George Martin

Sir George Henry Martin, CBE, nado o 3 de xaneiro de 1926 en Highbury (Londres) e finado o 8 de marzo de 2016[1][2] en Londres, foi un produtor discográfico, arreglista , compositor, director de orquestra, enxeñeiro de son e músico inglés, coñecido principalmente por producir case a totalidade dos álbums dos Beatles, entre outros proxectos musicais. É considerado como un dos maiores produtores de discos de todos os tempos, con trinta sinxelos que chegaron a ser número un nas listas do Reino Unido e 23 nas listas do Billboard en Estados Unidos.

Ademais de ser coñecido como o Quinto Beatle, é pai do tamén produtor Giles Martin, e do actor Gregory Paul Martin.

En recoñecemento dos seus servizos á industria musical e á cultura popular, foi nomeado Cabaleiro do Reino en 1996.

George Martin
George Martin - backstage at LOVE
Sir George Martin
Nome completoGeorge Henry Martin
Nacemento3 de xaneiro de 1926
OrixeHighbury, Londres, Inglaterra
Falecemento8 de xaneiro de 2016 (90 anos)
 Swindon
OcupaciónProdutor discográfico, arranxista, compositor
XéneroRock - Pop - Clásica
Instrumento(s)Óboe, Piano, Instrumentos de teclado, Guitarra
Selo(s) discográfico(s)EMI, Parlophone
Relacionado conThe Beatles, Wings, America, Paul McCartney, Yoshiki
Tempo en activo1950-2016

Traxectoria

George Martin

Aprendeu a tocar piano desde a súa infancia, pero a súa formación musical propiamente dita non comezou ata que cumpriu os vinte anos. No ínterim, serviu na segunda guerra mundial, para a Royal Air Force, onde un mentor, Sidney Harrison, animouno a seguir unha carreira de música, vendo o seu gusto por ela e o seu talento. En 1947, cando reiniciou a súa vida civil, entrou a estudar na Guildhall School of Music and Drama piano, adoptando o óboe como segundo instrumento.

Nos anos 1950 foi encomendado a dirixir unha pequena subdivisión da compañía discográfica EMI en Inglaterra, a Parlophone. Esta subdivisión encargábase da distribución de música clásica e gravacións cómicas (destacando sátiras a Mozart do actor Peter Ustinov) e estaba a piques de ser pechada cando Brian Epstein, representante dos Beatles, convenceu a Martin de que os gravase, logo de infrutuosos intentos por ser gravados entre 1961 e 1962 (a compañía discográfica Decca rexeitounos definitivamente). Tratábase da canción "Love Me Do", que foi un éxito local e xerou divisas para a permanencia de Parlophone, selo que a longo prazo distribuiría os sinxelos e longa duración dos Beatles.

O éxito da canción levou aos Beatles a gravar o seu primeiro disco de longa duración en 1963, Please Please Me. Este álbum comezou a relación dos Beatles con Martin como produtor, sendo este considerado parte esencial do éxito do cuarteto, chamado ata "o quinto Beatle".

O educado oído de Martin, axuntado ao seu gusto pola música clásica, convertérono nun dos produtores máis respectados de todos os tempos, levando aos Beatles a niveis creativos insuperables (que incluían instrumentacións de cordo, novas técnicas de composición e experimentacións sonoras con diversos estilos e instrumentos). Ademais de ser un revolucionario na técnica: foi o primeiro produtor no Reino Unido en utilizar oito canles de gravación (en dúas consolas de catro canles cada unha) para o disco Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band (1967). En 1970, John Lennon chamou a Phil Spector para producir o que sería o álbum póstumo dos Beatles: o controvertido Let It Be. Foi o primeiro traballo do cuarteto non producido por Martin. Coa separación do grupo ese ano, Martin produciu traballos de xente como Shirley Bassey, America ou Bernard Cribbins.

Realizou orquestracións para algunhas películas, entre elas destacan The family way, para a cal compuxo e orquestrou xunto a Paul McCartney, facéndose acredores ao Premio Ivor Novello en 1966. Tamén fixo instrumentacións para Yellow Submarine (1968), filme de animación psicodélica coas cancións dos Beatles e Vive e deixa morrer (1973), da saga de James Bond, de novo xunto a Paul McCartney.

Na década dos '90 foi nomeado Sir pola Raíña de Inglaterra.

En 1993 traballou con Yoshiki (X Japan) para gravar o álbum "Eternal Melody" xunto á Orquestra Filharmónica de Londres. O álbum contén temas da banda xaponesa en versións sinfónicas, como "Rose of Pain" ou "Endless Rain". Tamén foi introducido ao Salón da Fama do Rock en 1999.

Notas

  1. «Muere George Martin, el productor que convirtió a los Beatles en un fenómeno global», artigo do 9 de marzo de 2016 no sitio web BBC (Londres).(en castelán)
  2. «Muere George Martin, el "quinto Beatle"», artigo do 9 de marzo de 2016 no xornal El País (Madrid).(en castelán)

Véxase tamén

1926

1926 foi Ano Santo Xacobeo.

2016

2016 foi un ano común do calendario gregoriano, que comezou en venres. Foi declarado Ano Valle-Inclán en conmemoración do 150 aniversario do seu nacemento. O Día das Letras Galegas estivo adicado a Manuel María.

A Hard Day's Night (álbum)

A Hard Day's Night é o terceiro álbum da banda inglesa de rock The Beatles, editado o 10 de xullo de 1964 a través do selo Parlophone. A súa cara 1 contén os temas da banda sonora da película A Hard Day's Night. A versión estadounidense publicouse dúas semanas antes, o 26 de xuño a través de United Artists Records e cunha orde de cancións distinta. Este é o primeiro álbum dos Beatles en ser gravado enteiramente en cinta de catro pistas, permitindo unhas boas mesuras estéreo.

A Hard Day's Night foi colocado no número 307 na lista da Rolling Stone dos "500 mellores álbums de todos os tempos".

Abbey Road

Abbey Road é o décimo primeiro álbum de The Beatles, saiu o 26 de setembro de 1969 no Reino Unido (o 1 de outubro nos Estados Unidos) e foi o último álbum gravado polo grupo, aínda que Let It Be se publicou despois. Produciuno George Martin. Rolling Stone considérao o 14º mellor álbum de todos os tempos.

Beatles for Sale

Beatles for Sale é o cuarto álbum da banda inglesa de rock The Beatles, editado o 4 de decembro de 1964 a través do selo Parlophone. Producido por George Martin, o disco foi un punto de inflexión importante na evolución da asociación Lennon–McCartney, en particular John Lennon amosaba agora interese na composición de cancións cunha naturea máis autobiográfica. "I'm a Loser" amosa a un Lennon por primeira vez baixo a influencia de Bob Dylan, o cal coñeceu en Nova York mentres estaban de xira o 28 de agosto de 1964.

Help! (álbum)

Help! é o quinto álbum británico e décimo estadounidense, ademais da banda sonora da película do mesmo nome, da banda inglesa de rock The Beatles, editado o 6 de agosto de 1965 a través do selo Parlophone. Producido por George Martin contén catorce cancións na súa forma orixinal británica, das cales sete aparecen no filme. Eses temas aparecen na primeira cara do vinilo e entre eles están os sinxelos "Help!" e "Ticket to Ride". A segunda cara contén outros sete temas, entre os que está unha das cancións máis versionada da historia, "Yesterday".

Let It Be (álbum)

Let It Be é o décimo segundo e derradeiro álbum de estudio da banda inglesa de rock The Beatles, editado o 8 de maio de 1970 a través do selo Apple Records. O disco publicouse pouco despois de que o grupo anunciase a súa disolución.

Love Me Do

«Love Me Do» é a primeira canción gravada polo grupo británico dos Beatles composta por John Lennon e Paul McCartney, principalmente por este último entre 1958 e 1959. A canción foi lanzada como sinxelo no Reino Unido, na súa primeira versión, o 5 de outubro de 1962, con «P.S. I Love You» ocupando a cara B do disco e figura no primeiro álbum de The Beatles, Please Please Me, comercializado o 22 marzo de 1963. Alcanzou o n.º 17 nunha das listas británicas, sendo relanzado, xa na súa segunda versión, en 1982, alcanzando nesta ocasión o n.º 4. En Estados Unidos, que desde o principio editouse na súa segunda versión, o sinxelo foi n.º 1 en 1964.

Magical Mystery Tour

Magical Mystery Tour é un álbum da banda de rock británica The Beatles, lanzado en Estados Unidos o 27 de novembro de 1967. As cancións deste álbum foron grabadas polos Beatles durante un período de 11 meses, que incluía o Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band.

Tamén é o nome dunha película para televisión que se publicou orixinalmente no Reino Unido. Despois dunha acollida negativa, tanto da crítica como do público, canceláronse os plans de emisión da película por parte da cadea de televisión norteamericana ABC, e a película Magical Mystery Tour non apareceu nos Estados Unidos ata a súa estrea en 1976 nos cines de medianoite e nos circuítos universitarios.

Parlophone

Parlophone é un selo discográfico fundado en Alemaña en 1896 pola Carl Lindström Company como Parlophon, a filial británica xurdiu en 1923 como "Parlophone" e durante os anos '20 converteuse nun selo líder no jazz. En 1927, foi adquirida por Columbia Gramophone Company, que máis tarde se convertería en EMI. A mediados de 1962 converteuse nun dos selos discográficos máis importantes do mundo cando un directivo, George Martin, contratou a The Beatles, chegando a producir os seus primeiros nove álbums e os sinxelos correspondentes.

Paul McCartney

Sir James Paul McCartney, nado en Liverpool o 18 de xuño de 1942, é un músico e activista pro-dereitos dos animais.

Please Please Me

Please Please Me é o álbum de estrea da banda inglesa de rock The Beatles, editado o 22 de marzo de 1963 no Reino Unido a través do selo Parlophone. Foi publicado ás presas para capitalizar o éxito dos sinxelos "Please Please Me" (número 1 na meirande parte das listas británicas) e "Love Me Do" (número 17).

Das catorce cancións do disco, oito foron compostas pola parella formada por John Lennon e Paul McCartney (orixinamente acreditados como "McCartney–Lennon"), a primeira evidencia do que a Rolling Stone chamou posteriormente "[a súa invención da] idea da banda de rock independente, escribindo os seus propios temas e tocando os seus propios instrumento". No ano 2012, Please Please Me foi colocado no posto 39 da lista da Rolling Stone dos "500 mellores álbums de todos os tempos".

Revolver (álbum)

Revolver é o sétimo álbum da banda inglesa de rock The Beatles, editado o 5 de agosto de 1966 a través do selo Parlophone. Moitos dos temas que aparecen en Revolver teñen un son con guitarras máis roqueiras, que contrasta co seu anterior traballo, o folk rock Rubber Soul (1965). No Reino Unido, as catorce cancións do disco foron publicadas para as emisoras de radio ao longo do mes de xullo de 1966.

Acadou o número 1 tanto nas listas británicas como estadounidenses, posto que ocupou sete e seis semanas respectivamente. Foi colocado no primeiro lugar da lista dos "1000 mellores álbum de todos os tempos" e no número 3 da lista da Rolling Stone dos "500 mellores álbums de todos os tempos".

Rubber Soul

Rubber Soul é o sexto álbum da banda inglesa de rock The Beatles, editado o 3 de decembro de 1965 a través do selo Parlophone. Producido por George Martin, foi gravado en pouco máis de catro semanas para a campaña de Nadal. A diferenza dos cinco discos anteriores, este álbum foi gravado nun período específico e non nos ocos entre as xiras ou entre as filmacións de películas. Despois deste traballo, cada álbum da banda sería realizado sen a necesidade de prestar atención a outros compromisos, coa excepción da produción de pequenos filmes promocionais. Rubber Soul trátase dun disco de folk rock, e tamén incorpora pop e soul. O álbum foi descrito como un logro artístico importante, alcanzando un gran éxito de crítica e publico.

Rubber Soul foi un éxito comercial e de crítica e adoita a ser citado como un dos mellores álbums da historia da música. No ano 2012 foi colocado no número 5 da lista da Rolling Stone dos "500 mellores álbums de todos os tempos".

Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band

Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band foi o oitavo álbum dos Beatles. Frecuentemente considerado o álbum de rock máis importante do todos os tempos por críticos e publicacións, como a revista Rolling Stone. Gravouse nun período de 129 días a contar desde o 6 de decembro de 1966 e saíu ó mercado o 1 de xuño de 1967 no Reino Unido e o día seguinte nos Estados Unidos, obtendo un inmediato éxito popular.

Durante as sesións de gravación de Sgt. Pepper's, o grupo mellorou a calidade da produción musical mentres exploraba técnicas experimentais de gravación. O enfoque innovador do produtor George Martin incluía o uso dunha orquestra. As cancións do álbum van dende o music hall, o rock and roll e o pop ata a música tradicional hindú. Amplamente aclamada e imitada, a portada do disco, deseñada polos artistas pop ingleses Peter Blake e Jann Haworth, inspirouse nun bosquexo de Paul McCartney onde a banda posaba diante dun collage con algúns dos seus famosos favoritos.

The Beatles

The Beatles foi unha banda de rock formada en Liverpool (Inglaterra) en 1960, activa durante a década dos 60, e recoñecida como unha das máis comercialmente exitosas e criticamente aclamadas na historia da música popular. Formada en Liverpool, estivo constituída desde 1962 por John Lennon (guitarra rítmica, vocalista), Paul McCartney (baixo, vocalista), George Harrison (guitarra solista, vocalista) e Ringo Starr (batería, vocalista). Enraizada no skiffle e no rock and roll dos anos cincuenta, a banda traballou máis tarde con distintos xéneros musicais, que ían desde a balada pop ata o rock psicodélico, incorporando a miúdo elementos clásicos, entre outros, de forma innovadora nas súas cancións. A natureza da súa enorme popularidade, que emerxera primeiramente coa moda da «Beatlemanía», transformouse á vez que as súas composicións se volveron máis sofisticadas. Chegaron a ser percibidos como a encarnación dos ideais progresistas, estendendo a súa influencia nas revolucións sociais e culturais da década de 1960.

Cunha formación inicial de cinco compoñentes que incluía a Lennon, McCartney, Harrison, Stuart Sutcliffe (baixo) e Pete Best (batería), construíron a súa reputación nos clubs de Liverpool e Hamburgo nun período de tres anos a partir de 1960. Sutcliffe abandonou a formación en 1961, e Best foi substituído por Starr ao ano seguinte. Xa como grupo profesional despois de que Brian Epstein lles ofrecese ser o seu representante, e co seu potencial musical mellorado pola creatividade do produtor George Martin, lograron o éxito comercial no Reino Unido a finais de 1962 co seu primeiro sinxelo, «Love Me Do». A partir de aí, foron adquirindo popularidade internacional ao longo dos seguintes anos, nos cales fixeron un extenso número de xiras ata 1966, ano en que cesaron a actividade en vivo para dedicarse unicamente á gravación no estudo ata a súa disolución en 1970. Despois, todos os seus integrantes embarcáronse en exitosas carreiras independentes, a pesar disto non foron raras as colaboracións entre eles. O ano 1995, con motivo da edición do primeiro volume da triloxía The Beatles Anthology, tivo lugar unha reunión virtual do grupo, coa axuda dunhas cintas que John Lennon deixara gravadas e que foron a base de dúas novas cancións: Free as a Bird e Real Love.Durante os seus anos de estudo crearon algúns dos seus mellores materiais, incluíndo o álbum Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band (1967), considerado por moitos como unha obra mestra. Catro décadas logo da súa separación, a música que crearon continúa sendo popular. Mantéñense como o grupo con máis números 1 nas listas británicas, situando máis álbums nesta posición que calquera outra agrupación musical. De acordo coas certificacións da RIAA, venderon máis discos nos Estados Unidos que calquera outro artista. En 2004, a revista Rolling Stone clasificounos no número un na súa lista dos «50 artistas máis grandes de todos os tempos». De acordo coa mesma publicación, a música innovadora de The Beatles e o seu impacto cultural axudaron a definir os anos sesenta. En 2008, a revista Billboard publicou unha lista dos artistas máis exitosos de todos os tempos no Hot 100 con motivo do 50º aniversario da lista de éxitos, e The Beatles foron colocados no número un. Foron galardoados con sete premios Grammy, e recibiron un total de quince premios Ivor Novello de parte da British Academy of Songwriters, Composers and Authors.

Tamén foron colocados no posto Nº 1 polo sitio de Internet Acclaimed Music na súa lista «The Top 1000 Artists of All Time» e por Digital Dream Door na súa lista «100 Greatest Rock Artists».Lennon sería asasinado nos arredores da súa casa de Nova York en 1980, e Harrison falecería de cancro en 2001. McCartney e Starr aínda permanecen activos.

The Beatles (álbum)

The Beatles é o noveno álbum da banda inglesa de rock The Beatles, editado o 22 de novembro de 1968 a través do selo Apple Records. Trátase dun álbum dobre, e é coñecido como "The White Album" (o álbum branco) xa que a súa capa branca non contén imaxes ou texto agás o nome da banda (e un número de serie nas primeiras edicións en vinilo e CD).

O álbum foi composto durante un período de confusión para o grupo, despois de visitar a Maharishi Mahesh Yogi na India e de ter unha sesión de composición particularmente produtiva a comezos de 1968. De volta ao estudio, o grupo gravou dende maio ata outubro dese ano. Ringo Starr deixou a banda durante un breve período de tempo, deixando que Paul McCartney tocase a batería en dúas cancións.

Tras o seu lanzamento en novembro de 1968, o álbum foi aclamado en case todo o mundo e acadou o número 1 nas listas do Reino Unido e dos Estados Unidos. O disco destaca pola natureza ecléctica das súas cancións, cousa que dividíu aos críticos á hora de avaliar o seu legado. O álbum vendeu ao redor dos 30 millóns de copias en todo o mundo e foi listado no número 10 da lista da Rolling Stone dos "500 mellores álbum de todos os tempos". En 1987, como parte do seu 20 aniversario, Rolling Stone colocouno no número 9 da lista dos "100 mellores álbums dos últimos vinte anos".

With the Beatles

With the Beatles é un álbum da banda inglesa de rock The Beatles, editado o 22 de novembro de 1963 a través do selo Parlophone. Foi gravado catro meses despois da estrea do grupo, Please Please Me, e conta con oito composicións orixinais (sete de Lennon–McCartney e "Don't Bother Me", a primeira gravación dunha composición en solitario de George Harrison) e seis versións (principalmente éxitos de R&B e da Motown). A meirande parte dos temas do disco foron publicados nos Estados Unidos a través de Capitol Records como o LP Meet the Beatles! o 20 de xaneiro de 1964, e as que non entraron nese apareceron no seguinte álbum estadounidense da banda, The Beatles' Second Album.

Yellow Submarine (álbum)

Yellow Submarine é o décimo álbum da banda inglesa de rock The Beatles, editado o 17 de xaneiro de 1969 a través do selo Apple Records. Foi publicado como a banda sonora para a película do mesmo nome, que se estreou no Reino Unido sete meses antes do lanzamento do álbum.

Discografía orixinal
Discografía posterior
Concertos e xiras
Xestión e produción
Artigos relacionados

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.