Galicia na Idade Moderna

A Idade Moderna comezou en Galicia a fins do século XV[1] coa súa inclusión definitiva dentro do proceso de construción do estado absolutista español. A partir do que a historiografía ten chamado "doma e castración do reino", o reino de Galicia perdeu iniciativa política e autonomía económica e a súa historia debe ser considerada a partir de entón dentro do marco da española. Nomeouse un Gobernador ou Capitán Xeral, constituíuse a Real Audiencia e designáronse tamén Corrixidores para as principais cidades que, con outras figuras, fixeron posíbel a consolidación dun poder monárquico centralizado. Cos Borbóns, a comezos do XVIII, a Intendencia asumiu as competencias de facenda e militares, os correxedores as de policía e xustiza, e a Audiencia concentráronse nas de xustiza. Desde 1500 existiu unha Xunta, especie de parlamento sen poder ningún.

Historia de Galicia
Descripcion Reyno de Galizia de Ojea

Este artigo é parte da
Categoría:Historia de Galicia

Prehistoria
O megalitismo
Idade de Bronce
Idade de Ferro
Cultura castrexa
Idade Antiga
Galaicos
Romanización
Cultura galaico-romana
Cristianización
Antigüidade tardía
Monarquía sueva
Chegada dos bretóns
Monarquía visigoda
Idade Media
Período altomedieval
Era Compostelá
Período feudal
Idade Moderna
Antigo Réxime
Ilustración en Galicia
Idade Contempóranea
A Restauración borbónica
Segunda República
Guerra civil española
Ditadura franquista
Período autonómico
Véxase tamén
Historia da lingua galega
Reino de Galicia
Galicia
Cronoloxía do Reino de Galicia

Descrición

Cun crecemento demográfico moito máis sostido que nos reinos veciños, a mediados do XVIII o reino de Galicia chegou a triplicar a densidade de poboación de Castela. Ademais, durante este período, o 90% da poboación era rural e as vilas moi cativas, de xeito tal que a mediados do XVIPontevedra, Compostela e Ourense superaban os 1.000 veciños.

A agricultura, complementada coa gandería, constituían o principal sector económico. De acordo coa calidade das terras existían dúas grandes zonas, occidental e oriental, a primeira de moito mellor rendemento e variedade e máis anovadora nos cultivos e sistemas de rotación. Durante este período produciuse unha perda do valor da gandería e unha preferencia polas especies estabuladas (vacas e porcos) en detrimento de ovellas, cabras e cabalos. Aumentou a intensidade do aproveitamento e, en consecuencia, reduciuse o tamaño dos predios rústicos, aumentou o regadío e os montes comunais perderon en extensión. O millo desbancou no XVI a todos os demais cultivos nas áreas litorais; na segunda metade do XVIII irrompeu a pataca, de preferencia nas zonas de interior.

Outras actividades menores incluían a pesca, o comercio e a industria. A pesca adquiriu importancia real a fins do XVIII coa chegada de fomentadores cataláns, que introduciron novas técnicas pesqueiras e lle deron pulo á industria conserveira. Aumentou a importancia das feiras comarcais, se ben non se producían excedentes dabondo nin existía un tecido comercial capaz de impulsar as exportacións, polo que este sector permaneceu estancado. Da mesma maneira, o reducido do consumo interior impediu o asentamento de núcleos industriais, decaendo a artesanía téxtil rural e as ferrarías e aumentando só o artesanato rural e as curticións.

Na Galicia do XVIII nin se produciu a explosión demográfica, nin o medre das cidades, nin a expansión das comunicacións, nin a revolución agrícola, nin a revolución industrial doutras partes de Europa. A mediados do século XVIII o 75% da poboación dedicábase ao sector primario e o resto repartíase entre o secundario e o terciario. Compárase isto cunha Castela máis desenvolvida, na que as proporcións son, respectivamente, de 55, 15 e 30%.

Exceptuando as cidades, a metade do territorio pertencía a señoríos eclesiásticos e o resto dividíase entre señoríos laicos e reguengos. Co tempo, con nobreza absentista e altos cargos foráneos, foi a fidalguía local quen maior beneficio obtiña do sistema de rendas e foros e das innumerábeis taxas.

O poder absoluto que tivo a Igrexa católica sobre o pensamento foi parello ao progresivo afianzamento dos métodos do absolutismo. Empeñada nun intenso programa de moralización, dela dependían o ensino, a asistencia hospitalaria e a beneficencia.

Notas

  1. Porén, Pegerto Saavedra sinala un período de tránsito entre a Idade Media e a Idade Moderna en Galicia que abranguería entre 1470 e 1530. Pegerto Saavedra, Da Idade Media á Idade Moderna: As bases do Antigo Réxime Galego en III Xornadas de Historia de Galicia, Ourense, 1986

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Migués, Vítor Manuel (2002). As terras, as pousas e os vinculeiros. A fidalguía galega na Época Moderna. Sada. Ediciós do Castro. ISBN 84-8485-058-7.
  • Sobrado Correa, Hortensio (2001). Las tierras de Lugo en la Edad Moderna. Economía campesina, familia y herencia, 1550-1860. A Coruña. Fundación Pedro Barrié de la Maza (en castelán). ISBN 84-89748-88-8.
Concepción Burgo

María Concepción Burgo López, nada en Lugo o 9 de xuño de 1958, é unha historiadora e política galega do PSdeG-PSOE.

Galicia

Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.

Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial dentro da provincia da Coruña. Galicia posúe 2 718 525 habitantes (2016), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol. Ten unha superficie de 29 574,4 km².

O concello máis poboado é o de Vigo con 292 817 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 215 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.

Historia de Galicia

A historia de Galiza comeza co nacemento da propia Galiza, que é fixado tradicionalmente arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos —kallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.

O feito de que no ano 298 d. C. o emperador Diocleciano decidise elevala ao rango de provincia consular —ampliando así tamén o seu territorio— supuxo un acrecentamento da súa cohesión política, pois desta maneira pasaba a estar baixo o goberno dun cónsul romano. A súa definitiva consolidación estatal chegaría no ano 409 d. C., cando o rei suevo Hermerico funda nela o primeiro reino de Galiza, afianzando a existencia de Galiza ata os nosos días.

A ocupación humana do territorio correspondente á actual Galiza, non obstante, é moito máis antiga cá chegada de Roma, existindo testemuños arqueolóxicos que certifican o seu poboamento desde o Paleolítico inferior. Estas poboacións recibiron diversas achegas culturais durante milenios, formando parte xa na Idade de Bronce da área cultural atlántica que se deu entre as terras máis occidentais de Europa. A finais da Idade de Ferro estas poboacións autóctonas formaban unha unidade cultural, que os romanos denominaron como galaicos e que supoñen o principal substrato da poboación actual en Galicia.

Do mesmo xeito, durante os séculos seguintes Galiza recibiu sucesivos asentamentos de xente, entre os que destacan romanos, suevos e bretóns, que non só se integraron na poboación autóctona senón que tamén influíron decisivamente na súa vida, como foi o caso da cultura romana que propiciou a formación dunha nova lingua autóctona, o galego. Ata o ano 1833 mantívose coma un reino, no ano 1933 recibe o recoñecemento internacional da súa realidade nacional e desde 1981 organízase xurídica e administrativamente como unha comunidade autónoma dentro do Estado español.

Provincia de Betanzos

A Provincia de Betanzos era unha das sete provincias históricas nas que se dividía o territorio de Galicia na Idade Moderna, entre finais do século XV até a división territorial de España en 1833 feita por Javier de Burgos.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.