Fumaces e A Trepa (homónimos)

O topónimo Fumaces e A Trepa pode referirse a:

Fumaces e A Trepa

Santa María de Fumaces e A Trepa foi unha parroquia eclesiástica galega do arciprestado de Verín, na diocese de Ourense, que tiña as súas terras e os seus lugares repartidos entre dous concellos, o de Riós e o de Vilardevós.

Dos lugares que formaban a parroquia, as aldeas de Fumaces, San Cristovo e A Trepa pertencen ao concello de Riós, e a de Feilas ao concello de Vilardevós.

Na Trepa celébrase a romaría máis importante do concello e ata da comarca de Verín. Celebrase o 15 de setembro na honra da Nosa Señora das Dores. En 1777 Pedro González de Ulloa fai mención dela, así como da igrexa construída a carón do antigo Camiño Real, a actual estrada N-525.

Fumaces e A Trepa, Riós

Santa María de Fumaces e A Trepa é unha parroquia do concello de Riós na comarca de Verín da provincia de Ourense. Segundo o IGE en 2014 tiña 248 habitantes (115 homes e 133 mulleres) distribuídos en 3 entidades de poboación.

Ata 1951 formou parte da parroquia eclesiástica de Fumaces e A Trepa que estaba formada polos 3 lugares desta parroquia civil, máis o único lugar da parroquia homónima do concello de Vilardevós. Desde ese ano, a parroquia eclesiástica de Fumaces e A Trepa desdobrouse en dúas: a de Fumaces, formada co lugar homónimo; e a da Trepa, formada cos outros tres lugares da antiga parroquia eclesiástica.

Fumaces e A Trepa, Vilardevós

Santa María de Fumaces e A Trepa é unha parroquia do concello de Vilardevós na comarca de Verín da provincia de Ourense. Segundo o IGE en 2014 tiña 44 habitantes (23 homes e 21 mulleres) distribuídos nunha única entidade de poboación.

Formaba parte da parroquia eclesiástica de Fumaces e A Trepa que estaba formada polo lugar desta parroquia civil, máis os tres lugares da parroquia homónima do concello de Riós. Desde 1951 pertence á parroquia eclesiástica da Trepa, resultado da división da anterior parroquia eclesiástica en dúas.

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.