Galos

O termo galos designa as poboacións protohistóricas de celtas que residían na Galia, (Gallia en latín), é dicir, aproximadamente nos territorios actuais da Francia, o sur de Bélxica, e máis a Italia do norte, probabelmente a partir da primeira Idade de Ferro (cara ao 800 a.c.).

Os galos estaban divididos en múltiples tribos ou pobos, as veces federados, presentando cada un certa cultura orixinal.
As civilizacións galas son clasificadas en arqueoloxía dentro da civilización céltica de La Tène (do nome dun lugar sito nas beiras do lago de Neuchâtel, en Suíza). A civilización de La Tène espallouse polo continente europeo durante a segunda Idade de Ferro e desapareceu en Irlanda ao longo da Alta Idade Media.

Map Gallia Tribes Towns
A Galia e as poboacións galas.

O nome

Os xermanos denominaban aos celtas *Walχisk[1] « estranxeiro »[2] transformado en alemán moderno en Welsch, un termo a miúdo pexorativo, co que os alemáns designan hoxe as poboacións de lingua románica.

O nome en latín de Galli, plural de Gallus, habitantes da Gallia «Galia», asociouse no Renacemento ao seu homónimo gallus «galo, polo adulto», convertendo así este animal no emblema de Francia.

Por outra banda, os gregos, denominaban aos galos Κελτοί (Keltói, Celtæ, dixo Xulio César) e aínda Γαλάται, plural de Γαλάτης, Galátai / Galátēs, que se pode transcribir en galego como Gálatas.

Testemuñas arqueolóxicas e históricas

Hai arqueólogos que fan remontar a civilización gala ao século VIII a.C. ou século VII a.C. (época da civilización céltica de Hallstatt): as testemuñas arqueolóxicas desta época, tales a tumba da princesa de Vix (Côte-d'Or)), datada a inicios do século V a.C., ofrecen a imaxe dunha sociedade marcada polo dominio dunha casta aristocrática e guerreira, que usaba o carro e empregaba unha espada longa.

Nas fontes gregas, en particular da época macedónica, aparecen innúmeras mencións de celtas, pertencentes sen dúbida a pobos galos: faise referencia á súa valentía e valor guerreiro. Isto corresponde ao período de maior expansión céltica (século IV a.C. e século III a.C.).

Nas fontes latinas posteriores, os galos dos séculos II a.C. e I a.C. son claramente diferenciados dos cimbros, dos teutóns (pobos xermano-célticos), dos bretóns e dos helvecios (pobos célticos da Gran Bretaña e de Suíza, respectivamente).

Pobos galos

Os galos dividíanse en pobos, un total de 44 na época da conquista romana. Formaban a Galia celta e foron incorporados á chamada Galia romana ou Galia transalpina.

Abaixo, preséntase unha lista, non exhaustiva, de pobos galos, coas respectivas capitais, na época da morte de Augusto, no 14. A notar que as denominacións dos pobos deron orixe, en moitos casos, ao nome actual da rexión ou cidade. Procurouse dar o nome en latín, seguido da versión en galego, cando existe.

Na Gallia comata

  • Civitates Foederatæ (cidades federadas), unidas a Roma e exentas de impostos.
    • os Aedui, capital Augustodunum (Autun)
    • os Carnuti ou carnutes ou carnutos, capital Autricum (Chartres)
  • Civitates Liberæ (cidades libres), recompensadas pola súa fidelidade a Roma.
    • os Segusiavi, capital Forum Segusiavorum (Feurs-Loire)
    • os Viducasses ou viducases, capital Aragenuae (Vieux)
    • os Meldi ou meldos, capital Iatinum (Meaux)
  • Civitates Stipendiariæ, as demais.
    • os Abrincatui ou abrincatuos ou abrincatenos ou abrincates, capital Ingena (Avranches)
    • os Agnutes
    • os Ambilatres
    • os Andecavi ou andecavos, capital Iuliomagus (Angers)
    • os Aulerci Eburovicii ou aulercos eburovices, capital Mediolanum Eburovicum (Vieil-Evreux)
    • os Aulerci Cenomani ou aulercos cenomanos, capital Suidinum (Le Mans)
    • os Aulerci Diablintes, capital Noviodunum (Jublains)
    • os Baiocasses ou baiocases, capital Augustodurum (Bayeux)
    • os Caletii ou caletes ou caletos, capital Juliobona Lillebonne e Caracotinum (Harfleur)
    • os Coriosilitae, capital Arvii despois Fanum Martis (Corseul)
    • os Lexovii ou lexóvios, capital Noviomagus (Lisieux)
    • os Namnetes ou namnetes, capital Condenvincum (Nantes)
    • os Osismii ou osismos, capital Vorgium (Carhaix)
    • os Parisii ou parisios, capital Lutecia ou Lutecia (Paris)
    • os Pictoni ou píctones, capital Limonum (Poitiers)
    • os R(h)edones ou rédones, capital Condate (Rennes)
    • os senóns ou sénones, capital Agendicum (Sens)
    • os Turoni ou túrones, capital Caesarodunum (Tours)
    • os Tricassii ou tricases, capital Augustobona (Troyes)
    • os Unelli ou unelos, capital Crouciaconum (Carentan)
    • os Veneti, capital Dariorigum (Vannes)
    • os Veliocassii ou veliocases ou veliocasos, capital Rothomagus (Ruán)

Na Galia Aquitania

  • os Albigenses ou albigenses (Albi),
  • os Cadurci ou cadurcos (Quercy, Cahors),
  • os Ruteni ou rutenos (Rouergue, Rodez), a non confundir con a étnia eslava dos rutenos,
  • os Lemovici ou lemovices ou limosinos (Lemosín),
  • os Arverni ou arvernos (Auverña, capital Gergovia),
  • os Vellavi ou velávios (Velay),
  • os Bituriges ou bitúriges (Berry),
  • os Aginnenses, despois Nitiobrogii, capital Aginnum (Agen),
  • os Bituriges viviscos ou bitúriges viviscos (Bordelais; capital Bordeos),
  • os Santones ou sántones (Saintonge, capital Saintes),
  • os Petrocorii ou petrocorios (Périgueux),
  • os Pictones (Poitou),

Na Galia Belga

  • os Remi ou remos, capital Durocortorum (Reims), capital da Galia Belga durante a época romana.
  • os Atrebates ou atrébates, capital Nemetocenna (Arras)
  • os Bituriges Cubas ou bitúriges cubas, capital Avaricum (Bourges),
  • os Eburones (eburões) ou Tungri, capital Aduatuqua (Tongeren)
  • os Leuci ou leucos, capital Nasium (Naix) e Tullum (Toul),
  • os Morini ou mórinos, capital Tarvenna (Thérouanne)
  • os Nervii ou nérvios, capital Bavacum (Bavay)
  • os Treveri ou tréveros, capital Augusta Treverorum (Tréveris)
  • os Viromandui, capital descoñecida.

Pobos da Provincia Romana

Corresponden á actual Provenza:

  • os Vocontii ou voconcios, veciños dos Allobroges (capital Vasio / Vaison-la-Romaine),
  • os Volcae Arecomici ou volcas arecómicos (capital Colonia Augusta Nemausus / Nîmes),
  • os Volcae Tectosages ou volcas tectósages ou tectósagos (capital : Tolosa / Tolosa).

Pobos da Galia Cisalpina

A Galia Cisalpina correspondía ao Norte de Italia:

  • Salassi ou Salaxes ou Allobroges cisalpinos - asentados no val de Aosta e en Canavese, unha pequena comarca do Norte do Piemonte (Ivrea)
  • Graioceles - No noroeste do Piemonte nos Alpes Graianos
  • Seguses ou Cottios - No oeste do Piemonte, nos Alpes Cottios (Susa, Italia)
  • Taurini ou Taurines - Piemonte (Turín, en italiano Torino)
  • Insubres - No oeste da Lombardía (Milán, italiano Milano, que procede dun topónimo celta Mediolanum)
  • Orobes - Na Lombardía central (Bergamo)
  • Cenomani ou Cœnomanes - No leste da Lombardía (Brixia Cremona) e Marsilia
  • Lingones - Ao norte da Romagna (Ferrara), no val do río Po
  • Senóns - No sur da Romagna (Rimini) e no Norte da Marcas ou, en italiano, Marche (Senigallia)

Outros pobos galos

  • os Allobroges ou alóbroges (capital Vienna / Vienne),
  • os Ambarri ou ambarros,
  • os Bellovaci ou belóvacos (capital Cæsaromagnus / Beauvais),
  • os Cadurci ou cadurcos (capital Cahors)
  • os Cavares,
  • os Ceutrones ou céutrones,
  • os Gabales ou gábalos (capital Anderitum / Javols),
  • os Mediomatrices ou mediomátricos (capital Dividunum/ Metz),
  • os Medullos ou médulos,
  • os Menapii ou menapios,
  • os Sequani ou sécuanos.

Notas

  1. ou Walhisk, con h gutural
  2. do xermánico walχ- estranxeiro», co sufixo adxectival -isk- (The Oxford Dictionary of English Etymology)

Véxase tamén

Outros artigos

Anextiomarus

No politeísmo celta, Anextiomarus é un epíteto do deus-solar Apolo gravado nunha inscrición romano-britana de South Shields, Inglaterra. A forma é unha variante de Anextlomarus "gran protector", un nome atestado nunha dedicación galo-romana fragmentada de Le Mans, Francia. Anextlomarus é tamén atestado como o nome do pai para os galos en Langres, e a forma divina feminina, Anextlomara, aparece noutras dúas dedicacións galoromanas en Avenches, Suíza.

Astérix

Astérix é o personaxe principal da banda deseñada do mesmo nome, creado en 1959 polos franceses René Goscinny (guionista) e Albert Uderzo (debuxante). Na serie de títulos correspondente, desenvólvese unha visión moi particular e cómica da antiga Galia (Francia no Imperio Romano) na que unha pequena aldea gala loita de diversos xeitos e en diversos lugares contra un invasor presentado como parvo. Para gañaren as pelexas cos romanos, os galos toman unha poción máxica que lles proporciona unha forza sobrehumana. Os orixinais gags cómicos da serie fan que hoxe en día sexa o máis coñecido de todos os cómics franceses. Tras a morte de Goscinny en 1977, Uderzo seguiu adiante coa publicación da serie coa colaboración da súa filla Anna.

Batalla de Alesia

A batalla de Alesia foi unha revolta bélica que tivo lugar no ano 53 a. C., cando os galos intentaron desfacer as conquistas de Xulio César e o sometemento das tribos galas por parte das súas lexións.

Borgoña

Borgoña (francés: Bourgogne, en borgoñón: Bregogne) é unha rexión administrativa da Francia, situada ao leste do país e que agrupa aos departamentos de Yonne, Côte-d'Or, Nièvre e Saona e Loira.

Habitada en tempos por celtas, galos, romanos e galo-romanos, e varios pobos xermánicos, de entre os cales os máis importantes foron os burgundios (de onde deriva o seu nome actual, a través dunha forma medieval Burgundia) e os francos. Convén, porén, distinguir entre Burgundia e Borgoña. Burgundia é o nome dun reino xermánico que durou até o ano 534, mentres que Borgoña aplícase a unha provincia do reino dos francos que ocupaba aproximadamente o mesmo territorio que Burgundia, polo que este mesmo nome é o utilizado para denominar á rexión de Francia na actualidade.

Cissonius

Cissonius (tamén Cisonius, Cesonius) foi un antigo deus dos galos. Despois de Visucius, Cissonius era o nome máis común do Mercurio galo. Foron atopadas arredor de dezasete inscricións dedicadas a el en Francia sur de Alemaña e Suíza.Cissonius era representado como un home barbudo e con casco montando un carneiro e cargando unha copa de viño, ou tamén como un mozo con casco alado acompañado por un galo e carneiro.

O significado do nome pode interpretarse como "valente" ou "condutor de carro". Probablemente foi un deus do comercio e protector dos viaxeiros, xa que Mercurio exercía funcións semellantes no panteón romano.

Dis Pater

Dis Pater ou Dispater foi un deus romano do inframundo, posteriormente absorbido por Plutón ou Hades. Orixinalmente un deus da riqueza, da fertilidade das terras de cultivo e dos minerais subterráneos, foi comparado coas deidades romanas Plutón e Orcus, converténdose nunha deidade do outro mundo.

Dis Pater foi comunmente acurtado en Dis. Este nome era unha forma alternativa de chamar ó inframundo ou a unha parte del, como o Dis da Divina Comedia.

Crese que Dis Pater foi tamén unha deidade celta. Esta confusión provén da cita dun dos traballos de Xulio César no seu Commentarii de Bello Gallico VI:18, onde di que os galos son descendentes de Dis Pater. Porén, é un claro exemplo de interpretatio romana. O que César quixo dicir é que os galos son descendentes dun deus galo semellante ó romano Dis Pater. Posibles candidatos desta función na relixión celta son o galo Sucellus, o irlandés Donn e o galés Beli Mawr, entre outros.

Fasiánidos

A dos fasiánidos (Phasianidae) é unha familia de aves da orde dos galiformes, na que están incluídos os galos, faisáns, pavos, pavóns, perdices, paspallases e outras aves terrestres. Conta cunhas 186 especies repartidas en 4 subfamilias, con 46 xéneros.

A familia inclúe moitas das aves de caza máis populares.

Galacia

A antiga Galacia (grego Γαλατία) foi unha área das terras altas da península de Anatolia, na moderna Turquía. Galacia recibe o nome dos invasores galos chegados dende Tracia, que se estableceron alí e se converteron na caste dominante no século -III, seguindo a invasión celta dos Balcáns no -279. Tamén foi chamada a "Galia" do leste, xa que os historiadores romanos chamaron ós seus habitantes Galli (Galo ou Celta). Os termo gálatas é un exónimo, e o termo co que se denominaban a si mesmos é descoñecido.

Galia

A Galia (Gallia en latín) é o conxunto de territorios ocupados polos galos, pobos denominados así polos romanos, e que corresponden coas actuais Francia, Bélxica e parte de Suíza, así como terras dos actuais Países Baixos e Alemaña situadas ao oeste do río Rin. A palabra galo refírese habitualmente aos habitantes celtas desa rexión nos tempos antigos e foi empregada principalmente polos romanos, que moi raras veces chamaban celtas a este conxunto de tribos diversas. O xentilicio conservouse a través dos tempos soamente na extensión de terras que hoxe compoñen a República francesa e aínda hoxe se continúa chamando galos aos franceses, e de feito Gallia é o nome de Francia en grego moderno.

Galiña

Galiña e galo (Gallus gallus domesticus) son os nomes dados, respectivamente, á femia e macho da especie Gallus gallus domesticus de aves galiformes e fasiánidos. Os xuvenís coñécense co nome de polo ou pito. Estas aves posúen bico pequeno, crista carnuda e ás curtas e largas. A galiña ten unha enorme importancia para os seres humanos pois é o animal doméstico máis difundido e abundante do planeta e unha das fontes de proteína máis baratas. Alén da súa carne, as galiñas fornecen ovos. Segundo datos de 2003, hai cerca de 24.000 millóns de galiñas no mundo. Nalgúns países da África moderna, o 90% dos hogares crían galiñas. As galiñas son aves omnívoras, mais teñen preferencia por sementes e pequenos invertebrados.

As primeiras referencias a galiñas domesticadas xorden en cerámicas corintias datadas do século VII a.C.. A introdución desta ave como animal doméstico xurdiu probabelmente en Asia, de onde é nativa a especie Gallus gallus. A pesar de que os romanos desenvolveron a primeira raza diferenciada de galiñas, os rexistros antigos mostran a presenza de aves salvaxes asiáticas na China desde -1400. Da Grecia antiga as galiñas espalláronse por Europa e os navegantes polinesios levaron estes animais nas súas viaxes de colonización do Océano Pacífico, incluíndo a Illa da Pascua. A proximidade ancestral co ser humano permitiu o cruzamento destinado á crianza de diversas razas, adaptadas ás diferentes necesidades. Son tamén unha fonte de doenzas virais.

Guerra das Galias

A Guerra das Galias foi un conflito militar librado entre o procónsul romano Xulio César e as tribos galas entre o ano -58 e -51. No curso das mesmas, a República romana someteu á Galia, extenso país que abranguía dende o Mediterráneo ata a Canle da Mancha. Os romanos tamén realizaron incursións a Britania e Xermania, pero estas expedicións non chegaron a transformarse en invasións a grande escala. A Guerra das Galias culminou coa Batalla de Alesia en -52, onde os romanos puxeron fin á resistencia organizada dos galos. Esta decisiva vitoria romana supuxo a expansión da República romana sobre todo o territorio galo. As tropas empregadas durante esta campaña conformaron o exército co que o xeneral marchou sobre a capital da República.

Pese a que César xustificou esta invasión como unha acción defensiva preventiva, a maioría dos historiadores coinciden en que o principal motivo da campaña foi potenciar a carreira política do xeneral e cancelar as súas grandes débedas. Porén, ninguén pode obviar a importancia militar deste territorio para os romanos, que tiñan sufrido varios ataques por parte de tribos bárbaras que chegaron tanto da Galia como do norte francés. A conquista destes territorios permitiu a Roma asegurar a fronteira natural do río Rin.

Esta campaña militar é descrita extensamente polo propio Xulio César na súa obra De bello Gallico (traducida ó galego no 2019 por Alfonso Blanco Quintela baixo o título A guerra da Galia, fonte histórica de maior importancia sobre esta campaña e obra máis importante do xeneral. O libro é tamén unha obra mestra de propaganda política, xa que César estaba sumamente interesado en influír ós seus lectores en Roma.

Idade de Ferro británica

A Idade de Ferro británica é o nome convencional usado na arqueoloxía da illa de Gran Bretaña, para referirse ás fases da Prehistoria e Protohistoria da cultura da Idade de Ferro, excluíndo tradicionalmente a Prehistoria de Irlanda que tivo unha cultura da Idade de Ferro de seu.A Idade de Ferro británica durou teoricamente dende o primeiro uso importante do ferro para facer ferramentas e armas en Gran Bretaña ata a romanización da metade sur da illa. Esta cultura romanizada da chamada Gran Bretaña romana foi a que suplantou á Idade de Ferro británica. A Idade de Ferro irlandesa rematou coa chegada do cristianismo.

As tribos que poboaban a illa pertencían a ampla cultura celta, máis especificamente á chamada cultura celta insular (en contraste coa cultura celta non insular propia dos pobos do continente como os galos e os celtiberos).

As linguas britónicas e goidélicas forman parte do subgrupo celta insular que está dentro das linguas célticas. O termo lingüístico "celta" non ten unha implicación de unidade cultural sostible que conecte a Galia coas Illas Británicas ó longo da Idade de Ferro.

Litavis

Litavis (tamén coñecido como Litauis, Litaui, Litauia, and Llydaw) é unha deusa celta adorada polos antigos galos. O seu nome aparece en inscricións atopadas en Aignay-le-Duc e Mâlain, Côte-d'Or, Francia, onde é invocada xunto co deus galo-romano Cicolluis nun contexto que suxire que debeu sela súa consorte. Unha dedicatoria en latín atopada en Narbona (no sur da Galia), Francia, contén as palabras “MARTI CICOLLUI ET LITAVI” ("A Mars Cicolluis e Litavis").

Loucetios

Na relixión celta, Loucetios (Latinizado como Leucetius) foi un deus dos galos identificado co romano Marte. Arredor dunha ducia de inscricións na súa honra foron atopadas, principalmente no leste da Galia, cunha particular concentración entre os vangiones (unha tribo do Rin). Mars Loucetios é acompañado por Nemetona. Foron atopadas inscricións dedicadas a el en Bath e Angers.O nome Loucetios pode ser unha variación da raíz protoindoeuropeo *leuk- ("brillar"). Presumiblemente é análogo do osco Loucetius, "dador de luz", un epíteto de Xúpiter.

Mitoloxía celta

A mitoloxía celta é unha serie de relatos da aparente relixión dos celtas na idade de ferro. Ó igual que outras culturas indoeuropeas neste período, os primeiros celtas mantiveron unha mitoloxía politeísta e unha estrutura relixiosa. Entre o pobo celta en estreito contacto con Roma, como os galos e os celtiberos, esta mitoloxía non sobreviviu ó imperio romano, debido á súa conversión ó cristianismo e á perda dos seus idiomas orixinais, aínda que ironicamente foi a través de fontes romanas e cristiás, contemporáneas, que coñecemos detalles sobre as súas crenzas.

En contraste, a comunidade celta que mantivo as súas identidades políticas ou lingüísticas (tales coma as tribos de escotos e bretóns das Illas Británicas) transmitiu xeralmente vestixios remanentes das mitoloxías da idade de ferro, as cales foron rexistradas a miúdo de forma escrita na Idade Media.

Nomes dos celtas

Os numerosos nomes usados dende a Antigüidade clásica para o pobo coñecido hoxe como Celtas teñen diversas orixes.

O nome Κελτοί Keltoi e Celtae é usado en grego e latín, respectivamente, como nome para designar á xente da cultura de La Tène na rexión superior do Rin e o Danubio dende o século -VI ó -I pola etnografía greco-romana. O nome ven probablemente dunha auto-designación tribal, pero a súa etimoloxía é incerta.

Do mesmo xeito, o nome de Γαλάται Galatai / Galli ven dun nome tribal, tamén de etimoloxía descoñecida.

Os nomes dos galos e os galeses, por outra banda, veñen do xeito no que os pobos xermánicos chamaban ós pobos de lingua celta, *walha-.

O senso lingüístico do nome Celtas, que agrupa a tódolos falantes de linguas celtas, é moderno. En particular, alén dunha xenealoxía literaria do século I de Celtus o neto de Bretannos por Heracles, non hai rexistro antes do século XVII, do termo "Celta" en conexión cos celtas insulares, os habitantes das Illas Británicas durante a Idade de Ferro.

Pobo francés

Os franceses (en francés: français) son un grupo étnico e nación que habita no estado de Francia. Esta conexión pode ser legal, histórica ou cultural. O pobo francés descende principalmente de pobos de orixe latina (romanos, occitanos e ligures), celta (galos, bretóns), e xermánica (francos, que son unha minoría pola súa pegada xenética pero cuxo etnónimo sobrevive para ser aplicado ós modernos franceses).

Teutates

Teutates (tamén chamado Tutatis) era o deus celta protector da tribo na Galia e as Illas Británicas. Foi o antecesor dos homes e o seu lexislador, gardián, árbitro e defensor dos seus pobos. Formaba parte dos Deuses da Noite (os máis importantes da Galia) xunto a Esus e Taranis. A palabra Teutates ou Toutatis é auténtica e con testemuñas escritas.Actualmente é coñecido como Toutatis (pronunciado [towˈtaːtis] en galo). É coñecido por ser unha expresión usual (¡Por Tutatis!) para os galos das historietas de Astérix, de René Goscinny e Albert Uderzo.

Zamacueca

A zamacueca un estilo musical e baile de parella solta orixinario de Lima, no Perú.

Antigos celtas
Estudos celtas
Celtas modernos
Rexurdimento celta
Linguas
Festivais
Listas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.