis.

Nunarput utoqqarsuanngoravit

Nunarput utoqqarsuanngoravit (do groenlandés: Ti, a nosa vella terra) é o himno de Groenlandia (Dinamarca) dende o ano 1916. Henrik Lund escribiuno e Johann Petersen compuxo a melodía.

Nuuk

Nuuk (do groenlandés: O cabo, tamén Nûk), coñecida até 1979 como Godthåb (do dinamarqués: Boa Esperanza) é a capital e principal cidade do territorio autónomo danés de Groenlandia. Áchase a 240 km ao sur do Círculo Polar Ártico, e a 485 km ao noroeste de Qaqortoq. Sitúase na boca sur dun grupo de fiordes chamados Godthåbsfjorden, cunha poboación de 16.992 habitantes (2015), unha cuarta parte da poboación de Groenlandia.

Océano Atlántico

O océano Atlántico é o océano que separa Europa e África, ao leste, de América, ao oeste. Ten unha área de 82.400.000 km² (106.200.000 km², incluíndo os mares locais como o mar Mediterráneo, o que corresponde a aproximadamente un terzo das augas oceánicas mundiais).

Océano Ártico

O océano Ártico, tamén coñecido como océano Glacial Ártico, é a menor das cinco grandes divisións oceánicas do planeta Terra.

Está situado no hemisferio norte, na súa gran maioría na rexión polar ártica. A Organización Hidrográfica Internacional recoñece o Ártico como un océano, se ben é chamado por parte da oceanografía mar Ártico Mediterráneo ou simplemente mar Ártico, clasificándoo como un dos mares mediterráneos do océano Atlántico. Por outro lado, o océano Ártico pode ser visto como o lobo norte do océano Mundial.

Case completamente envolvida por Eurasia e por América do Norte, o océano Ártico está parcialmente cuberto por xeo durante todo o ano: case por completo no inverno, se ben no comezo do século XXI a superficie cuberta por xeo é de só entre 1/3 e 1/2 a finais do verán. A temperatura e a salinidade do océano Ártico varían segundo esta cobertura de xeo se derrete e conxela; a media de salinidade é a máis baixa en comparación cos cinco grandes océanos, debido á baixa evaporación, ao fluxo pesado de auga doce de ríos e correntes, e a conexión limitada con augas oceánicas de salinidade máis elevada. No verán o nivel do xeo diminúe nun 50 %. O National Snow and Ice Data Center (NSIDC) usa datos de satélite para fornecer un rexistro diario da cobertura de xeo do Ártico e a taxa de fusión, en comparación cun período medio dos últimos anos.

Países nórdicos

O termo países nórdicos aplícase a cinco estados soberanos situados na Europa setentrional: Finlandia, Noruega, Suecia, Dinamarca e Islandia.

A expresión países nórdicos é equivalente a Escandinavia, na acepción máis ampla deste último termo. O cal, en sentido propio, só corresponde aos estados da Península Escandinava: Noruega e Suecia. Sen prexuízo de que tamén se empregue para sinalar a todos os países nos que se falan linguas orixinarias da devandita península, como son Noruega, Suecia, Dinamarca e Islandia.

Finlandia, aínda que non ten vencellos étnicos nin lingüísticos cos demais países denominados nórdicos, é considerada como un deles por cuestións de índole histórica (formou parte de Suecia durante oito séculos) e cultural.

Todas as bandeiras destes países teñen o mesmo deseño (a chamada Cruz escandinava), variando de cor en cada caso, o que reflicte a unidade histórica e cultural que posúen.

Adóitase usar como símbolo dos países nórdicos a imaxe de cinco cisnes voando na mesma dirección, cada un representando unha nación.

Os cinco países nórdicos conforman o Consello Nórdico (Nordiska rådet), organización interparlamentaria de cooperación, a cal inclúe ademais ás rexións autónomas das Illas Feroe, Groenlandia e Åland. É símbolo do consello, un cisne branco con oito ás sobre un círculo azul que á súa vez se atopa sobre un fondo branco.

Pobos inuit

Os inuit (en inuktitut: ᐃᓄᐃᑦ, "o pobo") son un grupo de pobos indíxenas con grandes semellanzas culturais que habita na rexión do Ártico en Groenlandia, Canadá, e Alasca. Inuit é unha palabra en plural, sendo o singular Inuk. As linguas inuit están clasificadas na familia esquimó-aleutiana, e a lingua de signos inuit é unha lingua illada empregada en Nunavut.Nos Estados Unidos e no Canadá o termo "esquimó" foi empregado comunmente para describir ós inuit, ós iupik de Alasca e ós inupiaq. "Inuit" non está aceptado como termo para describri ós iupik, e "esquimó" é o único termo que inclúe ós iupik, inupiaq e inuit. Porén, os pobos aborixes do Canadá e os groenlandeses ven o termo "esquimó" como pexorativo, e "inuit" fíxose máis común. No Canadá, as seccións 25 e 35 da Acta de Constitución de 1982 chaman "inuit" a un grupo distintivo de aborixes canadenses que non están incluídos nas Primeiras Nacións ou nos Métis.Os inuit viven Ártico canadense, no territorio de Nunavut; "Nunavik" no terzo norte do Quebec; "Nunatsiavut" e "NunatuKavut" en Labrador; e en varias partes dos Territorios do Noroeste, particularmente arredor do Océano Ártico. Estas áreas son coñecidas en inuktitut como "Inuit Nunangat". Nos Estados Unidos, os inupiaq viven no norte de Alasca e na illa Diomedes Menor. Os inuit de Groenlandia son descendentes de migracións dende Canadá e son cidadáns de Dinamarca, mais non forman parte da Unión Europea.

Ártico

O Ártico (do grego ἄρκτος "oso, osa", en referencia á constelación da Osa Menor á que pertence a Estrela Polar) é a rexión que rodea o Polo Norte da Terra. Inclúe partes de Canadá, Groenlandia (que é un territorio dinamarqués), Noruega, Suecia e Finlandia, así como o océano Ártico.

Existen numerosas definicións da rexión ártica. Considérase xeralmente que o seu límite está ao norte do Círculo Polar Ártico (66° 33’N), que é o límite do sol de medianoite e a noite polar. Outras definicións baséanse no clima e a ecoloxía, como a isoterma 10 °C de xullo, que tamén corresponde aproximadamente coa liña de árbores na maior parte do Ártico. Socialmente e politicamente, a rexión ártica inclúe os territorios setentrionais de oito estados, incluíndo Laponia, aínda que, segundo as definicións científicas, moito deste territorio é realmente subártico.

O Ártico é fundamentalmente un océano recuberto de xeo e rodeado de terra xeada e desprovista de árbores. A vida é abondosa e inclúe organismos que viven no xeo, peixes e mamíferos mariños, paxaros, animais terrestres e comunidades humanas.

A rexión ártica é, pola súa natureza, unha área única. As culturas da rexión e os pobos indíxenas do ártico téñense adaptado ás súas condicións frías extremas. Ten un papel relevante no equilibrio físico, químico e biolóxico do mundo. Reacciona sensibelmente ás mudanzas no clima, que repercuten de volta na situación global do ambiente. Desde a perspectiva da investigación na mudanza climática, a rexión ártica considérase un sistema de aviso temperán.

Membros
Membros asociados
Países
Territorios dependentes

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.