Gaita galega

A gaita galega é un instrumento de vento madeira propio de Galicia, norte de Portugal, occidente de Asturias e o Bierzo. É vista como un símbolo da música tradicional galega.

Gaita
GaitaGalega
Gaita fabricada por Xosé Manuel Seivane.
Información
Clasificaciónvento madeira
Instrumentos relacionados
  • Gaita das Highlands
    Gaita asturiana
  • Músicos notablesCarlos Núñez
    Cristina Pato
    Susana Seivane
    Xosé Manuel Budiño
    Gaiteiros em romaria galega
    Gaiteiros nunha romaría.

    Partes

    Corpus Ponteareas 01-45
    A gaita galega representada nas alfombras do Corpus de Ponteareas 2009.

    A gaita galega consta de:

    • un soprete, co que se introduce o aire no fol,
    • un punteiro, co que se pode tocar en "aberto", ou en "pechado",
    • un fol, onde se almacena o aire que fai que soe o instrumento,
    • un roncón, o tubo que se apoia sobre o ombro do gaiteiro, que soa na mesma nota que o son do punteiro na posición de re, pero dúas oitavas máis abaixo. Componse de tres pezas: a tercia, ou parte final, por onde sae o son que remata na copa, a segunda e a prima.
    • un ronquete ou ronqueta[Cómpre referencia], o tubo que se apoia sobre o antebrazo dereito do gaiteiro, que soa na mesma nota do roncón, pero unha oitava máis arriba que este e unha máis abaixo que a posición Re do punteiro. O ronquete está composto de dúas pezas respectivamente; copa e prima.
    • un ronquillo ou chión[Cómpre referencia], que sae do fol paralelo ao ronquete, que soa con igual nota que a posición Re do punteiro, unha oitava máis arriba que o ronquete e dúas máis arriba que o roncón. O ronquillo é dunha soa peza.

    O roncón, o ronquete e o ronquillo afínanse á nota do punteiro escorregando telescopicamente as súas partes compoñentes, de tal maneira que o tubo resultante é máis longo ou máis curto, adecuándose así á altura da nota emitida.

    As gaitas adórnanse con gravuras sobre a madeira, deseños sobre o fol, farrapos e borlas. As cores máis empregadas son o negro con verde e vermello. A gaita galega adoita ser construída con madeira de buxo, pau santo e granadillo. As buxas (os tubos que conectan as pezas) fixéronse tradicionalmente de corno ou madeira de buxo, mais os modelos en metal ou marfil (ou de imitación) son cada vez máis frecuentes. Na actualidade utilízanse foles de gore-tex, pallóns sintéticos, válvulas máis incrementadas, estabilizadores de bordóns e controladores de humidade interna da bolsa.

    Evolución

    Cantiga bagpipes 1
    Representación dunha gaita galega nas Cantigas de Santa María (século XIII)

    As primeiras representacións gráficas da gaita son de mediados do século XIII. Constaba entón de fol, punteiro e soprete, sen roncón. Coincidindo co desenvolvemento da polifonía, engadíronselle os bordóns e na segunda metade do XIII e no XIV aparece xa cun roncón, con dous ou mesmo sen ningún. Nun principio, este tiña forma abucinada e posteriormente tomou a forma de copa.

    Na segunda metade do século XIX introduciuse o ronquillo (tamén chamado chión) como apoio ao punteiro, colocado a carón deste. Ben entrado o século XX apareceu unha ronqueta, máis pequena que o segundo bordón dos séculos anteriores.

    Tipos de gaitas empregadas en Galicia

    Gaita tradicional: consta de fol, punteiro, roncón e soprete.

    Gaita con ronquete: engádeselle un ronquete pequeno frontal.

    Gaita con ronquete e chión: engádeselle un chión frontal.

    Gaita de barquín: gaita estendida na área do Baixo Miño a finais do século XIX e principios do XX na que, en vez de soprar, o aire insúflase cun barquín.

    Gaita de banda, marcial ou marciana: adaptación estética da gaita escocesa na que o ronquete e o chión colócanse á par do roncón. Adoita estar afinada en Si bemol.

    A existencia deste último tipo, introducida pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense a finais do século XX, provocou unha forte controversia cos gaiteiros "tradicionais".[1]

    Execución

    Gaiteiros
    Gaiteiros.

    Os gaiteiros insisten na dignidade do seu oficio, que se debe transmitir cunha postura correcta: a cabeza erguida, o fol ben situado baixo o brazo, o roncón nunca paralelo ao chan, o soprete ben colocado na boca e esta nunca inchada co aire que se ha de soprar.

    Para a gaita existen dous modos de dixitación:

    • "aberto": érguense os dedos até a nota que se desexa
    • "fechada": só se ergue o dedo do que se desexa facer a nota.

    Dado que o sopro de ar é continuo, para separar as notas do mesmo ton recórrese a dúas técnicas:

    • "picado": realízase un golpe seco e rápido cos dedos, normalmente superiores á nota que se quer repetir, separándoos dos buracos que tapan.
    • "batemento": golpéase cun ou varios dedos simultaneamente sobre os buracos abertos do punteiro.

    Non é habitual que un gaiteiro toque só. Normalmente reúnense dous ou tres, que se acompañan de percusión: bombo e redobrante, pandeiro, pandeiretas, cunchas etc. Ademais destes grupos de gaitas, nos anos noventa do século XX apareceron numerosas bandas de gaitas baseadas no modelo escocés.

    O mito celta

    Entre as hipóteses menos consideradas por historiadores serios está o famoso mito celta. Para moitas persoas, a gaita estaría asociada aos "pobos celtas", os cales terían creado e desenvolvido o instrumento. Moitas influencias modernas terían contribuído para esa crenza, como o movemento New Age e a ignorancia doutros modelos alén da gaita das Highlands.

    Notas

    1. "Susana Seivane se enfrenta a un concursante de «Luar» para defender la gaita gallega", en La Voz de Galicia, 17.12.2013

    Véxase tamén

    Bibliografía

    • Estévez Vila, Xaime (1987). A gaita no eido da música. auto-edición. ISBN 84-404-0315-1.
    • Losada Castro, Óscar (2000). Alento de gaita. O sopro dun pobo. Noia: Editorial Toxosoutos. ISBN 84-89129-05-3.
    • Novoa González, Mª del Carmen (1980). La gaita y la cornamusa en Galicia y Francia. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-021-3. (en castelán)
    • Foxo, Xosé Lois (2004). Os segredos da gaita. Ourense. Escola de Gaitas da Deputación de Ourense. ISBN 84-96011-86-0. (6ª edición)
    • Vaamonde Manteiga, Xesús (2000). Solo de Gaita. Vigo: Edicións do Cumio. ISBN 84-8289-105-7.
    • Xesteira Losada, Xaquín (2004). Método de Gaita Galega I. Vigo: Edicións do Cumio. ISBN 84-8289-358-7.
    • Xesteira Losada, Xaquín (2007). Método de Gaita Galega I. Vigo: Edicións do Cumio. ISBN 978-84-8289-359-4.
    • A serie Cadernos de Gaita Galega da editorial Dos Acordes.

    Ligazóns externas

    3 (álbum)

    3 (tamén chamado Milladoiro 3) é o terceiro álbum de estudio do grupo galego de música tradicional Milladoiro. Foi gravado entre o 20 de outubro e o 5 de novembro de 1982 nos estudios Audiofilm (Madrid) e publicado en 1982 polo selo CBS.

    Consta de 10 temas tradicionais galegos e 2 de composición propia. Supón a confirmación do estilo de Milladoiro e nel figuran moitos temas clave, que marcaron durante moito tempo o directo do grupo. Conta tamén cun tema no que Milladoiro emprega gaitas escocesas.

    Armando Rodríguez Ruidíaz

    Armando Rodríguez Ruidíaz, nado na Habana, Cuba, en 1951 é un compositor, profesor, guitarrista e gaiteiro cubano.

    Ateneo Ferrolán

    O Ateneo Ferrolán foi fundado en 1879, persistindo até o seu peche durante a ditadura franquista, e refundado en 1976.

    Desde entón converteuse nun punto de referencia e consulta dentro do mundo cultural de Ferrol e en xeral de Galicia. Organiza actividades culturais de diversos eidos (debates, cine, conferencias, mesas redondas, exposicións, concertos...), acadando unha gran capacidade de convocatoria, sendo unha entidade que ofrece o seu espazo ás diversas entidades e asociacións que queiran dispoñer das súas instalacións.

    O ateneo, como entidade sen fin de lucro, ocupa un dos primeiros lugares como dinamizador da cultura en Ferrol, desenvolvendo as súas actividades a través das Vocalías de Música, Cine, Teatro, Ciencias e Humanidades, Artes Plásticas, Ambiente, Muller, Arqueoloxía, Xuventude, Publicacións..., tentando dar resposta cultural ás necesidades da cidade e da comarca de Ferrol. As súas actividades desenvólvense en función dunha demanda social concreta ó servizo da cal orientamos os seus esforzos.

    Polas características propias de promoción e defensa da cultura galega, tódalas súas manifestacións, ben orais ou escritas, realízanse dun xeito único en lingua galega, o mesmo que toda a súa administración está elaborada, de sempre, en galego.

    Todo este esforzo cultural e os seus fins, non lucrativos, fan que as súas programacións sexan na súa maior parte abertas ó público e de xeito gratuíto, cun gran contido e interese social, polo cal teñen unha grande aceptación cidadán.

    A sede está situada nun edificio histórico do século XVIII, restaurado polos arquitectos Alfredo Alcalá e Francisco Iglesias, enclavado no tamén histórico barrio da Magdalena, preto do Mercado Central.

    Na planta baixa sitúase o Salón de Actos con capacidade para 100 persoas. Na primeira planta está a Secretaría, sala de xuntas, sala exposicións, sala de socios e cafetería. Na segunda planta está a sala de exposicións, e na terceira planta está a Biblioteca e a única hemeroteca da comarca, que conta con prensa diaria local e estatal.

    Dende hai anos lévanse facendo actividades permanentes, algunhas incluso de renome internacional:

    Certame Atenea de Teatro Infantil e Xuvenil.

    Certame Fotográfico sobre o Ambiente.

    Concurso Internacional de Gaita Galega Constantino Bellón.

    Xornadas da Gaita.

    Xornadas de Curtametraxes.Tamén se fan outras estables como:

    Publicación da revista trimestral Atenea.

    Publicación anual do Caderno, orientado fundamentalmente á recuperación histórica do patrimonio cultural de Ferrolterra.

    Edición do CD das finais do Concurso de Gaita Galega Constantino Bellón.

    Cine, excursións e exposicións.E a posibilidade, segundo coñecen asociacións culturais, A.VV., partidos políticos ou entidades, de facer calquera outro acto que se propoña, posto que o Ateneo é unha entidade sen ánimo de lucro aberta a calquera iniciativa.

    Buxo

    Os buxos son arbustos do xénero Buxus de follas perennes, da familia das Buxáceas, que pode atinxir unha altura ata de 5 ou 6 metros. Son plantas de crecemento ás veces moi lento, que pode vivir varios séculos. A especie que abunda en Galiza é o buxo común.

    Carlos Núñez

    Carlos Núñez Muñoz, nado en Vigo o 16 de xullo de 1971, é un músico galego recoñecido como intérprete de gaita galega, frauta galega, ocarina, frauta irlandesa, whistle e low whistle.

    Francisco Paradela Rodríguez

    Francisco Paradela Rodríguez, nado en Elviña (A Coruña) o 3 de setembro de 1909 e finado o 31 de outubro de 2009, foi un gaiteiro galego, tamén coñecido como Farruco ou Paco Paradela, considerado un dos intérpretes máis importantes do instrumento en Galicia durante o século XX.

    Chegou ser, xunto con Emilio Corral, un dos máis veteranos de tódolos tempos en Galicia. É o autor de temas hoxe considerados clásicos no repertorio da gaita galega, como a "Jota de Montrove", "A Carballesa", a "Foliada de Elviña" e outros.

    Gaita

    Este artigo trata sobre o instrumento en xeral, para a versión galega véxase o artigo: Gaita galega.

    A gaita é un instrumento musical de vento que na súa forma máis simple consiste nunha bolsa de coiro (fol), no que se almacena o ar que fai que soe o instrumento, ao que se ligan varios tubos, un polo que se sopra (soprete) e un ou varios tubos sonoros, como o tubo melódico (punteiro) e as varas, que varían entre cero e tres (na gaita galega denomínase roncón).

    Gaita asturiana

    A gaita asturiana é un instrumento de vento gaita tradicional de Asturias de lingüeta dobre.

    Henrique Otero

    Henrique Otero Covelo, máis coñecido coma O Gaiteiro de Fragoso, nado en Lavadores, Vigo, en 1930 e falecido en Vigo o 18 de abril de 2013, é un gaiteiro e mestre de gaita galega.

    Música tradicional galega

    A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás etc), instrumentos (gaita galega e pandeireta, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.

    Os Cangrexeiros

    Os Cangrexeiros é unha formación musical, da parroquia de Taragoña (Rianxo), encadrada dentro do xénero tradicional da música galega. Os membros do grupo, da propia parroquia, son ex-compoñentes da Banda de Gaitas Buxaina de Taragoña.

    Os instrumentos que empregan son: Gaita galega, caixa (instrumento musical), e bombo como partes fundamentais da agrupación; podendo incrementarse o número de instrumentos con: pandeireta, multigüiro, violín, guitarra eléctrica e acústica, claves, charrasco, culleres, saxofón, trompeta, clarinete e acordeón.

    Palleta

    Unha palleta é unha lámina ou láminas situadas na embocadura de certos instrumentos de vento, cuxa vibración permite a emisión do son a través do aire producido polo intérprete.

    As palletas están fabricadas con cana, madeira ou metal e existen modalidades que varían segundo o tipo de instrumento.

    Punteiro

    Na gaita, o punteiro é o tubo sonoro onde se executa a melodía. As dimensións varían segundo a súa tonalidade: máis longo para tonalidades graves e máis curto para tonalidades agudas. Conta cun número distinto de furados dependendo do tipo de gaita: na gaita galega son oito furados melódicos e tres "ouvidos" sonoros. Sete dos primeiros están por diante e un por detrás; neste vai o dedo polegar da man esquerda e nos de diante os dedos da man esquerda e, máis abaixo, os da dereita. O polegar da man dereita serve de apoio e non se utiliza o meimiño da man esquerda. Os ouvidos melloran o timbre do ponteiro e a estabilidade da súa afinación.

    Certas gaitas, como a de Northumbria ou a Uillleann, utilizan teclas para incrementar o rango sonoro. Tamén se probou a introducilas na gaita galega, pero sen éxito.

    Na gaita galega, o anaco cimeiro que se introduce na buxa da gaita denomínase espigo e a parte máis grosa superior cimela. Os punteiros poden ser cónicos (como na gaita galega ou na das Highlands) ou cilíndricos (como na de Northumbria ou na gaida búlgara). No interior levan unha palleta, que produce a vibración no ar que se insufla.

    Os punteiros son unha das partes máis delicadas da gaita e hainos que coidar especialmente, tentanto que non estean demasiado húmidos nin se expoñan demasiado ao sol; tamén hai que ter coidado ao desmontalos da gaita.

    Para aprender a tocar a gaita é habitual que se comece cun punteiro de prácticas, semellante ao punteiro da gaita pero coa palleta protexida.

    Ricardo Portela

    Ricardo Emilio Avelino Portela Bouzas, máis coñecido como Ricardo Portela, nado en Viascón o 4 de novembro de 1920 e falecido o 24 de marzo de 1992, foi un gaiteiro galego.

    Ronquillo

    O ronquillo, chión ou pión é un tubo sonoro que se pode atopar na gaita galega e que emite un son constante ou nota pedal. Serve para dar a dominante da escala en que está afinado o punteiro (Sol, para un punteiro en Do, por exemplo). Foi introducido na segunda metade do século XIX e é exclusivo das gaitas galegas.

    O ronquillo consta de dúas partes: a prima e a copa. Pode levar un pallón (como o roncón), e nese caso emite un son constante á altura da tónica do punteiro; se se emprega unha palleta (como o punteiro), emitirá unha quinta sobre a tónica do punteiro. O furado interior ten forma cónica, aínda que ultimamente estanse a fabricar cilíndricos cun pallón pequeno.

    É posíbel ver gaitas con ronco e ronquillo, sen ronqueta, pero esta peza non ten moi estendido o seu uso debido á dificultade de tirarlle rendemento a pesar das súas posibilidades harmónicas. De feito, hai artesáns que non a fabrican.

    O ronquillo desempeñou tradicionalmente a función de pedal continuo sobre a dominante da escala do punteiro, pero hoxe en día téndese a desfigurar e faise soar na mesma nota da tónica do punteiro, pero unha oitava máis aguda.

    Tudel

    O tudel, ferrete ou courel é unha das partes da palleta da gaita galega.

    Xorima (grupo musical)

    Xorima foi un grupo de folk galego, fundado en Vilalba na década de 1980.

    Zapón

    O zapón é un mecanismo do soprete da gaita galega que consiste nunha lingüeta feita tradicionalmente de coiro que permite soprar o aire dentro do fol da gaita e impide que volva saír, facendo as funcións de válvula que funciona coa presión do aire exercida polo brazo ao apertar o fol.

    Outras linguas

    This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
    Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
    Images, videos and audio are available under their respective licenses.