Golfo de México

O golfo de México é o maior golfo do mundo, estando cercado por terras continentais de México e dos Estados Unidos de América, e insulares de Cuba. Ten unha superficie de aproximadamente 1 550 000 km2.

Golfo de México
Clearwater sunset
Localización administrativa
EstadoFlag of Mexico.svg México
Estados Unidos de América Estados Unidos
Flag of Cuba.svg Cuba
DivisiónBaía de Apalache
Baía de Apalachicola
Baía de Campeche
Baía de Tampa
Golfo de Guanahacabibes
Laguna de Términos
Localización xeográfica
Océano / MarOcéano Atlántico
ContinenteAmérica do Norte
Illa/sCuba
Xeografía
Mares contiguosCaribe e océano Atlántico
Illas interioresIlla Pérez (arrecife Los Alacranes), caios da Florida
Accidentes
Golfos e baíasGolfo de Campeche e baía Apalachee
PenínsulasPenínsulas do Iucatán e da Florida
EstreitosCanle do Iucatán (co Caribe) e estreito de Florida (co Atlántico)
Características
Superficie1 550 000 km²
Profundiade máxima4384 m (Fosa de Sigsbee)
Outros datos
Primeira exploraciónAmérico Vespucio (1497)
Número da IHO26[1]
Mapa
Fixed gulf map

Batimetría do golfo
GolfVanMexico

Vista satélite
15-07-14-Yucatan-Ölfelder-RalfR-WMA 0481
Cantarell

Xeografía

A costa sur do golfo baña o noroeste da illa de Cuba e os estados mexicanos de Tabasco, Campeche, Iucatán, e parte de Quintana Roo. A costa occidental baña os estados mexicanos de Tamaulipas e Veracruz e o estado norteamericano de Texas. A costa norte baña os estados norteamericanos de Luisiana, Mississippi, Alabama e Florida, que tamén limita ao golfo polo leste. O golfo de México está comunicado co Océano Atlántico a través do estreito de Florida, entre USA e Cuba, e co Mar Caribe por medio da canle do Iucatán, entre México e Cuba.

O Trópico de Cáncer atravesa o golfo de México, deixando o terzo máis meridional en zona tropical. Do golfo orixínase a Corrente do Golfo, unha corrente de augas quentes que atravesa o Océano Atlántico, sendo unha das máis fortes correntes oceánicas coñecidas. O golfo tamén é visitado moitas veces por poderosos furacáns, algúns dos cales son responsábeis dun gran número de mortes e destrución.

A Baía de Campeche (México) é maior baía do golfo. Alén dela a costa do golfo posúe innúmeras baías e foces. Un gran número de ríos desaugan no golfo, de entre os cales o máis notábel é Mississippi. A terra que forma a costa do golfo, inclusive moitas illas de sedimentación, é case uniformemente baixa e caracterizada por pantanos e terras bastante húmidas, ou ben por extensións areosas.

A plataforma continental é bastante larga en case todos os puntos da costa. Contén petróleo nalgúns puntos (principalmente a oeste), que é extraído a través de plataformas marítimas. Outra actividade comercial importante é a pesca, de peixes e crustáceos. Ao longo da costa dáse tamén a construción de navíos, industrias petroquímicas e de almacenamento de petróleo e derivados, fábricas de papel e forte actividade turística.

Entre as cidades costeiras inclúense: Tampa, Pensacola, Nova Orleáns, Houston (nos EUA) , Veracruz, Mérida (en México), e Habana (en Cuba).

A área costeira do golfo foi primeiro colonizada por grupos indíxenas norteamericanos, incluíndo as culturas avanzadas de México. Durante a colonización europea, a rexión tornouse escenario dunha contenda entre España, Francia e Inglaterra. Hoxe en día, a cultura da rexión é predominantemente hispano-americana e anglo-americana.

Historia

Aínda que Cristóbal Colón é acreditado como o descubridor de América, ningún dos barcos nos seus catro viaxes chegaron ao golfo de México. No ano 1492 tomou posesión das Bahamas en nome da Coroa española, convencido de atopar unha nova ruta marítima cara a Asia. Colón nas viaxes posteriores só navegou en augas do mar Caribe, ao redor das illas de Cuba e A Española. O primeiro europeo que explorou en augas do golfo de México foi Américo Vespucio en 1497. Seguiu a liña costera continental de América Central antes de volver ao océano Atlántico a través do estreito de Florida, entre a península de Florida e a illa de Cuba. Nas súas cartas, Vespucio describiu esta viaxe, e unha vez que Juan de la Cosa regresou a España realizou un famoso mapa que xa representa a Cuba como unha illa (Mapa de Juan de la Cosa).

En 1506, Hernán Cortés tomou parte na conquista da Española e de Cuba, recibindo unha gran propiedade de terra e escravos indios polo seu esforzo. En 1510, acompañou a Diego Velázquez de Cuéllar, un axudante do gobernador da Española, na súa expedición á conquista de Cuba. En 1518 Velázquez púxolle ao mando dunha expedición para explorar e asegurar o interior de México para a colonización.

En 1517, Francisco Hernández de Córdoba descubriu a península do Iucatán, sendo o primeiro europeo que se atopou cunha civilización avanzada no continente americano, que contaba con edificios de sólida construción e unha organización social complexa que recoñeceu comparables coas do Vello Mundo; tamén tivo razón en esperar que nesa nova terra habería ouro. Todo isto animou dúas expedicións máis, a primeira en 1518, baixo o mando de Juan de Grijalva, e, a segunda en 1520, baixo o mando de Hernán Cortés, que conduciu á exploración española, a invasión militar, e en última instancia os asentamentos e a colonización coñecida como a conquista de México. Hernández non viviu para ver a continuación da súa obra: morreu en 1517, o ano da súa expedición, como consecuencia das lesións e a sede extrema sufrida durante a viaxe, e decepcionado ao saber que Diego Velázquez dera prioridade a Grijalva como capitán da seguinte expedición ao Iucatán.

En 1523, Ángel de Villafañe navegou cara á cidade de México, pero naufragou no camiño ao longo da costa da illa Padre, Texas, en 1554. Cando a noticia do desastre chegou á Cidade de México, o vicerrei solicitou unha frota de rescate e enviou de inmediato a Villafañe marchar por terra ata atopar os barcos cargados de tesouros. Villafañe viaxou a Pánuco e contratou un barco para transportalo ao sitio, que xa fora visitado desde esa comunidade. Chegou a tempo para saudar a García de Escalante Alvarado (sobrino de Pedro de Alvarado), comandante da operación de salvamento, cando Alvarado chegou por mar o 22 de xullo de 1554. O equipo traballou ata o 12 de setembro para salvar o tesouro da illa Padre. Esta perda, en combinación con outros desastres de barcos en todo o golfo de México, deu lugar a un plan para establecer un asentamento na costa norte do golfo para protexer a navegación e facer máis rápido o rescate dos náufragos. Como resultado, foi enviada a expedición de Tristán de Luna y Arellano, que desembarcou na baía de Pensacola o 15 de agosto de 1559.

O 11 de decembro de 1526, Carlos V concedeu a Pánfilo de Narváez unha licenza para reclamar o que hoxe é a costa do golfo dos Estados Unidos, coñecida como a expedición de Narváez. O contrato dáballe un ano para reunir un exército, saír de España, ser o suficientemente grande para fundar polo menos dúas cidades de 100 persoas cada unha, e a guarnición de dúas fortalezas máis en calquera lugar ao longo da costa. O 7 de abril de 1528, viron terra ao norte do que hoxe é a baía de Tampa. Volveuse cara ao sur e viaxou durante dous días en busca dun gran porto que Miruelo, piloto mestre, coñecía. Nalgún momento durante eses dous días, unha das cinco naves restantes perdeuse na accidentada costa, pero nada máis se sabe dela.

Aínda que España mantivo o control desta rexión marítima ao longo dos séculos seguintes, tamén estableceron colonias nas illas orientais do Caribe outros países como Gran Bretaña, Francia, Holanda e Dinamarca. En 1697, Pierre Le Moyne d'Iberville navegou desde Francia e foi elixido polo Ministro de Mariña para dirixir unha expedición para descubrir a desembocadura do río Mississippi e colonizar a Luisiana que os ingleses cobizaban. a frota de Iberville partiu de Brest o 24 de outubro de 1698. O 25 de xaneiro de 1699, Iberville chegou á illa Santa Rosa fronte a Pensacola, fundada polos españois; navegou desde alí á baía de Mobile e explorou a illa Massacre, máis tarde rebautizada como illa Dauphin. Botou o ancora entre a illa Cat e a illa Ship, e o 13 de febreiro de 1699, trasladouse á parte continental, Biloxi, co seu irmán Jean-Baptiste Le Moyne de Bienville.[2] O 1 de maio de 1699 xa se completara un forte no lado nordés da baía de Biloxi, un pouco na parte traseira do que hoxe é Ocean Springs, Mississippi. Esta fortaleza foi coñecida como Fort Maurepas ou Biloxi Vella. Poucos días despois, o 4 de maio, Pierre Le Moyne embarcouse para Francia deixando ao seu irmán adolescente, Jean-Baptiste Le Moyne, como segundo ao mando do destacamento francés. Ata inicios do século XIX o golfo de México era coñecido polo nome de Seno Mexicano ou Seno Mejicano.

No século XIX, foron moitos os barcos mercantes de EE. UU. que navegaban polo Caribe, especialmente logo de 1848, cando moitos buscadores de ouro dirixíanse por mar cara a California.

Desde a Segunda Guerra Mundial, moitas illas caribeñas albergan bases militares estadounidenses que foron creadas para protexer a Canle de Panamá. A base naval de Guantánamo, en Cuba (construída en 1899), é a máis antiga das instalacións militares de EE. UU. no Caribe.

Na porción do golfo de México correspondente ao litoral norte da península do Iucatán, cara á canle do Iucatán, caería fai 65 millóns de anos un meteorito formando un cráter de 180 km de diámetro, denominado Cráter de Chicxulub, e provocando a extinción dos dinosauros e outras especies.[3][4]

Notas

  1. «Limits of oceans and seas Arquivado 24 de xuño de 2009 en Wayback Machine.» (Límites de océanos e mares) (3ª edición de 1953). Sitio oficial da «International Hydrographic Organization»
  2. Kevin Knight (2009). "Pierre Le Moyne, Sieur d'Iberville". newadvent.org. Consultado o 8 de maio de 2009.
  3. El Cráter de Chicxulub y la extinción de los dinosaurios. Arcadio Poveda Ricalde, Fernando Espejo Méndez, Mérida, 2007. ISBN 968-5011-78-8
  4. Buckley, A. (1997). "Dinosaur Extinction Page". Arquivado dende o orixinal o 2 de xullo de 2008.

Véxase tamén

Outros artigos

Baía

Para o nome de muller véxase Baia.

Unha baía, badía ou golfo é unha porción de mar ou océano rodeada pola maioría da súa beira por terra (xusto ó contrario que un cabo). Acostúmase a asignar á baía as formas de maior peche, e ao golfo as de menor. Algúns destes entrantes son creados por penínsulas ou mares (ou lagos) interiores con desaugamento oceánico.

Golfo é o nome máis común en galego, mais entre os falantes do inglés e portugués entre outras linguas, é preferido o nome de baía. A distinción non é de todo clara entre golfo e baía. Así, en galego baía sóese referir a un golfo pequeno, malia que a baía de Hudson sexa un dos máis grandes golfos do mundo ou en Venezuela, o "golfete de Coro", un golfo pequeno, é dependente á súa vez do golfo de Venezuela, de maior tamaño.

As baías ou golfos que dependen de outros golfos ou baías, ou que son de menor tamaño ou profundidade reciben outros nomes como enseada, rada, cala ou caleta.

As baías tiveron e teñen grande importancia estratéxica e económica: son en xeral lugares ideais para a construción de portos, por ofreceren abrigo contra as mareas, ondas etc.

Baía de Tampa

A baía de Tampa é un gran porto e estuario natural localizado ao lado do golfo de México, na costa oeste de Florida na zona de Tampa. Comprende a Baía de Hillsborough, a Vella Baía de Tampa (Old Tampa Bay), a Baía de Tampa Media (Middle Tampa Bay) e a Baía de Tampa Baixa (Lower Tampa Bay).

Corpus Christi, Texas

Corpus Christi é unha cidade no condado de Nueces, no estado de Texas (EUA), situada preto da desembocadura do río Nueces. A poboación era de 307 953 habitantes en xullo de 2011, segundo o censo dos Estados Unidos, o que a converte na oitava cidade máis grande do estado de Texas. O seu nome procede do latín e o seu significado en galego é "Corpo de Cristo". Ten industria química: zinc, aluminio etc.

A súa localización preto do Golfo de México convértea nunha cidade moi importante en canto á pesca, ós deportes marítimos e ó aire libre etc.

Corrente do Golfo

A Corrente do Golfo é unha corrente oceánica que despraza unha gran masa de auga quente procedente do Golfo de México e que se dirixe ó Atlántico Norte. A corrente chega a alcanzar os 100 metros de profundidade, e 1000 km de ancho en gran parte da súa longa traxectoria, o que dá unha idea aproximada da enorme cantidade de enerxía que transporta e das consecuencias tan beneficiosas da mesma. A súa velocidade é duns 1,8 m/s, aproximadamente e o seu caudal é duns 80 millóns de m³/s.

A circulación desta corrente asegura a Europa un clima cálido para a súa latitude e impide a excesiva aridez nas zonas atravesadas polos trópicos nas costas orientais de América (por exemplo, México e as Antillas).

A Corrente do Golfo provócase pola acción combinada dos ventos globais, especialmente, dos ventos do Oeste, ventos constantes ou planetarios na zona temperada do Hemisferio norte e do movemento de rotación do planeta.

Estado de Campeche

Campeche é un dos 31 estados mexicanos. Atópase no sueste da Federación, no oeste da península do Iucatán. Limita cos estados do Iucatán polo nordeste, Quintana Roo polo leste, Tabasco polo suroeste, e máis con Guatemala polo sur e Belize polo sueste. Polo oeste ten o golfo de México. A súa área é de 57.924 km², e a súa poboación de 822.441 habitantes (2010). A capital do estado é a cidade de San Francisco de Campeche, sendo tamén a máis grande. Dende o punto de vista físico, Campeche atópase nunha posición de transición entre a selva tropical do Petén guatemalteco e a selva baixa caducifolia do extremo norte da península do Iucatán.

Furacán Katrina

O furacán Katrina foi un gran furacán de categoría 5 na escala Saffir-Simpson que se produciu a finais de agosto de 2005 e que afectou as Bahamas, Cuba e o sueste dos Estados Unidos. Foi o sétimo ciclón tropical con ese nome, o cuarto entre os furacáns. Os enormes danos que provocou fixeron que o nome Katrina se retirase da lista de ciclóns do Atlántico Norte, na que foi substituído por Katia.

Os ventos do furacán alcanzaron os 280 quilómetros por hora e causaron grandes prexuízos no litoral do sur dos Estados Unidos, especialmente arredor da rexión metropolitana de Nova Orleáns, onde o 29 de agosto de 2005 foran evacuadas 1,3 millóns de persoas.

O furacán xa pasara polo sur de Florida, causando 6 mortes directas e perdas de a carón de 2.000 millóns de dólares antes de fortalecerse rapidamente no golfo de México. Tras acadar a categoría 5, a tormenta abrandou antes de tocar terra por segunda vez como un furacán de categoría 3 o 29 de agosto no sueste de Luisiana.

O Katrina devastou as costas do Golfo entre Florida e Texas debido á súa intensificación. O meirande número de mortes rexistrouse en Nova Orleáns, que quedou alagada pola rotura dos diques do sistema de protección da cidade, algúns deles mesmo despois de continuar o furacán terra adentro. O 80 % da cidade e grandes superficies das parroquias estremeiras quedaron inundadas durante semanas e moitos dos seus habitantes, completamente illados.​ Outras zonas inundadas foron as áreas litorais do estado de Mississippi, no que as ondas arrastraron barcos e estruturas flotantes cara adentro. Nalgúns casos o mar sobardou en 10-19 km a liña de costa.​

A sede, fame e falta de recursos básicos levaron a situación a un estado caótico. A área federal de desastre foi colocada sob o control da Axencia Federal de Xestión de Emerxencias (comandada por Michael Chertoff) e a Garda Nacional. O 27 de agosto declarouse o estado de emerxencia en Alabama, Luisiana e Mississippi, un réxime de excepción con poderes semellantes aos da lei marcial, que a lexislación de Luisiana non contempla. Porén, na noite de 31 de agosto, o alcalde de Nova Orleans Ray Nagin declarou nominalmente a "lei marcial" na cidade e dixo que os policías non tiñan que preocuparse dos dereitos civís para deter os saqueadores".O furacán danou varias refinarías do estado de Luisiana, causando verteduras de 27 millóns de litros de petróleo. Tamén afectou as infraestruturas de extracción de petróleo e gas natural dos Estados Unidos no Golfo de México, polo que causou unha interrupción do 24% da subministración de cru e do 18% na de gas. Durante uns meses, cinco millóns de persoas estiveron sen electricidade na rexión da costa do Golfo.

Katrina é o furacán que máis danos económicos causou na historia, con 108.000 millóns de dólares. Oficialmente produciu 1.836 vítimas mortais, o que o converte nun dos máis mortíferos da historia e o segundo dos Estados Unidos, só por detrás do furacán San Felipe Segundo-Okeechobee de 1928. Así mesmo, no momento en que se produciu, Katrina era o sexto máis intenso de todos os furacáns rexistrados no Atlántico Norte, ao acadar unha presión mínima de 902 mb.

Golfo de Campeche

O golfo de Campeche (tamén chamado ás veces indebidamente Sonda de Campeche), é un amplo golfo interior que forma parte do golfo de México, situado dentro do mar territorial mexicano.

Lingua huasteca

O huasteca é unha lingua maia falada polo pobo huasteco, que habita no norte da costa do golfo de México, nos estados de San Luis Potosí, Veracruz e Tamaulipas. É a única lingua viva da póla huastecana desa familia lingüística trala extinción do chicomucelteco, confirmada na década de 1980. Tamén é a única que se atopa fóra do gran ámbito territorial das linguas maias, é dicir, o sueste de México, Guatemala e O Salvador. As hipóteses para explicar esta separación apuntan a dúas posibilidades: que antes da separación lingüística, había un corredor de linguas maias que abranguía toda a costa do golfo, ou ben; que hai uns tres mil anos, os falantes do devanceiro do huasteco emigraron dende a área nuclear maia cara ó norte.

O nome da lingua na propia fala é Téenek, aínda que é coñecida polo xeral como "huasteco". Este é en realidade o nome náhuatl que pasou despois ó castelán.

Luisiana

Luisiana, ou Louisiana, é un dos 50 estados do Estados Unidos de América. Localízase no sur do país, á beira do Golfo de México.

A historia, economía e cultura de Luisiana está moi asociada ao río Mississippi, o río máis longo do país, que desemboca no Golfo de México. O inmenso delta do río localízase en Luisiana. A rexión onde actualmente se localiza Nova Orleáns, actualmente a maior cidade do estado, foi inicialmente explorada por franceses. Estes exploradores partiron de Quebec, e, seguindo o río Mississippi, chegaron á rexión onde actualmente se localiza o estado de Luisiana. Posteriormente, o Mississippi, servindo como unha ruta de grande importancia, fixeron do estado un gran polo de transportes.

Desde o final do século XVIII, Luisiana destacou por ser unha rexión multicultural. Foi colonizada inicialmente polos franceses, e formaba parte da provincia colonial de Luisiana, parte da Nova Francia. Pasou a control español en 1763, e novamente a control francés en 1800, para pasar definitivamente a control americano en 1803. A súa economía dependía inicialmente da agricultura, e utilizou grandes cantidades de escravos nos labores agrícolas. A partir do século XIX instaláronse no estado un gran número de alemáns, irlandeses e italianos, e o estado pasou a industrializarse. Actualmente, a economía do estado depende primariamente do refino e distribución de petróleo e derivados.

Luisiana foi bautizada así polo primeiro explorador que explorou a rexión, o francés René Robert Cavelier de La Salle, en homenaxe ao rei francés Luís XIV de Francia. Chamáselle tamén The Pelican State, que significa "O Estado Pelicano": os pelicanos eran moi comúns no litoral do estado, aínda que actualmente estean ameazados de extinción.

Mar Caribe

O mar Caribe é un mar tropical situado entre as costas orientais de América central e as setentrionais de América do Sur. Tamén é chamado mar das Antillas por seren estas illas os seus límites polo norte (Grandes Antillas) e polo leste (Pequenas Antillas de Barlovento). Ao noroeste comunica co golfo de México a través da canle do Iucatán, e co Océano Atlántico polas numerosas canles que se abren entre a grilanda que forman as Antillas. Ten unha área aproximada de 2 754 000 km² e alberga máis de 7 000 illas, illotes e arrecifes, moitos dos cales son moi pequenos e están deshabitados, que conforman a chamada rexión do Caribe. As illas cobren aproximadamente 235 688 km²; sendo Cuba a máis grande de todas.O seu fondo elévase na parte media formando un gran relevo desde as costas de Honduras e Nicaragua ata a illa de Xamaica. As maiores profundidades acádanse ao NO deste promontorio submarino, sendo o punto máis profundo a fosa das Illas Caimán, entre Cuba e Xamaica, con 7 686 metros de profundidade. O resto do mar Caribe ten unha profundidade máis uniforme que raramente supera os 5 500 metros. A profundidade media é de 2 200 metros.Tódolos países da zona -especialmente os das illas- son coñecidos como Caribe. Os principais países e territorios caribeños son:

En América Central: México (península do Iucatán), Belize, Guatemala, Honduras, Costa Rica e Panamá.

En América do Sur: Colombia (Rexión Caribe) e Venezuela.

Grandes Antillas: Cuba, Xamaica, Haití e a República Dominicana na illa da Española e Porto Rico.

Pequenas Antillas: Illas Virxes, divididas en británicas e estadounidenses, Antiga e Barbuda, Saint Kitts e Nevis, Guadalupe (departamento francés de ultramar), Dominica, Martinica (departamento francés de ultramar), Santa Lucía, Barbados, San Vicente e as Granadinas, Granada, Trinidad e Tobago, e as holandesas de Aruba, Curaçao e Bonaire (as dúas últimas forman parte das Antillas Neerlandesas).

México

México (nome oficial: Estados Unidos Mexicanos) é un país localizado maioritaria ou totalmente en América do Norte (dependendo de onde se trace o límite con América Central, ora na fronteira mexicana, ora no istmo de Tehuantepec).

Limitado ao norte polos Estados Unidos de América, ao leste polo golfo de México e polo mar Caribe, a través dos cales se acerca a Cuba, ao sur por Guatemala e máis Belize, e ao oeste polo océano Pacífico. Alén do territorio continental e illas adxacentes á costa, México inclúe tamén as Illas Revillagigedo, localizadas no océano Pacífico, a máis de 400 km a sur do cabo San Lucas, na Baixa California.

Nova Orleáns

Nova Orleáns (en inglés New Orleans; en francés La Nouvelle-Orléans) é a cidade máis grande do estado de Luisiana, Estados Unidos de América. Está situada ao sueste deste estado no río Mississippi, xusto ao sur do Lago Pontchartrain. A poboación da cidade era de 391.006 en 2017, 1.337.726 na "Gran Nova Orleáns". O nome abréviase ás veces como NOLA.

Nova Orleáns é unha cidade do Sur coñecida polo seu patrimonio multicultural, en particular francés, español e africano, pola súa música e pola súa cociña. É un destino turístico moi coñecido grazas aos seus numerosos festivais e celebracións, entre os que destacan o Mardi Gras, o Festival de Jazz e o torneo de rubgy americano Sugar Bowl.

A cidade foi fundada en 1718 e desempeñou un papel relevante na historia dos Estados Unidos. Leva o nome na honra de Filipe II, Duque de Orleáns, rexente de Francia no momento da fundación da cidade. O nome alude á cidade de Orleáns, en Francia.

Nova Orleáns é unha cidade portuaria importante debido á súa localización preto do Golfo de México e no río Mississippi, o que fai dela un centro de tránsito de mercadorías desde e cara Latinoamérica. A industria petroleira é tamén de grande importancia para a súa economía, xa que no Golfo hai instaladas numerosas plataformas de extracción. O Porto do Sur de Luisiana (que inclúe o porto de Nova Orleáns e se estende pola área metropolitana) é o cuarto do mundo en tonelaxe.

Océano Atlántico

O océano Atlántico é o océano que separa Europa e África, ao leste, de América, ao oeste. Ten unha área de 82.400.000 km² (106.200.000 km², incluíndo os mares locais como o mar Mediterráneo, o que corresponde a aproximadamente un terzo das augas oceánicas mundiais).

Península do Iucatán

A península do Iucatán (en castelán: Yucatán) é unha grande península do continente americano que penetra no océano Atlántico en América Central, constituíndo o extremo sueste do territorio do actual México, a ao oeste de Cuba e ao nordés de Guatemala. Separa o Mar Caribe do Golfo de México, coa costa do norte na canle do Iucatán. A península limita ó leste do istmo de Tehuantepec, unha separación xeográfica da rexión de América Central e o resto de América do Norte. Ten arredor de 181 000 km2 de extensión, e componse case completamente de rocha calcaria. Foi palco de grandes civilizacións precolombianas como a dos maias e maila dos olmecas.

Quintana Roo

Quintana Roo (oficialmente en castelán: Estado Libre y Soberano de Quintana Roo) é un dos 31 estados do México. Divídese en 11 concellos e a súa capital é a cidade de Chetumal. Quintana Roo atópase na parte leste da península do Iucatán e limita cos estados de Campeche polo oeste e do Iucatán polo noroeste, así como cos distritos de Orange Walk e Corozal de Belize polo sur. Como o estado máis oriental de México, Quintana Roo ten costa polo leste no Mar Caribe e polo norte co Golfo de México. No pasado, o estado abranguía 44.705 km2 e compartía unha pequena fronteira con Guatemala no suroeste do estado. Porén, en 2013, a Suprema Corte de Xustiza da Nación de México resolveu o conflito limítrofe entre Quintana Roo, Campeche e o Iucatán derivada da creación do concello de Calakmul por Campeche en 1997, poñéndose do lado de Campeche e beneficiando así ó Iucatán.Quintana Roo é o estado da cidade de Cancún, as illas de Cozumel e Illa Mujeres, e as vilas de Bacalar, Playa del Carmen e Akumal, así como as ruínas maias de Chacchoben, Cobá, Kohunlich, Muyil, Tulum, Xel-Há e Xcaret. A reserva da biosfera de Sian Ka'an tamén se atopa neste estado.

St. Petersburg, Florida

San Petersburgo, en inglés Saint Petersburg e normalmente denominada polos seus habitantes como unicamente St. Pete, é unha cidade duns 250.000 habitantes situada no condado de Pinellas, no estado da Florida (Estados Unidos). A cidade é ben coñecida por ser destino turístico de moitos norteamericanos e europeos, sendo alcumada A Cidade Soleada (The Sunshine City).

Tamén tivo unha importante relevancia política durante os comicios presidenciais estadounidenses de 2001, onde George W. Bush se enfrontou a Al Gore.

A cidade está situada nunha península entre a Baía de Tampa e o Golfo de México. Está conectada coa terra polo norte; ao lesta está a cidade de Tampa, con pontes a través da Baía de Tampa; e ao sur encóntrase Bradenton, mediante a Sunshine Skyway Bridge.

Texas

Texas é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, o segundo maior estado e o maior estado norteamericano dos Estados Unidos continental. Tamén é o segundo estado máis populoso do país (por detrás de California); con aproximadamente 22 millóns de habitantes, e unha poboación crecendo rapidamente debido á inmigración.

Chámaselle Lone Star State, por causa da estrela solitaria na bandeira. A palabra Texas deriva da palabra indíxena que significa "amigos".

Xeograficamente, Texas é un estado de contrastes. Mentres as partes norte e leste do estado están cubertas por varios ríos, lagos e bosques, que posúen un clima propicio á agricultura, as partes sur e oeste do estado posúen un clima máis árido, desértico en varias rexións. Foron nestas áreas, escasamente poboadas, onde xurdiron os cowboys, coa misión de coidar o gando da rexión e defendelo dos ataques da poboación nativa. Os cowboys tornáronse rapidamente un símbolo do estado, e ata hoxe aínda existen en varias áreas rurais do estado.

Texas foi explorado e colonizado inicialmente polos españois. Pasou ao control mexicano cando México se independizou de España, en 1821. A crecente migración de norteamericanos a Texas fixo que crecesen movementos pro-secesión de Texas do México. En 1836, unha rebelión en El Álamo foi extinguida polos mexicanos, que mataron a todos os norteamericanos participantes desta rebelión - con excepción de algunhas mulleres, meniños e escravos. Xa no mesmo ano, Texas independizouse de México, converténdose nunha república e, nove anos despois, nun estado norteamericano, sendo admitido como o vixésimo oitavo estado norteamericano da Unión en 29 de decembro de 1845.

Actualmente, a economía de Texas posúe un importante papel na economía norteamericana. Inicialmente un estado agropecuario, desde o inicio do século XX a economía do estado diversificouse, e hoxe son as industrias petrolífera e aerospacial, así como o sector financeiro, os que posúen maior importancia na economía de Texas.

Veracruz

Veracruz é un municipio e a cidade máis grande e importante do Estado de Veracruz. Ten o porto marítimo comercial máis importante de México. Cunha poboación de 552,156 habitantes en 2010.

Está situada a 90 km de distancia da capital do estado Xalapa e a 400 km de distancia da Cidade de México. Limita ao norte co municipio de La Antigua e o Golfo de México; ao sur cos municipios de Medellín e Boca del Río; ao leste co Golfo de México e ao oeste cos municipios de Manlio Fabio Altamirano e Paso de Ovejas. O seu clima é tropical cálido, cunha temperatura media anual de 25.3 °C e cunha precipitación media anual de 1500 mm.

Historicamente esta cidade e porto destaca por ser fundada por Hernán Cortés, atopándose na rexión pola que os españois desembarcaron para emprender a conquista de Tenochtitlán. Ademais recibiu o nomeamento de Catro veces heroica por decreto presidencial, por mor de enfrontar catro distintas invasións estranxeiras.

Mares do mundo
Océano Pacífico
Océano Atlántico
Océano Índico
Océano Ártico
Océano Antártico
Mares Continentais

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.