Gobernador

O gobernador é o xefe da administración gobernamental nalgúns dos estados, provincias ou dependencias administrativas que constitúen países con goberno republicano.

Características

Países federados como Estados Unidos ten un gobernador na cabeza de cada un dos estados que a conforman, pero tamén países conformados nun estado unitario como Turquía teñen gobernadores nas súas provincias.

A tarefa do Gobernador abarca numerosas funcións:

  • Executar as tarefas do Goberno Interior, fundamentalmente as destinadas a manter na Provincia a orde pública e a seguridade dos seus habitantes e bens.
  • Permitir xuntas ou reunións en lugares de uso público.
  • No territorio que conforma a súa xurisdición, pode requirir o apoio da Forza Pública.
  • Tomar as medidas necesarias para previr e enfrontar urxencias.
  • Seguindo as instrucións do Intendente, exerce a vixilancia dos servizos públicos existentes na Provincia.
Australia

Australia (en inglés: Australia, [əˈstɹæɪljə] (AFI), escoitar) é o país máis grande da Oceanía. Ocupa toda a illa da Australia e varias illas adxacentes (a máis importante é Tasmania). O continente-illa, como se lle chama a Australia por veces, está bañado polo océano Índico, ao sur e ao oeste, polo mar de Timor, mar de Arafura e estreito de Torres, ao norte, e mar do Coral e mar da Tasmania, ao leste. A través destes mares, ten fronteira marítima coa Indonesia, Timor-Leste e Papúa-Nova Guinea, ao norte, e co territorio francés da Nova Caledonia, ao leste. A súa capital é Camberra.

California

California é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. Situado na costa norte do océano Pacífico, é o estado máis poboado do país, con máis de 38 millóns de habitantes. É tamén o terceiro maior estado en extensión dos Estados Unidos, por detrás só de Alasca e Texas. California é o maior centro comercial e industrial dos Estados Unidos, así como o líder nacional na produción de produtos agropecuarios.

Das vinte maiores cidades de Estados Unidos, catro están localizadas en California: Os Ánxeles, San Jose, San Diego e San Francisco. A súa capital, Sacramento, tamén é unha gran cidade. A rexión sur ten unha alta densidade de poboación, e alí é onde se localizan as catro maiores cidades do estado, mentres que a rexión norte está menos densamente habitada, e Sacramento é a única gran cidade situada nesa rexión setentrional.

Os españois foron os primeiros en explorar e colonizar a área onde actualmente se sitúa o estado de California e, despois da independencia mexicana, tornou parte de México. Os estadounidenses anexionaron California por volta de 1850, despois dunha guerra con México.

O alcume do estado é The Golden State, é dicir, o "estado dourado". Con todo, a orixe deste nome aínda é tema de discusión. Pode proceder da febre dourada de 1849, cando as minas de ouro atraeron decenas de milleiros de persoas de todo o país á rexión. Outra posibilidade é unha referencia á herba nativa do estado, que adquire unha cor dourada na estación seca. Comunmente, o alcume tamén é unha referencia ao seu clima, quente e soleado durante a maior parte do ano. O nome do estado vén dunha novela (Las sergas de Espladián, As aventuras de Espladián) do século XVI, escrita polo español Garci Rodríguez de Montalvo, onde existía un paraíso chamado California.

Canadá

O Canadá (en inglés e francés: Canada) é un país que ocupa a metade norte da América do Norte. Limita cos Estados Unidos de América, localizado ao sur do país (Estados Unidos continentais) e ao noroeste (estado norteamericano de Alasca). Ao norte localízase o océano Ártico, ao oeste, o océano Pacífico, e ao leste, o océano Atlántico.

O Canadá é o segundo maior país do mundo, por extensión territorial.

O Canadá é unha federación, unha democracia parlamentaria, constituída por 10 provincias e 3 territorios. O país forma parte da Commonwealth de Nacións e a xefa de estado do país é a raíña Isabel II de Inglaterra, que está representada no Canadá por un gobernador xeral. O xefe do goberno é o primeiro ministro, posto ocupado actualmente por Justin Trudeau. A capital do país é Otava.

O país obtivo súa independencia en 1 de xullo de 1867, do Reino Unido. Esta, porén, continuou a ter o control do Ministerio do Exterior do Canadá. O Canadá obtivo independencia total en 1931, segundo os termos do Estatuto de Westminster.

O Canadá é un dos países máis multiculturais do mundo. Tendo sido colonizada por franceses e ingleses, cerca dun terzo da poboación do Canadá posúe ascendencia inglesa, escocesa ou irlandesa; e un cuarto da poboación do país posúe algún grao de ascendencia francesa. Os tres maiores grupos minoritarios do país son italianos, alemáns e chineses.

Os Estados Unidos son o maior parceiro económico do Canadá. Por causa da súa grande poboación e do seu maior poder económico e influencia cultural, os Estados Unidos dominan gran parte da economía e da cultura do Canadá - aínda que moitos canadenses loitan para que eles sexan os principais responsables do control da economía do seu país, e para manter a cultura canadense viva e en pé, que desde o comezo do século XX viuse asociada á cultura norteamericana.

Carlos Reutemann

Carlos Alberto Reutemann (nado o 12 de abril de 1942), alcumado "Lole", é un expiloto arxentino de carreiras que competiu en Fórmula Un de 1972 a 1982.

Máis tarde dedicouse á política na súa provincia natal de Santa Fe, polo Partido Xusticialista, sendo gobernador da súa provincia por dúas veces, e senador da Arxentina.

Como piloto de carreiras de Fórmula Un, Reutemann foi un dos protagonistas principais entre 1972 e 1982. Conseguiu 12 vitorias en Grandes Premios e seis pole positions. En 1981 terminou segundo no Campionato do Mundo de Pilotos por un punto, logo de ser superado na última carreira da tempada. Converteuse no segundo piloto de Fórmula Un logo de Leo Kinnunen en subir ao podio dunha carreira do World Rally Championship, cando terminou terceiro nas edicións de 1980 e 1985 do Rally da Arxentina. Tamén foi durante tres décadas o único piloto de Fórmula Un en anotar puntos no campionato de F1 e no WRC, ata que Kimi Raikkonen quedou en oitavo lugar no Rally de Xordania de 2010.Como gobernador popular e senador, foi considerado por algúns, en varias ocasións, para ser un digno candidato a Presidente da República Arxentina, pero declinou facelo.

Deputación de Pontevedra

A Deputación Provincial de Pontevedra é o organismo que representa os concellos de toda a provincia. A súa sede sitúase na capital da provincia. Dende 2015 a presidenta é Carmela Silva, estando constituída a Corporación por 12 deputados do PPdG, 10 do PSdeG, 4 do BNG e 1 da Marea de Vigo.

Florida, Estados Unidos de América

Florida é un estado da rexión Sur dos Estados Unidos, o máis meridional dos 48 estados nos Estados Unidos continental. Limita, ao norte con Alabama e Xeorxia e ao sur co Estreito de Florida, polo cal fai fronteira con Cuba e Bahamas.

Florida foi inicialmente explorada e colonizada por España. Os españois descubriron Florida na estación da Pascua, que se chama Pascua Florida en castelán, de aí o nome do estado. Florida foi controlada polos españois ata 1819, cando foi anexionada polos Estados Unidos.

Gobernador civil

O gobernador civil foi a autoridade política nas provincias de España a partir da creación destas por Javier de Burgos en 1833.

Illinois

Illinois é un dos 50 Estados dos Estados Unidos de América. É o quinto estado máis poboado do país, cos seus 12 419 293 habitantes (en 2000). Cerca do 65% da poboación do estado vive na rexión metropolitana de Chicago, un dos maiores centros industriais e financeiros do mundo. Springfield é a capital do estado. Misioneiros franceses foron os primeiros europeos a exploraren a rexión. A palabra "Illinois" vén da pronunciación francesa da palabra algonquina illiniwek, que posúe dous significados 'o pobo' ou 'pobo superior'.

O cognome do Illinois é The Prairie State, que en galego significa "O estado dos prados". Illinois caracterizase polo seu terreo pouco accidentado, relativamente plano, que cobre unha gran parte do estado. Outro cognome do estado é The Land of Lincoln. Moitos dos habitantes do estado fachendean do feito de que o presidente americano Abraham Lincoln pasou a maior parte da súa vida no estado. Está actualmente enterrado en Springfield.

Jimmy Carter

James Earl "Jimmy" Carter, Junior, nado en Plains (Xeorxia) o 1 de outubro de 1924, é un político estadounidense do Partido Demócrata. Foi presidente dos Estados Unidos de América (1977-1981), gobernador do estado de Xeorxia (1971-1975) e senador na Asemblea Xeral de Xeorxia (1962-1966). Carter recibiu o Premio Nobel da Paz en 2002, galardoado polos seus esforzos infatigables para atopar solucións pacíficas aos conflitos internacionais, por impulsar a democracia e os dereitos humanos, e por fomentar o desenvolvemento económico e político dos pobos.

O seu mandato estivo marcado por importantes éxitos en política exterior, como os tratados sobre a Canle de Panamá, os Acordos de paz de Camp David (tratado de paz entre Exipto e Israel), o tratado SALT II coa URSS e o establecemento de relacións diplomáticas coa República Popular da China. En política interior, o seu goberno creou os ministerios de enerxía e educación e reforzou a lexislación sobre protección ambiental.

Desde que abandonou a Casa Branca, dedicouse a un labor de mediación en conflitos internacionais e a pór o seu prestixio ao servizo de causas humanitarias. En 2002, recibiu o Premio Nobel da Paz e distinguiuse en literatura, sendo autor de numerosos libros.

Massachusetts

A Commonwealth de Massachusetts (en inglés, Commonwealth of Massachusetts) é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. Localízase ao nordés do país, a uns cantos quilómetros da fronteira con Canadá. Massachusetts é o sexto menor estado dos Estados Unidos pero, a pesar do seu pequeno tamaño, é o décimo terceiro en poboación. O seu nome provén dunha voz indíxena local que significa "lugar do monte grande" e historicamente formou parte das 13 colonias orixinais que se rebelaron contra o Reino Unido na Guerra de Independencia dos Estados Unidos.

Massachusetts é o centro económico, cultural e educativo de Nova Inglaterra, e tamén o estado máis populoso da rexión, con aproximadamente a metade de toda a súa npoboación. A capital e a maior cidade é Boston, capital financeira, de transportes e educativo do estado e de Nova Inglaterra.

A rexión onde está localizado o estado foi unha das primeiras en ser colonizada polos británicos. A provincia colonial de Massachusetts foi fundada en 1620 (só a provincia colonial de Virxinia foi fundada antes). Massachusetts é famoso no país por ser pioneira en diversas áreas: o primeiro xornal foi publicado en Massachusetts, e a primeira biblioteca pública tamén, a primeira institución americana de educación superior foi fundada aquí en 1636. Posteriormente, o estado construiría as primeiras escolas públicas de ensino de segundo grao no país, durante a década de 1820.

Massachusetts foi unha das trece colonias británicas que se rebelaron contra o dominio británico en 1775, na Revolución Americana de 1776. Varios eventos que levaron ao inicio da guerra ocorreron en Massachusetts, así como as primeiras batallas da guerra. O 6 de febreiro de 1788, o Massachusetts ratificou a constitución americana, converténdose así no sexto estado dos Estados Unidos de América.

O nome do estado vén da tribo indíxena masachusett, unha tribo indíxena pertecente á familia dos algonquinos. Masachusett significa no idioma algonquino Próximo á gran montaña, unha referencia ao Great Blue Hill, unha montaña localizada ao sur de Boston.

O alcume máis coñecido do Massachusetts é The Bay State. A orixe vén da localización do primeiro asentamento permanente fundado en Massachusetts, ás marxes da Baía de Massachusetts. O xentilicio é Bay Staters. Outros nomes menos usados son The Old Colony State, The Puritan State e The Baked Bean State.

O estado é famoso internacionalmente pola calidade das súas universidades privadas, entre as cales salientan a Universidade Harvard e mailo Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, así como os numerosos Colleges como Wellesley College. Tamén é coñecido polos sitios de veraneo, cualidade non privativa do seu Cape Cod famoso, senón de moitos outros lugares de Nova Inglaterra.

Tamén é coñecido por ser o primeiro estado do país en permitir o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.

Míchigan

Míchigan é un dos 50 Estados de Estados Unidos de América, un dos líderes nacionais da industria de manufacturación. A capital nacional da industria automobilística está localizada na maior cidade do estado, Detroit e o estado é o maior produtor de coches e camións dos Estados Unidos.

Limita con catro dos cinco Grandes Lagos. O seu litoral posúe 5.292 km de extensión. Pode ser dividido en dúas áreas distintas: a Península Superior e a Península Inferior, conectadas entre si só por unha ponte de 8 quilómetros de lonxitude.

Nova Jersey

Nova Jersey (en inglés: New Jersey) é un dos 50 estados dos Estados Unidos, situado nas rexións Mid-Atlantic e Nordeste do país. Limita ao norte co estado de Nova York, ao leste co océano Atlántico, ao suroeste con Delaware e ao oeste con Pensilvania. Encóntrase principalmente dentro das extensas áreas metropolitanas de Nova York e Filadelfia.

É o cuarto estado menos extenso, superando apenas a Connecticut, Delaware e Rhode Island. A pesar da súa pequena extensión territorial, ten unha poboación de 8,938,175 habitantes , sendo o undécimo estado máis poboado e o de maior densidade nos Estados Unidos.

A economía de Nova Xersei depende principalmente da súa industria manufacturera e da prestación de servizos de transporte. É un dos estados máis industrializados do país. Os produtos fabricados no estado, así como outros produtos producidos nos estados veciños, son exportados a través dos portos ao longo dos ríos Hudson e Delaware. Nova Xersei é tamén un dos líderes nacionais da produción de produtos químicos. Para o ano 2011 foi o terceiro estado máis rico do país en ingresos medios por fogar.O turismo é tamén unha das principais fontes de ingresos no estado. As principais atraccións turísticas son as súas numerosas praias localizadas en rexións relativamente pouco poboadas. Ademais disto polos seus numerosos xardíns e parques o estado é alcumado The Garden State (O estado xardín).

Máis de cen batallas e enfrontamentos entre milicias estadounidenses e tropas británicas foron realizadas en Nova Xersei. A máis famosa delas ocorreu o 26 de decembro de 1776, cando George Washington realizou a súa famosa travesía do río Delaware durante a batalla de Trenton. Logo da independencia dos Estados Unidos, Nova Xersei foi o terceiro estado en ratificar a Constitución, o 18 de decembro de 1787.

Pascual Madoz

Pascual Madoz Ibáñez, nado en Pamplona o 17 de maio de 1806 e finado en Xénova o 13 de decembro de 1870, foi un político español de tendencia liberal. Tivo diversos cargos como gobernador de Barcelona, ministro de Facenda, deputado e presidente da Xunta Provisional Revolucionaria durante a revolución de 1868. É moi coñecido pola súa obra Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar tamén coñecido como Dicionario Madoz.

Pensilvania

Pensilvania é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. O seu nome oficial é Commonwealth of Pennsylvania. O estado deu nome ao período xeolóxico Pennsylvaniano. A capital do estado é Harrisburg.

É un dos estados máis industrializados e urbanizados dos Estados Unidos, sendo un dos berces da Revolución Industrial do país, a mediados do século XIX. É un gran produtor de alimentos, química e electrónica. Produce antracita, un tipo de carbón de altísima calidade e, alén diso, é o maior produtor de carbón bituminoso do país.

Filadelfia é a maior cidade do Estado, sendo un gran centro portuario, bancario, financeiro e industrial. A segunda maior cidade do estado é Pittsburgh, que é un polo educativo e da industria de alta tecnoloxía. Ambos son grandes centros históricos e culturais americanos.

Pensilvania é famosa pola rexión de Pensilvania Dutch (Países Baixos pensilvano), localizada no sur do estado. A rexión é famosa pola súa gastronomía [Cómpre referencia] e pola súa arquitectura. A pesar do nome, a gran maioría dos habitantes da rexión son alemáns; de feito, o nome "Dutch" foi unha mala interpretación da palabra alemá deutsch, que significa "alemán" na lingua alemá. Esta rexión é famosa nos Estados Unidos e Canadá, sendo unha rexión de cuño turístico, histórico e cultural do Estado.

O nome do estado vén de William Penn. O Rei inglés Carlos II cedeu a rexión a Penn en 1681. A palabra Pensilvania significa "bosques (silva) dePenn". Este Penn era un cuáquero que estabeleceu na súa colonia a liberdade relixiosa, permitindo a grupos relixiosos perseguidos tales como os cuáqueros, entre outros, se instalaran na rexión. Por isto, por veces o estado denomnínase The Quaker State, porque a maioría dos seus habitantes, nos principios da colonización europea do estado, eran cuáqueros. O cognome do Estado é The Keystone State.

Pensilvania é un dos estados americanos máis ricos historicamente. Foi colonizada inicialmente por suecos e neerlandeses, sendo posteriormente expulsados da rexión polos británicos. Pensilvania foi unha das Trece Colonias que se rebelaron contra o dominio inglés na rexión na Revolución Americana de 1776. Foi en Pensilvania onde se creou a declaración de independencia e a constitución americana polos pais da nación americana. Converteuse no segundo estado americano despois de ratificar a Constitución americana o 12 de decembro de 1787. Durante a Guerra Civil Americana, Pensilvania presenciou da batalla máis sanguenta da guerra civil, a Batalla de Gettysburg.

Porto Rico

O Estado Libre Asociado de Porto Rico é un grupo de illas na parte oriental do Mar Caribe, territorio non incorporado dos Estados Unidos desde o ano 1898. No 1952 conformouse o "Estado Libre Asociado de Porto Rico", traducido oficialmente ao inglés como Commonwealth of Porto Rico. É de interese o feito de que o tipo de goberno en Porto Rico non é unha "mancomunidade", posto que o E.L.A. é unha fórmula de autonomía política de natureza limitada, territorial e sen a soberanía dun país independente. Véxase como referencia Mancomunidade Británica de Nacións e Commonwealth

O arquipélago está formado pola illa de Porto Rico (a menor das Grandes Antillas ou Antillas Maiores) e varias illas, illotes e caios, entre os que se atopan as illas de Vieques, Culebra e a Mona, esta última unha reserva natural deshabitada. A illa maior de Porto Rico, con 9.100 km², ocupa o lugar número 82 entre as illas do mundo por tamaño, sendo pouco menor que Chipre e maior que Córsega e Chiloé, así como o número 169 entre os países e territorios do mundo por tamaño.

Porto Rico, localizado ao leste de República Dominicana e ao oeste das Antillas Menores, está comprendido entre os 17º 50´ e 18º 30´ de latitude norte e os 65º 30´ e 65º 15´ de lonxitude oeste do Meridiano de Greenwich onde se funden o Atlántico e o Mar Caribe, ao leste co Canle de Vieques que a separa das Illas Virxes Estadounidenses e ao oeste coa illa de Mona, na canle do mesmo nome que a separa da República Dominicana. O Estado Libre Asociado está dividido en setenta e oito municipios, tendo como capital a cidade de San Xoán.

Portodemouros, Vila de Cruces

A parroquia de San Salvador de Portodemouros está situada ao noroeste do concello de Vila de Cruces, Portodemouros é unha das máis pequenas parroquias do concello.

O seu relevo é fortemente pronunciado cara ao norte, é dicir cara ao río Ulla, que nesta parte do seu percorrido está estancado no encoro de Portodemouros que toma o seu nome desta parroquia.

Parte do territorio de Portodemouros atópase na actualidade debaixo da auga, pero o encoro non afectou a ningún lugar da parroquia que ten dous (Arxe é Outeiro).

Conta cunha igrexa parroquial que na zona se coñece como a capela do San Ramón, por ser a festa dedicada a este Santo máis popular ca parroquial, San Salvador.

No lugar de Outeiro naceu Luis Otero Pimentel, escritor e militar, Gobernador da provincia de Manzanillo, no ano 1898 en plena guerra de Cuba, escribiu un libro de poesía titulado As campanas de Duxame, dedicado sen dúbida a lindante parroquia de Duxame.

Provincia

Unha provincia é un tipo de división administrativa, que confire certas funcións, a nivel administrativo, ó territorio que representa. Tamén se chama provincia ao territorio limitado pola división administrativa antedita.

Este termo utilizase con características diferentes seguindo os países e as épocas históricas. Polo tanto unha provincia abarca realidades de organización territorial diversas.

Provincia histórica do Xapón

Antes de que se establecese o actual sistema de prefecturas, Xapón estaba dividido en dez kuni (国, países), aínda que en realidade son dez provincias. Cada provincia estaba divida en gun (郡, distritos; coñecidos anteriormente como kōri).

As provincias foron establecidas inicialmente por Ritsuryō (Código de Taihō) tanto como unidades administrativas como rexións xeográficas. Con todo, na última fase do Período Muromachi, a súa función como unidade administrativa foi eficientemente e gradualmente suplantada polo goberno dos sengoku-daimyo. Baixo o goberno de Toyotomi Hideyoshi, as provincias foron definitivamente substituídas como unidades administrativas polos feudos dos daimyo. No Período Edo, os feudos pasaron a ser coñecidos como han. As provincias mantivéronse como entidades xeográficas e a xente adoitaba denominar a un determinado lugar polo nome da provincia acompañada da palabra “han”.

Na restauración Meiji, os han foron lexitimados como unidades administrativas pero pronto foron substituídos polas prefecturas (as prefecturas urbanas denomináronse fu e as rurais ken). O sistema de provincias para organizar as direccións non foi abolido senón que se estendeu. A partir de 1871, o número de prefecturas era 304, mentres que o número de provincias era 68, sen incluír Hokkaidō e Ryūkyū como provincias. Os límites entre as diversas prefecturas non estaban moi definidos, ademais tampouco coincidían cos das provincias. As prefecturas foron progresivamente reducidas a 37 en 1881; dividíndose de novo para formar un total de 45 en 1885. Coa adición as prefecturas de Hokkaidō e Okinawa alcanzouse a distribución definitiva (47 prefecturas), que se mantén na actualidade.

Ata agora non se anunciou ningunha modificación das provincias. Actualmente as provincias están consideradas obsoletas, a pesar de que os seus nomes son utilizados con frecuencia para designar características naturais, nomes de compañías e marcas. A principios da década de 2000, o gobernador da Prefectura de Nagano, Yasuo Tanaka (presidente do Novo Partido do Xapón), propuxo renomear a súa prefectura como "*Shinshū" (信州, un nome que deriva da Provincia de Shinano) porque o seu uso estaba xeneralizado, con termos como Shinshū soba (信州そば), Shinshū miso (信州味噌) e Universidade de Shinshu.

Dentro das provincias provincias existen un kinai (capital) e sete ou oito dō (rutas ou circuítos).

Ronald Reagan

Ronald Wilson Reagan, nado o 6 de febreiro de 1911 e finado o 5 de xuño de 2004, foi o cuadraxésimo presidente dos Estados Unidos, de 1981 a 1989, e o 33 gobernador do estado de California, de 1967 a 1975. Antes de entrar en política, foi actor.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.