Galicia na monarquía visigoda

No ano 585, Leovixildo, rei visigodo de Hispania e Septimania, consegue rematar coa independencia política que os reis suevos mantiveran en Galiza dende o ano 409, derrotando ó derradeiro rei suevo, Andeca. Deste xeito, o territorio da chamada entón Gallaecia, pasa a formar parte da órbita de poder de Toledo, dende onde os monarcas visigodos exercían o seu poder tras seren expulsados da Galia polos francos.

Europe-600
Mapa político do Suroeste europeo arredor do ano 600 d.C onde se reflicten tres diferentes territorios baixo goberno visigodo; Hispania, Gallaecia e Septimania.

O período de goberno visigodo en Galiza non supuxo ningún cambio brusco en relación a épocas pasadas, de xeito que a excepción das dioceses sitas na Lusitania, as dioceses galegas seguiron a desenvolver a súa actividade con notable normalidade, manténdose activas as dioceses de Braga, Porto, Tui, Iria, Britonia, Lugo, Ourense, Astorga, Coimbra, Lamego, Viseu e Idanha.

Karte Ravennat
Mapamundi do Anónimo de Rávena (c. 670). Galletia na parte inferior.

A organización territorial herdada de séculos anteriores non muda, e mesmo as elites culturais, relixiosas así como aristocráticas aceptaron aos novos monarcas, que se ben tiñan a súa corte en Toledo, asumían o control político de tres antigos reinos; Hispania, Septimania e Gallaecia, de xeito que nos concilios relixiosos como o realizado en Toledo no ano 589 estaban presentes episcoporum totius Hispaniae, Galliae et Gallaetiae[1] é dicir, "bispos de toda Hispania, Galia e Gallaecia", esta concepción tripartita atópase ao longo do goberno visigodo dende o ano 585, diferenciando mediante diversas fórmulas as tres entidades visigodas nos documentos como: fines Spanie, Gallie, Gallecie[2] ou Spaniae et Galliae vel Gallitiae[3] entre outras. Destaca neste contexto a figura de San Froitoso, bispo galaico de ascendencia visigoda[4], famoso polas numerosas fundacións levadas a cabo por el en todo o occidente peninsular, case sempre en lugares agochados nas montañas e mesmo illas, sobresaíndo a súa austeridade[5].

O certo é que as derradeiras décadas da monarquía visigoda foron de marcada decadencia, debido en boa parte á redución do comercio cunha importante mingua da circulación monetaria, consecuencia directa da imposición do poder musulmán a principios do século VIII polo mediterráneo sur. A Gallaecia verase afectada polas mesmas pautas. É daquela cando San Froitoso denunciou un estado xeralizado de retroceso cultural, perda da dinámica de tempos atrás, e axiña abrollou un certo grao de descontento no alto clero galaico. Así, no X Concilio de Toledo, no ano 656, Froitoso, pertencente a círculos de poder visigodos asumiu a cadeira metropolitana de Braga, acontecendo isto previa renuncia do seu titular Potamio, quen ademais recoñecía explicitamente a crise da vida eclesiástica. Na mesma ocasión os alí reunidos anulaban o testamento deixado polo bispo Recimiro de Dumio, pois nel doaba as riquezas da diocese-mosteiro aos pobres.

A crise final visigoda remontaría ao reinado de Éxica. Este monarca declarou herdeiro ao seu fillo Witiza e xa en vida asociouno ao trono, no ano 698, pese a que a lei visigoda obrigaba á elección dun novo rei e non á transmisión hereditaria. Dita asociación consistiu en entregarlle o goberno da Gallaecia, exercendo como rei con capital en Tui. Witiza vai ser rei da Gallaecia cando menos ata a morte do seu pai, o que supón unha situación novidosa nesta etapa final e conflitiva da monarquía visigoda, evidenciando a actividade política que Galiza conservaba cen anos despois da fin da monarquía sueva. No ano 702 coa morte de Éxica, Witiza asume tamén o goberno de Hispania, trasladándoo a Toledo onde gobernaría ata o ano 710. Trala súa morte, un sector aristocrático visigodo impediu a subida ao trono do seu fillo Axila, impoñendo pola forza a Rodrigo, o que supuxo un irresoluble conflito civil entre os seus partidarios e os dos fillos de Witiza. Será no ano 711 cando os inimigos de Rodrigo logren que un exército musulmán cruce o estreito de Xibraltar e presente batalla a Rodrigo en Guadalete, onde este é derrotado, fito que marca a fin do goberno visigodo en Hispania, e que terá unha transcendencia histórica total para as dúas restantes entidades políticas: Gallaecia e Septimania.

No ano 715 Abd al-Aziz ibn Musa toma por esposa á viúva de Rodrigo, chamada Exilona titulada reginam Spanie[6], confirmando a continuidade dinástica, transferida así lexitimamente ao gobernador musulmán. Con este feito os gobernantes musulmáns consideráronse politicamente continuadores do anterior estado e asumiron os atributos detidos antes polos reis visigodos de Toledo. Deste xeito, coa conquista de toda Spania polos musulmáns, alén das súas fronteiras, os emires cordobeses serían coñecidos co título de rex Spanie[7]. A partir dese intre comeza unha nova concepción xeográfica, pois España vai ser o nome co que se designe ao territorio musulmán, e Galicia ao territorio cristián. Así o historiador Al-Maqqari deixa claro a extensión do dominio musulmán ao referirse a conquista de comezos do século VIII:

Historia de Galicia
Descripcion Reyno de Galizia de Ojea

Este artigo é parte da
Categoría:Historia de Galicia

Prehistoria
O megalitismo
Idade de Bronce
Idade de Ferro
Cultura castrexa
Idade Antiga
Galaicos
Romanización
Cultura galaico-romana
Cristianización
Antigüidade tardía
Monarquía sueva
Chegada dos bretóns
Monarquía visigoda
Idade Media
Período altomedieval
Era Compostelá
Período feudal
Idade Moderna
Antigo Réxime
Ilustración en Galicia
Idade Contempóranea
A Restauración borbónica
Segunda República
Guerra civil española
Ditadura franquista
Período autonómico
Véxase tamén
Historia da lingua galega
Reino de Galicia
Galicia
Cronoloxía do Reino de Galicia

Notas

  1. Iohannes BiclarensisChronicon Iohannis Biclarensis 590.1 = vv 330-341.
  2. Wamba Lex.
  3. Synodus Toletana tertia.
  4. San Fructuoso de Braga: vida y novena, Juan Llorens, Vicente Rafael. 2007. p 21. Tamén [1] Arquivado 01 de outubro de 2011 en Wayback Machine.
  5. Ed.Cardoso, 1996, p.24
  6. Crónica Mozárabe, ed. López Pereira, 1980a, ps. 76-79: "cum reginam spanie in coniugo copulatam.
  7. Ed. Lafuente Alcántara, 1867, p. 166.
  8. Al-Maccari, Histori, ed. Gayangos, 2002, v. I, p.291.

Véxase tamén

Outros artigos

Amalarico

Amalarico, nado en 502 e finado en 531, foi rei dos visigodos (511 - 531), fillo de Alarico II.

Chindasvinto

Chindasvinto, tamén chamado Chindasvindo ou Quindasvinto, foi un rei visigodo que gobernou entre os anos 642 e 653.

Don Rodrigo

Don Rodrigo foi o derradeiro rei visigodo de Toledo, que perdeu e morreu contra os musulmáns na batalla de Guadalete no 711. Don Rodrigo foi antes de rei duque da Bética, pero foi elixido rei trala morte de Witiza, o seu antecesor.

Os fillos de Witiza non estiveron de acordo coa decisión, apoiando ó seu irmán Akhila, e pactaron cos musulmáns a entrada na península dun continxente destinado a usurpa-lo título de Don Rodrigo, pero que finalmente se convertería nun exército de invasión.

Cando os musulmáns desembarcaron na Península, Don Rodrigo foi á súa loita, atopándose daquela no norte, segundo as crónicas ou ben loitando contra unha revolta vascoa ou contra os witizianos.

Ervixio

Ervixio, finado no ano 687, foi un rei visigodo que reinou entre os anos 680 e 687.

Gundemaro

Gundemaro, finado en Toledo no 612, foi un monarca visigodo que reinou entre os anos 610 e 612.

Leovixildo

Leovixildo, nado cara ao 525 e finado en Toledo o 21 de abril de 586, foi rei dos visigodos desde o ano 572 ata a súa morte, e rei de Galiza desde o 585.

Recaredo

Recaredo I foi rei dos visigodos, fillo e sucesor de Leovixildo, reinou desde o 586 ao 601, ano da súa morte en Toledo. Irmán de Hermenexildo, foi asociado ao trono polo seu pai, o que levantou as protestas dos nobres visigodos, que viron nesta acción o intento de institucionalizar o herditarismo na monarquía visigoda caracterizada precisamente polo seu carácter electivo.

Casou por dúas veces: a súa primeira esposa chamábase Bauda (tamén aparece en escritos como Baddo) e a súa segunda esposa foi Clodosvinda, filla de Sixeberto I rei de Austrasia, con quen tivo ao futuro rei visigodo Suintila.

Combateu aos francos, aos bizantinos da Bética e aos vascóns, e houbo de sufocar varias revoltas dos nobres visigodos.

O feito máis destacado do seu reinado produciuse no 589, cando convocou o Terceiro Concilio de Toledo no que, xunto con varios nobres e dignatarios eclesiásticos, anatemizou dos erros do arianismo e converteuse ao catolicismo co seu pobo, tan só se produciu algunha revolta illada que foi facilmente sufocada.

Recaredo II

Recaredo II foi rei dos visigodos (621) logo do seu pai Sisebuto. Contaba só uns poucos anos cando sucedeu ao seu pai.

A súa oportuna morte aos poucos días ou semanas de reinado, morte seguramente provocada, propiciou o acceso ao trono dun nobre destacado da mesma facción no poder chamado Suintila, vencedor dos Roccóns (612) e destacado na guerra contra os bizantinos (614-615).

Recesvinto

Recesvinto, rei visigodo que gobernou entre os anos 653 e 672.

Tamén chamado Recceswinth en lingua xermánica foi fillo de Chindasvinto e Riciberga. Durnte o seu reinado, foron celebrados o VIII, IX e X Concílios de Toledo. No ano de 654, promulgou o Liber iudiciorum.

Morreu na localidade de Gerticos (provincia de Valladolid), no ano 672.

Sisebuto

Sisebuto (? - 621), rei dos visigodos entre os anos 612 e 621.

Sucedeu a Gundemaro no ano 612, posiblemente pertencía á mesma facción do seu predecesor. A el atribúeselle a construción da igrexa de Santa Leocadía en Toledo, e que máis tarde foi sede de catro concilios relixiosos.

Morreu en febreiro de 621 en Toledo en circunstancias estrañas e foi sucedido polo seu fillo Recaredo II.

Sisenando

Sisenando (?-636), rei dos visigodos entre 631 e 636.

Sisenando axudou a destronar Suintila, coa axuda de Dagoberto da Neustria, en troco dunha bandexa de ouro de cincocentas libras de peso, e subiu ao trono en 631.

Convocou o IV Concílio de Toledo no cal se formularan coleccións de Leis, tanto civís canto eclesiásticas, citando entre as primeiras o famoso Forum iudiciorum (foro dos xuíces), e entre as segundos 29 cánones relativos á disciplina e á administración da Igrexa. Os cregos foron declarados exentos de impostos e taxas, prevíronse castigo para quen faltase aos xuramentos de lealdade para co rei ou se revelasen contra el.

O reinado de Sisenando viviu unha crise provocada pola rebelión de Iudila, o que provocou o atraso na reunión do Concilio ata finais de 633. A pesar da revolta non vir mencionada en calquera fonte literaria, existen dúas moedas cunhadas en Mérida e na rexión de Iliberris (actualmente Granada) coa inscrición Iudila Rex. Da mesma forma, o canon 75 e a demora no inicio do Concílio poderían ser explicados se Iudila tentase usurpar o trono.

Sisenando morreu en Toledo en 636, sucedendolle Chintila

Suevos

Os suevos foron un grupo de pobos xermánicos mencionados por vez primeira por Xulio César en relación coa campaña de Ariovisto na Galia, c. 58 a. C. Mentres que César os considerou como unha única tribo xermánica, numerosa e belicosa, autores posteriores como Tácito, Plinio e Estrabón especifican que os suevos "non constitúen, como os Chatti ou Tencteri, unha soa nación. Actualmente ocupan máis da metade de Xermania, e están divididos en varias tribos con distintos nomes, malia que todos son chamados de xeito xeral como suevos".Outrora, a etnografía clásica aplicou o termo "suevo" a tantas tribos xermánicas que se cre que nos primeiros séculos despois de Cristo ben puidera ser un substituto de "xermanos". Os autores clásicos consideraron que os suevos, en comparanza con outras tribos xermánicas, eran moi móbiles e non moi dependentes da agricultura.Varios grupos de suevos trasladáronse dende o Mar Báltico e o río Elba, converténdose nunha ameaza ó Imperio Romano nas fronteiras dos ríos Rin e Danubio. Cara a fin do imperio, os alamáns, un grupo de tribos suevas, asentáronse nos Campos Decumanos e posteriormente cruzaron o Rin e ocuparon a rexión de Alsacia. Un reduto deles ficou na rexión hoxe chamada Schwaben, unha área do suroeste de Alemaña cuxo nome moderno procede dos suevos. Outros movéronse cara a Gallaecia e estableceron o Reino Suevo de Galicia, que durou 170 anos antes de ser integrado no Reino Visigodo.

Suintila

Suintila (? - 634) foi rei dos visigodos entre os anos 621 a 631.

Combatía contra os territorios baixo poder bizantino na Península Ibérica desde o ano 620 á ordes de Sisebuto. Ao ano seguinte foi elixido rei, despois da morte de Recaredo II.

Xa rei, Suíntila proseguiu a loita contra os bizantinos que ocupaban partes da Bética desde o século VI. Conseguiu expulsalos e fortalecer o poder visigodo na Península Ibérica.

Outro proxecto do rei foi o de reforzar a autoridade da coroa fronte á nobreza e á Igrexa. Tentou trocar a sucesión electiva visigoda pola hereditaria, mais os poderes instalados reaccionaran fortemente contra tal disposición que crearía unha liña dinástica, convertendo esta tentativa no maior fracaso de Suíntila.

En 631 Sisenando, gobernador da Septimania, organizou unha conxura que puxo fin ao reinado de Suíntila. No IV Concílio de Toledo, en 633, presidido por Isidoro de Sevilla, arcebispo de Sevilla, Suíntila foi excomulgado e todos os seus bens foron confiscados. Nese mesmo concílio, Sisenando foi lexitimado como rei, restablecendo oficialmente o carácter electivo da monarquía visigoda. Suíntila morreu un ano despois.

Teudis

Teudis, finado no ano 548, foi un rei visigodo de Hispania cuxo mandato se estendeu do ano 531 ao 548. Amais, foi o antigo comandante de Teodorico o Grande. Accedeu ao poder tras a morte de Amalarico. Trasladou a capital visigoda de Narbona a Barcelona.

Teudiselo

Teudiselo, tamén coñecido como Teudixiselo ou Teudisclo, finado no ano 549, foi un rei visigodo de Hispania, que reinou entre 548 e 549.

Tulga

Tulga, finado no ano 642, foi rei dos visigodos entre 640 e 642, sucedendo a seu pai Chintila.

Vamba

Vamba ou Wamba, finado no ano 687, foi un rei visigodo que reinou entre os anos 672 e 680.

Witiza

Witiza ou Vitiza foi rei de Galiza entre o ano 694 e o 710, e ademais de Hispania e Septimania dende o ano 702. Foi un dos últimos reis visigodos, sucedido por Don Rodrigo e precedido polo seu pai Éxica.

Foi nomeado rei de Galicia polo seu pai e tivo a súa corte en Tui. Vitiza foi un gobernante máis suave có seu pai e incluso convidou ós nobres desterrados a volver ao reino, devolvéndolles as súas posesións.

Antes da súa morte asociou o seu trono ó seu fillo, Akhila, mentres que outros nobres tomaron partido por Roderik, Don Rodrigo, que finalmente accedería ó trono non sen oposición dos chamados vitizianos, que un ano despois, no 711, abrirían as portas da Península ós musulmáns, pondo punto e remate ó reino visigodo de Hispania.

Xesaleico

Xesaleico foi un rei visigodo da Hispania visigoda entre 507 e 511, ou 513. Fillo ilexítimo e sucesor de Alarico II, foi elixido pola nobreza despois do falecemento do seu pai. Tivo a oposición de Teodorico o Grande, rei dos ostrogodos, que desexaba o reinado para Amalarico, fillo lexítimo de Alarico II e suposto neto seu, mentres se constituía en rexente.

Acosado, tivo que abandonar a Galia e refuxiarse en Barcelona, que se converteu en capital do reino. Posteriormente partíu ao norte de África en busca de axuda vándala, pero foi derrotado ao seu regreso, en Ibbas, Barcelona, no 511, onde foi capturado e executado. Teodorico o Grande faise cargo da rexencia xa que Amalarico era menor de idade, iniciandose un período de dominación ostrogoda.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.