Golfiño

O golfiño, tamén chamado delfín ou arroaz[1], é un mamífero acuático da orde dos cetáceos, que tamén inclúe as baleas e marsopas. É carnívoro, excelente nadador, notable polas súas facultades psíquicas, que vive en mares temperados e quentes.

As especies máis comúns son 12, aínda que a máis coñecida é a que da o golfiño común. Este animal pode nadar a 63 km/h, sen causar turbulencia, ir ata 7 m de altura fóra da auga, mergullarse axiña e por bastante tempo, e ten unha calidade única entre os animais, unha verdadeira lingua de son e ultrasóns de 400 "palabras". Está dotado dun cerebro comparativamente tan desenvolvido como o ser humano. Expresa unha gran sensibilidade con respecto á dor e o pracer, demostrada coas súas relacións cos homes. Existe unha ciencia dedicada ó seu estudo.

Por golfiños enténdese os dous grupos de odontocetos con semellanzas físicas pero sen afinidade taxonómica:

Golfiños
Os golfiños son un grupo informal da infraorde dos cetáceos
Tursiops truncatus 01
Información
Clasificación dos cetáceos
Familias coñecidas como golfiños

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para delfín.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Carwardine, M., Whales, Dolphins and Porpoises, Dorling Kindersley, 2000. ISBN 978-0-7513-2781-6.
  • Williams, Heathcote, Whale Nation, New York, Harmony Books, 1988. ISBN 978-0-517-56932-0.
46ª edición dos Óscar

A 46.ª entrega dos premios Óscar tivo lugar o día 2 de abril de 1974 no Dorothy Chandler Pavilion dos Ánxeles (Estados Unidos). Os mestres de cerimonias foron John Huston, Diana Ross, Burt Reynolds e David Niven.

Cephalorhynchus commersonii

Cephalorhynchus commersonii é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos.

A especie foi definida en 1804 por Bernard-Germain de Lacépède na súa obra Histoire Naturelle des Cétacées, onde lle deu o nome de Delphinus commersonii.

Lacépède dedicou a a nova especie ao naturalista Philibert Commerson, que formaba parte da expedición do barón de Bougainville ao redor do mundo.

Máis tarde, en 1892, foi reclasificada polo perito arxentino Francisco P. Moreno, como Lagenorhynchs floweri e, finalmente, en 1948, como Cephalorhynchus commersonii, que é o seu nome científico válido na actualidade.

Cetáceos

Os cetáceos (Cetacea) son unha orde de mamíferos completamente adaptados á vida acuática. O nome destes animais procede do latín cetus (balea, grande animal mariño), e este do grego antigo κήτος kétos (peixe grande).

En 1988, Rice recoñecía 83 especies e 42 subespecies. Posteriormente houbo un consenso ao considerar tres, e non unha, especies de balea franca, pasando a ser consideradas un total de 85 especies, reducíndose o número de subespecies a 41. Case todas as especies son animais mariños, que inclúen baleas, cachalotes, candorcas, golfiños, arroaces, toniñas etc., agás 7 especies de golfiños de auga doce, se ben un destes últimos, o baiji, está declarado formalmente extinto. Todas estas especies agrúpanse en dúas subordes, o dos misticetos e o dos odontocetos. Unha terceira suborde extinta, os arqueocetos, son os antepasados das modernas baleas.

Entre os misticetos están os animais vulgarmente chamados baleas, os máis grandes do mundo. Aínda que o termo balea debe reservarse ós integrantes da familia Balaenidae, úsase tamén para referirse a outras especies non pertencentes á familia dos balénidos e incluso tamén para cetáceos con dentes, como é o caso da denominación de balea asasina para a candorca (que nin é balea nin é asasina), de balea de esperma para o cachalote ou de balea piloto para o caldeirón.

Na suborde dos odontocetos están os golfiños e as candorcas, con frecuencia criados en catividade e adestrados para serviren de espectáculo, práctica non exenta de polémica que moita xente reclama sexa erradicada, como se fixo en Francia.

Morfoloxicamente, presentan un corpo fusiforme, semellante ós dos peixes, que os fai máis hidrodinámicos. As patas anteriores transformáronse en aletas, mentres que as posteriores desapareceron como tales, aínda que quedan algúns ósos vestixiais non unidos á pelve e ocultos dentro do corpo. A aleta caudal é horizontal e divídese en dous lóbulos. Xeralmente carecen de pelo e teñen unha capa de tecido adiposo debaixo da pel para manter a calor corporal en augas frías. O tamaño dos cetáceo vai desde 1 m e 50 kg do golfiño de Maui aos 29,9 m e 173 toneladas da balea azul, que é o animal máis grande que xamais existiu na Terra, mesmo maior cos renomeados dinosaurios. Algunhas especies mostran dimorfismo sexual. Aínda que non son tan flexibles ou áxiles coma as focas, os cetáceos poden nadar moi rápido, así a candorca é capaz de trasladarse a 35 km/h en períodos curtos de tempo, e o rorcual común pode manter unha velocidade de 30 km/h. Os golfiños poden facer xiros moi axustados mentres nadan a gran velocidade. Os misticetos teñen vibrisas na súa boca, a diferenza das baleas dentadas. Os cetáceos teñen uns sentidos moi desenvolvidos: a vista e o oído están adaptados tanto para a auga como para o aire, e as baleas teñen un sistema táctil nas súas vibrisas. Algunhas especies están ben adaptadas para mergullarse a grandes profundidades.

Os grandes cetáceos foron obxecto da caza comercial durante séculos, como un recurso mariño máis, ata poñelos en perigo de extinción. Aínda hoxe algúns países coma o Xapón, Noruega ou Islandia seguen cazando baleas para comer a súa carne, escudándose no argumento da caza científica. Puntualmente tamén se cazaron os golfiños, tanto para aproveitar a carne como por consideralos inimigos dos pescadores e aínda hoxe o fan no Xapón, os inuit (esquimós) do Canadá ou nas illas Feroe en Dinamarca.

A rama da bioloxía que estuda estes animais é a cetoloxía.

Delfinoideos

A dos delfinoideos (Delphinoidea) é unha superfamilia de cetáceos que constitúe o grupo máis grande dos odontocetos, con 66 xéneros distribuídos en 6 familias.

A superfamilia foi instituída en 1865 por William Henry Flower, e foi considerada como monofilética por Geisler et al. en 2011.E aínda que non é recoñecida como tal superfamilia por todos os cetólogos, si foi admitida, entre outros, por de Muizon (1988), Dawson (1996), Fordyce e de Muizon (2001), Kazar et al. (2004), Uhen et al. (2008), Geisler et al. (2011), e Bianucci et al. (2011).Comprende a todos os cetáceos denominados golfiños latu sensu, é dicir, ademais dos golfiños propiamente ditos, outras especies semellantes como os arroaces, as toniñas, os caldeiróns ou a candorca.

Esta última é o membro máis grande existente da superfamilia, que pode alcanzar até 9,5 m de lonxitude (os machos) e pesar até 6 t (as femias son menores), e que ten a maior aleta dorsal do Reino animal (pode medir até 1,8 m de altura), mentres que Cephalorhynchus commersonii, coñecido na bibliografía internacional como golfiño de Commerson, que vive no mar austral suramericano, cos seu 145 cm de lonxitude e entre os 40–50 kg de peso, é non só o golfiño, senón o cetáceo máis pequeno existente no mudo.

Delfínidos

Delfínidos (Delphinidade) é unha familia de mamíferos cetáceos odontocetos que inclúe aos golfiños ou delfíns, canda outras especies como os arroaces, as toniñas, os caldeiróns ou a candorca.

Na bibliografía internacional coñécense como golfiños oceánicos, para distinguilos dos golfiños de auga doce, que pertencen a outras familias (aínda que algúns delfínidos tamén poden vivir en estuarios e ríos).

De entre 2 e 9 m de lonxitude, o seu corpo é fusiforme, coa cabeza grande, cun fociño alongado, e só posúen un espiráculo (como todos os odontocetos).

Están entre as especies máis intelixentes que habitan o planeta. Como outros cetáceos, os golfiños utilizan os sons, a danza e o salto para comunicárense entre eles, para orientárense e para conseguiren as súas presas (aínda que para esta última función válense sobre todo do seu sistema de ecolocalización.

Son carnívoros estritos, e cada día consomen unha cantidade de alimento equivalente a un terzo do seu pesp. Aliméntanse basicamente de peixes e luras e outros cefalópodos, que atrapan cos seus dentes cónicos. Tamén comen crustáceos como camaróns, gambas e cangrexos.

Moitas especies vistan as costas e frecuentemente interactúan cos seres humanos. Hoxe en día as principais ameazas ás que están expostos son de natureza antrópica.

Delphinus (constelación)

Delphinus ou Golfiño, é unha pequena constelación do hemisferio norte moi preto do ecuador celestial. Xa fóra inserida na lista de Tolomeo de 48 constelacións e tamén forma parte da lista moderna de 88 constelacións aprobadas pola UAI.

Delphinus ten o aspecto dun golfiño ó saltar e pode ser recoñecida de xeito dóado no firmamento. Atopase rodeada por Vulpecula (a raposa), Sagitta (a frecha), (Aquila) a aguia , a constelación zodiacal de Acuario, o pequeno cabalo Equuleus e finalmente por Pegaso, o cabalo alado. Outro xeito de recoñecela é por ter unha forma semellante a dunha cometa é polo seu pequeno tamaño.

Deuses olímpicos

Na mitoloxía grega, os deuses olímpicos son as deidades maiores do pantéon grego, entrando nesta consideración Zeus, Hera, Poseidón, Deméter, Atenea, Apolo, Ártemis, Ares, Afrodita, Hefesto, Hermes e Hestia ou Dioniso. Eventualmente, Hades, Perséfone, Heracles ou Asclepio foron considerados como membros dos deuses olímpicos (principalmente debido á influencia dos Misterios eleusinos), mais Hades foi excluído porque residía no inframundo e nunca visitou o Monte Olimpo.

Ecolocación

A ecolocación, ou ecolocalización, ás veces denominada impropiamente biosonar, é un método de percepción sensorial que teñen algúns animais de coñeceren o seu entorno e que consiste na emisión de sons e a recepción e interpretación do eco que os obxectos ao seu arredor producen.O termo foi creado en 1938 por Donald Griffin, que foi o primeiro en demostrar concluentemente a existencia da ecolocación nos morcegos.

Golfiño (banda deseñada)

Golfiño (1999-2004) foi unha revista orientada ao público infantil e xuvenil e dedicada á banda deseñada en galego.

Golfiño (homónimos)

Golfiño pódese referir a:

Golfiño ou delfín, nomes comúns de varios mamíferos cetáceos pertencentes, canda outros (arroaces, caldeiróns, candorca, toniña), á familia dos delfínidos (Delphinidae).

Golfiño ou Delfín, nomes vulgares dunha pequena constelación do hemisferio norte, máis coñecida polo seu nome científico, en latín, Delphinus, que está situada moi preto do ecuador celeste.

Golfiño, revista infantil-xuvenil de banda deseñada galega xa desaparecida.

Golfiño de auga doce, unha das cinco (ou catro) especies de golfiños que viven en ríos ou estuarios.

Golfiño común

O golfiño común ou delfín común, Delphinus delphis Linnaeus, é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos.

É un golfiño oceánico propio as augas tropicais e subtropicais próximas ás costas de ambas as beiras do Atlántico norte e das de todo o Pacífico.

Golfiño riscado

O golfiño riscado, Stenella coeruleoalba (Meyen, 1833) é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos.

Foi amplamente estudado xa que se atopa en augas de zonas temperadas e tropicais de todo o mundo.

Golfiños de auga doce

Co nome de golfiños de auga doce ou golfiños de río coñécense varias especies de cetáceos odontocetos que, a diferenza dos golfiños (ou golfiños oceánicos, como se coñecen adoito na bibliografía), teñen o seu hábitat en estuarios e cursos fluviais.

Estes particulares golfiños está englobados en tres superfamilias Platanistoidea, Inioidea e Lipotoidea, e actualmente son cinco especies (ou catro, de consideramos extinta a Lipotes vexillifer).

Os golfiños do xénero Orcaella, que ocasionalmente poden verse nas aguas doces dalgúns ríos do sueste asiático, como o Mekong ou o Irauadi, non son propiamente golfiños de río, senón membros da familia dos delfínidos, é dicir, golfiños oceánicos.

Inia geoffrensis

Inia geoffrensis é unha especie de golfiño de auga doce, única do xénero Inia e da familia dos iníidos, propia das cuncas dos ríos Amazonas e Orinoco, polo que na bibliografía internacional se coñece como golfiño do Amazonas, golfiño rosado (este último nome debido á súa coloración) e boto, entre outros.

No mioceno, a Amazonia estivo cuberta de auga de mar intermitentemente. Este golfiño descendería de antepasados que poboaban o océano no mioceno e que entraron no Amazonas e que, despois, evolucionarían para adaptarse á auga doce cando o mar se retirou.

Non existe consenso de cando e como penetraron estes golfiños na conca amazónica; é posíbel que o fixeran hai máis de 15 millóns de anos desde o océano Pacífico, antes da formación dos Andes ou, máis recentemente, desde o océano Atlántico.Inia geoffrensis é o golfiño de río máis grande. O peso dos machos adultos chega aos 185 kg e poden medir até 2,5 m. Como carácter distintivo, os adultos adquiren unha cor rosada, máis acentuada nos machos. É un dos cetáceos con dimorfismo sexual máis evidente, xa que os machos miden e pesan entre un 16% e un 55% máis do que as femias.

Como os outros odontocetos posúe un órgano chamado melón que utiliza para a ecolocación. A aleta dorsal ten pouca altura (realmente, máis que unha aleta é unha especie de crista), pero é moi longa, e as aletas pectorais son grandes; esta característica, xunto ao seu mediano tamaño e á falta de fusión das vértebras cervicais, confírenlle unha gran capacidade de manobra para desprazarse polos bosques inundados para capturar as súas presas.

Ten a dieta máis ampla entre os odontocetos. Aliméntase principalmente de peixes, dos que se identificaron 53 especies diferentes, e entre os que se encontran esciénidos, cíclidos e pirañas (caraciformes). Complementa a súa dieta con tartarugas de río e cangrexos.

Habita no curso dos principais afluentes do ríos Amazonas e Orinoco, por debaixo dos 400 m sobre o nivel do mar. Na temporada de chuvias desprázase ás zonas inundadas da selva, onde existe unha oferta maior de alimento.

En 2008 clasificouse na Lista vermella da UICN como especie con datos insuficientes, debido á incerteza con respecto á cifra total da poboación, a tendencia de variación e o impacto das ameazas, clasificación que se mantén a día de hoxe (2013).

A especie non foi obxecto de caza significativa pero, nas últimas décadas, convertéronse en ameazas principais a perda do hábitat, a contaminación ambiental e as capturas accidentais con artes a aparellos de pesca.

Polo seu rechamante ton rosado é unha das especies de odontoceto mantida en cativerio en varios acuarios do mundo, principalmente en Estados Unidos, Venezuela e Europa. Porén, é unha especie difícil de adestrar e cunha mortandade alta en catividade.

Iníidos

Os iníidos (Iniidae) son unha familia de cetáceos odontocetos, da superfamilia dos inioideos (Inioidea), que inclúe un só xénero cunha única especie de golfiño de auga doce, Inia geoffrensis, propia das cuncas dos ríos Amazonas e Orinoco, polo que na bibliografía internacional se coñece como golfiño do Amazons ou golfiño rosado (este último nome debido á súa coloración), entre outros, como boto.

No mioceno, a Amazonia estivo cuberta de auga de mar intermitentemente. Este golfiño descendería de antepasados que poboaban o océano no mioceno e que entraron no Amazonas e que, despois, evolucionarían para adaptarse á auga doce cando o mar se retirou. Non existe consenso de cando e como penetraron estes golfiños na conca amazónica; é posíbel que o fixeran hai máis de 15 millóns de anos desde o océano Pacífico, antes da formación dos Andes ou, máis recentemente, desde o océano Atlántico.

Lipotes vexillifer

Lipotes vexillifer é unha especie de cetáceo odontoceto, único membro da familia dos lipótidos.

É un golfiño de río endémico do río Yangtzé (China). O seu nome chinés é baiji (白鱀豚) ou baijitun (en pinyin, báijìtún), que quere dicir "golfiño de auga doce branco".

Coñecido como "a deusa do Yangtzé" (長江女神) en China, creuse que se extinguira a finais do ano 2006, despois de que unha expedición non puido encontrar exemplares no río.

Porén, en 2007, foi avistado un por un veciño da provincia chinesa de Anhui, chamado Zeng Yujiang. As imaxes tomadas por el foron revisadas no Instituto de Hidrobioloxía da Academia de Ciencias Chinesa, que confirmou a súa autenticidade.

Odontocetos

Os odontocetos (Odontoceti, Flower, 1867) constitúen unha suborde dos cetáceos caracterizados por posuíren dentes, a diferenza das baleas e especies similares (misticetos) que posúen unhas formacións quitinosas chamadas barbas, con función filtradora.

Pontoporíidos

A dos pontoporíidos (Pontoporiidae) é unha

familia de cetáceos odontocetos da superfamilia dos inoideos que comprende un único xénero, Pontoporia Gray, 1870 (antes, Stenodelphis d'Orbigny & Gervais, 1847), unha única especie, Pontoporia blainvillei,

un golfiño de auga doce que habita fundamentalmente no grande estuario do Río da Prata, e tamén nas costas sudamericanas do océano Atlántico, sendo a única especie de golfiño que, aínda que de río, pode vivir indistintamente en augas doces e salgadas.

Nas rexións onde vive coñécese vulgarmente, na Arxentina e Uruguai, como franciscana ou tonina (no Brasil, toninha), e nos textos científicos da rexión, como delfín del Plata, nome que pasou á bibliografía internacional.

Tritón (mitoloxía)

Tritón é unha figura da mitoloxía grega, fillo de Poseidón, deus do mar, e da nereida Anfitrite.

Tritón tiña un corno de concha que ao facerlle soar calmaba as tempestades e anunciaba a chegada do deus do mar.

Aparece representado coa súa parte superior humana (torso e cabeza) e a inferior con forma de peixe.

A súa orixe é pre-grega, probabelmente fenicia.

É coñecido pola axuda que lle deu a Xasón e aos Argonautas para que puidesen atopar a ruta a seguir. Porén, noutra aventura debe loitar contra Heracles, para que este non averigüe o camiño ao Xardín das Hespérides.

Na iconografía co nome de Tritóns desígnanse un amplo número de divindades mariñas menores que acompañan a Poseidón.

Segundo Karl Kerényi, é un centauro de mar, coa parte superior do seu corpo como un home, as patas dianteiras dun cabalo e a parte inferior do corpo semellante a un golfiño. Este ser recibe tamén o nome de ictiocentauro.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.