Galia

A Galia (Gallia en latín) é o conxunto de territorios ocupados polos galos, pobos denominados así polos romanos, e que corresponden coas actuais Francia, Bélxica e parte de Suíza, así como terras dos actuais Países Baixos e Alemaña situadas ao oeste do río Rin. A palabra galo refírese habitualmente aos habitantes celtas desa rexión nos tempos antigos e foi empregada principalmente polos romanos, que moi raras veces chamaban celtas a este conxunto de tribos diversas. O xentilicio conservouse a través dos tempos soamente na extensión de terras que hoxe compoñen a República francesa e aínda hoxe se continúa chamando galos aos franceses, e de feito Gallia é o nome de Francia en grego moderno.

Map Gallia Tribes Towns
Mapa da Galia no ano 58 a.C.

Historia

A Galia estivo habitada principalmente polos aquitanos, ligados aos vascóns da Península Ibérica que, a pesar de teren influencias celtas, conservaron a súa lingua e identidade. Os belgas vivían ao norte do río Sequana (Sena). Eran celtas pero cunha grande influencia xermánica. Estaban curtidos na batalla debido ás súas continuas loitas cos seus veciños xermánicos do norte.

Na Galia Central vivían os celtas que eran, con moito, os máis importantes poboadores da Galia, tanto en número como en extensión territorial. Non formaban unha nación en conxunto, nin tiñan xefe común. Hábiles loitadores, mellores metalúrxicos e ourives, só tiñan un elemento que os unía e ese era a relixión. Esta desunión era decote aproveitada polos seus veciños, as tribos xermánicas, e foi o elemento esencial para a súa conquista polos romanos.

Os galos estendéronse por toda Europa en tempos romanos, falando unhas linguas celtas que diverxeran en dous grupos. Ademais dos galos da actual Francia, outros estabelecéranse entre os séculos IV e III a.C. nas chairas do norte de Italia, na provincia que os romanos coñecían como Galia Cisalpina,("Galos deste lado dos Alpes") Venetia e Istria.

Na Galia prerromana non existía ningunha unidade política nin tampouco territorial. Non constituían un Estado organizado senón un conxunto de pobos compostos por diferentes tribos de distintas etnias. Se había algo que unise a este conxunto de tribos, ademais da relixión, era un comercio ben estruturado, vinculado ás grandes rutas da época e baseado na industria da metalurxia. A Galia foi en principio aliada de Roma, pero con ocasión dunha migración dos helvecios, pobo celta que habitaba a actual Suíza, Xulio César comezou a súa conquista para engadir o seu territorio como provincia romana. Despois dunha longa e cruenta guerra, esta integración acabou coa rendición de Vercinxetorix en Alesia.

Galia e Francia

Os gregos focenses da rexión de Focea fundaron no sur destes territorios unha cidade chamada Massalia (actual Marsella). Desta época téñense os primeiros datos e informacións sobre a Galia e os galos. Os gregos chamaban keltoi en xeral ao que se coñece como celtas, pero nestas rexións utilizaban tamén o nome de Galatia e gálatas para designar a terra e os seus habitantes. Este termo de gálata refírese tanto aos habitantes europeos como aos que se estabeleceron máis tarde en Asia Menor, fundando a Galacia. Estes dous termos de Galia e galos continuáronse empregando despois da conquista de Xulio César para denominar as provincias romanas que se estendían por estes territorios. Ambos os termos aínda se usaron até o final da dinastía Merovinxia, polo menos nos documentos da época. Máis tarde, e xa en plena época da dinastía Carolinxia, o Reino dos francos, que comprendía boa parte de Europa (dos Pireneos ao mar do Norte e da Armórica até a Saxonia, pasou a se denominar Francia na lingua oficial da época, o latín. Coa división do Imperio Carolinxio no Tratado de Verdún (843), a parte da Galia que recibe Carlos o Calvo denomínanse Francia Occidentalis, sendo a Francia Orientalis boa parte das actuais Alemaña e Austria. Cando a Francia Orientalis pasou a se denominar Germania (Xermania ou Imperio Xermánico) no século X, a denominación de Francia reservouse para designar, en sentido amplo, o conxunto de ducados e condados da antiga parte occidental e, en sentido máis restrinxido, os feudos do rei franco na chaira de París, aínda hoxe denominada chaira de Francia ou Illa de Francia (Île-de-France). O primeiro rei franco en ser coroado como Rei de Francia foi Filipe Augusto, a finais do século XII.

Os distintos pobos da Galia

Xulio César fixo unha descrición sobre tres dos pobos que habitaban a Galia transalpina no seu libro Comentarios sobre a guerra das Galias. Conta que estaba a rexión dividida en tres partes, e que cada unha delas estaba habitada polo pobo dos belgas, o dos aquitanos e o dos galos (ou celtas). Aínda que só describe estes tres, sábese que a Galia estaba habitada por moitos máis pobos diferentes.

Os belgas habitaban a parte do norte; ao sur da súa rexión estaban os ríos Sequana (Sena) e Matrona (Marne). Os chamados celtas por Xulio César habitaban a parte central. Os individuos destes dous pobos eran altos, de pel clara, bastante sociábeis e tiñan por costume loitar en grandes grupos. Os aquitanos habitaban no sur, entre o río Garona e os montes Pireneos; eran morenos e loitaban en pequenos grupos. Falaban linguas diferentes e os seus costumes e leis tampouco eran comúns.

Cada pobo estaba formado por varias tribos:

  • Celtas, cos helvecios, secuanos e eduos que se encontraban dispersos ao longo dos ríos Ródano e Saona. Carnutos e seones, ao longo do río Sena.
  • Belgas, coas tribos dos belovacos, suessiones (que deu o topónimo de Soissons), remos (que deu o topónimo de Reims) e manapios.
  • Aquitanos, coa tribo dos tarbelos.

As Galias

REmpire-Gallia
As diferentes provincias que formaban parte da Galia

Todas as terras habitadas polos galos eran coñecidas polos romanos como as Galias, en plural, porque Roma distinguía máis dunha en función da súa situación xeográfica. Por iso distinguían entre Galia Cisalpina (ao norte de Italia, antes de pasar os Alpes) e Galia transalpina (alén dos Alpes, desde o norte de Italia), ademais dos moitos territorios que aínda estaban sen conquistar até a época de Xulio César (Galia Comata ou Cabeluda).

Galia Cisalpina

Algúns autores chámana tamén Galia Itálica, e é tamén chamada Galia citerior ou togata. Formaban parte dela todas as terras ao norte dos ríos Arnus (Arno) e Rubico (ou Rubicón). O río Po transcorre por este territorio de leste a oeste trazando unha división xeográfica natural. Naquela altura, o linde do río era moi importante xa que existía unha gran diferenza entre os habitantes dunha e outra beira. As xentes ao sur do río estaban moi romanizadas e moitos tiñan até os mesmos dereitos que os romanos. No norte do río, as xentes e as cidades eran máis celtas que romanas. No século I só as cidades de Aquilea e Cremona se rexían polo dereito romano. Nestas terras mantíñanse as linguas indíxenas no uso habitual, sendo o latín a segunda lingua. En xeral, a Galia Cisalpina apenas participaba nos asuntos romanos e non gozaba das vantaxes dos aliados itálicos. Os seus habitantes nin sequera eran recrutados para a infantaría romana. A cidadanía romana foi estendida á Galia Cisalpina por César no 49 e toda esta rexión foi incorporada a Italia por Augusto, deixando con isto de ser provincia.

Galia Transalpina

Chamada por algúns Galia ulterior, era a provincia romana que se encontraba alén dos Alpes. Consistía nunha franxa costeira que se estendía desde a Liguria até os Pireneos. Ao longo da franxa, este territorio tiña dúas avanzadas que se internaban, unha cara a Tolosa (Aquitania), e outra polo val do Ródano até a cidade comercial chamada Lugdunum, actual Lión. A Galia Transalpina foi conquistada na seu maior parte por Cneo Domicio Ahenobarbo, antes do ano 120. Faise esta conquista para garantir a pasaxe dos exércitos romanos a Hispania.

Galia Comata

Chamada Galia Cabeluda porque os seus habitantes deixaban medrar moi longo o cabelo (Coma en latín é cabeleira, de aí o nome dado á constelación Coma Berenices pola cabeleira de Berenice). Era a Galia máis extensa de todas pois comprendía as actuais Francia central e setentrional e Bélxica, xunto con parte dos Países Baixos ao sur do río Rin. O seu territorio era chairo, con grandes bosques e moitos recursos agrícolas, a maioría sen explotar. Estaba regado polos ríos Liger (Loira), Sequana (Sena), Mosa, Mosella (Mosela), Scaldis (Escalda), Samara (Somme), Matroma (Marne), Duranius (Dordoña), Oltis (Lot) e Garumna (Garona). Antes da conquista de Xulio César, todas estas terras eran practicamente descoñecidas. Os seus habitantes eran na súa maioría celtas chamados galos. Estes galos coñecían a existencia de Roma e do seu poder, e evitaban calquera contacto con ela. Eran agricultores e gandeiros, e vivían en cidades ou aldeas que os romanos chamaban oppida. Gardaban, coidaban e defendían celosamente os tesouros tribais, así como os campos de trigo e o seu xefe (denominado rix). Da súa relixión sábese pouco na realidade, aínda que circularon ao longo da historia lendas e contos sobre os seus deuses e os seus sacerdotes chamados druídas, dos que se descoñece case todo desde un punto de vista científico e crítico. En xeral, non buscaban a guerra como un fin para a súa expansión, pero eran terríbeis guerreiros. Tiñan por costume fabricar e beber cervexa, cousa que os romanos nunca entenderon nin aprobaron, dado que eles eran moi afeccionados ao cultivo da vide. A maioría destes habitantes eran altos, rexos, louros ou rubios e con ollos azuis ou grises. Para os romanos eran pobos bárbaros, é dicir, pobos con costumes totalmente diferentes ás súas, aínda que consideraban avanzada a súa civilización, en especial as súas redes comerciais.

Conquista romana

Artigo principal: Galia romana.

Xulio César derrotou ás tribos celtas en Galia entre 58 e 51 a.C., e escribiu as súas experiencias en De Bello Gallico (Comentarios sobre a guerra das Galias). A rexión conquistada por César era a Galia transalpina, onde se encontraba incluída a Galia Comata. César describiu os galos como individuos intelixentes, moi activos, impulsivos e inestábeis.

Cando César chegou á Galia no ano 58 a.C., estes territorios eran só un nome para os romanos, que só coñecían as provincias meridionais, sometidas co fin de garantir a pasaxe e as comunicacións por terra cara Hispania. Sabían os romanos que os seus habitantes eran tribos celtas que estaban en continua liorta. César acudiu ao territorio da Galia para socorrer o pobo dos helvecios, estabelecidos no que hoxe é Suíza, e que daquela se vían ameazados polos xermanos. Máis tarde foi en axuda dos eduos, que estaban en loita contra os belgas; despois destas fazañas, decidiu instalarse alí. E no ano 56 a.C. librou unha batalla naval contra os vénetos.

No ano 55 a.C., os xermanos encontrábanse moi preto, na outra beira do Rin. César mandoulle construír á súa lexión unha ponte de madeira sobre este río para podelo cruzar e loitar contra este pobo no seu territorio. Deste xeito, César evitou unha nova invasión. Foron dúas campañas brillantes e temerarias contra Ariovisto, o xefe xermano, que, malia ser o seu exército moito máis numeroso, foi aniquilado polos romanos preto de Ostheim (na actual Alemaña).

No ano 27, o emperador Augusto dividiu a Galia en catro administracións ou provincias:

Esta administración mantívose así até principios do século IV, cando o emperador Diocleciano impuxo unha reforma administrativa.

As invasións xermánicas

O 31 de decembro de 406 os vándalos, alanos e suevos cruzaron o Rin, comezando unha invasión da Galia. Tras sufrir unha cada vez maior presión por parte das tribos xermanas desde a metade do século III, o goberno romano da Galia desapareceu coa derrota do gobernador romano Siagrio polos francos no 486. A dominación romana durara até o século V. Despois da caída do Imperio Romano de Occidente, os francos (pobo xermano) instaláronse no norte da Galia. A partir de entón, comezou a súa expansión por todo o territorio galo. Con todo, as familias ilustres galorromanas continuaron tendo o poder político.

Continuidade e rupturas

Hoxe en día admítese que a Galia "romana" só foi romana nalgúns ámbitos, aínda que sen dúbida importantes. Os importantes cambios introducidos polo conquistador eclipsaron durante moito tempo calquera hipótese sobre unha posíbel permanencia de características sociais ou culturais galas.

En primeiro lugar, o sincretismo relixioso romano e a prohibición do druidismo implicaron sen dúbida a desaparición dunha relixión céltica cuxos contornos non se poden senón conxecturar grazas á arqueoloxía, por un lado, e en comparación con algunhas reminiscencias galorromanas, por outro.

A administración romana, a economía, a arte -sobre todo monumental- e a cultura literaria latina, impuxéronse facilmente, se cadra polo feito de que nada do anterior podía competir con estas innovacións.

Despois da conquista romana da Galia, acabada en 51 a.C., a romanización foi rápida entre as elites. Porén, ignórase cal foi a súa progresión exacta e a súa profundidade no que se refire ao pobo. En calquera caso, esta debeu ser desigual, ou mesmo limitada en moitos ámbitos relativos á vida diaria, tal e como o indican varias testemuñas históricas.

O uso do santuario céltico de Gournay-sur-Aronde, en Bélxica, ou tamén os exvotos das fontes do Sena, poñen de manifesto cómo moitos lugares sagrados para os galos antes da súa conquista pasaron a ser lugares de culto galorromanos.

Cando durante o século III se deu unha certa "barbarización" do Imperio, características da civilización gala que permaneceran en vigor desde antes da conquista introducíronse de súa vez na cultura imperial: o abrigo galo, que lle deu o seu alcume ao emperador Caracalla, non puido ser substituído polos hábitos dos conquistadores romanos. En moitos ámbitos relativos á artesanía, onde os galos sobresaían, impuxéronse as súas invencións: é o caso, sobre todo, do barril, que se impuxo fronte á ánfora, máis fráxil e de menor capacidade. É o caso tamén da cota de malla para o exército.

Outra pervivencia gala foi sen dúbida a práctica da súa lingua céltica, o galo. Sábese que a práctica do galo se prolongou durante a época merovinxia en amplas zonas rurais do centro e norte da Galia (Armórica, Bélxica, Auvernia etc.). Algunhas características do galo pasaron ao latín. No século V, testemuños da época dan conta dunha grafía e unha pronunciación gala do latín, así como do carácter anticuado da lingua de varios autores de poesía ou transcritores de historias populares.

Cando a civilización romana clásica se desintegra, a Galia "xermanizouse" lenta e parcialmente. A presenza de topónimos xermánicos rexístrase en primeiro lugar nos territorios fronterizos debido á repoboación, a miúdo con fin defensivo, axiña organizado por Roma nunhas rexións a miúdo afectadas pola fame e as epidemias. Por outro lado, estes asentamientos duradeiros de colonos "bárbaros" (os laeti) coñecéronse tamén no resto do Imperio ao longo do século V.

A data simbólica da desaparición do Imperio Romano de Occidente, en 476, e a do bautismo do rei dos francos, Clodoveo, contra 486, tampouco marcaron unha ruptura a este respecto: estes acontecementos tiveron lugar nunha data na que francos, burgundios e visigodos xa botaran raíces, tendo o monopolio dos asuntos militares desde había tempo.

Debido a isto, as familias da aristocracia galorromana continuaron concentrando durante moito tempo a parte fundamental do verdadeiro poder político nas cidades episcopais: os "patricios", como o marsellés Mauronito, ou os bispos, como o auvernio Gregorio de Tours, eran os verdadeiros representantes da poboación. Así pois, a nova cultura que se desenvolveu na Galia despois do período imperial foi sobre todo cristiá e, en certos aspectos, augustiniana.

En xeral, as vivencias observábeis no cadro da Antigüidade serodia até o século VII foron numerosas na Galia: só a partir de mediados do século VII, unha época de crise, os nomes xermánicos multiplicáronse nas elites, indicando por tanto que o centro de gravidade de Europa se desprazaba para o norte e que escacharan os equilibrios do mundo antigo.

En definitiva, aínda que a cultura latina clásica recuou, o latín continuou sendo a lingua da cultura, sendo de uso exclusivo na escritura. O primeiro documento escrito en romance son os Xuramentos de Estrasburgo, datados en 842.

Isto explica que o uso dos nomes "Galia" e "galo" se conservasen até o final do período merovinxio, ao menos por escrito. Foi durante o período carolinxio cando o nome de "Francia" (para a Galia, Francia Occidentalis) se estendeu para designar a realidade política na que se convertera o reino dos Francos (Regnum Francorum). Por tanto, "Francia" non só designaba os territorios que correspondían á antiga Galia romana, senón a un conxunto territorial moito máis extenso.

Tamén foi o "Renacemento Carolinxio" o que forneceu os fundamentos dunha cultura realmente nova. Na súa orixe, este "Renacemento" perseguía restaurar a cultura romana antiga e imperial.

Cernunnos

Cernunnos é o nome convencional dado nos estudos celtas ás representacións do "Deus hastado" do politeísmo celta. O nome en si só é atestado unha vez, no Piar dos mariñeiros do século I atopado en Lutecia. Pola contra, existe un gran número de representacións de figuras humanas con cornos, a miúdo coas pernas cruzadas, asociadas a animais e sostendo ou levando torques.

Non se sabe nada do deus a partir de fontes literarias, e os detalles sobre o seu nome, o seu culto e a súa significación na relixión celta son descoñecidos. Especúlase sobre interpretacións que o relacionan coa natureza e a fertilidade. Segundo as fontes arqueolóxicas Cernunnos tiña culto na Galia, Galia Cisalpina e na costa sur de Britania.

Condatis

Na relixión celta, Condatis era un deus adorado principalmente no norte de Gran Bretaña, aínda que tamén na Galia. Estaba asociado á confluencia dos ríos, en particular do Tyne e o Tees. Na época romana foi asimilado a Marte, probablemente pola súa función de curación.

Condate era tamén o nome celta de Rennes, a cidade dos redones.

Galacia

A antiga Galacia (grego Γαλατία) foi unha área das terras altas da península de Anatolia, na moderna Turquía. Galacia recibe o nome dos invasores galos chegados dende Tracia, que se estableceron alí e se converteron na caste dominante no século -III, seguindo a invasión celta dos Balcáns no -279. Tamén foi chamada a "Galia" do leste, xa que os historiadores romanos chamaron ós seus habitantes Galli (Galo ou Celta). Os termo gálatas é un exónimo, e o termo co que se denominaban a si mesmos é descoñecido.

Galia romana

A Galia romana consistiu nunha área do goberno provincial no Imperio romano, no que hoxe son Francia, Bélxica, Luxemburgo, Suíza e o oeste de Alemaña. O control romano da área durou máis de cincocentos anos.

Gallia Aquitania

A Gallia Aquitania (Galia Aquitania ou Galia Aquitana) foi unha das tres provincias (Aquitania, Bélxica e Lionesa) creadas na Galia por Octavio Augusto no ano 27. O seu territorio, inicialmente limitado ao triángulo Pireneos - Océano Atlántico - Garona, foi aumentado cunha parte da Galia central, até o río Loira.

Gallia Belgica

A provincia romana da Gallia Belgica (Galia Belga) do principio do período imperial correspondíase practicamente co conxunto territorial das tribos da antiga Federación belga, é dicir, os territorios situados entre o Rin e o Sena, aos que Xulio César lles daba o nome de Belgium. Ao principio, a capital da provincia foi Reims e despois, nunha data indeterminada (pero probabelmente non antes do final do Baixo Imperio Romano), a capital pasou para Tréveris. Na época de Octavio Augusto, a provincia de Bélxica incluía os seguintes territorios tribais ou ciuitates:

Ciuitas Remorum, capital Durocorter (Reims)

Ciuitas Siluanectum, capital Augustomagus(Senlis)

Ciuitas Suessionum, capital Augusta Suessionum (Soissons)

Ciuitas Bellouacorum, capital Caesaromagus (Beauvais)

Ciuitas Ambianorum, capital Samarobriua (Amiens)

Ciuitas Viromanduorum, capital Augusta Viromanduorum (San Quintín)

Ciuitas Atrebatium, capital Nemetacum (Arrás)

Ciuitas Neruiorum, capital Bagacum (Bavay)

Ciuitas Leucorum, capital Tullum Leucorum (Toul)

Ciuitas Treuerorum, capital Augusta Treuerorum (Tréveris)

Ciuitas Mediomatricorum, capital Diuidorum (Metz)As fronteiras da provincia belga, tanto coa Galia Lionesa como coa Xermania, non están claras a principios do período imperial. Parece que as tribos dos Tongres, Lingones, Sequanos e Helvecios fixeron parte da provincia de Galia Belga nos inicios do período imperial.

O primeiro acontecemento que vén clarificar estes límites, aínda que na realidade se trata dunha mudanza dos mesmos, é a creación polo emperador Domiciano de dous novos distritos, que axiña pasan a ser as dúas provincias de Xermania: a Xermania inferior e a Xermania superior. Esta medida sitúase entre os anos 82 e 90. A creación destas provincias concrétase pola perda definitiva do territorio das tribos antes mencionadas.

A outra gran reforma territorial que afectou a Bélxica romana data, como no resto do Imperio, do 297: a reorganización territorial introducida por Diocleciano tivo como consecuencia a división da provincia en dúas. As dúas novas provincias toman os nomes de Belgica Prima e de Belgica Secunda, cuxos límites son ben coñecidos.

Gallia Cisalpina

A Gallia Cisalpina (isto é, a Galia desta parte dos Alpes) é denominada tamén por algúns autores como Galia itálica, ou aínda Gallia citerior ou Gallia togata. Conformábana todas as terras do norte dos ríos Arnus (Arno) e Rubico (Rubicón), na actual Italia. O rio Po transcorre por este territorio de oriente a occidente trazando unha divisoria xeográfica natural. Naquela época a divisoria do río era moi importante, pois existía unha gran diferenza entre os habitantes dunha beira e da outra. As xentes ao sur do río estaban moi romanizadas e moitas mesmo tiñan os mesmos dereitos que os romanos. No norte do río, as xentes e as cidades eran máis celtas que romanas. No século I só as cidades de Aquilea e Cremona tiñan dereitos latinos; mesmo falaban outras xirias e só tiñan o latín como segunda lingua.

En xeral, a Galica Cisalpina non participaba case nos asuntos romanos e non gozaba das vantaxes dos aliados itálicos. Nin sequera se recrutaban os seus habitantes para a infantería romana.

Gallia Narbonensis

A Gallia Narbonnensis (Galia Narbonense) era unha provincia do Imperio Romano creada a partir da primeira colonia fundada no -118 polos romanos no litoral mediterráneo da Galia, actual Francia.

Galos

O termo galos designa as poboacións protohistóricas de celtas que residían na Galia, (Gallia en latín), é dicir, aproximadamente nos territorios actuais da Francia, o sur de Bélxica, e máis a Italia do norte, probabelmente a partir da primeira Idade de Ferro (cara ao 800 a.c.).

Os galos estaban divididos en múltiples tribos ou pobos, as veces federados, presentando cada un certa cultura orixinal.

As civilizacións galas son clasificadas en arqueoloxía dentro da civilización céltica de La Tène (do nome dun lugar sito nas beiras do lago de Neuchâtel, en Suíza). A civilización de La Tène espallouse polo continente europeo durante a segunda Idade de Ferro e desapareceu en Irlanda ao longo da Alta Idade Media.

Icaunis

Dea Icaunis é unha deusa celta do río Yonne, na Galia. É coñecida por unha única inscrición, atopada en Auxerre en Borgoña.

Icovellauna

Icovellauna é unha deusa celta adorada na Galia. O seu culto realizouse nun templo octogonal en Le Sablon, Metz, construído orixinalmente sobre unha fonte, no cal foron atopadas cinco inscricións dedicadas a ela; e en Tréveris, onde Icovellauna foi honrada nunha inscrición no complexo do templo de Altbachtal. Ámbolos dous lugares están preto do río Mosela, na Galia oriental, na actual Lorena (Francia) e Renania-Palatinado (Alemaña).

Lingua gala

Galo é o nome da lingua celta falada en gran parte da Galia antes de que o latín vulgar de finais do Imperio romano se impuxese nesas terras.

Lingua lepóntica

A lingua lepóntica é unha variante do celta continental. Foi o idioma dos Lepontii, que habitaban a Galia Cisalpina, e falouse entre o -700 e o -400 . En ocasións é chamado Galo cisalpino, considérase un dialecto do galo e por tanto pertencente á rama continental das linguas celtas.

O pouco que se sabe do lepóntico vén dunhas poucas inscricións escritas en varios alfabetos do norte de Italia, relacionados co antigo alfabeto itálico: son os chamados alfabetos alpinos. Estas inscricións atopáronse principalmente ao redor de Lugano, incluíndo o Lago de Como e o Lago Maggiore. Unha escritura similar utilizouse para o rético e o véneto, e probabelmente as runas xermánicas deriven dun destes alfabetos.

O lepóntico foi asimilado primeiro polo galo, co establecemento de tribos galas ao norte do Río Po, e posteriormente polo latín, cando Roma tomou o control da Galia Cisalpina durante o século - II e o -I.

O agrupamento de todas as inscricións atopadas nesta área nun único idioma celta foi algo obxecto de discusión e hai investigadores que afirman que algunhas delas están nunha lingua non-celta relacionada co lígur (Whatmough 1933, Pisani 1964). Baixo este punto de vista, lepóntico sería o nome correcto para a lingua non celta e galo cisalpino para a celta.

Maponos

Na relixión céltica antiga, Maponos ou mesmo Maponus é un deus da xuventude, coñecido sobre todo no norte de Gran Bretaña pero tamén na Galia. Foi asimilado a Apolo.

Maponos aparece mencionado da tabela de defixión que leva unha inscrición en lingua gala que se atopou na source des Roches de Chamalières (Clermont-Ferrand, Museo Bargoin). Ver Chumbo de Chemalières.

Matres e Matronas

As Matres (latín "nais") e Matronas (latín "matronas") eran deidades femininas veneradas no Noroeste de Europa dende o século I ó V. Son representadas en obxectos votivos e altares que amosan imaxes de deusas, en grupos de tres, que contan con inscricións (a metade delas con nomes celtas, e a outra metade con nomes xermanos). Foron veneradas nas rexións que foron ocupadas polo exército romano entre os século I e V, é dicir, Xermania, Galia oriental, e norte de Italia.A información sobre as prácticas relixiosas que rodean ás Matres limítase ás pedras nas cales foron atopadas as inscricións, das cales tense constancia dunhas 1.100. As matres xermánicas teñen unha conexión cos mitos das dísir, valquirias e norns, das cales tense constancia en fontes literarias do século XIII.

As matres tamén aparecen en relevos e inscricións votivas noutras áreas ocupadas polos romanos, como o sueste da Galia (Bibracte); en Galicia e Portugal, onde se coñecen unhas vinte inscricións, algunhas das cales teñen epítetos locais como Matribus Gallaicis "ás nais galegas"; e tamén na antiga cultura romano-celta de Pannonia, na inscrición Nutrices Augustae atopada en Ptuj, Baixa Estiria.

Nodens

Nodens (Nudens, Nodons) é un deus celta asociado coa curación, o mar, a caza e os cans. Era adorado en Britania, particularmente nun templo de Lydney Park en Gloucestershire, e posiblemente tamén na Galia. É equiparado cos deuses romanos Marte, Mercurio, Neptuno e Silvanus, e o seu nome é un conato da figura da mitoloxía irlandesa Nuada e do galés Nudd.

Politeísmo celta

O politeísmo celta, tamén coñecido como paganismo celta, comprende as prácticas e crenzas relixiosas atribuídas ós pobos celtas que habitaron no oeste de Europa durante a Idade de Ferro, entre os anos -500 e 500, abranguendo dende a cultura de La Tène ata a era romana. No caso dos celtas insulares correspóndese coa Idade de Ferro británica e a Irlanda celta.

O politeísmo celta foi unha das meirandes relixións durante a Idade de Ferro dentro da familia indoeuropea. Isto débese a que comprende unha gran cantidade de variacións xeográficas e cronolóxicas. Malia a súa variedade, poden ser detectadas semellanzas estruturais permitindo detectar unha "homoxeneidade relixiosa básica" entre os diferentes pobos celtas.O panteón celta componse de numerosos teónimos que foron recollidos pola epigrafía e etnografía grecorromana. Entre eles, os máis prominente son Teutates, Taranis e Lugh.

Figuras medievais da mitoloxía irlandesa foron aducidas por mitoloxía comparada, interpretadas como versións evémeras de deidades precristiás insulares.

Unha característica salientable da relixión celta, segundo se reflicte na historiografía romana, é a súa estendida práctica do sacrificio humano.

Segundo as fontes gregas e romanas, na Galia, Britania e Irlanda existía unha caste de "sabios máxico-relixiosos" cuxos membros se coñecían como druídas, pero é moi pouco o que se coñece deles.Coa conquista da Galia (entre o -58 e o -51) e o sur de Britania (43) polo Imperio romano, as prácticas relixiosas celtas adoptaron elementos dos conquistadores produto da romanización, dando lugar a cultos sincréticos coas súas tradicións e deidades, como Cernunnos, Artio, Telesforo etc.

Nos séculos V e VI, o cristianismo converteuse na fe dominante na área celta, suplantando as súas prácticas relixiosas. Porén, o politeísmo celta deixou a súa pegada nas Nacións celtas, influenciando unha mitoloxía posterior, e servindo de base para novos movementos relixiosos, como neopaganismo celta, xurdido no século XX.

Taranis (deus)

Taranis é un deus da mitoloxía celta, adorado sobre todo na Galia e na Bretaña romana.

Teutates

Teutates (tamén chamado Tutatis) era o deus celta protector da tribo na Galia e as Illas Británicas. Foi o antecesor dos homes e o seu lexislador, gardián, árbitro e defensor dos seus pobos. Formaba parte dos Deuses da Noite (os máis importantes da Galia) xunto a Esus e Taranis. A palabra Teutates ou Toutatis é auténtica e con testemuñas escritas.Actualmente é coñecido como Toutatis (pronunciado [towˈtaːtis] en galo). É coñecido por ser unha expresión usual (¡Por Tutatis!) para os galos das historietas de Astérix, de René Goscinny e Albert Uderzo.

Antigos celtas
Estudos celtas
Celtas modernos
Rexurdimento celta
Linguas
Festivais
Listas
Supra-rexional
Britania
Gallia Aquitania
Gallia Belgica
Gallia Celtica
Gallia Cisalpina
Gallia Narbonensis
Xermania Inferior
Gallaecia
Antigüidade
Idade Media
Época moderna
Época contemporánea
Artigos relacionados

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.