Galego-portugués

O galego-portugués (tamén chamado galaico-portugués) é a lingua medieval que se falou no noroeste da Península Ibérica que deu lugar ó galego e portugués actuais. Procedía do latín falado na Gallaecia[1] e foi introducido polos colonizadores romanos. É polo tanto unha lingua romance. Tivo especial relevancia cultural durante varios séculos, e disto dan fe os textos medievais conservados nesta lingua.

A lingua considérase formada no século VIII, principalmente coma desenvolvemento do latín vulgar falado polos conquistadores romanos a partir do século II d. C.[Cómpre referencia]

O documento da lírica galego-portuguesa máis antigo parece ser a cantiga satírica "Ora faz ost'o senhor de Navarra" de Johan Soarez de Pávia, datado en 1196 por algúns expertos. As recompilacións líricas medievais galego-portuguesas máis importantes que se conservan hoxe son o Cancioneiro da Ajuda, o Cancioneiro da Vaticana, o Cancioneiro Colocci-Brancutti e as Cantigas de Santa María.

O rei Afonso X o Sabio, de Castela, coordinou as Cantigas de Santa María en galego-portugués, que daquela era a lingua por excelencia para a lírica nos reinos de Galicia, León e Castela (estando o reino de Aragón na zona de influencia da literatura occitana). Tamén compuxo algunhas cantigas de amor, mais ningunha de amigo.

Algúns poetas salientábeis incline Bernal de Bonaval, Airas Nunez, Pero da Ponte, Pero Amigo, Xohán de Cangas, e Martín Codax.

O galego-portugués tivo a súa máxima importancia dende finais do s. XII ata mediado o s. XIV.

Idioma galaicoportugués
Lingua galego-portuguesa no mapa político da Península Ibérica cara ao século X, antes da separación lingüística das dúas variedades.
Gallaecia-Dioclecianus
O galego-portugués naceu grosso modo nos conventos lucense e bracarense da que fora a provincia romana de Gallaecia.
Grupo galaico-potugués
Linguas e dialectos descendentes do idioma galaico-portugués en Europa:      Idioma galego      Idioma portugués

Afastamento do galego e do portugués

A partir da súa independencia, o reino de Portugal do reino de León comezou coa creación dunha norma escrita (unha data importante é a declaración do galego-portugués como lingua oficial da súa administración en 1290) por iniciativa do rei don Dinís, cousa que en Galicia non se elaborou até ben entrado o século XX. Como sinala Azevedo Maia,[2] axiña as formas escritas en Portugal comezaron a se homoxeneizar baixo a influencia da corte mentres que os escritos galegos van sendo penetrados de castelanismos. O feito de que a partir de 1480 os tabelións galegos tivesen que cambiar os seus formularios polos casteláns e tivesen que estudar en Toledo, profundou o proceso de castelanización dese galego escrito que non aconteceu en Portugal.

As diferenzas entre galego e portugués xa proveñen do galego medieval, onde en textos antigos xa se comeza a confundir as sibilantes xordas coas sonoras, conservadas en Portugal, produto da castelanización, así como outras pequenas variacións en morfoloxía (disso fronte a disse…). Ademais, o avance do galego-portugués cara ao sur e o desprazamento da capital portuguesa introduciron unha serie de elementos novos que deron lugar á situación actual:[3]

  • Dialectos galegos: os falados nas catro provincias galegas, en zonas limítrofes de Asturias, León e Zamora. Caracterizados pola inexistencia de sibilantes sonoras e vogais nasais (só en pequenas zonas do «galego exterior») fronte aos dialectos portugueses.
  • Dialectos portugueses setentrionais: Do Miño até Aveiro na costa e Castelo Branco no interior. Presenza do fonema africado ( como o ch en chave) e non distinción entre b/v pero distingue sibilantes sonoras como o portugués común.
  • Dialectos portugueses centro-meridionais.
  • Fala de Xálima dialecto derivado do galego-portugués, é no noroeste da Extremadura.

Características do galego-portugués

O galego medieval distínguese do galego actual principalmente en:

  • Existencia de vogais nasais.
  • Distinción b/v.
  • Presenza de sibilantes sonoras j (g+ e, i), z, s intervocálico.

O sistema de vogais orais era o actual, aínda que non coa mesma distribución, principalmente debido á posterior acción da metafonía. Ademais existían vogais nasalizadas pola perda dunha nasal. A queda de consoantes intervocálicas provocaba moitos hiatos, que despois se desenvolverían, principalmente por crase.

Consoantes do galego-portugués
Bilabiais Labiodentais Dentais Alveolares Pós-alveolares Palatais Velares
Realización xorda sonora xorda sonora xorda sonora xorda sonora xorda sonora xorda sonora
Plosivas p b t d k g
Nasais m n ɲ
Fricativas f v s z ʃ ʒ
Africadas ts dz
Laterais l ʎ
Vibrantes ɾ

Documentos máis antigos en galego-portugués

Nome Datación Título Descrición
"Diploma de Quiza Gonteriquiz" 24 de febreiro de 788 AHUS / San Martiño Pinario Copia en visigótica de fins s. IX-comezos X[4]
Rosendo, bispo de Mondoñedo, fai doazón ao mosteiro de San Vicente e S. Xoán Evanxelista de Almerezo 7 de maio de 867 Arquivo do Reino de Galicia. Copia probablemente do 1ª terzo do s. X.[5]
"Doação à Igreja de Souselo" 870 O texto mais antigo latino-portugués Copia do século XI escrita en letra visigótica de transición
Os irmáns Cresconio e Belesario fan unha doazón á basílica de S. Martiño, Santiago e Santa Maria de Belesar en tempos do bispo Rudesindo I de Mondoñedo 4 de xaneiro de 871 Documento orixinal máis antigo da área galego-portuguesa. Arquivo da Catedral de Mondoñedo[6]
Vistrilo permuta a Argilo, Teodone, Frogildi, Gutine e Teniloni a porción de terra na vila de Relis por outra que estes teñen en San Martiño de Negreiros 29 de decembro de 878 Arquivo Histórico da Universidade de Santiago, procedente do fondo antigo de San Martiño Pinario[7]
"Carta de Fundação da Igreja de Lardosa" 882 O documento orixinal máis antigo latino-portugués Escrita en letra visigótica cursiva
Colmellus divisionis 883 Arquivo do Reino de Galicia[8]
"Notícia de fiadores" 1175 Posibelmente o documento máis antigo escrito en galego-portugués Pequena lista de nomes que remata con esta frase: "Istos fiadores atan .v. annos que se partia de isto male que li avem."[9]
"O Pacto de Gomes Pais e Ramiro Pais" c. 1175 Posibelmente o documento máis antigo escrito en galego-portugués É apenas datábel criticamente
"Ora faz host'o senhor de Navarra" c. 1196 O texto lírico máis antigo escrito en galego-portugués que é posíbel datar Presente nos Cancioneiro da Biblioteca Nacional e da Vaticana
"Testamento de Afonso II" 1214 O documento rexio máis antigo en galego-portugués Primeiro texto escrito tras a independencia de Portugal
"Notícia de torto" 1214-1216 O documento notarial particular máis antigo escrito en galego-portugués Longa narrativa dos agravios que Lourenço Fernandes da Cunha sufriu nas mans de outros señores
"Foro do bo burgo de Castro Caldelas" 1228 O documento máis antigo en galego-portugués escrito en Galiza Outorgado por Afonso IX en abril de 1228 no concello de Allariz
ForoBoBurgo
Foro do Bo Burgo de Castro Caldelas, privilexio dado polo rei Afonso VIII. Primeiro documento real en lingua galega. Allariz, 1228

A Notícia de fiadores (1175) é o documento en galego-portugués máis antigo coñecido con data. O Pacto dos irmãos Pais reivindica o título de texto mais antigo encontrado en Portugal, no entanto é apenas datábel por conxectura, e é probabelmente anterior a 1173. Outro documento, a Notícia de torto[10], sen data, calcúlase que foi escrito entre 1211 e 1216. O Testamento de Afonso II data de 1214. Algo anterior é o primeiro documento literario coñecido escrito en galego, Ora faz ost’o senhor de Navarra de Johan Soarez de Pávia.

O documento máis antigo escrito en Galicia data do ano 1228. Trátase do Foro do bõ burgo de Castro Caldelas[11] outorgado por Afonso IX en abril do dito ano ao municipio de Allariz.

O máis antigo documento latino-galego-portugués, encontrado en Portugal, é chamado de Doação à Igreja de Souselo, encóntrase no Arquivo Nacional da Torre do Tombo, e é datado do ano de 870 d.C.[12]

Tradición oral na cultura galego-portuguesa

O patrimonio cultural inmaterial galego-portugués está presente nas tradicións orais populares e é hoxe un patrimonio en perigo de extinción, o que levou á súa candidatura conxunta polo gobernos de España e de Portugal á "Masterpiece of Oral and Intangible Heritage of Humanity" en 2005.

O folclore galego-portugués é rico en tradicións orais; estas inclúen as regueifas ou cantigas ao desafío, mitos e lendas, cantigas, ditados e lengalengas, alén dos falares que reteñen unha semellanza a nivel morfolóxico e sintáctico, no léxico e na fonética. A tradición oral está ligada a diversas actividades tradicionais que transmítense oralmente, coma as celebracións das festas populares tales coma o entroido, o magosto, as festas da coca, San Xoán, as festas marítimas, romarías, música e danzas populares. Nos oficios, coma as actividades piscatorias, a agricultura e o artesanado, alén de seren actividades que son transmitidas de xeración en xeración de xeito verbal, cada actividade emprega un vocabulario específico. Tamén nos costumes, nos falares, nos bailes, nos rituais, na medicina tradicional e na farmacéutica popular, nas artes culinarias, nas supersticións e crenzas, existe todo un coñecemento que é transmitido oralmente.

Notas

  1. Ramón Mariño Paz. Historia da lingua galega. Sotelo Blanco, 1998, páxina 104.
  2. Ver Bibliografia, capítulo de Conclusións
  3. Lindley Cintra, Luís F. Nova Proposta de Classificação dos Dialectos Galego-Portugueses Arquivado 2 de novembro de 2006 en Wayback Machine. (PDF) Boletim de Filologia, Lisboa, Centro de Estudos Filológicos, 1971.
  4. Carlos Saez e M. del Val González de la Peña: La Coruña. Fondo antiguo (788-1065), nº 10
  5. Carlos Saez e M. del Val González de la Peña: La Coruña. Fondo antiguo (788-1065), nº 4.
  6. Cal Pardo: Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo, nº 1.
  7. Carlos Sáez e M. del Val González de la Peña: La Coruña. Fondo antiguo (788-1065), nº 8.
  8. Carlos Saez e M. del Val González de la Peña: La Coruña. Fondo antiguo (788-1065), nº 9
  9. Ministério da Educação (setembro de 2007). "Revisão da Terminologia linguística para os Ensinos Básico e Secundário" (PDF) (en portugués). Consultado o 30 de xullo de 2015.
  10. Notícia de torto, História da Língua Portuguesa.
  11. Foro do bo burgo de Castro Caldelas, consellodacultura.org
  12. O documento máis antigo en latín-galego-portugués, ano 870.

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Clarinda de Azevedo Maia (1988). História do Galego-Português. Estudo lingüístico da Galiza e do Noroeste de Portugal desde o século XIII ao século XVI. Coimbra: INIC.
  • Edwin B. Williams, From Latin to Portuguese. Historical Phonology and Morphology of the Portuguese Language1938, Trad. port. de Antônio Houaiss: Do Latim ao Português. Fonologia e Morfologia Históricas da Língua Portuguesa. Rio de Janeiro, Tempo Brasileiro, 1975 (3ª ed.)
Afonso X o Sabio

Afonso X, nado en Toledo o 23 de novembro de 1221 e finado en Sevilla o 4 de abril de 1284, foi rei de Castela e León.Á morte de seu pai, Fernando III o Santo, retomou a ofensiva contra os musulmáns, e ocupou Xerez (1253), arrasou Salé, o porto de Rabat (1260) e conquistou Cádiz (contra 1262). En 1264 tivo que facer fronte a unha importante revolta dos mudéxares de Murcia e do val do Guadalquivir.

Como fillo de Beatriz de Suabia, da casa de Hohenstaufen, aspirou á coroa do Sacro Imperio Romano Xermánico, proxecto ao que dedicou máis da metade do seu reinado sen obter éxito.

Os últimos anos do seu reinado foron especialmente sombríos, debido ao conflito sucesorio provocado pola morte prematura do seu primoxénito, Fernando de la Cerda, e a minoría de idade dos outros fillos, o que desembocou na rebelión aberta do infante Sancho e de gran parte da nobreza e das cidades do reino. Afonso morreu en Sevilla durante o transcurso desta revolta, non sen antes desherdar ao seu fillo Sancho.

Levou a cabo unha activa e beneficiosa política económica, reformando a moeda e a facenda, concedendo numerosas feiras e recoñecendo en 1273 ao Honrado Consejo de la Mesta.

Tamén é recoñecido pola súa obra literaria, científica, histórica e xurídica realizada polo seu escritorio real. Afonso X patrocinou, supervisou e, moitas veces, participou coa súa propia escritura e en colaboración cun conxunto de intelectuais latinos, hebreos e islámicos coñecido como Escola de Tradutores de Toledo, na composición dunha inxente obra literaria que iniciou en boa medida a prosa en castelán. Destacan as Sete Partidas (Las Siete Partidas), unha recompilación xurídica e de principios do dereito, e algúns tratados de xadrez e de astronomía. Ademais escribiu poesía en galego-portugués, como as Cantigas de Santa María, realizando unha grande achega á lingua culta do momento na corte do reino, a lingua galego-portuguesa. Tamén escribiu poemas trobadorescos. Por todo isto foi alcumado o Sabio.

En 1935 recoñeceuse como astrónomo nomeándose no seu honor o cráter lunar "Alphonsus".

Cantiga de amor

Segundo a Arte de Trobar, as cantigas de amor caracterizábanse por seren movidas a razón del (é dicir, desde unha perspectiva masculina), en contraposición ás cantigas de amigo que eran movidas a razón dela. Dito doutro xeito, as cantigas de amor son poemas nos que o poeta se dirixe en primeira persoa á súa dama, a senhor/sennor, tamén a Deus ou ao mesmo amor; ou reflexiona sobre el ou sobre a amada. O tema é, igual que nas cantigas de amigo, o sentimento amoroso, pero neste caso o protagonista é un home.

Cantiga de escarnio e maldicir

A cantiga de escarnio e maldicir (cantiga de escarnho e maldizer en galego-portugués), subxénero da lírica galego-portuguesa, inclúe tanto sirventeses morais e políticos, sátiras literarias e maledicencias persoais, como tenzóns, prantos e parodias; en resumo, os textos que non encaixan como cantiga de amigo e de amor. O trobadorismo galego-portugués perfeccionou unha canción satírica procedente da Provenza, á que lle daban o nome de sirventés, que, chegada ás nosas terras, influíu nos nosos trobadores para que estes, apoiándose quizais nunha tradición satírica autóctona transmitida oralmente e anterior á convivencia coas formas occitanas, creasen un novo xeito de trobar: a cantiga de escarnho e maldizer. Dentro dos tres grandes xéneros do lirismo trobadoresco é o menos homoxéneo pola presenza dunha gran diversidade temática e tonal.

O corpus lírico galego-portugués conta con aproximadamente 430 textos pertencentes ao xénero.

Cedilla

A cedilla (do castelán: «pequeno z») é un signo diacrítico.

Historicamente, a cedilla castelá (e, por extensión xeográfica, a galegoportuguesa, a portuguesa, a catalá e mais a francesa) colócase soamente baixo un c orixinado, entre outras posibilidades, dun c latino palatalizado. Forma, polo tanto, a letra ç (ce cedillado), pronunciada orixinalmente /ts/, despois convertida en [s].

A cedilla non forma parte do alfabeto galego da norma actual.

Coco

O coco ou coqueiro (Cocos nucifera) é unha palmeira duns 30 m de altura da familia Arecaceae. É a única especie do xénero Cocos. Chámase tamén coco ao seu froito..

O nome da planta: coco, empregado en todas as linguas occidentais, vén do galego-portugués: côco (cranio, cabeza), e á súa vez do potocelta. Está tamén relacionado co personaxe mitolóxico do coco.

Galego

A palabra galego pode referirse a:

Galego, algo ou alguén de Galicia.

Pobo galego, habitantes de Galicia.

Galego, a lingua propia de Galicia.

Galego-portugués, lingua medieval da que derivan o galego e o portugués actuais.

Galego, alcume do futbolista brasileiro Jéfferson Alberto Ferreira.

Galego, alcume do futbolista brasileiro Paulo de Souza Lobo.

Galego, buque británico construído en 1900 que foi renomeado como HMHS Glenart Castle.

Galicia

Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.

Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial dentro da provincia da Coruña. Galicia posúe 2 718 525 habitantes (2016), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol. Ten unha superficie de 29 574,4 km².

O concello máis poboado é o de Vigo con 292 817 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 215 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.

Indicador ordinal

Un indicador ordinal é un signo que se coloca tras un número para indicar que debe ser interpretado coma un ordinal e non un cardinal. Historicamente formouse a partir da última letra ou grupo de letras do nome do ordinal que representa, polo que a tipografía utilizada varía de acordo co idioma.

Johan Soarez de Pávia

Johan Soárez de Pavia (ou Paiva), foi un trobador posibelmente catalán[Cómpre referencia] que viviu entre os séculos XII e XIII. É o primeiro poeta galego-portugués coñecido[Cómpre referencia], pois naceu pouco despois da batalla de Ourique, acontecida en 1139.

Sábese que escribiu cantigas de amor hoxe perdidas. Só se conserva unha composición deste autor, que resulta ser o texto máis antigo dos conservados na lírica medieval galaico-portuguesa. Trátase da cantiga Ora faz ost´o senhor de Navarra, un sirventés satírico de tipo político no que abundan as referencias históricas e sociais á rexión navarro-aragonesa e que ten influencias da épica francesa. Pertence ao xénero das cantigas de escarnio e maldicir. Segundo os estudosos medievalistas Carlos Alvar e Vicenç Beltran, esta cantiga debeuse compoñer ao redor do ano 1200.

Lingua catalá

O catalán é unha lingua románica falada polo pobo catalán nalgúns territorios de España, Francia e Italia, así como tamén en Andorra, feito que propicia a denominación destes territorios como Países Cataláns, dada a súa unidade lingüística e cultural. Cómpre sinalar por outra banda que na Comunidade Valenciana o catalán recibe o nome de valenciano.

É lingua oficial de Andorra, cooficial en Cataluña, País Valenciano e as Illas Baleares xunto ó castelán, e carece de oficialidade na Franxa de Aragón, na Cataluña do Norte (Francia), na cidade sarda de L'Alguer e na zona de El Carche (Murcia). É a lingua habitual duns 4,4 millóns de persoas; ademais, son capaces de falalo uns 7,7 millóns e é comprendido por preto de 10,5 millóns de persoas.

Lingua galega

O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.

O galego moderno forma parte do grupo de linguas ibero-occidentais, unha familia de linguas románicas que inclúen o portugués, e que se desenvolveu dende o latín vulgar falado na provincia de Gallaecia, e evolucionou ao que os lingüistas chaman galaico-portugués, falado no Reino de Galicia. As diverxencias dialectais son observables entre as formas do norte e do sur do galaico-portugués en textos do século XIII, mais as dúas variedades eran semellantes abondo para manter un alto grao de unidade até mediados do século XIV, coa literatura galego-portuguesa medieval. A diverxencia continuou até o presente, producindo as modernas linguas galega e portuguesa.O léxico do galego é predominantemente de orixe latina, malia que tamén contén un certo número de palabras de orixe celta e xermánica, entre outros substratos e adstratos. Tamén incorporou certo número de palabras do árabe de Al-Andalus, principalmente a través do castelán.

A Real Academia Galega é consonte a Lei de Normalización Lingüística vixente, a entidade competente para a fixación das normas da lingua galega, non obstante as actuais normas elaboráronse na súa orixe conxuntamente co Instituto da Lingua Galega, teñen tamén un papel destacado o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e o Consello da Cultura Galega.

Lingua italiana

O italiano ou lingua italiana é unha lingua pertencente ao grupo das linguas romances, da familia das linguas indoeuropeas. Existe un gran número de dialectos neorromances. O italiano é a lingua oficial de Italia, de San Marino, de Suíza e da Cidade do Vaticano. Tamén se fala a distintos niveis en Somalia, Libia, Mónaco, Malta, a illa de Córsega e Albania.

Lingua mozárabe

A lingua mozárabe (do árabe musta`rab مستعرب que quer dicir "arabizado") é unha lingua extinta da Península Ibérica. O mozárabe era a evolución do latín falado nas zonas da Península Ibérica que ao mesmo tempo que os diversos romances peninsulares se separaban para dar lugar ao castelán, catalán e galego-portugués, e demais, na zona baixo dominio musulmán apareceu un conxunto de falas non moi coñecidas. Non había unidade entre eles e a diferenza doutras linguas románicas escribíase con alfabeto árabe. Coñecémolos polas "kharxas" e as "muaxahas" dos poetas andalusís que usaban retrousos mozárabes e os desenvolvementos en árabe.

O mozárabe era un romance moi conservador, mantendo moitas características do latín vulgar que se perderon no resto das linguas peninsulares:

Conservación de pl-, fl- e cl- iniciais.

Conservación de oclusivas xordas intervocálicas p, t e k.

Lingua portuguesa

O portugués é unha lingua romance nada na alta Idade Media na Gallaecia, que agora é Galiza e o norte de Portugal. Estendeuse polo mundo nos séculos XV e XVI, na época en que Portugal fundou un imperio colonial, incluíndo o Brasil en Sudamérica, Goa na India e Macao na China. Daquela xurdiron tamén varias linguas crioulas baseadas no portugués, sobre todo en África, Asia e o Caribe.

Hoxe en día é unha das linguas do mundo máis faladas, na sexta posición en canto a falantes como primeira lingua (uns 250 millóns). É a lingua con maior número [Cómpre referencia] de falantes en Sudamérica (más de 200 millóns), así como unha importante lingua franca en África.

O portugués é lingua oficial de nove países - Portugal, Brasil, Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Guinea Ecuatorial, Mozambique, San Tomé e Príncipe e Timor Leste, sendo cooficial co español e francés en Guinea Ecuatorial, co chinés na rexión Especial Administrativa Chinesa de Macao, e co tetum en Timor Leste.

O galego e o portugués eran a mesma lingua, o galego-portugués, até como mínimo os séculos XII-XIII, cando se iniciou un proceso de afastamento debido, entre outras razóns, a que en Portugal adquiriu o carácter de lingua estatal e que Galiza se incorporou á Coroa de Castela, que posteriormente chegaría a formar España, sen se establecer por tanto como lingua oficial en Galiza, e desaparecendo como lingua literaria durante tres séculos (XVI, XVII e XVIII). O esplendor literario medieval do galaico-portugués foi descoñecido, nos dous lados da fronteira, ata a década de 1920. Hoxe en día o galego e o portugués considéranse oficialmente como dúas linguas distintas, aínda que existen posicións diferentes, incluíndo un movemento social chamado reintegracionismo, que afirma que o galego e o portugués son simplemente dúas variantes da mesma lingua.

Literatura galego-portuguesa

A literatura galego-portuguesa é aquela escrita en galego-portugués en diversas zonas da Península Ibérica entre os séculos XII e XV. Esta inclúe lírica sacra e profana e diferentes tipos de prosa.

Entre os séculos XII e XIV floreceu no occidente da Península Ibérica un movemento poético en lingua galego-portuguesa. Esta era a única poesía escrita en lingua romance nos reinos de Galiza (antes e despois da independencia de Portugal), León e Castela. Esta literatura estaba escrita nunha forma altamente elaborada de galego-portugués, independentemente da orixe do autor. Pola contra, a prosa medieval galego-portuguesa, máis ben escasa, consta fundamentalmente de traducións de obras escritas noutras linguas feitas para seren lidas na Galiza. Porén, a partir de finais século XV, as circunstancias sociolingüísticas derivadas das consecuencias sociopolíticas da época propiciarán a "independencia" da lingua portuguesa con respecto á galega e a división do sistema literario galego-portugués, dando paso aos Séculos Escuros en Galiza e ao nacemento da literatura portuguesa.

Lua (linguaxe de programación)

Lua (do termo galego/portugués lúa) é unha linguaxe de programación lixeira, multiparadigma e deseñada para clientes e sistemas embebidos. Lua é unha linguaxe multiplataforma cun intérprete en ANSI C e unha API relativamente sinxela en C.Lua deseñouse en 1993 como linguaxe que ampliase aplicacións e fose cubrindo as demandas de personalizacion das aplicacións. Ten as características esenciais da meirande parte das linguaxes procedurais máis sen características específicas de dominio. Ten mecanismos para facilitar engadir funcións ampliar a capacidade da linguaxe. Está deseñada para ser unha linguaxe áxil, portable, extensible e fácil de usar.

Mordred

Mordred, en galés Medraut e en galego-portugués medieval Morderet, é unha figura lendaria da Bretaña que ficou coñecida pola súa traizón ao loitar contra o Rei Artur na Batalla de Camlann, onde el morreu e Artur ficou fatalmente ferido. O seu nome significa "mau consello".

Nuno Fernandes Torneol

Nuno Fernandes Torneol (ou Nuno Fernández Torneol) foi un trobador de orixe descoñecida, do que se pensa que puido ser un cabaleiro ó servizo dun nobre de Castela. Pénsase que este autor se estableceu na corte do rei Afonso X o Sabio no século XIII.Recoñéceselle a autoría de vinte e dúas composicións, das que trece son cantigas de amor, moi convencionais, oito cantigas de amigo, de estrutura tradicional, e mais unha cantiga de escarnio. Escribía en galego-portugués. Un dos seus textos utilizouse na canción Love Song, arranxada pola banda de rock brasileira Legião Urbana.

Tristán e Isolda

Tristán e Isolda é unha lenda con múltiples versións que conta a historia do amor adúltero entre Tristán, un cabaleiro córnico, e Isolda, unha princesa galesa.

Tristán e Isolda é un cantar de xesta que ten lugar na Idade Media en Europa nos países Celtas na época das cruzadas e narra as fazañas dun heroe que comete unha grave traizón por culpa dun amor forzado por unha beberaxe máxica. El era sobriño do Rei Mark de Cornwall, quen lle mandou traer a Isolda de regreso de Irlanda para casar co rei. Porén, Tristán e Isolda namóranse.

Aínda que é anterior, foi moi influenciada pola narración dos amores de Lancelot e Xenebra, personaxes da lenda artúrica. Tivo un forte impacto na arte e literatura occidental desde a súa primeira aparición no século XII. O medievalista francés Joseph Bédier afirma que todas as versións da lenda teñen a súa orixe nun poema bretón ou córnico adaptado por Tomé de Inglaterra ao francés do que se conservan oito fragmentos.

Consérvanse fragmentos dun Tristán e Isolda xa en galego-portugués: o livro de Tristán é un manuscrito de fins do século XIV.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.