Galaicos

Galaico é un termo actual derivado do latino gallaeci ou callaeci e do grego Καλλαϊκοί, que designaba un conxunto de pobos de cultura e lingua celtas ou celtizadas -sen que exista consenso entre os investigadores- do noroeste da Península Ibérica antes e durante o Imperio Romano. O termo gallaecus/gallaeco tamén designou, desde finais do Imperio de Occidente ata entrada a Idade Media, os habitantes de Gallaecia e Galicia, evolucionando lingüisticamente ata o xentilicio actual galego.

Aínda que poidamos falar dos galaicos durante a Idade Media, tradicionalmente o termo aplícase ao período previo á integración destes pobos no Imperio romano, servindo tamén como xentilicio culto para os habitantes da actual Galicia, do mesmo xeito que se empregan os cultismos galo, xermánico, anglosaxón ou luso, aos habitantes de Francia, Alemaña, Inglaterra e Portugal respectivamente.

Cabeza de Rubiás fronte
Cabeza de Rubiás, Bande, s. I d.C., Museo de Ourense.
Historia de Galicia
Descripcion Reyno de Galizia de Ojea

Este artigo é parte da
Categoría:Historia de Galicia

Prehistoria
O megalitismo
Idade de Bronce
Idade de Ferro
Cultura castrexa
Idade Antiga
Galaicos
Romanización
Cultura galaico-romana
Cristianización
Antigüidade tardía
Monarquía sueva
Chegada dos bretóns
Monarquía visigoda
Idade Media
Período altomedieval
Era Compostelá
Período feudal
Idade Moderna
Antigo Réxime
Ilustración en Galicia
Idade Contempóranea
A Restauración borbónica
Segunda República
Guerra civil española
Ditadura franquista
Período autonómico
Véxase tamén
Historia da lingua galega
Reino de Galicia
Galicia
Cronoloxía do Reino de Galicia

Etimoloxía

Aínda non se sabe con absoluta certeza se os callaeci eran un pobo que sobresaía sobre os demais e con posterioridade os autores gregos empregárono como nome xenérico dos habitantes do noroeste peninsular, ou se con este nome pretendíase designar aos habitantes dunha rexión constituída por varios pobos. A primeira opción é adoptada actualmente polos investigadores, sendo os callaeci un pobo castrexo do sur da Gallaecia[1], situado durante o dominio romano no denominado convento bracarense[2].

O historiador romano Plinio noméaos como un dos pobos do convento bracarense[3].

Historia e orixe

Orixe

Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, A Coruña
O casco ou cunca de Leiro, obxecto propio da Idade de bronce atlántica. Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón. Galicia.

A orixe dos galaicos e en xeral, daqueles pobos prerromanos que habitaban a Gallaecia, atópase basicamente nas poboacións da idade de bronce, é dicir nos construtores dos megálitos e dos petróglifos dentro das poboacións atlánticas indoeuropeas.

Tras séculos de convivencia nun mesmo marco xeográfico, a finais da Idade de Ferro, estas poboacións do extremo noroccidental da Península Ibérica acadaran xa un alto grao de homoxeneidade cultural, conformando finalmente unha unidade étnica propia e orixinal que as diferenciaba do resto.

Como tal foron percibidos polos primeiros autores greco-latinos tales como Estrabón ou Plinio, que os denominaron co nome de Gallaeci (en latín) ou Καλλαϊκοί (en grego), se cadra pola aparente similitude cos xa coñecidos Galli (galos) e Gallati (gálatas).

Historia

O feito de que os galaicos non adoptaran a escritura ata os primeiros contactos co Imperio romano, imposibilita o estudo dunha historia con perspectiva propia e longa no tempo. Non obstante, as alusións que sobre estes pobos se atopan en determinados autores greco-latinos permiten reconstruír eventos históricos deste pobo desde o século II a.C.

Así, grazas de Silio Itálico, sabemos que entre os anos 218 e 201 a.C, durante a segunda guerra púnica, algunhas tropas galaicas acudiron a loitar nas filas do cartaxinés Aníbal contra o exercito romano de Escipión. Tamén engadiu Silio Itálico unha pequena descrición do continxente galaico e da súa particular actitude militar.

Tras Silio Itálico, foi Apiano de Alexandría o autor da obra Iberiké, quen menciona o primeiro conflito bélico coñecido entre galaicos e romanos. Nela, Apiano narra os feitos acontecidos no transcurso das guerras lusitanas (155 - 139 a.C), mencionando que neste último ano (139 a.C), tras ser burlado polo xefe lusitano Viriato, o exército romano de Quinto Servilio Cepio devastou os campos dos galaicos e vetóns. Este ataque sobre as poboacións galaicas máis meridionais, posiblemente se situou na rexión Alto Douro, próxima á fronteira cos vetóns, posuíndo esta acción un carácter de castigo, pola axuda prestada destes pobos aos lusitanos.

Organización político-territorial

Estela de Crecente. Séc I dC. Museo Provincial de Lugo
Estela galaico-romana de Crecente. Realizada a finais do século II, foi adicada a unha defunta aristócrata chamada Apana, da tribo galaica dos Célticos Supertamáricos, tal e como se pode ler na parte inferior da propia estela.

A organización política dos galaicos non se coñece con seguridade, aínda que pode que se artellasen en pequenos estados independentes entre si compostos por un numero dispar de castros, encabezados estes estados pola figura dun rei local que os romanos denominaron princeps como noutras partes de Europa. Cada galaico identificábase así mesmo como membro do castro que habitaba (segundo a interpretación máis común do C invertido da epigrafía posterior) así como do estado/pobo ao que pertencía, e que os romanos denominaron populus, entre os que atopamos numerosos nomes como arrotrebae, albiones, celtici praestamarici, lemavi etc.., do mesmo xeito que ata finais do século XVIII a xente en Galicia se identificaba coa parroquia e a comarca[4]. Unha fonte para coñecer os seus nomes é o Padrón dos pobos.

Gallaecia-conventus lucensis
Extensión do territorio dos galaicos lucenses dentro da Gallaecia a finais do século III dentro do Imperio Romano.

Galaicos lucenses

Entre os galaicos lucenses atopábanse algúns pobos:

Gallaecia-conventus bracarensis
Extensión do territorio dos galaicos bracarenses dentro da Gallaecia a finais do século III dentro do Imperio Romano.

Galaicos bracarenses

Entre os galaicos bracarenses atopábanse algúns pobos como os:

Asentamentos

Castro-de-coana01
Ruínas do castro de Coaña, occidente de Asturias. Este castro galaico formaba parte do pobo dos albiones, do que se coñece a un dos seus princeps, chamado Nicer.

O modo de hábitat dos galaicos baseouse na ocupación do territorio especialmente en poboados fortificados que reciben o nome de castros, pudendo variar o seu tamaño dende pequenas aldeas de menos de 1 hectárea máis usuais no norte, e de grandes castros de máis de 10 hectáreas que reciben o nome de oppida ou "citanias", estando estes máis presentes na metade sur do seu poboamento tradicional. Este xeito de habitar o territorio -en castros- foi común a toda Europa durante a Idade de Bronce e de Ferro, recibindo no noroeste da Península Ibérica o nome de '"cultura dos castros" ou "cultura castrexa" que alude a este tipo de manifestación cultural antes da chegada de Roma, con todo os galaicos seguirían a habitar castros ata o século VIII d.C.

Arquitectura castreña
Tipoloxías da arquitectura castrexa durante a segunda Idade de Ferro.

Estes poboados fortificados acostuman a situarse en outeiros despexados, promontorios rochosos ou penínsulas que se internan no mar, o que facilita a visibilidade, a defensa e o dominio do contorno. O lugar do asentamento vén dado tamén en función dos recursos naturais explotados polos moradores. Os castros galaicos manteñen unha certa homoxeneidade, presentando trazos comúns.

Casa cividade terroso
Recreación dunha casa patio galaica ou núcleo familiar, no sur da Gallaecia.

Así, as casas e os edificios domésticos situábanse principalmente na "croa" -parte superior do castro-, pudendo tamén situarse nos barrios anexos á croa preto do chamado "antecastro", espazos que non albergaban vivendas, pero que se supón que estaban destinados a animais ou hortas. Cada unha destas áreas, podía estar limitada por murallas, parapetos ou foxos.

Ás veces hai unha especie de engadidos, os antecastros, que tamén se arrodean de murallas. Coa integración no Imperio romano e a chegada da Pax romana, a poboación galaica comezará a abandonar gran parte dos castros e a dispersarse sobre terras de cultivo, en vales e terras máis accesibles pero menos defendibles.

Só no territorio da Galicia actual chegan a contabilizarse máis de dous mil castros, o que revela unha das maiores dispersións poboacionais da Idade de Ferro en toda Europa, que sería en boa medida a orixe da ocupación galega do territorio herdada ata o presente, e caracterizada por pequenas e numerosísimas poboacións distantes entre si.

Modo de vida

Castro de vigo
Recreación dunha casa galaica, no castro de Vigo, no sur de Galicia.

Sociedade

Galician-Celtic princeps - albioni
Estela do príncipe galaico, Nicer Clutosi, da tribo dos albións. Realizada no século IV, contén a seguinte inscrición:XP NICER / CLVTOSI / ) CARI / ACA / PRINCI / PIS AL /BIONV / M AN / LXXV / HIC S EST.

A sociedade galaica amósase fiel ao modelo social dos pobos indoeuropeos e concretamente célticos. Por unha banda cada tribo estaba encabezada por un rei, chamado princeps, do que se descoñece se este era elixido de entre a aristocracia local -sistema electivo- ou se pola contra formaba parte dunha liñaxe real -sistema hereditario-. Polos restos epigráficos coñecemos a existencia de dous reis ou principes galaicos, un da propia Lucus Augusti, do que só se sabe era fillo dun aristócrata chamado Veroblio, e outro chamado Nicer, fillo de Clutoso, e princeps dos albións. A existencia destes personaxes implica unha sociedade altamente xerarquizada e estratificada.

Apoiando militarmente a estes soberanos, é posible que cada tribo galaica contase cun grupo de nobres e guerreiros que proporcionaban protección á tribo e nos que probablemente recaia a administración local de cada castro dentro da tribo. O seu status social ao igual que os soberanos, amosábase non só no poder político, ou adquisitivo das súas pertenzas senón o uso de determinados obxectos simbólicos intimamente ligados ás clases altas da aristocracia como eran os torques.

Lingua

Artigo principal: Lingua galaica.

No momento presente, non existe unanimidade entre os lingüistas de que o idioma ou linguas faladas polos galaicos formaban parte das linguas celtas continentais[5],[6], extintas hoxe en día. No entanto, reviste máis complexidade a adscrición de dita lingua celta á rama britónica ou goidélica, aínda que maioritariamente se estima máis achegada lingüisticamente á rama goidélica. Por outra banda, suponse que a lingua celta empregada polos galaicos debeu de ser moi semellante á do resto de pobos indoeuropeos no norte e oeste da Península Ibérica.

Por outra banda, o estudo do idioma ou linguas faladas polos galaicos atopa o seu maior atranco na carencia de rexistros escritos en dita lingua. Así, as fontes de estudo para esta son indirectas e case sempre presentes en inscricións epigráficas xa en latín, nas que se reflicten teónimos, antropónimos, hidrónimos e topónimos que permitiron mediante métodos comparativos identificar a onomástica galaica dentro das linguas celtas.

Os deuses galaicos antes da chegada de Roma

Fonte do Ídolo Braga
Fonte do Ídolo, en Braga cunha inscrición de época galaico-romana, dedicada ao deus Tongoenabiago, se cadra outra denominación de Navia.

A través das inscricións galaico-romanas, coñécese parte do gran panteón divino dos galaicos, compartido parcialmente non só por outros pobos celtas ou celtizados peninsulares, tales como os ástures -principalmente os máis occidentais- ou lusitanos senón tamén polos galos ou britanos entre outros. Así destacan os seguintes:

  • Bandua: deus galaico da guerra similar ao deus romano, Marte. Gozou de gran popularidade entre os galaicos bracarenses.
  • Berobreo: deus do alén e do Outro Mundo. O maior santuario adicado a Berobreo documentado ata agora, situouse no castro do Facho de Donón, na Península do Morrazo fronte as Illas Cíes.
  • Bormánico: deus das augas termais similar ao deus galo, Bormanus.
  • Navia ou Nabia: deusa das augas, das fontes e dos ríos. No territorio da antiga Gallaecia, na Galicia actual coma no norte de Portugal, aínda perduran numerosos ríos co seu nome, como o río Navia, Navea, e mesmo no norte de Portugal aínda existe a fonte do ídolo, adicada á deusa Navia.
  • Cosso, Cossuo ou Cossuvo (Cossuve, Cossue en dat.) , deus guerreiro, que gozou de gran popularidade entre os galaicos lucenses, foi un dos deuses máis venerados na antiga Gallaecia. Varios autores apuntan a que Cosso e Bandua sexan o mesmo deus baixo diferente denominación.
  • Reva ou Reve, deus supremo asociado a cursos de auga, á xerarquía, á xustiza e tamén á morte.
  • Sannoava, deusa local vinculada as fontes segundo a inscrición achada en Campañó (Pontevedra). O seu nome pódese traducir por "rápido do río" e provén da raíz sn̥wa "moverse con rapidez" mais o sufixo abondancial -awa, de xeito que poderíase refacer como sn̥wa-awa. Este radical, non testemuñado en Hispania, e o mesmo que achamos nos antropónimos galos Sanuaca e Sanuanus.
  • Lug, Lugus ou Lucubo, deus solar por excelencia, ligado á prosperidade, ao comercio e aos oficios artesanais. A súa figura asociase á lanza. É un dos deuses máis comúns entre os pobos celtas e del derivan moitísimos topónimos por toda a Europa céltica, desde Galicia (Lugo, latinizado baixo a forma Lucus) ata Loudoun (Escocia), e dando nome incluso, a pobos da Gallaecia como os astures Louguei.
  • Coventina, deusa da abundancia e da fertilidade. Fortemente asociada ás ninfas das augas, o seu culto rexistrase pola Europa máis occidental, desde Inglaterra ata a Gallaecia.
  • Endovelico, deus dos vaticinios e da curación, amosándose aos seus fieis nos soños.
  • Vestio Alonieco, deus solar comparado co deus Cernunnos polas representacións desta divindade como antropomorfo con coroa e cornos.

Poboación e distribución xeográfica

Grazas á arqueoloxía e aos datos censuais romanos, coñécense a densidade de poboación así como un número aproximado de habitantes -galaicos e ástures que terían vivido na Gallaecia. Así, segundo Plinio, os galaicos, repartidos entre bracarenses e lucenses sumaban un total de 451.000 habitantes, de xeito que os bracarenses contaban con 285.000 homes e mulleres, mentres que os lucenses rondaban os 166.000, amosando o dato unha densidade demográfica moito maior entre os bracarenses, corroborado pola existencia de grandes castros case exclusivos do seu territorio. Por outra parte, o censo de Plinio achega a cifra de 240.000 individuos para os ástures, sensiblemente menor que os galaicos bracarenses e que supón unha densidade demográfica moi baixa en relación co territorio ocupado.

Algunhas cidades, castros e citanias galaicas destacadas:

  • Bracara Augusta: capital administrativa dos galaicos bracarenses desde época baixo-imperial, dando a formar a actual cidade portuguesa de Braga. Foi capital da Gallaecia incluso despois da retira de Roma.
  • Burum: antiga poboación situada posiblemente na actual fortaleza da Pobra de Burón.
  • Coeliobriga: capital dos Coelerni, as súas ruínas son coñecidas hoxe como Castro de Castromao.
  • Dactonium: capital dos Lemavos segundo Plinio, a maior parte dos autores identifícana coa actual *Monforte de Lemos, ocupando o castro elevado da cidade.
  • Forum Limicorum: capital dos Límicos, a súa localización aínda non está plenamente corroborada, con todo, os historiadores sitúana maiormente no Monte de Viso, Nocelo da Pena (Sarreaus, Ourense).
  • Iria Flavia: capital dos Cóporos, e posteriormente da provincia eclesiástica do mesmo nome, correspondese coa actual Iria, Padrón.
  • Lansbriga ou Lansbrica: gran castro situado no interior da Galicia actual. Descoñécese se foi capital dalgún territorio ou pobo. As súas ruínas son coñecidas como castro de San Cibrán de Lás.
  • Lucus Augusti: capital administrativa dos galaicos lucenses desde época baixo-imperial, dando a formar a actual cidade galega de Lugo.
  • Tude: capital dos Grovios, e posteriormente centro eclesiástico da provincia do mesmo nome, é actual Tui.

Galaicos destacados

Notas

  1. Mapa dos pobos prerromanos, cara ao 200 a.C.
  2. Caamaño Gesto, José Manuel. A gran historia de Galicia. Cultura Castrexa. Volume 1: Ocupación do territorio e cultura material.
  3. Historiae Naturalis, páxina 50.
  4. As bisbarras persistentes, culturagalega.org.
  5. Xa Gorrochategui advertía que: en Gallaecia non todo é celta, senón que os datos, aínda que escasos e difíciles de valorar, apuntan a unha riqueza lingüística maior e a unha situación máis complexa. J. Gorrochategui “Gallaecia e as linguas prerromanas da Península Ibérica”, en AA.VV., Galicia fai dous mil anos. O feito diferencial galego, s.l. 1998, 15–49.
  6. Eugenio R. Luján Martínez, The Language(s) of the Callaeci (en inglés).

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Arronos

Os Arronos (latin:Arroni) foron un pobo galaico que ocupou aproximadamente a coñecida actualmente como comarca do Ortegal, na costa norte de Galicia. Plinio precisou a súa localización entre os Iadovi e os Arrotrebi. O seu territorio mantivose ao longo da idade Idade Media ata o século XI. Pertencían ó convento xurídico lucense.

Astorga

Astorga (en leonés, Estorga) é unha cidade da provincia de León, sita na comunidade autónoma de Castela e León, (España), atópase a 48 quilómetros ao suroeste da capital provincial de León, é cabeza da comarca da Maragatería. A súa poboación é de 11.897 habitantes (INE 2011).

Corresponde á antiga Asturica Augusta - topónimo do cal o actual é unha derivación -, capital dun dos conventos xurídicos da antiga Gallaecia. É tamén sé do bispado homónimo.

Bandua

Bandua foi un dos principais deuses dos galaicos e lusitanos, considerado o deus da guerra e vinculado á tradición céltica centroeuropea. Está encadrado polos investigadores como un deus indoeuropeo da primeira función (segundo estudos de Georges Dumézil). Estes deuses caracterízanse por usar a "maxia dos lazos", pola cal ataba aos seus inimigos ou vinculaban maxicamente aos seus seguidores. A estrutura social de confrarías de guerreiros que vivían no monte adicados ao oficio da guerra e a caza xerou o culto, adoptando actitudes e maneiras que reproducen aspectos da divindade á que se vinculaban maxicamente.

Bormánico

Bormánico, coñecido tamén como Bormo, Bormanus, Borbanus, Boruoboendua, Vabusoa, Labbonus ou Borus, foi unha deidade da relixión celta asociada coa curación e coas fontes de auga.

Castro de San Cibrao de Las

O castro de San Cibrao de Las, tamén coñecido como A Ciudá, Lambrica, Lansbrica ou Lanobrica, é un dos castros galaicos en proceso de escavación de maior tamaño entre os localizados no territorio da actual Galicia, e un dos catro piares da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico. Do resultado dos estudos arqueolóxicos pódese definir un período de ocupación continuada desde o século II a.C. ata o século II d.C., e con posibles ocupacións esporádicas máis tardías.

A Cidade é o nome tradicional entre as xentes dos arredores. Os nomes de Lambrica, Lanobriga e Lansbrica proceden de diversas lecturas que foron feitas sobre unha ara romana dedicada ao deus galaico Bandua, existente nunha casa particular na veciña parroquia de Eiras.

Polo seu tamaño pode ser comparado co de Santa Trega e coas Citanias do norte de Portugal, poboamentos galaicos ou galaico-romanos da cultura castrexa que se caracterizan polo seu avanzado estado de romanización e as súas grandes dimensións. Entre os expoñentes máis significativos pódense citar a citania de Briteiros, o castro de Mozinho e o de Sanfíns.

Cosso

Cosso (ou Cosus; Cossue ou Cosei en dativo) é un deus guerreiro dos galaicos, que gozou dunha gran popularidade entre os galaicos lucenses. Foi un dos deuses máis venerados na antiga Gallaecia. Varios autores sinalan a que Cosso e Bandua sexan o mesmo deus, non obstante estarían baixo diferente denominación.

Endovelico

Endovelico, tamén chamado Endovélico, Enobólico, Endovelicus, Endovellicus ou Vaelico, é un dos deuses galaicos, lusitanos, vetóns e celtiberos prerromanos da Idade de Ferro. O seu nome é de orixe celta e significa 'deus moi bo'.

Deus da saúde, protector da terra e da natureza, e vinculado ás forestas, aparece asociado ós animais (de feito, outra proposta respecto á etimoloxía do seu nome é que procede de *uailo, 'lobo', co superlativo *andei-, aínda que tamén se lle fai orixinario de *uell, 'bo'). A consideración de Endovélico como céltico ou lusitano non céltico provoca controversia entre os investigadores, como a propia caracterización do pobo lusitano, xa que se venera tamén entre os vettons da provincia de Ávila (en Postoloboso, Candeleda) co nome de Vellicus ou Vaelicus. Logo foi adaptado polos propios romanos, que o asimilaron á Esculapio ou a Serapis pola súa vertente sandadora, que segundo o arqueólogo portugués Vasconcellos era unha característica parcial procedente do seu aspecto ctónico (deus do interior da terra, do subterráneo, do Inframundo, do Hades ou infernal). Este aspecto tamén o relaciona coas minas, sobre todo no santuario de Postoloboso, Ávila, xa que o mesmo santuario era un lugar de extracción de ferro. O monte era o seu lugar de culto, como numen locis ou espírito protector do lugar (similar ás ninfas grecorromanas), relacionándose cons outros numens e divindades ctónicas. Estes santuarios son de difícil acceso, talvez buscando o misticismo e recollemento do oculto entre a frondosidade dos montes e os bosques e dando maior énfase ó carácter sagrado destas divindades, cuxos fieis atoparían nunha especie de peregrinación iniciática moi propia das sociedades teocráticas.

En Rocha da Mina, San Miguel de Mota (Portugal) e nas Minas de Río Tinto (Huelva), debido á poboación lusitana que traballou naquelas minas imperiais. Estes reúnen as características doutros santuarios dedicados a deuses do mundo subterráneo como o santuario de Pánoias en Vila Real (Portugal) dedicado a Serapis e outros deuses e o de Isis en Belo Claudia, Cádiz .

Gall

Gall, segundo a mitoloxía galega, é un dos fillos de Brigo, o primeiro poboador de Galicia. O seu nome tería o significado de 'bravo', 'valente', cualidade dos callaici ou galaicos, habitantes da Gallaecia.

Gallaecia

A Gallaecia foi unha provincia romana do noroeste da Península Ibérica que abranguía o que hoxe é a comunidade autónoma de Galicia, o norte de Portugal e as provincias españolas de Asturias, León e Zamora. As súas capitais estaban en Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga).

Helenios

Os helenios foron unha tribo galaica, documentada por Plinio o Vello, a quen denomina heleni, e que darían o seu nome á cidade de Helenos, mencionada por Estrabón.

Museo Militar Rexional da Coruña

O Museo Militar Rexional da Coruña está dedicado á historia militar e a obxectos prerromanos -principalmente galaicos-, posúe unha gran colección de armas, uniformes, bandeiras, maquetas, mapas e material de interese.

Destaca a análise da batalla de Elviña, entre as tropas da coalición galego-inglesa e as francesas.

Navia (deusa)

Navia ou Nabia é unha das deidades galaicas máis testemuñadas, cunha vintena de epígrafes documentando o seu culto nunha área que inclúe a galaicos e lusitanos.

Orniacos

Os orniacos (latín: orniaci) eran un pobo astur da Gallaecia, pertencente ao convento xurídico asturicense, situados nos arredores do curso do seu río epónimo, o actual Duerna, é dicir, aproximadamente, na tamén chamada comarca de Valduerna, na provincia de León.

Sannoava

Sannoava foi unha divindade dos galaicos, vinculada a tradición céltica centro europea. É unha divindade asociada cunha fonte ou río.

Seurros

Os seurros (en latín: Seurri) eran unha tribo galaica prerromana pertencentes ó conventus lucensis.

Ocupaban desde as actuais terras de Taboada até a Fonsagrada, Baralla, O Cebreiro e pasando por Sarria. Limitaban ó norte con Caporos e ó sur con Lemavos, sendo as súas cidades máis importantes Talamina, Ocelum e Turriga.

Este populus foi identificado por Tolomeo. Non se deben confundir co populus galaico Seurbi pertencente ó conventus bracarensis.

Tiburos

Os tiburos ou tiburi eran un pobo astur da Gallaecia, que se identifican co topónimo actual de Trives, na que hoxe é provincia de Ourense.

Torque (colar)

Un torque é un colar ríxido de metal semicircular. Foi moi frecuente en Centroeuropa e na Europa atlántica, tamén en Galicia, sendo empregado principalmente polos pobos celtas. Na Galicia da Idade de Ferro foi un tradicional elemento de distinción social entre os galaicos, presentando grande similitude cos doutras áreas de Europa occidental ou central.

Ao longo de toda Europa, existe unha variada tipoloxía: macizos, ocos, con remates (periña, escocia, tronco de cono, campánula, cabeza de cravo...), con decoración, de ouro ou doutros metais. Da súa existencia despréndese unha importante xerarquización social e unha especialización artesá salientable.

Vilalba

Vilalba é un concello da provincia de Lugo, capital da comarca da Terra Chá. Segundo o IGE en 2015 tiña 14.645 habitantes, dos que máis dun terzo viven no núcleo urbano. O seu xentilicio é «vilalbés» ou tamén «chairego».

Vilalba é a vila principal da súa comarca e a cuarta na provincia, xusto despois de Viveiro. O concello posúe unha densidade de poboación de 38,64 hab./km², e unha superficie de 379 km², o que o converte no segundo maior dos concellos galegos en canto a superficie despois da Fonsagrada.

O concello de Vilalba atópase na metade norte da provincia de Lugo; limita polo norte cos concellos de Abadín, Muras e Xermade, polo sur, con Cospeito, Begonte e Guitiriz, polo leste, con Abadín e Cospeito e polo oeste, con Xermade e Guitiriz. A poboación de Vilalba distribúese nas 29 parroquias do concello, ademais do núcleo urbano da vila.

Vilalba (do latín Villam Albam, 'vila branca'), posúe un rico patrimonio arqueolóxico e cultural. O concello conserva un bo número de mostras de castros galaicos, entre os que destacan os castros de Gondaísque e Belesar. Dentro do seu patrimonio cultural destaca a Torre da homenaxe do desaparecido castelo de Vilalba, vencellada historicamente á casa dos Andrade, e convertida no século XX en parador de turismo.

Con respecto á industria, o concello caracterízase pola súa escasa industrialización, sendo as escasas industrias existentes derivadas do sector primario, é dicir a agroalimentaria, representada por unha empresa multinacional de produtos lácteos, e algunhas pequenas industrias de embutidos, xamóns e de elaboración do queixo D.O. de San Simón.

A gastronomía é un dos meirandes atractivos da vila na que hai que destacar o queixo de San Simón da Costa, o roscón de améndoas e os célebres capóns de Vilalba que se comercializan nunha feira anual, que ten lugar o 21 de decembro.

Ártabros

Os ártabros ou arrotrebas eran unha tribo de orixe celta asentada na Gallaecia lucense ó noroeste da península Ibérica. Eran os poboadores da zona que comprende a ría da Coruña e a ría de Ferrol ata a chegada de Xulio César no ano 62 a. C. Segundo o historiador Benito Vicetto o fundador dos ártabros sería Artai, o primoxénito de Breogán.Xunto cos célticos e os nerios parecen configurar un grupo diferenciado dentro do pobo dos galaicos. Viría en apoio desta hipótese a ausencia das habituais ofrendas aos deuses galaico-lusitanos, Bandua e Reue, en substitución de Cosso (divindade tamén presente en territorio dos ástures pero non na Bracarense e Lusitania). A súa diferenciación respecto de outros galaicos tamén é comentada por Estrabón:

Estrabón refírese aos célticos da Beturia, asentados no val do actual Guadiana, e aos túrdulos célticos da costa media de Portugal. Se desertaron tras cruzar o río Limia, despréndese que non atoparon nos brácaros e nos callaecos, as mesmas relacións de identidade que cos célticos do norte.

Pobos galaicos e ástures
Galaicos bracarenses
Galaicos lucenses
Ástures augustanos
Ástures transmontanos
Outros

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.