Galiza a José Afonso

Galiza a José Afonso foi o título dun concerto homenaxe celebrado en honra do cantautor portugués José Afonso, o 31 de agosto de 1985 no parque de Castrelos, en Vigo. No ano 2000 saíu unha escolma do mesmo, editada en duplo CD por Edicións do Cumio, tamén baixo o nome de Galiza a José Afonso.

Unha das intencións do acto era recadar cartos para o cantor, naquela altura gravemente enfermo. Os beneficios foron recollidos pola Associação José Afonso. O propio José Afonso daría o seu visto e prace, pedindo unha serie de condicións, entre as que se contou a incorporación dun grupo de Timor-Leste, naquela altura ocupada militarmente por Indonesia. A grave enfermidade do cantor, que xa lle impedía cantar e que o levaría o 23 de febreiro de 1987, impediríalle tamén asistir en persoa.

O concerto xuntou a unhas vinte mil persoas e prolongouse durante máis de doce horas. Entre os participantes, ademais dos timorenses, xuntáronse músicos, grupos e poetas tanto da Galiza como de Portugal. Entre os portugueses poden contarse a Amélia Muge e Vitorino, mentres que a parte galega dividiuse en canto a estilos. Como representantes do xa extinto colectivo Voces Ceibes, actuaron Benedicto, Suso Vaamonde e Miro Casabella, aínda que tamén actuaron grupos máis vinculados á música tradicional, como Fuxan os ventos, Ricardo Portela e DOA e representantes doutros estilos, como Clunia Jazz, Sui Generis e Jei Noguerol. Xosé María Álvarez Cáccamo, María do Carme Kruckenberg, Manuel Forcadela, Ana Romaní, Xavier Rodríguez Baixeras e Cesáreo Sánchez Iglesias foron algúns dos poetas que recitaron os seus versos.

José Afonso - Monumento em Grandola1
Monumento a José Afonso en Grândola.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Amélia Muge

Amélia Muge, nada en Maputo (Mozambique) o 7 de febreiro de 1952, é unha cantora, instrumentista, compositora, e letrista portuguesa. Vive en Portugal desde 1984. Estudou Belas Artes e Historia.

Benedicto García Villar

Benedicto García Villar, nado en Santiago de Compostela o 7 de maio de 1947 e finado ibídem o 4 de xuño de 2018, foi un cantante, mestre e sindicalista galego que practicou a canción de autor de intervención política. Nos seus inicios estivo vencellado ao colectivo Voces Ceibes.

Galiza a José Afonso (disco)

Galiza a José Afonso é un duplo cd editado no ano 2000 por Edicións do Cumio, que recolle unha escolma dos temas que soaron na homenaxe Galiza a José Afonso, que tivo lugar no Parque de Castrelos de Vigo o 31 de agosto de 1985.

Ao concerto asistiron máis de 20.000 persoas, e prolongouse durante 12 horas. Os beneficios do concerto e do disco foron destinados á AJA (Associaçao José Afonso).

Miro Casabella

Ramiro Cecilio Domingo Casabella López, máis coñecido como Miro Casabella, nado en Ferreira do Valadouro o 30 de agosto de 1946, é un músico galego vencellado nos seus inicios ao colectivo Voces Ceibes e máis adiante ao grupo de folk DOA.

Ricardo Portela

Ricardo Emilio Avelino Portela Bouzas, máis coñecido como Ricardo Portela, nado en Viascón o 4 de novembro de 1920 e falecido o 24 de marzo de 1992, foi un gaiteiro galego.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.