Fungo

A palabra fungo pode ter variadas acepcións:

  • En bioloxía un fungo é un ser vivo pertencente ao reino Fungi (en latín 'fungos'), do que se ocupa a Micoloxía.
  • O Sombreiro fungo é un sombreiro de copa baixa, con aba redonda e estreita.
  • A nube de fungo é unha nube con forma de fungo de fume, lapas ou entullos que se xera a causa dunha grande explosión. Asociados normalmente coas explosións nucleares chámaselles fungos nucleares.
Bóla de neve

Este artigo trata sobre un fungo, para o arbusto "Viburnum opulus" véxase o artigo: Flor do mundo.

A bóla de neve Agaricus arvensis, é unha especie de fungo comestíbel, basidiomicetos da familia Agaricaceae.

Carallán

O carallán (Phallus impudicus) é un fungo moi común en Europa e América do Norte, recoñecible de forma doada cando está maduro polo seu mal cheiro e a súa forma fálica. Adoita habitar en chans ricos en restos vexetais, como bosques e xardíns con abundante vexetación. Aparece desde o verán até o final do outono. O corpo frutífero é longo e branco, cunha cabeza cónica, de tacto viscoso de cor verde escuro. Malia o seu mal cheiro, este fungo non é velenoso e na súa etapa xuvenil é consumido nalgúns lugares de Francia e Alemaña.

Champiñón

Os champiñóns (do francés champignon, procedente do latín vulgar campiniolus, derivado de campania ‘do campo’) chamados formalmente agáricos e tamén chamados cogordas son fungos do xénero Agaricus. O máis coñecido é o champiñón común Agaricus bisporus.

Trátase dun cogomelo de cor branca, co sombreiro redondo, que cando chega á súa madurez esténdese, pero sempre co bordo cara a dentro. As láminas son brancas en principio, pasando a rosadas e despois marróns. É comestíbel, e se ten as láminas de cor marrón, é mellor quitarllas.

Cornizó

O cornizó (Claviceps purpurea) é un fungo do grupo dos ascomicetos que parasita diversos cereais, especialmente o centeo. Aparece adherido ás espigas coa forma dunha excrecencia alongada de 1 a 5 cm e de cor negra ou púrpura, unha ou dúas por espiga infectada. Tamén recibe os nomes de caruncho, cornecello, cornello, cornicelo, cornilló, cornizolo, dente de can, dentón, gornicelo ou gran de corvo . A denominación caruncho dáselle tamén a outro fungo distinto, que ataca o millo, o Ustilago zeae.O fungo segrega diversas substancias bioquímicas, das que caben destacar o ácido lisérxico e os seus alcaloides derivados: ergotamina, ergocristina, ergocriptina e ergometrina, de acción farmacolóxica diversa e combinada (vasoconstritora, psicoactiva etc.).

Fungato

O Lycoperdon perlatum é un cogomelo coñecido como fungato e tamén chamado fungón, fungo de sapo, bufo de vella. É un tipo de cogomelo dos chamados peidos de lobo, fungos da familia das licoperdáceas de corpo frucífero globoso, abrancazados por fóra ao principio cheos dunha gleba branca, maciza (comestíbel) que ao madurar se transforma nun po pardo formado polas esporas

Fungo (bioloxía)

Os fungos (Fungi) son un vasto grupo de organismos heterotróficos clasificados como un reino pertencente ao Dominio Eukaryota. Están incluídos neste grupo organismos de dimensións considerables, como os cogomelos, mais tamén moitas formas microscópicas, como mofos e lévedos. Foron xa descritas preto de 70.000 especies, mais talvez existan até 1,5 millóns de especies, sendo que a maioría aínda está a ser identificada e descrita polos micólogos (Hawksworth, 1991; Hawksworth et al., 1995).

O Reino Fungi sufriu mudanzas substanciais no arranxo dos seus filos nas últimas décadas, especialmente a partir do momento no que as técnicas para comparar características bioquímicas (tales como o ARN ribosómico e o ADN) fóronse tornando máis sofisticadas. A filoxenia presentada aquí segue a de Bruns et al. (1991, 1993) para os Eumycota (fungos certos) e recoñece catro divisións: os Chytridiomycota, Zygomycota, Ascomycota e Basidiomycota.

Os fungos existen en todos os ambientes do planeta e inclúen importantes decompositores e parasitos. Fungos parasitos infectan animais, incluíndo humanos, outros mamíferos, paxaros e insectos, con resultados desde unha suave infección até a morte. Outros fungos parasitos infectan plantas, causando doenzas como o apodrecemento de troncos e aumentando o risco de caída das árbores. A gran maioría das plantas vasculares teñen asociacións simbióticas con fungos, a nivel da raíz, ao que se dá o nome de micorrizas. Esta asociación axuda as raíces na absorción de auga e nutrientes.

Algúns fungos, tales como o Shiitake, Porto Bello, Champiñón, Maitake, son empregados como alimento; outros son extremadamente velenosos.

Fungo dos lameiros

O fungo dos lameiros, de nome científico Agaricus campestris (L.) Fr., é unha especie da familia dos Agaricaceae.

Himenio

O himenio é unha camada de tecido do himenóforo do corpo frutífero dun fungo, onde as células se desenvolven en basidios e ascos produtores esporas. O himenio é a parte fértil do basidiocarpo dos basidiomicetos e dos ascocarpos dos ascomicetos, formada polos basidios ou ascos dependendo da clase do fungo e, cando existen, polos filamentos estériles que os ligan ao basidiocarpo ou ao ascocarpo (estes filamentos chámanse cistidios nos basidiomicetos). Acotío os cistidios son importantes para a identificación microscópica.

Nalgunhas especies, todas as células do himenio desenvólvense en basidios ou ascos, mentres noutras células desenvólvense en células estériles chamadas cistidios (basidiomicetos) ou paráfises (ascomicetos). Os cistidios son moitas veces importantes na identificación microscópica. O subhimenio consiste en hifas de soporte a partir das cales se desenvolven as células do himenio, e baixo o cal se sitúa a trama, as hifas que constitúen a masa do himenóforo.

A posición do himenio é tradicionalmente a primeira característica usada na clasificación e identificación de cogomelos. Abaixo atópanse algúns exemplos de diversos tipos que aparecen nos Basidiomycota e Ascomycota macroscópicos.

Nos agáricos o himenio sitúase nas faces verticais das lamelas.

Nos boletos atópase nunha masa esponxosa de tubos que apuntan para baixo.

Nos peidos de lobo é interno.

Nos da familia Pezizaceae, atópanse na superficie cóncava da cunca.

Nos do xénero Hydnum, medra na banda externa das espiñas con forma de dentes.

Lamela (micoloxía)

En micoloxía, as lamelas, (do latín lamella), son as estruturas laminares existentes baixo o chapeu dalgúns cogomelos, cuxa función é actuar como himenóforos no corpo frutífero do fungo. Ë a estrutura máis frecuente, mais non exclusiva, nos agáricos (cogorda). Conforme se van estudado con máis detalle, téñense descuberto máis especies de fungos que exhiben himenios a xeito de láminas, ao tempo que se olla que non todos os membros da orde Agaricales as levan. Non está claro se este é un caso de evolución converxente (é dicir, se as estruturas con láminas evoluíron afastadas) ou conxunta.

Outros grupos de cogomelos con lamelas son:

Xéneros Russula e Lactarius da orde Russulales.

Varios xéneros na orde Boletales, incluíndo Paxillus, Gomphidius Chroogomphus, Tapinella atrotomentosa, Hygrophoropsis aurantiaca.

Lique

Os liques son seres vivos moi simples que se desenvolven como láminas ou placas de varias cores na superficie de árbores ou de pedras, expostas á humidade e ao sol. Son xeralmente estudados polos botánicos, a pesar de non seren verdadeiras plantas. Os liques son unha simbiose: un organismo formado por un fungo (o micobionte) e unha alga ou cianobacteria (o fotobionte). Algúns taxonomistas colocan os liques na súa propia división (Mycophycophyta), mais isto ignora o feito de que os compoñentes pertencen a liñaxes separadas.

A verdadeira natureza desta simbiose é aínda tema de debate polos científicos. Algúns afirman que o fungo é un parasito do fotobionte; no entanto, en moitos casos, a alga soa non sobrevive no hábitat ocupado, nin tampouco o fungo illado e, polo tanto, non é realista usar o termo parasita.

O microbionte dos liques pertence, na súa maioría, á clase ascomicetos (por riba do 95%), sendo os restantes Basidiomycetes. Cada especie de lique ten unha especie diferente de fungo e é con base nesa especie que os liques son clasificados. A clasificación baséase, en xeral, nas características do talo e órganos reprodutivos. Están descritas entre 13.500 e 17.000 especies de liques, de acordo con diferentes sistemas de clasificación. Cerca do 20% das especies de fungos coñecidas pertencen a liques.

Os fotobiontes son moito menos numerosos cós micobiontes, ou sexa, a mesma especie de alga pode formar parte de varios liques diferentes. Moitas especies de alga, se non todas, poden existir illadamente nalgúns hábitats, mais cando forman parte dun lique, presentan unha distribución moito maior.

Madeira

Para outros significados, consultar o arquipélago de Madeira ou Madeira (homónimos).

A madeira é un material sólido, orgánico, higroscópico (absorbe auga) e ortotrópico (crecemento diferente nas dimensións espaciais) obtido orixinalmente do tronco das plantas leñosas, especialmente das árbores, mais tamén dos arbustos. Esas plantas perennes caracterízanse polos caules, que crecen en diámetro ano tras ano, e tamén están compostas por celulosa, hemicelulosa e lignina entre os seus tecidos. As plantas que non producen madeira chámanse herbáceas; ese grupo de plantas inclúe todas as plantas anuais, moitas plantas perennes e tamén a maioría das plantas acuáticas.

Como partes da sección transversal dun toro de madeira, ademais do miolo (nervio ou eixo central), temos o cerne, parte da madeira máis dura, densa e de máis calidade como material, e o sámago mol e lixeiro.

Sendo un material naturalmente resistente e relativamente lixeiro, é frecuentemente utilizado para fins estruturais e de sustentación de construcións.

Pola súa dispoñibilidade e características, a madeira foi un dos primeiros materiais en ser utilizados pola humanidade, mantendo, a pesar da existencia dos materiais sintéticos, unha inmensidade de usos directos e servindo de materia prima para múltiplos outros produtos. É tamén unha importante fonte de enerxía, sendo utilizada como leña para cociñar e outros usos domésticos nunha parte importante do mundo.

Utilízase para a produción de polpa de celulosa, que se emprega na industria papeleira e nalgunhas industrias químicas nas cales é utilizada como fonte de diversos compostos orgánicos. A súa utilización na ebanistería para a fabricación de mobles é unha das máis expandidas, o mesmo que a súa utilización na carpintaría para construción de diversas estruturas, como navíos. A madeira é un material utilizado na arquitectura e enxeñaría civil. A explotación descontrolada de madeira en forestas naturais é unha das principais causas de deforestación e de perda de hábitat para múltiplas especies, ameazando a biodiversidade da Terra.

Micorriza

A palabra micorriza, de orixe grega, define a simbiose entre un fungo (mycos) e as raíces (rhizos) dunha planta. Como noutras relacións simbióticas, ambos os participantes obteñen beneficios. Neste caso a planta recibe do fungo principalmente nutrientes minerais e auga, e o fungo obtén da planta hidratos de carbono e vitaminas que el por si é incapaz de sintetizar mentres que ela pódeo facer grazas á fotosíntese e outras reaccións internas.

Moitas plantas presentan micorrizas para aumentar a absorción de auga e sales minerais do chan. As micorrizas son a asociación entre raíces dunha planta e o micelio dun fungo, de forma que toda a extensión do micelio participa na absorción de nutrientes para a planta.

Na Natureza esta simbiose prodúcese espontáneamente. Estímase que entre o 90 e o 95% das plantas superiores presentan micorrizas de forma habitual.

É posible que un mesmo fungo forme a micorriza con máis dunha planta á vez, establecéndose deste xeito unha conexión entre plantas distintas; isto facilita a existencia de plantas parasitas (algunhas das cales nin sequera realizan a fotosíntese, como as do xénero Monotropa), que extraen todo o que necesitan do fungo micobionte e as outras plantas coas que este tamén establece simbioses. Así mesmo, varios fungos (en ocasións de especies diferentes) poden micorrizar unha mesma planta ao mesmo tempo.

Mofo

O mofo ou balor é un fungo filamentoso que medra sobre a materia orgánica, tanto ao aire libre como en interiores. Existen moitas especies de fungos; estímase que pode haber decenas de miles, quizais máis de trescentas mil[Cómpre referencia].

Níscaro

O níscaro, lactouro ou fungo da muña

(Lactarius deliciosus), é un fungo basidiomiceto comestíbel, da familia Russulaceae. É moi común na Península Ibérica, tamén en Galiza e medra en piñeirais e fragas. O seu cogomelo, ou corpo frutífero, abrolla polo outono, e é moi apreciado en gastronomía. O basónimo desta especie é Agaricus deliciosus L. 1753. O epíteto específico, deliciosus, significa "delicioso".

Os cogomelos na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada dos diferentes tipos de cogomelos na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Oídio

Oídio, é o nome dun fungo do filo dos ascomicetos, do que existen varias especies que poden ser parasitos da vide e outras plantas, sobre as que provocan unha enfermidade que as cobre dunha camada pulverulenta e cinsenta abrancazada de micelio en forma de estrela principalmente na parte axial. Os talos tamén poden verse afectados. Nun ataque forte as follas tórnanse amarelas e despois muchan.

Pleuroto

O pleuroto ou cogomelo ostra (Pleurotus ostreatus) é un fungo comestíbel, estreitamente emparentado co cogomelo de cardo (Pleurotus eryngii), que se consome amplamente polo seu sabor e a facilidade da súa identificación.

É un fungo bastante común en Galiza, e adoita comercializarse para a súa venda, de feito é o cogomelo máis cultivado. Inicialmente foi cultivado en Alemaña como medida de subsistencia, durante a Primeira Guerra Mundial.

Píleo (micoloxía)

En micoloxía, o píleo (do latín pileus, 'sombreiro'), tamén chamado chapeu ou sombreiro é o nome técnico que se lle dá ao sombreiro dos cogomelos, un basidiocarpo ou un ascocarpo (corpo frutífero) do fungo, que sustenta unha superfície onde se aloxan as esporas, o himenio.O himenio ou himenóforo pode estar formado por lamelas, tubos ou "dentes", na cara inferior do píleo.

O píleo é caraterístico dos agáricos, boletos, algúns poliporos e algúns ascomicetos.

Veo universal

En micoloxía, o veo universal é unha estrutura que envolve todas ou a meirande parte das lamelas do fungo. Por exemplo, no caso do agárico Agaricus bisporus, cando o fungo aínda está inmaturo, momento no que podería parecer un fungato, está protexido por esta estrutura con forma de ovo. O veo finalmente crebará e espallará polo fungo crecente, mais xeralmente deixa evidencias da súa forma con algúns restos como a volva, unha estrutura con forma de cunca na base do estipe, así como restos sobre o chapeu ou píleo. Esta característica é moi importante dende o punto de vista da identificación de cogomelos bravos, por mor a que é doada de ollar. Dende o punto de vista taxonómico tamén é relevante, xa que case sempre que aparece, significa que o fungo pertence á familia das Amanitaceae. Isto ten especial importancia por mor do elevado número de especies velenosas que pertencen a esta familia.

Volva

En micoloxía, a volva é unha membrana que envolve algúns fungos na primeira etapa do seu desenvolvemento e que, ao maduraren o aparato esporífero, creba e forma unha especie de saqueta de onde sae o pé. Esta estrutura ten forma de cunca e atópase na base dos corpos frutíferos dalgúns fungos. Procede dos restos da estrutura da que provén o veo universal. Esta característica é moi importante dende o punto de vista da identificación de cogomelos bravos, por mor de que é doada de ollar.

Dende o punto de vista taxonómico tamén é relevante, xa que case sempre que aparece, significa que o fungo pertence á familia das Amanitaceae. Isto ten tamén especial importancia debido ao elevado número de especies velenosas que pertencen a esta familia.

A volva preséntase a miúdo de xeito parcial, ou completamente soterrada no chan, e por isto, cómpre comprobar a súa presenza ou ausencia co fin de identificar o cogomelo. Intentar identificar o fungo unha vez se apañe do chan, sen saber se tiña ou non volva, pode levar a un erro fatal.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.