Galiña de Mos

A Galiña de Mos (ou Raza de Mos) é unha das razas de pita máis antigas da península Ibérica. Orixinaria de Galicia debe o seu nome á parroquia de San Xiao de Mos (no concello de Castro de Rei, Lugo), xa que foi nesta zona onde se comezou o proceso de selección para a recuperación da raza orixinal.

O trazo máis salientable é a súa crista en chícharo, que se caracteriza por ser pequena e ter tres filas de papilas ou puntos. Esta raza adáptase con facilidade a condicións climatolóxicas adversas.

Galiña de Mos
Galiña de Mos

Galiña de Mos
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Galliformes
Familia: Phasianidae
Subfamilia: Phasianinae
Xénero: Gallus
Especie: 'Gallus gallus'
Subespecie: G. g. domesticus
Nome trinomial
Gallus gallus domesticus
Sinonimia

Galiña : Galo

Historia

A comezos do século XX existía unha clara diferenza entre as galiñas da costa e do interior de Galicia (de máis volume e peso) e as galiñas da montaña (de menor tamaño). En 1935, a raíz da creación da Estación Pecuaria Rexional de Lugo, o veterinario Blas Martínez Inda iniciou o traballo de recuperación da Raza de Mos mediante a adquisición de ovos na Terra Chá, publicando ese mesmo ano o primeiro patrón da raza.

Nos anos posteriores fóronse ampliando o censo da raza e a súa venda a criadores interesados. En 1942, o veterinario Juan Rof Codina involucrouse na divulgación da raza realizando unha serie de estudos. Como consecuencia conseguiuse aumentar a capacidade de posta das galiñas de 128 ovos anuais de media (en 1939) a 154. No ano 1945 creouse a Cátedra de Divulgación Pecuaria de Galicia que, coa impartición de clases polas catro provincias galegas, permitiu dar a coñecer a Raza de Mos (seleccionada xa por aquel entón coas mesmas características que presenta na actualidade). Pola súa banda, a Estación Pecuaria Rexional de Galicia repartiu lotes da raza ata 1971, ano no que desapareceu a súa sección avícola.

Na década dos anos 60 realizáronse mudanzas orientadas cara unha avicultura industrializada, o que propiciou os cruces entre razas para obter maior produtividade, producíndose deste xeito unha mingua na cría da Raza de Mos que a levou ao bordo da súa extinción.

A mediados de 2000, a Xunta de Galicia incluíu a Galiña de Mos nos programas de recuperación de razas gandeiras e iniciouse o “Programa de Recuperación e Conservación da raza Galiña de Mos”. Trala observación dos exemplares existentes e a consulta de datos históricos, redactouse un novo patrón da raza e creouse o Rexistro de Exemplares (publicado no Diario Oficial de Galicia o 11 de maio de 2001). Asemade, a finais de 2001 creouse a Unidade de Recuperación da Raza Galiña de Mos no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, con lotes de aves en galiñeiros situados en zonas exteriores, e onde calquera interesado pode adquirir algún destes animais para a cría.

Características xerais

Galo de Mos
Prato de galo de Mos.

A Galiña de Mos posúe unha testa máis ben pequena, unha cara vermella e lisa, unha crista en chícharo con tres filas de papilas ou puntos ben definidos de cor vermella, e un bico forte e ben curvado. O pescozo é esvelto e robusto, máis ben longo. O peito é ancho, profundo e prominente, de grande capacidade. As ás son máis ben pequenas, ben pregadas e cinguidas ao corpo, e a cola é de pequeno tamaño.

Existen diferenzas evidentes entre o macho e a femia. Así, o peso dos galos oscila entre 3,5 e 4 quilos mentres que o das galiñas está en torno a 2,5 e 3 quilos. A crista, as barbiñas e as orelliñas son máis pequenas nas galiñas, e o peito é menos prominente; asemade, as femias son de formas máis redondeadas. A plumaxe en ambos sexos é brillante, abundante e compacta, de cor roxa escura para o corpo, sendo a esclavina de cor máis clara no caso dos machos e de cor máis intensa nas femias.

Os ovos teñen un peso mínimo de 50 gramos, cunha casca de cor marrón clara.

O 16 de xaneiro de 2010 tivo lugar o I Certame de Exposición e Degustación do Galo de Mos na parroquia de San Xiao de Mos, en Castro de Rei, organizada polo concello e a asociación de veciños da parroquia.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Cabra galega

A cabra galega é unha raza de cabras de orixe galega. No ano 2017, o número total de exemplares era de 1013 (778 femias e 62 machos) distribuídos en 59 explotacións gandeiras. Son animais moi adaptadas ó medio e, segundo o Invesaga (Investigación en Sanidade Animal de Galicia) presentan máis resistencia ás infeccións que outras razas caprinas, como o parasito do verme hepático.

Cachena

A cachena é unha raza de vacún de grande rusticidade, perfectamente adaptada ó medio no que se desenvolve onde aproveita uns recursos naturais para pacer que dificilmente serían aproveitados por outras razas bovinas. É un tipo de vaca galleira, cos cornos longos cara a arriba e abertos para os lados.

As cachenas son animais de pequeno tamaño e cornos de grandes proporcións. A súa área de orixe sitúase nas zonas montañosas dos concellos incluídos no parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, especialmente na aldea de Olelas, e nas estribacións montañosas do homólogo parque nacional portugués de Peneda-Gerés.

Caldelá

A caldelá é unha raza de vacún autóctona de Galicia. Actualmente a poboación é moi reducida, cuns 1304 exemplares (2014). A raza caldelá ten un temperamento tranquilo e polo tanto é boa para a súa utilización para o traballo. É unha raza típica da provincia de Ourense e o seu nome provén de Castro Caldelas, concello que é centro xeográfico da raza.

Can de palleiro

O can de palleiro é unha raza de can de tamaño medio orixinaria de Galicia. Tradicionalmente, era o can por antonomasia do agro galego e a súa función era a de can pastor e tamén de garda, mais hoxe en día hai exemplares adicados a distintas funcións, como axuda a discapacitados, cans de terapias, cans de salvamento ou en competicións deportivas como o canicross e o agility. É unha das catro razas de cans autóctonas de Galicia, xunto co guicho, o perdigueiro e o podengo galego.

Estivo a piques de desaparecer por mor dos cruzamentos con outras razas. O seu proceso de recuperación comezou na década de 2000, e en decembro de 2017 había 1 275 exemplares inscritos no libro xenealóxico do Club da Raza Can de Palleiro.

Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia

O Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia (CRZG), inaugurado en 2006 e situado no Pazo de Fontefiz (Ucelle, Coles), é un organismo que ten por obxectivo a recuperación e conservación das razas animais autóctonas en perigo de extinción. O organismo dependen da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia.No Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, as razas bovinas autóctonas críanse seguindo a agricultura ecolóxica, caracterizada pola crianza ao aire libre e a alimentación natural.

Frieiresa

A frieiresa é unha raza de vacún autóctona de Galicia. Actualmente a poboación é moi reducida, cuns 673 exemplares (2014) distribuídos en 30 ganderías. É unha raza típica da provincia de Ourense.

Galicia

Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.

Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial dentro da provincia da Coruña. Galicia posúe 2 718 525 habitantes (2016), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol. Ten unha superficie de 29 574,4 km².

O concello máis poboado é o de Vigo con 292 817 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 215 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.

Galiña

Galiña e galo (Gallus gallus domesticus) son os nomes dados, respectivamente, á femia e macho da especie Gallus gallus domesticus de aves galiformes e fasiánidos. Os xuvenís coñécense co nome de polo ou pito. Estas aves posúen bico pequeno, crista carnuda e ás curtas e largas. A galiña ten unha enorme importancia para os seres humanos pois é o animal doméstico máis difundido e abundante do planeta e unha das fontes de proteína máis baratas. Alén da súa carne, as galiñas fornecen ovos. Segundo datos de 2003, hai cerca de 24.000 millóns de galiñas no mundo. Nalgúns países da África moderna, o 90% dos hogares crían galiñas. As galiñas son aves omnívoras, mais teñen preferencia por sementes e pequenos invertebrados.

As primeiras referencias a galiñas domesticadas xorden en cerámicas corintias datadas do século VII a.C.. A introdución desta ave como animal doméstico xurdiu probabelmente en Asia, de onde é nativa a especie Gallus gallus. A pesar de que os romanos desenvolveron a primeira raza diferenciada de galiñas, os rexistros antigos mostran a presenza de aves salvaxes asiáticas na China desde -1400. Da Grecia antiga as galiñas espalláronse por Europa e os navegantes polinesios levaron estes animais nas súas viaxes de colonización do Océano Pacífico, incluíndo a Illa da Pascua. A proximidade ancestral co ser humano permitiu o cruzamento destinado á crianza de diversas razas, adaptadas ás diferentes necesidades. Son tamén unha fonte de doenzas virais.

Guicho

O guicho ou quisquelo é unha raza de cans de orixe galega. O seu nome vén das súas características orellas guichas. A súa función zootécnica é a de can de caza especializado na caza do coello de monte de Galicia, polo cal tamén recibe o nome popular de "coelleiro". Os bos exemplares en pureza non abundan, sendo moi solicitados e requiridos polos cazadores.

Limiá

A limiá é unha raza de vacún autóctona de Galicia. Actualmente a poboación é moi reducida, cuns 852 exemplares (2014).

Ovella galega

A ovella galega é unha raza de ovellas de orixe galega. Clasifícase dentro da póla de produtoras de la entrefina, cuxo antergo é o Ovis aries celtibericus. O número de exemplares desta raza en Galicia medrou notablemente nos últimos anos. No ano 2012 o número total de exemplares era de 4.548 (3.862 femias e 686 machos) distribuídos en 110 explotacións gandeiras.

Perdigueiro galego

O perdigueiro galego é unha raza de cans de orixe galega. É un can de caza de mostra, especializado na caza de pluma (perdiz, arcea e paspallás). Tamén recibe o nome popular de "can das perdices".

A partir da década dos setenta, coa introdución de razas foráneas, foi moi mesturado e practicamente absorbido polos pointer ingleses e os braco alemáns, o que causou o declive e a práctica desaparición desta raza. Nestes momentos estase intentando recuperar a partir dos poucos exemplares que aínda se poden atopar en maior ou menor pureza, dispersos polas provincias de Lugo e Ourense.

Podengo galego

O Podengo galego é unha raza de cans de orixe galega. É un can de caza de coello principalmente, aínda que tamén de lebre e raposo.

Porco celta

A raza porcina porco celta é unha variedade que até comezos do século XX era a maioritaria en Galicia. Despois de estar a piques de desaparecer durante os anos oitenta, en 1999 púxose en marcha a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta. O apoio público coa creación dun rexistro da raza e a difusión das cualidades deste animal está a favorecer o rexurdimento da cabana noutrora maioritaria en Galicia, antes de se ver desprazada por novas razas que ofrecían un maior crecemento.

Razas de vacún

Existen unhas 800 razas de vacún recoñecidas no mundo enteiro, adaptadas aos climas locais e aos seus usos especializados. Dentro delas poderiamos facer dous grandes grupos: os que corresponden á especie vaca (Bos taurus) e os que corresponden á especie cebú (Bos indicus). As vacas son as máis abondosas no mundo, particularmente nas zonas temperadas e frías, mentres que os cebús aparecen nas zonas máis cálidas pola súa resistencia á calor. Tamén existen algunhas razas híbridas.

As razas tradicionais galegas son a cachena, a caldelá, a frieiresa, a limiá a rubia galega e a vianesa.

San Xiao de Mos, Castro de Rei

San Xiao de Mos é unha parroquia que se localiza no concello de Castro de Rei. Segundo o IGE en 2014 tiña 207 habitantes (107 homes e 100 mulleres), 35 menos que no padrón municipal de 2004 (124 homes e 118 mulleres), distribuídos en 9 entidades de poboación. En 1999 tiña 263 habitantes.

Rexístranse aquí os primeiros exemplares da raza da galiña de Mos.[Cómpre referencia]

Vaca

A vaca (Bos taurus) é un animal doméstico orixinario de Europa. Utilízase para a produción de leite, carne e coiro e tamén é animal de traballo, dependendo da raza e o grao de tecnificación do lugar. As femias coñécense como vacas e os machos como bois ou touros. As crías denomínanse puchos, cuchos, cuxos, becerros ou tenreiros, e desde o ano de idade ata que paren, xovencas. Existen os adxectivos vacún/vacúa e bovino.

Segundo a FAO, no ano 2005 existían no planeta 1.272 millóns de vacas, incluíndo nesta cifra a cebús e iacs. En 2009 a cifra ascendía a 1.382.241.378. Delas corresponderían 270.675.336 a África, 509.551.701 a América, 439.175.098 a Asia, 38.616.809 a Oceanía e 124.222.434 a Europa. Destas, 6.020.200, están en España, que ocupa o sétimo lugar do continente e o sexto da Unión Europea por número de cabezas de gando bovino.

Vianesa

A vianesa é unha raza de vacún autóctona de Galicia.

Vigozoo

Vigozoo é o nome oficial do parque zoolóxico de Vigo, chamado popularmente A Madroa (lugar da parroquia de Candeán onde se atopa). Ostenta a categoría xurídica de organismo autónomo municipal.[Cómpre referencia]

Razas autóctonas galegas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.