Frecuencia

Frecuencia é un termo empregado nas matemáticas e na física para indicar a velocidade de repetición de calquera fenómeno periódico. Defínese como o número de veces que se repite un fenómeno na unidade de tempo.

A unidade de medida da frecuencia é o hertz (Hz), onde 1 Hz é un suceso que ten lugar unha vez por segundo. Esta unidade era orixinariamente «ciclo por segundo» (cps), hai outras unidades para indicar a frecuencia de revolucións por minuto (rpm), ou para indicar as pulsacións do corazón e o tempo musical, os «pulsos por minuto» (bpm, do inglés beats per minute).

Sine waves different frequencies
Cinco ondas sinusoidais con diferentes frecuencias (a azul é a de maior frecuencia). Repare que a lonxitude da onda é inversamente proporcional á frecuencia.
Wave frequency
Cambios de frecuencia de onda.

Definicións

FrequencyAnimation
Tres luces flutuando ciclicamente, con frecuencias (f) de 0,5 Hz (arriba), 1 Hz (centro) e 2 Hz (abaixo). O período (T), mostrado en segundos é o recíproco da frecuencia

Para procesos cíclicos como a rotación, as oscilacións ou as ondas, a frecuencia defínese como o número de ciclos por unidade de tempo. En disciplinas da física e a enxeñaría como a óptica, a acústica ou a radio, adoita denotarse a frecuencia coa letra latina f ou a grega ou ν (ni). A relación entre a frecuencia e o período dun suceso que se repite ou dunha oscilación vén dada por

Unidades

A unidade derivada do Sistema Internacional para a frecuencia é o hertz (Hz), que recibe o seu nome polo físico alemán Heinrich Hertz; un hertz significa que o suceso se repite unha vez cada segundo. Previamente a unidade denominouse ciclo por segundo (cps).

A unidade tradicional da medida empregada para a rotación en aparellos mecánicos é revolucións por minuto, que se abrevia r/min ou rpm. 60 rpm equivale a un hertz.[1]

Frecuencias de ondas

A frecuencia dunha onda é a cantidade de veces que alcanza a súa amplitude máxima (ou mínima) polo tempo transcorrido, que garda unha relación inversa co concepto de lonxitude de onda, a maior frecuencia, menor lonxitude de onda e viceversa. A frecuencia f é igual á velocidade v da onda, dividida pola lonxitude de onda λ (lambda):

Período e frecuencia

Por unha cuestión de conveniencia, as ondas máis longas e lentas, como as ondas do mar, tenden a ser descritas a partir do período no canto da frecuencia. Pola contra, as ondas máis curtas, como as sonoras ou as de radio (o espectro radioeléctrico), adoitan ser descritas baseándose na súa frecuencia. Estas convencións móstranse na seguinte táboa:

Frecuencia (hertz) 1 mHz (10-3) 1 Hz (100) 1 kHz (103) 1 MHz (106) 1 GHz (109) 1 THz (1012)
Período (segundo) 1 ks (103) 1 s (100) 1 ms (10-3) 1 µs (10-6) 1 ns (10-9) 1 ps (10-12)

Frecuencia de mostraxe

Artigo principal: Frecuencia de mostraxe.
Sampled signal
Mostraxe dun sinal analóxico.

A frecuencia de mostraxe é un dos parámetros básicos que caracterizan o proceso de conversión analóxico-dixital nos sistemas electrónicos de procesamiento de información. Nun sistema electrónico, a información ten que ser codificada nun sinal eléctrico que varía a súa voltaxe co tempo. Falamos de sinal analóxico se varía continuamente no tempo, e de sinal dixital se só presenta un número finito de valores discretos ó longo do tempo. O proceso de mostraxe consiste a converter un sinal analóxico nun sinal dixital medindo e gravando, en momentos específicos do tempo (instantes de mostra), o valor instantáneo do sinal analóxico. A secuencia destes valores, as mostras tomadas, é o sinal dixital. O dispositivo que realiza a conversión de analóxico a dixital do sinal é un conversor analóxico-dixital. A frecuencia de mostraxe é o número de mostras gravadas nun segundo: o Teorema de mostraxe de Nyquist-Shannon, establece que, para que poidamos reconstruír o sinal analóxico a partir das mostras, fai falta que a frecuencia de mostraxe sexa como mínimo o dobre da frecuencia máis alta do sinal analóxico que se tenta dixitalizar:.

Frecuencia angular

Artigo principal: Frecuencia angular.

En electrodinámica clásica, na física teórica e nalgunhas aplicacións é conveniente utilizar un concepto adicional, a frecuencia angular. É unha cantidade física escalar que mide a frecuencia do movemento de vibración ou rotación. No caso do movemento de rotación, a frecuencia angular é igual ó módulo da velocidade angular. No SI e no CGS, mídese en radiáns por segundo, e a súa magnitude é a do inverso do tempo (os radiáns son adimensionais). A relación entre a frecuencia angular ω e a frecuencia f é: ω = 2πf.

No caso de que midamos os ángulos en graos, a relación é ω = 360°·f.

Numericamente, a frecuencia angular representa o número de ciclos (ou vibracións, ou rotacións) por cada 2π segundos. A introdución do concepto de frecuencia angular (na súa dimensión básica, radiáns por segundo) permite simplificar moitas das fórmulas da física teórica e a electrónica. Así, a frecuencia angular da resonancia dun circuíto LC é , mentres que a frecuencia ordinaria de resonancia é . O aspecto a favor da frecuencia angular é que os factores 2π e 1 / (2π), que aparecen en moitas das fórmulas (cando se utilizan os radiáns como unidade de medida de ángulos), desaparecen coa introdución da frecuencia angular.

Frecuencia na música

En música, os sons audibles caracterízanse por unha cantidade fisiolóxica: a altura, que é, sinxelamente, a frecuencia fundamental do son correspondente. A altura tamén se expresa en hertzs (Hz). O espectro de frecuencias audibles polo oído humano esténdese desde os 20 Hz aos 20000 Hz aproximadamente.

Por convención, escolleuse a frecuencia de 440 Hz como a frecuencia de referencia para afinar os instrumentos musicais. O motivo é que esta é a frecuencia da nota La3: a nota musical "La" na terceira oitava.

Desde o punto de vista matemático, é posible realizar varios cálculos entre as notas musicais e as súas frecuencias. Se duplicamos unha frecuencia obtemos unha oitava, mentres que se sumamos unha frecuencia e a da súa oitava inferior obtemos unha quinta. Entón, a suma de dúas oitavas inferiores dános unha terceira maior. Por exemplo:

Frecuencia Nota Intervalo Cálculo
110 La1 Oitava 440/4
220 La2 Oitava 440/2
440 La3 Oitava (referencia)
550 Do# Terceira Maior 440 + 110
660 Mi Quinta xusta 440 + 220
990 Si Quinta xusta (Mi-Si) 660 + 330

Aínda así, temos que considerar que estes intervalos son puros e non temperados.

Frecuencia en matemáticas

En teoría da probabilidade

No marco da teoría da probabilidade a frecuencia relativa dun acontecemento é un dos conceptos fundamentais, xunto coa probabilidade real. Terminoloxicamente defínese como a relación entre o número de mostras que cumpren un certo acontecemento, respecto ó número total de mostras realizadas. A frecuencia relativa do acontecemento pode ser calculada só despois da mostraxe. A frecuencia relativa caracterízase pola estabilidade: de acordo cos resultados das observacións, para un número bastante grande de experimentos levados a cabo en condicións idénticas, o indicador non cambia e flutúa ó redor dunha certa constante.[2]

En estatística matemática

Artigo principal: Frecuencia (estatística).
Ej frecuencia estadistica
Exemplo: variables de A nunha mostra estatística dun conxunto B de dimensión 50 (N).

En estatística pódense distinguir até catro tipos de frecuencias:

  • Frecuencia absoluta É a media dunha suma predeterminada e, ademais, consiste en saber quen é o número ou símbolo de equivalencia máis grande. (ni) dunha variable estatística Xi, é o número de veces que este valor aparece no estudo. Canto maior é a mostra, máis aumentará o valor da frecuencia absoluta; é dicir, a suma total de todas as frecuencias absolutas ten que dar o total da mostra estudada (N).
  • Frecuencia relativa (fi), é o cociente entre a frecuencia absoluta e a medida da mostra (N). É dicir,
sendo os fi para todo o conxunto de valores i. Preséntase nunha táboa ou nube de puntos nunha distribución de frecuencias.
Se multiplicamos a frecuencia relativa por 100 obtense a porcentaxe (pi)
  • Frecuencia absoluta acumulada (Ni), é o número de veces ni na mostra N.
  • Frecuencia relativa acumulada (Fi), é o cociente entre a frecuencia absoluta acumulada Ni respecto da mostra N

Outros tipos de frecuencia

A frecuencia angular ω defínese como a taxa de variación do movemento angular, θ, (durante a rotación), ou a taxa de variación da fase da forma de onda senoidal (por exemplo, oscilacións e ondas), ou como a taxa de alteración do argumento da función seno:

A frecuencia angular mídese normalmente en radiáns por segundo (rad/s), mais, para os sinais de tempo discreto, pode tamén expresarse como radiáns por tempo de mostraxe, que é unha cantidade adimensional.

A frecuencia espacial é análoga á frecuencia temporal, mais o eixe do tempo substitúese por un ou máis eixes do movemento espacial. Por exemplo:

onde o número de onda, k, ten como unidade no SI radiáns por metro (rad/m). No caso de máis dunha dimensión espacial, o número de onda é unha magnitude vectorial.

Metroloxía

Para medir a frecuencia úsanse frecuenciómetros de diferentes tipos, incluíndo: para medir a frecuencia dos polos - con electróns e condensador, para determinar as frecuencias dos compoñentes espectrais -, resonancia, contadores de frecuencia heterodina e analizadores de espectro. Para reproducir unha frecuencia determinada con precisión utilizando diferentes medidas (patróns de frecuencia de alta precisión), sintetizadores de frecuencia, xeradores de sinais, etc. Pódense comparar as medidas cun comparador de frecuencia ou utilizar un osciloscopio usando a curva de Lissajous.

Cálculos

O cálculo da frecuencia do acontecemento pode obterse contando o número de ocorrencias do acontecemento nun prazo determinado de tempo. O número resultante divídese pola lonxitude do intervalo de tempo correspondente. Por exemplo, se nun período de 15 segundo obtense unha medida homoxénea de 71 acontecementos, a frecuencia será:

Se o número de mostras é pequeno, unha técnica máis precisa é medir o intervalo de tempo para un número predeterminado de ocorrencias do acontecemento, e non contar o número de acontecementos dentro dun período predeterminado.[3]

Utilizando este último método introdúcese entre o cero e a primeira lectura aleatoria de erro medianas marco, e isto pode dar lugar a erros na frecuencia mediana calculada Δf = 1/(2 Tm), ou un erro relativo de Δf / f = 1/(2 f Tm), onde Tm é o intervalo de tempo, e f - a frecuencia de medición. O erro diminúe a medida que a frecuencia aumenta, de forma que o problema é máis significativo nas frecuencias baixas, onde o número de mostras 'N' é pequeno.

Uso de estroboscopios

O uso dun estroboscopio, dispositivo especial que xera escintileos brillantes de luz intermitente cunha temporización previamente calibrada, permite calcular a frecuencia de obxectos en vibración ou con movementos rotatorios. A fonte de luz diríxese ao obxecto en rotación, e auméntase ou diminúese gradualmente a frecuencia dos raios. Cando a frecuencia da luz estroboscópica se equipara coa frecuencia de rotación ou vibración do obxecto, é dicir cando un ciclo completo de oscilación con regreso á posición orixinal prodúcese no intervalo entre dous escintileos, a luz estroboscópica sobre o obxecto parece estacionaria. A partir de aquí, o valor obtido da frecuencia pódese ler coas diferentes lecturas. Este método, porén, ten un inconveniente: se a velocidade do obxecto (x) é igual á luz estroboscópica de frecuencia (e), pero a proporcionalidade é un número enteiro (2x, 3x, etc.), posto que o obxecto baixo estas situacións devolve unha iluminación que parece estática.

Uso de frecuenciómetros

As frecuencias altas mídense normalmente cun frecuenciómetro. É un dispositivo electrónico que avalía a frecuencia dun certo sinal repetitivo, e mostra o resultado en hertzs nunha pantalla dixital. Os procesos cíclicos que non son inherentemente eléctricos (por exemplo, a frecuencia de rotación ó redor dun eixe, vibracións mecánicas ou ondas de son) poden converterse previamente nun sinal eléctrico (mediante algún tipo de transdutor), e entón tratalo da forma normal. Na actualidade, estes dispositivos son capaces de alcanzar un rango de até 100 GHz (na práctica, esta cantidade supón un límite polos métodos directos de medición). As frecuencias máis altas mídense mediante técnicas indirectas.

Técnicas indirectas de medición

Ademais dos contadores de frecuencia habituais, a miúdo mídense indirectamente os sinais electromagnéticos mediante osciladores locais (é dicir, conversores de frecuencia). Se partimos dun sinal de referencia coñecido, e combinámolo cun mesturador de frecuencia non-lineal (por exemplo un díodo), obtemos un sinal heterodino, ou alternativamente obsérvase unha diferenza de frecuencia entre os dous sinais da fonte. Se esta diferenza é suficientemente pequena, o sinal resultante pode ser captado polo mesmo contador. En consecuencia, mediante este proceso pódese estimar a diferenza da frecuencia respecto do sinal coñecido e, por tanto, a frecuencia do sinal orixinal. Se se necesita chegar a frecuencias máis altas, pódense empregar sucesivas etapas de mesturado. Na actualidade, está a investigarse a aplicación deste método indirecto nos sinais na banda do infravermello e o espectro visible.

Exemplos

Banda espectral Frecuencia (Hz)
raios gamma > 30,0 EHz
raios X > 30,0 PHz
ultravioleta distante > 1,5 PHz
ultravioleta próximo > 789 THz
luz visible > 384 THz
infravermello próximo (NIR) > 120 THz
infravermello mediano (MIR) > 6,00 THz
infravermello distante ou submilimétrico (FIR) > 300 GHz
microondas > 1,0 GHz
radio frecuencia ultraalta (UHF) > 300 MHz
radio frecuencia moi alta (VHF) > 30 MHz
radio de onda curta > 1,7 MHz
radio de onda media > 650 kHz
radio de onda longa > 30 kHz
radio de frecuencia moi baixa (VLF) < 30 kHz

Radiación electromagnética

A radiación electromagnética propágase en forma de ondas transportando enerxía. Este tipo de radiación inclúe desde a luz visible ás ondas de radio, pasando polas microondas. A luz visible que percibimos cos nosos ollos é só unha pequena fracción do espectro electromagnético e está composta por un certo número de cores (violeta, azul, cian, verde, amarelo, laranxa, vermello) que corresponden a certos intervalos de frecuencias. Na táboa da dereita móstranse algunhas frecuencias do espectro electromagnético, e na de abaixo as frecuencias das diferentes cores da luz visible.

Cor Intervalo de frecuencia
violeta ~ 790 a 700 THz
azul ~ 700 a 600 THz
cian ~ 600 a 580 THz
verde ~ 580 a 530 THz
amarelo ~ 530 a 510 THz
laranxa ~ 510 a 480 THz
vermello ~ 480 a 405 THz

A radiación ultravioleta (habitualmente simbolizada como UV) que nos chega do Sol é un exemplo común de radiación que non é visible para os nosos ollos. A pesar de non ser visible aféctanos, e por iso utilizamos filtros especiais nos nosos lentes de sol e cremas para protexernos dos seus efectos.

Outra propiedade das ondas electromagnéticas é a lonxitude de onda. A lonxitude de onda é inversamente proporcional á frecuencia, de tal maneira que as ondas electromagnéticas de frecuencia máis alta teñen unha lonxitude de onda curta e viceversa. No baleiro, a lonxitude de onda descríbese como

onde c é a velocidade da luz. Nunha contorna no cal a velocidade da velocidade de fase sexa c diferente da velocidade no baleiro (c = c / n, e n o índice de refracción), a relación entre a lonxitude de onda e a frecuencia é:

Outra característica é o número de onda, que é igual ó número de veces que vibra unha onda nunha unidade de distancia: k = 1 / λ. A miúdo, este valor multiplícase polo factor 2π, por analoxía coa frecuencia circular habitual, ks = 2π / λ. No caso da onda electromagnética:

Son

O son é unha sucesión de cambios de presión nun medio (sólido, líquido ou gas), provocados por unha vibración que se transmite en forma de ondas sonoras, que son ondas mecánicas. Estas ondas caracterízanse tamén por unhas frecuencias que son captadas polo oído. No caso dos humanos as frecuencias audibles atópanse entre os 20 e os 20.000 hertzs (20 kHz), a pesar de que estes límites varían de maneira decrecente ó aumentar a idade, especialmente para as frecuencias altas.[4] Outras especies animais teñen outros intervalos de frecuencias audibles, os cans, por exemplo, poden percibir sons a frecuencias superiores ós 20 kHz.

Electricidade

World Map of Mains Voltages and Frequencies, Detailed
Tensión e frecuencia:      220-240 V/60 Hz      220-240 V/50 Hz      100-127 V/60 Hz      100-127 V/50 Hz

Unha das características que definen a corrente alterna é a súa frecuencia, en Europa, África, Australia, a maior parte de Asia e parte de América do Sur utilízanse alternadores que producen electricidade de 50 Hz. Mentres que en Norteamérica e a parte norte de Sudamérica utilizan unha frecuencia de 60 Hz. A frecuencia que xera o alternador depende do número de polos e do número de voltas por minuto.

Case tódolos aparellos eléctricos do fogar funcionan igual de ben en redes cunha frecuencia de 50 Hz e de 60 Hz, sempre que teñan a mesma voltaxe. A finais do século XIX e na primeira metade do século XX, antes da normalización, existían varias redes illadas con frecuencias que ían desde o 16 23 Hz até o 133 13 Hz.

Na rede a bordo das aeronaves, submarinos, etc. utilízase a frecuencia de 400 Hz. Esta maior frecuencia posibilita reducir o peso e o tamaño dos transformadores, aínda que aumenta a perda de transmisión a través de longas distancias.

Para determinar a frecuencia da corrente alterna producida por un xerador eléctrico, utilízase a seguinte ecuación:

,

onde F é a frecuencia (en Hz), P é o número de polos (sempre teñen que ser parellos), e Vg é a velocidade de xiro (en rpm).

Frecuencias especiais

Hai algúns intervalos de frecuencias que debido á súa utilización ou características reciben un nome especial:

  • Audiofrecuencia: Refírese ó rango de frecuencias das ondas sonnoras, de tipo mecánico, que son audibles polos humanos, este intervalo vai dos 20*Hz ós 20.000 Hz.
  • Alta frecuencia: O termo é amplamente utilizado no campo das telecomunicacións e refírese a frecuencias entre os 3 e os 30 MHz. Noutros campos as frecuencias poden diferir.
  • Frecuencias preferentes: Son un conxunto de intervalos de frecuencias normalizadas definidas na norma EN ISO 266 que se utilizan para medicións acústicos e nas disposicións legais.

Rangos de frecuencias

Moitos sistemas caracterízanse polo rango de frecuencia ó que responden. Varios poden darse varios exemplos, os instrumentos musicais que producen rangos de notas diferentes, o espectro que se divide en varios rangos, por exemplo o visible, os infravermellos, os raios X..., e as emisoras de radio, cada unha ocupa un rango de frecuencia determinado... O rango de frecuencia dun sistema é o rango onde se considera que se ofrece un nivel útil do sinal con características de distorsión aceptables. Unha listaxe dos límites superior e inferior dos límites de frecuencia para un sistema non é útil sen saber que representa o rango. Tamén se pode falar de anchura de banda cando se fai referencia ó rango de frecuencias dun sinal analóxico.

Notas

  1. Davies, A. (1997). Handbook of Condition Monitoring: Techniques and Methodology. Nova York: Springer. ISBN 978-0-412-61320-3.
  2. Gmurman, V. E. (2005). Teoriia veroiatnostei i matematicheskaia statistika Uchebnoe posobie dlia vuzov. (en ruso) (11a ed. ed.). Moscova: Vysshaia shkola. ISBN 5-06-004214-6.
  3. Bakshi, U.A; Bakshi, A.V. (2009). Electronic Measurement Systems (en inglés). Technical. pp. páx. 4–14. ISBN 9788184316032.
  4. Ás veces tómase a fronteira entre os sons audibles e os infrasón nos 16 Hz.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Giancoli, D.C. (1988). Physics for Scientists and Engineers (2nd ed.). Prentice Hall. ISBN 0-13-669201-X.

Outros artigos

Ligazóns externas

.am

.am é o Dominio de Nivel Superior xeográfico (ccTLD) para Armenia.

Está administrado pola Internet Society de Armenia (ISOC-AM).

Introducido en 1994, este dominio é frecuentemente utilizado por emisoras de radio que transmiten en frecuencia AM.

.fm

.fm é o dominio de nivel superior xeográfico para os Estados Federados de Micronesia, un grupo de illas localizadas no Océano Pacífico. Porén, o dominio é comunmente empregado por emisoras de radio na rede, xa que FM tamén é a abreviatura de Frecuencia Modulada.

Albedo

Albedo é unha medida da reflectividade difusa ou poder reflectante dun corpo ou dunha superficie. É a razón entre a radiación electromagnética reflectida e a cantidade incidente.

Esta fracción acostúmase a presentar como unha porcentaxe, entre 0% e 100%, e é un importante concepto da astronomía e mais da climatoloxía. A proporción depende da frecuencia da radiación considerada: se non se especifica, refírese a unha media ao longo do espectro da luz visible. Tamén depende do ángulo de incidencia da radiación.

En astronomía, o albedo dos satélites e asteroides pódese utilizar para inferir acerca da composición da superficie, especialmente sobre a cantidade de xeo. En astronomía ofrece un medio indirecto de pescudar a natureza dun astro mediante a comparación do seu albedo co de materias coñecidas: o máis alto corresponde ó do planeta Venus, o máis baixo a algúns asteroides carbonáceos e así como ós satélites marcianos Fobos e Deimos.

En física nuclear, o albedo é a capacidade, por parte dunha substancia, de reflectir neutróns. Mídese polo cociente entre o número de neutróns reflectidos e o número total de neutróns emitidos.

Astronomía

A astronomía, que significa etimoloxicamente "as regras das estrelas" ou astro-nomos, é a ciencia encargada de observar e explicar os corpos e os eventos fóra da Terra. Unha materia relacionada pero distinta é a cosmoloxía, que se encarga de estudar o universo como conxunto.

Despois de comprender que os elementos que forman os "obxectos celestes" son os mesmos que conforman a Terra, e que as leis da física aplícanse do mesmo xeito, naceu a astrofísica como unha aplicación da física ós fenómenos observados pola astronomía.

Os astrónomos necesitan unha gran preparación en física, e as observacións fanse sempre nun contexto astrofísico, estando ligados con frecuencia ambos os campos.

Barroco

O Barroco é un movemento cultural e artístico que tivo lugar principalmente durante o século XVII. O termo provén do francés baroque, de barocco, figura de siloxismo que os renacentistas aplicaban aos razoamentos absurdos, cruzado co portugués barroco, perla irregular ou, por extensión, xoia falsa.A cultura barroca nace dunha situación histórica concreta, que é a crise económica e social que as monarquías absolutistas e a Contrarreforma non puideron ocultar. Por esa razón, o home desa época refuxiouse nos avances da ciencia e na expresión artística e literaria. O Barroco caracterízase tanto polo esplendor artístico e cultural como pola decadencia social e económica.

O Barroco é unha reacción fronte ao manierismo, movemento elitista, complicado e intelectual e, en xeral, á orde estética renacentista, de beleza equilibrada e razoable. O Barroco non cifra o seu ideal na proporción bela, máis ben procura a realidade cotiá, con frecuencia tratada con extrema crueza. Á vez mostra gusto polo aparatoso e monumental, empregado como instrumento propagandístico tanto da monarquía como da Igrexa católica.

Capital

Unha capital é unha cidade que desempeña un papel relevante na condución da política dun país. Na maioría dos casos a capital é a cidade onde está a sede do goberno, habendo no entanto excepcións. Algúns dos factores que determinan que unha cidade sexa considerada capital inclúen:

A cidade é sede do goberno ou da residencia do xefe de Estado.

A cidade é a sede do poder xudicial.

A cidade é sede do parlamento.

Nunha monarquía é frecuente que a capital sexa o lugar onde o monarca ten a corte, sendo normal que acuda con relativa frecuencia.

A cidade é un importante centro de actividade para o país.

Existencia de leis que determinen a localización da capital.Un país (ou entidade política equivalente) pode ter máis que unha capital oficial ao mesmo tempo. Pode ser ou non a sede do goberno e pode mesmo mudarse periodicamente.

En Suráfrica, por exemplo, a capital administrativa é Pretoria, a capital lexislativa é a Cidade do Cabo e a capital xudicial é Bloemfontein. Esta é unha herdanza deixada polo compromiso acordado entre a maioría das diferentes provincias cando foi creada a Unión de Suráfrica en 1910. Fronte a isto, unha forte cidade economicamente é Xohanesburgo, e turisticamente Durban xunto a Cidade do Cabo.

En Chile, o congreso nacional mudouse para a cidade de Valparaíso, manténdose no entanto Santiago do Chile como capital. Nos Países Baixos, o goberno, xefe de Estado e supremo tribunal están situados na A Haia, mais a constitución determina que a capital oficial sexa Ámsterdan. Outro país con capitalidade múltiple é o Canadá, con Otava e Montreal.

Outras cidades poden ser consideradas capitais económicas ou culturais, pola súa enorme forza fronte á capital política, pero non ter recoñecemento oficial: é o caso do Río de Xaneiro ou São Paulo fronte a Brasilia ou Barcelona fronte a Madrid.

Cor

A cor é a impresión producida por un ton de luz nos órganos visuais, ou máis exactamente, é unha percepción visual que se xera no cerebro dos humanos e outros animais ao interpretar as sinais nerviosos que lle envían os fotorreceptores na retina do ollo, que á súa vez interpretan e distinguen as distintas lonxitudes de onda que captan da parte visible do espectro electromagnético.

Todo corpo iluminado absorbe unha parte das ondas electromagnéticas e reflicte as restantes. As ondas reflectidas son captadas polo ollo e interpretadas no cerebro como distintas cores segundo as lonxitudes de ondas correspondentes.

A cor é un aspecto físico da natureza. A cor dun material determínase pola lonxitude de onda dos raios luminosos que refliten as súas moléculas constituíntes. Un obxecto terá unha cor determinada se reflicte (non absorbe) exactamente os raios correspondentes á frecuencia daquela cor.

Así, un obxecto é vermello se absorbe todos os raios de luz, agás o vermello.

A cor relaciónase cos diferentes lonxitudes de onda do espectro electromagnético. Son percibidas a través dos órganos de visión na faixa da "zona visíbel" como unha sensación que nos permite diferenciar os obxectos do espazo con maior precisión.

Considerando as cores como luz, a cor branca resulta da superposición de todas as cores, en canto o negro é a ausencia de luz. A luz branca pódese descompor en todas as cores (o espectro) por medio dun prisma. Na natureza, esta descomposición orixina un arco da vella.

Deriva xenética

A deriva xenética ou deriva xénica é unha forza evolutiva que actúa xunto coa selección natural mudando as características das especies no tempo. É un efecto estocástico que emerxe do rol do mostraxe aleatorio na reprodución. Trátase dun cambio aleatorio na frecuencia de alelos dunha xeración a outra. Normalmente dáse unha perda dos alelos menos frecuentes e unha fixación (frecuencia próxima ao 100%) dos máis frecuentes, resultando unha diminución na diversidade xenotípica da poboación.

Como a selección, actúa sobre as poboacións, alterando a frecuencia dos alelos (frecuencia alélica) e a predominancia dos carácteres sobre os membros dunha poboación, e cambiando a diversidad xenética do grupo. Os efectos da deriva acentúanse en poboacións de tamaño pequeno (como pode ocorrer no efecto de pescozo de botella ou o efecto fundador), e resultan en cambios que non son necesariamente adaptativos.

A deriva xenetica tende a formar unha poboación homocigótica, é dicir tende a eliminar os xenotipos heterocigóticos. Ademais, xa que en cada poboación poden ser distintos os alelos que se perden e fíxanse, a deriva fai que dous ou máis poboacións da mesma especie tendan a diferenciarse xenéticamente.

El País

El País (autodefinido como «Diario independiente da mañá») é un xornal español de ámbito nacional, redactado integramente en castelán (agás algunhas páxinas illadas nas edicións autonómicas) e de pago. Cunha media de 457.675 exemplares diarios, é o periódico non deportivo de maior difusión de España, segundo a Oficina de Xustificación da Difusión. Ten sede social e redacción central en Madrid, aínda que conta con delegacións nas principais capitais de España (Barcelona, Sevilla, Valencia, Bilbao...) desde as que edita diferentes edicións territoriais. A última destas en inaugurarse, en novembro de 2006, foi precisamente a correspondente a Galicia.

Caracterízase por ser un xornal de tendencia europeísta, socialdemócrata no ideolóxico, e polo gran tratamento que dá, no informativo, ás novas de carácter internacional, de cultura e de economía, ademais da información sobre España. Conta con columnistas e colaboradores puntuales provenientes de diferentes ámbitos sociais, que avezan a reforzar a liña editorial progresista do diario. Entre os seus colaboradores habituais destaca o xornalista e escritor galego Manuel Rivas, que ademais publica con frecuencia no suplemento dominical de El País, EPS País Semanal.

No aspecto formal, El País caracterízase pola sobriedade expresiva, tanto no tratamento da información como no estético: páxinas a cinco columnas con predominio da orde e a clara distribución dos distintos subxéneros xornalísticos. A fotografía e a infografía cumpren un papel secundario de apoio á información escrita. Desde a súa fundación sempre mantivo o mesmo deseño e tipografía: la Times New Roman.

As imaxes son maioritariamente en branco e negro, coa da portada sempre en cor (só desde uns anos atrás), xunto con outras fotografías illadas do interior.

El País pertenece ó maior grupo mediático español, o Grupo PRISA, que é tamén propietario da Cadena SER (radio), Cinco Días (prensa económica), Santillana, Diario As (prensa deportiva), Los 40 Principales (radiofórmula), Sogecable;Cuatro e Digital+; e Localia (televisión).

Electrón-volt

Un electrón-volt ou electronvolt (símbolo: eV) é unha unidade de enerxía, equivalente á enerxía cinética que adquire un electrón simple non ligado, ao percorrer un campo electrostático cunha diferenza de potencial dun volt.

É unha unidade aceptada polo SI (Sistema Internacional de unidades), mais que non pertence a el. Debido a que o electrón-volt é unha unidade moi pequena, úsanse con frecuencia múltiplos como o Megaelectrón-volt (MeV) ou o Xigaelectrón-volt (GeV).

1 eV = 1.602 176 53 (14) × 10−19 J.

Espectro electromagnético

Espectro electromagnético é o intervalo completo da radiación electromagnética, que contén desde as ondas de radio, pasando polas microondas, o infravermello, a luz visible, os raios ultravioleta, os raios X, a radiación gamma, ata os raios cósmicos.

Falar de espectro referíndose a un fenómeno ondulatorio como o é a radiación electromagnética (EM), significa falar en termos de frecuencia de oscilación, longura de onda ou enerxía de fotón. Así o espectro electromagnético é un mapa, unha clasificación da radiación EM segundo estes parámetros.

Por outra banda o espectro EM pódese clasificar do mesmo xeito con calquera destes tres parámetros, que gardan unha relación de proporcionalidade entre eles. Deste xeito tense que,

onde é a frecuencia medida en Herzios (HZ), é a longura de onda medida en múltiplos e submúltiplos do metro, E é a enerxía medida en Joule (J) -aínda que se adoita ofrecer tamén, por simplicidade, en electrón-voltios (eV)-, e finalmente h é a constante de Planck.

Hertz

O hertz (símbolo Hz), tamén chamado hercio, é a unidade derivada do SI para frecuencia, a cal é expresada en termos de oscilacións por segundo (s−1, 1/s).

A unidade é nomeada en homenaxe ao físico alemán Heinrich Rudolf Hertz, que fixo algunhas importantes contribucións á ciencia no campo do electromagnetismo. O nome foi establecido pola Comisión Electrotécnica Internacional (IEC nas súas siglas inglesas) en 1930. Este foi adoptado pola Conferencia Xeral de Pesos e Medidas (CGPM, Conférence générale des poids et mesures) en 1960, substituíndo o nome anterior de ciclos por segundo (cps), así como os seus múltiplos relacionados, principalmente quilociclos por segundo (kc/s), megaciclos por segundo (Mc/s) e ocasionalmente quilomegaciclo por segundo (kMc/s) e xigaciclo por segundo (Gc/s).

Un hercio representa un ciclo por cada segundo, entendendo ciclo como a repetición dun suceso. Por exemplo, o hercio aplícase na física para a medición da cantidade de veces por un segundo que se repite unha onda (xa sexa sonora ou electromagnética), magnitude denominada frecuencia e que é, neste sentido, a inversa do período. Un hercio é a frecuencia dunha partícula puntual nun período dun segundo.

Por exemplo, a luz vermella ten unha frecuencia de preto de 4.6×1014 Hz. A enerxía eléctrica, en corrente alterna, chega ao consumidor (fogar, industria) coa frecuencia de 50 Hz ou 60 Hz, dependendo do país ou rexión.

Lonxitude de onda

Na física, lonxitude de onda é a distancia entre unidades repetidas dunha onda que se propaga cunha frecuencia determinada. Normalmente desígnase coa letra grega lambda (λ). Exemplos de fenómenos de tipo onda son a luz, ondas acuáticas e ondas sonoras.

Nunha onda, a propiedade varía coa posición. Por exemplo, a propiedade pode ser a presión do aire para unha onda de son, ou a magnitude do campo eléctrico ou magnético para a luz. As lonxitudes de onda audibles para os oídos humanos (20 Hz – 20 kHz) son aproximadamente 17 m e 17 mm respectivamente. As lonxitudes de onda de luz visible van dende o vermello escuro, sobre os 700 nm ata uns 400 nm do violeta. Para máis exemplos, ver espectro electromagnético.

Música

A música (do grego: μουσική [τέχνη] - mousikē [téchnē], "a arte das musas") é, segundo a definición tradicional do termo, a forma de arte consistente en combinar lóxica e sensibelmente os sons e silencios coa finalidade de crear unha determinada sensación ou emoción no oínte. De todos xeitos, desde hai varias décadas a definición do concepto de "música" volveuse máis complexa, debido a que destacados compositores realizaron experiencias que, se ben son musicais, traspasan os límites da definición desta arte.

A creación, a execución, a importancia e incluso a definición da música varían de acordo coa cultura e o contexto social. A música abarca desde composicións estritamente organizadas, ata a música baseada na improvisación. A música pode dividirse en xéneros e subxéneros, a pesar de que as liñas divisorias e as relacións entre os xéneros son a miúdo moi sutís, ás veces abertas á interpretación individual, e en ocasións polémicas.

A música, como toda manifestación artística, é un produto cultural. Porén, pode utilizarse con intención artística ou mesmo estética, para fins comunicativas, para entretemento, ou con propósitos cerimoniais ou relixiosos, ademais de ser utilizada por moitos compositores exclusivamente como instrumento para o estudo académico.

Saga (literatura)

As sagas (do islandés saga, plural sögur) son historias literarias que narran a historia antiga escandinava, as viaxes dos viquingos, a migración a Islandia e as loitas entre familias islandesas. Escribíronse na antiga lingua norueguesa entre fins do século XII e o XIV. Os textos son contos épicos en prosa, frecuentemente inclúen poemas. As historias son con frecuencia realistas con algúns elementos fantásticos, fóra das sagas lendarias, de bispos e algunhas traducidas do latín.

As sagas divídense segundo o seu contido entre sagas de reis (Konungasögur), sagas de islandeses (Íslendingasögur), sagas lendarias (Fornaldarsögur), sagas de cabalería (Riddarasögur) e sagas de bispos (Biskuparsögur)

Son

O son é a sensación producida no órgano do oído pola mudanza de presión atmosférica xerada polo movemento vibratorio dos corpos, transmitido por un medio elástico. Está producido por ondas de compresión do medio (lonxitudinais). A función do medio transmisor é fundamental, pois o son, como vibración mecánica, non se propaga no baleiro (onde non hai materia que se poida mover). O ar é para nós o medio transmisor natural do son. A velocidade de propagación do son no ar é de aproximadamente 340 m.s−1 a 15ºC de temperatura.

O son defínese como a compresión mecánica ou ondas lonxitudinais que se propagan nun medio (sólido, líquido ou gasoso). A grande maioría dos sons son combinacións de sinais, pero un son teoricamente puro pode ser descrito a través dunha determinada velocidade de oscilación (ou frecuencia) medida en Hertz (Hz) e amplitude (ou a súa relacionada enerxía) a través de medidas como o nivel de decibeis. O rango do son audible ao ouvido humano está aproximadamente entre 20 Hz e 20 kHz a amplitudes típicas con variacións longas en curvas de resposta. Enriba e abaixo deste rango están os ultrasóns e os infrasóns, respectivamente.

O ser humano e moitos animais perciben o son a través do sentido da audición polos oídos, pero os sons de baixa frecuencia tamén poden ser sentidos por outras partes do corpo. Os sons son utilizados de diversos modos, especialmente para comunicación a través da fala ou, por exemplo, música. A percepción do son tamén pode ser usada para adquirir información acerca do ambiente circundante en relación a propiedades como características espaciais e presenza doutros animais ou obxectos. Por exemplo, os morcegos usan un tipo de localización por eco en canto voan. Os navíos e os submarinos usan o sonar. Os seres humanos adquiren e usan a información espacial percibida nos sons.

A "cantidade" percibida de son (enerxía de onda de presión) defínese como intensidade sonora e mídese en sons. O ouvido humano é moi sensible ao son que se atopa no medio da escala de frecuencias audibles. A amplitude dunha onda sonora mídese en pascal e a intensidade dun son mídese en decibeis en relación á escala citada. A intensidade sonora mínima audible ó longo de todas as frecuencias audibles defínese como Limiar Absoluto de Audición (ATH).

Os estudios científicos do son atópanse xeralmente encadrados no campo da acústica. A percepción dos sons, i.e. audición, estúdase na psicoacústica, que tamén implica unha relación estreita entre a percepción e a psicoloxía. O modelo psicoacústico procura sistematizar os sons que poden ser ouvidos (deixando fora os que son inaudibles). Ademais, a clase de técnicas e métodos que envolven o procesamento do son chámanse xeralmente métodos de procesamento do audio-sinal.

O rango auditivo varía entre diferentes animais: os morcegos teñen un rango moito máis amplo que o normal, mentres as ras o teñen máis curto. A continuación lístanse frecuencias típicas (en hertzs):

Morcego: 100 - 100 000 Hz

Can: 10 - 35 000 Hz

Elefante: 1 - 20 000 Hz

Ra: 100 - 2 500 Hz

Home: 20 - 20 000 Hz

Subespecie

En bioloxía denomínase subespecie a cada un dos grupos nos que se dividen as especies, e que se compoñen de individuos que, ademais dos caracteres propios da mesma, teñen en común outros caracteres morfolóxicos polos cales aseméllanse entre si e distínguense dos das demais subespecies. Dende o punto de vista estritamente sistemático ou da taxonomía, é a categoría taxonómica comprendida entre a especie e a raza.

A subespecie é unha parte da especie formada por unha ou máis poboacións, pouco diferenciadas e cunha distribución xeográfica concreta. Esta definición inclúe as razas xeográficas de moitos autores ('Rassenkreis'). Con todo, non está moi clara a liña de separación entre os conceptos de raza e subespecie, pois ambos taxons manteñen as características propias da especie, é dicir, que parellas de individuos de distintas subespecies ou razas (pero da mesma especie) poden emparentar e producir descendencia viábel e fértil; e só acostuman diferenciarse en caracteres externos menores aínda que recoñecibles e regularmente presentes. O termo raza utilízase con máis frecuencia fóra do ámbito científico, polo que, en taxonomía, só se emprega (por costume) para a distinción morfolóxica nun número moi limitado de especies, esencialmente os seres humanos e os animais domésticos.

Verde

O verde é unha cor localizada aproximadamente na faixa de frecuencia 550 nm do espectro de cores visíbeis. É unha cor-luz primaria e unha cor-pigmento secundaria composta polo ciano e o amarelo.

O prefixo grego para verde é Chloro-, como por exemplo en clorofila.

Voz (música)

A voz é o son producido polo aparato fonador humano. A emisión consciente de sons producidos utilizando o aparato fonador é coñecida como canto. O canto ten un rol importante na arte da música, porque é o único instrumento musical capaz de integrar palabras na liña musical.

O son vocal prodúcese por unha acción física combinada: dunha banda a función combinada de mucosidade, cordas e músculos vocais e doutra, a resonancia ou non do son así emitido na boca e na cabeza.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.